luns, 22 de xuño de 2020

OS POMBAIS DE ARTEIXO

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores
todos din que teñen alma de muller;
pois eu que no as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?

  ROSALÍA DE CASTRO
 Follas Novas


     Un pombal (do latín palumbalem, derivado á súa vez de  palumbam) é unha construción para a cría de pombas. En xeral, é un raro complemento da vivenda rural, xa que por mor do seu custo e escaseza de rendibilidade, só aparece nas fincas pertencentes aos pazos, ás casas reitorais ou ás casas grandes de campesiños acomodados mais, na actualidade, a maior parte deles están en situación de abandono.

     Estas construcións tradicionais, que no pasado foron sinal de riqueza, poden adoptar diversos xeitos. Na meirande parte dos casos, é un corpo cilíndrico cun radio preto de dous metros e unha altura aproximadamente igual ao seu diámetro. A súa cuberta pode ser cónica ou chan, a xeito de ferradura, e inclinada a unha auga. Adoitan estar construídos con cachotería vista ou revocada (en moitos casos caleada), con varias entradas para as pombas, unha cornixa para que estas alcen o voo e unha porta de acceso para as persoas. No seu interior dispóñense os niños formando parte do paramento do muro de pedra.

     A día de hoxe, en Arteixo aínda podemos ver en pé o pombal do Pazo de Anzobre, o do Igrexario de Loureda, o do Penedo, que forma parte do Igrexario de Morás; o de Lago de Chamín; o da Ibia e do Piñeiro, ambos na parroquia de Monteagudo; o de Galán e o do Igrexario de Sorrizo. Nesta parroquia, no lugar de Gondreo, podemos ver outro pombal máis xa dunha construción moito máis recente.

     Por último, na Fraga de Suevos, unha das poucas zonas do concello que conserva vexetación autóctona: castiñeiros, loureiros, carballos... e na que é doado ver saltar aos esquíos, hai un pombal que pertenceu aos del Río, descendentes de D. Juan o impulsor da remodelación do Santuario de Pastoriza, e que actualmente é propiedade dun veciño de Meicende. O enorme pombal que existe dentro da finca danos unha idea da relevancia que tivo no seu momento este lugar.

     A decadencia deste enclave comeza no ano 1920 cun feito que aínda se mantén na memoria dos veciños máis vellos e no que se ve involucrado o matrimonio propietario da fraga: o chamado Crime de Suevos, que acabou coa morte no lugar de Rega, en Pastoriza, de Carmen Rita Fernández, esposa de Bernardo del Río, a mans deste e do seu criado Manuel Folgar, un crime que conmocionou á bisbarra e deixou orfos de nai aos seus dous fillos: unha nena de catro anos e un neno de tres, últimos descendentes coñecidos desta familia.

     O crime solventouse cunha condea de case quince anos para o señor e criado do que só cumpliron a metade.


                                          Pombal do Piñeiro (Monteagudo)

                                                    Pombal da Ibia (Monteagudo)

                                                    Pombal de Lago (Chamín)

                                                    Pombal do Igrexario (Sorrizo)

                                          Pombal de Gondreo (Sorrizo)

                                                    Pombal do Penedo (Morás)

                                                    Pombal de Galán (Oseiro)

                                          Pombal da Fraga do Pazo (Suevos)


FONTES:
- Seminario Permanente de Formación do Profesorado CEP Galán de Oseiro e CEIP Ponte dos Brozos.
-Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario