martes, 20 de xuño de 2017

OS "GOLPES DE MAR" DE ANTÓN CASTRO

     Hai case corenta anos que o mar chegou a Aragón. Fíxoo da man de Antón Castro, un rapaz de Arteixo que en 1978 viaxa a Zaragoza fuxindo da mili porque escoitara que alí había un grupo de obxectores de conciencia. Aquel mozo, ao que súa nai chamaba "Planetas" porque fabulaba a todas horas, empezaría a traballar na vendimia en Cariñena (Zaragoza) e, posteriormente, nun bingo da capital maña, cidade na que o noso protagonista coñecería ao amor da súa vida: Carmen Gascón. 

     Ao par que a parella ía incrementando xenerosamente a natalidade aragonesa con cinco fillos, tres cativos e dúas cativas que, andando no tempo, convertiríanos en avós de tres netos (e outro en camiño), Antón, movido pola curiosidade infinita acadaría de contado un doutoramento en algo que hoxe xa case non existe: escoitar. Xenerosidade, memoria e sempre atento a toda manifestación cultural, o escritor arteixán (Lañas, 1959) non tardaría en converterse en xornalista e nun narrador único, portentoso... empezando a darlle forma a algunhas anotacións que se agochaban na súa prodixiosa imaxinación, algunhas delas escritas no papel de estreza que envolvía os cartóns do bingo no que traballara ao pouco de chegar a Zaragoza.


   Tras escribir varias obras relacionadas coa súa terra de adopción, daría paso a outras nas que Arteixo sería a súa fonte de inspiración vertebrando o municipio como ninguén o fixera antes: Armentón, Anzobre, Barrañán, Lañas… Baladouro. Foi aí cando descubrimos a personaxes da súa infancia como María da Nacha, que presumía de ter visto o demo e seica se alimentaba de sangue de polo e bebía auga de salamántigas e ortigas; a dun tío seu, que estaba recluído no manicomio e que cando lle concedían permisos temporais pasaba algunhas tempadas na súa casa e durmía onda Antón deitado sobre un xergón; ou a dun afiador ourensán que nada máis chegar á vila reunía aos nenos e nenas e relatáballes ata o máis mínimo detalle de todos os crimes habidos e por haber en Galiza. Tamén soubemos dos partidos do Peñarol de Lañas; dos combates de boxeo que vía pola televisión xunto ao seu pai, un home que puxera fóra de combate en Melilla ao mítico Max Azagra, varias veces campión de España dos pesados; ou das lembranzas mariñas vividas en Valcovo, Barrañán ou Combouzas, onde se ten bañado ducias de veces entre golfiños. 

     A salitre oceánica chegaba, deste xeito, ás terras aragonesas con traballos como A lenda da cidade asolagada (Xerais, 1995); Vida e morte das baleas (Espiral Maior, 1997), publicacións nas que recrea o mundo máxico do seu lugar de nacemento; ou El álbum del solitario (Destino, 1999), libro de topografía sentimental na que aparecen moitos amigos enmascarados dun Antón que nos relata a historia dun adolescente que vive en Lañas e que posteriormente se traslada á vila arteixá. Mais co libro que definitivamente o autor arteixán levou o mar a Aragón foi con Golpes de mar

Con Antón Castro no verán do 2015
    O primeiro borrador deste volume remóntase a 1986, hai agora pouco máis de 30 anos. Estaba redactado en galego, a man e sobre o papel de estraza de envolver os cartóns do bingo no que Antón traballaba naquela altura. Algúns dos contos daquel borrador viron por primeira vez a luz no libro Vida e morte das baleas que editara Espiral Maior en 1997. Posteriormente, no 2006, xa baixo o título de Golpes de mar, a editorial Destino xuntaría sete daqueles contos xunto con outros nove nunha edición que se esgotaría rapidamente e que nunca sería reeditada ata que agora, unha década despois, Ediciones del Viento volve a fletar de novo estos contos aos que o noso escritor suma catro textos novos dos que, para a miña fortuna, nun acto de verdadeira xenerosidade, Antón agasalloume coa dedicatoria nun deles, o titulado El piano del naufragio.
     Así pois, algo terá este mundo de palabras cando trinta anos e cinco edicións despois, os Golpes de mar volven a revivir! Ide correndo a comprar o libro! Agradecerédesmo toda a vida!


    

xoves, 15 de xuño de 2017

O "CORPUS" DE MONTEAGUDO E ALGUNHAS LENDAS DA PARROQUIA

Hoxe, xoves 15 de xuño, é o día do Corpus e, por iso, ímoslle facer unha pequena homenaxe á parroquia de San Tomé de Monteagudo, parroquia que se consultamos o  "Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal" que o historiador e político afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya publicou no ano 1829, aparece sobre ela a seguinte información: 

Monteagudo (San Tomé de). En lugar del art. inserto en el Diccionario, léase con más confianza el siguiente que nos ha remitido el señor don Hilarion Pazos. Es de la prov. de la Coruña, juridsd. de Herboedo, arz. de Santiago, arcip. de Faro: J.O., 121 vec., 522 hab.; I parr. y I capilla. Se compone esta felig. de las ald. de Freon, Casaldegas, Cachada, en donde hay una venta; Ivia de arriba, Ivia de abajo, Rocha, donde hay otra venta, Barreiros, Batan, Piñeiro, Ramilo, Casa-Nova, Gomesende, Corteo, Filgueira, Miron, Teijoeira, Esquipa, en donde hay otra venta; Freijal, Beiga é Iglesario antiguamente Mosteiro. Esta parr. tiene una figura irregular, sit. sobre unos montes y en medio un cerro bastante elevado que es del que regularmente tomó su denominación. Conf. por N.  y parte de N.E. con la parr. de Santa Eulalia de Chamín y por el resto de este rumbo con la de San Pedro de Armen ton; por E.  con la de Santa María de Leston, por S. con la de Santa María de Toras, por S.O. y mayor parte del O. con las de San Julian de Lendo y Santa María de Noicela; y por N.O. con las de Cayon  y San Pedro de Sorrizo. Tiene de estension 1/2 leg. de N. a S., y poco mas de E. a O. En ella hay 1,200 ferrados de tierra labradía y lo menos 4,000 de montes. La bañan 2 riachuelos denominados Entrambas-Aguas y Das Vias. En el centro de la parr. se hallan los montes de Freijal, Beiga, Monteagudo, Sande y el de la Estrella, y á la parte E. los del Corazon, Pozo Fabian y Piedra Parromeyra. Esta parr. y su unida Santa Eulalia de Chamin, constituyen una vicaría que provee la Real colegiata de la ciudad de la Coruña. La de San Tomé de Monteagudo fué antiguamente monasterio de Benedictinos, que despues pasó á dicha colegiata en virtud de permuta que los monges hicieron antes del concordato con los canónigos dando estos a aquellos el prorato de Cambre anejo al Real monasterio de San Martin de Santiago, y aun el L. del Iglesario conserva el nombre de Mosteiro que en lengua provincial equivale á Monasterio. Los diezmos los lleva el cabildo de la Real colegiata de la Coruña. La capilla con la advocacion de la vírgen de la Estrella, está sit. en la cumbre de una altura que domina toda la parr. Prod su térm. 750 fan. de trigo; 1,395 de maiz; 100 de habas; 7 1/2 de avena; 200 quintales de patatas y 10,000 libras de lino. Ind. 10 molinos de agua y 7 telares para lino. Dist. 2 leg. de la Coruña, 5 de Betanzos, 7 1/2 de Santiago, 3 de Malpica y 1 de Cayon. Contr. 1080 rs. por encab.; 1,402 por utensilios: 780 por camino; 105 por comercio y 38 por octavilla. Esta parr. y las 5 restantes que forman el partido, reparten entre sí 365 rs. para diputado general y 260 para procurador de provincia.

    Esos montes ... "de Freijal, Beiga, Monteagudo, Sande y el de la Estrella, y á la parte E. los del Corazon, Pozo Fabian y Piedra Parromeyra", dos que fai alusión no seu diccionario Sebastián de Miñano y Bedoya, montes coñecidos hoxe como dos Carballos, dos Calvos, O Picoto da Veiga, o Picoto de Monteagudo, o monte da Estrela ou o monte da Ibia, serían xerme de numerosas lendas e contos populares que aínda hoxe, despois de tanto tempo, circulan pola parroquia. Disques e seicas de veciños que darían lugar a historias de cabaleiros e de meigas que tamén constituen parte da riqueza desta parroquia.

     Unha destas lendas, coñecida pola "pedra da vella", dinos que hai moitos, moitos anos do Noso Señor, en Monteagudo vivía unha vella meiga á que os veciños da parroquia, cando souberon das súas meiguerías, decidiron botala fora das súas terras. Acovardada por este feito a meiga acabaría refuxiándose no monte, onde seguiría levando a cabo os seus meigallos. Foi entón cando a veciñanza de Monteagudo decidiría queimar o monte e a vella, ao verse atrapada polo lume, convertiría todo en pedra. Na actualidade, se es dos que vai ao monte e o examinas cuidadosamente, aínda podes ver a aquela meiga convertida en pedra, mentres intentaba librarse do lume...ou iso din, claro!

  Outra das lendas desta parroquia, fálanos dunha fermosa moza de longos cabelos louros que pasaba moito tempo na soidade dos montes de Monteagudo. Un día volveu á casa cun engaiolante colar pendurado do seu pescozo, feito que encheu de carraxe á súa nai, que lle preguntou quen lle dera aquela xoia. A rapaza contestoulle que lla dera un cabaleiro que pronto a levaría con el.  Diante disto, a nai prohibiríalle á rapaza saír da casa mais,  pese as advertencias da súa proxenitora, a moza voltaría ao monte e desde entón non se soubo máis nada da fermosa loura. O único que se atopou foi o colar pendurado dunha árbore que seica representaba a alma daquela rapaza das penas do demo...ou iso din tamén, claro!
 
    Fora xa de lendas e adentrándonos xa na vida real, como vos dicía ao inicio desta crónica, hoxe é o día do Corpus Christi (en latín Corpo de Cristo), unha festa da igrexa católica destinada a celebrar a Eucaristía. A súa principal finalidade non é outra que a de proclamar e aumentar a fe da igrexa na presenza de Cristo no Santísimo Sacramento. A súa celebración lévase a cabo o seguinte xoves ao oitavo domingo despois do Domingo de Resurrección, é dicir, 60 días despois dese día que, formalmente, é o xoves que segue ao noveno domingo seguinte á primeira lúa chea de primavera do hemisferio norte.

     En moitos puntos do planeta o Corpus é unha festa de especial relevancia, sendo día festivo oficial en certas partes de España, Alemaña e Suíza e tamén en países como Portugal, Austria, Croacia, Polonia, Brasil, República Dominicana, Bolivia, Perú ou Venezuela. Nalgúns lugares a festa trasládase, ou ben ao domingo seguinte, ou ben ao anterior, para adaptarse ao calendario laboral.

     As festas do Corpus de Monteagudo eran das de máis sona da nosa bisbarra, festas que lembramos con estas fotografías antigas cedidas por Amparo Baldomir, veciña da parroquia nada en Corteo en 1932, e coas lembranzas de Carmen Pereiro, nada en Monteagudo hai 76 anos:

"Ata os anos 50, máis ou menos, os labradores eran os que se encargaban da festa (música, pólvora...), o que se chamaba a función. Os caseiros e demais xente que non tiña cartos non colaboraban nos gastos. Cada ano ocupábase un labrador distinto. 

O baile non era sempre no mesmo sitio; quen organizaba a festa deixaba o local. Por exemplo: os de Barbeito da Ibia fixérono na eira da súa casa. Bailaban á saída da misa e pola noite. 

Á hora da misa, o labrador da función levaba unha cesta (que ía moi ben adornada) con comida (queixo, rosca e viño) para que comesen os curas e tamén un ramo de flores secas que levaban canda a procesión. Ás veces, este ramo era prestado duns funcionistas a outros.

A última das festas organizadas por labradores foi na Cachada; aquel ano actuou a orquestra Mallo e unha cantante moi famosa, a Martela. A partir de aí, foi a confraría a que se encargaba da festa; ían pedir polas portas e co que se recadaba organizábase" 

As festas do Corpus de Monteagudo dos nosos días, pouco ou nada teñen que ver coas das imaxes que nos cediu a señora Amparo, nin tampouco coas que se facían nos tempos dos que nos falou a señora Carmen mais, con todo, hoxe é un dos días grandes de parroquia e iso sempre é de celebrar...a ser posible, no Salón de Monteagudo!
















FONTES:

-de Miñano y Bedoya, Sebastián. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. Madrid, 1829
-Rozamontes Vázquez, María. Arteixo de onte a hoxe (Volume II). Concello de Arteixo, 2003.