Hoxe vou a falarvos dunha balea que varou en Barrañán en 1957 e da que o
 veciño de Sorrizo, Anselmo Pardo, garda no seu domicilio un óso de máis
 de dous metros..."a balea penso que debía ter máis de vinte metros 
de lonxitude e varara xa medio apodrecida, nas Pedras do Esteiro. Eu 
daquela vivía en Chamín coa miña nai e meus irmáns, aínda era solteiro e
 xa estaba libre de quintas. Lembro que durante dous días uns operarios 
despezaron a carne, e que despois a transportaron en camións ata un 
curtidoiro, que seica había en Sofán. Durante eses días, por Barrañán, 
Chamín e Santaia ninguén paraba co cheirume. Era unha cousa nauseabunda.
 Mais aínda así, achegárase moita xente ata o areal para ver a balea. Algúns veciños,
 ao irse desfacendo pola parte da cauda, apañaron ósos das vértebras, 
para utilizalos como asentos. Eu apañei un, da parte dianteira, duns 
tres metros que aínda tiña algunha carne. Cando cheguei con el á casa, 
miña nai case me bota dela por causa do cheiro", lembrábame Anselmo nunha conversa mantida con el, en abril de 2012 cando estaba preparando o libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios.
|  | 
| El Ideal Gallego, 19.11.1957 | 
        No sábado 16 de novembro de 1957, cando todo o mundo falaba da morte da
 cadela "Laika", pola falta de osíxeno na súa viaxe espacial a bordo do 
"Sputnik", El Ideal Gallego recollía nas sús páxinas, a información da 
balea varada en Barrañán e advertía que tiña espetados dous arpóns, que 
foran lanzados por un barco estranxeiro. Mesmo na semana antes, no 
domingo 10, o xornal coruñés daba información da mesma balea, publicando
 na súa páxina dedicada ao porto, a seguinte información:
AVISO A NAVEGANTES
A
 250 grados del Cabo Prior y a seis millas, se encuentran restos de 
ballena. Se comunica por si algún pesquero los quiere recoger.
     El Ideal Gallego tamén informaba no sábado, día 16,  que ... " para evitar su total descomposición, será quemada con gasolina",
 mais o persoal da Comandancia e algúns veciños, que axudaron levando 
leña ata a praia, non foron quen de queimala. Segundo Anselmo Pardo, "houbo persoas que pagaron por enterrala, pois o cheiro seguía sendo insoportable". Pardo, cunha retranca fóra do común, faloume da utilidade que lle dera ao óso que extraera da balea: "cando
 cheguei con el á casa e despois de que miña nai me quixese botar dela 
polo cheiro, eu díxenlle que o óso había de ser a miña herdanza, e que 
para onde eu fose, había de ir comigo. Cando me fun da casa, ao casar en
 Sorrizo, díxome que non me esquecese de levar a miña herdanza. Mais 
antes disto, diante da casa da miña nai fixéramos un alpendre, e 
utilizáramos este óso como pilar para termar dunha viga. Ao meu irmán e a
 min, non me digas o por qué, mais ocorreunos plantar unha verza dentro 
del...e Meu Deus!, como medraba!. Anos máis tarde, co alargamento da 
estrada de Caión, tivemos que retirar o alpendre e xa foi cando trouxen o
 óso para Sorrizo, cando casei, polo que hai máis de cincuenta anos que o
 teño".
|  | 
| Anselmo Pardo co óso da balea varada en Barrañán | 
      O feito de que esta balea varase neste lugar, tan preto das vilas de 
Caión e Malpica de Bergantiños, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de 
cetáceos durante séculos, semellaba un feito simbólico, como se se 
quixesen lembrar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas 
dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en Europa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario