MUÍÑOS


     O muiño hidráulico foi, durante séculos, a máquina máis perfecta e cotizada no rural galego pola súa funcionalidade, rendibilidade e economía, creando no seu entorno unhas costumes e un folclore que serían transmitidos de pais a fillos xeración tras xeración.

     Independentemente da súa función principal, o edificio constituía un lugar de relacións veciñais, unha especie de centro social en torno ao cal se despregaban diversións xuvenís, amoríos... e donde tamén, mentres se agardaba pola quenda para moer, se repasaban os contos da aldea, novas, cancións e bailes, feito que daría pé ao nacemento da muiñeira:

"Na porta do meu muíño
hai dúas pedras de asento.
Unha é de namorar
e outra de pasar o tempo.
Na porta do meu muíño
hai un carballo tirado,
onde se sentan as mozas
á matalo condenado".

     No cantigueiro do pobo, e nas composicións dos poetas, o muiño aparece tamén con outra función moi distinta da de moer para o pan dos ricos e para o dos pobres. Unha ten ligazón coa "constante" galega da conversa. O ir e o vir técense diálogos; na muiñada se canta e se conta. Coas enchoidas, as esfollas, os fiadoiros, as escasulas, as vendimas...as noites de muíño mantiveron viva e anovada a nosa poesía popular na que o rol erótico, a sorna e a retranca estaban sempre moi presentes, moi especialmente coa filla e a muller do muiñeiro, cos curas e co oficio:

"Esta noite no muiño
ha de haber o que ha de haber:
as telliñas do tellado
han de ir ó río beber".

"Unha noite fun ó muiño
sin ter millo que moer;
enredeime coas rapazas
por non saber que facer"

"Onte a tarde fun ó muiño
e non topei a muiñeira;
¿A quen lle darei as peras
que traio na faltriqueira?"

"A filla da muiñeira
rabea por se casar,
rabea por ter amores,
rabea por peneirar"

"O cura e mais a criada
ordenaron de cocer,
tiñan a leña no monte
i a fariña por moer"

"O crego vendeu a burra
por non lle dar a cebada,
agora vais ós enterros
a cabalo da criada"

"Non quero ser muiñeiro
nin barrer o tremillado,
porqué aló no outro mundo
piden conta do roubado"

     O sistema de propiedade dos muíños era complexo. Aínda que algúns tiñan uso privado, a maioría eran veciñais ou comunais. O seu reparto era por "pezas", días, noites ou un determinado número de horas que obedecía a un caledario fixado de antemán.

     Pola información do Catastro do Marqués da Ensenada recollida entre os meses de febreiro e outubro de 1752, sabemos que náquela época no Concello de Arteixo había inventariados 89 muiños. Algúns deles aínda se poden ver polos nosos ríos e regatos mais eso sí, case todos cubertos de silvas e hedras tras deixar de utilizarse nos anos 70 do século pasado. A día de hoxe aínda podemos ver en funcionamento o de Sisalde, en Barrañán, restaurado nos últimos tempos nun proxecto englobado no plano 2000 de arquitectura popular da deputación da Coruña para ser aproveitado como aula de educación ambiental.

                                          Elementos que forman o muiño




MUÍÑOS DA PARROQUIA DE SANTIAGO DE ARTEIXO

     O Catastro da Ensenada de 1752 foi un pormenorizado rexistro de habitantes, propiedades, edificios, gandería, oficios e outra serie de bens que ordeou realizar o rei Fernando IV nos quince mil lugares da Coroa de Castela co obxetivo de establecer un único imposto, un cobro que non se levou a cabo por mor do forte rexeitamento da nobreza.
 
     O inventario deste Catastro realizado na parroquia de Santiago de Arteixo recolle un total de dez muíños: un deles estaba no Rañal, que era propiedade dun tal Juan de Orxeira (veciño de Herves, Carral). En Caldas había dous, e pertencían a Joseph Sánchez de Taibo. Os sete restantes estaban no lugar de Candame, cinco dos cales eran de Manuel García, Antonio Torreiro, Euxenio de Boedo, Jacobo López Muñiz e Francisco Rodriguez de Ulloa. Os outros dous eran propiedade dos herculinos convento de Santo Domingo e á fábrica de Santa María do Campo.

     Dous séculos despois, os muíños do Rañal, de Caldas, do Pedregal, o de Laxobre e, o do Carmelito, eran os únicos nos que se podía moer na parroquia...mais pouco a pouco, aproximadamente pola década dos setenta, irían pechando as súas portas e hoxe xa só quedan deles os contos que os nosos maiores gardan na súa memoria, contos como os dos muíños do Rañal ou do Pedregal que a continuación comparto con vós.

     As instalacións do Rañal (na actualidade aínda se pode ver algo deste edificio) albergaban no seu interior dous muíños. Un deles era propiedade da coñecida como casa dos de Bastón e o outro da casa da Leiteira, familias que tiveron o privilexio de ter luz nas súas vivendas catro anos antes de que esta chegase ao resto da aldea do Rañal, no ano 1958, grazas a un xenerador instalado no muíño que lles permitía ter corrente eléctrica. Estas instalacións abrirían un abanico de posibilidades na aldea. De feito, un dos antigos propietarios dun dos muíños, o coñecido como o Tío Antón da Leiteira, foi a primeira persoa do Rañal en ter radio.
                                         Muíños do Rañal na actualidade

     Republicano, poñía a todo volume Radio Pirenaica, unha emisora creada a instancias de Dolores Ibárruri, La Pasionaria, que principiou a emitir no ano 1941 desde Moscú como unha vía de información do Partido Comunista. Pese á represión da época, o Tío Antón nunca tería problemas pola súa ideoloxía, seguramente, grazas a súa amizade co secretario municipal.

     Trinta anos antes de que as familias dos de Bastón e dos da Leiteira tiveran electricidade nas súas vivendas do Rañal, nos muíños do Pedregal dábase o primeiro paso para a electrificación da vila de Arteixo, electrificación que non se completaría ata os anos 50. Este histórico feito recollíao o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 22 de xullo de 1925 onde, con motivo das festas patronais da vila, informaba que
aparte de otros números nuevos y atrayentes, habrá una novedad de las más gratas para el pueblo: la colocación de la primera piedra para la instalación de la fábrica de elctricidad, que tan necesaria es aquí, y que se instala a base del salto de agua de los molinos del Pedregal.
                                           Antigos muíños do Pedregal

     Na actualidade, seguindo co tema da electricidade, vivimos a carón de múltiples liñas de alta tensión que saen desa empresa que ten unha enorme cheminea e que di que ten apelido galego, que está instalada en Sabón, moi perto onde outro muíño, neste caso eólico, xenera parte da enerxía que necesita Inditex para fabricar as prendas que logo reparte por todo o planeta. Pois a uns poucos metros deste lugares, no remate do paseo fluvial, segue estando o edificio dos muíños do Rañal...eso sí, pedindo a berros unha profunda rehabilitación das instalacións e do seu entorno e, sendo testemuño dos continuos verquidos ao río Bolaños.

FONTES:
-Modesto García Quintáns
-Departamento Normalización Lingüística do Concello de Arteixo
-Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia
-"El molino que iluminó O Rañal"; Viviana Burón (La Opinión)



MUIÑO DO CANCELO (PARROQUIA DE LOUREDA):



Ningún comentario:

Publicar un comentario