CONTOS, LENDAS, MITOS, FESTAS E TRADICIÓNS


A GALIÑA DOS PITOS DE OURO E O ENCANTO DE LAÑAS


     A seguinte lenda aparece recollida no libro Lendas Galegas de Tradición Oral, da autoría de X.M. González Reboredo, editado por Galaxia en 1995:



     Unha das lendas máis correntes na Galiza é esta de "a galiña dos pitos de ouro". En moitas aldeas onde hai un castro, sá ou croa, pódese oír, con pequenas variantes. Mais eu vouna referir como ma contou unha muller que viu o encanto polos seus propios ollos, segundo me dixo.


     Na croa (enténdase castro) de Lañas (Arteixo, na Coruña), hai unha morea de penedos entre os que mora dende hai moitísimos anos, tantos que ninguén recorda de que tempos vén, unha galiña que sae ás veces na madrugada coa súa rolada de pitos. Estes pitos son de ouro; pero endexamais ninguén puido pillar un, nin por máis esculcas que se teñen feito se logrou ver onde aniñaban


     Como pode imaxinarse, esta galiña dos pitos de ouro é un encanto. Poida que sexa a mesma doncela que antes de alborexar o sol nas mañás bretemosas da primavera sae a peitear os seus cabelos loiros cun peite de ouro.


                                                    Ilustración: Cheíño 


     Mais tampouco ninguén puido saber nunca onde se ela agachaba cando alguén tenta de se achegar a ela.


     Pero outro encanto máis, se non é diferente forma do mesmo encanto, hai na croa de Lañas. O mouro, o xigante, que é o que garda os tesouros (que poida que sexa tamén o que ten encantada a doncela ou fada e mais a galiña dos pitos de ouro, se é que as dúas non son a mesma cousa).

     A muller que me falou disto e me contou como ela vira o encanto díxome que, cando era nena -uns doce anos tería daquela-, andaban ela e mais a irmá máis nova no monte da Agra co gando. Era pola mañá, entre once e doce. Sentara a carón dun piñeiro e, de súpeto, viu aparecer pola banda do monte da croa (o castro de Lañas) un cabalo grande coma un hórreo. O cabalo era castaño claro, case dourado, moi lindo; e montado nel, un home, altísimo e rexo tamén. Ao ver aquilo, gañou medo, ergueuse e fuxiu. A outra nena tamén fuxiu atrás dela.


     Chegaron á casa e contoulle á nai como vira aquel home tan grande no seu cabalo.

     -Ai, filla, que ese era o encanto. ¿Que fixeches?- demandoulle a nai.
     -Gañei medo ao ver aquel cabalo e mais aquel home tan grandes, e fuxín.
     -Pois perdiches unha grande riqueza e xa endexamais volverás ter outra ocasión coma ela; mais, por se che cadrar, vouche dicir o que debías ter feito: se tirase o pano da cabeza e collido por un dos bicos o estendese no aire por diante do home, ou por riba do cabalo, e dixese: "Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza", aquel cabalo viraba de ouro e todo era para ti...


     Mais eu non sabía aquilo, e o encanto foise cara ao castro de Elviña. E non o vin máis na miña vida.



(Versión de L. CARRÉ ALVARELLOS: As lendas tradizonaes galegas. Museu de Etnografía e Historia. Porto. S.A. Páxs. 17-18).




ORIXE DAS FESTAS NA HONRA DO ESPÍRITU SANTO EN UXES


     As testemuñas históricas existentes na parroquia de Morás só fan referencia á capela de Uxes no referente ao lugar onde se atopa, as súas dimensións e a data da súa construcción: século XIX. Dende entón ata agora, tanto o seu pasado coma a orixe das festas na honra do Espíritu Santo só sobreviven nas faladurías e nas lembranzas da xente, nas verbas que transmitiron os avós aos seus netos e netas de Uxes e dos arredores, netos e netas que hoxe teñen máis de setenta primaveras.


     As lembranzas comezan cando a cantidade de automóbiles aínda non xustificaba o asfalto das estradas, e os pobos estaban cheos de corredoiras polas que pasaban as vacas. Nun deses lugares, no chamado "camiño das montañesas", nunha zona entre Orro e a Zapateira -en dirección a Meirama- existiu unha capela dedicada ao Espíritu Santo, da que só se atopan unhas pedras hoxe en día.


     A imaxe desa capela levaríase a Uxes, onde ata ese intre San Bartolomé era o santo do lugar. Ocorrera que a imaxe do dito santo levárona ou roubárona e, no seu lugar, foi posta a do Espíritu Santo. Sobre da viaxe ata Uxes di unha lenda que, cando pararon para repousar nunha fonte, a súa auga fíxolles coller azos para proseguir. Esa fonte foi bautizada como a do Espíritu Santo.


                                          Capela de Uxes


     Case dende os primeiros anos comezou a facerse unha romaría na Pascua de Pentecostés, celebración que duraba todo o día do luns e na que as mañáns dedicábanse á misa, as tardes á comida e á merenda e, ás noites á festa. A xente viña de sitios coma Meirama, Cerceda, Boedo, A Coruña e, por suposto, do Concello de Arteixo. Entón o normal era andar, mais coa chegada do tren aumentaría o número de persoas que se achegaban a Uxes a cantar e bailar, e algúns din que a buscar pelexa; parecer ser que polas noites había algunhas liortas.


     Nos anos 30 e 40 a romaría seguiu coa súa boa marcha, pero na década dos 60 baixaría o número de afluencia. As datas da festa trocáronse para a fin de semana e a romaría comezou a morrer como tal, manténdose a verbena e, por suposto, a misa de honra. Din que a culpa foi do cura da parroquia das Encrobas, en Meirama, porque alí tamén puxeron unha imaxe do Santo e quedaba máis preto para moita xente.


     Diversas comisións seguiron coas festas e, posteriormente, a Asociación de Veciños sería a encargada de organizalas. Aló, no tempo, ficaron os vellos costumes coma ficaron as grandes extensións de campos (algúns deles, como o que aparece do artigo da Voz de novembro de 1925, propiedade da familia Rivera, os donos da Estrella Galicia). Pero aínda queda xente para lembrarnos como eran as cousas, ou as dúas imaxes que se conservan na capela: a máis nova, mercada no seu momento, e a orixinal, con Xesús sostendo na man esquerda unha cruz e coa man dereita alzada, coa pomba que simboliza ao Espiritu Santo enriba da súa cabeza...o recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva.


                                                     La Voz, 20.11.1925




 (relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Santiago Sande Mañana)




A FESTA DOS MAIOS


"Este mes de maio
é o das flores,
cando os paxariños
ven aos seus amores"
  


     Maio Maiolo, maio todo, que os romanos tiñan baixo a advocación de Maia, a santa que se preocupaba de que a vexetación medrase, á que tomaba o relevo de Flora, e sería por ela que xa vemos os campos plenamente florecidos, e onde a flor se perde xa cando o froito apunta. Xa hai cereixas e os toxais medraron en todas as abas montesías. Polos camiños da terra o verde dos campos tínxese de amarelo e semella que outra luz máis viva nos invade, sen embargo, atentos ao refrán: maio tamén é medio tolo.


     Estamos nun mes onde o santoral falanos da floración, de esperanza, da forza da vida, e aínda que o refraneiro dinos que "a choiva de maio é a mexadiña dun rato" haberá que ver o rato, porqué tamén dise que "en maio aínda bebe o boi no prado", ou que "maio chuvioso, verán caluroso", e como nuncha chove a gusto de todos tamén o "maio ventoso para o labrador fermoso e para o mariñeiro desastroso". Sen esquecer que "en maio aínda a vella queima o tallo". Refráns que nos advirten para que non deamos por feito que o verán xa está aí, ás portas, ou para que non nos enganen as horas do sol.


   Nenos da escola da Lagoa, diante do maio co que gañaron o concurso da Festa de maios en 2013


     En fin, que estamos nun mes de días longos e de moita luz, por iso os pobos celtas que só tiñan dúas estacións, facían coincidir co primeiro de maio a Belteine, a festa da luz, ou a entrada do verán, en que se adornaban as casas con flores e acendíanse grandes fogueiras nos outeiros, arredor das que se danzaba seguindo o sentido do movemento do sol (de esquerda a dereita e mirando ao sur). E nós atopamos o significado deste festexo, coa festa dos Maios, que enchen as vilas de adornos florais, e coa enxebre tradición que se está a recuperar en Arteixo dende hai uns anos, os nosos centros educativos, colectivos veciñais e asociacións expoñen, o derradeiro fin de semana deste quinto mes do ano, os seus traballos na Avenida do Balneario.


                                              Xuntando flores para facer un maio




(O texto é de Francisco A. Vidal, publicado no seu blogue "Os Chanzos" baixo o título "Maio Maiolo")



O "CORPUS" DE MONTEAGUDO E ALGUNHAS LENDAS DA PARROQUIA


   Hoxe, xoves 15 de xuño, é o día do Corpus e, por iso, ímoslle facer unha pequena homenaxe á parroquia de San Tomé de Monteagudo, parroquia que se consultamos o  "Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal" que o historiador e político afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya publicou no ano 1829, aparece sobre ela a seguinte información:

Monteagudo (San Tomé de). En lugar del art. inserto en el Diccionario, léase con más confianza el siguiente que nos ha remitido el señor don Hilarion Pazos. Es de la prov. de la Coruña, juridsd. de Herboedo, arz. de Santiago, arcip. de Faro: J.O., 121 vec., 522 hab.; I parr. y I capilla. Se compone esta felig. de las ald. de Freon, Casaldegas, Cachada, en donde hay una venta; Ivia de arriba, Ivia de abajo, Rocha, donde hay otra venta, Barreiros, Batan, Piñeiro, Ramilo, Casa-Nova, Gomesende, Corteo, Filgueira, Miron, Teijoeira, Esquipa, en donde hay otra venta; Freijal, Beiga é Iglesario antiguamente Mosteiro. Esta parr. tiene una figura irregular, sit. sobre unos montes y en medio un cerro bastante elevado que es del que regularmente tomó su denominación. Conf. por N.  y parte de N.E. con la parr. de Santa Eulalia de Chamín y por el resto de este rumbo con la de San Pedro de Armen ton; por E.  con la de Santa María de Leston, por S. con la de Santa María de Toras, por S.O. y mayor parte del O. con las de San Julian de Lendo y Santa María de Noicela; y por N.O. con las de Cayon  y San Pedro de Sorrizo. Tiene de estension 1/2 leg. de N. a S., y poco mas de E. a O. En ella hay 1,200 ferrados de tierra labradía y lo menos 4,000 de montes. La bañan 2 riachuelos denominados Entrambas-Aguas y Das Vias. En el centro de la parr. se hallan los montes de Freijal, Beiga, Monteagudo, Sande y el de la Estrella, y á la parte E. los del Corazon, Pozo Fabian y Piedra Parromeyra. Esta parr. y su unida Santa Eulalia de Chamin, constituyen una vicaría que provee la Real colegiata de la ciudad de la Coruña. La de San Tomé de Monteagudo fué antiguamente monasterio de Benedictinos, que despues pasó á dicha colegiata en virtud de permuta que los monges hicieron antes del concordato con los canónigos dando estos a aquellos el prorato de Cambre anejo al Real monasterio de San Martin de Santiago, y aun el L. del Iglesario conserva el nombre de Mosteiro que en lengua provincial equivale á Monasterio. Los diezmos los lleva el cabildo de la Real colegiata de la Coruña. La capilla con la advocacion de la vírgen de la Estrella, está sit. en la cumbre de una altura que domina toda la parr. Prod su térm. 750 fan. de trigo; 1,395 de maiz; 100 de habas; 7 1/2 de avena; 200 quintales de patatas y 10,000 libras de lino. Ind. 10 molinos de agua y 7 telares para lino. Dist. 2 leg. de la Coruña, 5 de Betanzos, 7 1/2 de Santiago, 3 de Malpica y 1 de Cayon. Contr. 1080 rs. por encab.; 1,402 por utensilios: 780 por camino; 105 por comercio y 38 por octavilla. Esta parr. y las 5 restantes que forman el partido, reparten entre sí 365 rs. para diputado general y 260 para procurador de provincia.


    Esos montes ... "de Freijal, Beiga, Monteagudo, Sande y el de la Estrella, y á la parte E. los del Corazon, Pozo Fabian y Piedra Parromeyra", dos que fai alusión no seu diccionario Sebastián de Miñano y Bedoya, montes coñecidos hoxe como dos Carballos, dos Calvos, O Picoto da Veiga, o Picoto de Monteagudo, o monte da Estrela ou o monte da Ibia, serían xerme de numerosas lendas e contos populares que aínda hoxe, despois de tanto tempo, circulan pola parroquia. Disques e seicas de veciños que darían lugar a historias de cabaleiros e de meigas que tamén constituen parte da riqueza desta parroquia.

     Unha destas lendas, coñecida pola "pedra da vella", dinos que hai moitos, moitos anos do Noso Señor, en Monteagudo vivía unha vella meiga á que os veciños da parroquia, cando souberon das súas meiguerías, decidiron botala fora das súas terras. Acovardada por este feito a meiga acabaría refuxiándose no monte, onde seguiría levando a cabo os seus meigallos. Foi entón cando a veciñanza de Monteagudo decidiría queimar o monte e a vella, ao verse atrapada polo lume, convertiría todo en pedra. Na actualidade, se es dos que vai ao monte e o examinas cuidadosamente, aínda podes ver a aquela meiga convertida en pedra, mentres intentaba librarse do lume...ou iso din, claro!


  Outra das lendas desta parroquia, fálanos dunha fermosa moza de longos cabelos louros que pasaba moito tempo na soidade dos montes de Monteagudo. Un día volveu á casa cun engaiolante colar pendurado do seu pescozo, feito que encheu de carraxe á súa nai, que lle preguntou quen lle dera aquela xoia. A rapaza contestoulle que lla dera un cabaleiro que pronto a levaría con el.  Diante disto, a nai prohibiríalle á rapaza saír da casa mais,  pese as advertencias da súa proxenitora, a moza voltaría ao monte e desde entón non se soubo máis nada da fermosa loura. O único que se atopou foi o colar pendurado dunha árbore que seica representaba a alma daquela rapaza das penas do demo...ou iso din tamén, claro!
 
    Fora xa de lendas e adentrándonos xa na vida real, como vos dicía ao inicio desta crónica, hoxe é o día do Corpus Christi (en latín Corpo de Cristo), unha festa da igrexa católica destinada a celebrar a Eucaristía. A súa principal finalidade non é outra que a de proclamar e aumentar a fe da igrexa na presenza de Cristo no Santísimo Sacramento. A súa celebración lévase a cabo o seguinte xoves ao oitavo domingo despois do Domingo de Resurrección, é dicir, 60 días despois dese día que, formalmente, é o xoves que segue ao noveno domingo seguinte á primeira lúa chea de primavera do hemisferio norte.

     En moitos puntos do planeta o Corpus é unha festa de especial relevancia, sendo día festivo oficial en certas partes de España, Alemaña e Suíza e tamén en países como Portugal, Austria, Croacia, Polonia, Brasil, República Dominicana, Bolivia, Perú ou Venezuela. Nalgúns lugares a festa trasládase, ou ben ao domingo seguinte, ou ben ao anterior, para adaptarse ao calendario laboral.

     As festas do Corpus de Monteagudo eran das de máis sona da nosa bisbarra, festas que lembramos con estas fotografías antigas cedidas por Amparo Baldomir, veciña da parroquia nada en Corteo en 1932, e coas lembranzas de Carmen Pereiro, nada en Monteagudo hai 76 anos:

"Ata os anos 50, máis ou menos, os labradores eran os que se encargaban da festa (música, pólvora...), o que se chamaba a función. Os caseiros e demais xente que non tiña cartos non colaboraban nos gastos. Cada ano ocupábase un labrador distinto. 

O baile non era sempre no mesmo sitio; quen organizaba a festa deixaba o local. Por exemplo: os de Barbeito da Ibia fixérono na eira da súa casa. Bailaban á saída da misa e pola noite. 

Á hora da misa, o labrador da función levaba unha cesta (que ía moi ben adornada) con comida (queixo, rosca e viño) para que comesen os curas e tamén un ramo de flores secas que levaban canda a procesión. Ás veces, este ramo era prestado duns funcionistas a outros.

A última das festas organizadas por labradores foi na Cachada; aquel ano actuou a orquestra Mallo e unha cantante moi famosa, a Martela. A partir de aí, foi a confraría a que se encargaba da festa; ían pedir polas portas e co que se recadaba organizábase" 

As festas do Corpus de Monteagudo dos nosos días, pouco ou nada teñen que ver coas das imaxes que nos cediu a señora Amparo, nin tampouco coas que se facían nos tempos dos que nos falou a señora Carmen mais, con todo, hoxe é un dos días grandes de parroquia e iso sempre é de celebrar...a ser posible, no Salón de Monteagudo!





FONTES:

-de Miñano y Bedoya, Sebastián. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. Madrid, 1829
-Rozamontes Vázquez, María. Arteixo de onte a hoxe (Volume II). Concello de Arteixo, 2003.
 
 


A FESTA DAS FLORES


     Na festa das flores de Arteixo xúntanse varios tipos de manifestacións: por un lado están as lúdicas protagonizadas polos nenos e que representan o cume primaveral, por outro as vencelladas coa gandería e finalmente as prácticas cristiáns onde se favorece especialmente á Virxe María, raíña e dona do mes de Maio.


     O último domingo de Maio prefírese, entre todos os do ano, para que os nenos e nenas celebren a súa primeira comunión. Ese día participan activamente nunha procesión que transcurre por un camiño cheo de arcos de flores. E non remata aquí a colaboración dos máis pequenos. Ao rematar a misa súbense a unhas mesas colocadas fronte a Virxe, onde recitan poesías e representan parodias nas que contan o proceso de recollida das flores ou das ofrendas.


     A festa relixiosa das flores dedícase por completo á Virxe María durante todo o mes de Maio. Nos primeiros días do mes, colócase a Virxe nun altar rodeada de moitas flores e, a partir de aí, todos os días despois da misa dedícanselle oracións. Non se pode falar das Flores sen mencionar ás "Fillas de María", todas mozas solteiras. Teñen un estandarte de cor azul celeste cunha imaxe da Virxe no centro e o pau que o sostén ten forma de cruz. As "Fillas de María" confeccionan un mural de flores que pon "Ave María" e que colocan na entrada da igrexa. Tamén fan os arcos das flores: a partir duns arcos de madeira, recúbrenos de hedras e logo vanlle colocando as flores enriba. E non pode faltar a súa axuda aos nenos para compoñer as poesías e parodias.


    É de destacar que cando morre unha das "Fillas de María" levan o seu estandarter ao enterro.
 
    Os animais tamén xogan o seu papel nesta festa, porque son outorgados polos nenos como ofrenda á Virxe ao mesmo tempo que lle recitan a súa poesía.


     Pero o que mellor recordamos "os máis novos" son os bailes da festa das Flores no Balneario. Ese día elexíase "Mis Flor" entre as mozas da verbena. A súa coroación era cunha flor e un broche. E viña especialmente como presentador un importante e coñecido locutor de radio. Pero a festa non remataba aquí. Prolongábase con verbenas durante todo o verán e viña moita xente porque tiña moita sona. Festa rachada!






(relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Carme, a de "Cóntame un conto")




O SAN XOAN

San Xoan
Por ser noite de San Xoan,
noite de encantos e bruxas,
por ser noite de San Xoan,
téñoche medo, Maruxa.


     "Hai que estar preparado, que cando menos o esperas bótanche unha maldición, ou críache o aire porqueiro na pel..." xa o dí a cantiga: "noite de encantos e bruxas", pero tamén noite de preparar os remedios para moitos males. Os ingredientes para facer estes remedios non son outros que o lume, a auga e determinadas prantas.


     As cachelas son o distintivo máis común en toda Galicia desta festa do San Xoan. Esta cachela debe ser coronada por un boneco, o cal ten que arder completamente antes de que a xente escomence a saltar por riba das brasas, nove veces e unha sen contar, mentres se dí:

"Eu sáltote cachela de San Xoan
pra que non me morda cadela nin can,
nin bicho vivente
que acude polo chan"


     Se queredes que isto funcione é importante que deixedes que o lume se consuma, sen botarlle auga para apagalo.


     Por outro lado está o poder curativo das "herbas de San Xoan", humedecidas polo rexío da noite: fiuncho, romeo, caraveis, trevisco, carqueixa, herba luisa, ruda...todas elas nun caldeiro con auga que se deixa a serenar ata a mañanciña. Se lavades a cara nesta auga de flores habedes de manter alonxados moitos problemas de pel.


     Para rematar, unha advertencia: nesta noite de San Xoan non deixedes o leite para o outro día, porque disque as meigas lavan o cú nel.




(Relato de Víctor Iglesias García)


CACHELIÑA DE SAN XOAN

Cacheliña de San Xoá
que non me morda
cadela nin can.

     O día vintetrés voume erguer cediño para "ir coller a virtú". De todas as herbas do campo escollerei a espadana, a fieita real, o fiuncho, a herba de Santa María e a fieita de San Xoán. E con todas estas herbas adornarei a casa e en cada buratiño poñerei unha para que esa noite non nos entre ningún meigallo. O resto espallareino por diante da porta e gardarei unhas poucas para a cachela da noite. Esquecíaseme o monllo que teño que facer con todas as herbas para despois pola noite deixar ao resío. Este monllo vaime servir o resto do ano para afumarme con el cando me pique algún bicho.

Noite de maxia
igual que a noite de San Silvestre,
solsticio de inverno.
Noite de bruxas
en que desparramarán á caída da noite
toda a súa fascinación.
Noite de plantas
protectoras e medicinais
para nós.

     E cando chegue a noite farei a cachela con moita leña que bote moito fume para que se vexa ben lonxe. Colocareina nun lugar donde se vexa a casa e as leiras. E cando me queira afumar e saltar a cachela botareille as herbas da virtú. Saltarei a cachela nove veces e unha sen contar mentras vou dicindo:

Cacheliña de San Xoán,
que non me morda
cadela nin can.

     E se podo asarei patacas nas brasas e botarei un anaco  de noite comendo, falando e contando contos.

Noite de lume
disque as chamas purifican todo.
Noite de lume
solsticio de verán.
Noite de lume
que nos protexe contra todo mal.

     Para deixalas ao resío da noite teño que buscar flores: herbas de San Xoán, romeo, bieiteiro, caraveles, trebisco, herba luísa, folla de nogal, ruda, follas de parra... Metereinas nun caldeiro con auga, deixareinas toda a noite ao sereno e pola mañanciña lavarei a cara coa auga de rosas.


Noite de auga
que limpa
que bota as meigas fora.
Noite de lume.
Noite de plantas.
Noite de auga.

¡¡Meigas fora!! 




(Relato de Carme, a de "Cóntame un conto",  publicado no Boletín Informativo Municipal de Arteixo)        

        A SANTA EUFEMIA


     O 16 de setembro as crenzas e a tradición danse cita na romaría da Santa Eufemia de Arteixo. Os que padecen a cotío de xaquecas ou migrañas saberán seguramente que fai cen anos inventábase a aspirina, mais só algúns coñecerán que en Arteixo celébrase esta romaría da Santa Eufemia, avogosa dos que sufren "males extraños" dentro da súa cabeza.
Artigo do xornal El Heraldo do 25 de setembro de 1845


     Quen acude a lle rezar á Santa faino normalmente para se sandar de pequenos ou grandes dores, mais ata non fai moito tempo chegaban romeiros dende Ferrol e toda a comarca para librarse do demo que dicían levar dentro. Foron coñecidos coma "choríns" e sometíanse a curiosos rituais de exorcismo por parte do sacristán de turno. A operación consistía en facer tragar o "chorín", un amuleto que saía despois xunto co suposto "inimigo". A cura completábase saíndo en procesión debaixo da imaxe da Santa.


     Crentes e escépticos danse cita en Arteixo nesta celebración, que non debe rematar sen buscar un trevo de catro follas no atrio da igrexa, o que garantirá a boa sorte para todo o ano.


     E, se der ser un bo romeiro se trata, non podemos esquecer levar unha cesta de comida que poderemos baleirar en calquera campo de Arteixo ou nalgunha das praias do noso termo municipal se o tempo acompaña.

(Relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Luz López Viñán)



...a este relato de Luz López quérolle engadir un apuntamento: coñecemos xa amplamente a popularidade de que gozou e aínda goza a Santa Eufemia, non só en Arteixo e na Coruña, mais tamén nas bisbarras de Ferrol, das Mariñas e de Bergantiños. No entanto, pouco se sabe das consecuencias terribles que sufrirían algúns dos seus devotos nun sinistro marítimo ocorrido o 17 de setembro de 1865, sinistro sobre o que o xornal "La Esperanza" de Madrid publicaba a seguinte información:


     "Ferrol.- Ayer tarde ha ocurrido un desastre lamentable. Una lancha procedente de la Coruña, que volvía llena de personas que habían pasado el día en la feria de Pastoriza y Santa Eufemia, por efecto de la densa niebla chocó contra una roca en Peña Moa y quedó destrozada, pereciendo cuarenta personas y salvándose cinco. Fue imposible auxiliarlos".


OS MELEIROS

O que queira mel 
que cape polo San Miguel,
e o que queira abellas
que cape polas Candeas.


     Este dito popular lémbranos a conveniencia de capar as abellas, e o mes de San Miguel era o escollido polos meleiros que pateaban as parroquias arteixás chegados dende Pontevedra. Disto xa hai cincuenta ou sesenta anos e, naqueles tempos, era ben normal que polo menos houbese un cobo en cada casa. A única preocupación que causaba a colmena (aparte da capalas no seu tempo) era que houbese preto flores que producisen un mel sabedor. Xestas, uces ou breixos producen mel de mala calidade, sendo moi apreciado o mel de abellas pastadas en romeu.
Meleiro extraendo un panal
     O traballo de capar era cousa destes meleiros pontevedreses. Extraían os panais espantando as abellas con fumazos. Logo exprimían estos panais enriba dunha caldeira de cobre con pouco lume. Gota a gota, ía xurdindo o mel, gordo como as papas de millo e sabedor como as pedras de azucre.


     Os panais, tras perder o mel, transformábanse en boliñas de cera que se usaban para facer velas, unhas velas que, unha vez apagadas, deixaban nos cuartos da vivenda un agradable aroma de mel.


     Os meleiros non cobraban polo traballo máis que a cera que saía dos panais. Ademais, deixábanlle ao dono da casa unha esmola de dous reais para as ánimas da familia, e co fin de desexar unha boa colleita para o ano seguinte.

(Relato de Víctor Iglesias García publicado no Boletín Informativo Municipal)  


O TEMPO DAS CASTAÑAS


     Xa está aquí o outono, e vendo os castiñeiros cargadiños de ourizos, non podo evitar botar a vista atrás, cando a castaña era a lambonada indicada para agasallar a unha moza garrida nos bailes do salón de Figueiroa.

Xa ven vindo o outono
o tempo das esfolladas
para ir comer coas rapazas
catro castañas asadas


     Non era moi típico por aquí iso de facer gamustos, a non ser o día de Santos. Os máis vellos contaban que si, que hai moitísimos anos a castaña era tan importante como hoxe o é a pataca. Iso si, non hai tantos que o caldo de castañas se facía na Coresma en tódalas casas da parroquia.


     No salón, eu mercáballe as castañas á señora Carme de Santaia, que as vendía en zonchos envoltos en panos para conservar o calor. A señora Jesusa da Xílgara tamén facía bos zonchos, pero saíanlle moitas bolecas.


     Non era complicado pillar moza de arraigo no salón de Oseiro. Primeiro convidábala a unhas castañas, e despois a bailar a conga. Se a cousa ía ben, non tardabas en levala ao rincón, lonxe de miradas indiscretas.


     De non ser polos zonchos da señora Carme, seguramente eu non estaría casado hoxe.

     ¡Que ben sabían as castañas aquelas!


   
 

        












(un veciño de Oseiro)



TEMPO DE CASTAÑAS (II)
 (relato de Carme, a de "Cóntame un Conto" da desaparecida Radio Municipal de Arteixo)

 
      E digo "tempo de castañas" e non "magosto" porque esta última palabra é de recente introducción na nosa área lingüística a través dos medios de comunicación e dos libros. Tamén podería falar de "Santos" pero daquela reduciría ese tempo a tan só o mes de outubro.


     Contan os vellos que a castaña foi base da súa alimentación noutros tempos xunto coa pataca. Para conservar a castaña o resto do ano secábana. Este proceso duraba varios meses porque primeiro poñíase ao sol durante un ou dous meses os ourizos e despois escachábanse e as castañas conseguidas deixábanse secar ao sol e ao aire ata que daban "o piollo". O resto do ano comíanse estas castañas crúas, cocidas ou en caldo. O caldo facíase con fabas encarnadas de tres anadas, graxa, patacas e castañas.


     Eu recordo cando neste tempo se enchían as fragas e os montes de xente que andaba ás castañas. Era un bo exercicio que hoxe se practica máis na praza que no monte.


     Coa mesma claridade permanece na miña memoria as noites a carón da lareira estonando nas castañas para despois facer un "gamusto". Ao mesmo tempo comía castañas crúas e castañas asadas na brasa do lar. E nunca se me podía esquecer que había que triscalas por un lado, senón saltaban coma as ascuas. Despois poñíase a pota ao lar con auga, castañas e nébeda ou fiúncho e só quedaba que o gamusto cocese. E polo medio das castañas peladas botábaselle algún "zoncho" ou castaña coa tona. Con estes zonchos seica se facían rosarios que se vendían nas feiras, colgábanse ao pescozo e mentres ían comendo ían quitando zoncho a zoncho (a castaña que está baleira chámaselle "boleca")...todo un mundo de nomes para referirse ao mesmo froito e que da proba da importancia da castaña na nosa cultura. 


















A FEIRA DO GALO E AS SÚAS ORIXES EN PONTE (OSEIRO)


     Hoxe celebrouse en Arteixo unha nova edición, concretamente a número XXIV, da Feira do Galo. Si, xa vai case un cuarto de século desde que se empezou a celebrar esta tradicción...como pasa o tempo!


     Mais o que moita xente non sabe é que no noso concello temos un antecedente ben curioso deste acontecemento, acontecemento do cal escribía Víctor Iglesias García no desaparecido Boletín Informativo Municipal e que eu transcribo literalmente:


     "Hai máis de cincuenta anos celebrábase no lugar de Ponte (parroquia de Oseiro) a "rifa do galo", festa que non tivera continuidade mais si certo éxito durante catro ou cinco anos. Facíase polo San Xosé, e a organización corría por conta da "taberna da porta do sol". Aos concursantes vendábanselles os ollos, e tiñan que percorrer un caminiño demarcado con cal ao longo da horta da taberna. Ao final do camiño había unha ala amarrada e dous paos, ao xeito dunha piñata, que os participantes deberían de romper en menos de tres intentos cun bastón. O gañador recibía como premio un galo, mais iso era o de menos. A farra e a bonhomía das xentes de Ponte facían da rifa unha ocasión festiva memorable. O toque da festa poñíao un tal Luciano, coñecido como "Pontevedra" polo seu lugar de procedencia, e mal alcumado "Machina" por ser unha das poucas cousas que sabía facer co acordeón (na chín, na chín...)".

Feira do Galo de Arteixo do 2015




O DÍA DO BOLO...E DA TORTILLA
(Relato de Víctor Iglesias García)

     Os que fumos afillados hai sesenta ou máis anos, esperabamos que chegase o domingo de Pascua con moita ilusión. Os nosos padriños non nos daban cartos, nin nos mercaban roupa ou xoguetes. Desde que tiven uso de razón ata que fun home casado, tódolos anos recibín neste día o meu boliño de pan-trigo. Todo un dulce, xa que o cotidiano era broa, que non facía senón aumentar a gana de pan branco.
     Pero o protagonista gastronómico do día ía máis aló deste detalle dos padriños. Nas casas que tiñan un pouco de arrimo polos temas de vello, o domingo de Pascua era tamén o día das tortillas. Oficialmente xa non era vixilia, pero a tradición de xantar tortillas con pan-trigo mantívose.

     Dende finais de xaneiro as galiñas comezan a poñer ovos a eito. Moitos deles xa van aló coas larpeiradas do Antroido. Tamén o señor cura recibe unha ducia por matrimonio na Coresma. E aínda con todo isto quedaban ovos para as tortillas do domingo de Pascua.

     Tortillas de ovos sós, de patacas, torta de pan, de fariña de trigo...moitas tortillas, das que cada comensal tiña dereito a un cachiño co seu correspondente boliño.

     En moitas casas había unhas tixolas especiais para este día. Unhas tixolas enormes que aceptaban máis de catro ducias de ovos. Non valía calquera para darlle a volta a tanta tortilla xunta... 















A VERDADEIRA HISTORIA DO BURRO DE ARTEIXO
(Relato de Víctor Iglesias García)


A burra que tiñan na casa do Coireiro do Rañal
       Burro pode ser calquera. Pero un burro de Arteixo xa ten denominación de orixe pois, o noso concello, foi coñecido noutros tempos por ser terra de burros.

Repolos en Betanzos,
Arzúa ten bos queixos,
sardiñas en Malpica,
e burros en Arteixo.

     Ninguén lembra de onde saía esta fama, aínda que parece haber unha clara relación coa lenda do descubrimento das propiedades medicinais das augas do Balneario. Como ben saberedes, a versión oficial da lenda conta a miragrosa curación dun burro enfermo do pelexo, que pastaba preto do manantial.

     Pero hai outra versión que a xente dá como verídica: o burro era burro, claro está, pero non tiña mal ningún no pelexo. O seu único "mal" era que non podía ornear.

     Segundo os arrieiros de Pontevedra, hai catro tipos de orneo: o da fame, o da sede, o do sono e o orneo de amor, que ven acompañado dun intenso calor corporal. 

     O caso é que o burro sentía este calor corporal, pero non era quen de ornear, e as burriñas maldito caso lle facían. Por este motivo o animal andaba amolado.

Blandina do Coireiro coa súa burra
      Érachevos natural da Ponte do Ba, e todos os sábados ía moer o millo co seu dono ao muíño de Caldas. Dunha vez, cando voltaba de moer cara a Ponte do Ba, ao burro veulle a sede. Estaban na altura da costa da de Pardo, e o animal botouse a un lado por botar un grolo de auga que manaba dun manantial ao que a xente non facía moito caso. 

     E aí se produciu o encanto: o burriño, nada máis probar a auga, entroulle un hipo misterioso, unhas arcadas esaxeradas que o transformaron en pouco tempo nun precioso cabalo alazán mouro de negra crín.

     As propiedades das augas descubriunas un burriño mudo, e isto é digno de ser lembrado aínda que a felicidade do animal fose outra: logo da transformación seguíu sen saber ornear, pero rinchaba que metía medo!  


O ENTROIDO EN LOUREDA

-Ou tío Farruco...e logo, ¿vostede non se disfraza?

-¡Ca!...con 92 anos, dime meu neto, ¿que careta hei poñer?

-E logo, ¿nunca se disfrazou polo Entroido?

-Home, si, pero cando tiña os teus anos. Aqueles si que eran Entroidos, e non os de hoxe.

-¿E que facían daquela?

-Pois mira: íamos por toda a parroquia repartindo o meco, a base de coplas nas que non se salvaba nin o mellor veciño. Un que facía de cura ía responsando e tocando o corno (un corno de boi). Tiña que ser un home de pouca escola e moita intelixencia.

-¿E quen estaba con vostede no grupo?

-No grupo estaban os choqueiros borralleiros, que lles tiraban borralla aos que se rían deles. Pero choqueiro era calquera. O mérito era facer de mascarilla. Os escollidos tiñan que ser os máis altos e garridos, e por suposto, os que mellor bailasen o suelto. Lembro que con 18 anos a min tocoume de parexa dunha rapaciña de Balai, alta, morena, moi chalupeira ela.

-Entón, ¿foi daquela que puxo o disfraz?

-Si...bueno, non. As mascarillas íamos a cara descuberta, e co traxe de festa; un pouco máis adornado do normal. Eu na monteira levaba un arado e unha grade.

-¿Bordados con fío?

-Non, non. De madeira, así pequeniños. O resto do traxe era o típico do país, feito de estopa, co seu chalequiño branco e ca chambra de liño. Tamén levábamos unha banda vermella que nos cruzaba o peito. As mozas vestían un refaixo de baieta colorada, con moito vuelo, e de cintura para arriba ían moi apretadiñas. Daba gusto mirar para elas. Na cabeza levaban un sombreiro adornado cas flores de papel e cintas de colores.

-Parece ser que era moi bonito.

-¿Bonito dis? Era "precioso" ver aos cans e aos carneiros cun xugo arando polas leiras dos veciños, sen permiso. Ou os burros con pantalóns, facendo as súas necesidades!



(Todos estos datos foron recollidos nos anos 90 por Víctor Iglesias García na parroquia de Loureda. Moitas grazas ás xentes de Ervedíns e Allán pola súa colaboración)     



NA PROCURA DO ENTROIDO DE UXES

     Os primeiros recordos son dos anos 30 con imaxes de choqueiros, imaxes que a xente lembra confusamente, verbas que saen dos seus beizos, da súa nenez: Un home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa esfarrapada, montado nun burro con un colar de frores e cascabeis no pescozo...
     
     Na época da postguerra os textos das coplas eran controlados e censurados, a xente podía disfrazarse pero sempre coa cara descuberta. En Uxes vivíase tamén esta situación. O Entroido comezaba en Candeas e remataba coa queima do entroido en Mércores de Ceniza, trala Coaresma xa non se podía. O día grande soía ser o "Domingo de Carnaval": as visitas familiares, a xuntanza ao redor da cacheira pregando por ser comida...O día anterior preparábanse as filloas, e tamén se preparaban os choqueiros que as pedían de porta en porta. Pero, o domingo, despois da comida, quen máis quen menos, disfrazado ou non, saían das casas e formaban festa: Cándido de Morás -alcumado O Gaiteiro- poñíase a cantar e a recitar coplas enriba dun tablado; o Cacheiro chegaba de cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; ou o Peisaqueiro, vestido de vella e facendo filloas enriba dun carro. A isto uníanse as comparsas chegadas de sitios coma Elviña ou Feáns.

     Os "chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para soltalas a algún veciño..."botarche o entroido": facer un entroido ben equipado (espiga de millo e dous nabos) para gastarlle unha broma a alguén que era levado á casa con algún engano, amosándolle o entroido e convidándoo despois a comer e beber...Novos ataques coas coplas o Mércores de Ceniza subido ao garda-agullas da estación do tren...Escenificación de laconada en Souto con ingredientes tan ricos coma un rato morto...

Grupo de choqueiros nos anos 90

      Finais dos 60: Coplas e Testamento decaen. O "Gaiteiro" enfermou e non segue coa súa laboura; mantéñense os "chascos" e o de "botar o entroido", chegándose aos 70. Seguen chegando comparsas de fóra e, xa nos 80, aparecen "Os carnavalescos de Souto" e os famosos enterros e testamentos do lugar. Primeiros 90: Todo o que me contaron diversas persoas de Uxes, Morás...Foise.

     Un pequeno xesto, unha viaxe no tempo para non esquecer o que cada vez máis se esquece coas prisas destes tempos.


(Texto de Santiago Sande Mañana publicado no B.I.M. nº 48) 




A TRADICIÓN DO ENTROIDO EN SOUTO

     Unha das máis tradicionais festas de carnavais que se atopaban dentro do concello de Arteixo era a da "lectura do testamento do entroido en Souto" pero, tras case 15 anos de duración, parece rematar a súa andadura nos carnavais do ano 1994.

     Xosé Luis Mañana, o primeiro presidente que tivo a A.C. Queiroa e un dos iniciadores desta  tradición, coméntame que ..."nadie tomou o relevo" e tamén lembra os comenzos, uns primeiros anos da posguerra nos que non podías ir ás festas disfrazado e a chegada da democracia, que trouxo a recuperación da cultura e tamén a liberdade para retomar as tradicións dos carnavais. Foi entón, a comenzos dos anos 80, cando un grupo de xente como Xosé Luis, Manolo de Rodriguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador, e máis persoas do pobo pensaron facer unha comparsa. E, no seu lugar de reunión, no baixo da casa de Xosé Luis, fixéronse as primeiras coplas e os primeiros ensaios.


  Pouco despois xurdiu a Asociación Cultural Queiroa na que se atopaban varios dos compoñentes da comparsa, se ben, a asociación fixo algunhas actividades como tal, como foi a organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o exemplo daquela famosa película do Oeste ou, tamén, o chamado "tren da alegría". Mentres, a comparsa foise profesionalizando e consolidándose, non só nun sentido cultural senón tamén comercial coa venda das coplas. E pouco a pouco foise desvinculando dalgún xeito da asociación..."a comparsa chegouse a intentar profesionalizala tipo xente de Mera, tipo xente da Coruña...", dime Xosé Luis. Pero pouco a pouco a comparsa foi morrendo. Os principais promotores da mesma, Nito e Ignacio, foron continuando coa tradición pero xa traballando máis nos testamentos do entroido, que tamén comenzaron nos anos 80. Xosé Luis recorda que..."os enterros aquí arrastraban moita xente porque tiñan moita garra". Nito e Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o ano indo polos arredores, tomando notas das cousas que se dicían nos plenos; todo para preparar a súa sátira: o testamento. Pero este traballo era moi sacrificado e pedía moita constancia.

     A Asociación Cultural Queiroa organizou, xunto coa participación de Nito e Ignacio (que colaboraron no testamento e tiveron unha intervención), o que foi ata o de agora o último testamento do entroido. Foi nos carnavais de 1994. 

(Entrevista feita nos anos 90 a Xosé Luis Mañana por Santiago Sande) 



O ENTROIDO EN CHAMÍN

     Montañeses, mascaritos, choqueiros de varredoiro, touros, burros...todas persoaxes dun conto de entroido que podería empezar así: "Hai moitos anos, as mulleres da parroquia empezaban a preparar o carnaval cun mes de antelación. Pedían polas casas para xuntar os cartos necesarios para montar a diversión. Remexían e cosían cintas con teas, papeis con follas e, das súas mans, saían os persoaxes dun dos entroidos máis importantes do noso concello: o da Lagoa e o de Chamín". 

"O Piñeiro" foi, durante décadas, testemuña do Entroido de Chamín
  
Tomaban forma pouco a pouco os traxes das montañesas, con saia longa negra ou marrón e dous panos, un na cabeza e outro, o pano marino ou crespón, por riba dos ombros. As mascaritas e mascaritos daban a nota máis colorida, con traxes que recordan nos homes o estilo militar pero cun sombreiro picudo con cintas e adornos en contraposición ó das mulleres, que é redondo, aínda que igual de adornado. E os choqueiros que non falten. En Chamín chámanlles "do varredorio", con roupas vellas e cun pau rematado nunha corda protexida con pallo ou molidos de trapo para defenderse.  


     Chegado o domingo de entroido, saían todos coma en procesión levando un ramo e dúas cestas adornadas con roscas e figos que os "miróns" roubaban e os choqueiros se encargaban de recuperar.

     Xa no campo da "diversión", as montañesas tocaban as pandeiretas e as parellas de mascaritos bailaban ata que un ousado agarraba e marchaba coa moza, que era reprendida polo mascarito no medio das risas e burlas da concurrencia.

     Mentres, dous homes metidos debaixo dunha tea e simulando un burro, ou un touro con cornos e rabo de toxo, turraban e couceaban a quen se puxera por diante. E así, entre baile, touros, choqueiros, mascaritos e montañeses, ían pasando os días: domingo, luns e martes de entroido. 


(Publicado no B.I.M de febreiro de 1995)     


A POXA DA CARNE DAS ÁNIMAS NAS PARROQUIAS DE MORÁS E CHAMÍN

     Échevos tradición antiga ista que vos vou contar, e que aínda se celebra o domingo de Entroido nas parroquias de Morás e Chamín.

     Neste día, a xente leva á igrexa cacheiras, bicos, e patas de diante da última matanza, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.

     Á saída da misa escomeza a poxa propiamente dita; a carne ofrécese aos parroquianos para que poxen por ela, como nunha subasta. O que máis ofrece, leva a peza de carne para a casa, e os cartos quedan a beneficio das ánimas do purgatorio.
 
     En moitos casos, o que trae unha peza é logo o que máis poxa por ela. Isto é por un ofrecemento, e os veciños han de ceder por cortesía a que sexa o propio dono o que leve a peza de volta para a súa casa, despois de poxar para as ánimas.

      Xa non son os tempos nos que os adros de Chamín e Morás estaban ateigados de pezas de carne, e viñan a poxa xentes das parroquias lindantes. Pero esta tradición resístese a desaparecer. Logo, que sexa así por moitos anos.


(Publicado por Víctor Iglesias García no B.I.M. de febreiro de 1994)    



O ENTROIDO DE MONTEAGUDO

     Lémbrome como se foxe hoxe, eu vivía en Monteagudo, dacabalo entre o lugar da Rocha e o Freixal. Non sei moi ben cantos anos tiña, era polo ano 44 ou 45. Non era nena nin moza, tería doce ou trece anos. Eran as festas que máis me gustaban, cando nos xuntabamos todos. Aquí viña xente de moi lonxe, eran moi coñecidas e moi grandes. Xuntabámonos os de aquí do lugar, os de Santaia, tamén viñan da Laracha, de San Román, había moitos máis mozos, e nós como éramos mociñas e íamos con eles ás veces, eles viñan aquí sempre no entroido. A xente de antes era moito máis divertida que a de agora!

     O entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.

     Cando se facía a matanza, ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para gastar entroidadas. Se cadra era a peor entroidada que che podían botar. Se alguén dicía: - "Mira que navalla acabo de atopar", os máis avispados contestaban con un -"Pois gardaa". Outros querían vela, entón enseñabanlles os dentes e daba moita rabia. Se te convidaban a tomar café era fácil que cho servisen con sal. Se che daban filloas, non che podía estrañar se ao mordela saían polo medio fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madexa para aproveitar nas entroidadas. Facíase o almohado das filloas e engadíase os fíos. Facíase a filloa e colocábase no plato no medio das outras, levando a entroidada o que daba con estas filloas. O caso era botar algunha, aínda que só fose de palabra: 

- Levaches algunha este ano?
- Non
-Pois aí che vai a primeira.

     O tío Xan tamén levaba ben delas. Era moi bo home e moi inocente. Unha vez viñérono chamar de noite.

- Tío Xan, veña á Veiga, que a tía Carmela está moi maliña.
- Non vaias Xan, que seguro que é unha entroidada.
- Como non vou ir señora Pastora?. É miña irmá.

     Cando o tío Xan chegou á casa da Veiga, entrou no cuarto e achegouse á cama. Cando lle preguntou como se atopaba, o que viu foi un choqueiro de trapo metido na cama e a xente detrás da porta ríndose del.

    Noutra ocasión foron a buscalo para axudar a subir unhas vigas de madeira. Cando estaba aguantando delas tiráronlle un choqueiro dende arriba. O tío Xan, pola súa condición de bo home, levaba moitas entroidadas. Pero tamén era sospeitoso de moitas, aínda que nunca foi descuberto.

     A señora Jesusa, un día cando se ergueu e foi abrir a porta, caeulle enriba un choqueiro todo cheo de bosta. A pobre muller botou un bo berro e maldeciu ao que puxera alí aquelo. Aínda que non sabía ben quen fora, a culpa levouna o tío Xan.

     A semana anterior aos días de entroido facíase a matanza. Eran os días do ano que máis e mellor se comía. Nin nas festas había tanta fartura. Eran tempos nos que se pasaba necesidade. Durante o ano o que se comía as máis das veces era o caldo e a broa, pero estos días dabámosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas...Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".

     Unha semana antes xa se empezaba a oir tocar os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal. O domingo empezaba a diversión. Era o día santo e non había que ir traballar as leiras, daquela estabamos todo o día por aí. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo. Dabámoslle de comer aos animais, íamos coller a herba e alí xa falabamos do que faríamos pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo. O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga e tamén se ten feito nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigados. Eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido con un traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas.

     O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme...mira que corríamos! Cruzábamos a leira, saltábamos o esqueiro...cando nos pillaba voltábamos para o baile, e así todo o tempo. 

     Sempre había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel había o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encorbado...este moito se cansaba!. De rabo poñían un pao de cebro, con ramas de espiñas na punta, enchendo estas ramas con bosta para que ninguén se metese con eles. Había xente que era moi dada a ir meterse con eles para quitarlles o rabo. 

     Recordando os traballos que se pasaban nas minas, algúns vestíanse de mineiros e de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral. Neso chegaban os guardias que querían quitarlles os minerais que conseguiran extraer das minas...comenzaba a persecución!

     Xa dixen que eran un dos carnavais máis divertidos, donde se xuntaba máis xente que viñan dende fora da parroquia. Dende a parroquia de Armentón, do lugar da Perillona, viñan nun carro tirados por un cabalo e adornado de mimosas Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo.

     Cando remataba o baile, aí ás dúas da mañán, marchabamos armando xolda polos camiños e levantando á xente da cama. Conseguiamos que nos abrisen a porta e nos convidasen a algo de comer, café ou caña.

     Esto era o domingo, luns e martes. O mércores día de cinza, non se podía facer diversión, había que pedirlle permiso ao cura. Se estaba contento o día que llo íamos dicir, ou se el se levaba ben coa xente da parroquia, deixábanos. O mércores era o primeiro día de xaxún, non se podía comer carne se non se pagaba a "bula" na igrexa.

     O domingo, día do entroido,  tamén se facía baile e vestiámonos, pero xa non viña moita xente porque había algúns que ían a Chamín ao enterro do entroido. Eu xa non me acordo moito de como era a festa neste último día. Do que si me acordo era do mal que o pasaban os nenos co medo que lle tiñan aos choqueiros.

     A xente de hoxe non é tan divertida como era a de antes!

     Agradecementos á miña avoa Carmucha, que me transporta aos anos cando o entroido era festa.

     
     Monteagudo, febreiro de 1998.
     Ana María Castro Regueira 

Imaxe dos anos 60 de Carmucha, a protagonista deste relato, a súa amiga Xulia, que aparece no medio e, á dereita, súa nai Jesusa

(Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49 )

       

Ningún comentario:

Publicar un comentario