FLORA E FAUNA




O ENCORO DO ROXEDOIRO


     No Catastro da Ensenada de 1752 aparece a seguinte información: "...en el Coto de Oseiro no hay minas, salinas ni otro ningún artefacto más que ocho casas de molinos: El uno al sitio del Rexidoiro y río del mismo nombre con tres ruedas pertenece a D. Diego de Oca y Cadórniga, vecino de la Ciudad de Betanzos, que muele seis meses del año, y le regulan de utilidad en cada uno, tres cientos cuarenta y seis reales". Estos muiños hoxe están sumerxidos nas augas do encoro, ao igual que outros monumentos históricos como a Ponte de Oseiro, que formaba parte do Camiño Real, e que según apuntan varias fontes fora construído na mesma época que a Ponte dos Brozos. Esta zona, da que tamén se sabe que formara parte do señorío dos Perez das Mariñas, estaba adicada a prados de sega e a cultivos diversos regados polo río Seixedo e, era unha das grandes despensas da cidade da Coruña.

     Mais todo cambiaría a mediados dos anos sesenta do século pasado, cando se daba luz verde ao  Polígono de Sabón e, á construcción do encoro do Roxedoiro para o abastecemento industrial.

     Á dereita da imaxe, o cauce do río Seixedo antes do Polígono (a zona actual do encoro do Roxedoiro)
                                                

     Sendo un dos claros exemplos nos que se puido ver como a natureza foise abrindo paso, dunha maneira ou doutra, entre as naves industriais, fábricas e a Central Térmica, co paso do tempo, o encoro artificial  iríase convertendo dun dos lugares, dende o punto de vista ornitolóxico, máis importantes de Galiza. Por moi difíciles que se lle puxeran as cousas, O Roxedoiro empezou a ser parada obrigada para as aves migrantes ou, lugar de paso e cría para moitas aves acuáticas e comunidades de paseriformes asociados a carrizales, así como tamén unha zona de caza para algunhas rapaces. De todas elas falamos a continuación:


AVES REPRODUCTORAS
      
     Según datos de Xabier Varela Varela, ornitólogo e traballador do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo, un total de 56 especies son, actualmente, reproductoras habituais ou regulares no encoro ou na súa contorna. As estrictamente acuáticas reproductoras ou habitualmente asociados a medios acuáticos do Roxedoiro son as seguintes:


GALIÑOLA (Gallinula Chlorupus)
     Sobre esta especie o Padre Sarmiento escribía en 1752 " arcea en el diccionario castellano es nombre que en algunas partes dan a la chocha-perdiz, pitorra o gallina-boba. En la voz chocha pone el mismo estotros nombres: chocha, chocha-perdiz, gallina sorda o ciega, begaza, coalla. He oído la voz arcea y tengo idea que se aplicó a unas perdices pardas y pequeñas que hay hacia Cebrero".


GALIÑOLA NEGRA (Fulica Atra)
     A Sociedade Galega de Ornitoloxía fixo público a comezos do mes de febreiro do presente 2014 o nome da galiñola negra co "ave do ano", elección que según dita Sociedade débese a que está a sufrir nos últimos anos un declive das súas poboacións en todo o país.
     Case do tamaño do parrulo, a galiñola negra é completamente negra e ten un pico branco caracterizado cun escudete. É unha palmípeda dunha lonxitude duns 38 cms., envergadura 70-80 cms. e un peso aproximado de 700 gramos. Morfoloxicamente machos e femias son iguais.


LAVANCO (Anas Platyrhynchos)
     Os lavancos son abondosos en Galiza. En Arteixo, aparte do encoro do Roxedoiro tamén se poden ver noutras zonas, como por exemplo o río Bolaños. Necesitan moita vexetación para criar tranquilos. Na imaxe vense unha femia e un macho (o da cabeza azulada).


GARZA PEQUENA (Ixobrychus Minutus)
     O pequeno e discreto "ixobrychus minutus", inconfundible polo seu tamaño, é a garza máis pequena da fauna europea. É un dos habitantes máis vistosos e á vez máis enigmáticos do encoro do Roxedoiro, lugar polo que se move con suma soltura e discreción á captura dos pequenos vertebrados e grandes insectos que compoñen a súa dieta.


MERGULLÓN PEQUENO (Tachybaptus Ruficollis)
     O Mergullón Pequeno é un podicípedo relativamente frecuente a nivel peninsular que frecuentemente aniña en charcas de pequeno e mediano tamaño. Tamén se adapta moi ben  aos encoros artificiais, como é o caso do de Sabón, feito que favorece o seu asentamento por todo o país.


ROUSINOL BRAVO (Cettia Cetti)
     O rousinol bravo é un paxaro pouco abondoso en Galiza. O seu habitat natural son as lagoas e cursos fluviais. Aniña moi preto do chan.


LAVANDEIRA AMARELA (Motacilla flava)
     As lavandeiras son un grupo de aves passeriformes do xénero Motacilla que teñen colas longas, as cales sacoden a miúdo. O nome científico para tanto o xénero como a familia ven do latín mota, que significa mover, e cilla que significa cola.


ANDORIÑA DOS PENEDOS (Ptyonoprogne Rupestris)
     Esta andoriña vese moito nas beiras dos ríos, principalmente onde hai penedos, que precisamente é o lugar onde fai os niños. É un paxaro de interés especial e estrictamente protexido.


FOLOSA DAS CANAVEIRAS (Acrocephalus Scirpaceus)

     Paseriforme asociado a ambientes palustres, que se distribúe polo Paleártico Occidental e viaxa á Africa Subsahariana. Tanto no encoro do Roxedoiro como noutras zonas de Arteixo, como por exemplo o boedo de Sisalde, existe unha interesante poboación reproductora.


FONTES:
-Xabier Varela Varela (ornitólogo e traballador do Departamento de Medio Ambiente de Arteixo)
-Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo
-Galipedia


OS OVOS DE RAIA OU "MOEDEIROS DE SEREA"

     Todas e todos vímolos nalgunha ocasión en calquera dos nosos areais sen saber moi ben de que se trataba: algún bicho morto, algún plástico tirado ao mar... Nada máis lonxe da realidade, queridas e queridos amigos!

Moedeiro de serea no areal de Repibelo

   O meu prezado e admirado Xosé Iglesias, o poeta do mar, contoume que eran, nin máis nin menos, que ovos de raia, ese peixe da familia dos raíidos, de corpo plano con forma de rombo, do que existen distintas especies. A raia quedou reflectida na toponimia do noso litoral xa que a Praia do Raeiro, actualmente O Reiro, chámase así porque noutros tempos abundaban as raias neste lugar da parroquia de Chamín. Lamentablemente, este fermoso topónimo estase deturpando polo de "O Relojero", o nome do bar alí existente que xa leva pechado varios anos.

    Polo que me dixo Xosé Iglesias, cando vemos aboiando na beira do mar os ovos de raia,  xa non teñen o embrión dentro e o único que queda é a casca externa que o protexeu durante o seu desenvolvemento.

   Os filamentos que teñen nos catro extremos, que se aprecian claramente na foto tomada recentemente na praia arteixá de Repibelo, sérvenlles para suxeitarse ás algas mentres completan o seu crecemento.

     A estes ovos de raia hai quen lles chama, pola súa forma, "moedeiros de serea" ou "bolsa de serea".

Ningún comentario:

Publicar un comentario