sábado, 27 de xuño de 2020

A (SUPOSTA) CAPELA DA CATUXA

Segundo as informacións que nos ofrece o Catastro da Ensenada, no territorio que actualmente conforma o municipio de Arteixo podíanse ver no ano 1752 ata un total de noventa muíños: dez deles na freguesía de Santiago de Arteixo; nove en Armentón; tres en Barrañán; cinco en Chamín; catro en Lañas; dez en Larín; dez en Loureda; catorce en Monteagudo; catorce en Morás; oito en Oseiro; dous en Pastoriza; e un en Sorrizo (en Suevos non había ningún muíño).

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada
unha semaniña enteira,
¡Eso si que é muiñada!
Ai lalelo, ai lalelo.
Ai lalelo, ai lalelo”.

Os muiñeiros tiñan a súa patroa: Santa Catalina, virxe e mártir de Alexandría, decapitada a principios do século IV.

Santa Catalina de Alexandría, obra realizada en 1597 por Caravaggio
Nos primeiros séculos da nosa era, cando Roma xa declinaba en poder e coñecemento, a cidade exipcia de Alexandría ocupou o seu lugar, converténdose en centro de sabiduría e cruce donde se daban a man as culturas de oriente e de occidente. Esa mestura de saberes e tradicións daría lugar, entre outras moitas correntes de pensamento, ao gnosticismo (gnose, en grego, significa coñecemento), doutrina filosófica e relixiosa que profesaban algunhas comunidades dos primeiros séculos do cristianismo, que crían na salvación do home pola vía do coñecemento.

Nesa cidade e nese caldo de cultivo que mesturaba tradicións e crenzas de todos os rincóns do mundo coñecido, xurdiu unha muller, case unha nena, que ascendeu aos altares cristiás como santa Catalina de Alexandría, virxe e mártir.

Segundo a versión máis estendida da súa vida e martirio, Catalina naceu en Alexandría a finais do século III. Seus pais pertencían á realeza e deron á súa filla unha sólida formación nos saberes da época.

Valado dos montes da Catuxa
Cando o emperador romano Marcus Aurelius Valerius Maxentius organizou unhas festas nas que se facían sacrificios no seu nome, Catalina negouse a participar en tan pagás fastos, enfrontándose ao emperador e facendo gala dunha oratoria asombrosa. Para rebatela, o emperador convoca unha disputa pública e a moza enfróntase a cincuenta dos máis sabios doutores de Exipto. Con versos de Homero, con citas de Platón, con textos dos profetas, unidos á súa graza e elocuencia, non só desfai os argumentos dos seus adversarios, se non que os converte a case todos, e selan, como ela, a súa fe cristiá co martirio.

A Catalina aplícanlle a roda con coitelos, mais a roda rompe antes de mancala. Finalmente chégalle a morte por espada. Cando a desposada ía ao ceo a celebrar as vodas co seu celestial Esposo, o martiroloxio romano di que os anxos trasladaron os virxinais restos ao Sinaí.

A imaxe de Santa Catalina de Alexandría é unha das máis difundidas do mundo. Miguel Ángel deixouna plasmada na Capela Sixtina e os pintores máis ilustres da Historia da Arte recreárona cos seus pinceis, de Memling a Caravaggio e de Ribera a Veronese. En todos eles aparece, por suposto, a Roda á que a está tan unida, ese símbolo que representa o eterno retorno, o ciclo repetido do tempo, das estacións, das fases lunares. A Roda de Santa Catalina fíxose tan famosa que deu nome á roda dos muíños de vento, á dos reloxos mecánicos e a unha das pezas das bicicletas, tres exemplos de “rodas catalinas”. 

Camiño dos montes da Catuxa
Tampouco faltan nas súas imaxes outros elementos vinculados á súa vida e ao seu martirio. Entre eles os libros, símbolo da sabiduría da moza Catalina que lle permitiu vencer no seu enfrontamento argumental aos máis grandes sabios de Exipto. Nalgunhas desas representacións a santa parécese sospeitosamente á figura do arcano II do Tarot, A Sacerdotisa, que mantén tamén un libro nas súas mans como símbolo do coñecemento. A gnose.

Maxia e sabeduría acompañan a santa Catalina de Alexandría desde sempre. Unha antiga crenza do sur de Europa pono de manifesto afirmando que todo feiticeiro que nace co don de facer sortilexios e curacións leva, desde o ventre de súa, a silueta dunha roda de santa Catalina marcada no ceo da boca como sinal do seu don.

É probable que santa Catalina de Alexandría nunca existira e que se limite a ser unha representación fabulada da antiga e pagá deusa Hécate. Os datos históricos da santa son máis ben nebulosos e xa no século XVII o escritor relixioso Jean de Launoi, ao non atopar probas sólidas da súa existencia, reemprazaba o seu oficio por unha neutra misa de réquiem. No século XIX Alban Butler, no seu coñecido manual “Vida dos santos”, resolvía a datación da santa Catalina de Alexandría cun ambiguo “supostamente século IV”.

A relación da roda co martirio de santa Catalina fixo que os muiñeiros e, en xeral, todas actividades que tiveran que ver con rodas, como a dos carreteiros, oleiros, afiadores… a invocasen como a súa patroa.

En Galicia hai unha santa,
que Catalina se chama,
morreu atada a unha roda,
de coiteladas amoladas”.

Montes da Catuxa
En toda a xeografía galega, donde houbo grande devoción a esta santa, era moi frecuente empregar o hipocorístico Catuxa para dirixirse a ela. Pois ben, como ben sabedes, no noso municipio hai un lugar que leva o nome de A Catuxa e que pertence á parroquia de Santiago de Arteixo. Neste lugar hai quen afirma que “nos tempos de Matusalén” houbo unha capela adicada a esta santa, mais as persoas coas que falamos din que nada saben sobre a súa localización… “estaría no alto do monte; era o que contaban os vellos”

Ao fío desta información, Manuel Blanco conta no seu libro El período de la Restauración como clave para un mejor entendimiento de la Segunda República en el Ayuntamiento de Arteixo que…

Sospecho yo que, probablemente, hubo allí unha hermita dedicada a su memoria que, como sucede en otros muchos lugares, sería la que dio nombre a dicho lugar. El hecho de que na Catuxa, antes de la desamortización, hubiese tierras iglesarias, e, incluso, casas propiedad de la Iglesia, pueden avalar esta sospecha. Por otra parte el que esta aldea se halle situada en un lugar elevado favorece esta intuición ya que es frecuente cantar:

Gloriosa Santa Catuxa
que estás na alta montaña,
líbrame ao meu queridiño
do aire de certa araña”.

Vista do Atlántico desde o alto dos montes da Catuxa
A festa de Santa Catalina de Alexandría celebrábase, con grande concorrencia de devotos, o 25 de novembro mais, a reforma litúrxica, posterior ao Concilio Vaticano II (1962-1965), eliminouna do calendario litúrxico universal suprimindo o seu culto. A Igrexa católica de Roma non sería quen de borrar a súa presenza nin a fe dos seus fieis.



Ningún comentario:

Publicar un comentario