mércores, 17 de xuño de 2020

JOSÉ Mª MANCEBO, UN DOS MELLORES FUTBOLISTAS DE ARTEIXO DE TODOS OS TEMPOS

    Fillo do coruñés Julio Mancebo e da arteixá María Moreiras, José María nace na Baiuca o 16 de xullo de 1938. Era irmán de María Elisa, unha muller que andando no tempo abriría a primeira mercería na Baiuca, e de Julio, bo futbolista que xogou no Santa Margarita, co Bergantiños na serie A Rexional e no Penouqueira antes de converterse en mestre de primaria. (Julio Mancebo foi durante moitos anos o director do CEIP Xosé Obreiro de Meicende e, tamén, Coordenador do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo)

   Nos primeiros anos da súa infancia, cando A Baiuca era unha estrada viva, chea de xentes que ían e viñan, de nenos e nenas que xogaban á pelota ou á corda, varias das tías-avoas de José María, irmáns de Baldomero González Mes, alcalde de Arteixo en tres etapas diferentes, levaban a administración do Balneario. Unha sobriña destas mulleres, Alicia, coñeceu no recinto termal a don Florencio, un importante industrial da parroquia de Fazouro, en Foz, co que acabou casando. 

La Hoja del Lunes, 17 de decembro de 1962
   O matrimonio non tería descendencia, motivo polo cal o noso protagonista mudou o seu domicilio da Baiuca para vivir con seus tíos desde os 15 ata os 20 anos en Fazouro, onde xogou algún partido co equipo do lugar antes de marchar a Parga a facer a mili.

   Unha vez rematadas as obrigas militares, José María volta para Arteixo e, na tempada 1959/60, xoga no Santa Margarita, club co que se proclama campión da liga de modestos de Primeira División tras un apaixoante man a man durante toda a campaña co Silva de Lolo Hermida, futbolista de Meicende co que compartiría vestiario anos máis tarde.

   Na tempada seguinte asina co Fabril e xoga en Terceira División co seu veciño Chacho Rey, “O Ricardo Zamora” de Oseiro. O seu debut nesta categoría prodúcese en Riazor o 11 de setembro de 1960, na primeira xornada do campionato, nun choque no que o once fabrilista vence por 2-1 ao Lemos formando con Rey; Tomás, Yáñez, Pintos; Tablilla, Chas; Mancebo, Nito, Chacho, Martín e Veleiro.

   Mancebo xogaría cedido no Viveiro no curso seguinte e axudaría a que o equipo da mariña lucense realizara unha digna campaña en Terceira División, ocupando un meritorio noveno posto na táboa clasificatoria.

   Volve ao Fabril na tempada 1962/63, onde comparte vestiario, entre outros, con Juan Antonio Salvadores, futbolista do que falaremos noutra ocasión xa que é de orixe arteixá. Nesa época o nome de José María Mancebo estaría durante certo tempo no ruxe ruxe futbolístico ao despertar o interese do Atlético Malagueño, filial do Málaga C.F. mais, descartada esta operación, o arteixán desvincularíase do Fabril para xogar durante dúas tempadas en Terceira División co Foz, o equipo do concello lucense no que pasara cinco anos da súa vida residindo con seus tíos Florencio e Alicia.

   O Foz, no que tamén formaban parte da plantilla futbolistas como Aneiros ou Hermida, sería sétimo na campaña 1963/64 e penúltimo na 1964/65, tempada na que o once lucense descendeu á Serie A Rexional.

   No ano seguinte, despois de darlle o “si quero” a Nieves, con quen casara en xuño de 1965, José María ficha no Penouqueira, equipo co que gañaría o campionato de Arteixo da tempada 1965/66.

   Algún que outro partido ocasional defendendo a camiseta do seu querido Penouqueira, darían paso á retirada definitiva dos terreos de xogo para exercer, durante unha curta etapa, o cargo de seleccionador de zona da Liga de Arteixo naqueles triangulares que se disputaban, a finais dos sesenta e principios dos setenta, contra as seleccións da Capital e das Mariñas.

   José María Mancebo, que se gañou a vida durante moitos anos traballando en Augas da Coruña, faleceu no ano 2003 pouco despois de empezar a desfrutar da súa xubilación.

Carné da Federación Galega

Ningún comentario:

Publicar un comentario