Nunha
época marcada
total
e absolutamente
polo nacional-catolicismo, mentres
que España gozaba
coas retransmisións radiofónicas de
Matías Prats e do entrañable Enrique Mariñas, a cidade da Coruña
despertaba cada mañá ansiosa por ler as crónicas de “Maratón”
ou Bugallal en La
Hoja del Lunes,
do xenial “Franjilla” en El
Ideal Gallego
ou o semanario Riazor.
En pleno rexime franquista, o fútbol era a distracción por
autonomasia e
na
Coruña de Alfonso Molina (1),
o
chamado deporte rei convertérase nun auténtico maná para a
economía local. Na
cidade do “restaurant” Fornos, do cine Avenida e do trole, os
bares facían o seu agosto particular cada vez que xogaba o
Deportivo, nos
días que se
disputaba
o Trofeo Teresa Herrera e as estrelas do fútbol mundial visitaban a
cidade, ou
cando algún dos numerosos equipos modestos coruñeses celebraba
algún que outro éxito como o que nos narra Luís Rei no capítulo
A
Coruña. No ano de graza de 1953
do
seu libro O
señor Lugrís e a negra sombra:
“Escribe o señor Lugrís:
Este serán andamos pola rúa Barrera. Ía comigo Avilés Vinagre e a primeira parada foi no Beade, onde a tetilla que nos serviu aquel taberneiro adramán estaba máis salgada ca de costume e turrou dun par de cuncas de Ribeiro “per cápita”. A seguir, paramos a uns pasos de alí, en Casa Andrés, onde uns rapazolos ocupaban unha gran mesa corrida. Era o equipo do Fabril en pleno, titulares e suplentes. Veñen de proclamarse campións galegos de balompé de afeccionados, e celebrábano con tortillas de patacas e empanadas.
Reparou en nós un deles, Manuel Porvén, seica o lateral esquerdo, que lle deu cun cóbado a Gantes, seica o porteiro, que foi en quen, pola súa vez, reparou o amigo Avilés: son os de antes, comentoume.
En efecto, viñamos de velos había un cachiño na rúa dos Olmos. Nós entráramos a tomar algo en La Tacita de Oro, o bar onde se citan os músicos, e acabou de tocar Pepín Béjar (é chelista, e ignoro por que carrexara ata aló o seu instrumento). O caso é que saímos a despedilo á porta, coma sempre, e foi entón cando sorprendemos o ir e vir das promesas do balompé, en peregrinación de langráns, ata o portal de en fronte. A sede social do Fabril está no segundo andar do edificio, e eles soben ata alí por quendas, con cara de iren tratar asuntos vitais coa directiva. Pero soamente o interior esquerdo, Luisito Suárez, o fillo do carniceiro da rúa da Torre, ten en realidade algo importante que negociar. Seica quere fichalo o Deportivo, e a el non lle vale a cantidade que o club estipulou para cando se fai cos servizos dunha promesa. No canto de 125.000 pesetas, este Suárez, escoitarémolo en Casa Andrés, pídelles 175.000, e aínda está a pelota no tellado” (2)
Ficha de Varela co Fabril
Efectivamente,
como ben describe Luís Rei Núñez na súa narración, aquel Fabril
adxudicárase en
novembro de 1953 o
Campionato Galego de Afeccionados
despois de superar ao Turista na final a dobre
partido, vencendo por 2-4 en Vigo e
perdendo en Riazor
por 1-2. O
cadro herculino, adestrado
por Manuel Neira,
ex futbolista do
Deportivo, Murcia e Granada,
e comandado por Luisito Suárez, que
non
tardaría en converterse na
figura mundial por
todos coñecido,
facíase
deste xeito
co título por un resultado
global de 5-4, éxito
que recollía nas
súas páxinas o xornal La
Noche informando
que... “Unos
y otros hicieron un gran partido, lleno de emoción, y la alabanza
alcanza a todos. El Turista no vino derrotado ni mucho menos y se
reforzó con varios jugadores de su equipo de Tercera División, lo
que hace más meritorio el título alcanzado por los coruñeses. El
Fabril con toda justicia ostenta el título de CAMPEÓN. La alegría
por la victoria fue indescritible (nos referimos a la eliminación) y
los jugadores sacaron en hombros a su entrenador Neira. Todos los
directivos del Fabril y aficionados en los vestuarios se abrazaban
con gran efusión. ¡Que
gran premio para estos entusiastas! (3)
Un
dos integrantes da plantilla daquel Fabril que se adxudicou o
Campionato Galego de Afeccionados era José Varela Varela, futbolista
de orixe arteixán nado na Coruña en decembro de 1933. Fillo de
José, natural de Lugo, e de Jesusa, veciña da aldea da Catuxa, na
parroquia de Santiago de Arteixo, Varela xogou os seus primeiros
partidos en 1949 no recén fundado Atlético Arteixo e,
posteriormente, defendería como xuvenil as cores do Huracán e do
Fabril antes de dar o salto ao primeiro equipo do Ciudad Jardín.
Rematada a súa etapa neste equipo, ficha noutro club da liga de
modestos da Coruña, o Santa Margarita, onde xoga unha tempada antes
de asinar co Fabril na campaña 1952-53. Co once fabrilista desputa a
Serie A Rexional, o equivalente á Terceira División actual, e
comparte vestiario con futbolistas da talla de Porvén, o porteiro
Gantes, Ricoy, Otero e, entre outros, do mismísimo Luís Suárez,
compañeiros cos que se adxudicaría o Campionato Galego de
Afeccionados de 1953 mencionado anteriormente. Finalizada a súa
vinculación co Fabril, Varela pasaría posteriormente polas filas do
Orzán, do Español e do Santa Margarita, club no que colgou as botas
ao remate da tempada 1960/61.
Non
sabemos se por aqueles días era máis doado que na actualidade
chegar a
formar parte da disciplina do Deportivo, mais o certo é que para
cumprir ese soño, a parte das condicións físicas e tecnicas
necesarias, había que estar
tocado en certa medida
pola man de Deus. Ata aquel
intre só un dos nosos
veciños, Arsenio Iglesias, fora quen de debutar no primeiro equipo
deportivista. Outros
quedaron ás portas xogando
nos
clubs asociados ou filiais do conxunto da Praza de Pontevedra (no
Fabril S.D., no C.D. Juvenil
ou no Deportivo B ), cousa
que non era moco de pavo e
que foi algo que estivo ao
alcance de moi poucos arteixáns,
entre eles Pepe Varela, o
protagonista das Crónicas de Arteixo de hoxe.
Andando no tempo, o fillo de Jesusa da Catuxa convertiríase nun dos adestradores máis prestixiosos da bisbarra ao dirixir a equipos como o Catuxa, Santa Margarita, Selección Galega Xuvenil, Selección Galega de Afeccionados, Club do Mar de Caión, Atlético Arteixo, Montañeros, Campanal de Loureda, Brigantium e Paiosaco.
(1)Alfonso
Molina foi alcalde da Coruña dende 1947 ata o día da súa morte,
acaecida en Río de Janeiro o 25 de novembro de 1958.
(2)REI
NÚÑEZ, LUÍS (2007):
O
señor Lugrís e a negra sombra, Edicións
Xerais de Galicia, Vigo, pp. 58.
(3)La Noche, 23 de novembro de 1953, pp.2.
(3)La Noche, 23 de novembro de 1953, pp.2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario