venres, 5 de xaneiro de 2018

O CASTRO DE PASTORIZA

Fabulación do asentamento de Pastoriza realizada por Roberto Castro
      Nun radio de pouco máis de medio quilómetro, a parroquia de Pastoriza conta cun triángulo máxico patrimonial no que se pode ver o Santuario e o Berce da Virxe, Monticaño e, un dos castros máis importantes da provincia, un asentamento ao que as pesquisas sitúan, ao igual que a maioría do resto dos asentamentos existentes en Arteixo, na Idade de Ferro e sobre o cal se atoparon posteriores trazas de romanización.

      A primeira referencia histórica clara sobre este recinto castrexo sitúano no século V, nunha época na que a Gallaecia pasara, de ser unha provincia romana, a albergar unha monarquía con capital en Braga (actual Portugal) en mans dos suevos, un grupo de pobos xermánicos que establecerían por estas latitudes o seu dominio durante 170 anos, ata que foron derrotados polos visigodos. Esa derrota tería unha importante consecuencia que chegaría ata os nosos días, xa que os suevos convertiríanse nos grandes esquecidos da nosa propia Historia. 

Estatua de Reckiario no Palacio Real de Madrid
     Mais antes disto, antes da sua integración no reino visigodo, os suevos crearían o primeiro reino da Europa medieval e terían como primeiro monarca a Emric, un persoeiro tamén chamado Hermerico que empezaría o seu reinado no 410 converténdose, deste xeito, no primeiro rei galego. Tras sete anos de longa enfermidade, as circunstancias físicas forzarían a este monarca a abdicar a coroa no ano 438, pasando o goberno a mans do seu fillo Requila, que foi soberano dos suevos ata o 448. Trala morte de Requila, ascendería ao trono o seu fillo Reckiario ou Rechiarius, que pasou á historia por ser o primeiro rei bárbaro en converterse ao cristianismo.

      Convertido polo Bispo de Braga e outros prelados galegos á fe de Cristo, Reckiario mandaría construír o primeiro templo cristián en Pastoriza, na parte baixa do monte do castro, templo que, co discorrer dos anos, sería derrubado tralas invasións normandas do ano 968 comandadas por Gunderedo e, as efectuadas no 997 polos sarracenos de Almanzor. Segundo consta en vellas escrituras, para evitar a profanación da imaxe da Virxe, algún veciño do lugar decidiu agochala máis, a súa pista, perderíase durante moito tempo ata que un día, unha nena que andaba a pastar o gando no monte, viu unha estrela sobre uns penedos. Foi aí cando as xentes de Pastoriza acharon de novo a figura mariana que tantos anos levaba desaparecida debaixo dunha pedra curva, lugar que pasaría a denominarse “berce da Virxe”, que ven sendo a mesma pedra pola que pasan na actualidade os romeiros para curarse ou para librarse do pecado e, sobre a cal se levantaría en 1887 unha virxe de granito, obra do escultor José Couto.

      O autor, historiador e profundo coñecedor da antigüidade e alta Idade Media Casimiro Torres, na súa obra El Reino de los Suevos. La Galicia Sueva adícalle un capítulo enteiro ao rei Reckiario e trata extensamente da conversión do monarca ao catolicismo, afondando nas causas da transformación relixiosa do rei de xeito minucioso. Torres tamén aporta información sobre o xeito de vida do asentamento castrexo de Pastoriza dicindo que, na zona na que hoxe está o Santuario, había comunidades galo-romanas e comunidades suevas nas que, ao parecer, uns eran católicos e outros arrianos mais, trala conversión ao cristianismo de Reckiario, ambas acabarían unificando o seu pensamento relixioso.

A cadeira do Rei do castro de Pastoriza (Imaxe de Suso Veiga)
     Sobre Reckiario aínda pervive nesta parroquia arteixá a historia da “cadeira do rei”, que está asentada sobre un gran penedo do castro de Pastoriza que coroa un pequeno precipicio e, detrás da cal, existe outra pedra máis pequena, que tamén ten forma de asento, a denominada “cadeira da raíña”. A lenda conta que na pedra de maior tamaño o monarca suevo Reckiario sentábase para contemplar e dominar as súas posesións do lugar de Suevos e o resto dos terreos que hoxe configuran o municipio de Arteixo, o grandioso seo que os antigos poboadores denominaron Portus magnus Artabrorum, as terras de Bergantiños, os areais de Sabón, Alba, Barrañán e O Reiro, e as illas Sisargas, con toda a enorme extensión do Atlántico aos seus pes. As dúas cadeiras, a do rei e a da raíña, aínda conservan perfectamente hoxe a súa forma mais, iso si, para atopalas hai que mergullarse entre a maleza que habitualmente as cobre.

      Pola súa situación e emprazamento, o castro de Pastoriza poderíamos calificalo como de primeiro orden no que a control do territorio se refire. Asentado sobre un dos puntos máis elevados da liña do litoral, 243 metros de altitude, non só domina a navegación costeira atlántica, senón que ademais domina unha ampla valgada, formada polas cuncas dos regatos Naval e Pastoriza, que hoxe enchen o encoro de Meicende. Esta valgada era o paso principal para os camiños que procedían da costa e da Terra de Bergantiños, e por ela transcurría vella vía per loca, denominada posteriormente“Camiño Real”.

Planos lidar do Castro de Pastoriza.
CDIX http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/mapa.html
      Ao carecer dun rexistro de materiais, resulta imposible precisar a periodización dos niveis de ocupación do xacemento. Mais con todo, os escasos materiais que chegaron a depositarse nas institucións oficiais, amosan unha vida cultural dinámica e, a pesar de soportar unhas condicións de habitabilidade bastante desfavorables pola súa exposición aos axentes metereolóxicos, sábese que foi un castro no que habitou unha comunidade numerosa.

      En xeral a construción en mampostería de granito amosa unha gran calidade, que nalgúns casos, sen chegar a formar perpiaños ou sillares, si amosa unha pronunciada tendencia a fiadas. Ademais dalgúns tramos dunha sólida muralla, con algúns parapetos case ciclópeos, consérvanse restos de edificacións de planta circular, mais nunha boa parte tamén se impoñen as plantas rectangulares.

     Os materiais recuperados, fundamentalmente a cerámica de tradición indíxena decorada con liñas onduladas, trenzadas, círculos, etc., incluso algunha peza cilíndrica de vidrio de cor vermello, que de seguro formaba parte dalgún colar dos antigos poboadores, e os escasos fragmentos de muíño circular e tégula atopados, segundo as informacións que Juan Naveiro publica no seu libro El Golfo Artabro: Arqueologia e historia del gran Puerto de los Galaicos Lucenses, permiten enmarcar o seu momento principal entre o século I a. C. e a época romana. Posteriormente, é probable que a poboación do recinto se trasladara á cercana localidade de Suevos, de suxerente topónimo e indicios de ocupación desde tempos altomedievais.

     O recinto principal ou interior, circular con tendencia ovalada, ten unhas medidas de 140 metros de diámetro norte-sur e 160 metros no eixe leste-oeste, conta cunha superficie de 1,85 ha. e está defendido na súa parte norte por unha dobre muralla de pedra, un terraplén que acada os 10-15 metros de altura cara o exterior, un foso e outra defensa de 1,5 metros rematada nunha ladeira de terra escarpada. A súa altura vai diminuíndo ao leste. Na cara oeste temos dobre muralla, unha terraza e unha terceira muralla. A ladeira sur é escarpada de rochas e penedos tamén con dobre muralla, a exterior de pedra. O acceso ao castro semella estar polo sur e, no seu interior, obsérvase o que poden ser as estruturas propias do xecemento, mais pola cuberta de toxos e xestas é moi difícil precisalo. Os penedos próximos ao castro foron aproveitados para a extracción de pedra mais, con todo, as bases das vivendas circulares da “citania”, aínda se conservan. O cumio empregouse como lugar de peregrinación cristiá. Na cara surleste, ó pé da muralla, hai un petón cunha pequena cova e un pouco máis arriba unhas pedras que son tratadas como un pequeno altar. Aínda hoxe hai quen vai depositar un ramiño de flores nesa esquina do castro que está a mirar cara o altar que hai máis abaixo onde se sitúa a Virxe da Pastoriza.

     En torno ao castro de Pastoriza, o xornal La Voz de Galicia informaba na súa edición do 30 de setembro de 1934 que...”Van a realizarse excavaciones. A propuesta de la Junta Nacional de Excavaciones y Antigüedades, el ministro de Instrucción pública y Bellas Artes ha concedido la cantidad de 3.000 pesetas que se habían solicitado por la Comisión provincial de Monumentos para realizar trabajos de exploración en el Castro de Pastoriza. Para dirigir las expresadas obras se designa presidente de la citada Comisión y distinguido arqueólogo don Angel del Castillo. En breve comenzarán a realizarse los expresados trabajos con arreglo a las disposiciones que rigen acerca del particular”.

Ortofoto do Voo Americano do Castro de Pastoriza. http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/mapa.html
    Tras esta actuación encabezada por Angel del Castillo, tamén se realizarían outras posteriores nas que se exhumaron boa parte do recinto sen criterio arqueolóxico algún. Polo asentamento de Pastoriza tamén pasaría "Misión Rescate", que foi un programa televisivo que puxera en marcha nos anos 70 a RTVE para intentar inculcar nos escolares o amor pola arqueoloxía formándose equipos en toda España. A partir de aquí, o castro sufriría o total abandono das institucións sen ter os coidados e atención que este enclave histórico merece. 

     Nas fotografías do voo americano pódese apreciar notablemente o recinto, que fora fortificado a través de dúas estruturas circulares concéntricas e que posúe uns 190 metros de diámetro no seu perímetro exterior cunha muralla de pedra en toda a contorna e que conta cunha superficie total dunhas 3 ha.

     O castro, hoxe de propiedade privada, está actualmente situado entre unha liña eléctrica de alta tensión ao sur e un gasoducto ao norte e, ademais, tamén foi destruido en gran medida polas devastadoras plantacións de eucaliptos. Precisamente por mor destas plantacións o catalogador da páxina web Patrimoniogalego.net, Xosé Troiano, en marzo do 2016 presentaba unha denuncia ante o Servicio de Protección á Natureza da Guardia Civil (Seprona) logo de atopar este emblemático lugar de Pastoriza destruido. “O interior do foso, o seu parapeto e incluso ata a metade do seu terraplén hai unha recente plantación de eucaliptos con roturación dos terreos nas defensas do xacemento”, alertaba na denuncia presentada ante a Guardia Civil Xosé Troiano, quen se adica a catalogar este tipo de asentamentos por todo o país e, cando se dirixía ao castro de Pastoriza, descubriu este “atentado contra o patrimonio histórico e cultural", segundo sinalaba na denuncia presentada ante o Seprona. 

Plantación de eucaliptos no castro de Pastoriza
     Unhas semanas máis tarde, a Guardia Civil detiña a dúas personas por causar presuntamente danos neste xacemento arqueolóxico. Os axentes do Seprona efectuaran as detenciones por un suposto delito sobre o patrimonio histórico ao realizar, sen autorización, un aproveitamento forestal causando danos no muro perimetral da croa e nas defensas do asentamento, uns feitos que nos indican que se non se toman as medidas oportunas e se non se loita como é debido pola defensa do noso patrimonio, as xeracións vindeiras dificilmente poderán disfrutar del.


 FONTES:

-AGUILAR, IVÁN. La Guardia Civil investiga la destrucción del castro de Pastoriza para plantar eucaliptos. La Opinión A Coruña, 10 de marzo de 2016.
-NAVEIRO LÓPEZ, JUAN L. El Golfo Artabro: Arqueologia e historia del gran Puerto de los Galaicos Lucenses. Asociacion Amigos Museu Arqueoloxico a Coruña, 1994.
-TORRES RODRIGUEZ, CASIMIRO. El Reino de los Suevos. La Galicia Sueva. Galicia Histórica. Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Fundación Barrié, 1982.
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net
-O BERRO. voceiro pastoriz@arteixo. n.º 1. xullo 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario