venres, 19 de xaneiro de 2018

HISTORIA DO PENOUQUEIRA

     Aínda que a fundación oficial data do 23 de maio de 1954, en realidade, a Sociedade Recreativa Deportiva Penouqueira xa botara a andar moito antes, baixo a faciana da Sociedade de Recreo e Expansión “El Alba”, unha entidade que fora creada na Baiuca en 1924 e da cal o sarxento Ciriaco Ortega González era o seu responsable deportivo. Según consta nas normas do seu regulamento interno, nesta desaparecida asociación creáranse dous equipos de fútbol, o “Crepúsculo” e o “C.”, aos que se encargaba de adestrar Ramón Varela Sande e dos que Daniel Iglesias Pardo e Ramón Orgeira Sande eran, polo que se cita no devandito regulamento, os seus respectivos capitáns. Estas dúas formacións xogaban habitualmente entre sí, os domingos e días festivos, nun campo que había no Monte da Penouqueira, mais tamén se organizaban partidos contra equipos doutras parroquias, uns enfrontamentos que os integrantes dos dous onces, facendo unha especie de selección, disputaban co nome de “El Alba”.

     Deste xeito, a entidade da Baiuca convertíase, xunto “La Esperanza” de Meicende, na pioneira en practicar en Arteixo dun xeito máis ou menos regulamentario o fútbol, ese deporte que inventaran os ingleses a finais do século XIX e que con tanta paixón se viña xogando naqueles tempos en todas as vilas e parroquias galegas.

     Cun plantel integrado por Gonzalo, Sebas, Chucho o Negro, Maximino, Manolo Sande, Daniel, Pepe de Arsenio, Manolo Pardo, Gonzalo Sande, Ninos, David, Darío, Tito Salvadores, Jesús Iglesias Pardo, Penouco ou, entre outros, Enrique Iglesias “Cuesta”, que para moitos foi un dos mellores xogadores da zona de todos os tempos, os da Baiuca xogarían nos anos trinta numerosos partidos contra os equipos que naquela hora había na Laracha, Meicende, Pastoriza e contra o que ocasionalmente formaban os militares que prestaban o servicio na Batería de Costa de Monticaño. 

   “El Alba”, que desaparecería antes da Guerra Civil, sería a antesala do posterior nacemento do Penouqueira, creado en 1935, pois moitos dos seus asociados formaban agora parte deste novo club, un Penouqueira que seguiría organizando partidos, sempre de caracter amigable, durante os anos corenta e cincuenta. Nestes enfrontamentos, un rapaz da Baiuca chamado Arsenio Iglesias daríalle as súas primeiras patadas a un balón, rapaz que anos máis tarde, cando xa era futbolista profesional do R.C. Deportivo, e xunto aos seus amigos e veciños Enrique Iglesias Rey “Cuesta”, Manuel Orgeira Dopico e Pablo Diego Mosquera Calvete convertiríanse nos grandes impulsores de darlle ao Penouqueira a oficialidade da que carecía ata entón.

Escudo do Penouqueira
     Tras a oportuna autorización do Ministerio da Gobernación, aprobada o 7 de maio de 1954, a iniciativa desos catro amigos de constituir oficialmente ao Penouqueira, facíase realidade unhas semanas despois, o día 23, data na que os corenta socios cos que inicialmente contaba o clube, formalizaban legalmente a entidade e elixían a súa primeira xunta directiva, que quedaría formada por Enrique Iglesias Rey como presidente; Darío Sande Mosquera, vicepresidente; Pablo Diego Mosquera Calvete, secretario; Arsenio Iglesias Pardo, vicesecretario; Marcial Iglesias Pardo, tesoureiro e, Jesús Pardo Cedeira, Antonio Hermida González, Antonio Orgeira Dopico e Ramón Barral Rodriguez, vocais. Nacía así, oficialmente, a Sociedade Recreativa Deportiva Penouqueira, que aínda que sería incluída decontado no marco asociativo, a súa actividade en competición oficial non se levaría a cabo ata os primeiros anos da década dos sesenta.

      Mais antes de dar os primeiros pasos federativos, o Campo do Balneario fora o escenario de grandes partidos amigables, como os que se xogaban, con motivo das festas das Flores e do Santiago Apostol, entre o Penouqueira e equipos de postín da bisbarra, onde o once local xa ofrecía boas xornadas deportivas naqueles lendarios enfrontamentos. Neses partidos, os seareiros da zona tiñan a oportunidade de ver fútbol de certa calidade, pois os clubes participantes nos devanditos torneos de verán xogaban sempre reforzados con xogadores de primeiro nivel. Na memoria queda aquel inesquecible enfrontamento disputado en Arteixo o 25 de xullo de 1958 entre o Penouqueira e o Fabril, onde os arteixáns Pitos e Arsenio, futbolistas do Fabril e R. C. Deportivo respectivamente, reforzaran ao equipo local e Luis Suárez, naquela hora xogador do F.C. Barcelona, aos visitantes. O once da Baiuca, integrado por Chacho; Totos, Miaxo, Pardo; José María, Gerardo; David, Pitos, Teté, Arsenio e Narciso, perdería aquel mítico choque por 2-5.

O Penouqueira e o Fabril o 25 de xullo de 1958
     A andaina oficial dos da camiseta vermella empezaba na tempada 1961/62, cando o presidente José Montero, que era o practicante da vila, dea de alta na Federación Galega de Fútbol á entidade arteixá. Encadrados no Grupo 2º da Segunda División da Liga das Mariñas, os da Baiuca facían o seu debut no fútbol federado xogando, o domingo 7 de xaneiro de 1962, no Campo do Balneario contra o Racing de Eirís, enfrontamento que os convertía, ao ser os primeiros en xogar un partido oficial, no clube decano do concello. O Penouqueira, que empataría a un gol ese histórico primeiro partido, remataría o torneo ligueiro nun meritorio cuarto posto, empatado a 17 puntos co Juvenil e Racing Eirís, 2º e 3º respectivamente, e a dous puntos do Fontemaior, que fora o campión do Grupo. O porteiro Chucho Rodriguez Pan, tío de quen escribe, Miaxo, Listero, Lolo, Julio, Calvo, Rebolo, Julito Mancebo, Ricardo, Rabuñal, Jaimito, Carra, Zas, Baldomero, Pombo, Reboso ou Noso, entre outros, foran os integrantes da plantilla nesa tempada 61/62. Ao ano seguinte quedarían subcampións do Grupo 1º empatados a vinte puntos co Fontemaior. Só o gol average en contra co campión do grupo evitaría o ascenso directo á Primeira División. Aínda así, os da Baiuca terían unha segunda oportunidade para subir de categoría xogando unha promoción co Portazgo, que finalmente perderían por un global de 4-1 (victoria en Arteixo por 1-0 e derrota en Culleredo por 4-0). O periplo do Penouqueira pola Liga das Mariñas chegaría ao seu fin na tempada 1963/64, onde rematarían terceiros do Grupo 1º da 2ª División, a catro puntos do Carral e a cinco do campión, o Sporting Mesoiro.

Formación do Penouqueira de principios dos 60
      Dende a tempada 1961/62 víñase disputando a chamada Liga Zona de Arteixo, torneo no que participaran inicialmente só catro equipos: Paiosaco, Atlético Arteixo, Sporting Uxes e Campanal de Loureda. O Pastoriza entraría nesta competición na 63/64, e ata un total de sete novos clubs faríano na campaña 1964/65, entre eles o Penouqueira que, coa súa incorporación ao campionato, daría pé á disputa dos primeiros derbis oficiais entre os dous clubes de Arteixo. No primeiro deles, xogado no Campo dos Cabalos o 3 de marzo de 1965, os da Baiuca gañáranlle ao Atlético por un rotundo 0-4 con este once: Moure; Carra, José Ramón, Chapita; Suárez, Miaxo; Pan, Julito, Lecho, Lagunas e Feo (Julito Mancebo, en tres ocasións, e Feo foran os autores dos catro tantos). O Penouqueira remataría este torneo ligueiro 64/65 pola metade da táboa clasificatoria, ocupando finalmente o séptimo posto. Ao remate do mesmo xogárase a primeira edición da Copa de Arteixo, competición na que eliminan na primeira ronda ao Atlético Arteixo (3-1 e 2-1) antes de caer nos cuartos de final ante o Oseiro (2-0 e 1-2).
O Penouqueira no campo de Fornos

      En 1966, os da camiseta vermella saborearían por primeira vez as meles do exito. Fora o ano do Mundial de Inglaterra no que o equipo anfitrión, comandado polo gran Bobby Charlton, faríase co título vencendo na final a unha Alemaña que xa lideraba un rapaz de 20 anos chamado Franz Beckenbauer. Naquela hora, Jesús Iglesias Pardo era o presidente do Penouqueira e o seu curmán José Pardo Cedeira, ademais de exercer de vicepresidente, facía de adestrador contando coa axuda do xogador José María Mancebo, unha auténtica institución dentro do fútbol local que xogara en Terceira División, nos tempos nos que non existía a 2ª B, no Fabril, no Foz, no Viveiro e no Ribadeo e que, posteriormente, tamén exercería de seleccionador da zona, cando Arteixo se enfrontaba ás seleccións das Mariñas e da Coruña. Os da Baiuca, que por esa época xogaban os seus partidos no Campo de Fornos, que estaba no que hoxe é o Polígono de Sabón, na zona que actualmente as instalacións de Gabesa, a fábrica de vinagres, e Piensos del Sil, principiara ese torneo ligueiro da tempada 65/66 con paso firme, gañando 2-5 en Oseiro, 5-0 ao Uxes como local e 1-3 en Vilarrodis, resultados que o empoleiraban ao máis alto da clasificación empatado a puntos co Catuxa, un equipo da Pedreira co que mantería durante toda a campaña unha emocionante loita polo primeiro posto.

      Antes de rematar a primeira volta producírase un resultando co cal os da Baiuca aínda fachandean a día de hoxe: Penouqueira 6 - Atlético Arteixo 0, goles de José María, José Ramón, Parga e Rebo en tres ocasións. Aquel día, o equipo formara inicialmente con Miaxo; Lolo, José María, Fernando; Suárez, Chapita; Parga, Rebo, José Ramón, Calvo e Suso, mais tamén hai que lembrar aos outros futbolistas que vestiran a camiseta vermella nesa exitosa tempada, como fora o caso de Federico, Moncho, Manolo de Xan, Beibi, Baldomero, Paco, Santiso, Quique ou o porteiro Tino. Resultados como as victorias en Lañas (3-6), Laracha (1-3), Arteixo (1-4) ou Loureda (0-7), as producidas como local diante do Catuxa (1-0), Oseiro (4-1), Paiosaco (2-0), xunto cos tropezos do Catuxa a última hora, que sorprendentemente perdería os dous último partidos, farían que finalmente o Penouqueira acadase, doce anos despois da súa constitución como sociedade recreativa e deportiva, o seu primeiro título oficial.

      Ao ser 15 os equipos participantes, naquela hora considerábase moi longa a competición, polo que os clubes puxéronse dacordo en que os oito primeiros equipos clasificados na tempada 65/66, formarían a Primeira División da Liga Zona de Arteixo e os restantes a Segunda División. Este formato de competición só se disputaría durante dúas tempadas, a 66/67 onde o Penouqueira remataría o torneo no quinto posto, e a 67/68 onde os vermellos quedarían terceiros con quince puntos, a cinco do Oseiro e a seis do Laracha, segundo e primeiro respectivamente. O formato de división única, con quince clubs participantes, volvía no exercicio 1968/69, tempada na que a formación da Baiuca ocuparía un mediocre undécimo posto.

      As esixencias da Federación Galega, que impoñía medidas mínimas nos campos de 90m x 45m e vestuarios con auga corrente nos propios terreos de xogo, farían que a campaña 69/70 fora a última para varios clubs da zona de Arteixo, mais este non sería o caso do Penouqueira, un decano que faría unha boa tempada quedando no sexto lugar do torneo ligueiro.

Formación dos primeiros anos 70
      Estamos xa nos setenta. O local social da entidade estaba naquela altura no Bar de Moisés e o Campo do Balneario é xa historia ao ser absorbido, logo de que os propietarios do recinto termal venderan parte dos terreos, pola xungla asfáltica e o bum urbanístico. Este feito levaría aos da camiseta vermella a compartir co Atlético Arteixo o Campo dos Cabalos, que era propiedade dos de Amadeo e que estaba situado nos terreos que actualmente ocupa o Centro de Saúde de Arteixo. Nesa época, os xogadores veteranos dos sesenta empezan a colgar as botas dando paso aos valores da canteira, como fora o caso de Juan Suárez “Manín” que, tras sentar cátedra nas súas actuacións cos maiores, acabaría fichando nos xuvenís do R.C. Deportivo e tería a oportunidade de enfrontarse a futbolistas que posteriormente serían internacionales coa selección española, entre eles o porteiro Luis Arconada e o tamén donostiarra Jesús Satrústegui, que anos despois, a principios dos oitenta, serían campións de Liga de Primeira División coa Real Sociedade.

      O Penouqueira empeza a década sendo terceiro na campaña 70/71, cuarto na 71/72 e séptimo na 72/73, tempada na que o equipo xuvenil se proclama campión do seu grupo. Unha formación habitual destos primeiros anos setenta era a formada por Miaxo; Chacho de Bras, Cedeira, Lolo de Xan da Cancela, Rilado, Mero, Lolo do Corgo, Avelino, Mario ou Filgueira, José Ramón, Paco de Arsenio e Manín. Na 73/74 acaban cuartos no torneo ligueiro. Nesta época, Emilio Rodriguez Ferro era o presidente do equipo e Francisco Alvarez Vázquez o vicepresidente, a quenes acompañaban nas tarefas directivas Celso Martínez, Enrique Iglesias, Carlos Mosquera, Baldomero Moreiras e José Manuel Suárez. A plantilla, na súa maioría procedentes do equipo xuvenil campeón da 72/73, estaba composta por Nené, Loliño, Cedeira, E. Pichel, Pichel, Suárez, Manín, Rilado, Paco, Chiro, Pombo I, Pombo II, Castro, Lamas o “Guitarras”, Javier, Piyayo, Machote, Feal, Ferro, Firi, Loliño e Rumbo. O adestrador era José Martínez, coñecido popularmente por Listero. Contaba daquela o equipo con trescentos socios, que pagaban unha cuota anual de duascentas pesetas (1,20 euros).

      Nas campañas seguintes, 74/75 e 75/76, o equipo, presidido naquela hora por Jesús Calvete, realiza uns mediocres campionatos rematando, cando a Liga era só de nove equipos, en ambas as dúas campañas no sétimo posto da Liga Zona de Arteixo, unha competición que, tras quince anos, estaba chegando ao seu fin como tal. De feito, a Federación Galega encadra no exercicio 1976/77 ao Cerceda, Ordes e Dorneda xunto cos equipos dos concellos de A Laracha e Arteixo no Grupo 2º da 2ª Rexional, e aos das Mariñas no Grupo 1º, dando paso a un novo sistema de competición con ascensos e descensos. O Penouqueira sería sexto nesta tempada con dezaseis puntos, a vinte do campión, o Paiosaco, e a dez do segundo, o Atlético Arteixo, un eterno rival que xa presidía Lisardo Campos, o lendario “Lareiras”.

      Durante os últimos anos setenta o decano, presidido por Antonio Orgueira Dopico, decide apostar forte polas categorías inferiores, converténdose no primeiro clube da zona en crear equipo de infantís. Paralelamente, a andaina dos da Baiuca nesta nova 2ª Rexional saldaríase cun sexto posto na tempada 77/78 e un undécimo na seguinte.

Una formación do Penouqueira dos primeiros anos 80
     Chegamos a década dos oitenta, época na que o Campanal, daquela en Preferente, é o máximo representante do fútbol local. O Penouqueira é coñecido neses anos como o “equipo dos militares” xa que varios futbolistas que prestaban o desaparecido servicio militar na praza herculina, acabaríanse enrolando nas filas dos da camiseta vermella. O arteixán Cesar Sande Zas, que era oficial do exército, e a amistade que Manín mantiña co tamén oficial do exército e adestrador Luis Rodriguez Vaz (co tempo adestraría ao R. C. Deportivo e faría debutar a Fran e José Ramón na primeira plantilla deportivista) farían que xogadores como Castillo, que viña de xogar en 2º B co Diter Zafra, Carrasco, Joaquin Ferrer, que xogara no Sabadell ou Canario, que o fixera no Paterna valenciano, aterrizaran na entidade da Baiuca ao mesmo tempo que facían a mili na Coruña.

      Tras realizar unha estrepitosa campaña 79/80, a peor de toda a súa historia, na que son pechacancelas con tan só cinco puntos, a pesar do cal non descenderan a Terceira Rexional grazas a unha nova reestructuración federativa, na tempada seguinte, na 80/81, ocuparían un meritorio terceiro posto neste Grupo 2º da Segunda Rexional con 41 puntos, a catro do segundo, o Paiosaco, e a cinco do campión, o Atlético Arteixo.

      Presidía naquela hora o Penouqueira, Marcial Novo Arcas, a quen acompañaba na xunta directiva José Gestal Martínez como vicepresidente, o madrileño José Antonio Castaño, que era o secretario, Eladio Gómez Martínez, contador, José Domingo Novo Pereiro, tesoreiro, e Enrique Iglesias, Ramón Campos Cedeira, José Boedo Maceiras, Carlos Nión Bus, Ramón Méndez e Manuel Pan, vocais. Había daquela 300 socios, que pagaban unha cuota anual de mil pesetas. Adestraba ao equipo o ex xogador do Deportivo Cholo, aínda que a pretemporada fixeraa Luna, quen abandonaría ao equipo pouco antes de principiar a competición. Cholo tiña a súa disposición a seguinte plantilla: Antonio, Fernando, José Antonio, Manolo, Robusto, Manel, Paco, José María, Mantiñán, Castillo (o do Diter Zafra), Pichel, Pereda, Pachi, Seijas, Stilson, Carrasco, Nené, Carlos, o capitán Lamas “o Guitarras”, Furoco, que chegara procedente do Camariñas tras casar en Arteixo e, Toñito de Oseiro, un futbolista de enorme calidade que viña de xogar co Miño en 1º Rexional. Os da Baiuca foran os grandes animadadores do torneo durante todo o exercicio e para historia quedan resultados como o 6-1 ao Bergantiños, o 1-2 en Cerceda, o 1-3 en Laracha ou o 5-0 diante do Sporting Meicende. Mais os partidos mais agardados pola afición da Baiuca eran sempre os derbis contra o eterno rival, uns partidos de máxima rivalidade que por aqueles días se xogaban no Campo dos Cabalos. Na primeira volta desta campaña o Penouqueira gañara por 2-4 e na segunda, na antepenúltima xornada do campeonato, o Atlético vencera por 0-2, deixando practicamente sentenciada a Liga e o ascenso á 1ª Rexional. Unha formación habitual do decano naquela tempada 1980/81 era a formada por Antonio; Pichel, Castillo, Pereda; Mantiñán, Manolo; Furoco, Robusto, Lamas, Stilson e Toñito de Oseiro.

      Esta sería a derradeira campaña que os seareiros arteixáns poideron disfrutar dos derbis locais. A partir de aquí Atlético e Penouqueira farían camiños ben distintos. Os de Candame encamiñaríanse cara os mellores momentos da súa historia e os da Baiuca, lamentablemente, cara a súa desaparición. Probablemente, se os vermellos gañaran aquela Liga, hoxe o signo do fútbol en Arteixo sería outro ben distinto. Mais isto non deixan de ser meras especulacións e antes de que o Penouqueira dera o seu adeus definitivo ao fútbol federado, aínda escribiría algunha páxina máis na súa dilatada historia.

Artigo de El Ideal Gallego sobre os infantís do Penouqueira
    No exercicio 1981/82 con Manín no banquillo e cos reforzos de Barallobre, Berto, que chegara procedente do Sporting Ciudad, e do dianteiro José Luis (máximo goleador da liga de modestos herculina que viñera do Liceo), xunto coa incorporación de algún xogador do equipo xuvenil, caso de Mallo e Guillermo, que xa debutaran na tempada anterior co primeiro equipo, o Penouqueira faría unha boa tempada quedando cuartos neste grupo 2º da Segunda Rexional, detrás do Paiosaco, Bergantiños e Laracha. Tamén sería aceptable a campaña 82/83, onde son sétimos. Na seguinte, na 83/84, empezaríase a albiscar o escuro futuro que lle agardaba a entidade xa que o equipo, tras quedar cuartos pola cola, estaría a piques de descender á 3ª Rexional. Nesa tempada as alegrías viñeran por parte do cadro infantil, un equipo que, adestrado por Cedeira, non perdería un partido en dous anos. Naquel grupo estaban rapaces como Risco, os irmáns Jorge e Telo, Javi de Rozas, Toñito, que posteriormente chegaría a xogar no Fabril, Suso Cedeira, Búa, Colli, Chilo, Torreira, Marán, Jaime Pampín, Waldo, Cesar e os cativos do Rañal Miro, Josiño e Xabi Maceiras, o torcebotas autor desta pequena historia.

      Na campaña 1984/85, confirmando o mal exercicio anterior e logo de ser antepenúltimos do Grupo 1º de 2ª Rexional, o decano descende por primeira vez na súa historía á 3º Rexional, categoría na que só permanecería un ano xa que ascendería xunto co Marino de Mera e o Larín, que fora o campión do grupo. De novo na 2ª Rexional, na tempada 1986/87 e da man do técnico Pedro Vila, que fixera debutar nos modestos a varios xuvenís que tres anos antes integraran aquel equipo infantil que non perdera un partido en dous anos, casos de Jorge, Telo, Colli, Torreira ou Josiño do Rañal, o Penouqueira, daquela presidido polo recentemente falecido Jesús Iglesias, coñecido polos máis vellos por Chucho da Señorita, remata o torneo ligueiro na duocécima posición.

      E chegamos ao exercicio 1987/88, o último dos da Baiuca como equipo federado quenes, tras gañar só cinco partidos e empatar oito, volven a ser pechacancelas deste Grupo 1º da 2ª Rexional. Co descenso a 3ª consumido e sen candidato algún que se quixera poñer ao fronte da entidade a desaparición do equipo convértese, desgraciadamente, nunha realidade. Atrás quedaban vinte e sete anos interrumpidos disputando competición oficial. Para a lembranza quedan os partidos Penouqueira-Carnoedo, onde os da camiseta vermella conseguiron o último punto como equipo federado (1-1) e o disputado unha semana despois, o 24 de abril de 1988, diante do Tordoia (1-4) que, ata o de agora, é o partido co que o decano se despediu oficialmente do fútbol federado. Enrique Iglesias Rey, aló polo 1954, convertérase no primeiro presidente da entidade e, casualidades da vida, outro Enrique Iglesias, “Quico do Correo” para todos nós, no derradeiro.

      Unhas semanas despois do enfrontamento co Tordoia, o R.C.Deportivo gañaba no estadio de Riazor ao Racing de Santander con aquel histórico gol de Vicente no minuto 92, gol que salvaba aos herculinos do descenso á 2ª B e grazas ao cal se empezaría a formar o lendario SuperDepor, que en gran medida contribuiría a construir un home íntimamente ligado á historia do Penouqueira: Arsenio Iglesias Pardo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario