venres, 22 de decembro de 2017

PEPE VELO, "O SABIO DE LARÍN"

      Esta foi unha semana moi emotiva para dous dos adestradores arteixáns máis coñecidos: Arsenio Iglesias e Pepe Velo. Nun acto inesquecible no que a máis dunha persoa, entre elas a que escribe, lle caeu algunha que outra bágoa polas palabras que alí se escoitaron, especialmente as pronunciadas por Luís Alberto Martínez (presidente da peña deportivista de Oseiro La Cuesta), o técnico da Baiuca recibía este martes 19, unha máis que merecida homenaxe no salón de plenos do Concello sendo nomeado con todo merecemento Fillo Predilecto de Arteixo.

Pepe Velo (elnoticierodearteixo.com)
      Uns días antes, o xoves 14, o Centro Cívico acollía a VI Gala Provincial de Fútbol Base que cada ano organizan Áurea 5 e o Concello arteixán, un evento no que, no apartado de traxectoria deportiva, tamén se lle rendeu tributo a Pepe Velo, sen dúbida algunha unha das persoaxes máis significativas no eido do fútbol aficionado coruñés nas últimas décadas.

      Ben sabemos que Arsenio paseou o nome da súa localidade de nacemento por todo o Estado español baixo o alcume do “Raposo de Arteixo”. Caso semellante tamén foi o da localidade madrileña de La Hortaleza, que empezaría a ser coñecida grazas a Luis Aragonés, o chamado “Sabio de La Hortaleza”... mais un momentiño, aquí tamén temos o noso sabio particular, aquí temos a Pepe Velo, “o Sabio de Larín”.

      Nado nesta parroquia arteixá, concretamente no lugar do Piñeiro, o 20 de xaneiro de 1950, Pepe foi durante toda a súa infancia un neno pegado a un pelota, un neno que xogaba ao fútbol cos seus amigos na hoxe altamente transitada estrada AC-552, á altura do actual Bar Milagre, feito polo que seus pais foran sancionados nunha ocasión cunha multa de 50 pesetas da época pola Guardia Civil de Tráfico...”teríamos 10 ou 12 anos e xogábamos alí na estrada co meu balón...dúas pedras de cada lado facendo de porterías e ala, a darlle duro. Cando pasaba algún coche apartábamos uns intres e despois seguiamos co partido. Un día pararon os gardas de tráfico e marchamos todos escopeteados, pero eu voltei á estrada, ao noso “terreo de xogo”, porque esquecera alí o meu “YES”, o balón co que soñaba ser futbolista”.

Velo, futbolista do Larín
      Uns anos despois daquel incidente, Velo ficha nos xuvenís do Laracha. Dúas tempadas alí, nas que ata chegaría a disputar algún amigable co primeiro equipo, darían paso a súa fichaxe no once da súa parroquia de nacemento, entidade na que xogaría coma dianteiro ata o remate da campaña 1969/70, que foi cando o C.D. Larín deixaría de ser durante un tempo, ao igual que outros equipos da contorna, clube federado por mor da imposibilidade de cumplir, dada a importante cuantía económica das obras que había que afrontar, as novas esixencias que a Federación Galega de Fútbol impuxera naquela hora. Trala desaparición do Larín, Pepe ficha no Atlético Arteixo, que sería a entidade na que o noso protagonista poñería fin á súa traxectoria como futbolista federado para adicarse á Psicoloxía que, xunto á diplomatura en Traballo Social, foran as carreiras que cursara.

      No verán de 1975, ao pouco de rematar os seus estudos, o rapaz de Larín chega a Ourense para traballar no Hospital Psiquiátrico de Toén e dous anos despois, en xaneiro do 77, casa en Pastoriza con Lourdes, unha filla de galegos do concello coruñes de Trazo que nacera no municipio leonés de Fabero, na comarca do Bierzo, por ser este o destino do pai como garda civil.

      Tralo casamento a parella establece o seu domicilio en Ourense, onde Pepe continuaría varios anos máis exercendo no Psiquiátrico de Toén ao mesmo tempo que Lourdes tamén se gañaba a vida na rama sanitaria traballando como enfermeira no Hospital Provincial, onde un día atende a un pacente que respondía ao nome de Antonio Rodriguez. Na conversa pacente-enfermeira Lourdes cóntalle a este señor que o seu home Pepe era natural da parroquia de Larín, feito polo que a Antonio non tardarían en caerlle algunhas bágoas coa emoción do que estaba a escoitar xa que as casualidades da vida levárano a ser mestre da unitaria de nenos de Larín entre 1952 e 1954. Antonio Rodriguez viña sendo o marido da tan querida escritora ourensá Dora Vázquez, que fora mestra da unitaria de nenas de Larín dende 1952 ata 1967.

      En Ourense, onde nacería David, o único fillo do matrimonio, Pepe seguiría ligado ao mundo do fútbol fundando o C.D. Sanatorio Toén, equipo no que actuaba como capitán e que disputaría varios amigables co seu querido C.D. Larín que, tras unha longa paréntese, volvería a ser equipo federado na campaña 1979/80.

      En 1984 Velo e a súa familia abandonan a Cidade das Burgas e empeza a traballar na Delegación Provincial de Sanidade da Coruña, nunha unidade de saúde mental infanto-xuvenil. Son tempos nos que empezaría a compaxinar a súa actividade profesional coa súa paixón polo fútbol e, deste xeito, faise cargo dos equipos infantil e xuvenil do seu C.D. Larín ao mesmo tempo que realiza os cursos de adestrador de nivel 1 e nivel 2. O pouco tempo libre do que dispoñía nesa altura, xa que a parte da súa actividade profesional tamén estaría dando clases durante seis anos (1984-1990) no departamento de Traballo Social da Universidade de Compostela impediríalle obter o nivel 3 de adestrador, título que sacaría posteriormente.

Velo na súa etapa no Fabril
      Despois da súa extraordinaria labor en San Roque, onde permanecería ata o ano 1990, Pepe ingresaría no Calasanz, un dos equipos punteiros en traballo de canteira na cidade da Coruña. Alí, a súa metodoloxía de traballo empezaría a terse en consideración noutras entidades, entre eles o R.C. Deportivo da Coruña que o acabaría fichando en 1993 para traballar como segundo adestrador no Fabril, o filial do SuperDepor dos Bebeto, Mauro Silva, Fran e compañía. A chegada de Pepe “o Sabio de Larín” ao Fabril coincide cun troco na súa actividade profesional, xa que nese ano 93 empezaría a traballar no Sergas coma xefe de sección de inspección médica, cargo que ocuparía ata a súa xubilación.

Plantilla do Fabril 97-98 con Velo de 2º adestrador
  Velo permanecería seis tempadas como segundo adestrador do Fabril, as dúas primeiras (93-94 e 94-95) en Terceira División formando tándem con José Manuel Corral e as outras catro (95-96, 96-97, 97-98 e 98-99) con Carlos Ballesta en Segunda División B no que tamén estaba Tito Ramallo coma preparador físico. Aquel era o Fabril dos Dani Mallo, Aira, Padín, Viqueira, David, Maikel, Miguel de Vimianzo, o arteixán Adolfo e os laracheses Repi, Javi Fuentes e Carlos “o venezolano”, rapaces que nalgúns casos chegarían a debutar co primeiro equipo e que disputarían dúas promocións de ascenso a Segunda División, a máis lembrada a da campaña 96-97 disputada contra o Barakaldo, o Córdoba e o Elche na que os deportivistas chegaran a derradeira xornada dependendo de si mesmos mais, lamentablemente, acabarían perdendo ese partido en Riazor por 0-1 contra o Cordoba frustándose, dese xeito, o ascenso á categoría de prata do fútbol español.

Pele Velo cos ex deportivistas José Ramón e Fran
      Por aqueles mediados anos 90, “O Sabio de Larín” tamén entraría a formar parte do organigrama da Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Fútbol coma profesor titular de Psicoloxía Deportiva cargo, que, veintedous anos despois, aínda exerce na actualidade.
 
     Rematado o seu periplo como segundo técnico do Fabril, periplo que lle daría a oportunidade de coñecer a moitos futbolistas que acabarían xogando na Primeira División do fútbol estatal, Velo empezaría unha nova andaina ao converterse en adestrador de equipos da contorna como o Paiosaco, o Orzán, o Sporting Universidade da Coruña, o Olímpico de Rutís, o Orillamar ou o Sporting Meicende que, ao remate da tempada 2010-11, foi o clube no que puxo fin á súa traxectoria coma técnico para adicarse, dende entón, ao seu cargo na Escola Galega de Adestradores e ao seu querido C.D.Larín, equipo que preside dende o ano 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario