mércores, 25 de marzo de 2020

O BENFEITOR DE OSEIRO MANUEL REY SUÁREZ

   Nado en San Tirso de Oseiro o 1 de xaneiro de 1869, dende moi novo tivo moi claro que quería estudiar dereito, decisión que o pai non aceptaba xa que desexaba que o seu fillo fora cura. O rexeitamento da idea paterna levaría a Manuel Rey a quedarse sen carreira ..."serei avogado ou nada", dixéralle ao seu proxenitor. Mais as súas inquedanzas intelectuais acompañaríano toda a vida, unhas inquedanzas que o levarían a relacionarse cos persoeiros máis célebres da época, pois sábese con certeza que coñeceu e tratou a Manuel Murguía, Castelao, Basilio Álvarez ou, entre outros, a Wenceslao Fernández Flórez. Tamén fora moi amigo de Casares Quiroga. A súa amistade con él nacera na etapa en que éste se convertera en organizador das sociedades labregas, onde ambos coincidirían en numerosas asambleas agrarias nas que participarían activamente.

     Rey, que casara aos vinte e catro anos en Pastoriza con Genoveva Riveiro Castro (matrimonio do que nacerían tres fillos: Jesús, Clotilde e José), sería quen de integrar, na popular Unión Campesina, ás diversas asociacións agrarias do concello arteixán: Arteixo, Lañas, Meicende, Oseiro, Pastoriza e Suevos, a quenes representaría en varios Congresos Rexionais, como na I Asamblea Agraria de Monforte de Lemos, celebrada en 1908. Igualmente participaría noutras Asambleas Agrarias tanto a nivel nacional coma provincial ou local. Precisamente, nunha destas asambleas celebrada no verán de 1908, dera un mitin contra "las instituciones e integridad de la Patria" que estivera a piques de causarlle pena de prisión ou desterro.

     Nas Actas Municipais do Concello de 17 de maio de 1911, Manuel Rey aparece como Procurador Síndico, e en 1913, é concelleiro co alcalde do Partido Liberal, Toribio Salvadores Puente; en 1916 forma parte da comisión de Obras Públicas, e en 1918, é nomeado membro da Junta Local de Primera Enseñanza. 

Manuel Rey Suárez
 
     Comprometido parte do seu patrimonio familiar, en pro da Unión Campesina, vese na obriga, para tentar aliviar a súa maltreita economía, a emigrar a Cuba en 1918-1919 e, na illa caribeña, coñecería a un mozo que se convertiría amigo seu e admirador do seu talento o resto da súa vida. Estamos a falar de D. Manuel Iglesias Corral, co tempo prestixioso avogado que sería alcalde da Coruña en 1932; deputado en 1933; fiscal xeral da República no 36 e, despois da dictadura, senador pola C.D.G. en 1977; senador e deputado por U.C.D. e, finalmente, senador por A.P.

     En 1933, ao cumprirse o primeiro centenario do nacemento de Murguía en Froxel e con ocasión da inauguración dun monumento na súa memoria organizado pola Real Academia Galega, unha representación dos veciños da parroquia de Oseiro formada por José Naya Pan (bisneto de Antón Pan, padriño este de Murguía), Manuel Varela Rumbo, Pascual Prego Mosquera, Pedro Castiñeiras Lago e presidida por Manuel Rey Suárez, participa no devandito acto, depositando unha coroa de flores coa seguinte dedicatoria: "La parroquia de Oseiro a su ilustre hijo Manuel Murguía". No nome dos comisionados, Manuel Rey Suárez pronuncia o seguinte discurso que figura no Boletín da Academia Galega, nº 249 de 1.6.1933, páxina 196-197:

     "Representando en estos momentos una Comisión de entusiastas vecinos de la parroquia de Oseiro, en una de cuyas aldeas modestas -la de Froxel- nació el genio de las letras gallegas don Manuel Murguía, tengo el honor de saludar en nombre de la misma a las respetadas autoridades, a las apreciables damas y al pueblo en general.

     Después de tan humilde saludo, solamente vengo a decir que la parroquia de Oseiro, como cuna nativa del ilustre historiador y velando por sus tradiciones históricas, no podría sustraerse de concurrir con su sencilla ofrenda que, como un cariñoso beso de amor, venimos a tributarle en esta culta ciudad, depositando al pié de este hermoso y significativo monumento. Pues si un día manos piadosas de los vecinos de dicha parroquia prodigaron con celo cristiano a una afligida madre, cariñosos cuidados en difíciles momentos de ansiedad y aflicción, colmando de besos al nuevo infante que había dado a luz, muy justo es que prosiguiendo nuestra proverbial hidalguía, vengamos, cien años después, a contemplar el busto de aquel que fue hermano nuestro y coronarle flores.

     Solamente ahora suplicamos al pueblo de La Coruña que toda vez que estas flores tienen una doble misión que cumplir, que las recojais y amorosamente las depositéis, antes de que se pongan mustias, sobre la tumba que entre árboles y más perfumadas flores duerme el sueño eterno el historiador de Galicia y hermano nuestro Manuel Murguía".

Manuel Rey, primeiro pola esquerda, en Froxel
  
   Rey, probablemente o inspirador do Partido Galeguista de Arteixo (constituído no noso concello en abril de 1936), con motivo da aprobación do Estatuto de 1936 e tamén das eleccións, participa en diversos mítins e conferencias en varias localidades xunto a membros destacados do Partido Galeguista como Luís Seoane, Plácido Castro del Río, Vilar Ponte ou Suárez Picallo. En Arteixo, os mítins que se deran por mor do Estatuto do 36 e nos cales estivera Rey presente, celebráranse en Borroa, A Baiuca e Suevos, actos que organizaran o mestre de Loureda, Bartolomé Calderón, e o de Lañas, Antonio Platas Reinoso, ambos do Partido Galeguista. Tamén, con motivo das eleccións, houbera un mitín en Loureda no que falou Platas, o mestre de Lañas,  e o secretario xeral das mocidades galeguistas, Pedro Galán Calvete, que naquela hora tiña 18 ou 19 anos e uns meses despois, co golpe de estado, sería asasinado dun tiro na Corveira.

     Manuel Rey salvaríase das atrocidades fascistas grazas a amistade que tanto él, coma o seu fillo Jesús, tiñan co médico municipal José Amenedo Casabella, con gran influencia na política local, e cos curas de Arteixo e Pastoriza. Os últimos anos da súa vida dedicaríaos a facer particións de herdanzas, como perito práctico, e a dar clases particulares diurnas e nocturnas (estas a adultos), clases que serían un gran éxito pola cantidade de alumnos cos que contaba. Morrería de asistolia no seu domicilio de Oseiro o 3 de xullo de 1940. Contaba 71 anos e deixaba dous fillos: Jesús e Clotilde e descendencia doutro, José, que morrera antes que seu pai.

FONTES:

BLANCO REY, MANUEL (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Arteixo.
MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2017): Crónicas de Arteixo, Edicións Embora, Ferrol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario