No
día de hoxe o Concello de Arteixo comunicou que o Balneario será
público despois de asinar un acordo coa Fundación Amancio Ortega,
que doará o edificio para o converter nun equipamento público
social-cultural e de carácter interxeneracional para o disfrute de
toda a veciñanza. Non sabemos se a capela, testemuña
do
pasado
máis recente da vila de Arteixo
que
é propiedade do recinto termal, forma parte do devandito acordo. Oxalá
que si... e que se realice
unha
actuación acorde coa importancia dos
seus
200 anos de historia!
Nun
penoso estado
de ruina e
omisión, na actualidade
podemos observar
como as hedras
están
a piques de
apoderarse
xa
do campanario do
edificio
e, se ninguén o impide, en poucas semanas chegarán a campá, a
protagonista das
Crónicas de Arteixo
de hoxe.
Hai
unhas semanas vin,
coa claridade dunha
tarde soleada, unhas letras e
uns números
na campá da capela. Saqueille
unhas fotos co teléfono móbil.
Mais
pouco ou nada se podía ler polo
que, uns días
máis tarde, recurrín ao meu amigo Fran Naveira e
finalmente,
co zoom da súa cámara,
identificamos
o
que había escrito na
devandita
campá: HEBBURN-HALL 1871.
Campá da capela do Balneario (Fran Naveira) |
Descifrado
o enigma, a
miña
sorpresa foi maiúscula xa
que
sabía perfectamente que se trataba da campá dun barco do cal
deixara
unhas pinceladas nos
Contos
mariños de Carballo,
libro que me editou o Concello de Carballo no ano 2017. O amigo Fernando
Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar, tamén publicou
algunhas informacións sobre este buque no seu libro Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.
Campá da capela do Balneario (Fran Naveira) |
O
“Hebburn-Hall”
era
un
moderno navío
británico
de 846
Tn. que fora construído no
ano 1871
pola Palmers
Shipbuilding and Iron Company Limited, empresa
fundada
en
1852 por Charles Mark Palmer e que tiña a súa sede en Jarrow,
Condado de Durham, no
noreste
de Inglaterra, e
que ademais realizaba
operacións en Hebburn e Willington Quay, nas marxes do río Tyne.
O
vapor,
que tiña unhas medidas de 230,8 x 30,6 x 17,5 pés, era propiedade
da Hutchinson & Company, compañía de Newcastle, Inglaterra, que
bautizara o buque do que estamos a falar co nome da casa
señorial
de
mediados do
século XVII
que
aínda loce con esplendor en Canning Street, Hebburn.
Botado
nos
estaleiros do Tyne
o 20 de febreiro de 1871, o
“Hebburn-Hall”
de
seguro que xa navegara
en máis dunha ocasión
polo noso
litoral
antes
de que naufragara o 5 de outubro de 1873 nos Baixos de Baldaio,
cando facía travesía con cargamento
de carbón
dende
Cardiff
(Gales)
ata
as instalacións portuarias da cidade italiana de
Messina, ao
nordeste de Sicilia.
Clarexada
a incógnita da procedencia da campá da
capela do Balneario,
agora só nos falta saber como chegou a Arteixo.
Moitos
campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da
Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas
augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de
armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de
salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as
campás de Camelle, Arou, Cee, Santa
Cristiña (Berdoias, Vimianzo) ou mesmo unha das que hai no Santuario
de Pastoriza que, como
xa vos contei nesta bitácora hai máis dun ano,
procede do vapor alemán Kurfüst afundido
o
5 de maio de 1904 en Sagres, no sur de Portugal.
Naufragado,
como
dixemos anteriormente,
nos Baixos de Baldaio en outubro de 1873, é moi probable que o
“Hebburn-Hall”
permanecerá
nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico ata
que os chatarreiros da zona o retiraran a cachos do lugar no que se
fora a pique. Nunhas
inestigacións levadas a cabo por Fernando Patricio Cortizo e un
servidor, para a publicación do libro da autoría de ambos De
Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam,
soubemos que a primeira persoa que andivo á chatarra polo litoral
bergantiñán fora Mariano Grela, un home que residía en Malpica e
que, dende os primeiros anos do século XX, tiña unha gabarra en
propiedade e un buzo en nómina para despezar os buques afundidos
entre as Illas Sisargas e os Baixos de Baldaio, entre eles
probablemente o “Hebburn-Hall”.
Mariano
Grela contaba ademais con algunha amizade de gran peso político en
Madrid, como era o caso do deputado conservador coruñés José del
Moral Sanjurjo, que en realidade era o seu gran valedor na capital do
estado e, do cal puido axudarse para obter licencia da Armada para o
despezamento dalgún dos pecios afundidos na zona.
Segundo
o testemuño dos malpicáns Ramón Rodríguez Alfeirán e José
Blanco Haz, outra
das embarcacións que andivo
ao ferro na zona foi a gabarra de Cachán de Camelle, vila pioneira
do despece de buques. A chatarra que extraeu este tal Cachán
vendíalla posteriormente a unha gran empresa adicada ao salvamento e
despece de buques da época, a Santa Cruz, que
era propiedade da familia materna do prestixioso arqueólogo
submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, o cal nos concretou que
naquela época a empresa tiña algún almacén pola zona de Riazor e
na rúa Orillamar, na Coruña, ademais das bases de Camelle,
Corcubión e do Barqueiro. Andando no tempo, a Santa Cruz tamén
tería instalacións no Polígono Industrial de Sabón, nunha parcela próxima
ao ITV ocupada hoxe pola multinacional Inditex.
Outro
dos chatarreiros que extraeu ferro nesta parte do Atlántico foi
Cañogho de Corcubión, un home que posteriormente, ao igual que unha
gran cantidade de galegos da Costa da Morte, emigraría ao Perú a
traballar en Chimbote, que a mediados do século XX convertiríase
no porto con maior produción do planeta.
Cando
Cachán de Camelle se retirou, ou estaba a piques de facelo, uns
veciños seus empezaban a irromper con forza no sector e tomaríanlle
o relevo. Estamos a falar dos Petrallo, que eran expertos
mergulladores que dende o seu balandro “José Antonio” buscaban
botíns nos fondos mariños do litoral de Malpica e Carballo con
aqueles incómodos traxes de buzo de máis de 60 quilos de peso, no
que só as botas pesaban 20 quilos.
Á
mesma actividade da chatarra tamén se adicaba outra experimentada
familia de buzos da zona, os Dosil de Lira, que aparecen por este
recuncho do Atlántico pola década dos cincuenta do século XX.
Salomé Garrido Alfeirán, veciña do Rañal falecida recentemente (o
14 de febreiro de 2020) que nacera en Malpica en 1930, cando
andábamos á procura de datos para a elaboración do libro sobre o
naufraxio do vapor “Priam”, apuntounos simpáticamente que Manolo Dosil andivera moceando con súa nai Estrella e tamén nos
comentou que os mergulladores Dosil de Lira traballaron durante algún
tempo pola zona das Sisargas, onde recolleran una das campás do
“Priam”, e nos Baixos de Baldaio buscando tesouros da “cidade
asolagada”. Segundo o testemuño de Salomé, os Dosil rescataron
unha enorme chave nos propios Baixos de Baldaio
que lle entregarían, xunto coa campá do "Priam", ao párroco de San
Xulián de Malpica, que naquela hora era Santiago Abuelo Alvite, a quen
substituiría don Benigno Rocamonde Carril, que chegara a Malpica en
1947 procedente da parroquia de Santo Tomé de Monteagudo.
En
resumidas contas, e grazas aos valiosos testemuños dos malpicáns
que gardaban nun recuncho da súa memoria algún destes feitos,
puidemos descubrir o que realmente pasara co ferro das Sisargas e dos
Baixos
de Baldaio: Mariano Grela primeiro, logo Cachán de Camelle,
supostamente Cañogho de Corcubión despois e, entre
os anos corenta e finais dos cincuenta, os Petrallo de Camelle e os
Dosil de Lira, todos eles foron os despezadores de moitos dos buques
afundidos na zona, entre eles probablemente, o
“Hebburn-Hall”
Saber
como chegou a campá
deste
buque británico, afundido nos Baixos de Baldaio en 1873, á
capela do Balneario de Arteixo
é unha incógnita que trataremos de despexar máis pronto que tarde.
Seguramente
algún dos chatarreiros anteriomente nomeados tiveron algo que ver co
asunto.
FONTES:
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2014): De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, Edicións Embora, Ferrol.
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO (2016): Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, Ediciones Cartamar, A Coruña.
Parabéns pola descuberta e polo artigo, Xabier. Somos salitre!
ResponderEliminarMoitas grazas Fernando. Somos salitre, abofé!
EliminarEste blogue é xanela que nos mostra a nosa historia! Moitas grazas!
ResponderEliminarMoitas grazas Alberto!
Eliminar