PRESENTACIÓN DE XURXO SOUTO
Saúde e oceano!
Primeiro foron historias de cor laranxa, máis concretamente con sabor a Fanta. Aquelas mañás da infancia, da man do avó, Milio do Touciñeiro, a escoitar na taberna de Chucho os contos dun mundo que ocupaba a súa ollada toda: o mar
Alí soubo de Loron, o can do Genevieu de Galard, o pesqueiro bretón que se perdeu nas Aguieiras. Tamén dos seus nove tripulantes, aqueles mariñeiros que nunha mañá de xuño -para susto da señora Amelia- entraron coa súa estraña lingua na taberna do Rañal.
Desde entón o miúdo non parou de perguntar. Por iso agora -catro décadas despois- Xabier Maceiras vaiche oferecer, terrícola, toda a historia desta auga.
Da ponta da Atalaia, pola banda de Caión, até a Ponta Lagosteira. A costa do concello de Arteixo, no centro do Golfo Ártabro, encontro a peito aberto co Mar Maior. Universo abraiante que alaga ollos e corazóns. Extensión de fermosura da cal case nada sabemos.
Como no verso de Manuel Antonio, roubáronnos o mar. A base de polígonos, centrais térmicas e cheironas, a avareza do ser humano tentou tornar a costa en parte de atrás, un lugar invisíbel onde agachar vergoñas e refugallos. Estraña civilización esta, que machuca o que lle dá a vida. Promovéronse tristes recheos, eses que acaban de atinxir en Ponta Lagosteira a súa máis delirante expresión.
Mais ninguén pode calar o Oceano. E hoxe fala por boca dos seus naufraxios. Crónicas salgadas que, alén do dramatismo, nos descobren unha fecunda realidade: Eis está, diante de nós, a maior rota marítima do Mundo.
Cando lle perguntaron a Staffan Mörling por que viñera viver a un lugar tan afastado, no final da Terra, o erudito sueco respondeu: Un momentiño, Galiza non é o fin da Terra, é o centro do Mar.
Revoltémonos pois! Deixemos de estar de costas á costa!
Golfo Ártabro, das Sisargas até cabo Prior, ou Mar de María Antonia tal como o chamaban os vellos patróns. E no seu centro este seo arteixán que hoxe a palabra de Xabier Maceiras ilumina.
Da aldea do Rañal, imos avanzar por unha xeografía abenzoada. Auga que volta a ser nosa, porque o autor nos obsequia cos seus nomes: Pedra do Aguillón, o Paiolo, a Ermida, Pichón da Bogueira, o Castelo, Area da Salsa, Praia de Repibelo, a Arbosa...Luz que se estende pola praia de Alba, Valcovo, As pedras do Esteiro, Barrañán ou o areal do Reiro, pola banda de Chamín. Abranxe lugares que xa non son: A enseada da Becha, a ponta de Muros fagocitada co seu castro polo porto exterior. E sen dúbida, alumea as leiras do mar, caladoiros vizosos da Vixiadoira e as Aguieiras. Atlántico Arteixo que con esta obra recebe nome tamén de seu: Mar de Maceiras.
O mar daquel meniño do Rañal, o neto de Milio, que na taberna de Chucho principiou a transcrever en palabras esta canción salgada.
Hai escritores prolíficos quen de armar obras a eito. Hai outros -moi poucos- que están a vida toda a escrever o mesmo libro, iso si tan profundo como o oceano. Esta obra pois non é estrea, é apoteose. Grazas Xabier por tanto presente!
|
Xurxo Souto |
LIMIAR DE FERNANDO PATRICIO CORTIZO
Coñecín o Xabier Maceiras hai dous anos, e xa entón me dei conta que era unha persoa cunha sensibilidade especial para resgatar do pasado, preservar e difundir o noso patrimonio cultural, especialmente, o legado mariñeiro do litoral hoxe comprendido, entre os límites do actual concello de Arteixo, que se non fose polo seu proprio empeño e perseverancia, estaría a esmorecer e acabaría por ser inclusive, esquecido completamente.
O autor, foi quen de resgatar das hemerotecas e das diversas fontes bibliográficas, historias mariñeiras conmovedoras, como os naufraxios do Artic (1938) e do Oriente (1952) e outras ás veces, descoñecidas e tráxicas, resgatadas das memorias dos habitantes de maior idade, nas zonas de poboación que foron obxecto de estudo para este traballo. Todas elas, teñen a sorte de ver a luz por vez primeira, nesta rigorosa publicación. Esta obra, produto dun traballo de campo metódico e dunha investigación exhaustiva, consegue colocar no seu xusto lugar, na crónica marítima da Galiza, a faixa costeira ubicada xeograficamente entre Caión e O Portiño, ambas as dúas "antesalas" de lugares onde os naufraxios cóntanse por moreas; os Baixíos de Baldaio ao oeste e as Cons dos Pedridos e a "desaparecida" Pedra das Ánimas, (á entrada do porto da Coruña) ao leste, respectivamente.
Pola estrada da costa, que nos leva de Arteixo a Caión, mesmo antes de descermos ao lugar coñecido como Combouzas, móstrase á marxe direita desta vía, un painel do Ministerio do Meio Ambiente que marca o inicio, neste preciso ponto, da mundialmente coñecida Costa da Morte, dentro dos límites do litoral arteixán. Non en van, este traxecto costeiro é recto, con escasos abeiros para embarcacións menores (Suevos e Sorrizo) e con nengún para embarcacións de maior porte (o que vai provocar a odisea sofrida pola fragata británica Florence, no inverno de 1850, no abeiro de Sorrizo, narrada con todo luxo de detalles neste traballo), onde se alternan grandes e perigosas praias sementadas por ducias de baixíos e laxas cubertas a flor de auga con preamar, cos seus elevados alcantís, fortes correntes e o gran protagonismo da acción do vento na maior parte dos días do ano, factores que fixeron esta costa moi perigosa desde tempos inmemoriais para a navegación, e se cabe, máis dificultosa que outras nestas paraxes, azoutadas polo bravo Océano Atlántico.
Este traballo nos devolve á miseria e á pobreza da gran familia mariñeira galega da época, mostrándonos a súa face máis terrorífica, cando ocorreron os tráxicos naufraxios do "Antoñita", "Elvira" e "Unión", entre 1921 e 1933. Voltan a "salvar" as viúvas e os orfos dos falecidos náufragos as colectas públicas e os diversos actos caritativos para arrecadar fondos que, sobre todo, se suceden na cidade da Coruña por causa da inexistencia dun seguro que garanta o mantemento das familias que fican sen o seu cabeza de familia e principal sustento, falecido no seu respectivo naufraxio.
Nunha publicación destas características, as fotografías compiladas polo autor constitúen unha xanela ao pasado, onde nos podemos asomar á verdadeira historia gráfica, imprescindíbel tamén para entender os sinistros marítimos e as crónicas vencelladas aos mesmos, xunto ás do propio mar arteixán, mostradas sempre nun contexto histórico en estrita orde cronolóxica (a propósito, método que semella ser elexido finalmente por varios autores que nos dedicamos no país a escrever sobre naufraxios). Son de destacar neste traballo, as fotografías do paquetebote alemán Trier, a do bou belga Arctic, as das antigas cuadrillas de mineiros locais, a da avioneta norteamericana City of Galveston, e a do lagosteiro bretón Genevieve de Galard, entre outras. E por último, lembrando a importancia que tivo Suevos, como porto baleeiro no principio do século XVII, e como resquicio desta actividade no concello de Arteixo, fica nunha casa de Sorrizo, un óso dunha balea que varou na zona no ano 1957, que foi inmortalizado polo proprio Xabier Maceiras. Todas estas fotos, ben merecerían exporse en coleccións que pudese albergar un futuro museo etnográfico local.
Finaliza este traballo, cun chamamento á cordura institucional, por parte do autor, á desfeita cometida contra o ecoloxismo e contra o patrimonio na Ponta de Muros, en Cabo Cociñadoiro. Un antigo poboado, catalogado polos arqueólogos como o máis antigo da Idade do Ferro na Galiza, foi literalmente arrasado para construir o fracaso empresarial e megacomplexo do porto exterior de Ponta Lagosteira, soterrando nesta obra, totalmente prescindíbel, perto de un millar de millóns de euros. Se isto non for suficiente, un servidor, que tivo a sorte de facer pesca submarina no decurso de moitos anos polos seus fondos, pode testemuñar que a perda de riqueza ecolóxica e paisaxística na zona é brutal e infelizmente, irrecuperábel.
Concluo afirmando que o libro que teñen nas súas mans, "O mar de Arteixo e os seus naufraxios", escrito por Xabier Maceiras, proporcionaralles entretidos momentos de lecer. Para iso, non hai mellor demostración que corrobore o meu veredicto que mergullarse e desfrutar da súa leitura, como gostosamente fixen eu.
Mugardos, a 9 de maio de 2012
|
Fernando Patricio Cortizo |
INTRODUCIÓN DE XABIER MACEIRAS
"Eu de rapaz, como agora de home, tiña media imaxinación chea de relacións mariñeiras. E sabía tantas historias do mar como da terra. Non hai máis fermosos camiños que os do mar, que os camiños que soben os salmóns e as goletas de antano e que os grandes trasatlánticos de hogano. Dan estes camiños poder, riqueza, fantasía".
ALVARO CUNQUEIRO
Fábulas e lendas do mar
Sábese que a Costa da Morte non ten límites xeográficos precisos. Para uns comeza entre a Illa de Sálvora e Aguiño e finaliza nalgún punto indefinido próximo á cidade da Coruña. Outros din que ten o Cabo Vilán por límete sur e a Punta do Roncudo, xunto a Corme, por límite norte. Para moitos, as Illas Sisargas e o porto de Malpica é outra posibilidade de inicio. Sen querer entrar en debates e polémicas que a nada conducen, no quilómetro 2 da estrada Arteixo-Caión, á altura de Valcovo, hai un cartaz da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza que nos indica que a Costa da Morte principia neste punto.
É certo que o concello de Arteixo non ten a tradición de vila vencellada ao mar como teñen, por exemplo, Caión ou Malpica mais, para ben ou para mal, esta historia vai mudar coa actividade que vai xerar o novo porto de Ponta Lagosteira. Mesmo así, defronte ao noso litoral, un dos máis transitados nesta parte do Atlántico, navegaron ao longo dos anos o comercio marítimo romano (non deixa de ser curioso que na Coruña siga alumeando o gran faro romano) e as súas guarnicións invasoras; os saqueadores normandos e viquingos; os baleeiros franceses e bascos cando abundaban nas nosas augas os grandes mamíferos oceánicos; os navíos comandados polo corsario británico Francis Drake cando atacara a cidade herculina e o Santuario de Pastoriza en 1589; os barcos que se dirixían cara o novo mundo; os primeiros vapores de ferro; e xa na actualidade, fano a diario os grandes mercantes e petroleiros que, nos últimos tempos, foron provocando grandes traxedias medioambientais nas augas galegas convertendo a Galiza no lugar do mundo que máis mareas negras sofreu nos últimos cincuenta anos (Polycommander, 1970; Urquiola, 1976; Andros Patria, 1978; Mar Exeo, 1992; e Prestige, 2002), e isto sen contarmos os accidentes doutros barcos que tiveron verteduras tóxicas (Erkowit, 1970, e Casón, 1987). Nesta desgrazada estadística, somente se achega a Bretaña francesa, con tres mareas negras no mesmo período de tempo. Agardemos que non haxa que lamentar máis traxedias deste tipo no novo porto de Lagosteira.
En consecuencia deste tránsito marítimo, en Arteixo houbo afundimentos, naufraxios ou embarrancamentos máis ou menos trascendentes, alén doutros sinistros que aconteceron no noso mar, como por exemplo o combate aéreo que decorreu en agosto de 1942 entre avións aliados e nazis, caendo un dos alemáns moi perto do Cabo Cociñadoiro, ou a pequena avioneta americana "City of Galveston" que, pilotada polo aviador estadounidense William Richard Wyatt, precipitárase en outubro de 1957, a unhas vinte millas da costa de Arteixo, cando tentaba bater o record mundial de distancia en voo solitario.
Este traballo pretende recompilar o acontecido aquí, nas nosas augas, para non esquecer feitos que fan parte da nosa historia. Feitos como os que pasaron en Suevos en xullo de 1902, despois de que embarrancase o vapor alemán "Trier", ou nos últimos días de xaneiro de 1938, en Chamín, cando a veciñanza pensaba que o navío belga "Artic", embarrancado no Reiro, viña axudar aos republicanos; historias como as que viviu Amelia Naya, propietaria do Bar Chucho durante máis de cuarenta anos, cando apareceron no seu estabalecemento os sete mariñeiros franceses que naufragaran, nun día de xuño de 1969, á altura da Pedra do Aguillón, ou as vividas polo viciño de Sorrizo Anselmo Pardo, cando varara unha balea de máis de vinte metros en Barrañán no ano 1957; ou desgrazas como as das numerosas embarcacións pesqueiras afundidas perto do noso litoral. Algúns destes acontecementos, ficarían reflectidos na nosa toponimia costeira, como por exemplo a Furna do Triel (a carón da Gaianda) que leva o nome do vapor alí embarrancado no ano 1902. Hai persoas que á praia da Arbosa (a que está despois de Repibelo, mesmo antes do illote da Pedra da Herba) chámalle "a do francés" porque foi alí onde embarrancaría, após estar dous días á deriva, o "Genevieve de Galard", o barco sinistrado en xuño do 69. Unha ucha, é unha especie de arca ou caixa grande na que se gardaban os xéneros, roupas ou grans, e probablemente, despois dalgún naufraxio, o mar achegou unha, até a Area Pequena (Valcovo), praia que moita xente coñece como a Ucha. A lenda tamén di, que na desaparecida enseada da Becha, os barcos refuxiábanse para cociñar cando había temporal, e de aí que o cabo que había a súa beira levase o nome de Cociñadoiro.
A recompilación dos datos desta publicación comezou por unha lenda do mar, por un naufraxio acontecido nas Illas Sisargas no ano 1889 do cal me falaron dous viciños do Rañal, Adolfo Vazquez (Adolfo de Tiso) e Francisco Sanjurjo (Kiko de Pichel), e que a eles lle transmitiran os seus devanceiros. O barco sinistrado era o "Priam", un vapor inglés que facía a ruta Liverpool-Hong Kong e que, despois do naufraxio, a súa carga iríase espallando por toda a costa, de Malpica a Arteixo, tornándose o noso concello no centro de operacións dos raqueiros. Os dous homes, Adolfo e Francisco, faláronme de moitas riquezas, de reloxos de ouro e prata, dun cofre cheo de cartos e dun piano que, despois de que as correntes o achegaran até o areal de Alba, acabaría soando no primeiro Café que houbo na Baiuca, o "Berán", e anos máis tarde, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo. Na procura de información deste naufraxio, fun topando con outros sinistros que tiñan ocorrido nas nosas augas e que me conduciron a este traballo, que nace da curiosidade e paixón que sinto polas cousas do mar, desde que era un cativo (fun medrando escoitando centenas de historias que contaban os meus tíos maternos e o meu avó Milio sobre a recollida do golfe, dos obsequios que o mar deixaba nos areais, de naufraxios, de afogados..), e no cal a Asociación Cultural Monte da Estrela ofreceume a súa colaboración desde o primeiro momento. Para realizalo, as dúas obras de Fernando Patricio Cortizo "Historia da Costa Galega e os seus naufraxios", mostráronme o camiño a seguir. Igualmente, foi moi importante o sensacional traballo do historiador Felipe Valdés Hansen "Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX)", onde saen á luz episodios do século XVII relacionados coa caza das baleas en Arteixo, como tamén o foi "Tesouros Asolagados" de Miguel San Claudio Santa Cruz, a quen cumpre facer unha mención á parte pola súa relación co noso concello. Este home é familiar dos propietarios da "Santa Cruz", aquela empresa que tiña as súas instalacións a carón de onde hoxe en día está a I.T.V. (Inspección Técnica de Vehículos) do Polígono de Sabón, unha empresa que realizara os desmantelamentos do dique flotante "Príncipe Bernardo", que embarrancara no Rañal en decembro de 1984, e do mercante chipriota "Mitera Sotiria", que encallara na Ponta do Burro de Bens en decembro de 1988, dous sinistros que se narran aquí.
Xa para finalizar esta introdución, nótese que este é un traballo para termos presente e respetar a nosa toponimia marítima, para non esquecermos a nosa tradición cultural mariñeira, e tamén para lembrarnos ou tirar á luz feitos que fan parte da historia do concello. É un traballo sobre o mar, "O mar de Arteixo e os seus naufraxios".
|
Xurxo Souto, Xabier Maceiras e Fernando Patricio |
1850. FLORENCE (SORRIZO)
O domingo 5 de xaneiro de 1851, o xornal El Heraldo de Madrid publicaba nas súas páxinas a curiosa e insólita aventura que protagonizara, uns días antes, a fragata inglesa Florence, unha aventura coa cal se inicia esta viaxe de máis de século e medio polo mar de Arteixo. Suban a bordo!
A Florence era unha fragata de 800 toneladas que saíra, pouco antes do Nadal de 1850, de Liverpool cara a Africa con cargamento de ron e xenebra. Uns días despois de iniciar a singradura cara o continente africano, cando xa navegaba por augas galegas, veríase inmersa nunha borrasca espantosa, o mesmo temporal terrible que provocaría o naufraxio do Adelaide en Laxe, no que faleceran trece persoas, e o que levou ao buque francés Ville de Amiens a arribar no Parrote medio esnaquizado. Tras unhas horas infernais de loita co oleaxe, na que sufriría a perda do temón, a fragata inglesa quedaba sen mando e sen rumbo, moi perto da costa da costa de Arteixo, deixando o seu destino nas mans do mar enfurecido deses instantes. A tripulación, con pouca fe na salvación, agardaba irremediablemente o desenlace final, xa que vían como os fortes ventos reinantes do nordés empurraban cada vez máis á súa fragata cara as rochas dos alcantís próximos (probablemente entre Bens e Suevos).
Mais por sorte, a dotación do vapor Montrosse, que facía a ruta de Londres a Vigo e que nese momento navegaba a súa altura, viu o que estaba acontecendo e, con toda urxencia, acudiu no seu auxilio. No rescate, onde non houbo que lamentar ningunha perda nin tampouco houbo feridos, todos os tripulantes saltaron a bordo do Montrosse, que os achegaría sans e salvos ata a A Coruña, dando naturalmente por perdida a súa fragata Florence.
Despois duns días de estadía na cidade herculina, os náufragos embárcanse na goleta a vapor Villa de Madrid para regresar a Inglaterra. A bordo desta goleta e ao pouco de saír do peirao coruñés, os tripulantes albiscan a silueta dun veleiro no horizonte. A medida que se achegan, observan que cabecea coas velas totalmente esnaquizadas e sen rumbo. Móvese timidamente a impulsos do vento e do mar e aparentemente está baleiro, pois nada se move nin se escoita sobre a cuberta. Era un buque fantasma. O vapor, xa moi perto da posición do veleiro, aminora a marcha. Escoitase o renxer dos mastros dun xeito aterrador. A visión era arrepiante: un veleiro abandonado en alta mar. De súpeto, Guillermo Veale, o segundo piloto da Florence, recoñece a fragata e da unha voz tremenda: "á Florence, á Florence", dixo. "Quen quixera que me siga, que Deus a salvou e eu recólloa". Arriáronse con celeridade as chalupas do Villa de Madrid, despois de que a maioría da tripulación respondese á exhortación de Veale (a maioría, porque houbo mariñeiros, que ben por superstición ou ben pola pouca confianza que tiñan naquel buque fantasma, que fora capaz de capear o temporal durante varios días sen ningún home a bordo, decidiron seguir rumbo ás illas británicas na goleta a vapor) e unha vez a bordo da súa Florence, principiaron os arranxos para poder continuar a singradura cara a Africa.
|
Fragata inglesa de mediados do século XIX |
Mais infelizmente, ao pouco de reiniciaren a viaxe cara ao continente africano, experimentarían unha vez máis a situación angustiosa que viviran uns días antes, xa que novamente as adversas climáticas, voltaban a colocar a fragata en perigo, converténdoa nun xoguete do mar. A marexada empurrábaa cara ao oeste, cara a costa de Arteixo. Na procura desesperada dun lugar de abrigo, onde poder fondear e pórense a salvo, atopan por fin a enseada do Lourido, en Sorrizo, onde ante o perigo de embarrancar, largan as catro áncoras e agardan auxilio. Ao seu socorro non tardaría moito en acudir o vapor Península, mais non tería éxito no intento de remolque.
As novas da situación da fragata chegarían de seguida á Coruña, onde a preocupación pola perigosidade do fondeadoiro no que se vía forzosamente retida, moi aberto ao Atlántico, era enorme, polo que o cónsul británico, Eduardo Santos, tentaba conseguir coa máxima urxencia unha balandra para unha nova tentativa de remolcamento.
En Arteixo, a tripulación da Florence soportaría dous días aquela angustiosa situación, aínda que a preocupación e incerteza que estaban a vivir, de certo que non foi tanta despois de dar conta dalgún pipote de ron e xenebra que transportaban, e que probablemente compartiron con algún veciño de Chamín e Sorrizo. A balandra que xestionara o cónsul Santos aparece para dar remolque, mais terían que agardar dous días máis por mor do mal tempo.
|
Enseada do Lourido |
E cando por fin amainou o temporal, as dúas embarcacións levantaron áncoras para se faceren ao mar, poñendo rumbo ao porto da cidade herculina. Era o 31 de decembro de 1850 e ao Heraldo escribían o seguinte dende A Coruña:
"A las cuatro de la tarde del día de hoy se hallaba la mar en completa calma; solo una lijera brisa de S.E. quebraba el terso cristal de las ondas que reflejaban en variados cambiantes el hermoso azul del cielo. La población, que dejaba sus hogares para disfrutar de tan apacible tarde, seguía como impulsada uniformemente de un deseo, no el trillado camino del cantón ni la alameda, sino las orillas del mar en toda la estensión desde los muelles hasta los pelamios. Qué fenómeno ocurría, que novedad se esperaba que así movía las masas en una misma línea, esto es lo que se ignoraba hasta que se fijaba la vista en el horizonte. Dos puntos se destacaban entónces, uno grande, negro como un cuervo marino, y otro blanco y alado como una gaviota; aquel pesado, perezoso, casi inerte; este ligero, voltegeador y lleno de vida. ¡La Florence, la Florence! gritaba todo el mundo, y así era. El navío entraba en el puerto, empavesado con mil banderolas, sin velas ni timón, flotando en su popa la bandera inglesa y a su costado la balandra protectora, que como su égida la amparó en los mares y la escoltó en el puerto. Al frente de la hermosa Florence iban seis lanchas de Mugardos y el vapor Vencedor de Ferrol, haciendo vigorosas fuerzas para arrastrar tan inerte masa, contrastando su pequeñez con la grandiosidad del buque. Parecían escarabajos arrastrando el nido de un águila, y la fragata era mirada por los numerosos espectadores como pudiera serlo una virgen que con el circo romano hubiese triunfado de la fiereza de los leones haciéndoles lamer su planta. Cuando lanzaron al mar las anclas de salvación, un grito universal se levantó de las cubiertas de todos los buques de la bahía, pobladas de gente de mar y tierra que agitaban al viento sus gorras de mil colores. ¡Dios había salvado a la Florence!
O peirao estaba ateigado por coruñeses que querían ver de perto a chegada do buque fantasma, entre eles, probablemente, os recén casados José Pardo e Amalia Rúa que, uns meses máis tarde (16 de setembro de 1851), serían pais da súa única filla, a nosa xenial escritora Emilia Pardo Bazán.
A fragata inglesa despois de dúas semanas infernais, descansaba por fin ao amparo da baía herculina. A balandra que conseguira o cónsul Eduardo Santos, desde que prestara os primeiros auxilios nas augas de Arteixo, ata que ancoraron no porto coruñés, non a abandonaría en nengún momento, co obxecto de gañar o premio que, polas disposicións vixentes na materia na Gran Bretaña, se concedía aos salvadores dun barco.
|
Enseada do Lourido |
Após uns días de estadía na Coruña, deixaba a cidade e poñía rumbo cara a Inglaterra, nación que nesa altura estaba inmersa na organización da primeira exposición universal da historia, que fora concebida para mostrar o progreso e as marabillas de todo o mundo. O príncipe Alberto, home da raíña Victoria, fora o principal promotor desta exposición que decorrería en Londres, no Crystal Palace, inaugurándose no día 1 de maio de 1851.
Os arranxos dos danos da Florence demoraríanse máis do previsto polo que permanecerían na cidade tres meses máis. A tripulación, desesperada e farta de tanta espera, provocaría unha rebelión a bordo, situación que recollería o xornal La Época nas súas páxinas, no día 21 de marzo de 1851, ..."fueron conducidos a prisión cuatro marineros de la fragata inglesa Florence por sublevarse a la salida del puerto, negándose a continuar viaje a Africa".
1897. VICTORIA (SORRIZO)
Á
unha da tarde do luns, 12 de abril de 1897, a lancha Victoria
zarpaba do porto de Malpica cun cargamento de táboas de pino
destinadas á fábrica de tabacos da Coruña, industria manufactureira
que se puxera en marcha en 1808 e que naqueles últimos anos do
século XIX alcanzaría o seu punto máis alto de emprego, con 4.000
operarias nos diferentes traballos de elaboración e funcionamento da
tabacaleira, a cifra máis elevada da súa historia.
|
Trincado Villa de Cedeira construído en 1898, unha embarcación de carga de características semellantes ás que tiña a lancha Victoria (Bernardo Máiz & Enrique Freire (2009): As embarcacións tradicionais. Do arco ártabro a Ribadeo, Edicións Embora, Ferrol, páx, 103).
|
Tripulaban
a embarcación o seu patrón e propietario, José Martínez, e os
mariñeiros José Torrente, veciño de Pontedeume; Miguel Leira e
Manuel Leira, de San Salvador de Maniños (Concello de Fene); Juan
Cierto, Juan Ríos, Ramón Vila, Evaristo Vila e José Fernández,
estes dous últimos con domicilio na parroquia de San Martiño do
Porto (Concello de Cabanas). Agás Miguel Leira, que contaba 52 anos,
todos os demais eran mozos de 24 a 25 anos. Embarcaran tamén en
Malpica con varios paxes de peixe, Dolores Garrido, Ramona Varela,
Dolores Varela, Manuela Castiñeiras e Dolores Blanco, cinco mulleres
que ían a cidade herculina a vender os seus produtos. Ramona e
Dolores Varela eran irmás dun personaxe con sona na Malpica da
época, o ilustre Ignacio Varela, tenor galego nado nesta vila
mariñeira no ano 1864.
|
Imaxe do tenor malpicán Ignacio Varela (Joaquín Martín de Sagarmínaga (2010): Mitos y Susurros. 50 años de lírica en España, Editorial Zumaque, Alcalá la Real, Jaén, páx. 135)
|
Cando
a Victoria zarpou do porto bergantiñán o tempo non era malo,
mais ao pouco empezouse a notar un vento do nordés que non tardou en
converterse en furacanado. Naqueles intres, cando navegaban por
diante do litoral de Arteixo, caería ademais, unha boa treboada que
cubriría o horizonte cunha densa cerrazón. A viaxe principiaba a
ofrecer gran risco, polo que o patrón decide poñer rumbo a Caión
para refuxiarse neste porto.
De
minuto en minuto o vento era máis ameazador e o mar ía enfurecendo
de xeito extraordinario, embarcando a Victoria gran cantidade
de salseiros a bordo con perigo inminente de afundirse. Tanto José
Martínez como o resto dos tripulantes facían esforzos inauditos
para arriar as escotas, mais o vento derrubaba sobre cuberta os
mariñeiros. A confusión a bordo era inmensa, tan grande como os
esforzos en van dos seus ocupantes para gobernar a embarcación á
que, nun dos seus acentuados abaneos, acabaríaselle correndo a carga
sobre o costado de estribor facéndoa afundir nas proximidades da
enseada de Lourido.
|
Enseada de Lourido
|
Imposible
describir o acontecido naqueles intres. Os nove mariñeiros e as
cinco peixeiras de Malpica, que non tiveran tempo a darse conta do
naufraxio xa que viaxaban no camarote do patrón, irían nun abrir e
pechar de ollos ao fondo do mar. Medios de salvamento a bordo non
había, só unha pequena chalana de cabida para tres persoas que
remolcaba a lancha de José Martínez. Deuse o caso de que nun dos
primeiros golpes de mar a embarcación auxiliar ceibouse da principal
e, tralo naufraxio desta última, quedou flotando ao garete a unhas
trinta ou corenta brazas de distancia da Victoria. Os
mariñeiros que foran quen de saír á superficie empezarían a nadar
cara o casco da lancha naufragada que, ao envorcar, quedara coa
quilla ollando o ceo. Todos menos dous chegarían a termarse dela
mentres se mantivo a flote.
Tamén
aparecerían dúas das mulleres. Unha delas logrou asirse a unha
táboa e un dos mariñeiros, procurando salvala, apresurouse a xuntar
varios taboleiros para formar, como malamente puido, unha especie de
balsa que amarrou cunha corda. A esta mesma balsa, pequena e
insignificante, subiríase tamén José Fernández, outro dos
tripulantes que non fora quen de poñerse a salvo na quilla da
Victoria, mais a ondada iríaa separando e xa non se volvería
a saber máis daqueles infelices, o mesmo que da maioría dos
mariñeiros que permanecían asidos na quilla da lancha, que cando
afundiu definitivamente desaparecerían con ela. Só se salvarían
dous: o patrón José Martínez e o tripulante de Pontedeume, José
Torrente.
O
patrón, que aínda divisaba a chalana, naqueles
momentos de angustia nadaría
vigorosamente ata alcanzala. Estaba sen remos e sen toletes. Meteuse
dentro e pouco despois escoitou, moi próximos, berros desesperados.
Afundíndose ás veces e saíndo outras á superficie, viu, non moi
lonxe, unha das peixeiras de Malpica. Tratábase da rapaza de 18 anos
Manuela Castiñeiras, que estaba apoiada nunha táboa. Subiu a moza a
bordo axudado polo mariñeiro Torrente, que nadara ata aquel punto, e
a continuación os tres náufragos deixáronse ir impulsados polo
vento e as ondas.
Pola dirección que levaban déronse de
conta de
que non tardarían en esnafrarse contra as rochas do litoral de
Sorrizo. En vista disto tentaron dirixirse cara a Caión mais,
cando querían poñer esa dirección na pequena chalana, era
imposible xa que o mar rompía alí dun xeito impoñente. Terían que
virar a sotavento e encamiñarse cara a enseada de Lourido, onde ao
estar próximos a terra, como o arribo non era doado, Martínez
lanzaríase unha vez máis a auga, para suxeitar a chalana e, entre
él e o seu compañeiro Torrente, desembarcarían a Manuela
Castiñeiras.
|
Litoral de Sorrizo
|
Os
tres náufragos superviventes chegarían a pé a Caión, onde son
auxiliados polas forzas de carabineiros e pola veciñanza, que os
recollería nas súas casas. Pouco despois, coas primeiras luces do
día, saen do porto caionés varias embarcacións comandadas polo
patrón Martínez cara a costa de Arteixo, co obxecto de buscar máis
superviventes. Á altura do Lourido fan todo tipo de operacións para
atopar á Victoria e os corpos dos náufragos mais, despois de
inspeccionar durante todo o día cada punto e cada palmo do litoral
arteixán, os esforzos resultarían infructuosos.
O
que sí atoparon foi unha gran cantidade de madeira que a lancha
transportaba para a fábrica de tabacos. José Martínez, cando
andaba a procura da súa embarcación, chagaría ata o areal de
Sabón, onde xa había dous carabineiros que foran a pé dende Caión.
Segundo as crónicas da época, na praia había infinidade de persoas
"(…) que se dedicaban, burlándose de los
carabineros, imponiéndoseles por la superioridad numérica, a
recoger la madera e irla apilando o cargando en carros".
|
La Opinión de Pontevedra, 18 de abril de 1897
|
Aquilo
resultaba verdadeiramente escandaloso. Cando viron ao patrón, ou
mellor dito, cando se enteraron que era un dos náufragos, asediárono
a preguntas. Acerca do seu estado? Respecto ao número de víctimas?
Nada diso. Preguntaban polos cartos que a lancha levaba; se estaban
colocados nalgunha caixa; cal era o cargamento da embarcación; etc,
etc. Martínez, "que es un mozo fornido y valiente",
de seguro que de non estar tan rendido faría pagar cara alí, a
algúns dos presentes, a súa falta de humanidade e cobiza.
Mais
nada puidera facer. Uns minutos despois daqueles lamentables feitos
presentábanse en Sabón dous carabineiros máis, os do posto de
Pastoriza, a quenes o patrón informou do que estaba pasando no
areal. Unha vez souberon o que alí acontecía, os dous carabineiros
de Pastoriza xunto aos outros dous de Caión, empezaron a arremeter
contra os crebeiros arteixáns, feito que lles darían a estos máis
ánimos para tratar de acometer a acción das escasas forzas da orde.
Os carabineiros, véndose en apuros, dispararon varios tiros ao ar e,
a continuación, detiveron os propietarios dos dous carros que
estaban ateigados dos taboleiros que pretendían roubar.
Tras
este lamentable incidente, o patrón e o mariñeiro dirixiríanse á
Coruña e a moza Manuela Castiñeiras regresaría dende Caión a
Malpica. José Torrente era a cuarta vez que naufragaba e que, por
sorte para él, lograba salvarse. Martínez sería atendido na cidade
herculina na casa do seu parente Ramón Casal, onde estaría durante
varios días recuperándose do abatemento da traxedia na que
faleceran sete mariñeiros e catro pasaxeiras; un patrón que tiña
na lancha, gardados nun saquiño, 288 pesos que se cadra aínda
permanecen nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico.
Martínez tamén levaba un xiro dunhas mil pesetas endosado por D.
Santiago Cachón á orde de D. Santiago Cabanillas, da Coruña.
Unhas
semanas despois do naufraxio a prensa galega da emigración informaba
que “(…) por ahora no se tiene noticia alguna acerca de los
náufragos de la lancha 'Victoria', de Malpica, ni aparecieron
los cadáveres de las víctimas. Las pasajeras Dolores y Ramona
Varela, que han perecido, eran hermanas del aplaudido tenor Ignacio
Varela”.
_________
1898. EMBARCACIÓN PESQUEIRA (SUEVOS)
En novembro de 1898, moitas familias galegas agardaban con incerteza a chegada dos repatriados do Caribe. España perdera a Guerra de Cuba cos Estados Unidos e o Tratado de París, apenas pendente de sinatura (realizaríase o 10 de decembro), obrigaba a renunciar aos seus dereitos en Cuba, Porto Rico e nas Filipinas. Terratenentes, administrativos, exército e clero deixaban as últimas colonias do Estado español en ultramar e embarcábanse cara a Península. Durante as viaxes de retorno, as travesías polo Atlántico nos vapores "Alicante", "Conde Wifredo", "Covadonga", "Isla de Luzón", "Isla de Penay", "Montserrat", etc., foron aterradoras, xa que houbo numerosas defuncións a bordo, e os que chegaban, facíano nun estado de saúde lamentable, envellecidos polas doenzas, a fatiga e a fame ou, mutilados pola metralla. Antes e durante a guerra, estes navíos que chegaban de Cuba e de Porto Rico, coa finalidade de evitar a propagación do vómito negro e da febre amarela, tiñan que someterse ao rexime de cuarentena que, na Coruña, se cumpría no lazareto de Oza.
Os lazaretos eran hospitais ou instalacións similares, máis ou menos isoladas, que estaban situados a carón dos portos das cidades costeiras, onde se trataban doenzas infecciosas e se tiña en observación ás embarcacións, mercadorías e pasaxeiros procedentes doutros países contaminados ou sospeitosos de contaxio. O de Pedrosa en Santander, o de San Simón en Vigo e o de Oza, foron os de maior importancia na Península durante esta época, mais pouco despois de finalizar a guerra e coa perda das colonias, desaparece o rexime de cuarentena e en consecuencia, cesarían de funcións estes hospitais.
O "Conde Wifredo", un dos vapores que chegou á Península ateigado de repatriados, pasaba á altura da Punta Lagosteira pouco antes das seis da mañá do día 12 de novembro de 1898. Viña de facer singradura por Nova Orleans, A Habana e o Porto Rico e, comandado polo capitán Adraca, dirixíase cara a Coruña despois de catorce días de navegación. Levaba a bordo 282 pasaxeiros, moitos deles militares de alta graduación que chegaban acompañados das súas familias, e 120 viñan destinados ao porto herculino. Na patente da Habana, expedida o 25 de outubro, maniféstase que o estado de saúde pública do porto é satisfactorio mais que acontecen, porén, casos de febre amarela, polo que o barco, ao chegar á Coruña, non é admitido a libre prática, tendo que ficar dez días en cuarentena no Lazareto de Oza.
|
La Voz de Galicia, 15 de novembro de 1898 |
Pouco despois de que o "Conde Wifredo" pasase á altura de Punta Lagosteira, as inclemencias metereolóxicas ("...continúa desapacible y desigual, lo mismo que los aspirantes á regenerar el país en medio del caos político en que nos hallamos", informaba ese día sobre o tempo un xornal coruñés) e o mal estado do mar, dificultaban o traballo aos mariñeiros das pequenas embarcacións pesqueiras que faenaban nese punto. Unha delas convertiríase na triste protagonista, nas edicións do domingo 13 de novembro, dos principais xornais da época, despois de que estes se fixesen eco do infortunio que sufriran os seus tripulantes:
"Ayer a las ocho de la mañana se hallaban pescando percebes cinco hombres tripulando una pequeña embarcación en el punto denominado Cabo Langosteira, situado a cinco millas al O. (legua y media) de la torre de Hércules). Un golpe de mar hizo zozobrar la embarcación y todos los tripulantes cayeron al mar. El patrón fue quien consiguió ganar a nado la orilla, y medio desnudo subió a un monte próximo y comenzó a demandar auxilio. Se lo prestó una embarcación que se hallaba algo distante tripulada por cuatro hombres, acudiendo al lugar del suceso. Allí pudieron salvar a dos de los tripulantes del bote náufrago que se mantenían asidos a la quilla del mismo. Manifestaron los dos infelices que los otros dos compañeros habían ya desaparecido entre las olas. Los tripulantes de la embarcación naufragada son del lugar de Suevos, inmediato a Arteixo. Los salvados se restituyeron inmediatamente a sus casas en el mismo bote que los recogió. Se llama este el "San José", lo patroneaba José Sánchez Sánchez, y es de Riazor. Por la Comandancia de Marina se pidieron detalles del naufragio y nombres de los perecidos y salvados".
|
Pequena embarcación pesqueira a finais do século XIX |
O martes 15, os xornais daban máis información do sinistro de Punta Lagosteira e informaban tamén, da morte dunha pasaxeira do "Conde Wifredo":
"Los dos infelices marineros naturales de Suevos que perecieron ahogados uno de estos últimos días en las inmediaciones de la Torre de Hércules, llamábanse Benito Patiño Vázquez y Matías Lorenzo Martínez. Eran casados, y tenían 40 y 37 años, respectivamente. Deja cada uno de ellos cinco hijos de corta edad. Los marineros que lograron salvarse llámanse Antonio Villaverde, Domingo Villaverde y Rosendo Martínez Vázquez".
"En el lazareto de Oza falleció uno de los pasajeros que allí desembarcaron del vapor "Conde Wifredo". Fué una mujer la fallecida; llamábase María Cuberto y Casanova. Estaba casada, pero no se conoce el nombre de su esposo ni el de sus padres. Tenía la finada 28 años. Falleció de hepatitis. Recibió sepultura en el cementerio del lazareto".
|
Lazareto de Oza
|
1902. TRIER (SUEVOS)
Nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumorexábase, nas primeiras horas da tarde do domingo, 6 de xullo de 1902, que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara perto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", novas que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser día festivo.
Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen (cidade na que estaba matriculado) para facer singradura cara á Habana e Veracruz con 54 tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba) e Oscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana, e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana. Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo e, no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cimento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para embrullar, mais tamén levaba baixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura e queixos.
O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen, e tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu deslocamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. Tiña unhas dimensións de 308 pés de popa a proa, 42 de manga e 50 de puntal e, un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo e, fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.
O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumorexos que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se estendería a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretizar o punto exacto do sinistro..."detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián.
|
Illote da Gaianda (Suevos, Arteixo) |
O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa brétema existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con néboa é doado confundilos e, deste xeito, o "Trier" embateu coas rochas da Gaianda provocando un grande estourido.
Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, unha veciñanza que se achegaría ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose..."eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Gaianda. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo!. Mais veñen todos bébedos porque só así se explica!. A néboa abofé que era cerrada, mais ben se vían as rochas, e ademais este nen é rumbo nen é nada!. Sentín un tumbo moi grande. Miña Señora!. Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como o demo este bruaba, bruaba..." Enrique Bello, outra das testemuñas e viciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver defronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico...Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda.
As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegarían máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, de seguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Esta abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu, agardando que o "Trier" pudese continuar viaxe.
Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.
No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas até que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido...apreciándose a sacudida que imprime. Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposíbel continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis perto. Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chegase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá mandar arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posíbel facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.
|
La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902 |
O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetaría, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posíbel por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inutil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico, e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega até A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.
O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento se encontraba en Xibraltar. Continuaban chegando infinidade de persoas até o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e na de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrontar os raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba...
|
Praia de Bens antes da construcción da Refinería de Meicende |
Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións cheas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto pudesen. Este feito provocaría que o día 11 de xullo foran detidas dúas embarcacións carregadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz. Outra das embarcacións que rondaba perto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado. "Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros. Un deles, José Noya, que estaba moi perto da "San Francisco", dispara un tiro acima da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vazquez e o rapaz Basilio Freire (unha bala atravesou a perna dereita sobre o xoello de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio). Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron para posteriormente varios homes do barco deixaran a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas.
O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notábel. Visto isto, era comprensíbel que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.
O domingo,13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa" (hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival era o Football Club Coruña, que en 1906 convertiríase no R.C. Deportivo) cuxo capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga
|
Fábrica de mistos de Zaragüeta (Nuevo mundo) |
continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban até os armacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.
O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", voltaría a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".
|
La Ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902 |
Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).
O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.
O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nen un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.
En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galiza e Alemaña.
Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había. Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, até que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos. As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tais destrozos no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.
O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), partirían para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".
Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciaríase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbo, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.
O MANCO DE SADA E O
NAUFRAXIO NO RAÑAL DA RAPETA “SAN JOSÉ” EN 1912
Dúas das
webs
que visitamos con bastante asiduidade na
rede son www.patexeiros.org e memoriadesada.com, que
levan tempo traballando dun
xeito admirable
no arquivo fotográfico da vila de Sada e na recuperación da
historia do municipio. Neses
espazos virtuais,
podemos ver fermosas imaxes antigas que nos conducen ao noso pasado
máis recente,
imaxes como
a
de
Xosé María Pena Rey, un
vello mariñeiro da localidade que era
coñecido polo alcume de Xorxe
o Manco.
A
pé de foto desa instantánea, que foi tomada
no porto de Sada en 1946, aparece
unha pequena
homenaxe
de Lina, unha das netas de Xorxe, que recorda ao seu avó do seguinte
xeito:
“El
era o meu avó, viudo con 39 anos (a muller morrera na epidemia da
gripe) e con seis fillos. Unha boa persoa. Perdera o seu brazo no
mar, o que non lle impediu seguir traballando de mariñeiro, non
quedaba outra. Todo o seu capital era o seu corpo e o mar. Coa axuda
dos seus sogros quitou os fillos adiante. A pesar de todo era alegre
e divertido. Como bo mariñeiro tamén lle gustaba unha copa de caña
¡ou duas! Historias coma a del houbo moitas naquel tempo pero case
sempre lle tocaba vivilas ás mulleres. A miña homenaxe e cariño a
meu avó e a todos os que coma el loitaron para que nos o tiveramos
máis fácil. Un día viña de traballar do mar e atopouse con un
rapaz de 18 anos, preguntoulle se podía quitarlle unha foto e
díxolle que si, e aquí está, esta preciosa instatánea. Isto
contoumo o fotógrafo que lla fixo, sesenta anos despois. Este era
Miguel Noya Moneró, profesional en Madrid e de xente de Sada. A súa
casa é a antiga tintorería da Tenencia. Síntome moi orgullosa de
meu avó, sin capital ningún pero sempre con unha sonrisa, o pitillo
de picadura colgado da boca e cantarexando”.
|
Xosé Mª Pena, o manco de Sada (memoridadesada.com) |
Pois
ben, o curioso
do conto é que a día de hoxe, moitos anos despois de ser tomada a
instantánea da
que nos fala
Lina,
en Arteixo aínda hai xente que se lembra de seu
avó
Xorxe, que era coñecido por
estas latitudes
polo alcume do Manco
de Sada, xente
coma
Carmen Nión, nena
do
lugar
de Sabón de
finais da década dos cincuenta
que hoxe desfruta da súa merecida xubilación
e
que garda na súa memoria algún
conto que escoitaba
na
súa casa…
“meus
pais
dicían que lle faltaba un brazo e que viña por Sabón a buscar
xente para axudar
a
tirar das redes; despois dáballe
peixe
aos
veciños da aldea”.
Carmen
Nión referíase ás redes da rapeta,
unha arte
de pesca semellante ao boliche e á xávega, que mestura o cerco e o
arrastre e
que se facía dende as praias. O mariñeiro e poeta Xosé Iglesias
comentounos que a rapeta era… “un
aparello que agora non se utiliza porque está prohibido. Arriaban a
rede dende terra, dende as praias, e cunha chalana extendíana. Logo,
no
outro extremo, tiraban do aparello para cercar o peixe dende os
areais. É dicir, o aparello estaba en terra, un extremo collíao
unha embarcación que ía vogando e
cercando
o peixe facendo
coma un
semicírculo e, despois,
chegaba con ese extremo á outra parte do areal, onde agardaba moita
xente, incluso con animais, para tirar do aparello ateigado
de peixe
cara a terra. Noutros puntos
do litoral galego, coma en Fisterra chamábanlle a “arte”.
Istos
aparellos
eran,
segundo o sadense Emilio Santos, os que
enchían
con
fartura os píos
das fábricas de conservas e salgadura.
O mesmo cercaban sardiña, parrocha, bocarte, xurelo,
xarda, robaliza,
calamar... todo
o que entraba
no saco. Largaban
os aparellos mesmo de noite que tamén
polo día. De noite, ao
arder
as aguas, os mariñeiros coñecían a crase e cantidade de peixe que
había en
cada punto do litoral polo que pasaban.
Cunha choupada que
se dese, se había peixe, acendíase as aguas do mar, intre que se
aproveitaba para facer o lance. De día, o cerco facíase cando o
mascato, o
aro
ou a
gaivota
ceibábanse
dende
o alto do ceo ao
mar. Así,
grazas aos paxaros que voaban sobre a zona, era como os mariñeiros
situaban o arreallo ou mansío.
|
Andando á rapeta (patexeiros.org) |
A
relación do
Manco de Sada co
litoral de Arteixo xa viña de moitos anos atrás. Viaxando na
máquina do tempo chegamos ata a
madrugada do 28 de maio de 1912, día
no que
unha nova traxedia mariña tinguía
de loito esta
parte do Atlántico. Falamos
do sinistro da súa
pequena embarcación “San José”, naufraxio
do que daba cumprida conta dous
días máis tarde o
xornal
La
Voz de Galicia
co
seguinte artigo:
ACCIDENTE
EXTRAÑO. UN HOMBRE MUERTO Y OTRO HERIDO
A
las cinco y media de la mañana de ayer encontrábanse pescando en el
punto denominado Sabón, cerca de Caión, Manuel Taracido Orco, Juan
López, Nicolás Gómez y José Manuel Pena Rey, tripulando un bote
que este último patroneaba. Un fuerte golpe de mar cogió atravesada
la embarcación, haciéndola zozobrar, y quedando con la quilla al
sol. Tres de los náufragos fueron recogidos por otra embarcación
que próxima al lugar del suceso pasó a los pocos momentos del
accidente. Otro de los tripulantes, el joven Nicolás Gómez,
desapareció de la superficie, sin que se le hubiera podido prestar
auxilio. El infeliz, que apenas sabía nadar, pereció ahogado. Tenia
diez y seis años y habitaba en la villa de Sada con su familia. El
patrón del bote también resultó herido gravemente.
Acerca
de este suceso hay otra versión que reviste gravedad. Se dice que
hallándose los cuatro hombres pescando con dinamita, uno de los
cartuchos hizo explosión á bordo, matando al Nicolás Gómez, e
hiriendo gravemente al patrón. La cosa no debe ir fuera de camino,
cuando el patrón según dice un oficio de la Ayudantía de Marina de
Sada recibido ayer en la Comandancia del puerto se encuentra en esta
capital, sin duda curándose aquí para eludir la acción de la
justicia. Al patrón le falta una mano que ya perdió en otra
ocasión, cuando se encontraba pescando en la misma forma.
Outro
dos xornais da época, La Correspondencia Gallega,
na súa edición do 31
de maio de 1912 informaba o seguinte:
EXPLOSIÓN
EN UNA LANCHA.
Dicen
de la Coruña que una lancha pescadora del puerto de Sada, a poco de
salir para las faenas pesqueras, sufrió un accidente debido al uso
de la dinamita. Cuando uno de los tripulantes, un muchacho de 16
años, llamado Nicolás Rodríguez, se disponía a echar un cartucho
al agua, estalló este en sus manos dejándolo muerto en el acto y
horriblemente destrozado. La explosión irió de gravedad al patrón
de la embarcación, un tal José Pena, que hace ya tiempo había
perdido una mano al pescar con dinamita. La lancha quedó destrozada
y el resto de la tripulación pudo salvarse. Al propio tiempo que se
lamenta la desgracia ocurrida, se censura vivamente la escasa
vigilancia que se ejerce por las autoridades sobre este sistema de
pesca que tanto daño causa en todos los órdenes.
O
7 de xuño, unha semana despois do sinistro acontecido á altura dos
areais de Alba e Sabón, aparecía
na Furna das Corveiras, hoxe sepultada polo cemento do Porto de Punta
Langosteira, o cadáver do
mariñeiro
Nicolás Gómez “(…)
cuantas
personas, que no fueron pocas, desfilaron por ante el cuerpo,
no han podido identificarlo.
Hay que advertir que el cadáver está muy desfigurado. Se ordenó,
en vista de todo esto, al juez de Arteijo que practique activamente
cuantas diligencias de averiguación estime convenientes. Parece que
se trata del joven Nicolás Gómez
que pereció ahogado días
pasados, en el naufragio de la lancha San
José.
El activo juez de causas de la Comandancia de Marina, Sr. Lacaci, se
trasladó ayer
mismo al indicado punto, con el fin de proceder al levantamiento del
cadáver, y practicar las demás diligencias”.
Tras
aquel sinistro a vida de Xorxe, o Manco de Sada, non
sería doada. A gripe de 1918 segaríalle a vida a súa muller
deixándoo viúvo e con seis criaturas que sacaría adiante co seu
duro traballo no mar e coa axuda de sus sogros. Como di a súa neta…
“perdera o seu brazo no mar, o que non lle impediu seguir
traballando de mariñeiro, non quedaba outra. Todo o seu capital era
o seu corpo e o mar”.
Rematamos
con outra homenaxe, a escrita polo seu neto uruguaio José Javier
García Pena:
El
Remiendo
A
José María Pena Rey, “Xorxe o manco”, mariñeiro
Ahí
estás. Para siempre. Desafiando a la mar, tu salobre despensa.
Joaquín
Sorolla veraneaba, rescatando luces, en Valencia, lejos de las rías.
Hemingway,
en Madrid, Pamplona y Cuba, se emborrachaba de toros, mujeres,
redacciones y ron caribeño.
¡Galicia
le quedaba tan trasmano…!
Patxi
Andión, por no apurarse a nacer, se perdió el mejor poema de mar.
Los
tres retratistas te disputarán para modelo de sus artes.
Te
inmortaliza la inteligente mirada de Noya Moneró.
Pero,
¿quién, quién, cantará la ausencia de tu mano, la gravedad de tu
enronquecida voz?
Soy
nadie, pero gallego. Y yo lo haré; préstame tu acento.
Y
cantaré a tu única mano y a tu muñón temido.
Yo
canto a esa mano, perdida, mar adentro, el mismísimo día en que
ganabas, en la ribera, tu segunda hija.
Canto
a tu gastada camisa azul de faena, con sus bolsillos olorosos a
tabaco y pedernal.
Canto
a aquel eterno pitillo colgando de tus labios. A tu pelo cano. A tu
cara, ríspida de barba.
Canto
a las honradas manchas de tu ropa de fajina, impregnada de olor a
linaza y brea.
Pero,
sobre todo, canto a tu pantalón, nuevo antes de la guerra, luciendo,
ahora, la condecoración al trabajo, que tiene forma de remiendo en
tu pierna derecha.
Canto
a las manos que inventaron ese retazo de amor en tu rodilla, las
mismas que zurzieron fondillos infantiles; las manos de tu hija
mayor.
Canto
a la madre que me diste… abuelo.
15
de Agosto de 2013
José
Javier García Pena de Sada- Uruguay
O NAUFRAXIO DA BUCETA "LOLA" EN 1920
Na mañá do día 2 de xuño de 1920 a buceta "Lola" naufragaba á altura do Rañal e, dos cinco homes que a tripulaban, dous morrían afogados. Arteixo cubríase novamente de loito, un Arteixo que neses días aínda continuaba conmocionado pola tráxica morte, uns meses antes, de Carmen Rita Fernández, muller de Bernardo del Río Busch, "O señorito de Suevos", a mans deste e do seu criado Manuel Folgar, "Graiño". O chamado "crime de Suevos" tivo lugar en Rega, na parroquia de Pastoriza, na noite do 19 de marzo de 1920 e deixou orfos de nai aos dous fillos do matrimonio, unha rapariga de catro anos e un meniño de tres. O asasinato, que aínda se mantén na memoria dos veciños de máis idade da bisbarra, conmocionaría ao noso municipio e a toda a comarca. Bernardo del Río e Manuel Folgar foron condenados a case quince anos de cadea mais, por indulto, tan só cumprirían a metade. Pouco despois de saír do cárcere, o "señorito" emigraba para a Arxentina e o criado casaba en Suevos.
Ramón Fernández, máis coñecido polo alcume de "Cuco", José Rizaola "Rizolas", Enrique Prego "Chorín" e os fillos do "Patacón", Manuel e Vicente Pargas, saían dos seus domicilios de San Roque, na parroquia coruñesa de San Pedro de Visma, nas primeiras horas do mércores 2 de xuño de 1920 para dirixirse cara O Portiño, onde tiñan a súa pequena embarcación.
A "Lola" era unha buceta duns seis metros de popa a proa, propiedade de Ramón Fernández, que a adquirira había xa algúns anos. Este tipo de embarcación, propia das Rías Altas, usábase principalmente para a pesca con liñas e artes menores e, tamén, como auxiliares doutras embarcacións maiores. Nesta época, construíanse moitas bucetas nas carpintarías de ribeira de Betanzos, Pontedeume e Santo Amaro, na cidade herculina.
Xa a bordo da "Lola", o patrón pon rumbo cara ao litoral arteixán, onde fondean á altura do Rañal. Pouco despois de que os mariñeiros comezaran a traballar co mediomundo, unha rede circular que xa hai tempo que deixou de utilizarse, a embarcación foi envolvida por unha rompente que a fixo envorcar, caendo ao mar os cinco tripulantes.
|
Pequena embarcación pescando co mediomundo (Ruth Matilda Anderson) |
Na loita por salvar as súas vidas, o patrón Ramón Fernández, Enrique Prego e o rapaz de once anos José Rizaola, medio moribundos, conseguen poñerse a salvo na quilla da embarcación e comezan a berrar pedindo axuda.
Ás voces de auxilio que daban os tres náufragos acudiría rapidamente a lancha pesqueira "Catro amigos" que, patroneada por José Méndez Lamas e tripulada por catro homes máis, tamén faenaba pola zona. Méndez, con gran valentía, sería quen de realizar o salvamento dos tres sobreviventes, a quenes posteriormente conduciría ata O Portiño.
Dos outros dous mariñeiros que ían a bordo da buceta "Lola", Manuel e Vicente Pargas, de 17 e 19 anos respectivamente e coñecidos entre a xente do mar como os fillos do "Patacón", nada se soubo a pesar de que algunhas embarcacións do Portiño navegaron pola zona durante horas. Os seus corpos aparecerían días máis tarde.
A HISTORIA DO PAILEBOTE "ESKUALDUNE" ACONTECIDA EN SORRIZO EN 1923
Ás 10:00 horas do xoves, 6 de decembro de 1923, o vixía de Monte Alto comunicáballe aos prácticos do porto herculino, e estos ao comandante de Mariña, que un pailebote de boa tonelaxe, estaba sendo xoguete das ondas e o mar arrastrábao sobre as rochas do Monte de San Pedro.
De inmediato faríanse xestións para que o "Landro", un buque dos que se encontraban no porto da Coruña, saíra de contado con dous prácticos na procura do pailebote indicado. Cando o "Landro" estaba disposto para ir en busca da nave en cuestión, o vixía avisou que o barco se ocultara tras o monte de San Pedro, mais que outro buque de vapor se achegaba a el.
Un novo aviso telefónico realizado momentos despois, indicaba que o pailebote viña remolcado por un vapor francés e que se dirixía cara A Coruña e por iso, en vista que o auxilio non era necesario, o "Landro" desistiría de facerse á mar e continuaría coas súas faenas de alixo de mercadorías na Dársena.
Os prácticos do porto, José Español e José Osorio, saíron minutos despois na procura de ambas naves para fondealas na baía, feito que se efectuaría a media tarde, dado que o remolque fixérase con lentitude por mor das condicións en que viñan o pailebote e o vapor francés.
O "Eskualdune", o pailebote francés en cuestión, de 610 toneladas de rexistro, saíra o 30 de novembro de Lisboa con dirección a Saint-Malo, cidade portuaria de Bretaña, no noroeste de Francia, despois de cargar no peirao lisboeta 820 toneladas de sal e 40 bocois con viños portugueses.
O temporal dos días posteriores, e sobre todo a galerna do 5 de decembro, puxeron ao pailebote en grave perigo desbaratándolle a popa, rompéndolle as velas, que quedaron totalmente escachizadas, facendo saltar as cadeas que suxeitaban o bauprés (1) e esnaquizándolle o temón.
Ao quedar sen goberno na madrugada do día seguinte, 6 de decembro de 1923, os tripulantes do Eskualdune lanzaron a altura das Sisargas varias bengalas en demanda de auxilio mais, ou ben porque non foron vistos dende a Torre de Hércules, ou como é lóxico, por estar incomunicados por mor do fortísimo temporal, o caso é que ninguén sairía da Coruña para darlle socorro ao pailebote francés.
|
Litoral de Sorrizo |
A noite sería dura, moi dura, para os dezaseis mariñeiros que tripulaban o "Euskualdune". O barco facía auga por todos os recunchos, pese a que as escotillas estaban pechadas e que a tripulación fixera funcionar as bombas de achique para evitar que o pailebote se inundara. Naquel intre as gretas da popa permitían entrar moita auga no interior do buque. Das velas só lle quedaban ao "Eskualdune" os foques e era imposible colocar as de reposto porque as ondas varrían a cuberta ameazando levarse calquera obstáculo. Ata que o temón funcionou, a nave continuaría avanzando lentamente, mais ao quedar sen goberno, entre as tres e catro da madrugada, creeron a bordo que todo estaba perdido e fondearon coa áncora de estribor nuns cincuenta metros de auga, ao fin de evitar que o mar os estoupara contra o litoral. O "Euskualdune" encontrábase naquel intre na costa de Arteixo. Mais un novo contratempo chegaría aos poucos segundos xa que un dos elos, os aros que forman a cadea, quedara atrancando impedindo que a áncora tocara o fondo mariño, feito polo que o pailebote quedara á mercé das ondas, que o arrastraban contra o litoral de Sorrizo e Chamín.
Coa claridade do día, a tripulación do "Euskaldune" daría voces de socorro, mais de nada servirían e foi preciso agardar a que clarexase máis a mañá. No horizonte, a consecuencia dos chubascos de aquela hora, pouca visibilidade había. Os mariñeiros decidiron lanzar máis bengalas coa esperanza de que alguén os vira e, ao fin, as súas sinais de demanda de auxilio serían vistas polo bou francés "Neptune" case ao mesmo tempo que o vixía de Monte Alto, e tratou de aproximárselle indo en dirección da Enseada de Lourido, en Sorrizo, lugar a onde o mar fora empurrando ao pailebote protagonista desta historia.
|
Enseada de Lourido |
Para tenderlle o cable de guindastre fixo non poucas e delicadas operacións o "Neptune", sufrindo durante elas algunhas avarías porque, literalmente, o "Euskaldune" se lle veu enriba nunha das tentativas de remolque. O "Neptune", que se dirixía a pescar cando divisou ao "Euskaldune", desprazaba 253 toneladas. Mandábaoa o capitán Yllidien e procedía de Ostende, curiosamente a mesma cidade belga da que zarpara o "Arctic" o barco embarrancado en Chamín en 1938 do que aínda quedan restos no areal do Reiro. Feito o salvamento, os dous buques dirixiríanse ao porto da Coruña, onde serían reparados nas semanas seguintes.
1. Pau groso moi inclinado que sae da popa cara a fóra e serve para asegurar os estais do trinquete.
1938. ARCTIC (CHAMÍN)
Documentar este sinistro non foi
tarefa doada. Na procura da información, os veciños máis vellos das
parroquias de Chamín e Barrañán interrogados non foron quen de precisar
con exactitude o ano no que acontecera o naufraxio xa que, a maioría
deles, eran moi pequenos polo que era evidente que poucos datos podían
gardar as súas memorias. Uns dicían que fora durante a Guerra Civil, sen
poderen concretar o ano e moito menos o mes. Outros, polo contrario,
estaban certos de que fora nos anos corenta. Mais, grazas á
conversa que mantivemos en febreiro de 2012, Chacho Seixas e o que
escribe, con Anselmo Pardo e a súa muller, Luísa Fuentes, no seu domicilio
de Sorrizo, as cousas comezaron a se esclarecer. O sinistro ocorrera no
domingo 30 de xaneiro de 1938.
|
O "Arctic" embarrancado no areal do Reiro (El Ideal Gallego) |
Un pouco polo que vivira de
primeira man e outro pouco polo que fora escoitando ao longo da súa
vida, Anselmo cre que nese día había baile:
“Eu era moi neno.
Debía ter uns cinco ou seis anos e penso que se celebraba a festa do
San Brais. Á beira da noite, cando todo o mundo estaba na taberna,
no Piñeiro, comezamos a escoitar a sirena dun barco. Ao pouco,
comezaron a tocar as campás das igrexas de Santaia e de Barrañán,
e non deixaron de facelo durante ben tempo. Daquela había medo por
todo: medo á fame, medo ás barbaridades que cometían os
falanxistas, medo á Guerra... Por iso algúns vellos dicían que
podía ser un desembarco, un ataque aliado que viña axudar aos
republicanos. Con medo ou sen el, moitos de nós fomos ata o areal.
Nese día, o mar estaba bravo, bravo de verdade, e había unha néboa
mesta que pouco deixaba ver. O barco, que segundo dicían era un bou
de pesca, continuaba a tocar a sirena e cada vez íase achegando
máis ao Reiro, que sería onde finalmente embarrancaría, quedando
coa popa ollando cara a Pedra do Sal. Despois de embarrancar, os
mariñeiros do bou, que debían ser sete ou oito e seica eran belgas,
principiaron a largar cabos ao mar que, para a sorpresa de todos
nós, un can que levaban a bordo se encargaba de achegar á beira.
Mais moita da xente alí presente aínda pensaba que
era un desembarco, polo que algúns sacaron as navallas para
cortar estas cordas. Entón, cando varios veciños ían cortar
os cabos, chegou ao areal Primitivo do Bichelo e comezou a berrar con
eles. Así que chegou ao Reiro, Primitivo, que era mariñeiro,
decatárase do que na realidade estaba a acontecer alí: os pobres
náufragos só querían pórse a salvo! Esclarecido o acontecido, a
xente non dubidou en axudar aos mariñeiros belgas que, unha vez en
terra, coas roupas totalmente enchoupadas e mortos de frío, falaban
e falaban...mais nen Cristo os entendía. Daquela, foi cando alguén
foi na procura de Sofía, que sabía francés, para que lles fixese
de intérprete”.
Anselmo
estaba a falar de Sofía Baridó Schneider, casualmente a avoa
materna da súa muller Luísa.
|
Sofía Baridó e José Rey Valeiro nos anos 50 (Arquivo de Luísa Fuentes) |
Os
pais de Sofía, el francés e ela alemá, establecéranse a finais do
século XIX en Potes, na provincia de Santander, onde instalarían
unha fábrica de vidro. Mais o negocio nunca chegaría a ser rendible
polo que, ao cabo duns anos, a familia emigra a Arxentina. Neste
país, Sofía coñecería ao seu futuro marido, o veciño de Arteixo
José Rey Valeiro, un home que despois de percorrer medio mundo,
chegara en 1911 a Bos Aires, cidade onde gañaba a vida
pintando retratos. Na capital arxentina, José e Sofía casan e teñen
dúas fillas: Sofía (a nai de Luísa, a muller de Anselmo) e Armanda.
Uns meses despois de nacer a segunda filla, o matrimonio (que está
enterrado no cemiterio protestante de Arteixo) pon fin á súa
estadía na América e decide ir vivir á Galiza, a terra de José,
establecéndose por uns anos en Caión. Na
vila mariñeira teñen dous fillos máis, Eduardo e Ernesto, e o
antigo retratista gaña agora o sustento familiar nunha pequena
embarcación da cal é propietario. Aproximadamente polo ano 1920
trasládanse ao lugar de Campo, na parroquia de Barrañán, onde
nacería o seu fillo José e lugar tamén onde abren un negocio,
precisamente o local que atendía Sofía Baridó cando a foron buscar
para facer de intérprete dos náufragos belgas.
Despois
de cruzar as primeiras impresións con eles, Sofía e José
conduciron aos oito mariñeiros ata o establecemento que rexentaban
en Barrañán onde, mentres agardaban a que as autoridades se fixesen
cargo da situación, lles darían alimentos e bebidas quentes.
Os xornais
coruñeses da época, que ocupaban as súas primeiras páxinas cos
boletíns oficiais da Guerra Civil e tamén con grandes exaltacións
ao réxime nazi e a Hítler, recollían a seguinte información o
martes, 1 de febreiro de 1938:
“El domingo por la tarde
naufragó en la playa de Barrañán o Chamín, en Arteijo, un buque
de pesca de nacionalidad belga, denominado Arctic, de 150 toneladas,
logrando salvarse toda la tripulación, compuesta por ocho hombres.
El Arctic había salido de
Ostende hace cuatro días, dirigiéndose a las costas de Portugal
para dedicarse a las faenas de la pesca. Cuando pasaba a la altura de
Arteijo, a causa de la inmensa niebla reinante en este sector, perdió
el rumbo, y el vapor pesquero vino a encallar a la referida playa,
ocurriendo el siniestro entre siete y ocho de la tarde de anteayer.
Al encallar, se hizo sonar por la tripulación la sirena del Arctic
y a las repetidas llamadas acudió a la playa de Barrañán el
vecindario de Arteijo y la Guardia Civil de aquel puesto.
Tras activos y laboriosísimos
trabajos se pudo conseguir poner a salvo a la tripulación del buque.
Esta no pudo salvar nada más que la documentación, dándose por
perdidos los enseres y ropas. Debido a los fuertes golpes de mar y a
la rompiente de la playa, el buque se considera totalmente perdido.
El capitán, maquinista, fogonero y marineros que componían la
tripulación del Arctic fueron atendidos solícitamente, en los
primeros momentos, por la Guardia Civil y vecinos de Arteijo, y ayer
por la mañana fueron traídos a esta capital, realizando el viaje
acompañados de la benemérita de dicho puesto. Con los náufragos
viene un hermoso ejemplar de perro de raza danesa, que no se separa
del lado de su amo, el capitán del buque. Los náufragos han sido
puestos a la disposición del cónsul de Bélgica en La Coruña, don
Luis Mayor Moreno. Poco después de su llegada a nuestra ciudad, han
sido trasladados a la Casa de Socorro del Hospital, y todos ellos
fueron atendidos de enfriamiento. Una vez asistidos de urgencia por
el facultativo de guardia, quedaron hospitalizados en el Hospital de
Caridad.
Al tenerse conocimiento del
naufragio, en la Comandancia de Marina, se trasladó al lugar del
suceso un oficial de dicho centro, con personal a sus órdenes, con
el fin de instruir las diligencias propias del caso. También se
trasladó ayer a la playa de Barrañán el cónsul de Bélgica, señor
Moreno. Dicha autoridad consular también hizo ayer varias visitas a
los náufragos en el Hospital de Caridad”.
Segundo
Anselmo Pardo, nos días posteriores ao embarrancamento do barco
belga, os falanxistas apoderáronse de todo canto había no seu
interior, uns falanxistas que previo pagamento, deixábanlle apañar
aos veciños da contorna pranchas de ferro, que
estes utilizaban para facer lume enriba delas, provocando deste xeito
que o calor nos seus fogares fose máis duradeiro. Tamén os
ferreiros de Chamín, A Lagoa, Santaia, Monteagudo e Lañas
aproveitaron o ferro do Arctic para facer eixadas, legoñas, fouces e
demais ferramentas de labranza.
O
navío belga sería adquirido finalmente polos irmáns José e Juan
Chás Morlán, os Chás, armadores da Coruña que tiñan bous
de pesca que faenaban no Gran Sol:
“Eu daquela tería
oito ou nove anos. Meu pai (José
Castro, coñecido por “Rosende”) fora o encargado do
desmantelamento. As pranchas de ferro carretábanse en carros de bois
até onde hoxe en día está o restaurante “Sol e Mar”, e tamén
lembro que dicían que os Chás deixaran alí unha fortuna
despois de pagar moitos xornais”.
Isto contaba en decembro de 2011
Manuel Castro, veciño do lugar da Corcella (parroquia
de Armentón).
Anselmo tamén apuntaba que o barco tiña un motor moi potente, dun
só pistón, que os Chás se encargaron de desmontar mais,
segundo el, non foron quen de adaptalo a ningún dos seus barcos.
|
Imaxe de xaneiro do 2018 dos restos do Arctic |
Tras o
sinistro acontecido no areal do Reiro, os falanxistas intensificarían
notablemente a vixilancia costeira no litoral de Arteixo, dobrando as
gardas na Batería de Costa de Monticaño e establecendo novos
postos, como o do campo da Sartaña, lugar do actual Quinito no
que había dúas trincheiras
con parapeito e dúas metralladoras. Os falanxistas deste posto tiñan
os barracóns en Barrañan, á altura onde hoxe está o Hotel. No
Rañal, había un niño de metralladora, que na actualidade aínda se conserva
en perfecto estado moi preto da fonte do Paiolo e, segundo algunhas
informacións, tamén
había outro posto de
vixilancia no Monte de San Tirso, por onde hoxe está o depósito de
auga do Polígono Industrial de Sabón. As tropas destos postos tiñan os seus
barracóns no alpendre dos de Tiso, lugar no que, segundo contan os
maiores do lugar, había xolda con frecuencia.
Despois
de que os Chás desmantelasen parte do barco e desmontasen o
motor, os restos do Arctic iríanse convertendo co paso do tempo nun
gran criadeiro de polbos e, nos depósitos de combustible, de
camarón. Co decurso dos anos, eses restos serían devorados polo
salitre e soterrados na area, aínda que coa forza dos temporais do
inverno, de cando en vez quedan ao descuberto.
1957. AVIONETA AMERICANA "CITY OF GALVESTON"
Ante o asombro de propios e estraños, nas primeiras horas da mañá do sábado 19 de outubro de 1957, entraba no porto herculino o vapor pesqueiro "Virgen del Buen Consejo" remolcando unha avioneta que se precipitara a unhas vinte millas do litoral de Arteixo unhas horas antes. O vapor, con matrícula de Bermeo, conducía a bordo ao piloto do aeroplano sinistrado, o estadounidense William Richard Wyatt, que salvara a vida grazas ao socorro prestado polos mariñeiros vascos.
|
A avioneta no porto da Coruña (El Ideal Gallego) |
|
Atraído pola presenza da avioneta, non tardaría en congregarse numeroso público no peirao da aduana, onde atracara o pesqueiro de Bilbao, unha avioneta que se podía ver medio afundida nas augas da baía coruñesa, saíndo soamente á superficie a súa parte traseira. Ao desembarcar e unha vez efectuados os trámites correspondentes de aduana, un guindastre do porto extrairía o pequeno aparello do mar, deixándoo sobre a explanada do peirao de trasatlánticos, onde centenas de curiosos irían contemplar os danos que mostraba.
Pouco despois, o aviador norteamericano subía a bordo do destrutor da armada británica "Corunna" que, casualmente, atracara no porto herculino só dúas horas antes de que o fixera o pesqueiro "Virgen del Buen Consejo". A bordo do navío inglés, había numerosas autoridades militares e civís, entre elas o secretario da embaixada de Gran Bretaña en Madrid e o cónsul inglés na cidade, Mr. Guyatt, quen lle presentaría a William Richard Wyatt ao comandante do exército estadounidense Antonio Couto, que era fillo de galegos e que tamén estaba de visita no destrutor. Couto, que se encontraba na Coruña desde había xa algún tempo agardando pola súa xubilación, vivía en Monelos no chalé "Villa Florida", lugar onde hospedaría ao aviador do aeroplano sinistrado nas augas de Arteixo durante a estadía deste na cidade herculina.
William Richard Wyatt, de 25 anos, solteiro e natural de Missoula (Montana), era piloto de probas da compañía norteamericana Mooney, que fabricaba aparellos para empresas de liñas aéreas e avionetas civís. A compañía pretendía bater o récord mundial de distancia en voo solitario, conseguido anteriormente polo tamén estadounidense Bill Odems, que o establecera na travesía Honolulú-Tobertoro (New Jersey). Wyatt saíra de Galveston (Texas) o xoves 17, ás doce e vinte e seis, hora galega, debendo chegar en voo directo a Roma, antes das sete da mañá do sábado 19 de outubro de 1957. Todas as emisoras de televisión de Estados Unidos recolleran a saída ao igual que a prensa escrita, que se ocupara amplamente e con moito interés da proba. Cando o pequeno aeroplano comezaba a elevarse, o aeroporto de Galveston parecía un formigueiro, ateigado de numeroso público que non quería perder o momento no que principiaba a súa travesía cara Europa.
|
La Voz de Galicia, 25 de outubro de 1957 |
A avioneta tiña capacidade para catro pasaxeiros mais, para poder ampliar a capacidade de combustible (levaba 258 galóns de gasolina), foron eliminados tres asentos. Ata unha distancia de duascentas millas da costa galega, a travesía transcorrera sen ningunha incidencia. Wyatt levaba xa trinta e oito horas seguidas pilotando. A tensión nerviosa, o perigo e o tabaco mantíñano esperto. Mais, pouco despois de deixar atrás as illas Azores, aparecerían as primeiras dificultades para o aviador da compañía Mooney, xa que o aeroplano comezaría a ser azoutado por fortes ventos e polo frío que perigosamente formaba neve nas ás, ocasionándolle serios problemas na pilotaxe do aparello. Como levaba boa marca de tempo con vistas ao récord que se propoñía bater, o piloto americano pensou en dar a volta polo Mediterráneo, aínda que aos poucos segundos daríase conta de que, voando nesa dirección, non dispoñía de combustible suficiente para chegar a Italia. O plan inicial era entrar polo norte de Galiza e voar sobre o Cantábrico, a uns quilómetros da costa, por se tivera que tomar terra, seguindo cara a Burdeos e Niza, para chegar a Roma. Mais non pudo ser!
Un par de horas antes da caída, Wyatt estaba seriamente preocupado pola gran cantidade de neve que se acumulara nas ás da avioneta. A unhas noventa millas de Fisterra, comunicouse por radio cun barco noruegués, que lle transmitiu a información metereolóxica e, ao mesmo tempo, indicoulle a conveniencia de que se achegase ao aeroporto de Labacolla para tomar terra.
"Informáronme tamén dunhas correntes frías imprevistas, procedentes de Inglaterra, que axudaban a que a neve se acumulase cada vez máis. E eu non podía safarme dela, pois a miña avioneta carecía dos recursos dos grandes avións. Por tanto, se quería continuar, tíñame que enfrentar cos Pirineos. E estaba xa decidido, mais...o aeroplano perdía moita altura. Cando voaba a uns 3.000 metros, houbo un momento no que descendía sen poder evitalo, a cento cincuenta metros por minuto, por causa da neve, que cada vez se solidificaba máis e aumentaba en cantidade sobre o aparello. Nen sequera podía chegar xa a Compostela, xa que nesas condicións, adentrarme no interior era aínda máis perigoso. Por iso, pola noite estiven a procura dunha praia onde poder aterrar", comentáballe Wyatt aos xornalistas coruñeses no chalé "Villa Florida" de Antonio Couto.
Ao chegar á altura das Sisargas, o aviador viu ao lonxe os areais arteixáns de Barrañán e de Alba, praias estas onde podía ser doado tomar terra, mais a escuridade da noite e a escasa visibilidade atmosférica non lle ofreceron seguridade e non arriscou. Aínda por riba xurdiríalle unha nova complicación: a neve comezaba a se derreter e a auga entraba no motor...
"Eu voltara a separarme un pouco da costa. A escuridade da noite non me deixou visualizar unha praia adecuada para a aterraxe, de modo que entre a terra e o mar, escollín o mar. Desvieime un pouco, e foi daquela cando vin as luces do pesqueiro "Virgen del Buen Consejo". Achegueime, descendín máis e, para que me visen, din unha volta completa sobre o barco. Un par de minutos máis tarde aterrei sobre a auga pola parte de popa do pesqueiro, a uns mil metros". Eran as dúas e media da madrugada. Felizmente, os tripulantes do pesqueiro vasco decatáranse do ocurrido e non dubidaron en prestarlle auxilio ao piloto. Para saír da avioneta, Wyatt tivo que romper os cristais da porta dun dos lados da carlinga e, unha vez no exterior do aparello, deuse conta de que deixara dentro o pasaporte, polo que voltou ao interior para collelo. De novo fóra da avioneta, o estadounidense decidiu quitar toda a roupa pesada que levaba co fin de se desenvolver con maior liberdade de movemento para o salvamento.
"Cando chegou o pesqueiro ata a miña posición lanzáronme un cabo un cabo que non fun quen de agarrar. Da segunda vez, o cabo quedou preso na cola do aeroplano, que aboiaba horizontalmente. Daquela, como o mar non estaba moi tranquilo, cheguei a temer unha colisión entre o barco e o avión que pudese afundir a este. E decidín lanzarme a auga polo lado contrario. Nadei uns minutos e un novo cabo chegou a min e subíronme a bordo. Unha vez a salvo, a tripulación atendeume marabillosamente, aínda que non conseguimos entendernos. Déronme coñac en abundancia, café e todo canto me podían servir. Comportáronse de maneira insuperable. Quero que expresen a todos a miña gratitude, especialmente ao patrón Manuel Barreiro Fernández. Ao fin e ao cabo, débolles a vida...", continuaba a contar o aviador norteamericano aos xornalistas coruñeses en "Villa Florida".
|
La Voz de Galicia, 26 de outubro de 1957 |
O salvamento ocorrera a unhas vinte millas do litoral de Arteixo. Posteriormente, os mariñeiros vascos amarraron a avioneta ao "Virgen del Buen Consejo" e emprenderon marcha cara á Coruña, que era o porto máis próximo. O accidente de Wyatt fora seguido con enorme expectación pola prensa dos Estados Unidos. De feito, a axencia "Reuter"
puxérase en contacto cos medios herculinos para conseguir o rápido envío de fotografías, tal como fixeran a "Associated Press", que desprazara á cidade os seus correspondentes en Madrid, e a prestixiosa revista "Life", que naqueles derradeiros meses de 1957 difundira unha reportaxe fotográfica da Coruña nas súas páxinas.
Naqueles días, o mércores 23 de outubro, a zona da Marina tamén sería testemuña dun novo acontecemento aeronáutico despois de que un helicóptero sobrevoara por primeira vez A Coruña. O aparello, que pertencía á Royal Navy, procedía do portaavións "Eagle", que estaba atracado no porto de Vigo. Nese voo inicial, viaxaran a bordo o alcalde Alfonso Molina, que falecería en Brasil en novembro do ano seguinte, o xornalista Enrique Mariñas, Cristino Álvarez e Alberto Martí, fotógrafo que aproveitaría a ocasión para inmortalizar a cidade dende o aire, aterrando nas inmediacións do Náutico, ás 11.30 da mañá (Galiza non contaría cun helicóptero ata o 21 de marzo de 1973, data na que tomou terra no aeroporto de Alvedro un aparello que tería base permanente na Coruña e a finalidade de cumprir as funcións de salvamento nas costas galegas).
|
O helicóptero do portaavións "Eagle" (Alberto Martí) |
William Richard Wyatt, o aviador estadounidense, permanecería unha semana no domicilio de Antonio Couto en Monelos, viaxando finalmente a Londres no destrutor "Corunna", que zarpaba do porto coruñés ás nove da mañá do sábado 26 de outubro de 1957 transportando a bordo a pequena avioneta, unha avioneta que curiosamente chegara a Coruña en barco e abandonaba a cidade do mesmo xeito!
1969. GENEVIEVE DE GALARD (RAÑAL)
Ás 10:30 da mañá do 11 de xuño de 1969, o lagosteiro francés "Genevieve de Galard" partía da localidade de Audierne, na Bretaña gala, cara o porto de Vigo, cidade onde o seu armador e patrón Yves Peron, tiña previsto mercar aparellos para despois dedicarse á lagosta no litoral galego, práctica que os pesqueiros franceses viñan facendo desde había xa bastante tempo (en Arteixo, sábese que a principios do século XX mercábana en Suevos e depositábana a bordo dos seus pesqueiros, providos de viveiros, para posteriormente vendela no seu país).
A bordo ían sete mariñeiros: Jean Alain Coquet, de 32 anos; Clet Garval, 49; Julien Danzé, 35; Albert Perhirin, 17; Jacques Cabillic; o maquinista e copropietario do barco Laurent Cajean, de 48 anos e, o citado Yves Peron, que tiña 47. Excepto Julien Danzé, todos estaban solteiros e os sete vivían en Plogolff, na Fisterra gala. Tamén levaban unha mascota, o can "Loron".
O pesqueiro tiña 36, 54 toneladas de rexistro bruto; 15
metros de lonxitude de popa a proa; 5,30 de manga; 3 de puntal e
posuía un motor de 150 cv. Laurent Cajean e Yves Peron mercárano
había xa catorce anos, en 1955, e decidiran pórlle o nome de
“Genevieve de Galard”, na honra da enfermeira das Forzas Aéreas
Francesas que, entre marzo e maio de 1954 convertiríase nunha
heroína pola súa coraxe e dedicación ás tropas no conflicto
bélico que os galos mantiñan na Indochina, o actual Vietnam.
O percorrido polo Golfo e polo Cantábrico durante os dous
primeiros días da viaxe cara a cidade olívica, decorre sen nengunha
incidencia, con bo estado do mar e tamén bo tempo. Mais as
condicións climatolóxicas cambiarían na madrugada do venres 13.
Xa en augas galegas e pouco despois de pasar á altura da
Torre de Hércules, unha mesta brétema imposibilita a visibilidade
ao patrón Yves Peron, dificultándolle seriamente a navegación do
seu barco. Non se vía nada, mesmo na cuberta non era doado ver os
obxectos máis próximos. Pouco antes das 2:00 da madrugada, o
“Genevieve de Galard” navega á altura da Punta Langosteira. De
súpeto, uns minutos máis tarde, cando a maioría da tripulación xa
durmía, un ruído trepidante desperta aos mariñeiros, que subirían
de contado á cuberta. No medio da confusión, os sete bretóns
decátanse de que o barco quedara preso entre unhas rochas e que se
basculaba de proa, feito que facilitaba a entrada de moita cantidade
de auga. Eran as 2:15 horas e embarrancaran no Rañal, na zona das
Aguieiras. En consecuencia, Yves Peron organiza rapidamente as
tarefas de salvamento, aínda que a néboa dificultaba de xeito
considerable as operacións. Peron ordena largar o pequeño bote
salvavidas, ao que todos suben, deixando abandonado o “Genevieve”.
O único que non procurou o refuxio do bote foi “Loron”, xa que
preferiu lanzarse á auga, desaparecendo logo entre a néboa. Todo
fora moi rápido e os sete mariñeiros mal tiveron consciencia do que
lles acontecera!.
Nun primeiro momento, non souberon que facer. Se remasen
corrían o risco de afastarse da costa, agravándose a situación
notablemente xa que a densa brétema continuaba impedindo ver
absolutamente nada e, por riba, só tiñan un remo. En vista de que o
mar estaba tranquilo, deciden agardar á alborada, pensando que aos
poucos iría desaparecendo a néboa que os rodeaba naqueles momentos.
Tras pasar máis de catro horas no bote, por volta da 6:00
viron unhas afastadas luces de terra e comezan a remar cara elas.
Estas luces eran as das obras da Central Térmica de Sabón, que
Fenosa había pouco tempo que principiara a construír, e serían as
que conducirían aos mariñeiros franceses até a praia de Alba,
lugar onde quedou varado o bote salvavidas. Así que chegaron ao
areal levaríanse unha gran sorpresa. O canciño “Loron”, ao que
xa daban por desaparecido, chegara nadando antes que eles, sen dúbida
guíado polo instinto, e agardábaos todo alborozado e dando saltos
de alegría. Os seus ladridos foron o sinal de benvida. Despois da
ledicia de “Loron”, os sete homes deixan o areal de Alba e
camiñan cara a aldea do Rañal por diante das instalacións da
fábrica de conservas A.& J. Salgueiro, hoxe convertidas en
aparcadoiro. Entran no bar da aldea, o “Café Bar Chucho”, unha
pequena tasca que rexentaban Jesús Souto e Amelia Naya. “Eu
cando os vin quedei impresionada...que facían sete homes
estranxeiros tan cedo no meu bar? Preguntábame...eles facíanme
debuxos, escribíanme, falábanme...mais eu non lles entendía nada,
non sabía o que me querían decir”,
contábame Amelia en febreiro de 2011.
|
Os sete mariñeiros franceses e o seu can "Loron" (La Voz de Galicia) |
Ante a imposibilidade de que
se entenderan coa propietaria da tasca, os mariñeiros galos deciden
dirixirse cara ao mesmo punto de onde saían aquelas luces que os
conduciran até o areal de Alba e que pertencían á sinalización
das obras da Central Térmica. Aquí
terían máis sorte, xa que o persoal das obras de Fenosa atenderíaos
con toda amabilidade, servíndolles varios cafés e coñacs para
reanimalos. Uns minutos máis tarde, presentábase naquel lugar a
Garda Civil de Arteixo e pouco despois, avisados pola benemérita,
tamén apareceron o tenente de navío da Comandancia de Marina,
Manuel Goyanes, e os axentes do consulado francés María Dolores
Udaondo e Manuel Teijo Barinaga. Posteriormente, todas estas persoas,
acompañadas polos sete mariñeiros bretóns, encamiñáronse,
partindo de Sabón, na procura do “Genevieve de Galard”.
Actualmente podemos pasear a
carón do mar polo paseo marítimo mais, naquela hora, o percorrido
polo litoral non era doado. Tras
pasar polo Paiolo e A Ermida,
chegan até a zona da
Bogueira (onde está o telescopio do paseo), lugar dende o cal xa se
podía ver a silueta do pesqueiro, que estaba a uns 800 metros da
costa, afundido de popa. O mar, logo de retiralo das rochas das
Aguieiras, forao levando cara ao oeste, cara a zona da Area da Salsa
e Repibelo onde, despois de ver que o seu pesqueiro tiña poucas
posibilidades de ser rescatado, todos quedaron moi afectados,
especialmente o patrón Yves Peron, que non se acababa de recuperar
da forte impresión recibida.
Pouco despois, e acompañados
polas autoridades, voltan de novo á tasca de Amelia Naya que, desta
vez sí, despois das explicacións oportunas dos alí presentes
entendeu o que lles acontecera aos náufragos franceses. Laurent
Cajean e Yves Peron pediríanlle a esta muller e ao seu home, Jesús
Souto, que lles deixasen gardar na súa propiedade o bote salvavidas
(que foran a buscar á praia
de Alba, onde quedara varado) e, que tamén se fixesen cargo durante
uns días de “Loron”, peticións que aceptarían os propietarios
do “Bar Chucho”. Neste establecemento do Rañal, os sete homes
xantarían e tomarían café antes de que o cónsul de Francia na
Coruña, Francisco Dotras, se responsabilizase definitivamente da
situación e os aloxase nunha pensión da Praza de Lugo mentres
agardaban a súa repatriación.
Na maña do día seguinte,
sábado, a compañía aseguradora do “Genevieve de Galard”
contacta coa firma Extrasa, dedicada ao salvamento de barcos, co fin
de que o persoal desta empresa efectuase un recoñecemento do lugar
no que se encontraba o pesqueiro e así estudar as posibilidades de
rescate. Nese mesmo día, un
equipo de mergulladores trasládase
a bordo do remolcador coruñés “María Pita” até
as inmediacións do barco que, por causa da maré, fórase
desprazando cara a costa de xeito considerable, estando neses
instantes moi perto da Area da Salsa. Mais o remolcador, que xa non
se podía achegar máis ao
pesqueiro sinistrado, tivo que voltar atrás por mor dos disparos de
aviso que lanzou a Garda civil de Costas, que mantiña un servizo de
vixilancia de terra para evitar roubos. A benemérita non tiña ordes
de permitir o achegamento de persoal ningún ao “Genevieve” e
dispararon para o ar en sinal de aviso. O persoal do remolcador, que
nese momento non tiña outra misión que a de avaliar a situación,
non tivera necesidade de se dar a coñecer polo que o “María Pita”
regresaría ao porto coruñés.
|
Varios tripulantes do "Genevieve de Galard" (o do can é Yves Peron) co persoal do consulado (El Ideal Gallego) |
A empresa de salvamento
contactaría coas autoridades da Marina coa finalidade de denunciar o
acontecido e, unha vez esclarecidos os feitos, o persoal voltaría o
domingo (esta vez por terra) até O Rañal e levaríanse unha
sorpresa, xa que o mar movera de novo ao pesqueiro, achegándoo até
a praia de Repibelo, a carón da Arbosa, quedando embarrancado moi
perto da beira. Este feito sería aproveitado polos mariñeiros
galos, que accederían ao barco unhas horas máis tarde, aproveitando
a marea baixa, para recuperar
as pertenzas persoais, telefonía, todo, mesmo o diñeiro co que os
armadores ían comprar aparellos en Vigo.
O costado de estribor do
“Genevieve de Galard” quedaría completamente esnaquizado, o que
fixo que o seu casco se dese totalmente por perdido, motivo polo que
con posterioridade a empresa Extrasa desmantelaría os seus restos
previo acordo coa aseguradora do barco.
Antes de ser repatriados
para Francia, Yves Peron pasaría pola tasca do Rañal a buscar o seu
canciño “Loron”, que xa levaba uns días na casa de Jesús Souto
e Amelia Naya. Segundo contaba Amelia en febreiro de 2011, Peron
daríalle ao seu home o bote salvavidas, un bote que acabaría uns
meses máis tarde nos Caneiros de Betanzos...”Pepe de
Aldao, un cliente noso do bar que casara en Betanzos mais que viña a
miúdo por aquí xa que era da Pedreira (aldea
desaparecida que estaba pola zona onde hoxe está o muiño de Inditex
e a Schweppes), enterouse de que Chucho, o meu home, tiña
o bote dos franceses e díxolle que estaba interesado en
mercarllo. Eu non sei o trato que tiveron. Do único que me lembro é
que un día chegou Pepe e mais o seu sogro nun camión e levaron o
bote para Betanzos, seica era para Os Caneiros”.
1984. PRÍNCIPE BERNARDO
Si algunha vez fixeches percorrido polo Paseo Marítimo de Arteixo seguro que viches unha escultura que hai no litoral do Rañal: o "Monumento ao Voyeur", xa sabes, o enorme anteollo que está enriba do chamado Pichón da Bogueira e que é unha obra da autoría do escultor Enrique Saavedra. Pois ben, hoxe vouche contar unha historia acontecida neste lugar hai xa máis de trinta anos.
A finais do mes de decembro de 1984, o remolcador "Smit Houston" zarpaba do porto de Rotterdam para se dirixir cara ao Brasil. Tiña que atravesar o Atlántico remolcando o dique flotante
Príncipe Bernardo, que ía suspenso en dúas gabarras, a
Subeift Pacific e a
Giant I. O dique era unha impresionante masa de aceiro de 265 metros de longo por 20 de alto e tiña que ser transportado ata unhas instalacións dedicadas á reparacións de navíos nuns estaleiros próximos a Río de Janeiro. O remolcador pertencía á empresa holandesa
Smit Tak compañía que, desde a súa fundación, fórase convertendo na máis importante e prestixiosa do mundo nas áreas de remolque, rescate de naufraxios e na protección do medio ambiente por accidentes de transporte. Precisamente, uns anos máis tarde, a
Smit Tak sería contratada polo goberno de Aznar para encargarse do salvamento do
Prestige, un goberno que decidiría afastar o petroleiro mar adentro en contra dos criterios da empresa holandesa, que consideraba que o mellor era levar ao
Prestige para un porto refuxio ou para unha área segura, onde se pudesen solucionar os problemas con total seguridade. Infelizmente, aquel fatídico 19 de novembro de 2002 quedará grabado na memoria de tod@s nós, por causa das decisións tomadas por aquel goberno presidido por José María Aznar.
Após cruzar o Canal da Mancha e deixar atrás a Bretaña francesa, sen superar en ningún momento as dúas millas por hora de velocidade, a tripulación do
Smit Houston tiña previsto facer escala no porto da Coruña para pasar alí a Noiteboa e, para tal fin, a casa consignataria
Molina, representante na cidade herculina da compañía
Smit Tak, xa recibira instruccións para tramitar a entrada no porto coruñés do remolcador e dos 265 metros de estructura metálica que transportaba. Mais esta entrada nunca chegaría a producirse por mor dun accidente acontecido ese mesmo día, 24 de decembro, a unhas 120 millas ao noroeste do Cabo Prior. Debido ao forte temporal que neses últimos días de 1984 azoutaba a costa norte da península, a forte presión que as ondas exercían sobre o dique flotante
Príncipe Bernardo, provocaría que se partise pola metade, quedando á deriva a parte traseira, que ía suspensa na gabarra
Giant I, mentres a dianteira continuaba suxeita ao
Smit Houston. A tripulación do remolcador non pudo evitar a quebra do dique, risco que existía desde o momento en que as condicións do mar eran tan adversas. Aínda así, fixéronse tentativas por recuperar a parte do dique que quedara solta, mais o mar embravecido faría inútiles todos os esforzos. Mesmo se chegara a botar unha Zodiac para tentar restablecer amarras, mais as ondas envorcaríana sen que afortunadamente houbese que lamentar vítimas. 110 metros de estructura metálica quedaban definitivamente á deriva nunha das zonas de máis intenso tránsito marítimo do Atlántico, unha masa de aceiro que se ía aproximando perigosamente cara as costas coruñesas.
|
A metade do dique Príncipe Bernardo que embarrancou no Rañal |
Durante as primeiras horas do día de Nadal, as emisoras costeiras emitiran mensaxes da Comandancia de Mariña de Vigo alertando do perigo que supuña para a navegación a existencia dunha metade do dique
Principe Bernardo navegando á deriva frente ao litoral galego. No día 26, os remolcadores
Punta Tambo, da compañía
Remolques Marítimos de Ferrol e o
Remolcanosa Cinco, con base na cidade olívica, saían dos seus respectivos portos, pouco despois de ser contratados pola
Smit Tak, para acudir ao rescate da estructura metálica á deriva. O
Punta Tambo conseguiría contactar con esta parte do dique ás cinco e media da tarde e navegou ao seu carón ata que este comezou a embarrancar nas costas de Arteixo, pouco antes das dez da noite, que foi o momento no que os dous remolcadores galegos quedarían xa á expectativa mar adentro.
Segundo algúns veciños do Rañal, xa na última hora da tarde do mércores, podíase avistar a considerable distancia da costa como se aproximaba
"algunha cousa" que navegaba moi devagar. Estes veciños contarían que o embarrancamento definitivo da metade do dique produciríase polas dúas da madrugada do xoves, día 27.
"O estrondo foi enorme; un pouco máis tarde o mar debeuno retirar augas afora e posteriormente voltaría a batelo contra as rochas, o que provocou outro grande estrondo. Parecía increíble que aquela cousa pudese quedar montada sobre A Bogueira de semellante xeito", comentaba Adolfo Vázquez.
|
Vista actual da zona do sinistro |
Coa claridade do día, podíase ver que a metade do
Príncipe Bernardo suspensa na gabarra
Giant I encallara na zona que comprende o Pichón da Bogueira (onde hoxe está o enorme anteollo) ata a entrada do Carreiro e quedara levemente escorada sobre as rochas e cara a terra. O embarrancamento coincidía coa subida da marea, o que provocaba que a gran masa de aceiro se movese moi bruscamente, ameazando con dar un xiro sobre sí mesma de 180 grados. É curioso que, mentres as autoridades da Mariña española manexaban unhas informacións moi confusas, a axencia estatal de noticias holandesa xa difundira un comunicado dando conta do accidente do dique, comunicado do que se farían eco as televisións e prensa daquel país. Durante aquel 27 de decembro de 1984, gran cantidade de curios@s acudirían ata o Rañal para vez a plataforma, visitas que durarían varias semanas.
|
Desmantelamento do dique perdido no Rañal (Foto Manuel Santa Cruz) |
Unha vez que tiveron coñecemento do embarrancamento da metade do dique, seis técnicos da
Smit Tak trasladaríanse ata A Coruña nun voo especial que aterraba ás 11:30 da mañá do mesmo día do sinistro no aeroporto de Alvedro. Nada máis chegar, serían recibidos polo persoal da casa consignataria
Molina e, pouco despois, desprazaríanse ata A Bogueira para estudar as posibilidades de recuperación dos 110 metros encallados do
Príncipe Bernardo. Após as primeiras observacións, os técnicos holandeses mostrábanse escépticos sobre as posibilidades de recuperar a estructura metálica, que xa tiña graves danos por mor do efecto do mar e polos golpes contra as rochas da zona da Bogueira. O venres 28, un deles trasladábase ata Vigo para agardar pola chegada do remolcador
Smit Houston e pola outra metade do dique, que tiñan previsto chegar á cidade olívica na madrugada do sábado. Dos outros técnicos da
Smit Tak, tres regresarían a Rotterdam e os outros dous permanecerían en Arteixo, onde continuarían avaliando as posibilidades de refrotamento da plataforma, uns técnicos que tras varios días de observacións elaborarían un informe no que lle comunican á compañía que o salvamento era imposible.
|
Antonio Sanjurjo, "O alemán do Rañal" |
Con posterioridade, tanto os 110 metros do
Príncipe Bernardo como a gabarra
Giant I, serían despezados pola
Santa Cruz,
unha empresa que se dedicaba ao desmantelamento de barcos (tiña as súas
instalacións onde hoxe en día está a I.T.V. de Sabón) e na que
traballaban unhas dez persoas da miña aldea do Rañal. Unha delas,
Antonio Sanjurjo (o popular
Alemán do Rañal), un home que
estivera presente coa División Azul na Segunda Guerra Mundial, fora o
vixilante nocturno do desmantelamento e, a máis dun pescador, tenlle
dado algún que outro susto co seu
"alto; quen vai!!".
Evidentemente, Antonio continuaba tendo a mente na frente rusa algo que,
37 anos despois, camiño xa dos 97 invernos, aínda segue facendo
habitualmente.
FONTES:
- SAN CLAUDIO SANTA CRUZ, MIGUEL .
Tesouros asolagados. Edicións Lea. Santiago de Compostela, 1997.
- MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER.
O mar de Arteixo e os seus naufraxios. Asociación Cultural Monte da Estrela. Arteixo, 2012.
O SINISTRO DO IATE INGLÉS "NAUJA" EN BARRAÑÁN EN 1985
|
Imaxe de Nuria Ferro en 1985 co "Nauja" ao fondo |
En setembro do ano 2016 a miña amiga Cristina Mosquera envioume unha fotografía na que aparece súa curmá Nuria Ferro, daquela unha cativa de poucos anos, unha imaxe na que tamén se podía ver, xusto detrás de Nuria, un pequeno navío embarrancado na praia arteixá de Barrañán.
Nada máis recibir o whatsapp de Cris, a curiosidade e a afección que sinto polas cousas do mar empurráronme cara unha investigación na procura de datos sobre esa embarcación, indagacións que se alongarían durante bastante tempo xa que o vestido da cativiña da foto era a única pista que tiña, prenda que parecía indicar que era primavera ou verán no momento de ser tomada a imaxe. Pois ben, a pesar da dificultade engadida de non poder concretar se naquela hora Nuria tiña 2, 3 ou 4 anos, recentemente souben que aquel navío era o
Nauja, un iate de bandeira británica que embarrancara no areal de Barrañán a mediados dos anos oitenta.
A historia daquel sinistro principia nos últimos días de setembro de 1985, días nos que o
Nauja facía travesía dende Brest (Francia) a A Coruña con tres homes a bordo: Jensen Svend, patrón da embarcación, e os seus dous fillos Jens e Carl, todos eles de nacionalidade dinamarquesa. Na noite do xoves 26, cando xa navegaban por augas coruñesas, a densa néboa e o forte mar que azoutaba naqueles momentos o noso litoral, unido ao total descoñecemento da costa, fixo que Jensen Svend pensara, segundo informaban os medios da época, que a enseada de Barrañán era o porto herculino, un Jensen ao que posiblemente tamén confundiran as luces das casas próximas ao areal arteixán.
|
O Nauja en Barrañán (La Voz de Galicia, 28 de setembro de 1985) |
Con certas precaucións o mariño dinamarqués foi achegándose a terra ata que o iate tocou fondo en Barrañán, lugar onde o mar, que rompía con bastante forza, provocaría o escoramento da embarcación. A voz de alarma do embarrancamento daríaa un mozo de Caión que traballaba no Club Náutico da Coruña, mozo que cando voltaba para o seu domicilio na vila mariñeira, despois da súa xornada laboral, detívose xunto aos ocupantes de dous coches que observaban dende a estrada a extraña situación do barco. O traballador do Náutico, que se percataría de contado da gravidade do que estaba acontecendo, daría aviso inmediatamente á Garda Civil, e éstos á Cruz Vermella do Mar, saíndo rápidamente da base desta institución na Coruña unha ambulancia e varios equipos de mergulladores cara a Barrañán. Mentres tanto, durante os minutos que tardou en chegar ao litoral de Arteixo o equipo de rescate, os faros de dous Land Rover da Garda Civil alumeaban a zona do sinistro, iluminación que posteriormente faría posible o salvamento dos tres náufragos.
Nada máis chegar a Cruz Vermella a Barrañán, pese ás dificultades do mar, un membro do grupo de rescate sería quen de achegarse nunha pequena embarcación de salvamento, unida a terra por un cabo, ata o iate embarrancado. Mais, unha vez a bordo, para a súa sorpresa, os tripulantes do
Nauja resistíanse a abandonar o barco convencidos na idea de que non corrían ningún tipo de perigo. Finalmente, Jensen Svend accedería a descender á balsa e a ser rescatado. O salvamento dos seus fillos, dada a excitación nerviosa de ambos, sería máis laborioso. Naquel momento o barco sinistrado estaba a uns vinte metros de terra e, ao romper con tanta forza o mar, os dous mozos sentíanse máis seguros a bordo do
Nauja. Dende terra, Jensen Svend entendíase a grandes voces cos seus fillos quenes, finalmente, serían convencidos da conveniencia de abandonar o iate, como así farían pouco antes das tres da madrugada, hora na que serían trasladados a A Coruña na ambulancia da Cruz Vermella.
|
La Voz de Galicia, 28 de setembro de 1985 |
Hospedados na Casa do Mar, xa que non necesitaran asistencia médica, na mañán do día seguinte Jensen e os seus dous fillos trasladaríanse de novo a Barrañán para recoller algunhas das súas pertenzas e facer un recoñecemento do casco do
Nauja e, tras unha primeira comprobación, todo parecía indicar de que existían moitas posibilidades de lograr o
seu reflote xa que embarrancara enriba dunha cama de area e
non sufrira danos considerables.
A
Santa Cruz, a empresa de Arteixo encargada do reflotamento, empezaría as labores o sábado 28 de setembro, día no que unha pala mecánica retirou area dos arredores do casco do buque. Aproveitando a preamar de entre as catro e as cinco da tarde, intentaríase retirar o iate da súa situación, feito que non se podería levar a cabo dados os medios cos que contaba a empresa: o remolcador
David e a embarcación
Santa Cruz 2. O segundo intento produciríase na preamar do día seguinte, domingo 29, intento que tampouco daría resultado positivo xa que, na metade da operación, rompería un cabo de remolque.
Á terceira iría a vencida! Por fin, durante a madrugada do martes 1 de outubro, coincidindo coa preamar o remolcador do porto da Coruña
Sertosa 9, verdadeiro artífice do rescate, e o
Santa Cruz 2 lograrían poñer ao
Nauja a flote, iate que posteriormente sería trasladado ao peirado do Arzobispo Xelmírez do porto coruñés, onde se lle faría unha inspección general ao casco determinando que non sufrira ningún tipo de dano.
Uns días máis tarde, cando a choiva alzaba o telón do outono de 1985, Jensen Svend e os seus dous fillos abandonaban a cidade da Coruña para continuar singradura oceánica cara o porto portugués de Leixoes mantendo nas súas retinas os azuis profundos e cimas de espumas brancas das augas de Barrañán!
A TRAXEDIA EN SORRIZO DA GAMELA "ROCÍO" EN 1998
Pouco antes das seis da tarde do día 15 de decembro de 1998, Manuel Varela Fraga, Isidro Subiela Arijón e Manuel Paulos Orgueira saían do porto de Sorrizo na súa pequena gamela "Rocío" para pescar, actividade que practicaban de xeito esporádico e afeccionado. Isidro, de 63 anos, casado, arteixán de nacemento mais con domicilio na rúa Vila de Negreira da Coruña, estaba de baixa após ser operado do bazo e dedicaba o seu tempo de recuperación á pesca, do mesmo xeito que o facía Manuel Paulos, de 56 anos, solteiro, tamén de Arteixo aínda que residía no barrio coruñés de Eirís e que había apenas un ano que era pensionista. Igualmente estaba no grupo Manuel Varela, de 28 anos, solteiro, veciño do lugar do Moucho, na parroquia de Sorrizo, un home que tiña secuelas físicas por mor dun accidente de tráfico.
|
Porto de Sorrizo |
Dos tres amigos, tan só Isidro sabía nadar. Manuel Paulos non sabía facelo, a pesar de faenar durante toda a súa vida no Gran Sol, e a Manuel Varela impedíallo a súa incapacidade física.
Naquela tarde do 15 de decembro de 1998, a pesar das condicións metereolóxicas, nada favorables para a pesca, con ventos de entre forza catro e cinco (uns sesenta quilómetros por hora) e ondas de ata tres metros, os tres homes saían, incomprensiblemente, a pescar, algo que segundo o testemuño de algúns veciños e familiares xa fixeran noutras ocasións con peores condicións climáticas. Para alén diso, na súa gamela non levaban salvavidas nin equipamentos adecuados, cousa habitual naqueles tempos neste tipo de pequenas embarcacións de pesca afeccionada.
Media hora despois de saír do porto de Sorrizo tiña lugar a traxedia. Os tres pescadores afeccionados caían no mar despois de que a "Rocío" fora envolvida por unha rompente, o que provocaría o seu envorcamento. Un mariñeiro de Sorrizo comentaba como escoitara no porto a voz dun dos náufragos... "Estou convencido de que era o máis novo, que gritaba o nome de Manuel". Este veciño procurou axuda de inmediato para tratar de socorrelos... "tirámoslles cordas, mais non pudemos facer nada, o mar estaba moi bravo e de repente xa deixou de oírse a voz".
|
Litoral de Sorrizo |
Uns instantes antes de naufragar, os tripulantes da gamela emitiran unha chamada de socorro por radio, que sería atendida polo Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, un Centro que após recibir o aviso, mobilizaría un helicóptero "Helimer" da Xunta, unha lancha da Garda Civil do Mar e outra do porto coruñés, cooperando tamén nas tarefas a Policía Local e Protección Civil de Arteixo. Pouco antes das oito da noite, o "Helimer" recuperaba os tres cadáveres envolvidos nuns aparellos de pesca e, pouco despois, trasladábaos ata o aeroporto de Alvedro, onde serían identificados polos familiares.
O xoves, 17 de decembro de 1998, perante unha gran multitude, o templo parroquial de San Pedro de Sorrizo acollía ás catro da tarde o funeral por Manuel Paulos e Manuel Varela, recibindo sepultura o primeiro no cemiterio de Sorrizo, mentres que o segundo sería conducido ata a vila de Caión, onde se inhumarían os seus restos mortais. Após esta cerimonia, a maior parte dos asistentes trasladáronse á igrexa de Santaia, na parroquia de Chamín, onde tiña lugar a cerimonia fúnebre de Isidro Subiela.
A
CAMPÁ DO VAPOR INGLÉS “PRIAM”
19:30
horas de onte, luns 25. Soa o teléfono. É Xosé Troiano:
-Xabier,
vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!
-Sorpréndeme,
Xosé!
-Sei
onde está a campá do Priam!
-Non
o podo crer!
-Está
na ermida de…
Nese
intre, o peito empezoume a arder coa emoción e empezaron a xurdir os
recordos de entrevistas, das horas de hemeroteca, das numerosas
visitas a Malpica... Por fin aparecía a única peza que faltaba para
completar o crebacabezas!
|
Campá do Priam (cortesía de Xosé Troiano) |
As
persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle
adiquei á investigación do naufraxio do Priam, un vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 e que se fora a
pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de
1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia.
Souben
daquel vapor grazas a Francisco Sanjurjo, Quico de Pichel, e a
Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous veciños da miña aldea
do Rañal que me contaron varias historias que nun principio, a dicir
verdade, me parecían inverosímiles. Quico e Adolfo falaban de
moitas riquezas espalladas por toda a costa de Arteixo, dende reloxos
de ouro e prata ata un baúl cheo de “estampas bonitas” de papel,
como seica lle chamaba José Naya, o veciño de Sabón que atopara
ese cofre no areal de Alba.
|
Campá do Priam (cortesía de Xosé Troiano) |
Parece
ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas,
onde José Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para
prenderlle lume ao pote na lareira. José descubriría o valor real
do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A
Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun
coñecido. Puxéronse a falar e sacou unha desas “estampas bonitas”
que tiña no peto para facer un pitillo.
-Con
esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van
devolver cartos, díxolle este
amigo. A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber que aquelas
“estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos e queimaba
para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras esterlinas!
Quico
e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de
centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e
Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de
que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiro no
Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se
facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con
ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de
Santiago de Arteixo.
Os
dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus
devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século
pasado, que todas estas riquezas eran dun vapor inglés que
naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.
Todos
estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome
de inmediato cara a súa
investigación. Na procura de
máis informacións empezaría a consultar compulsivamente nos
arquivos e nas hemerotecas, onde aparecerían novos datos. Ao mesmo
tempo, iría descubrindo a nube de misterior que había en torno a
este naufraxio e o máis sorprendente: en Malpica, a pesar de ser o
sinistro máis importante acontecido na vila ao longo da súa
historia, a pouca xente lle soaba o nome do Priam.
Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana,
e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron
quen de aportar datos de gran interese para o libro, dous homes que
coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen
nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a
transmisión oral mantería vivos moitos dos feitos relacionados co
naufraxio, grazas a que persoas como Adolfo Vázquez e Francisco
Sanjurjo gardaban nun recuncho da súa memoria os contos que lles
escoitaran, cando eran nenos aos seus devanceiros.
|
Portada do libro "De Liverpool ás sisargas; a derradeira travesía do Priam" |
Mentres
seguía na procura de novas informacións do acontecido neste
sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio
Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado
traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia
da costa galega e os seus naufraxios.
Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e
este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación
conxuntamente, publicando
con Edicións
Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do
Priam, libro
no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de
saber onde estaba a campá do buque británico.
Uns
meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se
cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira
presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco
Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto
amaba lle segara a vida!
E
agora, 5 anos despois de aquela presentación, e 130 anos despois do
naufraxio acontecido nas Sisargas o 11 de xaneiro de 1889, recibía a
chamada do amigo Xosé Troiano, historiador e erudito do mundo das
campás grazas a quen, ao fin, se completaba o crebacabezas do Priam!
-Xabier,
vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!
-Sorpréndeme,
Xosé!
-Sei
onde está a campá do Priam!
-Non
o podo crer!
-Está
na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo!
O
lugar de Santa Cristiña é un interesante conxunto etnográfico no
que, ademais de diferentes construcións como un antigo curro,
hórreos ou a fonte milagreira, pódese ver a capela da que nos
falou o amigo Xosé Troiano, capela na que se mantén vivo o culto á
tradición agraria da zona.
Baixo
o altar da ermida hai un pequeno oco tapado cheo de terra sagrada á
que se lle atribuen propiedades curativas para as vacas. A tradición
manda coller unha presa de terra e colgala no pescozo das vacas
durante nove días, fórmula coa que se pretende conseguir que a vaca
se libre de enfermedades e que teña bos partos. Unha vez pasado este
período de tempo, devólvese a terra á capela e, seguindo a
tradición, dáselle unha limosna á Santa como troco pola axuda.
|
Lugar de Santa Cristiña coa ermida ao fondo (www.turismo.gal) |
Grazas
a Xosé Troiano, agora esa capela tamén será coñecida pola
historia que hai detrás da súa campá, da que nos falta saber como
chegou a Santa
Cristiña.
Está
comprobado
que moitos campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da
Costa da Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas
nosas augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos
de armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de
salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as
campás de Camelle, Arou, Cee…
Saber como chegou a do Priam
á
de Santa Cristiña é unha incógnita que trataremos de despexar máis
pronto que tarde!
A CAMPÁ DA CAPELA DO BALNEARIO DE ARTEIXO
No
día de hoxe o Concello de Arteixo comunicou que o Balneario será
público despois de asinar un acordo coa Fundación Amancio Ortega,
que doará o edificio para o converter nun equipamento público
social-cultural e de carácter interxeneracional para o disfrute de
toda a veciñanza. Non sabemos se a capela, testemuña
do
pasado
máis recente da vila de Arteixo
que
é propiedade do recinto termal, forma parte do devandito acordo. Oxalá
que si... e que se realice
unha
actuación acorde coa importancia dos
seus
200 anos de historia!
Nun
penoso estado
de ruina e
omisión, na actualidade
podemos observar
como as hedras
están
a piques de
apoderarse
xa
do campanario do
edificio
e, se ninguén o impide, en poucas semanas chegarán a campá, a
protagonista das
Crónicas de Arteixo
de hoxe.
Hai
unhas semanas vin,
coa claridade dunha
tarde soleada, unhas letras e
uns números
na campá da capela. Saqueille
unhas fotos co teléfono móbil.
Mais
pouco ou nada se podía ler polo
que, uns días
máis tarde, recurrín ao meu amigo Fran Naveira e
finalmente,
co zoom da súa cámara,
identificamos
o
que había escrito na
devandita
campá: HEBBURN-HALL 1871.
|
Campá da capela do Balneario (Fran Naveira) |
Descifrado
o enigma, a
miña
sorpresa foi maiúscula xa
que
sabía perfectamente que se trataba da campá dun barco do cal
deixara
unhas pinceladas nos
Contos
mariños de Carballo,
libro que me editou o Concello de Carballo no ano 2017. O amigo Fernando
Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar, tamén publicou
algunhas informacións sobre este buque no seu libro Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.
|
Campá da capela do Balneario (Fran Naveira) |
O
“Hebburn-Hall”
era
un
moderno navío
británico
de 846
Tn. que fora construído no
ano 1871
pola Palmers
Shipbuilding and Iron Company Limited, empresa
fundada
en
1852 por Charles Mark Palmer e que tiña a súa sede en Jarrow,
Condado de Durham, no
noreste
de Inglaterra, e
que ademais realizaba
operacións en Hebburn e Willington Quay, nas marxes do río Tyne.
O
vapor,
que tiña unhas medidas de 230,8 x 30,6 x 17,5 pés, era propiedade
da Hutchinson & Company, compañía de Newcastle, Inglaterra, que
bautizara o buque do que estamos a falar co nome da casa
señorial
de
mediados do
século XVII
que
aínda loce con esplendor en Canning Street, Hebburn.
|
Imaxe da histórica mansión Hebburn Hall (chroniclelive.co.uk) |
Botado
nos
estaleiros do Tyne
o 20 de febreiro de 1871, o
“Hebburn-Hall”
de
seguro que xa navegara
en máis dunha ocasión
polo noso
litoral
antes
de que naufragara o 5 de outubro de 1873 nos Baixos de Baldaio,
cando facía travesía con cargamento
de carbón
dende
Cardiff
(Gales)
ata
as instalacións portuarias da cidade italiana de
Messina, ao
nordeste de Sicilia.
Clarexada
a incógnita da procedencia da campá da
capela do Balneario,
agora só nos falta saber como chegou a Arteixo.
Moitos
campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da
Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas
augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de
armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de
salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as
campás de Camelle, Arou, Cee, Santa
Cristiña (Berdoias, Vimianzo) ou mesmo unha das que hai no Santuario
de Pastoriza que, como
xa vos contei nesta bitácora hai máis dun ano,
procede do vapor alemán Kurfüst afundido
o
5 de maio de 1904 en Sagres, no sur de Portugal.
Naufragado,
como
dixemos anteriormente,
nos Baixos de Baldaio en outubro de 1873, é moi probable que o
“Hebburn-Hall”
permanecerá
nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico ata
que os chatarreiros da zona o retiraran a cachos do lugar no que se
fora a pique. Nunhas
inestigacións levadas a cabo por Fernando Patricio Cortizo e un
servidor, para a publicación do libro da autoría de ambos De
Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam,
soubemos que a primeira persoa que andivo á chatarra polo litoral
bergantiñán fora Mariano Grela, un home que residía en Malpica e
que, dende os primeiros anos do século XX, tiña unha gabarra en
propiedade e un buzo en nómina para despezar os buques afundidos
entre as Illas Sisargas e os Baixos de Baldaio, entre eles
probablemente o “Hebburn-Hall”.
Mariano
Grela contaba ademais con algunha amizade de gran peso político en
Madrid, como era o caso do deputado conservador coruñés José del
Moral Sanjurjo, que en realidade era o seu gran valedor na capital do
estado e, do cal puido axudarse para obter licencia da Armada para o
despezamento dalgún dos pecios afundidos na zona.
Segundo
o testemuño dos malpicáns Ramón Rodríguez Alfeirán e José
Blanco Haz, outra
das embarcacións que andivo
ao ferro na zona foi a gabarra de Cachán de Camelle, vila pioneira
do despece de buques. A chatarra que extraeu este tal Cachán
vendíalla posteriormente a unha gran empresa adicada ao salvamento e
despece de buques da época, a Santa Cruz, que
era propiedade da familia materna do prestixioso arqueólogo
submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, o cal nos concretou que
naquela época a empresa tiña algún almacén pola zona de Riazor e
na rúa Orillamar, na Coruña, ademais das bases de Camelle,
Corcubión e do Barqueiro. Andando no tempo, a Santa Cruz tamén
tería instalacións no Polígono Industrial de Sabón, nunha parcela próxima
ao ITV ocupada hoxe pola multinacional Inditex.
Outro
dos chatarreiros que extraeu ferro nesta parte do Atlántico foi
Cañogho de Corcubión, un home que posteriormente, ao igual que unha
gran cantidade de galegos da Costa da Morte, emigraría ao Perú a
traballar en Chimbote, que a mediados do século XX convertiríase
no porto con maior produción do planeta.
Cando
Cachán de Camelle se retirou, ou estaba a piques de facelo, uns
veciños seus empezaban a irromper con forza no sector e tomaríanlle
o relevo. Estamos a falar dos Petrallo, que eran expertos
mergulladores que dende o seu balandro “José Antonio” buscaban
botíns nos fondos mariños do litoral de Malpica e Carballo con
aqueles incómodos traxes de buzo de máis de 60 quilos de peso, no
que só as botas pesaban 20 quilos.
Á
mesma actividade da chatarra tamén se adicaba outra experimentada
familia de buzos da zona, os Dosil de Lira, que aparecen por este
recuncho do Atlántico pola década dos cincuenta do século XX.
Salomé Garrido Alfeirán, veciña do Rañal falecida recentemente (o
14 de febreiro de 2020) que nacera en Malpica en 1930, cando
andábamos á procura de datos para a elaboración do libro sobre o
naufraxio do vapor “Priam”, apuntounos simpáticamente que Manolo Dosil andivera moceando con súa nai Estrella e tamén nos
comentou que os mergulladores Dosil de Lira traballaron durante algún
tempo pola zona das Sisargas, onde recolleran una das campás do
“Priam”, e nos Baixos de Baldaio buscando tesouros da “cidade
asolagada”. Segundo o testemuño de Salomé, os Dosil rescataron
unha enorme chave nos propios Baixos de Baldaio
que lle entregarían, xunto coa campá do "Priam", ao párroco de San
Xulián de Malpica, que naquela hora era Santiago Abuelo Alvite, a quen
substituiría don Benigno Rocamonde Carril, que chegara a Malpica en
1947 procedente da parroquia de Santo Tomé de Monteagudo.
|
Imaxe actual da capela do Balneario de Arteixo |
En
resumidas contas, e grazas aos valiosos testemuños dos malpicáns
que gardaban nun recuncho da súa memoria algún destes feitos,
puidemos descubrir o que realmente pasara co ferro das Sisargas e dos
Baixos
de Baldaio: Mariano Grela primeiro, logo Cachán de Camelle,
supostamente Cañogho de Corcubión despois e, entre
os anos corenta e finais dos cincuenta, os Petrallo de Camelle e os
Dosil de Lira, todos eles foron os despezadores de moitos dos buques
afundidos na zona, entre eles probablemente, o
“Hebburn-Hall”
Saber
como chegou a campá
deste
buque británico, afundido nos Baixos de Baldaio en 1873, á
capela do Balneario de Arteixo
é unha incógnita que trataremos de despexar máis pronto que tarde.
Seguramente
algún dos chatarreiros anteriomente nomeados tiveron algo que ver co
asunto.
FONTES:
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2014): De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, Edicións Embora, Ferrol.
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO (2016): Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, Ediciones Cartamar, A Coruña.
A
BOTELLA CON MENSAXE DE IAGO ATOPADA EN SORRIZO
Abofé
que o primeiro que un pensa cando escoita falar dunha mensaxe nunha
botella é nunha novela romántica ou nunha película como aquela dos
anos noventa, Message in a Bottle,
que protagonizaran Kevin Costner, Robin Wright e Paul Newman. Mais o
certo é que hai uns anos a realidade superou a ficción, e unha
mensaxe nunha botella aparecía no Porto de Sorrizo cando o meu amigo
Iago, daquela un cativiño de 4 anos, paseaba
por esa parte do litoral arteixán con seu pai Jesús Carracedo.
|
Iago Carracedo en Sorrizo o día que atopou a botella |
A
historia principia o sábado
22 de xaneiro do 2011, día
no que pai e fillo,
aproveitando as agradecidas
raiolas invernais, saen do
seu domicilio de Paiosaco coa
idea de pasar a mañá en
Sorrizo. Ana, a nai de Iago,
non poidera ir con eles porque ese día traballaba. Nada máis poñer
pé na area, non tardaron en
dar cun punto do areal onde había acumulado algún lixo devolto á
terra polo mar, lugar no que se atopaba a devandita botella con
mensaxe.
Anos
despois deste achado, creo
que no 2017, tiven a fortuna
de coñecer a Iago nun día
de verán. Estaba con seus
pais no areal da Constanza de
Sabón. Viume chegar e, uns intres
máis tarde, veu a falar comigo:
-Teño
algún dos teus libros e gústanme as historias que escribes.
|
Mensaxe da botella atopada por Iago en Sorrizo |
Recoñezo
que me fixo moita ilusión que un cativo de 10 ou 11 anos me dixera
tal cousa, abofé.
Rematou o verán e xa non souben máis de Iago durante un tempo, ata
que en decembro do 2018, recibo unha mensaxe súa na que me dicía:
-Teño
algo que contarche.
-
Xa me contarás esa historia cando queiras-,
contesteille eu.
O
conto quedou aí, e non sería ata os primeiros días do
confinamento, cando nos puxemos en contacto de novo. Despois
de insistirlle, co oportuno permiso dos pais, que redactara un
pequeno texto contando a súa experiencia, deixovos xa co
protagonistas das Crónicas de Arteixo de hoxe, con
Iago Carracedo Pazos, que
actualmente ten 13 anos e cursa 2º da ESO
no IES Agra de Leborís da Laracha:
“O
día 22 de xaneiro de 2011 fun dar un paseo con meu pai ao portiño
de Sorrizo. Alí, ao lonxe, vin unha botella con algo no seu
interior. Corrín a xunto dela. Cando estaba ao seu carón, pilleina
e vin que tiña un papel dentro. Parecía unha carta. Como o tapón
non se abría, tivémola que cortar. Era unha mensaxe e estaba
enchoupada.
Ao
chegar á casa lina e, para a miña sorpresa, resulta que era de dúas
mozas francesas que viñeran de viaxe a A Coruña. Os seus nomes eran
Marian Lapalus e Laya Gil-Gómez e, cando lanzaron a mensaxe, tiñan
entre trece e catorce anos. Tiraron a botella ao mar na Coruña o día
16 de xullo do 2010.
Aos
poucos días de atopar a botella en Sorrizo, conseguimos contactar
con elas por Facebook e, hoxe en día, seguimos sendo amigos. Marion
vive en Francia e Laya en Las Vegas. Estados Unidos”.
|
Mensaxe da botella atopada por Iago en Sorrizo |
SYDNEY
ERNEST HOLDER, O MÉDICO DO VAPOR INGLÉS “PRIAM” NAUFRAGADO NAS
ILLAS SISARGAS EN 1889
Hai
uns días, o 7 de xaneiro de 2021, recibín un correo electrónico de
Phil Williamson dende Adelaida, Australia, no que, entre outras
cousas, me contaba o seguinte:
“Querido
Xabier,
Acabo
de ler o
teu
artigo na web sobre o achado da
campá do Priam. Grazas por todos os
teus
esforzos para manter viva a historia
do
Priam.
Unha
das persoas que afogou no naufraxio,
o médico do
barco, Sydney Ernest Holder, era familiar
meu, polo que sempre me interesou
a historia do
Priam”.
Ao
acabar de ler o correo de Phil o peito empezoume a arder coa emoción,
do mesmo xeito que o fixera o 25 de febreiro do 2019, cando me chamou
o amigo Xosé Troiano para comunicarme que atopara a campá do Priam
na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo.
-O
Priam non deixa de
darme alegrías-, pensei. E
empezaron a xurdir por
enésima vez os recordos das entrevistas, das horas de hemeroteca,
das numerosas visitas a Malpica, etc., etc.
As
persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle
adiquei á investigación do naufraxio do Priam,
un vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 que se fora a
pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de
1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia. Por
iso, despois de tantas horas de
investigación, o correo
electrónico de
Phil Williamson era coma un premio, unha
enorme satisfacción persoal que chegaba
dende a outra parte do planeta!
Souben
daquel vapor por primeira vez grazas a Francisco Sanjurjo, Quico
de Pichel, e a Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous
veciños da miña aldea do Rañal que me contaron varias historias
que nun principio, a dicir verdade, me parecían inverosímiles.
Quico e Adolfo falaban de moitas riquezas espalladas por toda a costa
de Arteixo, dende reloxos de ouro e prata ata un baúl cheo de
“estampas bonitas” de papel, como seica lle chamaba José Naya, o
veciño de Sabón que atopara ese cofre no areal de Alba.
Parece
ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas,
onde José Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para
prenderlle lume ao pote na lareira. José descubriría o valor real
do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A
Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun
coñecido. Puxéronse a falar e sacou unha desas “estampas bonitas”
que tiña no peto para facer un pitillo.
-Con
esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van
devolver cartos,
díxolle este amigo.
A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber
que aquelas “estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos
e queimaba para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras
esterlinas!
Quico
e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de
centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e
Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de
que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiro no
Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se
facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con
ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de
Santiago de Arteixo.
Os
dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus
devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século
pasado, que todas estas riquezas eran dun vapor inglés que
naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.
Todos
estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome de
inmediato cara
a súa investigación e, na procura de máis informacións, empecei a
consultar compulsivamente nos arquivos e nas hemerotecas, onde
aparecerían novos datos. Ao mesmo tempo que escribía as primeiras páxinas dun libro no que pretendía recompilar todos estos contos, fun descubrindo a nube de
misterio que había en torno a este naufraxio e o máis sorprendente:
en Malpica, malia a ser o sinistro máis importante acontecido na
vila ao longo da súa historia, a pouca xente lle soaba o nome do
Priam.
Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana,
e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron
quen de aportar datos de gran interese, dous homes que
coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen
nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a transmisión oral mantería
vivos moitos dos feitos relacionados co naufraxio, grazas a que
persoas como Adolfo Vázquez e Francisco Sanjurjo gardaban nun
recuncho da súa memoria os contos que lles escoitaran, cando eran
nenos aos seus devanceiros.
Mentres seguía na procura de novas informacións do acontecido neste sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia da costa galega e os seus naufraxios. Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación conxuntamente, publicando con Edicións Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, libro no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de saber onde estaba a campá do vapor inglés.
Uns
meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se
cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira
presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco
Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto
amaba lle segara a vida!
Cinco
anos despois daquela presentación recibía a chamada do amigo Xosé
Troiano, historiador e erudito do mundo das campás grazas a quen, ao
fin, se completaba o crebacabezas do Priam! E agora, cousas do
destino, en xaneiro do 2021 recibo o correo electrónico de Phil Williamson, un correo no que nos
expresa o seu agradecemento polo noso traballo e no que, ademais,
tamén nos conta algunhas informacións que descoñeciamos sobre o seu familiar
Sydney Ernest Holder, o médico do Priam.
Grazas
á coraxe e á valentía dos mariñeiros de Malpica, que puxeran en
risco a súas propias vidas para salvar aos náufragos do vapor
inglés, só houbera que lamentar a morte de nove das corenta e sete
persoas que viaxaban no Priam, cinco pasaxeiros e corenta e
dous tripulantes.
Dos
cinco pasaxeiros perderan a vida catro: o señor e a señora
Derbyshire maila súa criada, Elizabeth Smith, os tres de Wigan, e a
señorita Helen Clarck, que era de Liverpool. Os cinco tripulantes
que morreron na traxedia das Sisargas foron a camareira e única
muller da dotación do vapor inglés, Catherine O´Rourke; o tamén
camareiro Arthur T. Bishop, con residencia en Londres; o cociñeiro
G. Ledburn, de Liverpool, o 2º maquinista David Graham, de
Manchester, e o médico australiano Sydney Ernest Holder, o familiar do
noso amigo Phil Williamson.
A
prensa de Australia faríase eco de contado da morte do seu
compatriota aínda que nun principio, tanto o Adelaide Observer
coma o Melbourne Daily Telegraph
apuntaban que o vapor sinistrado fora o Ehriam.
Parecíalles pouco probable que fora o Priam
dado que ese vapor, na súa última viaxe a Asia, voltando cara a
Inglaterra, chegara o día 5 de decembro a Xibraltar con serios
problemas nas máquinas. Mais os dous xornais, no que si
facían fincapé, era de como tristemente se lle cortara a vida no
litoral galego, con tan só 26 anos, a Sydney Ernest Holder, o fillo
máis novo de James e Marta Holder.
|
Frederick W. Holder, irmán maior de Sydney
|
Sydney
nacera en Adelaida o 22 de decembro de 1862, e era o irmán menor de
F.W., naquela hora editor e propietario do Burra Record
e que
andando no tempo
acabaría sendo primeiro ministro de Australia do Sur
(https://en.wikipedia.org/wiki/Frederick_Holder); C.J., empregado no ferrocarril de Adelaida; e H.R.,
operador no Departamento de Telégrafos e un famoso cantante
afeccionado. Sydney cursara os seus estudos no Prince
Alfred Collage, onde obtería
varias becas menores antes de entrar na Universidade da súa Adelaida
natal. Pouco despois de obter a graduación naquela Universidade,
viaxa a Inglaterra, a onde chega en 1882. Nas illas británicas
continuaría cos seus estudos de medicina e, en menos de dous anos,
supera a matriculación e o preliminar científico na Universidade de
Londres. Ao mesmo tempo,
participa en todas as actividades universitarias e no hospital onde
realiza as prácticas, converténdose nun dos estudantes máis
distinguidos do seu ano, gañando entre outras distincións a Beca
Atchison pola habilidade xeral, a medalla de ouro Fellowes pola
medicina clínica, e a medalla Tuhe por patoloxía. Con tan boas
cualificacións non tardaría moito en ocupar os postos de axudante
de ciruxán no Hospital Universitario, e o de axudante de medicina
militar no Coton
Hill Asylum, preto de Safford. As habilidades do doutor Holder non se
limitaban soamente á medicina xa que, ao igual que o seu irmán
H.R., posuía un notable talento musical que sempre poñía ao
servizo dos seus compañeiros de estudos cando era residente no
hospital. A súa bondade e atención cos pacientes baixo o seu
coidado eran tamén notorias.
Tan
só unhas semanas antes de que o Priam
zarpara do porto de Liverpool rumbo
a Asia, Sydney Ernest Holder
decidira aceptar a oferta que lle fixeran os irmáns Holt, os
propietario da Blue Funnel Line,
a compañía á que pertencía o Priam,
para ser o médico do vapor nesa viaxe. Para el, despois de meses de
vida dura no hospital, ían ser unhas vacacións, unha
viaxe agradable e saudable que agardaba con impaciencia. Sydney tiña
a intención de regresar a tempo a Londres, para presentarse ao
examen final na Universidade no mes de maio, e logo, visitar á
familia e amigos en Australia,
despois de tanto tempo separados.
|
Óleo do vapor Priam
|
Aquel
naufraxio producido nas Sisargas nos primeiros días de 1889 cortaría
bruscamente a súa carreira, xusto no momento no cal os anos de
sacrificio e traballo duro constante empezaban a dar o seu froito. Os
que mellor o coñecían, lamentaban profundamente a tráxica morte
nesta parte do Atlántico daquel diamante brillante que con
seguridade chegaría a ser, un
doutor do que agora sabemos algunha cousiña máis grazas ás
informacións que nos enviou recentemente
o seu familiar Phil
Williamson.
FONTES:
PATRICIO
CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2014): De
Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam.
Edicións Embora, Ferrol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario