Grazas á numerosa afluencia que había nos meses de verán no Balneario, con hóspedes que pasaban no recinto termal dous ou máis meses, Arteixo era para os organilleiros herculinos unha cita obrigada, un lugar ao que acudían frecuentemente para facer uns pesiños nas festas que naquel intre se facían no noso concello. O desaparecido xornal El Orzán, na súa edición do 15 de agosto de 1923, descríbenos unha daquelas festas do seguinte xeito:
"El pasado domingo se celebró en la alameda del balneario de Arteijo una verbena que dió ocasión al elemento joven para dedicarse al baile, durante las primeras horas de la noche.
El espacioso parque estaba artísticamente iluminado a la veneciana y hubo gran animación no faltando organillos, acordeones y hasta un improvisado jazz-band, que unidos a los puestos de churros, caramelos, dulces y refrescos, daban una impresión muy agradable.
Llamó la atención una churrería, perfectamente instalada y servida por una pareja saladísima de churreros, donde los señores de Cossío obsequiaron a todos los veraneantes.
Se hizo verdadero derroche de globos y fuegos artificiales y lucieron soberbios mantones de Manila las hermosas señoritas de Español, Cossío, Laguarda, Mauriz, Bermúdez de Castro, Ramirez, Saavedra, Galán y Montalvo.
Ya avanzada la noche se dió fin a tan agradable fiesta, a la que concurrieron muchas familias conocidas de la Coruña."
|
Imaxe dos anos 20. Hóspedes do Balneario paseando por Arteixo
|
Un ano despois, o 23 de xullo de 1924, La Voz de Galicia publicaba o seguinte artigo sobre as festas de Arteixo, artigo que é un verdadeiro tesouriño etnográfico:
"Es grande la animación que existe este año para celebrar con toda esplendidez las fiestas del Apóstol Santiago, Patrón de esta pintoresca villa, cuyas fiestas se celebran los días 25, 26 y 27.
La Comisión encargada de los festejos tiene verdadero empeño en que resulten más espléndidos que nunca y para amenizarlos tiene contratadas dos bandas de música de La Coruña y Lugo aparte de la típica gaita del país y varios organillos.
Entre otros números de importancia se celebrarán dos becerradas con ganado de los montes de Santa Leocadia, conocidos en toda Galicia por su bravura. Serán lidiados los bichos por algunos aficionados que están pasando la temporada veraniega en aquel Balneario, para lo cual se ha improvisado una bonita plaza.
Por las noches lucirá una hermosa iluminación eléctrica con farolillos y bombillas de colores y focos de arco voltaico, banderolas, etc.
El día 27 se celebrarán las típicas merendiñas en los sotos de Caldas y una hermosa jira marítima al Rañal, para cuyo efecto se están adornando muchas barcas con flores y farolillos de colores que resultará espléndida como de costumbre.
Son muchas las personas que irán esos días a pasar un buen rato de alegría a Arteijo, para cuyas fechas habrá automóviles que harán viajes extraordinarios a precios reducidos, con objeto de que todos los que lo deseen puedan disfrutar de los encantos de aquellos hermosos parajes".
|
La Voz de Galicia, 23.7.1924
|
Aquelas verbenas dos anos dez e vinte nas que, en moitas delas, os organillos eran xunto aos gaiteiros, que nunca faltaban, o único elemento musical, daríanlle paso ás festas das orquestas populares, que se convertirían no mellor dos conservatorios para os máis humildes. Unha das primeiras en actuar no Balneario foi a Orquesta X, a máis antiga da Coruña, creada antes da Guerra Civil, que lle pasaría o testigo a outras coma a Orquesta Mallo, fundada por tres irmáns de Feáns virtuosos do acordeón, ou Os Satelites, creada en 1938 e que a partir dunha viaxe a Venezuela en 1955, nun tempo no que aínda se podía ver algún organillo polas rúas herculinas, empezarían a subir ao olimpo das lendas coa voz do grande Pucho Boedo.
"Por orden de la autoridad competente, la fiesta se ha acabado y el
que no haya metido bastante mano, que venga mañana más temprano". Isto escoitouse nun campo da festa da contorna cando a parella da Garda Civil que vixiaba a verbena diu o toque de queda e a xente resistíase a abandonar a troula, unha xente que se entregaba e síguese entregando ás orquestas...mais un momentiño, como ben di o grande Sito Sedes, voz dos Satélites entre 1969 e 1982, "o espectáculo de agora é para os ollos e o de antes era para os oídos".
OS TARANTOS
Los Tarantos é unha obra de teatro de Alfredo Mañas (Historia de los Tarantos) que foi levada ao cine en 1963 baixo a dirección de Francisco Rovira-Beleta, un film protagonizado por Antonio Gades e Carmen Amaya que lograría a nominación aos Oscar de Hollywood na categoría de mellor película de fala non inglesa. Pois ben, ese nome de Los Tarantos sería o escollido por uns rapaces nados en distintos puntos da provincia da Coruña que en 1972 deciden formar un grupo musical, grupo que naqueles primeiros anos setenta marcaría un antes e un despois no panorama musical galego.
|
Imaxe dos anos 70 dos Tarantos. De esquerda a dereita: Alberto Madaria, José Vázquez, Angel Pereiro, Fernando Fernández, Pepín Soto e Jaime Vázquez |
A pesar de que ningún dos seus compoñentes era natural de Arteixo, Os Tarantos estarían sempre vencellados á vila do Bolaños xa que varios dos seus integrantes establecerían alí o seu domicilio nos primeiros anos 70. Este fora o caso de Fernando Fernández Pérez e de José Vázquez Calvete, quenes curiosamente acabarían sendo taxistas no municipio arteixán. Fernando, o organista e mánager do grupo, era da parte de Betanzos e vivía no edificio onde está a xoiería Barca e José, o trompetista, residía pola zona de Caldas. Con José Vázquez, que vive actualmente en Vilarrodís, falamos recentemente longo e tendido sobre a súa vida como músico profesional e, tamén, sobre a traxectoria dos Tarantos naqueles anos setenta.
Nado o 8 de abril de 1940 en Cances (Carballo) no seno dunha familia que sentía verdadeira devoción pola música, José comezaría a súa andaina musical de moi neno da man de seu avó Constantino e de seu pai Ramón que tamén foran músicos, un Ramón que sabería transmitirlle excepcionalmente aos seus fillos o amor polos instrumentos e a paixón pola cultura e a tradición. De feito, seis dos seus sete cativos acabarían sendo músicos: Félix, sería o batería dos Madrigales e de Ana Kiro; Jesús formaría parte da banda de Basilio de Corme tocando o trombón; Angel e Eduardo, coñecidos popularmente como "Os Gemelos", acabaríanse convertendo en axentes artísticos; Jaime, que tocaba o saxofón, violín, clarinete, frauta...tamén sería un dos integrantes do grupo Os Tarantos, un Jaime que andando no tempo iría vivir á miña aldea do Rañal e que hoxe, cos seus máis de oitenta invernos aínda toca na Banda de Música Santiago de Arteixo e na Big Band; e o mencionado José, que con dez anos xa tocaba a trompeta na banda de Basilio de Corme e con trece empezaría os seus estudos na Escola de Música da Coruña.
Unha vez rematados os estudos musicais, José Vázquez formaría parte de orquestras como a "Finisterre" ou "Los Faraones" a
ntes de emigrar a Holanda en 1963. Alí, nos Países Baixos, o noso protagonista continuaría coa súa actividade musical en Arnhem formando parte da orquestra da AkzoNobel, empresa multinacional especializada en pinturas decorativas, pinturas industriais e produtos químicos especializados que ten actividade en máis de 80 países e que a día de hoxe emprega aproximadamente a 50.000 persoas. No país dos tulipáns, José tamén coñecería a Germina Jakoba, unha fermosa moza holandesa coa que non tardaría en casar. Tras nove anos de estadía en terras holandesas, período no que viñeran ao mundo Anita e Renato, os dous fillos do matrimonio, en 1972 o músico nado en Cances recibe unha chamada telefónica de seu irmán Jaime que, con anterioridade, tivera varias orquestras na Coruña:
-"Machiño, fai a maleta e vente pra aquí! Imos montar un grupo que vai ser a bomba!"
Dito e feito. Unhas semanas máis tarde José e a súa familia aparecen en Arteixo e alugan un piso pola zona de Caldas e, ao pouco, ante a incerteza da aventura musical, o trompetista compra a licencia número 3 e empeza a traballar como taxista nun Seat 1500
.
|
Os Tarantos nunha actuación en Cedeira en 1974 |
Co grupo xa formado, Os Tarantos fan os seus primeiros ensaios nun baixo do barrio coruñés da Sagrada Familia con vistas á súa primeira actuación. A parte dos nomeados irmáns José e Jaime Vazquez Calvete e de Fernando Fernández Pérez, o taxista-organista que facía as funcións de mánager e que tiña o seu domicilio no edificio onde está a xoiería Barca, os outros compoñentes do conxunto eran o cantante coruñés Alberto Madaria, que viña do grupo Os Bardos de Ponteceso; Angel Pereiro, batería tamén da Coruña; e o guitarrista salmantino Julio Suñer. O bautismo produciríase na Sala de Festas Eva na noite de fin de ano de 1972, unha exitosa primeira actuación que aínda é lembrada pola xuventude arteixá daquela hora, mozos e mozas que hoxe disfrutan da súa xubilación ou están a piques de facelo.
Desde entón, desde aquela exitosa actuación na Sala Eva, Os Tarantos irían gañando popularidade empregando no seu repertorio melodías propias como "Safari salvaje" ou "Mi Lola" ou arranxos como o que fixeron coa canción dos Tamara de Pucho Boedo "Airiños, airiños, aires". Outra das bazas que xogaban a favor do grupo arteixán era o atraente e innovador espectáculo de iluminación co que, naquela hora, non contaban bandas como Los Duendes de Vilagarcía, Los Españoles ou Los Capris de Ferrol, que naquel quinquenio que abrangue dende 1973 ata 1977 foran os principais rivais dos
Tarantos.
Aqueles son tempos nos que medio planeta empezaba a bailar ao ritmo do lendario grupo sueco ABBA, tempos nos que tamén Os Tarantos sufrirían algún que outro cambio na formación xa que o guitarrista salmantino Julio Suñer abandonaría o grupo e pouco despois formaba en Pontevedra os Micron´s. Para cubrir a súa baixa chegaría Guillermo, de quen José Vázquez non lembra os seus apelidos mais afirma que..."era moi bo cantante e guitarrista", un Guillermo que posteriormente tamén deixaría o grupo para tocar na Banda Municipal de Compostela e, o seu lugar, sería ocupado por Pepín Soto, cantante e guitarrista de Ortigueira.
O conxunto de Arteixo percorría, naqueles días, a totalidade da xeografía galega e boa parte da asturiana durante todo o ano, feito que levaría a José, e posteriormente a Fernando, a vender as súas respectivas licencias de taxi. Julio Iglesias, con quen actuaron en Ortigueira, Rafael, Manolo Escobar, Rocío Jurado, Mari Trini, Juan Pardo, o seu bo amigo Pucho Boedo ou Santa Bárbara foron algúns dos artistas cos que os
Tarantos compartiron escenario ao longo daqueles anos setenta, anos nos que a totalidade das salas de festas galegas solicitábanlle acotío ao mánager Fernando Fernández a presenza do seu grupo nas vilas do país. Cun caché que andaba aproximadamente polas 70.000 pesetas, todas as salas e comisións de festas querían contar co
s arteixáns, mais a axenda non daba para máis e, por iso, houbera algún que outro cabreo con
varios axentes artísticos por non haber datas suf
icientes para atender as numerosas peticións que tiñan Os Tarantos.
|
La Voz de Galicia, 6 de marzo de 1976 |
Mais aqueles bos tempos irían chegando ao seu fin, sobre a todo a raíz de que os irmáns José e Jaime Vázquez Calvete abandonaran o grupo en 1976. Facendo memoria, José lembrábame estos días en Vilarrodís, que..."nese ano fun para os Micron´s de Pontevedra, o grupo do meu amigo Julio Suñer. Uns meses antes, cando aínda tocaba cos Tarantos, tamén me quixeran levar Os Satélites. Nunca cheguei a tocar con esta orquestra en directo, mais tiven a fortuna de gravar un disco con eles en Barcelona. Despois daquela gravación querían que fora o seu trompetista, mais finalmente non quedei con eles porque a miña muller tiña moita morriña da súa terra e, a finais de 1977, voltamos a Holanda".
Alí, nesta segunda etapa nos Países Baixos, crea os Tover, grupo formado por tres galegos e tres holandeses co que tocaría durante un ano polos centros españois do Benelux. José continuaría coa súa actividade musical ata a súa xubilación, e chegaría a viaxar por todo o mundo formando parte da orquestra dun trasatlántico de capital estadounidense e holandés. Curiosamente, ao mesmo tempo que José Vázquez facía soar a súa trompeta naquelas travesías oceánicas, a estrela dos Tarantos iríase apagando pouco a pouco, ata deixar de alumear definitivamente nos primeiros anos oitenta, que foi cando Fernando Fernández, o organista e mánager do grupo, emulando a Jim Morrison, o vocalista dos lendarios The Doors, dixo: "This is the end".
“7
PUERTAS”: UN LONGO CAMIÑO ATA O CUMIO
It´s
a long way to the top (If you wanna rock n roll),
en
galego É
un longo camiño ata o cumio (se queres rock and roll),
é o título da primeira canción do primeiro disco da
lendaria
banda
australiana
“AC/DC”, título
que define á perfección
a
carreira e o longo camiño percorrido do grupo arteixán “7
Puertas”.
Para
buscar as raíces de "7 Puertas" temos que viaxar ata o
Arteixo dos primeiros anos noventa e adentrarnos nas vidas de Santi,
Barry e Alberto, tres amigos e veciños da vila que naquela altura
soñaban con formar a súa propia banda de rock. Santi, Santiago
Martínez Gende, nace en 1975 no seo dunha familia sen ningunha
tradición musical. Seus pais e avós eran muiñeiros, os muiñeiros
de Caldas, xente seria e traballadora que non tiña afección pola
música e menos aínda polo rock.
O
rapaz vai medrando e a principios dos oitenta, época na que o heavy
estaba de moda, os seus amigos do barrio, todos maiores que el,
empezan a deixarlle cintas de casete de bandas como “Iron Maiden”,
“AC/DC”, “Saxon”, “Whitesnake”, “Baron Rojo” ou
“Scorpions”. Aquel bautizo musical marcaría o resto da vida de
Santi. Como anécdota, contar que unha de esas cintas, o For those
about to rock de “AC/DC” do ano 1981, deixáralla Manuel de
Eva, que posteriormente sería un dos fundadores do grupo arteixán
“Os Revenidos”.
Ao
rematar os estudos básicos, na cabeza de Santi xa non había outra
meta que non fora montar unha banda de rock, un soño co que non
concordaban seus pais, que exercían toda a oposición posible e non
querían oír falar do tema..."como podía ser que en unha
familia tan formal houbera un rockeiro,
que diría a xente". Así que, como non podía
ser doutro xeito, os comezos do rapaz de Caldas no mundo da música
serían “clandestinos” e, inevitablemente, chegarían os
primeiros intentos de formar unha banda.
Corre
o ano 1991 e xunto a dous amigos, Barry Hollet, un escocés que
levaba residindo en Arteixo certo tempo, e Alberto García Ramos, o
do Bar Unión, empezan a xuntarse no baixo do Bar Salgado para
empezar a “ensaiar”, ensaios nos que Santi aporreaba a batería,
Alberto intentaba tocar o baixo e, supostamente, Barry tocaba a
guitarra e cantaba. Tiñan toda a ilusión do mundo, mais iso non era
suficiente xa que os tres colegas só eran quen de tocar puntualmente
algúns anaquiños de cancións e, por riba, non os sabían. Así
irían pasando os meses ata que desistiron no intento… mais Santi
xa “o probara” e quería máis!
Dous
anos máis tarde, o 11 de marzo 1993, Santi coincidiría por primeira
vez con Josafat Pardo Iglesias. Ese día a lendaria banda de Nova
York "The Ramones" tocaba no Coliseum de A Coruña e, por
supuesto, todas e todos os rockeiros acudirían á cita, entre eles
Santi e Josafat, un mozo de Arteixo nado en 1977 que, dende moi
cativo, mantiña contacto coa música a través de seu irmán maior
Jesús. Santi e Josafat, que empezara a tocar a guitarra por aqueles
días, coñeceríanse alí, no Coliseum, e non tardarían en ter
proxectos comúns, aínda que antes disto os dous irían avanzando no
eido musical por camiños separados, Santi formando distintos grupos
polos que pasaría un montón de xente, e Josafat crearía, xunto a
seu irmán Jesús, Alberto García (o baixista da primeira banda de
Santi) e outros amigos, o grupo M.O.K.
E
así, pouco a pouco, os dous rapaces iríanse formando e aprendendo
como podían, todo de oído e por instinto, sen ningún tipo de
formación, fixándose en discos, vídeos e, por suposto, nos
concertos aos que acudían constantemente, tendo naquela altura
varios referentes cercanos: o grupo "Troleblues", do que
formaban parte dous músicos de Arteixo, "Os Diplomáticos de
Monte-Alto", "Mac n Rones", "Doctor Snob"…
Ensaio tras ensaio, foron avanzando mais, iso si, sen chegar a
debutar en directo ata que, por fin, en 1994 Santi e Josafat deciden
unir forzas e formar unha banda xuntos, nacendo así "Cuidado
Arriba". Nun principio, Josafat compartiría actividade con
M.O.K. ata que, finalmente, este grupo desaparece e se adica única e
exclusivamente a "Cuidado Arriba".
|
Primeira formación de "Cuidado Arriba" (1994-1996). De esquerda a dereita: César Díaz (voz), Josafat Pardo (guitarra), Rubén Marcote (baixo), Santiago Martínez (batería) e David Gayoso (guitarra)
|
Na
primeira formación desta banda figuraban Santi, Josafat, o
guitarrista da Coruña David Gayoso, Ruben Marcote e César Díaz,
mozo de Pastoriza que andando no tempo convertiríase nun gran
artista cos deseños gráficos da súa autoría, entre eles os das
obras teatrais “Porlier en Pastoriza” e “Rodríguez, o loro de
Picadillo”. Sería no baixo do negocio do pai de César, "Talleres
Europa", onde comezan a ensaiar os "Cuidado Arriba",
un nome que proviña precisamente deste local que tiña o teito tan
baixo que instrumentos e cabezas batían nel cada dous por tres,
feito polo que alguén sempre exclamaba:
-
Cuidado arriba!
Desde
o primeiro momento teñen claro que queren facer temas propios, e a
isto se adican durante un tempo nos ensaios nos que, de cando en vez,
tamén tocaban algunha versión polo medio. Ao fin, o 13 de maio de
1995 "Cuidado Arriba" debuta en concerto e, durante ese
ano, darían sete concertos máis por parroquias de Arteixo, actuando
ademais nun local da Coruña e no Pub d'anton da Laracha, auténtico
referente da época.
Posteriormente,
no verán de 1996, produciríase a primeira baixa no grupo: Rubén
Marcote, que sería sustituido por Iván Rodríguez Espinosa. A
continuación, meses de ensaio para chegar ao 20 de decembro dese ano
1996, data na que Iván dá o primeiro concerto co grupo, un concerto
que sería o derradeiro para a formación xa que se desintegraría
días despois. Santi e Josafat quédanse de novo sen grupo, mais con
gañas de seguir e cun novo cómplice: Iván Rodríguez, un rapaz
nado en 1979 e que naquela altura era coñecido porque seus pais
rexentaban "Fotos Rodri", o popular negocio fotográfico de
Arteixo.
Así,
pois, xa temos o núcleo de "7 Puertas", mais aínda
faltaría bastante para chegar ata aí. En 1997 Santi, Josafat e Ivan
están dispostos a resucitar "Cuidado Arriba" como sexa.
Necesitaban seguir tocando! E consígueno xunto a Víctor Iglesias,
referente xa naquela altura da música na bisbarra que actualmente
dirixe a Escola Municipal de Música de Arteixo, e unha descoñecida
Betty Queiro (hoxe popular pola súa academia de inglés), á que
enredan para que cante con eles. Non tardarían en compoñer temas e
en facer ensaios, que realizan nas casas de Barbada que estaban na
actual rúa peonil e así, con esta formación, conseguirían dar
outros seis concertos ao longo dos anos 98 e 99 antes de que, de
novo, desaparecese o grupo.
|
Segunda formación de "Cuidado Arriba" (1997-1999) De esquerda a dereita: Víctor Iglesias (teclado), Santiago Martínez (batería), Betty Queiro (voz), Josafat Pardo (guitarra) e Iván Rodríguez (baixo)
|
Naquela
ocasión, o cansazo e a frustración afectarían considerablemente
nas vidas dos músicos arteixáns, quenes pasarían uns anos sen
apenas tocar nin ensaiar, facéndoo só esporádicamente cando Santi,
Josa e Iván sentían nostalxia e se xuntaban para tocar uns intres.
E
así chegamos ao ano 2002 onde, un día das festas do Apóstolo de
Arteixo, Santi mantén unha conversa con Hugo Pardo, o irmán pequeno
de Josafat, na que este lle conta que está aprendendo a tocar a
guitarra mais, ao non ter con quen tocar, pensaba en deixalo. Santi
ofrécelle a posibilidade de ensaiar de cando en vez e, ao pouco,
chamarían a Iván Rodríguez para que os acompañe. Posteriormente
tamén avisarían a Josafat, que se une a eles e empezarían a
compoñer de novo. Só lles faltaba a voz, voz que consiguen a través
dun anuncio que poñen en "Musical 47" de A Coruña ao que
responde Antonio Martínez López, que se convertiría, deste xeito,
no cantante do grupo.
Antonio,
ferrolán de nacemento e con familia natural de Cedeira, despois de
estudar en Santiago trasladaríase á cidade da Coruña por motivos
laborais, un Antonio que anos antes recibira formación de piano e
que, ao encontrar aquel anuncio que reclamaba cantante non o pensou
dúas veces e decide embarcarse neste proxecto musical que nacía ao
pouco como a primeira formación de "7 Puertas", nome que
viña dado por aquel bar de tapas que había na Coruña situado
fronte ao mítico “La Bombilla”, un “7 Puertas” no que Santi
pasara moitas horas soñando con montar un grupo mentres lataba da
Academia San Andrés.
|
Primeira formación "7 Puertas" ( 2002-2006). De esquerda a dereita: Iván Rodríguez (baixo), Josafat Pardo (guitarra), Santiago Martínez (batería), Antonio Martínez (voz) e Hugo Pardo (guitarra)
|
A
banda prepararía de contado os seus primeiros temas e, o 26 de
decembro de 2003, debutan en directo na Laracha. Ao ano seguinte,
2004, seguen aumentando o seu repertorio e dan outro par de
concertos, e xa no 2005 gravan a súa primeira maqueta, que lles
servirá de soporte para a súa primeira xira de concertos por boa
parte da xeografía galega. Naquela altura, o recibimento da banda en
cada unha das súas actuacións era tremendo, feito que lles anima a
continuar compoñendo e a preparar cancións coa intención de
cumprir o soño de gravar o seu primeiro disco.
Aquel
soño faríase realidade a finais de 2006, que foi cando comezan a
gravación da súa estrea discográfica mais, cando tiñan
prácticamente gravado o disco, Antonio Martínez decide abandonar o
grupo por motivos laborais e persoais. “7 Puertas” quedaba, deste
xeito tan surrealista, cun disco a medio gravar e sen cantante. Mais
o destino quixo que se cruzara con eles Sergio Ramos, un veciño de
Chamín vello coñecido de Santi, que non tardaría en incorporarse
aos ensaios para facerse cargo das voces do disco.
Finalmente,
o traballo vería a luz o 27 de xuño do 2007 baixo o título “Hasta
el final”, feito que se convertiría nun verdadeiro acontecemento
no municipio, xa que era a primeira vez que un grupo formado por
integrantes nados en Arteixo gravaban un disco. Os rapaces de “7
Puertas”, rememorando os tempos dos “Tarantos”, aquela banda
dos 70 que editara algún disco e na que tamén había algún veciño
arteixán, non facían máis que recibir os parabéns de veciños e
veciñas na rúa, no super, no videoclub… bos momentos que, segundo
nos contou recentemente Santi, Santiago Martínez, lembran con
moitísimo cariño e os fixo sentir moi, moi especiais.
Despois
de que o disco vira a luz, os “7 Puertas" arrancan unha nova xira
de concertos por toda Galicia para presentalo, xira na que empezan a
conseguir os seus primeiros cheos en salas de A Coruña, Culleredo, A
Laracha… e, ademais, visitan Ferrol, Lugo, Melide, Monforte…
cidades e vilas nas que o grupo arteixán sería quen de facerse un
oco na escena musical galega. O 2008 adícano a compoñer temas para
intentar gravar un novo disco no 2009, ano no que Sergio Ramos vese
na obriga de abandonar o grupo momentáneamente por motivos laborais.
Como para ese 2009 os “7 Puertas” tiñan un feixe de concertos
pendentes, deciden pedirlle axuda de novo a Betty Queiro para sacar
esos compromisos adiante.
Unha
vez terminados, os artistas arteixáns continuarían compoñendo e
arranxando cancións ata que Sergio Ramos retorna, facéndoo de novo
a tempo de entrar ao estudio para rexistrar o seu segundo disco. O 12
de febreiro de 2010 sae "Una entre un millón" e, dende o
primeiro momento transpórtaos a un novo nivel de popularidade que
acadarían coa axuda dos seus singles "Equilibrio", tema e
videoclip no que colabora con “7 Puertas" o cantante de “Heredeiros
da Crus” Javi Maneiro, e "Llamame", canción na que
contan coa colaboración no videoclip de Marta López, que entraría
como concursante de Gran Hermano naquela altura e que dispararía as
visitas do devandito videoclip.
|
Segunda formación "7 Puertas" (2006-2011). De esquerda a dereita: Hugo Pardo (guitarra), Iván Rodríguez (baixo), Sergio Ramos (voz), Santiago Martínez (batería) e Josafat Pardo (guitarra)
|
Posteriormente,
farían unha nova xira durante os anos 2010 e 2011 por toda a
xeografía galega, unha xira na que tamén saen por primeira vez da
súa terra dando concertos en Castela e León, Asturias e Madrid.
Ademais, os arteixáns tocarían con algúns dos seus ídolos como
Shuarma, cantante de "Elefantes", ou Santi Campillo,
guitarrista de “MClan”.
As
críticas das súas cancións e dos seus concertos non podían ser
mellores. As vendas dos discos así o respaldaban mais, no mellor
momento do grupo, Sergio Ramos ten que abandonar “7 Puertas”
definitivamente. O pau sería moi grande... todo o traballo... toda a
ilusión… de súpeto, todo se truncaba. Case que por inercia chega
2012 e, con el, o décimo aniversario do grupo.
Nun
intento de mantelo vivo e de gañar tempo para ver se Sergio Ramos
retornaba de novo, deciden organizar un evento para celebrar o seu
décimo aniversario. Por aqueles días, gravan un disco de versións,
de grupos que os influenciaran ao longo da súa carreira, acompañados
de cantantes de distintas bandas galegas coas que tiñan amistade e
que suplen a falla de Sergio Ramos. Naquela altura, os “7 Puertas”
tamén organizarían un concerto no Auditorio de Arteixo no que os
cantantes que gravaron o disco acompañan ao grupo arteixán.
Os
meses seguintes irían transcorrendo mentres compoñían novas
cancións e agardando a que pasara algo… e tanto que pasaría, xa
que Hugo Pardo abandonaría tamén o grupo. Unha vez máis Santi,
Josafat e Iván volvían a quedarse sós. Ese sería o momento máis
baixo na carreira do grupo, un momento no que realmente están a
piques de poñerlle punto e final á historia de “7 Puertas”.
Mais,
como non podía ser doutro xeito, sacan de novo forzas de fraqueza e
retorna ao grupo Antonio Martínez, o seu primeiro cantante, desta
volta para facerse cargo de piano e teclados, a súa posición
natural, e tamén fichan a Raquel Vinuela, a nova voz da banda
arteixá, unha banda que tocaría bastante durante o 2014 e os
primeiros meses do 2015 mais, finalmente, o proxecto non callaría.
Con
todo, estaban de novo coas pilas cargadas e pouco despois, en maio do
2015, incorporaríase ao grupo para ocupar a voz principal Fernando
Quiroga Luces, un cantante que procedía de bandas como "Caminos
Cruzados" ou "Alba Rusa". Fernando, músico
experimentado, encaixaría de contado na filosofía musical e persoal
de “7 Puertas” e, tras medio ano de ensaios, debutan nun festival
solidario na discoteca “Moon 57”, onde o recibimento sería
fantástico. Meses máis tarde, tamén tocarían no 50 Aniversario da
discoteca “Pazos” da Laracha xunto a “Os Revenidos”. Con
aquelas actuacións, os “7 Puertas” recuperarían as gañas e a
ilusión que lles faltaba e irían collendo ritmo e confianza grazas,
en gran medida, ás novas incorporacións, que se adaptarían
estupendamente ao engrenaxe e á idiosincrasia do grupo de Arteixo.
|
Última formación de "7 Puertas" (2018-) De esquerda a dereita: Josafat Pardo (guitarra), Antonio Martínez (teclado), Iván Rodríguez (baixo), Fernando Quiroga (voz), Santiago Martínez (batería) e Óscar Fernández (guitarra)
|
E
así, ao pouco, deciden encerrarse para compoñer e crear un novo
disco, un proceso no que son conscientes de que necesitan unha
guitarra máis para defender as cancións na futura xira,
incorporando a Óscar Fernández Crespo, un veterano da escena
musical coruñesa, bo guitarrista e bo amigo co que xa compartiran
aventuras e escenario ao longo dos últimos anos. O grupo
convertíase, por primeira vez, nun sexteto e con esta formación
gravan un novo disco que leva por título "Siete Puertas",
título que para os arteixáns é un novo comezo, unha nova etapa e,
sen dúbida, é o disco máis "7 Puertas" xa que son eles
mesmos os que realizan todos os procesos: composicion, gravación,
masterizacion… un disco que editarían o 14 de decembro de 2018 e
que presentaban en directo o día 22 do mesmo mes. En febreiro do
2019 iniciaron unha nova xira. Non sabemos o que lles deparará o
futuro… mais de seguro que seguirán adiante!
“OS
REVENIDOS”, O ROCK RETRANCA DE ARTEIXO
O
xerme de onde nacen “Os Revenidos”
está en
Xiradela,
unha
Asociación Xuvenil
na
que cadraron
moitas rapazas e rapaces de
Arteixo
que podían
dar saída ás
súas
inquedanzas artísticas aínda que, nun
principio, o que maioritariamente facían
era bailar, cantar e tocar a música
tradicional galega.
Sería
nos descansos dos ensaios de baile onde, dalgún xeito, os primeiros
“Revenidos” empezarían a divagar e vacilar coa idea de facer un
grupo collendo un tamboril, unha pandeireta ou batendo unhas baquetas
nunha mesa para facer calquera canción á caída, como por exemplo
“El ensayito”, tema co que versionaban o famoso “Chiringuito”
de Georgie Dann… “ yo tengo un ensayito al lado de la iglesia;
tengo que ir rapidito que me espera Teresa”. Teresa era a súa
profesora, e calquera escusa era boa para botar unhas risas!
|
Imaxe
que fai referencía a eses momentos no local de Xiradela onde
calquera cousa servía para facer unha canción. Aparecen Manuel de
Eva coas baquetas, Alberto Sexto compañeiro de baile) e Víctor
Iglesias á flauta (Cortesía de Manuel de Eva) |
Todo
grupo que se prece ten que ter un nome, así que, como non podía ser
doutro xeito, aqueles rapaces de Arteixo que nos primeiros anos
noventa tiñan en mente formar unha banda, comezaron a tirar dos
alcumes das súas familias. Cando escoitaron o do avó de Guillermo
León, un compañeiro de baile, chamoulles a atención poderosamente.
O alcume do avó de Guillermo era “O Revenido”, nome que xa lles
gustou nada máis escoitalo. Nun principio tamén xuntarían o alcume
da avoa paterna de Manuel de Eva, que era Obdulia “da Caseta”,
así que nos descansos dos ensaios con Xiradela, ou nas viaxes coa
Asociación Xuvenil, cando saían a actuar polo mundo adiante, de
xeito moi especial na viaxe realizada en 1993 á vila portuguesa de
Sintra, ás veces botaban unhas pezas como “Os Revenidos da
Caseta”. E así, como quen non quere a cousa, despois de aquela
viaxe a Sintra, empezarían a quedar xa para ensaiar un poco máis en
serio, tan en serio que deciden retirar aquilo “da caseta” e
pasarían a ser, dende aquel momento, “Os Revenidos”.
A
primeira formación dos primeiros ensaios estaba composta por Víctor
Iglesias, no piano, Carlos Lareo, Carlos Fuentes e Ruben Martín con
guitarras acústicas e Manuel de Eva cantando. Quedaban para ensaiar
na casa de Carlos Lareo, nunha antiga tenda de ultramarinos que tiña
a súa familia no baixo da vivenda. Máis tarde trasladaríanse ao
hórreo da mesma casa.
Naquela
altura, algún dos músicos propoñía uns acordes e Manuel de Eva
encargábase das melodías e das letras. O primeiro repertorio do
grupo sería de temas propios, como por exemplo “Ábreme la
puerta”, “Porqué no me dices la verdad”, “ El virus de la
soledad”, “Todo es nada”…
Xa
no ano 1994 deciden dar un paso adiante: facía falla alguén que
tocara o baixo na formación así que Rubén Martín, “O Duque de
Preguín”, asume ese rol e merca un baixo pasando, dende aquel
entón, a ser o baixista da banda. Facía falla un batería tamén,
así que Manuel de Eva empeza a dar algunha clase con Manolo
Maceiras, gran baterista arteixán, e ao pouco merca unha Pearl de
cor branca de segunda man, que vendía Tom o baterista dos míticos
“Troleblues”, un grupazo de Laxe que tiña algún membro de
Arteixo, entre eles o propio Manolo Maceiras, o profesor de batería
de Manuel de Eva, e tamén a Anxo Souto na guitarra, un Anxo que, as
voltas que da a vida, formaría parte dos “Revenidos” vintecinco
anos máis tarde!
|
Imaxe
de un dos primeiros concertos do grupo, o da
Noite Meiga de Xiradela do ano 1993. De esquerda a
dereita Carlos FuIentes, Rubén Martín,
Carlos Lareo, Manuel de Eva e Víctor
Iglesias (Cortesía de Manuel de Eva)
|
Á
guitarra quedaría
Carlos Lareo, pois
Carlos
Fuentes
deixaría
o
grupo.
Víctor
Iglesias, andando
no tempo director da Escola Municipal de Música de Arteixo,
seguía no piano e incorporarían
a Roberto
Darío
na voz. Con
esta formación, “Os
Revenidos” tocarían en
algunha
que outra festa de aniversario e, tamén,
na
Noite
Meiga
dos anos 1994 e 1995 que organizaba a A. X. Xiradela. Aquí
acabaríase
temporalmente
a primeira etapa do grupo xa que, por distintos motivos e ocupacións,
o proxecto dos
“Revenidos”
estaría
parado durante
nove
anos!
Facemos
viaxe na máquina do tempo e chegamos ao ano 2004, que foi cando
Rubén Martín empezou a fantasear coa idea de voltar, mais iso si,
só para dar un único concerto por aquilo de que era unha verdadeira
pena ter tocado tan pouco no pasado. Rubén pensaba que aquelas
cancións e aquel proxecto non podían quedar no esquecemento e, ao
pouco, fala co resto da banda. A todos lles parece boa idea xuntarse
de novo, excepto a Roberto Darío que non podía comprometerse.
Naquela hora precisaban un cantante mais, cousas do destino,
seríalles máis doado atopar un novo batería xa que Víctor
Iglesias coñecía a un rapaz de Loureda, Esteban Castro, que se
convertiría no novo batería de “Os Revenidos” ao mesmo tempo
que Manuel de Eva pasaba a ser a voz do grupo.
Así
pois, “Os Revenidos” deciden xuntarse para facer un único
concerto nun bar de Arteixo que se brinda a acollelos, “El
Pasatiempo” ou “o bar de Chupi” como tamén é coñecido. Ao
preparar os seus temas, son conscientes que non teñen repertorio
suficiente para ofrecer un concerto en condicions e, con esa
facilidade que os caracterizou dende un principio para facer versións
en clave de humor, probaron cousas nos ensaios que deciden engadilas
ofrecendo un espéctaculo de dúas partes : unha primeira máis seria
tocando os seus temas propios e, despois de un descanso e de un cambio de
vestiario, dar paso á carallada, por exemplo con versións de
“Angelitos negros” de catro maneiras distintas ( pop, rock,
dance…) e ata un tema en inglés por si tiñan carreira
internacional,“ Fucking in the beach”.
O
do concerto único no bar de Chupi quedaría nunha simple anécdota
xa que “Os Revenidos” non pararían de tocar dende aquel día.
Para o recordo queda un dos seus primeiros concertos ao “aire
libre”, aquela vez na que compartiran palco nas festas de Loureda
con... nada máis e nada menos... Manolo e Manola, o popular Dúo
Omega!
O
grupo, que seguiría facendo ese tipo de concertos durante algún
tempo, daríase de conta de que co que realmente disfrutaba o
público, e o que máis lle sorprendía á xente, era cando daban
paso ao esperpento humorístico que capitaneaba o seu cantante Manuel
de Eva, un artista que non tardaría en se converter no “showman”
con maiúsculas que é na actualidade. E así, nas actuacións, iría
collendo protagonismo o facer versións de grandes exitos de todos os
tempos en clave de humor, versións que se convertirían na súa
proposta principal, que é polo que se coñece a banda arteixá a día
de hoxe.
|
Concerto
no pub Dantón da Laracha no ano 2010. De
esquerda a dereita Germán Cachafeiro, Roberto Vilela, Manuel de Eva,
Javier Najera, Diego Moreira e Rubén Martín (Cortesía de
Manuel de Eva)
|
Como
en calquera formación, “Os Revenidos” tamén terían moitos
trocos ao longo da súa traxectoria. No ano 2005, Víctor Iglesias
decide deixar a banda para emprender outros proxectos, o mesmo que
Carlos Lareo e Esteban Castro, que abandonarían o grupo por motivos
laborais. Dende Suevos chegaría Roberto Vilela, que sería o
sustituto de Víctor nos teclados ata o 2012, ano no que deixaría de
ser o pianista da formación por mor dun accidente de trafico no que
rompeu unha man, feito que lle impediría seguir tocando durante
algún tempo. O sustituto de Roberto sería o que, dende aquela, é o
pianista da grupo: Román Suárez, teclista de “Fracasados de
Antemano”, banda coa que “Os Revenidos” compartiron durante
anos o local de ensaio que lles cedeu desinteresadamente a A. X.
Xiradela, unha vez máis fundamental na historia do grupo arteixán.
A
batería foi cousa de Esteban Castro dende o 2004 ata o 2010, que foi cando o sustituiu Javier Nájera, que estaría no grupo ata o 2014.
Tras dous anos de ausencia, e despois de algunha ida e volta por
causas laborais, Nájera voltaría ao grupo no 2016 e, dende aquela,
é o actual batería de “Os Revenidos”. Darío Antón, Diego
García e Llisus Pardo tamén foron baterías da banda en algunha
ocasión.
O
instrumento no que máis “Revenidos” houbo foi na guitarra, xa
que despois da marcha de Carlos Lareo foron moitos os guitarristas
que pasarían polo grupo. Julio Martín, irmán de Rubén, estaría
dende 2006 ata 2009; Diego Moreira, de Vilarrodís, dende o 2010 ata
o 2013. Diego é actualmente o guitarrista da “París de Noia”,
tiña bo curriculum, claro! O guitarrista da Coruña Germán
Cachafeiro tamén tocaría na formación dende o ano 2010 ata o 2013,
o mesmo que o músico de Ares Bernardo Pita, que estaría na banda
como guitarrista dende o 2012 ata o 2017. Diego García, batería de
Barrañán do que falamos anteriormente, sería tamén guitarrista do
grupo en varias actuacións. Outros guitarristas que pasaron pola
formación foron Miguel Seoane, que estivo no 2017, e Miguel
Santalices, que foi “Revenido” durante o 2018.
Ademais,
guitarristas que salvaron o barco en algunha ocasión puntual,
facendo sustitucións de última hora para poder facer os “bolos”
contratados, tamén foron Alberto Insua, o fillo de Pepe do Muiñeiro,
ou Emilio Suárez, irmán de Román, o teclista do grupo.
|
Concerto
en Carballo na cervecería Beos no ano 2015. De
esquerda a dereita Llisus Pardo, Román Suárez,
Bernardo Pita, Manuel de Eva, Rubén Martín e Diego
García (Cortesía de Manuel de Eva)
|
“
Os
Revenidos” non teñen discos editados mais, o que si teñen, é o
que eles chaman “discos imaxinarios”, que son iso que o seu
propio nome indica e que lles serviu como presentacións de cancións
novas que, de cando en vez, estrean nos seus concertos. Algúns
destos temas abofé que xa son ben coñecidos, casos de “Beige
es Beige”,“Ghomita la comida”,“ Miña nai sempre me da
patacas con bisté” ou “Quero ser Songuoku e parezo
Krilín”.
Todos
os textos das cancións do grupo son da autoría do seu cantante
Manuel de Eva, agás un que lles regalou Xabier Maceiras, “Muchiña”, versionando o popular “Assumpta” de Siniestro Total.
Na actualidade a formación de “Os Revenidos” está composta por
Rubén Martín no baixo, Román Suárez nos teclados, Anxo Souto na
guitarra, Javier Najera na batería e Manuel de Eva na voz… uns
artistas que percorren a xeografía galega, e calquera sitio de onde
os chamen, porque seguen a pensar que calquera escusa e boa para
botar unha risas!
|
Imaxe
de un dos moitos concertos que “Os Revenidos” realizaron na feira
1900 (Cortesía de Manuel de Eva)
|
FRANSY
GONZÁLEZ, PANDEIRETA E VOZ TRADICIONAL GALEGA
Fransy
González naceu en Grenoble (Francia) no ano 1972. Filla de
emigrantes galegos, seus pais deciden regresar a Galicia cando a súa
cativa tiña dous anos de vida.
Con
tan só sete anos, a
futura artista arteixá
empezaría a interesarse polo mundo da música e o baile tradicional
galego, inquietude que a levou a formar parte como socio fundador da
“A. X. Xiradela”, creada en Arteixo en 1982.
É
en Xiradela onde aprende todos os seus coñecementos da música
tradicional oral e da danza tradicional. Froito deste traballo, nace
o grupo de pandereteiras “Xiradela” de Arteixo (1986-2002), do
que Fransy é
integrante fundador e directora do grupo durante dezaseis anos.
A
finalidade fundamental do grupo é a tarefa de investigación
folclórica, recollendo por toda a xeografía galega música e cantos
tradicionais, para recuperalos e reconstruilos da forma máis fiel
posible ao mesmo tempo que difundilos e conservalos.
A
tarefa investigadora do grupo esténdese por toda Galicia, mais nun
principio centrouse no municipio de Arteixo e na bisbarra,
rastrexando tamén toda a comarca de Bergantiños.
|
Fransy González |
O
espíritu inquieto da nosa protagonista levaríaa a dirixir o grupo
de danzas da “A. X. Xiradela” (1992-1998), (2001-2006) e a
transmitir todo o seu coñecemento da tradición oral a través da
ensinanza en asociacións e escolas municipais, tales como a “A. X.
Xiradela” de Arteixo (1988- ata a actualidade); “Escola Municipal
de Artes Escénicas” de Malpica de Bergantiños (1991-2000); ou a
“Sociedade Cultural Recreativa O Castro” de Miño (2001- ata a
actualidade).
Fransy
González conta
con recoñecementos importantes como o 1º Premio de pandereteiras no
concurso de música tradicional organizado pola A. C. Xacarandaina (A
Coruña) no ano 1991, ou
o
1º Premio no concurso de pandereteiras O Pedrón (Padrón) no ano
1992. No ano 1996 é nomeada, xunto coas pandereteiras de Xiradela,
arteixás
do ano. Así mesmo, obtén o recoñecemento do traballo feito a
través dos numerosos premios concedidos ao seu alumnado nos
concursos de música tradicional por toda Galicia.
Fransy
participou, xunto ao grupo de danzas e pandereteiras, en numerosos
festivais tales como o ”XXV Festival Intercéltico de Lorient”
(Francia) no ano 1995; “VI Cantigas do Maio” no Seixal (Lisboa);
festivais varios con Kepa Junquera no País Vasco (Artea, Balmaseda…)
no ano 1996, ”Mujeres del Mundo” (Santander) no ano 1997; “Actual
97” (Logroño); “Celtic Connections Glasgow” (Escocia) xunto
cos “The Chieftains” no ano 1997; ”Expo Lisboa” (Portugal) no
ano 1998; “La Tentation Bruselas” (Bélxica) no ano 1998; “Via
Reggia 99” (Alemania); “Festival Castañeda” (Cantabria) no ano
1999; “Voix du monde Genets” (Francia) no ano 2001 e 2002, etc…
A
nosa protagonista
colabora, ademais, en discos e actuacións de artistas como Carlos
Núñez, Dulce Pontes ou Erik Marchand, participando na gravación
dos discos “A Irmandade das Estrelas” (Carlos Núñez) 1995;
“Caminhos” (Dulce Pontes) 1996; “Ruta Folk Terra Galega” 1998
xunto cos grupos “Atalora”e “Liorna”; “Os amores Libres”
(Carlos Núñez) 1999; “Pandereteiras” 1998 baixo a producción
de Mercedes Peón; ou “Kan”(Erik Marchand) 2000. No ano 2002
grava o primeiro e único traballo discográfico co grupo de
pandereteiras “Xiradela” baixo a dirección e producción de
Xabier Díaz.
A
partir do ano 2000 a artista arteixá decide participar en proxectos
musicais diversos, a nivel persoal:
-
Gravación do disco “Kan” (Erik Marchand) colaborando con
distintos músicos do mundo como Bassey Koné (Mali), Le Tenore de
Santu Predu (Cerdeña) ou L´ensemble de Mallakastër (Albania) e,
actuando por Francia en diversos festivais: “Festival Musique
Brest”; ”Festivoce” en Pigna (Córcega); “L´heure bleaue”
en St. Martin d’Heres; ”Café de la danse” en París”;
“Mantes-La Jolie”, “Saint-Brieuc”, ”Poitiers”,
“Grenoble”, ”Estrasburgo”…
-
No ano 2012 imparte master class no centre français du patrimoine
cultural inmaterial, maison des cultures du monde, á Vitré (Bretaña
Francesa).
-
En setembro de 2013 viaxa a Muravera (Cerdeña) para participar no
festival world music Muravera, actuando tanto de solista como
colaborando con Andrea Pisu (launedas).
-
No ano 2015 imparte master class no centre breton d´art populaire
(Brest) e realiza un obradoiro para nenos na Skol Fanch
Gwillhou-Douarnenez.
|
Fransy González |
-
Actúa no festival Noborder 2015 (Brest) xunto coa cantante bretona
Elsa Corre e participa co grupo de música bretona e de influencia
celta, ”Pevarlamm”.
-
Participa no coloquio “La transmission et l´enseignement des
musiques de tradition orale” organizado por Drom en “le
Quartz”-Brest en decembro de 2015.
-
Actúa como solista no festival voix du monde “Arrée Voce” á
l´abbaye du Relec en Plounéour-Ménez (Francia) en xullo de 2017,
colaborando tamén no mesmo co “Duo du Bas” de Douarnenez.
-
En novembro de 2017 , na catedral de Santiago de Compostela, actúa
con Carlos Núñez e a orquestra do Pórtico da Gloria, Dulce Pontes,
Jordi Savall e Hesperion XXI… entre outros, pola conmemoración do
30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro
itinerario cultural europeo.
-
Actúa, en varias ocasións, co grupo “Lilaina” para o grupo de
teatro “Os Náufragos” na súa obra ”Castrapo”, dirixida por
Gustavo del Río e interpretada por Denís Gómez, Victoria Teijeiro
e Gustavo del Río no 2018.
-
Actúa coa Banda de Música Santiago de Arteixo e artistas locais
(Silvia Penide, Manuel de Eva e Dúo Camándula), na XIX feira
histórica de Arteixo en outubro de 2018.
-
Participa e actúa coa A.X.Xiradela no I Encontro galego da cultura
popular na Cidade da cultura ( Santiago de Compostela) en xuño de
2018.
-
Realiza obradoiros por distintas zonas de Galicia como: III encontro
de pandeireta internacional en Pontevedra, Romaría de Santa
Margarida (A Coruña), Xornadas de percusión tradicional organizadas
pola Asociación de gaiteir@s galeg@s en Narón…
-Imparte
baile,pandeireta e canto tradicional galego no “Stage international
musiques populaires de Galice et dÁsturies” organizado por Drom
Kreiz Breiz Academi do 25 ó 27 de marzo de 2019 en Santa Eulalia de
Oscos (Asturias).
No
seu periplo como pedagoga da música tradicional galega, Fransy
González dirixe na actualidade a escola de pandereteiras da A.X.
Xiradela de Arteixo, nas que destaca o grupo “Algarada” (grupo
que actuou na gala dos premios Opinión da música de raíz 2017,
Feira histórica 1900 Arteixo 2017 -xunto co monologuista Manuel de
Eva-). Fransy dirixe tamén a escola de baile tradicional e
pandereteiras da A. C. O Castro de Miño e, dentro desta escola, ao
grupo “Lilaina” (colaboradoras en proxectos con Carlos Núñez,
Orquesta Jazz Galicia, Kepa Junquera, Xosé Lois Romero...).
O POLIFACÉTICO ARTISTA ARTEIXÁN MANUEL DE EVA
Manuel de Eva (Arteixo, 1973) descubre o mundo do baile tradicional vendo, cando tiña
11 anos, unha actuación do grupo de danzas da A.X. Xiradela no
balneario de Arteixo. Ao ver bailar a aquelas rapazas e rapaces, deuse
conta de que el tamén quería facer iso, quería bailar!
Xiradela permitiríalle, por aqueles anos, dar renda solta a todas as inquedanzas artísticas presentes na vida do futuro artista, ben recitando o verso nunha igrexa ateigada de xente pola Festa das Flores, ou ben facendo teatro en actividades escolares.
Ademais de bailador co grupo de danzas, co que fixo innumerables
actuacións tanto a nivel nacional como internacional, Manuel de Eva
tamén tivo ocasión de facer teatro formando parte do grupo teatral de
Xiradela durante algúns anos, acadando algún recoñecemento tanto
individual como colectivo.
|
Manuel de Eva |
Andando no tempo o seu vínculo coa
popular asociación arteixá faríase máis forte e, aos 18 anos, pasaría a
formar parte da xunta directiva, na que permanece ata os 32 levando
distintas vogalías antes de converterse en presidente, cargo que
ocuparía varios anos.
Alí, en Xiradela, a raíz da convivencia
coas compañeiras e compañeiros, ten a oportunidade de sumar outra
actividade que lle apaixona, a música. No ano 1993 funda, xunto con
outros amigos, o grupo Os Revenidos do que é vocalista e letrista. Así
mesmo, Manuel de Eva fai colaboracións como letrista con outros artistas
como Xabier Díaz, con quen participaría no seu primeiro traballo en
solitario “Músicas de Salitre”, editado no 2004, ou con Bellón e
Maceiras no seu disco “Unión das Terras” do 2006. Ten feito tamén
algunha colaboración como guionista para o programa Tourilandia da TVG.
A faceta como monóloguista do artista arteixán xurdiría un pouco de
xeito casual, logo de ser convidado amigablemente a participar nun
concurso que organizara o Pub D´antón da Laracha no ano 2004. Nun
principio, o devandito local non contaba con moitos participantes e, sen
experiencia previa, Manuel acabaría animándose a concursar xunto con
outra xente que non tardarían en consagrarse como grandes actrices,
actores e cómicos deste país, casos de Isabel Naveira, Gari, Oswaldo
Digón, Roberto Vilar ou, entre outros, Rober Bodegas. Manuel de Eva
gañaría aquel concurso. Posteriormente obtería un segundo e un terceiro
premio noutros monólogos celebrados na Coruña, monólogos nos que tamén
concursaban “Os dous de sempre” X. A. Touriñán e Marcos Pereiro como As
cantareiras de Berdillo. Manuel estaría dous anos actuando nos circuitos
de comedia afeccionada do país, ata que se viu na obriga de deixalo por
motivos laborais e persoais. Retornaría unha década máis tarde para
comezar a "facer bares" contando as súas historias.
|
Manuel de Eva |
Destacar
tamén a súa faceta como actor de teatro a partir do ano 2009, que foi
cando comeza a formar parte da Asociación Teatral Paso de Valverde de
Arteixo coa que, despois de formarse durante varios anos como actor da
man de Paulo Serantes e Xavier Ramilo, acabaría formando parte do grupo
de teatro da devandita Asociación e participando na creación de
“Sánatos”, unha peza teatral coa que percorrerían boa parte da xeografía
galega polos distintos circuitos de teatro amador. Con “Sánatos”, Paso
de Valverde acadaría o premio “Mellor espectáculo adultos 2016” no
certame organizado por Hipócrita Teatro.
Recentemente fixo dúas
cancións da súa autoría: “Na ría de namorar” e “Xan dos ollos
claros”, cancións que estreou coa Banda de Música Santiago de Arteixo
como solista.
Manuel de Eva é o director coreográfico do proxecto teatral "Rodríguez, o loro de Picadillo", proxecto no que colabora coa compañía Melandrainas.
BIEITO
ROMERO, DE ARMENTÓN PARA O MUNDO
Armentón
foi, aló
polos primeiros anos
do século
XX, un dos centros neurálxicos da cultura galega grazas ás
frecuentes visitas ao
Pazo de Anzobre de
persoeiros da talla do dramaturgo Manuel Linares Rivas, os escritores
Wenceslao Fernández e
Emilia Pardo Bazán ou,
os pintores Germán
Taibo e Manuel
Abelenda, prezados amigos e
amigas de
Manuel Puga, Picadillo, o
señor do devandito Pazo.
Cousas
do destino, cen anos despois
de aquelas visitas,
as circunstancias da vida levarían a que Bieito
Romero, un dos máximos
expoñentes do eido cultural galego actual,
e a súa parella Marisa
Diéguez elixiran
esta
parroquia arteixá como o
seu lugar de residencia,
lugar no que medrarían, a
poucos metros do Pazo de Anzobre,
os seus tres fillos Alba, Bieito e Mariña escoitando
as historias do Armentón de antano e
de hogano coa música de fondo composta polo seu
proxenitor.
|
Imaxe de Bieito Romero en Armentón (César Quian, La Voz de Galicia)
|
Nado
na Coruña o 3 de outubro de 1964, o
noso protagonista principiaría a
afección
pola música de moi novo, interesándose
polas músicas tradicionais e de raíz de
Galicia
e dos países celtas. Con
trece anos, nuns
momentos
nos que soñaba con viaxar polo mundo e
nos que
a súa vida transcorre
entre a cidade herculina e a aldea de Niñodaguia, no concello de
Xunqueira de Espadanedo (Ourense), o
pequeno
Bieito
iniciase coa gaita galega a
pesar da dificultade que, naquela hora, supoñía
avanzar musicalmente para este tipo de música.
Pouco
despois crearía,
xunto
con outros músicos coruñeses, bandas
nas que desenvolvería
a súa aprendizaxe, como Adro,
Neboeiro ou Roi Xordo,
grupos
cos que fixo varias actuacións. Cunha
formación
musical máis madura, o
músico de Armentón crearía
en
1986
Luar na Lubre, grupo co que acadou o maior dos seus éxitos e
co que
cumpriría o soño de
viaxar
polo mundo, xa que
aquel cativo que pasaba
os veráns
na aldea ourensá de
Niñodaguia
lograría
traspasar
fronteiras coa
súa formación coa que, ademais,
andando
no tempo
conseguiría
premios, vendas e recoñecemento como ningún grupo galego fixera
antes.
|
Luar na Lubre (https://www.facebook.com/Luar.Na.Lubre.Oficial/)
|
Amante
das súas
raíces e bo coñecedor dos costumes da vida rural galega,
Bieito participa
paralelamente a Luar na Lubre en distintas formacións folclóricas
e
etnográficas de recoñecido prestixio, como o grupo de música e
bailes tradicionais Xacarandaina
ou o Ballet Galego Rei de Viana,
nos que desenvolveu un importante labor no eido musical.
Bieito
Romero foi
profesor de gaita durante moitos anos, chegando a formar a Banda de
Gaitas Os
Rexumeiros,
na que participaban prestixiosos gaiteiros alumnos da súa escola,
como Susana
Seivane, Brais
e Iago Maceiras, Luisa
Sarmiento ou Xan Xove.
Compositor
de máis de 200 temas, foi versionado por diferentes grupos e mesmo
un dos seus temas, “O
son do ar”,
foi adaptado polo músico británico Mike
Oldfield,
sendo o tema que abre o seu CD Voyager,
converténdose probablemente na canción de orixe galega máis
versionada no mundo.
O
gaiteiro arteixán
tamén colaborou
con diferentes grupos e de moi distintos estilos como Mägo
de Oz, Ophiusa, Lucía Pérez, Cómplices, Pablo Bicho, Os
Diplomáticos de Monte Alto, Ghandi, Briganthya ou Brandania.
Foi
produtor de todos os traballos discográficos de Luar Na Lubre e
traballou con artistas de diferentes estilos que teñen colaborado
nos seus discos como Hevia,
Ismael Serrano, Pablo Milanés, Lila Downs, Adriana Varela, Donal
Lunny, Mairtin O´Connor, Nollaig Casey, Diana Navarro, Pat
Kilbride, Miro Casabella, etc.
No
ano 2010 e por encargo da produtora de cine Filmanova, compuxo e
gravou a banda sonora da película Doentes,
baseada na novela de Roberto
Vidal Bolaño
e dirixida por Gustavo
Balza.
|
Bieito Romero (El Progreso) |
Na
biografía do noso protagonista hai que salientar, ademais, outras
facetas fora
do mundo da música, entre elas o
seu espectacular
traballo
etnográfico “Xeometrías
máxicas de Galicia”, un libro
baseado nas formas xeométricas da arte popular galega, dende a época
celta ata a
actualidade que foi publicado
no ano 2009 pola editorial "Ir Indo".
Bieito
tamén tivo
a súa vertente hostaleira, primeiro
na Coruña co mítico bar A Cova Folk que, tras
case catorce anos de existencia,
pecharía en marzo de 2006, e posteriormente en Arteixo, coa taberna
A Baiuca que abriu as súas portas no 2013 e que rexentaría, xunto a
súa parella Marisa, ata o 2015. Tanto
A Cova Folk como A Baiuca foron tabernas
de grata convivencia e filosófico discurrir
que cumpriron perfectamente
a súa labor de oficiosas embaixadoras de galeguidade na
Coruña e en
Arteixo, deixando
na memoria
moitas noites de concertos, festas, boas charlas e mellor compañía!
Na
actualidade o traballo de
Bieito Romero
céntrase en Luar na Lubre á vez que dirixe en Radio
Voz
o programa Un
mundo de músicas,
adicado ás músicas étnicas de todo o planeta.
CARMEN
BLANCO, A CANTANTE DE FIGUEIROA QUE PARTICIPOU NO IV CONCURSO
RADIOFÓNICO “DESFILE DE ESTRELLAS” CELEBRADO EN 1960
A
finais dos anos 50, cando a televisión aínda estaba en cueiros (TVE
iniciou a súa actividade regular o 28 de outubro de 1956), as
principais emisoras de radio metéronse de cheo no mundo do
espéctaculo convocando concursos como “Salto a la fama”,
“Buscando una estrella”, “Desfile de estrellas”... uns
programas que se emitían dende os principais teatros das cidades e
que darían pé ao nacemento dunha modalidade de espectáculo que ía
arrasar na escena española da época: as variedades.
As
emisoras convocaban a toda persoa, ou grupo de persoas, que
practicara de xeito afeccionado ou profesional calquera faceta
artística e deste xeito, segundo nos contan Xulio Cuns e Xosé María
Veiga no seu marabilloso libro “Orquestras populares das Mariñas”,
os que pretenderan concursar nestes programas radiofónicos tiñan
que asistir a unha demostración ou exame previo, na emisora diante
dun xurado:
“Os
seleccionados, que eran moitísimos, actuarían nun espazo
determinado, que se anunciaba a “bombo e platillo”, nunha sala da
emisora, á que acudía xente invitada e un xurado ía eliminando aos
que consideraba “menos bos”, xa que dicir “máis malos”, non
resultaba elegante”. Unha vez feita a criba, os seleccionados irían
a un teatro da localidade onde outro xurado dirimiría os premios
entre os concursantes".
|
Carmen no "Desfile de Estrellas" de 1960
|
Precisamente,
nun destos concursos, na
edición de 1960 de “Desfile
de Estrellas”,
participou a veciña de
Figueiroa María del Carmen
Blanco Ambroa, unha artista
invidente
que acadaría
sona na bisbarra xa que sería quen de chegar
á final deste
popular concurso organizado
por Radio Nacional de España na Coruña e a “Junta Campaña de
Navidad” para os fins
benéficos da mesma, e que
contaba co patrocinio da
marca “Gallina Blanca”. “Desfile
de Estrellas” empezara a celebrarse en 1957 polo que esta era xa
a IV edición.
Cerrado
o prazo de inscrición, había 500 participantes anotados nos
diferentes grupos de Canción selecta,
Canción lixeira, Humoristas, Tonadilla, Solistas varios, Conxuntos
vocais, Canción popular, Conxuntos vocais rexionais, Canción
hispanoamericana e Canto rexional,
cifras que daban unha idea do enorme interese que “Desfile
de Estrellas” suscitaba en
toda a provincia.
Presentado
en cada eliminatoria por Marina de la Peña e Emilio Díaz, o
concurso daba comezo
o 14 de xaneiro e
estaba previsto que houbera
actuacións cada
xoves durante tres meses no
Teatro Rosalía de Castro da
Coruña, onde os
participantes estaban
acompañados ao
piano polo mestre
Eduardo Diehl e de músicos como o guitarrista José Sanjuán, entre
outros. Carmen,
a cantante de Figueiroa,
ía competir no grupo de Canción popular.
Subir
por primeira vez ao escenario do Rosalía e escoitar os ferventes
aplausos do público, foi para ela un soño cumprido que
se ía repitir a medida que foi superando as cribas das respectivas
eliminatorias. Con
22 anos, aquela rapaciña
cega, guapa e ben distinguida tiña
o mundo aos seus pés!
A
nosa protagonista nacera en
Figueiroa o 7
de outubro de 1937 con
atrofia no nervio óptico.
Era
a primeira das
dúas
fillas e
un varón que tiveron
Juanito
do Roxo
e María
de Bolón
de Santaia,
uns pais que naquela época
de penurias chegaron a vender becerros para levar a súa meniña aos
mellores oculistas da Coruña e, tamén, aos que se desprazaban ata a
cidade herculina dende Barcelona. Mais desgraciadamente todos e cada
un dos oftalmólogos coincidiran
no seu diagnóstico:
-
Non hai nada que facer. A atrofia é inoperable!
Con
todo, Carmen sería unha nena feliz criándose cos seus, cos padriños
e con outras xentes que, ao igual que seus pais, traballaban de
labregos para a casa como Pilara de Chorrillo, que fora a persoa á
que lle deran a nova de que a nena era cega e tivera que contarllo á
familia á volta dunha vacina que poñían na Baiuca.
A
súa
madriña María,
dona da casa na que servían
os seus proxenitores,
protexeuna como a unha filla e dende ese acubillo consentíalle todo
a Carmiña, a quen a diario
lle peiteaba
a súa
longa melena e facía que as costureiras lle confeccionaran
roupa preciosa para a
época. Madriña e afillada
tamén
cantaban cancións da misa
xa que na
casa había altar e líase a biblia a diario.
Alegre
e bailarina coma poucas, encantáballe
escoitar
a radio e ir a
todas as verbenas e foliadas que
se facían na contorna, onde
foi aprendendo a letra das cancións e das coplas da posguerra.
Iso si, se non a deixaban ir
choraba ata conseguir o permiso dos pais.
Carmen,
que cantaba coma os anxos, foise
convertendo nunha mociña
ao tempo que entusiasmaba
coa súa voz aos
veciños e as súas amistades. Clarisa, Malvina, Leonor, Maruja (todas da Chapa), Pepita de Xan, Concha e Marisa de Lendo, Carmen do Roxo, Pilara
de Cosme,
Manolo
de
Vilas,
Eliseo
e Dalmacio
de Cambón,
Amador
de Bras,
Gonzalo
da Cacharula,
Elsita
e Manola
de Lañas, Amelia de Xaquín e Rizo, todos da contorna, eran os amigos cos que empezou a voar fóra do niño familiar. Todas e todos eles ían con ela ao baile do Balneario e axudábanlle a pasar os carreiros e regatos de auga como o que había no lugar que moitos anos despois ocupou a chamada Casa da Pradera, onde hoxe está o edificio de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos. Neste lugar, aqueles mozos cambiaban os zocos polos zapatos para ir a bailar na pista do Balneario ou no Salón do Veigheiro de 9 a 12 ao
son de orquestras como a Finisterre, a X ou Os Satélites mentres os homes da casa xogaban á
baralla
na taberna de Ana
ou na taberna do Veigheiro.
Anos
máis
tarde, a
xuventude da época tamén iría
ao
salón de Pardo
da
Baiuca
co mesmo horario.
Carmen tiña en súa irmá Teresa un piar tan grande como a catedral de Santiago de Compostela, que lle cumpría os gustos todos e que se sacrificaba por levála á Coruña á escola da ONCE, ou a don Vicente, que era quen lle ensinaba a ler e a escribir en braille. Naquela altura, cando Carmen empezou a vender o cupón dos cegos na Coruña, Teresa, irmá abnegada e de labor impagable por toda a súa traxectoria de coidado para toda a familia enteira, acompañaba sempre a súa irmá maior e animouna a que se apuntara no programa radiofónico "Desfile de Estrellas". La Niña
de la Puebla, invidente como ela, Marifé
de Triana,
Estrellita
Castro
e Antonio
Molina
eran os cantantes que máis
lle gustaban á artista de Figueiroa, da que moita
xente da bisbarra aínda se
lembra hoxe
do seu paso por “Desfile de Estrellas”.
A
nosa homenaxeada debuta
neste
popular
concurso
en
xaneiro de 1960 e supera
a primeira eliminatoria con grande éxito. Naqueles tempos nos que a
televisión aínda non chegara a Galicia (faríao o día 1 de
setembro de 1961, en Santiago de Compostela, cunha emisora Philips
que transmitía no canal 4 da banda 1), as
emisoras de radio tiñan audiencias espectaculares. Toda a provincia
da Coruña estaba moi pendente
do
que acontecía en cada función do “Desfiles de Estrellas” que
retransmitía Radio Nacional de España dende o Teatro Rosalía da
Coruña. E como podedes imaxinar, as radios de Arteixo botaban fume
para escoitar á súa veciña. Entre outros moitos, fans destacados
de Carmen Blanco eran Tonio de Luís, Manolo de Vilas, Lolo de
Generoso…
A
cantante de Figueiroa tamén supera con grande éxito os cuartos de
final despois dunha brillante actuación da que se facía eco La
Voz de Galicia:
"(...)
Anoche, con lleno absoluto, se celebró en el Rosalía la segunda de
las funciones de estos cuartos de final. Hubo figuras que brillaron
más que otras, y entre ellas cabe mencionar los nombres de
María del Carmen Blanco, una cieguita de Arteijo que gustó
extraordinariamente y fue muy aplaudida, al igual que José Fuentes,
también ciego, de Carballo, así como Dosy Gómez, María del Carmen
Díaz -la ferrolana Macamen-, Carmen Fiorelli, “Los Gladiadores”
y Genaro Olano, quienes ya tienen consolidado gran prestigio en este
concurso de Radio Nacional que patrocina “Gallina Blanca”(…)
”
|
La Voz de Galicia, 8 de abril de 1960
|
Sempre
coa
participación e asesoramento
do mestre
Eduardo Diehl, Carmen
Blanco
foi superando todas as cribas
cantando
temas como “En el cortijo de los pinares”, “Mi toro nevao” ou
“Oye mi voz” antes
de
chantarse
da final do grupo de
Canción Popular no
que participaba, final
que ao igual que o resto de modalidades se celebrou o 7 de abril.
Finalmente, o primeiro premio, de 3000 pesetas, sería para o
cantante de Pontedeume Gonzalo García Cortizas; o segundo, de 1750
pesetas, para Olga Romero; o terceiro, de 1000 pesetas, para Fernando
Casal; e o cuarto, de 500 pesetas, para a nosa protagonista. Como dato
curioso, dicir que
no grupo de Humoristas, o gañador do “Desfile de Estrellas” de
1960 fora Carlos “O Xestal”.
Poucos
días despois de celebrarse aquela final no Rosalía de Castro,
Carmen recibía durante un baile celebrado no Salón Moderno da
Baiuca, un
diploma de Manolo
de Eva,
o
propietario do salón,
como recoñecemento ao
seu mérito por quedar finalista no popular
concurso.
|
Diploma que Manolo de Eva lle entregou a Carmen Blanco en recoñecemento do papel da moza arteixá no programa "Desfile de Estrellas" de 1960
|
Algúns
dos finalistas deste concurso terían certa sona na bisbarra, o
que lles abriu as portas a participar en orquestras como foi o caso
do “Albañil de Cambre”, nome co que se coñecía a José Manuel
Mosquera e Toni Vía Amor “Lucho Gatica brigantino” ou Fernando
Fernández de Vilouzás. Houbo outros que tiveron grandes éxitos
neste concurso como Esther Martínez de Sada ou José Antonio Penedo
Bouza de Miño, mais, segundo Xulio Cons e Xosé María Veiga, non se
inclinaron a traballar nas orquestras.
No
caso de Carmen Blanco, segundo nos contou a súa filla Mari Luz,
chegara
a actuar nunha ocasión nas festas de Loureda:
“vin
a
miña nai
anunciada nun gran
cartel que se gardou na casa durante
anos, no
que tamén
aparecía
como atracción unha
carreira de burros".
Certo tempo despois de concursar en "Desfile de Estrellas", a cantante de Figueiroa coñece nas frías escaleiras da herculina Praza de Lugo na que vendía os cupóns da ONCE a José Pereira Pérez, un mozo de Guitiriz estudado de Madrid con cataratas conxénitas que tiña outros dous irmáns varóns cegos coma el. Guapa, sempre elegante coas súas saias plisadas e sentada na cadeira para vender, José acudía a diario alí a compadecerse dela e empezou a decirlle que lle dera os cupóns porque llos vendía el. E así, despois duns cafés e de varias merendas nunha pastelería da cidade onde comían eses saborosos pasteis de merengue que non había en Arteixo, e sempre coa compañía inseparable de súa irmá Teresa, José e Carmen empezaron a súa fermosa historia de amor.
Curiosamente Amador e Jesús,
os irmáns cegos de José, tamén tiñan
fortes vínculos coa música e ambos se ían converter en dous
grandes pianistas e acordeonistas. Andando no tempo, Jesús sería
director do coro da ONCE de Madrid e director e fundador do coro
Reverdecer de Badaxoz, onde sempre incluía cantigas galegas no
repertorio da agrupación.
José e Carmen non tardaron en casar. Faríano en Arteixo o día da Inmaculada de 1962 co crego don Benito oficiando a cerimonia que, coma sempre, despois de preguntar si a quería por esposa, díxolle ao noivo:
-Di si, coño. Di si!
Os padriños da voda foran súa irmá Teresa e o tamén veciño de Figueiroa Manolo de Vilas. Teresa, persoa
imprescindible nas vidas da familia Pereira Blanco, e Manolo de
Vilas, outro gran puntal para Carmen e os seus, habían de casar anos
despois e serían pais do meu prezado amigo Juan Vila.
A
madriña do casamento fora a súa sobriña Mari Luz, daquela unha
mociña de 14 anos.
|
Os noivos, no centro da imaxe, e os padriños co crego don Benito o día do seu casamento |
Despois de darse o "si quero", a parella aluga unha casiña onde estaba o antigo Correo,
na actual Avenida de Fisterra, que foi o lugar onde en 1963 naceu a
primeira filla do matrimonio. Pilara do Chorrillo fora a parteira e, como non podía ser doutro xeito, o médico don Manolo asistiu tamén no parto a Carmen, que lle quería poñer de nome á súa filla Esther, como Esther Martínez, compañeira dela no programa "Desfile de Estrellas" e posteriormente muller de "Moncho es mucho", alcalde de Sada durante moitos anos. Mais don Manolo, moi contundente, dixo:
-Esta nena vai ser a miña afillada, e vaise chamar Mari Luz porque a nena ve!
Dixérao con tanta firmeza que todos aceptaron. Mari Luz contoume que cando ía á consulta de don Manolo... "dábame
moita vergoña porque me colaba nada máis verme e dicíalle a todos
os pacentes que eu era a súa afillada. Bicábame con ese bigote que
aínda noto agora o picor… e eu veña a chorar. Realmente meus
padriños son os irmáns de miña nai, Teresa e Manolo, os mellores
padriños do mundo.”
Anos despois, José e Carmen e a súa filla Mari Luz deixaron a casa de Enrique e Concepción do Correo e compráronlle un piso a Darío do Touciñeiro no número 35 da Avenida do Balneario, que foi o lugar onde viría ao mundo en 1978 María Elena, a segunda filla do matrimonio. Os Pereira Blanco residían no primeiro dereita. No segundo dereita vivían os Rodríguez Castro, unha familia de Lañas que tiña un fillo que se facía chamar Antón. Co paso dos anos, este mozo habíase converter no grande xornalista e escritor que é na actualidade. Falamos do prezado e admirado Antón Castro.
Posteriormente José e Carmen comprarían un piso na Coruña, casualmente na rúa Buenavista, onde viviron coas súa fillas ata que estas abandonaron o niño familiar.
No seu día a día, Carmen Blanco continuou alegrándolle a vida aos seus amigos e seres queridos co seu canto. Cantaba nas festas da familia e tamén en todas as vodas as que acudía como convidada. Sentada
dende o seu sitio,
no seu particular repertorio nunca faltaba "Oye mi voz", unha das cancións que interpretara no "Desfile de Estrellas" de 1960 coa que a xente se seguía emocionando ao escoitarlla porque seica a bordaba. Segundo algún testemuño presente naquelas celebracións, cada vez que cantaba o silencio de respecto era máximo, un silencio que remataba en lágrimas de emoción.
|
Carmen, á esquerda da imaxe, no casamento de Luís Rodríguez -o irmán de Antón Castro- e Amelia Cedeira
|
E
así foron pasando os anos ata que Carmen e José se converteron en
xubilados da ONCE. A artista
de Figueiroa traballou
ata o 2002, que foi cando cumpriu os
65 anos, vendendo
cupóns
no quiosco da Praza
de Lugo,
fronte
a emblemática
fábrica de
caramelos. Os dous teñen a medalla de ouro da ONCE por máis de corenta anos traballando. Mentres que a COVID-19 non chegou ás nosas vidas, a parella disfrutou da súa merecida xubilación viaxando coa ONCE a Benidorm, Gran Canaria, Huelva e un longo etcétera.FONTES:
CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ Mª (2006): Orquestras populares das Mariñas. Concello de Betanzos.
A ORQUESTRA PONTEVEDRA DE OSEIRO
Nos
duros anos da posguerra en Oseiro houbo unha orquestra,
se cadra a primeira banda
que se creou en
Arteixo, que fixo pasar
momentos inesquecibles aos
nosos avós e avoas bailando
ao ritmo da súa música. Falamos
da Orquestra
Pontevedra, tamén chamada
'a
do Pontevedra',
que dado
o seu lugar de procedencia,
era o alcume polo que se coñecía a
Luciano Pazos Otero, un dos integrantes desta formación que,
á parte de ser un gran acordeonista, parece ser que tamén era un
destacado boxeador afeccionado.
Na
memoria prodixiosa de Geluca
Naya, unha muller
nacida en Pastoriza en 1932 e que
estivo á fronte do
Restaurante Casa Lola durante varias décadas, aínda se
conservan
moitas anécdotas de aqueles
bailes, entre elas
a letra do tema co que esta
banda de Oseiro empezaba o
repertorio das súas
actuacións:
“Yo
he conocido a un amigo
que
se casó enamorado;
a
los 4 o 5 días
tuvieron
que andar a palos.
Cuando
llega del trabajo
pregunta
por la comida;
ella
dice no la ha hecho
que
le dolió la barriga.
Así
que amiguitos míos
no
se apuren a casar
pues
el que más y el que menos
claro,
lo dicen ellos,
pues
los polvos y pinturas
solo
son para engañar”
|
De esquerda a dereita: Jose Suárez 'Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueiro 'Segís', tres dos fundadores da 'Orquestra Pontevedra'
|
Pódese
dicir que o xerme da
'Orquesta
Pontevedra'
xurdira
na parroquia larachesa de Erboedo nos primeiros anos corenta, que foi
cando Carmen Mallo, alcumada
'Carme
da Americaina',
creou a 'Orquesta
Sol'.
Coñecida
popularmente como a 'Orquestra
da Americaina',
esta banda estaba integrada
por Manuel de Graciana, veciño de Erboedo de Abaixo que tocaba a
tuba e o helicón;
Riveiro, que era do lugar de
Compañeiro, na parroquia de
Soandres, e que
tocaba o trombón de varas; Segismundo Regueiro, veciño
de Gabenlle, Torás, A Laracha, que
tocaba a trompeta; Gumersindo, domiciliado
en Erboedo de Abaixo e
que tocaba o clarinete; a propia Carme 'da
Americaina',
que era natural do lugar da Fontenla, Erboedo, e que
tocaba o saxo alto; e José Suárez Lozano, a
voz da orquestra, o animador, que era como se lle chamaba naquela
altura ao cantante.
José, máis coñecido polo alcume de 'Lemos',
era veciño de Oseiro e ademais
de ser a voz da orquestra 'da
Americaina',
tamén tocaba a batería.
|
Carné de afiliación de Segismundo Regueiro ao Sindicato Local de Espectáculos
|
Nesa
altura, Luciano Pazos Otero
amenizaba
co seu acordeón as festas e bailes que se organizaban en Oseiro e
arredores. Luciano nacera en Pontevedra en 1906 e
despois de facer a mili na Coruña, casou en Oseiro onde gañaba a
vida coma
ferreiro. Curiosamente,
por aqueles días, na parroquia tamén había outro ferreiro que
tocaba o acordeón: Emilio Bello. Este home tiña un sobriño
pianista que actuaba
con frecuencia no Hotel Embajador da Coruña, no Hotel
Finisterre… e, segundo
nos contaron en Oseiro, regaloulle
un
acordeón a
seu tío Emilio,
mal alcumado 'Machina'
dende
aquel entón por ser unha das poucas cousas que sabía facer con este
instrumento musical:
na chín, na chín, na chín…
|
Luciano Pazos 'O Pontevedra' nos anos 50
|
Marina
Regueiro, irmán de Segismundo, coñecido no
mundo da música
polo diminutivo de 'Segís',
contounos
que
foi 'Lemos'
quen
lle presentou a Luciano 'O
Pontevedra'
a
Carme 'A
Americaina'
e ao
propio
'Segís'.
Ao
pouco de
coñecerse,
entre os últimos anos da década dos corenta e os primeiros
cincuenta, decidiron
crear
a formación
da que estamos a falar, a
orquestra 'do
Pontevedra'
ou, 'Pontevedra',
que é o
nome que lembran e
do que fan referencia
algunhas
das persoas que bailaron ao ritmo da súa música por aqueles anos,
caso de Geluca Naya Pan,
Carmen Prego Veira,
Carmen Rodríguez Esmorís,
Juan
Naya Riveiro e
de Marina
Regueiro Álvarez que,
xunto
a
Xosé Collazo Regueiro -fillo
de Marina-, son
as persoas que
entrevistamos recentemente
para
documentar a historia desta orquestra.
Os
inicios musicais de Segismundo
Regueiro, 'Segís',
que nacera en Gabenlle en agosto de 1920, producíranse na mili
tocando
a corneta. Na Guerra Civil fíxose amigo de Sabater e Cuvells,
músicos cataláns que o animaron a estudar solfexo, que ía aprender
na academia que tiña na Coruña o
mestre Luís Brage.
Anos
antes, a proximidade ao bando republicano e aos ideais rexionalistas
e galeguistas fixeron que Brage fose condenado a cárcere cando
chegou a Guerra Civil. Durante a súa estancia no centro
penitenciario da
Coruña,
creou unha academia na que lle ensinaba música aos reclusos. Tras
a estadía
na cárcere e xa establecido na cidade
herculina,
continuou dando fe da calidade das súas leccións e dotes
pedagóxicas a alumnos como Segismundo Regueiro quen,
de
camiño ás clases de Brage na Coruña, camiño que facía a
pé ou
en bicicleta (cando
podía alugar unha)
dende
A Laracha, de
cando en vez durmía en
Oseiro na casa de seu amigo 'Lemos'.
Posteriormente, Segismundo
empezaría a
tocar
a trompeta na Orquestra Sol 'da
Americaina'
antes de converterse no guitarrista da Orquestra Pontevedra de
Oseiro.
|
'Lemos', á esquerda da imaxe, co seu amigo Juan Naya
|
José
Suárez Lozano, 'Lemos',
nacera o 26 de febreiro de 1926 na Coruña, no barrio do Orzán, mais
cando
era un meniño
de
2 ou 3 anos fixéronse cargo del Secundino e a súa dona Dolores 'A
Querecha'
-que era irmá do pai de 'Lemos'-,
un matrimonio que rexentaba unha tenda no que hoxe é a rúa
Santirso, ao carón da igrexa de Oseiro. Neste
establecemento, golpeando as latas de aceite e outros produtos que
vendían seus tíos, o noso protagonista empezou a sentir verdadeira
devoción
pola música, paixón na que moito tivera que ver o acordeón do seu
veciño Luciano
Pazos 'O
Pontevedra',
que era vinte anos maior que el.
Andando
no tempo, 'Lemos'
íase
converter
nun dos grandes baterías da bisbarra e na voz de
orquestras como
'a
da Americaina'
e
'a
do
“Pontevedra'.
“Lemos
cantaba con moita gracia e tiña un ton de voz moi bonito”,
recordaba recentemente
Juan Naya, amigo íntimo deste músico de Oseiro durante toda a vida.
Así
pois, 'Lemos',
cantante e batería; 'Pontevedra',
acordeón; 'Segís',
guitarra; e Carme 'A
Americaina',
saxo alto, eran os catro integrantes da orquestra Pontevedra, unha
banda na
que ao parecer, segundo o testemuño de Juan Naya, tamén tocaron
ocasionalmente
músicos como Breixo, Panchón e Benito 'O
Veigheiro'.
Polo
que nos contan Xulio Cuns Lousa e Xosé María Veiga Ferreira no seu
libro Orquestras
populares das Mariñas,
cando
se organizou a Banda Municipal da Coruña, Benito
Suárez Arévalo 'O
Veigheiro',
presentouse
o día do exame ao dereito de vir de tocar nunha festa:
“O
seu aspecto algo desaliñado, e sobre todo o seu saxofón, vello a
máis non poder reparado con gomas por un lado e por outro cun
aspecto máis desaliñado, se cabe, que o propio dono. A esta praza
concorrían músicos moi preparados e perfectamente pertrechados de
Valencia e doutros lugares de España. Déronlles a partitura que ían
ter que interpretar para o exame dicíndolles que dispoñían de
vinte minutos para preparala, o noso home pegoulle un vistazo á
partitura e díxolles que a el non lle facía falta tanto tempo
porque a interpretou no momento, e debeuno facer ben xa que lle deron
a praza de primeiro saxofonista. Iso si, cando tocaba coa banda
facíao xa cun saxofón noviño, segundo faladurías disque llo
regalara o propio Franco” (páx. 248).
Nos
poucos anos de existencia da Orquesta Pontevedra, a parte das
habituais actuacións das festas patronais
que
se organizaban na
bisbarra e nos salóns da
contorna,
as
parroquias carballesas de Rebordelos e Lema
eran
lugares
onde 'Lemos',
'Pontevedra',
'Segís'
e Carme 'A
Americaina'
tocaban de
xeito habitual
ao longo do ano, como
así nolo recordou Juan Naya: “Eles ían case sempre a Baldaio. Alí
nunca fallaban porque os querían
moito.
Naquela hora non se podía andar por aí ás dúas da mañá ou dúas
e pico e por iso, á unha ou unha e media a Orquesta Pontevedra
terminaba o baile así:
“Muy
señores míos
hasta
mañana
a
descansar”
|
Carme 'A Americaina' nos anos 70
|
A
orquestra
'do
Pontevedra'
deixaría de tocar como tal nos primeiros anos 50. Despois da súa
desaparición,
Luciano
Pazos Otero, a
persoa que lle dera nome a esta banda de Oseiro co seu alcume de
'Pontevedra',
seguiría amenizando algunha que outra festa da contorna co seu
inesquecible
acordeón.
Luciano, que quedara
viúvo moi novo con catro
fillos
ao seu cargo,
tiña a
súa ferrería na rúa Santirso e o
domicilio na actual Avenida de Sabón de Oseiro, ao carón da casa da
señora Clotilde. O
popular ferreiro-acordeonista faleceu
en 1963 con
tan só 57
anos de
idade.
De
Carmen Mallo, 'Carme
A Americaina',
sabemos
que posteriormente casou con Marcelino, chofer da
empresa de Transportes
Viñán, e que morreu en Carballo. “Enterrouse en Baldaio porque
Marcelino ten alí dous sobriños. Mira como é conto… sempre
tocaba en Baldaio coa Orquesta Pontevedra e
foise enterrar alí”, recordounos Juan Naya.
|
Segismundo Regueiro 'Segís'
|
No
caso de 'Segís',
despois
da desaparición da orquestra 'do
Pontevedra',
formou
parte de orquestras de Carballo como a 'Bergantiños'
e a 'Reyes';
da orquestra 'dos
Lados',
que
era da parte de Coristanco;
da orquestra 'de
Aradas';
do 'Trío
Azteca';
de 'Los
Caminantes',
a orquestra de 'Furocas';
de bandas da Coruña como 'Los
Caporales'
e 'Los
Intocables',
que tiña un repertorio moi moderno xa que cantaban en inglés
(Antonio Fachado,
o líder desta banda estivera emigrado en Inglaterra e anos despois
abrira na Coruña unha tenda de instrumentos musicais); e do grupo
'L-6'
de Betanzos. Despois
de tantos e tantos anos vivindo da música tocando o saxo, a guitarra
e a trompeta en todas estas formacións, 'Segís'
xubilaríase pola agraria pois, ao longo da súa vida, tivera que
compaxinar a súa actividade musical coa gandeira. O
seu sobriño Xosé Collazo recordounos que… “El non se dedicaba
ao 100% á música. Tamén traballaba na casa porque sempre houbo
vacas; aínda que iso si, daquela gañaba máis cartos tocando nas
orquestras que
co que daba o gando ou, incluso, co
que podía
gañar naquela hora
un bo
albanel ou
un
carpinteiro. A
música tamén era moi esclava. Pola semana, despois do traballo da
casa, andaba sempre estudando e ensaiando”.
Segismundo
Regueiro Álvarez, “Segís”, faleceu solteiro en agosto de 2011
aos 90 anos.
José
Súarez Lozano “Lemos”, que casou
naquela altura
con Carmen, unha moza de Sofán, continuaría ao longo da súa vida
alegrándolle a vida a xente cantando nas
festas da bisbarra
algún que outro popurrí popular coa
súa fermosa voz. “Lemos”, que tamén traballou durante varios
anos en “Ascensores Cerdolla”, faleceu en novembro de 2007 aos 81
anos.
|
'Lemos', na súa xuventude, tocando o tamboril
|
|
'Lemos', na súa madurez, tocando o tamboril
|
A
ORQUESTA VILARRODIS
Outra
das persoas coas que falamos para documentar a historia desta
orquestra foi José Riveiro Ferrín, nado en Oseiro en 1948. Ferrín
afirma que esa banda chamábase 'Orquesta
Vilarrodís'
porque así llo ten contado seu irmán Enrique,
e que ademais, seu pai Che
de
Manuela,
José Riveiro Vázquez, era un dos integrantes desta formación:
"A
'Orquesta
Vilarrodís'
empezou a tocar despois da Guerra Civil.
Polo que teño oído na
casa,
esta banda estaba integrada por unha muller que lle chamaban 'A
Americaina',
que era a cantante e tocaba a batería; por un tal 'Segís',
que tocaba o clarinete; por Luciano Pazos 'Pontevedra',
que tocaba moi ben o acordeón; e
por meu pai, que tocaba o trombón de varas. 'Lemos'
era de Oseiro pero nunca tocou na 'Orquesta
Vilarrodís'.
Tocaba na 'Orquesta
Boquete'.
Recordo que os primeiros días que fun ao instituto á Coruña levaba
unha carteira de coiro e nesta carteira había partituras e dous
libros de medicina que probablemente eran de Antón Pan, o padriño
de Manuel Murguía. Meu pai tiña gardadas nesta carteira as
partituras que lle pasara 'Segís',
que foi con quen aprendeu a tocar”.
¿É
probable que 'A Americaina', 'Segís', Luciano 'O Pontevedra'
e
Che de Manuela tocaran xuntos nalgunha ocasión baixo o nome de
'Orquesta Vilarrodís'?
¿É posible
que existira a 'Orquesta
Vilarrodís'
antes que a 'Orquesta
Pontevedra'?
José Riveiro Ferrín pensa
que si, mais segundo
Marina
Regueiro a única orquestra
de Arteixo na que tocou seu irmán 'Segís',
foi na do 'Pontevedra'.
Sabemos
que Chucho de
Alvedro, 'O
Padriño',
veciño de Vilarrodís, tocara como trompetista na orquestra de
Plácido de Borroa e Nostián, unha formación na que Manolo Riveira
era o tenor e Plácido, que anos despois casou
con Geluca a da Casa Lola, era o batería. Da
zona de Meicende tamén era Manolo Oliveira, que chegaría a tocar en
varias orquestras, entre elas a 'Boquete',
a 'Perico
Perillo'…
Outro músico da zona de Vilarrodís
era Chucho 'O
Silleiro',
que de cando en vez amenizaba algún baile co seu acordeón, polo
que tamén
é probable que algún destos músicos tocaran xuntos nalgún momento
co nome de 'Orquesta
Vilarrodís'
xunto a Che de Manuela, o pai de José Riveiro Ferrín.
É
obvio que o paso do tempo axudou a que os recordos de
algunhas das persoas que entrevistamos
sexan algo
confusos
e
que se mesturen diferentes lembranzas na súa memoria,
mais
con todo aí vai este recordo e este recoñecemento a todos aqueles
músicos que foron quen de alegrar unhas horas á
semana
as vidas dos nosos avós e avoas naqueles “tempos incestuosos”,
como dicía o poeta Manuel María.
Rematamos
esta homenaxe a aqueles primeiros músicos da nosa contorna co
testemuño de Nuria Naya, actualmente violinista do grupo Luar na
Lubre, un dos referentes mundiais da música folk. Nuria contounos
que… “Meu avó materno tocaba na 'Orquesta Vilarrodís'. Miña
nai (Lolita, a nai de Nuria, é irmá de José Riveiro Ferrín)
recorda que tocaba un instrumento de vento metal cando ela era moi
pequena, pensa que o trombón. Despois deixouno, el era carpinteiro.
É unha pena que non o coñecín, pois faleceu bastante antes de que
eu nacese”. Nuria, que nos seus inicios musicais creou con Víctor
Iglesias o proxecto Camándula, abriu en outubro do 2020 con Fátima
Martínez, no número 70 da Avenida de Fisterra de Arteixo, a Escola
de Música Entresóns, lugar onde dan clases do método Mago
Diapasón, de violín co método Suzuki, saxofón e Linguaxe
musical... un lugar no que soa a banda sonora da crónica de hoxe e
dende o cal nos despedimos tal e como facía a 'Orquesta Pontevedra'
nas súas actuacións:
"Muy
señores míos
hasta
mañana
a
descansar”
FONTES:
CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ Mª (2006): Orquestras populares das Mariñas. Concello de Betanzos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario