O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para Plácido Rodríguez Cotelo, veciño de Meicende falecido recentemente que foi un dos grandes baterías da bisbarra durante os anos 50 e os primeiros 60 do século pasado.
Plácido nace en 1932 na parroquia larachesa de Cabovilaño e era un dos sete fillos de Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, zoqueiros de profesión. Despois da Guerra os Rodríguez Cotelo abandonan a súa Laracha natal e establecen o seu domicilio en Arteixo, primeiramente en Pastoriza, e sobre o ano 1944 en Meicende, lugar no que residiría o noso homenaxeado ata o último dos seus días.
Xunto a seu irmán Paco, o batería de 'Los Tamara' do que falaremos a vindeira semana, Plácido estuda solfexo na academia que o mestre Luís Brage tiña na rúa San Andrés da Coruña. Con 16 anos convértese no percusionista da Jazz Melody, unha banda na que permanece varios anos.
Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Por aqueles días moitos músicos actuaban con diferentes formacións ao mesmo tempo, aproveitando as oportunidades que saían de traballar e facer uns pesiños. Iso de 'fichar' nunha orquestra non ía por contrato, se non por concertos e compromisos. Así foi como Plácido tocou, entre outras, coa banda de Luciano Pazos, 'O Pontevedra de Oseiro', da que tamén formaban parte dous músicos da Laracha: Carmen Mallo, 'A Maricaina' e Segismundo Regueiro, 'Segís'. Plácido Rodríguez Cotelo recorda en novembro de 2022 que “coa orquestra do Pontevedra tocabamos moito pola parte da Laracha, na miña terra de nacemento, e por iso ás veces durmía en Gabenlle, na casa do meu amigo Segís. Moi boa persoa, por certo. Tamén toquei con Carme 'A Maricaina' en Erboedo”.
En 1950 entra a formar parte da Orquesta X, que andando no tempo ía cambiar a súa denominación, pasando a chamarse Orquesta Radio.
Plácido Rodríguez, de brazos abertos no centro da imaxe, coa Orquesta X en 1950 (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Un ano máis tarde, Plácido convértese no batería de Los Capitanes, unha orquestra de Sada moi popular na súa época que fora fundada polos irmáns Manolo e Emilio Capitán, músicos de Mondego. Los Capitanes actuaban moito en locais como La Terraza, o edificio modernista de Sada, ou no Salón Moderno, lugar que albergara o Consistorio municipal e que moitos anos despois convertiríase na Discoteca Baroke.
Plácido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Los Capitantes en 1951 (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Nesa altura a voz dun mozo da Ramalleira, entre a Silva e o Ventorrillo, namoraba a toda a cidade da Coruña e a boa parte da provincia. Falamos de Pucho Boedo, persoeiro ao que lle saíran varias 'noivas' ao mesmo tempo despois de triunfar de moi noviño nun concurso radiofónico. O caso é que Pucho canta en varias orquestras como a Eslava, a Spallant, Ubierna, os Mallos de Feáns, Los Capitanes ou a Oriente antes de que o chamara o director Alfonso Saavedra para ser o animador de Los Trovadores. A formación desta orquestra e a incorporación do crooner da Ramalleira deberon estar próximas no tempo, probablemente entre 1952 e 1953, tal e como figura nas fotografías cedidas por Plácido Rodríguez, que nos recordou que “cando eu estaba nos Capitanes de Sada foime buscar Saavedra para ser o batería principal de Pucho Boedo y sus Trovadores. Eu son un dos fundadores desta orquesta”.
Unha
das primeiras imaxes da orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores'.
Plácido Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía
de Plácido Rodríguez) |
'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Arriba, Pácido tocando a batería (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido é o primeiro pola dereita da fila do medio (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Plácido
tocando a batería coa orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores' que
dirixe Alfonso Saavedra (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Plácido ía permanecer durante algo máis dun ano na orquestra dirixida por Saavedra e capitaneada polo animador Pucho Boedo, ata que pasou a integrar a Orfeo. “Meu irmán Pancho fora o batería desta orquesta durante bastante tempo. Ao marchar para Vigo, para tocar con Los Tamara, quedei eu no seu sitio. Eulogio Gestal, o do Mesón de Pastoriza, e seu irmán Pepe tocaron comigo na Orfeo. Polo inverno actuabamos na Parrilla do Hotel Embajador e nos veráns iamos para o Finisterre e para A Solana”.
O noso homenaxeado casa en 1955 con Finita Gómez Longueira, veciña de Meicende (filla dos do ultramarinos Casa Cuña) coa que tería dúas fillas, Gloria e Montserrat. Ao tempo que toca a batería coa Orfeo, fai o propio na orquestra Sintonía da Coruña, na que permanece aproximadamente ata 1958, que foi cando se converteu nun dos integrantes de Los Celtas de España.
Placido
Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Sintonía da Coruña nunha festa
celebrada en Pastoriza (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Os Celtas formáraos o director José María Velasco, 'Chemari', de quen Xurxo Souto escribe nos seus Contos da Coruña que “marchara, a principios dos cincuenta, a estudar canto a Madrid. Deseguido enrolouse como tenor nunha compañía de zarzuela e mesmo chegou a gravar algunha película musical. De volta á Coruña formou un grupo que -aproveitando os seus contactos cos representantes- axiña comezou a saír polo mundo co sonoro nome de Los Celtas de España (1).”
Seguindo a mesma tendencia que a sociedade galega, as orquestras proban sorte fora de Galicia. Aquí non podían tocar todo o ano. Cos rigores da ditadura, o cardeal Quiroga Palacios prohibira “aos músicos de toda arquidiciose tocar non só en Semana Santa, senón durante toda a Coresma. Moito tempo de vacacións forzosas para a economía de calquera traballadador(2).”
Este fenómeno ía adquirir notable importancia e repercusión tanto artística como económica, e moitas das nosas orquestras terían grande aceptación, entre elas os Celtas do noso prezado Plácido Rodríguez Cotelo que recordaba que “ toquei varios anos con esta orquesta e viaxei moito con eles. Recordo especialmente as actuacións en Alemaña. Alí tocamos en Heildelberg, que está cerca da fronteira con Francia; en Holf e en Munich”.
Plácido Rodríguez, a quen vemos debaixo da batería, na súa etapa cos Celtas (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
Os Celtas ía ser a última orquestra na que tocou o noso protagonista, que deixou a música nos primeiros anos 60 para traballar na refinería de Meicende, onde gañou a vida ata a súa xubilación.
D.E.P., Plácido!
Plácido Rodríguez e Xabier Maceiras na antiga Casa Cuña de Meicende en novembro de 2022 (Foto de José Bea) |
FONTES:
-Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.
-Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.
-Souto, Xurxo (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo.
______________
1.- Vid. Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo, páx. 147.
2.- Ibídem, páx. 145.
Mi querido Plácido.Que descanse en Paz.Vecino de mi abuela, y nuestro ,en Meicende.El y su mujer Finita me trataron siempre como una hija.Yo era muy amiga de sus hijas Gloria y Montse,hasta que tuve que emigrar con mis padres a Holanda.Nunca los olvidaré, ni a Plácido ni a Finita
ResponderEliminar