luns, 30 de decembro de 2024

AS 12 UVAS DE NOITEVELLA

   Como ben sabedes, as doce uvas da sorte é unha tradición española consistente en tomar doce uvas durante os últimos segundos do 31 de decembro ao son das doce badaladas que sinalan o fin dun ano e o comezo doutro. 

  Aquí utilizamos uvas frescas e normalmente de cor verde. Noutros países, como Portugal ou nalgúns de Latinoamérica comen doce uvas pasas. Con todo, a razón de que sexan doce non está clara. Non se sabe con certeza se é polos “doce meses”, unha uva por cada mes, ou se é polas “doce badaladas”, unha uva por cada toque de campá. Realmente, se o pensamos ben, poderíanse compaxinar as dúas motivacións

    A tradición de comer as uvas na xeografía española parece ser que ten o seu precedente nun bando municipal do alcalde de Madrid, José Abascal y Carredano, de decembro de 1882, polo que se impoñía unha cota de cinco pesetas a todas as persoas que quixeran saír a recibir aos Reis Magos. Esta tradición servía para ridiculizar a algúns forasteiros que chegaban esos días á capital do Estado e a quenes se lles facía crer que había que ir a buscar aos Reis Magos a madrugada do 5 de xaneiro; utilizábase, ademais, para beber e facer canto ruido se quixera. Con este bando, José Abascal privou aos madrileños da posibilidade de disfrutar dun día de festa onde se permitise case todo. Isto, xunto á costume das familias acomodadas de tomar uvas e champán na cea de Noitevella, provocou que un grupo de madrileños decidiran ironizar a costume burguesa, acudindo á Porta do Sol a tomar as uvas ao son das badaladas.

   Outros antecedentes desta tradición poden localizarse na prensa de finais do século XIX. Deste xeito, o 2 de xaneiro de 1894, El Siglo Futuro incluíu un artigo do día anterior de El Imparcial titulado “Las uvas bienhechoras”, no que se fala da costume “importada de Francia, pero ha adquirido entre nosotros carta de naturaleza1 ”. O mesmo día, en El Correo Militar podíase ler: “La imperecedera costumbre de comer las uvas al oír sonar la primera campanada de las doce, tenía reunidas en fraternal coloquio á infinidad de familias, y todos á coro gritaron: ¡Un año más!2”.

   Na Noitevella de 1895 tamén aparece unha referencia escrita sobre as doce uvas, que simbolizaban os doce meses do ano. Nesa altura foi o Presidente do Consello de Ministros quen despediu ese ano de 1895 con uvas e champán.

   Outra teoría apunta que a tradición de tomar as doce uvas comezou en 1909, cando os agricultores de Alicante, encontrándose nese ano con excedente de uva e con obxecto de sacar ao mercado toda a produción, inventaron o ritual de tomar as uvas da sorte na derradeira noite do ano logrando popularizar a costume e darlle o impulso definitivo para convertela en consolidada tradición.

Caricatura  con varios políticos comendo as uvas na Porta do Sol de Madrid (Gedeón : semanario satírico: Año XVII Número 788 - 1 de xaneiro de 1911 . Biblioteca Virtual de Prensa Histórica)

     A creación de Televisión Española a mediados do século XX permitiu a transmisión anual das doce badaladas do 31 de decembro dende a Porta do Sol de Madrid. Posteriormente, tras a creación das televisións autonómicas, estas comezaron a retransmitir as badaladas desde outros lugares; no caso da Televisión de Galicia, dende a torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela.

    Se ben tradicionalmente a Noitevella celebrábase en familia, moita xente comezou a ir tomar as uvas da sorte en directo ao son do reloxo a diferentes espazos públicos, como a propia Porta do Sol de Madrid, o lugar máis famoso para facelo e onde parece ser que comezou esta tradición. 

 

AS 12 UVAS DE NOITEVELLA EN ARTEIXO

   Segundo diversas fontes que entrevistamos ao longo das últimas semanas, en Arteixo non se empezaron a tomar as 12 uvas ata os últimos anos 60 ou primeiros 70, coincidindo coa paulatina chegada aos domicilios dos nosos maiores as primeiras televisións. 

   Blandina Naya Ferreiro, nacida en Rañobre en 1933, díxonos que “o de tomar as uvas en fin de ano é bastante recente. Cando eu era nena non había tal cousa, como moito, que xa era dabondo porque eu crieime na época da fame, tomábase unha laranxa e unhas noces. Cando meu casei tampouco había moita fartura, se cadra comíanse unhas galletas e tomábase unha copa de anís. A costume de tomar as uvas empezou moito máis tarde, máis ou menos sobre o 1970”.

  Maruja Ferrín Torres, nacida no Alto de Arteixo en 1940 contounos que “as celebracións destas festas na miña infancia pouco ou nada teñen que ver coas de hoxe en día. Como moito, en Noiteboa poñían unha tableta de turrón para compartir entre os da casa e listo. Non había costume de reunirse con outros membros da familia que non fosen os propios conviventes. E o de tomar as uvas en fin de ano, se non recordo mal, penso que se empezou a facer nos primeiros anos 70”.

   Carmen Bermúdez Naya, nacida no Rañal en 1942, contounos que cando era nenanon había tal fin de ano como se celebra hoxe. O das uvas, bueno ho... eso foi moito máis tarde, cando eu me casei aínda non se comían as uvas en fin de ano. Na nosa casa por estas fechas non había moita fartura pero bueno, sempre había algo porque miña madriña Carme, que era irmá de papá, foi traballar de rapaza para a Confitería Las Delicias da Coruña e a súa xefa preparáballe un paquetiño cun cachiño de turrón, uns dulces, unha botelliña de sidra... e a min sempre me mandaba unha lagarta de mazapán. Á parte deso, cando eu era nena comíamos unha laranxa, dúas noces e se cadra cocían unhas poucas castañas. Así che era o fin de ano na miña infancia. O de tomar as uvas penso que se empezou a facer nos anos 70, polo menos na nosa zona. Supoño que nas outras aldeas pasaría o mesmo.”

   Rematamos co testemuño de José Riveiro Ferrín, nacido no Seixedo en 1948, que nos dixo que cando era neno na súa casa si que se tomaban uvas en fin de ano: “pero non se contaban, comíanse as que che daban nunha piña. Tamén comíamos algunha laranxa, que por aqueles anos escaseaban. As uvas non se contaban coas campanadas. Eso empezou a facerse máis tarde”.

    Segundo a tradición, débese comer unha uva con cada badalada, representando un desexo ou esperanza para cada mes do novo ano. Se consegues comer as 12 uvas a tempo, terás un ano de boa sorte e prosperidade, que é o que vos desexamos a todos e a todas!

FELIZ 2025! 

 

 ______________


1 Cronista (2 de xaneiro de 1894); “Las uvas bienhechoras” (pdf). El Siglo Futuro (Madrid) (5.663): 2

2 F. H. S. (2 de xaneiro de 1894): “1894”(pdf). El Correo Militar (Madrid) (5.450): 2. 

 

FONTES:

Wikipedia: https://es.wikipedia.org/wiki/Doce_uvas

Ningún comentario:

Publicar un comentario