UTENSILIOS ARTESANAIS E ACTIVIDADES EN DESUSO

O POTE

     Recipente de ferro fundido, con panza esférica, tres patas e boca cilíndrica unida por dúas asas que serven para suspendelo na lareira, o pote é o símbolo popular da gastronomía galega. Descoñécese a súa orixe, mais sábese que era imprescindíbel para cociñar o caldo até o século XX. Colgado dunha cadea chamada gamalleira, unida a un tronco de madeira coñecido coma burro, podía xirar de dereira a esquerda sobre a pedra base da lareira, onde se atopaba o lume. Este burro podía formar parella con outro recipente coñecido como caldeira, moi útil para quentar a auga para os animais domésticos. A función principal do pote era a de preparar a comida diaria, principalmente o caldo, que requiría dun ritual especial. Para non perder tempo diurno facíase pola noite. Primeiro botábanse as fabas en auga fría; unha vez fervidas metíase a carne desalada do porco, as patacas, cun pouco de unto e, finalmente, a verdura, todo elo cocido lentamente sen interrumpir o lume para evitar o encrúo. Tamén se lle podían engadir os bolos do pote, consistentes nunha masa de fariña de millo con cebola e anacos de touciño picado dándolle forma de bola e deixándoo cocer durante bastante tempo co caldo. Había familias que tiñan dous potes de diferentes tamaños. O grande era para facer a comida principal e unha vez frío gardábase na despensa, única estancia refrixerada. Deste lugar sacábanse as racións diarias a outro máis pequeno, evitando desta forma a fermentación. Co caldo sobrante facíanse outras comidas secundarias, como as papas de millo ou as papas da berza.
Fonte: Modesto García Quintáns





O FORNO DO PAN

"Onde hai pan sempre hai fartura"
 
      O forno era o elemento principal das vivendas dos nosos devanceiros, xa que del dependía a elaboración do pan para o sustento da familia. Consistía nun pequeno recinto pechado en forma de capela, construído con lousas de pedras coñecidas como "hucheiras", e que remataba en forma de cúpula. O piso forrado de lousas era "o sollo" e a porta, de forma rectangular cun saínte en forma de mesa, chamábase "tendal". Debaixo do forno había un espazo aberto, " a fornalleira", que era donde se almacenaba a borralla. Todo iso quedaba rematado pola parte externa da vivenda cun muro circular forrado de barro e cuberto con lousas planas coñecidas como "capoeiras". Na maioría dos casos a porta do forno daba á cociña, mais tamén había casos nos que o forno estaba no exterior da vivenda.


                                 Restos dun forno exterior nunha casa do Rañal (Arteixo)

     Para quentar o forno empregábase madeira de breixo, xesta, toxo...e durante a preparación do lume, e a fin de que se quentasen uniformemente as lousas, utilizábase un varal bastante longo chamado "barriscadoiro". Logo, metíase leña ata acadar a temperatura desexada para enfornar, que era cando as pedras interiores pasaban dunha cor negra a amosar unhas manchas branquiñas (os frades). Unha vez quente, limpiábase o interior da cámara, primeiro co "rodo", que era unha peza semicircular de forma triangular cun mango longo e, de seguido barríase cunha escoba de xesta chamada "barredoira".

     Preparada a masa para facer o pan, facíanse tres cruces sobre ela mentres se dicía:

Por San Mamede que levede
Que San Xoan faga de ti bo pan
E Santa Mariña boa fariña

A continuación realizábase o enfornado. Antigamente, mentres se introducía a masa, bendicíase esta varias veces coa pá mentres se rezaba unha oración, tal como:


Medre o pan no forno
e a gracia de Deus no mundo todo
para ricos e pobres
e pros labradores,
e morran os malfeitores
coa gracia de Deus
e da Virxe María
un Painoso
e un Avemaría

Despois pechábase a porta para a coción, sellándoa con barro ou cunha pasta de auga e bosta, a mesma pasta que, curiosamente, tanto nos chama a atención cando lla vemos elaborar ás tribus africanas nos programas que emite La2 (se cadra pola nosa desmemoria).

     Algunhas das ferramentas que se utilizaban no forno eran a galla, a forcada, a basoira de xestas, o barredoiro a pá de ferro, a pá de madeira...



                                          Ferramentas auxiliares do forno





FONTES:

-A cultura tradicional galega desaparecida. Antonio Rodriguez Cabanas
-Columba, Revista Cultural nº 14
-El Ayuntamiento de Dumbría. Modesto García Quintáns



A RECOLLIDA DO GOLFE




     A maioría dos nenos galegos que nos criamos no rural, fumos medrando escoitando centos de contos que os maiores contaban a carón do lume da lareira nas longas tardes invernais, contos que na miña casa, canda había xuntanza familiar pola festa do Santiago ou da Santa Eufemia, era ben raro que os avós e os tíos non lle deran protagonismo ao mar.

     Falar do mar na nosa casa, era falar de moito sacrificio e de traballo duro, e a recollida do golfe, que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas e os areais, era un deses traballos.

     Esta actividade, moi enraizada nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito gratuíto...era o esterco do mar!
El Heraldo de Madrid, 21.11.1929
     A recollida era unha tarefa traballosa e moitas veces, cando se apañaba nas rochas, abofé que ben perigosa. Emilia Pichel, nai do meu veciño Francisco Sanjurjo, coñecido por todos como Kiko de Pichel (un pai para min), perdera a vida nun día de novembro de 1929 cando estaba collendo no golfe nas rochas da Ermida do Rañal, a carón donde hoxe está o monumento ao Voyeur, no paseo marítimo. Emilia recollía o esterco mariño para abonar as terras nas que quería plantar, no mes de nadal, as patacas de cedo. Tiña 30 anos e deixaba orfos a dous fillos de curta idade: Ramón e Kiko.

      Meus avós dicían que tras dos temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira das vilas. Falaban de bardas de golfe e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.

   Meus tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, que cando eran mozos teñen ido a paxear no golfe ao dereito de vir de troula...”eran outros tempos que oxalá non volten”, din. Cando falo con eles desta tarefa, bríllanlles os ollos, non sei se polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos. En calquera caso, o certo é que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que vivían a carón do litoral.


     Remato xa, e fagoo co Padre Sarmiento que, no seu Coloquio en milduascentas coplas galegas, escrito en 1745, faille referencia nunha copla ao devandito esterco mariño:

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xeba e argazo
o bocho e verdello.

     



AS CASAS DOS PEÓNS CAMIÑEIROS DE LAÑAS E O SEIXEDO

A desaparecida casa dos peóns camiñeiros de Lañas
   Se estos días pasades por Lañas veredes que no cruce, á altura dos semáforos, derrubaron unha das casas máis antigas do lugar, un edificio que pertencía aos peóns camiñeiros e sobre o cal o escritor arteixán Antón Castro (Lañas, 1959) contábame non hai moito algunha que outra lembranza da súa infancia: "era como algo que estaba aí, misterioso...vías aos homes sentados no banco de pedra mais nunca sabías ben o que facían".

     A figura do peón camiñeiro fora creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. A raíz dunha  Real Orde de 1852, empezaríanse a construir as chamadas "casillas", uns pequenos edificios que tiñan pozo e, nalgúns casos, un pequeno horto que estos operarios utilizarían como vivenda e como lugar para gardar as ferramentas de traballo.

     O cometido dos peóns camiñeiros, que nos primeiros tempos cobraban uns cinco reais diarios e vestían traxe de pana e gorro de prato, era o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que na nosa terra se chamaran popularmente legoeiros.

     Do ano 1909 é o Regulamento do ingreso de peóns camiñeiros onde se di que, para entrar no corpo, había que "saber leer, escribir y contar" e ter un mínimo de 20 anos e un máximo de 35. A ordenanza tamén estipulaba que, entre 15 e 30 quilómetros de estrada, habería un xefe ou peón capataz formando unha sección. Os peóns de treitos consecutivos configuraban unha cuadrilla e, ademais, debían vixiar se había posibles sospeitosos, delincuentes e trasladalos ao centro de postas máis próximo.

     Durante décadas os legoeiros serían esenciais para as comunicaciones. Todos os días, desde o amencer ata o solpor, percorrían a súa legua correspondente coas súas ferramentas ao lombo para comprobar que as vías estaban nas mellores condicións posibles que permitían os medios da época. Limpaban e desbrozaban as gabias para que non se acumulara a auga ou, entre outras tarefas, arranxaban os furados que a choiva e o tránsito formaban na calzada parcheándoos con area, grava e unha mestura de auga con betume coa que conseguían unha masa semellante ao cemento.

   No século XX, a medida que se ía incrementando o tráfico rodado, o número de peóns camiñeiros e de capataces tamén aumentaría. No que ao noso concello se refire, os legoeiros encargados do mantemento dos primeiros quilómetros da estrada A Coruña-Fisterra tiñan "casilla" en San Xosé, no Seixedo e en Lañas.

      Na de San Xosé, que estaba ubicada aproximadamente no lugar que hoxe ocupa a entrada da Refinería, traballaba o señor Rúa, un veciño de Suevos que seica era moi bo pescador de robalizas e que se encargaba do mantemento da estrada ao seu paso por Meicende, Pastoriza e Oseiro.

Imaxe actual da casa do Seixedo do capataz dos peóns camiñeiros
      A do Seixedo era a casa do capataz Juan Sánchez, un home que sería pai de cinco fillos: Antonio, que mantería a tradición familiar deste emprego ao ser capataz durante 30 anos pola zona de Coristanco; Pepe; Jesús; Aurelio, que andando no tempo casaría en Meicende e montaría unha empresa de transportes: Autocares Aurelio Sánchez; e Eduardo, que foi o fillo que quedou a vivir nesa "casilla" que, a día de hoxe, segue sendo coñecida como a casa dos "do Capataz". Un veciño da zona, José Riveiro Ferrín, afirma que o pequeno núcleo do Seixedo antano tamén era coñecido polo nome de As Casillas, xa que ao carón das primeiras vivendas do lugar construírase a "casilla" do capataz dos peóns camiñeiros. Ferrín, nado en xullo de 1948, tamén se acorda de ver traballar a mulleres de Oseiro cando se asfaltaba algún treito da estrada, treito ao que posteriormente lle pasaba o cilindro apisonador outro veciño: Ramón Calvete, "Ramón de Flora".

Derrubamento da casa dos peóns camiñeiros de Lañas
   Na casa de Lañas, a que derrubaron recentemente, segundo informacións da señora Carme Iglesias, moitos anos ao fronte da Panadería Fernández, vivira o legoeiro Domingo coa súa muller Dolores e os catro fillos do matrimonio: Che, Eduardo, Domingo e unha rapaza da cal a señora Carme non lembra o nome. Ao parecer, o último que viviu nesa "casilla" dos peóns camiñeiros de Lañas foi Domingo, que xa hai anos que faleceu nun asilo de Ourense.

     É certo que tiñan o grao máis baixo na cualificación profesional do mundo das infraestructuras viarias, mais os peóns camiñeiros abofé que tiveron unha vida peculiar. De feito ata o artista galego Carlos O Xestal rendíralles unha pequena homenaxe ao realizar unha gravación en 1962 (Ep. Hispavox) titulada "Música y cuentos gallegos", onde ten un tema titulado "O peón camiñeiro".

     Co tempo, cando xa non "pateaban" os correspondentes 5.572 metros de estrada, o que coñecían como "cacho", e sobre o que, cada un, tiña responsabilidade e vixianza, os legoeiros pasarían de depender das Deputacións provinciais a ser adscritos ao Ministerio de Fomento, logo a Obras Públicas (MOPU), e posteriormente as súas competencias foron transferidas á Xunta e á consellaría correspondente. Aínda hai pouco, no 2001, houbo unha convocatoria para "categoría 31 (peón camiñeiro) do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia".

    Non sei se será verdadeiro o dito e a fama de "traballas menos que a chaqueta dun peón camiñeiro", mais o caso é que a súa labor, levada a cabo durante moitos anos, iría caendo no esquecemento a medida que o oficio desaparecía, oficio que lembramos co recente derrubamento da "casilla" de Lañas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario