mércores, 11 de decembro de 2019

¿ALFRED HITCHCOCK EN BARRAÑÁN?

No pasado mes de agosto cumpríronse 120 anos do nacemento de Alfred Hitchcock, director de cine británico nacionalizado estadounidense que, sen dúbida algunha, foi un dos maiores xenios na historia do cine, autor de películas para a eternidade, considerado como o grande mestre do suspense e aínda plenamente vixente como influenza dos máis brillantes autores modernos do xénero. 

Alfred Hichcock achegándose a unhas gaivotas durante a rodaxe de Os paxaros
Nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 no seo dunha familia de orixe católica irlandesa humilde, Alfred estudaría en colexios católicos de Londres ata que tivo que deixar a súa formación para poñerse a traballar. A partir de 1920 empezaría a gañarse o pan facendo rótulos para varios filmes e, en 1923, daría os primeiros pasos da súa carreira cinematográfica como axudante de dirección. No ano 1925 dirixe a súa primeira película, The Pleasure Garden, que resultou un fracaso comercial, o mesmo que a seguinte, The Mountain Eagle.

Ao ano seguinte, en 1926, Hitchcock casa con Alma Reville, a quen coñecera traballando nas súas primeiras películas e que sería a súa man dereita ata a fin dos seus días. Meses despois de casar, xa en 1927, acadaría un grande éxito de crítica e público con The Lodger: A Story of the London Fog, o seu primeiro filme de suspense.

En 1929 dirixiría o primeiro filme sonoro británico, Blackmail, e posteriormente, antes de dar o gran salto a Hollywood convencido polo productor David O. Selznick (con quen asinara un contrato por cinco películas e 800.000 dólares), deixaría The Man Who Knew Too Much (1934) e The 39 Steps (1935), dous dos mellores thrillers británicos da historia, con elementos tan recurrentes do seu cine como a espionaxe e a confusión de identidades.

Coa súa marcha a Estados Unidos veríase ao Hitchcock máis brillante, un Hitchcock que non puido comezar esa nova andaina con mellor pé que cun clásico en toda regra como Rebecca (1940), unha película producida por David O'Selznik, que naquel momento estaba en alza co rotundo éxito de Foise co vento (1939), e protagonizada por Laurence Olivier e Joan Fontaine, película que obtería once candidaturas aos Óscar.

Mais o certo é que os egos de produtor e director chocaron e Hitchcock buscaríase a vida fóra dos estudios Selznick International Pictures, pasando posteriormente por Metro-Goldwyn-Mayer, Warner Brothers, Universal… compañías coas que dirixíría as súas películas máis celebradas da etapa americana, entre elas A ventá indiscreta (1954), Vértixe (1958), Coa morte nos talóns (1959), Psicose (1960), ou Os paxaros (1963), filme do que falamos a continuación. 

Póster do filme The Birds
Os paxaros (en inglés: The Birds) é unha longametraxe estadounidense dirixida e producida en 1963 por Alfred Hitchcok que está vagamente baseada na novela de 1952 do mesmo nome da escritora británica Daphne du Maurier. A historia céntrase nunha serie de sucesos violentos e inexplicables relacionados con ataques de paxaros en Bodega Bay, California. O filme conta con Rod Taylor e Tippi Hedren nos papeis principais, e con Jessica Tandy, Susanne Pleshette e Veronica Cartwright nos secundarios. O guión é obra de Evan Hunter, a quen Hitchcock encargou desenvolver novas personaxes e unha trama máis elaborada pero mantendo o título e concepto dos ataques de paxaros sen explicación.

Chegados a este punto seguro que vos preguntades cal é a relación de Alfred Hitchcock con Barrañán e o porqué do título desta crónica que publicamos hoxe nesta modesta bitácora. Pois mirade, hai unha lenda urbana que conta que o lendario director buscou localizacións para a longametraxe da que estamos a falar, Os paxaros (The Birds), nesta parte do litoral de Arteixo. Se cadra, se na realidade estivo aquí, tivo algo que ver no asunto Manolo Sánchez, coruñés do barrio dos Castros que non vivía lonxe do domicilio de Hitchcok e de quen xa vos teño falado nalgunha ocasión (enlace) por que, naqueles anos sesenta, Manolo era o chofer de Richard Nixon.

Imaxinade por un momento a escena: conversa de Hitchcok con Nixón, no domicilio do futuro presidente dos Estados Unidos, e o director coméntalle ao anfitrión que anda a procura de localizacións para unha futura longametraxe que vai producir e dirixir.

-Necesito un gran areal para gravar varias secuencias”; di Hitchcok.

Manolo, a parte de chofer persoa de confianza de Nixon, escoita ao director e intervén na conversa:

-“Señor Alfredo: eu sei dun gran areal que lle pode ir como anel ao dedo para o que vostede precisa! Mire, viaxe vostede á miña terra, vaia vostede a A Coruña e alí, moi preto, en Arteixo, ten que ver o areal de Barrañán!

Como a imaxinación non ten cancelas, Hitchcok puido ter aquela conversa con Manolo Sánchez, o coruñes que tantos anos estivera ao servizo de Richard Nixon, e se cadra o director británico aceptou a súa proposta e viaxou ata o noso concello para ver o areal de Barrañán, por aqueles días frecuentado polos carros de bois dos labregos da comarca que carrexaban area para as súas leiras e, tamén, por camións que transportaban area para a construción do dique de San Diego, na Coruña.

Areal de Barrañan
Se Hitchcock estivo ou non en Barrañán será sempre unha verdadeira incógnita, un feito convertido xa en lenda que se repetiu como verídica en ducias de ocasións. Mais ata o de agora, despois de varias entrevistas coa veciñanza da contorna, sinto dicirvos que non soubemos de ninguén que coñecera ao popular director cinematográfico, nin de ninguén que o vira e, ademais, tampouco quedou rastro do seu probable paso por A Corula e por Arteixo nas hemerotecas da época. Como di Jesús Fraga no seu artigo “El Barrañán que conoció Hitchock”, publicado en La Voz de Galicia o 26 de xullo do 2003… “los pájaros en Barrañán es el clásico relato de leyenda urbana, o, como se decía antes con un punto de política incorrección, un cuento chino”.

Postos a soñar, tamén é interesante a reflexión que realiza Carlos G. Reigosa no seu artigo “Viaxeiros de sona”, publicado o 15 de febreiro de 2019 en La Voz de Galicia, artigo onde Reigosa nos conta o seguinte:

Xa sei que non hai ningunha proba de que Alfred Hitchcock estivese na praia arteixá de Barrañán tratando de localizar espazos para a súa película Os paxaros. De feito, sei que non estivo e, non obstante, viaxei alí en tres ocasións para fotografar os arredores que máis me facían relembrar algunhas imaxes do exitoso filme. Non atopei nada novo, xaora. E digo «xaora» sen querer, porque na miña experiencia xornalística moitas cousas aparentemente desmentidas pola realidade resultaron logo confirmadas por novos datos que viron a luz. Unha delas foi a presenza de Gabriel García Márquez en Galicia, no intento de atopar as súas propias raíces nas dos seus devanceiros galegos.

Tamén se dicía que Orson Welles non se achegara nunca por Galicia… mais un día atopei en Madrid un guión gótico que se titulaba Blind Window (traducido aquí como Ventá cegada), que el ía rodar preto de Santiago de Compostela. Souben tamén daquela dunha versión de Divinas Palabras de Valle-Inclán que Welles ía dirixir, protagonizada por Rita Hayworth, Terence Stamp, Fernando Rey, Ornella Mutti e Oja Kodar, e que por desgraza quedou en nada. E descubrín, así mesmo, unhas imaxes do propio director percorrendo a granítica Compostela na busca de exteriores, cunha cámara na man.

O xornalista galego Antonio D. Olano, amigo de homes de talento como Picasso e Dalí, tiña por certo que Orson Welles estivera en Pontevedra, nunha corrida de touros literalmente celebrada baixo paraugas. Chegara alí desde Madrid no avión cargueiro que cada verán alugaba Luis Miguel Dominguín, e seica Welles paseara gustoso pola cidade (...)

Así que, amigos e amigas… quen sabe? Se cadra nalgún momento damos con alguén que confirme a estadía de Hitchcok en Arteixo ou, por outra banda, atopamos algunha información que desmonte para sempre esta teoría. Como as lendas, lendas son, nós, mentres tanto, seguimos soñando coa posibilidade de que os paxaros de Bodega Bay, en California, poideron ser os paxaros de Barrañán, en Arteixo. Por certo, no ano 2016, o filme Os paxaros (The Birds) foi declarado "cultural, histórico ou esteticamente significativo" pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e foi escollido para a súa preservación polo National Film Registry.

Areal de Barrañán
Xa para concluír, apuntar que, a parte do seu grande éxito como director, o noso protagonista, tamén conduciría o programa para a televisión chamado Alfred Hitchcock Presenta..., onde presentaba curtametraxes de suspense co seu habitual sentido do humor macabro que tanta fama lle deu. Coa súa peculiar imaxe, Hitchcock foi o primeiro "director estrela" da historia do cine ata o punto de eclipsar aos actores e actrices dos seus traballos nos carteis promocionais, cousa que nunca antes sucedera. Finou no barrio californiano de Bel Air (Los Ángeles) o 29 de abril de 1980 tras dirixir máis de cincuenta películas ao longo de seis décadas.

Recoñecido a miúdo como o mellor cineasta británico, apareceu primeiro de unha enquisa realizada entre os críticos de cine en 2007 polo xornal The Daily Telegraph. O diario definiuno así: “Indubidablemente ois grande cineasta nado nestas illas, Hitchcock fixois que calquera outro director para dar forma ao cine moderno, que sería completamente diferente sen él”. A revista MovieMaker describiuno como o director máis influente de todos os tempos sendo amplamente considerado como un dos artistas más importantes do sétimo arte.



FONTES:

- FRAGA, JESÚS. El Barrañán que conoció Hitchock. La Voz de Galicia, 26-07-2003.
- G. REIGOSA, CARLOS. Viaxeiros de sona. La Voz de Galicia, 15-02-2019.


Ningún comentario:

Publicar un comentario