venres, 27 de agosto de 2021

O PAZO DE GALÁN (VI)


    Mais posteriormente, ao igual que lle acontecera naquela altura a outras familias adiñeiradas e poderosas que tiñan propiedades en Arteixo dende séculos atrás como os Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou os del Río, nalgúns casos descendentes de importantes Señoríos, a necesidade motivada pola perda de poder adquisitivo destas estirpes, propiciaría que a partir dos primeiros anos do século XX moitas das súas terras foran vendidas aos labregos da zona, como fora o caso de Domingo Mareque Gómez, que foi quen que lle comprou o Pazo de Galán a Antonia Saavedra Vila, unha muller moi querida polas forzas vivas (clero) pois toda a súa riqueza foi parar aí, en vida e herdanza.

Domingo Mareque en Nova York

     Domingo Mareque, veciño de Oseiro casado con Carmen Pan Campos, estivera emigrado moitos anos en Nova York, cidade dende a que enviou un poder para efectuar a compra do Pazo e de todo o seu terreo por 25.000 pesetas da época. Naquela altura, Domingo tamén lle compraría a Mercedes e a Joaquín Saavedra outros bens situados ao carón do Pazo de Galán, como o monte do Couto de Froxel. Á morte de Domingo e de Carmen, finados ambos en 1942, o seu fillo Antonio, que andando no tempo sería coñecido en toda a bisbarra por ser un dos conductores dos trolebuses Coruña-Carballo, foi a persoa que herdou Galán, un histórico lugar no que viviu coa súa muller Teresa Zas Pardo, falecida en 1966 aos 64 anos, e no que nacerían Manuel, Lino, Antonio e Luís Mareque Zas, os catro fillos do matrimonio. Antonio, que morreu en 1984 aos 80 anos, viviu ata o último dos seus días en Galán co seu fillo máis novo, Luís, coa súa nora María Casal Piñeiro, natural de Boimorto, e coas súas netas María Luisa e María Isabel, que foron as últimas persoas que residiron neste edificio de esplendoroso pasado, unha casa e un terreo que pouco despois da morte de Luís Mareque Zas, acaecida en 1993 cando tiña 58 anos, a súa viúva María e as súas dúas fillas lle venderon a Aurelio Corral, veciño de Pastoriza que nos contou algún que outro detalle sobre o pombal do Pazo que comentaremos  a vindeira semana.

(CONTINUARÁ)

3 comentarios: