|
Imaxe dos anos 60 de Pastoriza |
Non recordo moi ben porque me levaron de neno a Pastoriza. Fun
andando cos meus padriños, en pequena perigrinación desde a miña tribo
de Castro de Elviña. Era unha mañá de calor en domingo, estaban os
arbustres batidos polo sol nas lombas dos montes de Mesoiro e Feáns, o
máis deles queimado, coma un arrepiante deserto traído da man do home.
¡Cantas veces ardeu ese horizonte, cantas reverdeceu! Entre os pés
cinzentos das árbores sesgadas en plena adolescencia vin o esquelete
branco dun animal. No lugar dos ollos había dous ocos que para min se
axitaron misteriosa e anguriosamente vivos no máis mouro da memoria.
Logo cruzamos a vía do tren e eu debín mirar á dereita e á esquerda.
|
O escritor Manuel Rivas |
Chegamos a Pastoriza con suor, orgulloso eu de soportar a marcha
sen queixa. Alí nótase o alento do mar e ten un a sensación de que está
nas portas doutra bisbarra ou acaso doutro mundo. Subimos a unha cima do
que a min me pareceu montaña de xigantescos penedos. Agora xa podo
dicir o que o xefe indio Tahirassawichi. Cando no monumento a Washington
lle preguntaron se quería subir polo ascensor ou polas escaleiras,
contestou:
"Non subirei. Os brancos amontonan pedras para subir a ela. Eu non subirei. Eu xa subín ás montañas feitas por Tirawa". Tirawa, en Pastoriza, é a Virxe.
Non recordo cál era a miña doenza de neno. Pero fora o que fora en Pastoriza sanei. Supoño que para sempre.
Manuel Rivas
Ningún comentario:
Publicar un comentario