|
Á esquerda, "El Gallo de Oro" antigo |
Corría o ano 1962 cando Pepe Morgade e Fina Gestal abren na Avenida de
Fisterra, naquela hora coñecida como "a carretera nova", un restaurante
ao que bautizan como "El Gallo de Oro", nome co que lembraban a ópera de
Nikolái Rimski-Kórsakov que tanto lle gustaba ao médico Don Manolo, o padriño do seu fillo Fernando.
Aqueles son tempos no que acudían ao Balneario de Arteixo ducias de
persoas a pasar a época estival, entre elas o madrileño Santos López
Pradil, bo cliente do restaurante que naquela altura era coñecido
como o "embaixador de Arteixo en Madrid" e que cada ano viña a pasar as
vacacións coa súa familia ao noso municipio. De xeito silencioso, sen
as actuais campañas de marketing en redes sociais ou
gastos de publicidade, senón a base das recomendacións que empezarían a
realizar os
seus satisfeitos clientes, Pepe e Fina non tardarían en facer
un importante oco no panorama gastronómico da comarca. Todo ía ben ata
que en agosto de 1965, tres anos despois de que abriran o seu negocio, o
Consello de Ministros da dictadura franquista daba luz verde á creación
do Polígono de Sabón, un asentamento industrial que daría pé a que se
expropiarían máis de 2.000 terreos, entre eles o do restaurante do que
estamos a falar. Mais abofé que Pepe e Fina tiñan ben clariño que o seu
futuro seguiría entre os fogóns. Non quedaba outra: había que empezar
outra vez de cero!
É aí cando deciden comprarlle á Deputación da Coruña os terreos que o
ente provincial lle expropiara ao matrimonio e, tralos oportunos
trámites, o 28 de decembro de 1973 a Comisión Municipal
Permanente de Arteixo acorda concederlles licencia municipal para
construir nas parcelas 31-B e 32-C do Polígono
un novo edificio destinado a
Conxunto Hosteleiro, edificio que se inauguraría en 1975 e que ven sendo o actual Gallo de Oro que tod@s coñecemos.
|
El Gallo de Oro actual |
Catro anos despois da inauguración do
novo establecemento, Fernando, o fillo de Pepe e Fina, casaba con Rosa
Míguez, arteixá con raíces en Morás e no Foxo, quenes pouco a pouco
irían collendo o testigo dos fundadores ao tempo que
serían
quen de convertilo nun dos restaurantes de referencia do país, un
restaurante que, dende a súa inauguración, tería de ilustres comensais aos
Reis de España, Juan Carlos e Sofía; a todos os presidentes do Estado
excepto Zapatero; a Manuel Fraga Iribarne; Carmen Martínez Bordiú e
Alfonso de
Borbón; o Conde de Barcelona, Juan de Borbón; Jaime de Marichalar; o
lendario Di Stéfano; os escritores Mario
Vargas Llosa e Camilo José Cela; o actor José Luis López Vázquez; o
cantante Julio
Iglesias; o que fora presidente da Real Academia Galega Domingo García
Sabell; ou, entre outros, ao artista galego Laxeiro, quen deixaría
plasmado unha pintura súa no libro de sinaturas do restaurante.
Fernando e Rosa, segunda xeración de El Gallo de Oro, sosterían o éxito
do seu negocio sobre tres pilares básicos: producto de
calidade, cun esmerado cuidado na selección das materias primas (o
restaurante diferenciuse sempre
por
servir o mellor marisco de toda a costa, feito que o levaría a
ser coñecido como "a aduana"
porque os mariñeiros vendían antes no establecemento arteixán que na
lonxa); boa atención, con esquisita elegancia do servicio; e discreción,
cualidade, esta última,
imprescindible debido aos moitos negocios e acordos políticos que se
cerraron no popular local.
|
Carlos Morgade cos seus pais, Rosa e Fernando |
"El
Gallo de Oro" chega agora á terceira xeración da man de Carlos Morgade
Míguez, unha persoa moi cualificada para tomar as rendas do local que
fundaran seus avós Pepe e Fina mais que lle toca vivir o peor momento da
hostelería por mor da gran crise económica que atravesamos dende hai xa
bastante tempo.Con todo Carlos, que durante 6 anos cursou en Barcelona
estudos de Dirección de Empresas Hosteleiras e Turismo, Restauración en
Alta Cociña e Sumiller, sendo o nº 1 da súa promoción nas tres
especialidades, loita xunto a seus pais por manter a frote o negocio
familiar incorporando innovacións como o Varmouth, unha nova idea, un
novo estilo, unha liña xoven adaptada aos tempos que nos toca vivir que
inauguraron en xaneiro de 2015 no que os nosos paladares poden degustar,
sempre coa máxima calidade nos seus productos, unha comida tradicional
innovadora por prezos asequibles a todos os bolsillos...así que xa
sabedes, tanto Fernando e Rosa, con quenes tiven o pracer de lembrar
recentemente algunha que outra anécdota dos tempos do Arteixo de antano e
dos primeiros anos do seu negocio, como Carlos e a súa muller Adriana
Cabot, que se dedica ao cátering doce e pastelería a medida para bodas,
festas e calquera outro evento, agárdanvos no seu popular negocio para
que degustedes as súas esquisiteces gastronómicas.
José Manuel é o fillo de Pepe e Fina (RIP).........Fernando é o da Panadería Gestal, primo de este.
ResponderEliminarO que me contou o propio Fernando e o seu fillo Carlos é que o nome é José Fernando. Moita xente chámalle José Manuel polo seu padriño,o médico don Manolo. Este mesmo foi o que lle empezou a chamar José Manuel...incluso os seus pais chamárono toda a vida así. Pero para os seus fillos e a familia da súa muller Rosa é Fernando que é o seu verdadeiro nome.
ResponderEliminar