venres, 21 de outubro de 2016

O CINE DE ARTEIXO

      Pois sí, houbo un tempo no que no noso concello había cine, o Real Cine, que para moit@s veciñ@s que peinan canas dende hai tempo era das poucas diversións e espectáculos aos que podían ir na súa xuventude, un lugar onde non faltaron anécdotas e intres vividos difíciles de esquecer...o patio de butacas, o acomodador, o galiñeiro...aquelas películas... 
 
O Cine Real e, á dereita, o bar de Dionisio
   Para unha persoa nada no 1970 coma é un meu caso, as lembranzas do Real son máis ben poucas... só teño o recordo das portas, do portelo no que se sacaban as entradas, das cortinas vermellas da entrada, da incomodidade que lle producían a un neno de 5, 6 ou 7 anos aquelas butacas de madeira... e para de contar!

     Seica a mediados dos anos 50, cando a vila de Arteixo pouco ou nada tiña que ver coa de hoxe, tres irmáns da zona de Sada ou Bergondo, Juan, Antonio e José Agra (para algunhas fontes o apelido era Varela) deciden comprar un dos terreos baleiros que naquela hora había na Carretera Nova (actual Avenida de Fisterra) para pór alí un cine, unha zona na que por aqueles temposhabía catro casas. Empezando dende O Cruce, hoxe Avenida de Caión, e seguindo dirección a Carballo, a primeira delas era a do muiñeiro, que é onde actualmente segue estando o bar Insua. Uns cen metros máis arriba, había outras dúas case iguais. Na primeira vivía Chucho Iglesias Pardo, Chucho de Arsenio, coa súa muller María de Palleiro e o seu fillo Fernando. Na casa do lado residía seu irmán Enrique, Enrique de Arsenio, coa súa muller Concepción e os seus fillos Maruja e Quico, casa na que por certo estaba O Correo e, seguindo a estrada, un pouco máis adiante estaba a de María de Zás, na que esta muller vivía co seu home Francisco Abeleira e co seu fillo Pepe. Nesta casa tiña consulta o practicante Emilio de Juan que, aparte de dar inxeccións, casualmente tamén estaba relacionado co mundo cinematográfico, pois era o propietario do cine da Laracha.

     Pois ben, alí, na zona que hoxe ocupa o edificio Rozas, xusto diante da parada do bús dirección a Carballo, os tres irmáns decidiran comprar o terreo para construir o cine, unha construcción que lle contratarían a Chucho e Antonio Iglesias Pardo, que eran irmáns do xa daquela xogador do Deportivo Arsenio Iglesias. Na obra do edificio, Chucho e Antonio tiñan de pinche a seu sobriño Manuel Martínez, fillo de súa irmá María e mais coñecido polo alcume de Listero, un Listero que xunto a seu tío Chucho quedarían contratados como empregados do cine, que se inauguraría entre 1959 e 1960 facendo unha sesión os sábados e dúas os domingos.

A Av. de Fisterra a principios dos 70. O cine Real á dereita. 
      Polo que me contaron estos días algunhas persoas que aínda teñen grabadas nas súas retinas secuencias, escenas e algunha que outra anécdota do cine de Arteixo, no portelo das entradas estaban habitualmente algún dos propietarios mais, sen era o caso, despachaba a muller dalgún deles. 

     Tamén había mulleres que vendían froita diante do cine, entre elas a nai da veciña da Catuxa Teresa do Xanete, a quen ás veces acompañaba outra señora que vendía larpeiradas e estampitas, actividade que ao parecer tamén facía pola semana na estación dos troles da Coruña. Os carteles do cine, os carteles nos que figuraban as imaxes dos protagonistas das películas, eran cousa de Chucho de Arsenio e da súa muller María.

      Unha vez que tiñan a entrada na man, e logo de atravesar as cortinas vermellas e de que o acomodador, que na maioría das veces era o Listero,  lles axudara a buscar a correspondente butaca, antes de iniciarse a proxección das películas, a xuventude daquel entón facíalle algunha que outra falcatruada ao vendedor de garrapiñadas, un home que seica era obxeto de comentarios e risas por mor da súa vestimenta: de verán andaba abrigado e no inverno de camisa! 

     Empeza a sesión. Chucho de Arsenio era o encargado de proxectar as películas que se iniciaban coas noticias do NO-DO e co ruxido, se eran americanas, do león da Metro Goldwyn Mayer...un Chucho que, de cando en vez, armaba algún que outro alboroto cando os cabalos das películas do Oeste saían na pantalla coas patas cara arriba...era lóxico, as súas máns aínda estaban afeitas á dureza das tarefas da construcción!

Publicidade de xullo de 1970
   As películas de Manolo Escobar eran os films que máis éxito tiveron nos primeiros anos do cine e, en moitas ocasións, chegáronse a esgotar as entradas. De feito, houbo días que, ante a falta de asentos, os propietarios tiveran que ir ao bar de Dionisio a buscar caixas de cervexas e de refrescos para sentar aos espectadores que non tiñan butaca. "Un beso en el puerto", protagonizada por Manolo Escobar, Ingrid Pitt, Antonio Ferrandis e Manuel Alexandre, foi unha das películas que máis se repetiran, se cadra a que máis, no Real Cine de Arteixo naquela altura.

     As de Juanito Valderrama e Antonio Molina tamén causaban furor. As de Rafael tamén gustaban moito, o mesmo que A Biblia, dirixida e protagonizada en 1966 polo norteamericano John Huston ou os peplum, que foi un nero cinematográfico dos 60 de serie B, onde héroes como Hércules, Maciste ou Espartaco, enfrontábanse a innumerables perigos, interpretados polos mellores culturistas da época, que non actores e cunha cutrería de medios, dignas do seu curmán o spaghetti-western, onde o principal era ver corpos esculturais e liortas na area máis ou menos resultonas. Naqueles anos, cando poñían superproduccións, o cine custaba 15 pesetas.

Lugar no que estaba o Cine Real
      Aqueles tamén eran bos tempos para o bar de Dionisio, que estaba a carón do cine, tempos nos que unha vez rematada a película a xuventude dos 60 e dos 70 ía alí a comer os bocadillos de calamares ou chourizo naquela bola que sabía a gloria!

     Coa democracia chegaría o destape ao cine de Arteixo...Mary Francis, Josele Román, Nadiuska, Edwige Fenech... anos que serían os derradeiros do Real aínda que, con ocasión das festas do Apóstolo, abriría varias veces máis, un cine que permanecería abandonado varios anos e que, co paso do tempo, faríase con él Rozas, que construiría alí o edificio no que actualmente está a tenda de Cousas Coruña




6 comentarios:

  1. NO BAR DIONISIO VIVIA O MEU AMIGO JOSE RAMON FILLO DOS DONOS I ENFRENTE DONDE ESTA A JOYERIA BARCA, TIÑAN A TENDA DE ROUPA OS PAIS DE CARLOS E FERNANDO, TAMEN AMIGOS MEUS, E ADEMAIS UN RAPAZ QUE ESTUDIABA MUSICA NA CORUÑA, QUE LLE CHAMABAMOS O PIANAS.

    ResponderEliminar
  2. Perdón polo alcume, creo que se chamaba Juan Carlos.

    ResponderEliminar
  3. Graciñas pola información anakoreta!

    ResponderEliminar
  4. Pois si, o apelido dos propietarios do cine era Agra. Varela era o da muller dun deles e, polo tanto, o dos fillos.
    Non lembro se, cando comezou o cine, na cabina estaba Chucho pero, rematando os anos 60 e ata que pechou, ademais dos descendentes dos fundadores, estaba tamén Evaristo que igual facía de acomodador.
    A bola con polbo ou luras de Aurora, a muller de Dionisio, merecería estar na guía Michelín. Que bos estaban!
    Lembro que fronte ao cine vivía un músico (non sei se a persoa que nomea Anakoreta estaba relacionada con el) que tiña unha caravana que aparcaba por alí. Non estou seguro, pero paréceme que o grupo no que tocaba chamábase "Los Tarantos". Ao fondo e detras desas vivendas -daquela era campo- estaba a sala de festas "Eva"

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo teu comentario!

      Eliminar
    2. e algo mais abaixo (actual rua ría de Ferrol) no baixo da casa do Sr. Manolo, vivíamos nos, e ó lado o seu cuñado Evaristo.
      Qué tempos.

      Eliminar