domingo, 16 de outubro de 2016

UN RECORDO DE PASTORIZA

(Relato de Juan Naya, Cronista Oficial da Coruña)

Imaxe antiga de Pastoriza
     Aparte das lembranzas máis antigas que conservo de Pastoriza, que son as que se refiren aos primeiros anos da miña vida, nos que iba con meus pais ao santuario a rendir tributo á Virxe o día da festividade, está outro, moi grato, que fixen cando iba para mozo.

     Era polo mes de marzo, cando as raioliñas do sol principian a desbotar a friaxe e acordar a natureza. Estábase a preparar pola Academia Galega o centenario do nacemento de Murguía, o patriarca das Letras Galegas. A Academia, correspondendo ao convite de don Manuel Rey Suárez, entusiasta veciño de Froxel, onde nacera o sabio, desprazou a aquel lugar aos membros da Xunta de Goberno da Corporación don Fernando Martínez Morás e don Félix Estrada Catoira, que foron co que estas liñas escribe para coñecer a casa onde vira a primeira lus aquela extraordinaria figura galega. Iba con nós tamén o notable fotógrafo coruñés Xoán Cancelo, que fixo unhas instantáneas daquela vivenda e dun grupo de labregos e nenos e tamén outra da fachada da igrexa románica de Oseiro, templo que tiña estudado había anos o primeiro daqueles señores.

     Alí pousamos para o fotógrafo.
Juan Naya, Cronista Oficial de A Coruña dende 1961 ata 1993

     Como Murguía foi, como se sabe, bautizado na parroquia de Pastoriza, alá fumos de contado. O párroco, que era un home xa entrado en anos e que se chamaba don Claudio, recibiunos con moita xentileza, mostrándonos o libro en que se rexistra a conseguinte partida de nacemento. Fixéronse outras fotografías, todas elas recollidas, con outras máis referentes aos actos celebrados posteriormente o 17 de maio, en que se inaugurou o busto de Murguía nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

 "¿Abondará esto para catro?" .

     Ao retorno a esta cidade contounos don Fernando Martínez Morás algunhas anécdotas do crego don Claudio moi parrandeiras. Unha delas referíase a cando fora párroco de Ouces, en Bergondo, en que uns señoritos de Sada metéranse con él nun semanario daquela vila. Don Claudio, a quen lle foran co conto, por todo comentario exclamou, remangando o brazo e mostrando o puño pechado:

     Don Fernando apostilaba que don Claudio cando fixo esta demostración, era capaz de sentar a un cabalo dun puñetazo, pois fixérao xa varias veces.

    
      E este é o recordo ao que me refería ao principio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario