xoves, 26 de xaneiro de 2017

O HISTÓRICO VOO DO DIRIXIBLE "GRAF ZEPPELIN" E O SEU PASO POR ARTEIXO

     Nas primeiras horas do xoves 15 de agosto de 1929, o enorme dirixible LZ 127 Graf Zeppelin soltaba amarras na súa base de Friedrichshafen, en Alemaña, para iniciar a primeira circunnavegación da Terra por aire, anticipándose 12 anos ao primeiro servicio comercial por avión. Cunha tripulación de 38 homes baixo o mando do seu constructor, o enxeñeiro Hugo Eckener, viaxaban 20 pasaxeiros de nove nacionalidades, entre eles o doutor español Jerónimo Mejías, médico de Alfonso XIII. Lady Grace Drummond-Hay, corresponsal de "The New York Times", era a única muller.

Imaxe do ano 1929 do Graf Zeppelin en Los Angeles
     Seis horas despois da súa partida o Graf Zeppelin (Conde Zeppelin), bautizado así na honra do seu inventor, pasaba sobre un alegre Berlín e proseguiría a súa singradura cara aos Urais, Siberia e Xapón, a onde chegaba o luns 19 de agosto, amarrando á primeira hora da noite nun Tokio engalanado para a ocasión. Tras completar a primeira etapa, catro días máis tarde, este "trasatlántico dos aires" abandonaba o país nipón e poñía proa ao continente americano, un percorrido que, ao pasar por San Francisco ás cinco da tarde do 25 de agosto, era a primeira vez que se cruzaba o Pacífico polo aire. Á unha da mañán do día 26 a nave chegaba a Los Angeles, completando así a segunda etapa do seu periplo aéreo. Na cidade californiana abasteceríase de hidróxeno antes de elevarse de novo con rumbo ao aeroporto de Lakehurst, en New Jersey, ao que arribou o 29 de agosto. O domingo 1 de setembro a aeronave volvía a levantar o voo, en presencia de millares de persoas que a despediron, para a etapa final de regreso a Friedrichshafen, en Alemaña, despois de viaxar por tres continentes.

     O Graf Zeppelin atravesaría o Atlántico polas Azores e, ás catro da tarde do martes 3 de setembro, xa se podía ver dende Fisterra a gran altura e marchando a bastante velocidade. A emisora daquel punto xeográfico comunicaría de contado a nova, que sería recollida na Coruña pola estación radiotelegráfica do Banco Pastor. Sobre esa hora a Casa Consignataria Hervada tamén recibira unha mensaxe do capitán do vapor inglés Batna, mensaxe no que se informaba que o dirixible tiña unha situación de 42´21 latitude norte, 9´35 lonxitude oeste. Uns intres despois, o vapor British Count daba un novo posicionamento de 42´27 latitude norte e 9´41 lonxitude oeste. Corenta minutos máis tarde, navegando maxestuosamente pola costa galega, a aeronave pasaba sobre o Cabo Vilán e, dende Camariñas, recoñecíase perfectamente a súa silueta mentres se alonxaba.

     Acto seguido o Graf Zeppelin sobrevoaría o litoral bergantiñá, onde un dos fillos do contramaestre de Malpica, o cativiño de 7 anos Xosé González Reyes (avó de Avia Veira, concelleira no concello da Coruña do B.N.G.), andando no tempo escribiría, nunhas crónicas que publicou no xornal La Voz de Galicia nos anos 80 do século pasado tituladas "Lembranzas de Malpica", sobre o paso do dirixible dicindo que..."Só me lembro de ver o dirixible Zeppelin como unha vexiga longa enorme, de cor gris, cunha galería moi longa na parte de abaixo, donde ía a xente, según me dixo o meu irmán. Voaba paseniño e sen facer ruído. Semellábame o globo que botaran nunhas festas de Corpus, aínda que moito máis pequeniño en comparanza co Zeppelin".

     O xigantesco dirixible navegaría polo litoral de Arteixo ás cinco e vinte daquel 3 de setembro de 1929, data na que a veciñanza arteixá estaba sendo, probablemente sen sabelo, testemuña da primeira volta ao mundo da historia que completaba unha aeronave. “Os que o viron, decatáronse dalgúns detalles do colosal aparato”, informaban os medios da época.

Mapa coa volta ao mundo do Graf Zeppelin en 1929
     Dez minutos despois o Zeppelin facía a súa aparición na Coruña voando por enriba do monte de San Pedro, con dirección á torre de Hércules, permanecendo visible uns sete minutos. Pese á expectación que creara na cidade, @s herculin@s descoñecían o seu itinerario, polo que foron poucas as persoas que se percataron da presencia da nave, que voaba a uns 200 m. de altura. O dirixible desaparecería da vista dos coruñeses polos montes da ría de Ferrol, cara o Cabo Ortegal, e proseguiría viaxe polo Cantábrico para chegar finalmente ao seu destino de Friedrichshafen, en Alemaña, o 4 de setembro de 1929. A viaxe durara vinte días, catro horas e catorce minutos, dos cales pasara no aire doce días, doce horas e vinte minutos, un par deles polos ceos do noso concello.

     O Graf Zeppelin, que tiña unha lonxitude de 236 m., un diámetro de 30,5 m., unha capacidade de 112.000 m3 de hidróxeno e un peso total de 59 t., contaba con cinco motores Maybach que lle daban unha velocidade de cruceiro de 110 qm/h, mais que podían alcanzar unha máxima de 128 qm/h. O dirixible estaría nove anos en servicio, facendo 1.700.000 qm. e transportando 13.000 pasaxeiros e 120 t. de flete. En 1940 sería desmantelado e vendido como chatarra.


FONTES:

- Reiriz Rey, Jesús María. La Coruña: Hechos y Figuras. Reiriz Rey, 1999.
- Díaz Pardeiro, José Ricardo; Fernández Fernández, Xosé e Reiriz Rey, Jesús María. Crónicas coruñesas. Biblioteca gallega. La Coruña: La Voz de Galicia, 1994.
- González Reyes, Xosé. Lembranzas de Malpica. Edicións Embora, 2016.
- Roland, Eduardo.  Setenta años de Galicia en la era Zeppelin. La Voz de Galicia 21.3.2010.
 -GCIENCIA, o portal da ciencia galega.


Ningún comentario:

Publicar un comentario