venres, 13 de xaneiro de 2017

O COMEDOR DE INDITEX E A HORTA DA PEDREIRA DO AVÓ MILIO

     Como moit@s de vós sabedes, en outubro do 2015 o bo amigo Xosé Antón Bocixa e o que escribe principiamos un proxecto audiovisual sobre as expropiacións do Polígono Industrial de Sabón, proxecto que pretendemos que vexa a luz neste 2017 e que vai levar por título "12 Leiras (A horta Esquecida)".

A leira da Pedreira é a da esquerda, a que ten catro palleiros de millo
   Doce foron as leiras que lle expropiaron aos meus avós Milio e Carme para a construcción do Polígono: unha no lugar do Sereo, unha nos Vilares, unha na Perdiz, unha nos Terreos, dúas no Monte do Crego, unha na Agra de Arteixo, unha nos Muíños do Rañal, unha en Barcia, unha na Rañeira e dúas na Pedreira, que era o lugar que estaba na zona que hoxe ocupa a Avenida da Moda. Nunha destas leiras da Pedreira, a que lindaba coa casa de Amelia das Creghas, pasei moitas horas da miña infancia xunto a meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe dos primeiros anos da miña vida.
O avó Milio
   
    A Pedreira era un dos topónimos que mais se utilizaban na miña casa. Era un topónimo de patrimonio familiar. Alí, naquel lugar, o avó Milio ensinaríame a cazar grilos; amosaríame a beleza das bolboretas e falaríame das avispas excavadoras de terra, esas que construen os avispeiros en terra seca e infértil. O avó dicía, coa súa retranca tan persoal, que aquelas avispas eran do Peñarol, mais eu non entendía o significado das súas palabras. Co tempo descubriría que se refería ás cores da camiseta do equipo de fútbol de Montevideo, as mesmas que as das avispas. Falábame tamén dos tempos nos que había abundancia de troitas e anguías no Bolaños e de como se agochaban as londras nese río cando él tiña a miña idade; explicaríame para que se utilizan as miñocas; porqué as anduriñas pasan aquí o verán e logo emigran cara o sur e, sobre todo, advertiríame da peligrosidade das denosiñas. Lembro que estaba obsesionado con este pequeno mamífero carnívoro. Se cadra levara algún susto de cativo, que nunca chegara a confesar. O certo é que cada dous por tres, o avó contaba que as denosiñas ían ás cortes do gando para mamar nas ubres das vacas, morder as patas dos cabalos para chucharlles o sangue e outras trasnadas semellantes. Dicía que mataban por pracer e que nalgún galiñeiro da aldea provocara verdadeiras masacres, á altura das que facía o raposo, só para beber a sangue das galiñas.

     O avó Milio, que seguramente sería un bo guionista para “El hombre y la tierra”, a exitosa serie documental de Félix Rodriguez de la Fuente que se empezara a emitir por aqueles anos 70 e que nós, avó e neto, seguiamos coa máxima expectación, tamén me contaría na leira da Pedreira un feixe de historias que a el lle transmitiran seus pais, Francisco e Dolores, e os vellos do Rañal cando era neno, historias como a do “Tío Fuco”, morto dunha enchenta de touciño e que provocara unha sanguenta liorta entre os mozos que se disputaban o premio dun traxe prometido a quenes levaran a ombreiros o cadáver ata o cemiterio; ou a de “Xacintiño”, comprometido, por unha aposta, a ir unha noite ao camposanto e que tolearía da cabeza porque creía que os difuntos o agarraban cando, en realidade, lle quedara presa a chaqueta na reixa dunha sepultura.

Vista da Avenida da Moda e, á esquerda, o comedor de Inditex
      Pois ben, nesa leira da Pedreira na que pasei tantos momentos da miña infancia, momentos que empezan a fuxir da memoria, de aí "A horta esquecida" que forma parte do título do audiovisual, está asentado hoxe o novo comedor de Inditex, inaugurado recentemente pola multinacional textil... un lugar no que sempre que paso ao seu carón non hai día no que non me lembre do heroe da miña infancia, de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro!


6 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. Dende logo, pasa o tempo, pasa a vida!.
    Sentires sinxelos fronte a tecnoloxía superficial dún macro-complexo da moda.
    Pero tamén seríamos injustos si non vemos o que significou.
    Oportunidad, presentes e futuros estables para tantas mulleres da comarca. Moitas delas, maduraron os sus corpos e mentes entre Noite e Goa, entre pijamas e camisas desarrollaron o concepto de traballo en equipo, con salarios xustos en condicións dignas.
    E seguro que Milio, na sua xenerosidade de home de aldea, daría por bo o prexuizo sufrido.
    E quizá outro home envidiaría a ese avó, un home, campechano tamén, desbordado por números de éxito, números que seguro nunca soñó, éxito inesperado que obliga a cambiar de xentes, de costumes... De vivir!.
    E quizá pasearía gustoso o carón de Milio,por alguna leira a veía do mar, desexando, sabendo o que sabe, volver a empezar para volver a vivir, como seguro fixo o avó Milio, rodeado de sentires e quereres entre xentes de ben nacer e ben ser.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo teu comentario Charo!

      Non pretendo, como ti dis, ser inxusto "se non vemos o que significou" a chegada do polígono...aínda que podería facelo xa que no caso da miña familia, con 12 leiras expropiadas por 2 patacóns, maldito beneficio obtivo...o mesmo que o resto dos expropiados xa que non houbo ninguén que conseguira traballo en Sabón despois de ser expropiados. Neste relato só pretendo lembrar a figura de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, e os intres que pasei con él na leira da Pedreira...a mesma que hoxe ocupa o comedor de Inditex!

      Eliminar
    2. En ningún momento pensei que eras inxusto.
      Paréceme un relato cheo de cariño e de esa morriña que os galegos sentimos como ninguén.
      Gracias a ti.

      Eliminar
    3. En ningún momento pensei que eras inxusto.
      Paréceme un relato cheo de cariño e de esa morriña que os galegos sentimos como ninguén.
      Gracias a ti.

      Eliminar