O de
Meicende é un caso ben curioso. Xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo de que dous veciños do
lugar, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraran na década dos
anos vinte a Uruguai e que alí, no novo país de adopción, crearían
a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo,
as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra
Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, convertiriánse
en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos.
Nado en
Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido
polo alcume de Pichón Núñez, debutaría aos quince anos no
fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o
mesmo clube do que tamén saíra Ramón Villaverde, o fillo de
arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona.
Núñez
non tardaría en despertar o interés do Nacional de Montevideo que,
nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións
xuvenís, onde se acabaría formando como futbolista. As mostras da
súa enorme calidade xogando de oito e acotío asombrando pola
súa facilidade para chegar á área contraria e pola comunión que
tiña co gol, farían que o seu debut no primeiro equipo se producira
de contado, debut que acontecería o 15 de decembro de 1956. O
Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de
campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o
Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso
6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en
1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón
para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría
debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez
e Héctor Rodriguez, compañeiros do Pichón nas
categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían
unha das dianteiras máis
lembradas polos seareiros do
equipo tricolor de Montevideo.
Foto
de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende
|
A
súa actuación naquel Teresa Herrera despertaría o interés de
varios equipos españoles,
entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª
División, o Celta, o Granada e o Valencia, que sería finalmente con
quen asinaría por 14.000 dólares. No
equipo che, no que
debutaría o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón
conquistaría dúas Copas de Feiras
en 1962 e 1963 e anotaría un
total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí,
a última delas a 1964/65, a
mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja,
fichaba no Celta de Vigo. Na
campaña seguinte
o Pichón
vestiría a camiseta do
Mallorca, onde xogaría unha tempada antes de disputar as súas dúas
últimas como futbolista profesional nas filas do Levante,
que foi o equipo onde
colgaría
definitivamente as botas ao
remate da tempada 1967/68.
Semanario
Riazor,
16 de xuño de 1958
|
Retirado
coma futbolista, Héctor comezaría a súa carreira de adestrador no
Calvo Sotelo de Puertollano, clube co que asina en outubro de 1970 e
ao que dirixe trinta e un partidos en
2ª División. Posteriormente adestraría ao Tenerife; Levante;
Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde
foi
o primeiro adestrador do clube en 1ª División, aquel Rayo ao que
chamaban mataxigantes
polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético
de Madrid, ao que dirixe
de xeito efímero: fichara para sustituir a Luis Aragonés en 1978,
mais só aguantou cinco partidos e sería reemplazado polo mesmo
Aragonés. A
continuación retorna
ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos
mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo
Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de
Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para
adestradar en 2ª ao Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez
máis, o banco do Rayo e,
en
1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo clube
no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional
de Montevideo.
Tras
un par de anos sabáticos, Núñez dirixe en 1992 á selección de
Costa Rica e
na
tempada 1993/94 faise cargo do Valencia. Rematada
a súa estadía no banquillo
do clube no que iniciara a súa carreira futbolística en España,
retorna ao seu Uruguai natal para facerse cargo da selección charrúa
dende 1994 ata 1997. Ao fronte da celeste, conquistaría, tras
superar a Brasil nos penaltis, a
Copa América de 1995,
título polo que sería elexido mellor técnico de América da
tempada pola prensa
especializada do
continente. Ao
recoller
o
premio Héctor,
lembrando os seus inicios na dirección técnica,
considerou
ao
adestrador
catalán
Domingo Balmanya
coma
o seu mestre.
Os
últimos desempeños do
Pichón
Núñez
coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e
do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto
final a súa carreira coma adestrador en 2007. Héctor
Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza
que fixeran
a maleta da emigración nos anos vinte do
pasado século,
falecería en Madrid o 19 de decembro de 2011 aos
75 anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario