sábado, 16 de abril de 2016

O MUNDIALITO DA EMIGRACIÓN DE 1982

         O 13 de xuño de 1982 celebrábase no Camp Nou de Barcelona a ceremonia inaugural do Mundial de fútbol de España, onde máis de 3.000 estudiantes da cidade condal formaran diversas imaxes no campo, destacando entre todas elas unha enorme pomba branca, o símbolo da paz. Posteriormente, Arxentina enfrentaríase a Bélxica no primeiro partido do campeonato no que os belgas, cun gol de Erwing Vandenberg, derrotarían por 1-0 ao equipo de Diego Armando Maradona, o futbolista ao que todo o mundo desexaba ver. O Mundial de naranjito”, que finalmente gañaria Italia, fora a disculpa perfecta para que en moitos fogares, o meu entre eles, se producira o cambio do branco e negro ao cor ¿lembrades?, polo que aquel partido do Camp Nou, foi o primeiro no que moitos destinguimos claramente as cores das camistas de cada equipo por primeira vez.

Campo Municipal de Arteixo
     Poucos días antes de xogarse aquel Bélxica-Arxentina, a provincia da Coruña fora escenario doutro Mundial: o primeiro Campeonato de Fútbol da Emigración, popularmente coñecido como o Mundialito da Emigración, que se disputara do 20 ao 31 de maio nas localidades de Betanzos e Sada (Grupo I), Arteixo e Carballo (Grupo II), Carral e Ordes (Grupo III), Miño e Pontedeume (Grupo IV). Betanzos, Carral, Carballo e Pontedeume serían ademais sedes dos partidos de cuartos de final, Ferrol e Santiago de Compostela das semifinais, e A Coruña da final.

    Todo acontecemento ten unha xestación e o Mundialito da Emigración non podía ser menos. A idea xurdira nunha conversa, case informal, entre Pastor López Álvarez, naquela hora edil do Concello da Coruña e presidente da Federación Española de Boxeo, e o xornalista coruñes, residente en Caracas, Lázaro Candal. Ao principio, López tiña en mente facer unha olimpiada deportiva da emigración con seis deportes mais, trala conversa con Candal, os dous concretarían a idea, ante a complexidade da organización do evento, de reducir só ao fútbol a convocatoria cun torneo de 16 seleccións integradas por emigrantes españois, fillos ou netos. 

   O proxecto, ao que tamén se sumaría o xornalista Juan Guillín (que sería o Secretario Xeral do Campeonato), tería moi boa acollida, tanto por parte da colectividade galega no estranxeiro como nos diferentes estamentos deportivos internacionais e máximas autoridades deportivas, entre eles Juan Antonio Samaranch, naqueles días presidente do Comité Olímpico Internacional, que parabenizaría aos organizadores coruñeses pola súa iniciativa. En Brasil, o presidente da F.I.F.A., Joao Havelange, nada máis enterarse da organización do campeonato, anunciaba que estaría presente na final do campeonato (algo que finalmente non cumpliría) e o presidente da Confederación Brasileira, Giulite Coutinho, prometía todo o seu apoio ao equipo que viaxara a terras coruñesas, o mesmo que Julio Grandona, presidente da Asociación de Fútbol Arxentino, que convidara a todos os equipos do seu país a prestar a máxima colaboración para formar o equipo que fora xogar a Galiza.

A "anduriña viaxeira" do Mundialito
     Para o lanzamento e promoción do Campeonato, a Comisión Executiva organizadora encargaríalle ao pintor galego Mario Fernández Granell, moitos anos emigrante en Venezuela, o deseño dun cartaz e dunha mascota, que o artista plasmaría nunha anduriña viaxeira cunha á coa bandeira galega, outra coa española, corpo de balón e sobre unha portería de fútbol.

     Cun presuposto de 30 millóns das antigas pesetas, cubertos con subvencións do Instituto Español de Emigración, Xunta de Galiza, Deputación da Coruña, concellos da Coruña, Santiago, Ferrol, Betanzos, Sada, Carballo, Arteixo, Ordes, Carral, Miño e Pontedeume, entidades privadas e practicamente a totalidade das representacións bancarias da cidade herculina, o Mundialito comezaba o 20 de maio de 1982 cos partidos Inglaterra-México, Arxentina-Venezuela e Perú-Estados Unidos, xogados respectivamente en Sada, Ordes e Betanzos.

Estes foron os resultados da Primeira Fase do campeonato:
El Ideal Gallego, 22.5.1982


GRUPO I:
20.5. Sada. Inglaterra-México: 5-2                     
20.5. Betanzos. Perú-Estados Unidos: 1-3
22.5. Sada. Inglaterra-Estados Unidos: 1-3
22.5. Betanzos. Perú-México: 1-2
23.5. Sada. México-Estados Unidos: 2-1
23.5. Betanzos. Inglaterra-Perú: 4-1

GRUPO II:
21.5. Arteixo. Brasil-Francia: 2-2
21.5. Carballo. Chile-Suiza: 0-5
23.5. Arteixo. Chile-Francia: 2-0
23.5. Carballo. Brasil-Suiza: 1-1
24.5. Arteixo. Francia-Suiza: 2-2
24.5. Carballo. Brasil-Chile: 1-0

GRUPO III:
20.5. Ordes. Arxentina-Venezuela: 3-1
21.5. Carral. Bélxica-Marrocos: 3-0
22.5. Ordes. Bélxica-Venezuela: 0-2
22.5. Carral. Arxentina-Marrocos: 7-2
23.5. Ordes. Arxentina-Bélxica: 2-0
23.5. Carral. Venezuela-Marrocos: 2-1

GRUPO IV:
21.5. Miño. Alemaña-Uruguai: 0-4
21.5. Pontedeume. Holanda-Panamá: 2-1
23.5. Pontedeume. Alemaña-Panamá: 9-0
23.5. Miño. Holanda-Uruguai: 1-4
24.5. Miño. Alemaña-Holanda: 2-3
24.5. Pontedeume. Uruguai-Panamá: 3-0
   

   En Arteixo, sede xunto a Carballo do Grupo II, tivéramos a oportunidade de ver ás seleccións de Brasil, Francia, Chile e Suiza. Os chilenos, baixo o apoio do Lar Galego de Santiago de Chile, que naquela altura contaba con máis de 1.500 socios descendentes de galegos (a maioría panadeiros e ferreteiros), viaxaran a Galiza con varios xogadores do equipo profesional Unión Española, o quinto máis laureado do país andino. Suiza acudira ao campeonato con varios futbolistas do Espagnol de Lausanne, equipo que presidía o galego Ramón Iglesias e que non tardaría en convertirse campeón suizo de Segunda, categoría semellante á 2ª B española. A colonia de emigrantes españoles en Francia, empezarían a confeccionar o equipo no Torneo Cultural de Montpellier, celebrado en febreiro de 1982, mais o seu combinado non realizaría tan bo papel como o que farían os galos no Mundial de España, onde a selección de Platiní acabaría sendo 4ª cun bo número de emigrantes nas sús filas: Manuel Amorós (os pais eran de Alicante), o tarifeño Luis Fernández, Alain Giresse (de nai salmantina) e Daniel Bravo (fillo dun barcelonés). Os brasileiros estaban dirixidos por Vavá, o dianteiro daquela canarinha que gañara os Mundiais de 1958 e 1962 xunto aos Garrincha, Pelé, Didí, Amarildo, Zagalo e compañía. Na selección de Vavá destacaba Juan Valverde, fillo de galegos de Sao Paulo que quixera fichar o Botafogo, mais él escollera rematar a carreira de Económicas a ser futbolista profesional. En Arteixo tamén estivera presente Mónica Tanus Paixao Pérez, que acompañaba á delegación brasileña como madriña do equipo. Mónica era filla de galegos e fora “Miss Brasil” tres anos antes.

El Ideal Gallego, 25.5.1982
 O resto dos partidos do Mundialito da Emigración foron os seguintes:

CUARTOS DE FINAL:
26.5. Carral. Arxentina-Estados Unidos: 4-1
26.5. Betanzos. México-Venezuela: 0-0 (Venezuela por penaltis)
27.5. Carballo. Suiza-Holanda: 2-1
27.5. Pontedeume. Uruguai-Brasil: 3-1

SEMIFINAIS:
28.5. Ferrol. Suiza-Venezuela: 0-1
28.5. Santiago. Arxentina-Uruguai: 2-2 (Nun primeiro momento Uruguai clasificouse na tanda de penaltis, mais posteriormente Arxentina impunaría a acta, alegando alineación indebida dos charrúas, e o comité daríalle a competicións aos arxentinos)

3º e 4º POSTO:
30.5. Ordes. Debería xogarse entre Uruguai e Suiza mais o partido non chegaría a disputarse porque os charrúas non aceptaran a decisión do Comité de Competición

FINAL:
30.5. A Coruña. Estadio de Riazor. Arxentina-Venezuela: 4-2
El Ideal Gallego, 31 de maio de 1982
    Algúns dos futbolistas máis destacados do torneo non tardarían en recibir ofertas de clubs de Primeira División. Este fora o caso do máximo goleador do Mundialito, Ricardo Albisbeascoechea, “Albis”, que ficharía no Málaga e posteriormente, na tempada 1990/91, xogaría no Deportivo; o uruguaio “Dardo” Perez, que recalaría no Racing de París ou do alemán Orejuela, que ficharía no Salamanca.

    Até o de agora, disputáronse dous Mundialitos da Emigración máis, os de 1983 e 1985, celebrados en Pontevedra e Tenerife respectivamente. Do primeiro pódenvos dar boa conta no Bar Fénix de Arteixo, no Paseo do Balneario. Se entrades a tomar un café, detrás da barra tedes a Nelson Cedeira, que foi campeón daquela edición do 83 coa selección de Uruguai. Nelson, que fora compañeiro de Enzo Francescoli no Montevideo Wanderers, estivera a piques de fichar polo Celta tras aquel campeonato...mais este conto queda para  outro día!






Ningún comentario:

Publicar un comentario