venres, 31 de marzo de 2017

CARTA A PACO SOUTO

     Aínda incrédulo diante da túa perda, curmán...aínda co corazón roto, compañeiro...vencer esta pena inmensa que sinto, esta tristura infinita, esta rabia, este nudo na gorxa, esta dor...non ha de ser doado mais, con todo, sempre nos quedará a túa palabra e o teu exemplo de ser excepcional, o exemplo dun ser humano bo, leal e xeneroso.

  Aínda non podo crer que o mar che fixera isto, ese mar ao que tanto lle tes escrito, ese mar do que dicías que sopraba azul e que abaneaba as follas dos carballos mentres paseabas silencioso ao compás do recordo. "O mar levou ao máis sublime dos versos: ao Paco Souto real, suxeito irrepetible", escribiu hoxe a nosa prezada amiga Rosalía Fernández Rial, chorando a túa ausencia.

  Nunca esquecerei as nosas longas conversas sobre as tres familias que compartimos, a familia nacionalista, a familia da escrita e o noso parentesco familiar, parentesco do que un día che falou túa nai Mucha e ningún dos dous sabíamos del..."Xabi: acabo de enterarme que somos terceiros curmáns" ¿Lémbraste daquela chamada? Aínda nos botamos unhas risas con iso. Tamén te as cando che dicía que eras arteixán de Oseiro, coruñés de Monte Alto, malpicán de adopción e galego de corazón ¿Lembras?
 
   Que baleiro tan grande vas deixar no país Paquiño. Perdemos un home de acción, unha persoa  comprometida de verdade, sempre disposto a axudar, sempre na loita, sempre na defensa das inxustizas, sempre con sorrisos, sempre con bos consellos, sempre con boas iniciativas, sempre dando ese empurrón necesario para perder o medo a voar. Contigo, prezado compañeiro, este mundo era máis amable, máis xusto e agora é un lugar máis inhóspito que ennegreceu coa tristura inmensa que provocou o golpe de mar que che segou a vida.

     Que a terra che sexa leve, Paco!

     Quérote!

     O teu curmán  Xabi

 

BIOGRAFÍA DE PACO SOUTO


  
Paco Souto (imaxe de DistritoXermar)
   A Coruña, 1962. Coeditor de Letras de Cal e dos cartóns Edicións do Dragón, onde publica con Adriana Castro Dous Bocetos e con Fran Alonso e Miro Villar A rota dos Baleeiros. Autor da peza teatral "Amar non ten Laranxas" nos Cadernos da E.D.G. 1994. 

     Ten, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María, ambos publicados por Espiral Maior. Participa en exposicións colectivas e individuais, ilustra libros e colabora en diversas montaxes teatrais. 

     Desde 2006 conduce un programa de literatura en Radio Roncudo, a única radio libre da Costa da Morte. En 1993 realiza xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América, no 2001 crea Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizan Como augas de maio, e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A.C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reúne pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.

     Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á musica e a fotografía de Peter Schneider asina Tempo escuro. No 2015 publica Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editan o CD Proxecto Barro parte dun espectáculo multidiscipilar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño dese ano.

     Dirixe con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón, onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.

     No 2016 publica e Caín, poemario co que a editora Laiovento iniciou a súa colección de poesía Ventoalto.


FONTE: AELG (Asociación Escritoras/Escritores en Lingua Galega)

4 comentarios:

  1. Grazas por encher con tan fermosas verbas o meu doído insomnio.
    Unha aperta
    Emma

    ResponderEliminar
  2. Fermosas verbas saídas do peito, Xabier. O legado que deixa Paco coma persoa é insistituible. Toca navegar por ese mar que el amaba tanto e que nós tamén amamos, ainda que ás veces non comprendamos o arrepiante tributo que se cobra... Proa ao temporal... unha fonda e sentida aperta

    ResponderEliminar