venres, 24 de marzo de 2017

O "CAFÉ BERÁN" DA BAIUCA E A SOCIEDADE "EL ALBA"

     A finais do século XIX, Maximino Rodriguez González abandonaba a súa parroquia natal de San Breixo de Berán, no concello ourensán de Leiro, para residir en Arteixo, lugar no que non tardaría moito en abrirse camiño entre o ambiente caciquil que predominaba a política municipal naquela hora grazas, principalmente, á colaboración do seu tío materno D. Florencio González Pérez, o cura da parroquia de Santiago de Arteixo por aqueles tempos.

     Segundo conta Manuel Blanco no seu traballo Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, Maximino probablemente quedou orfo de pai relativamente mozo, o que fixo que buscara protección e amparo no seu tío cura (un curmán de Maximino, Florencio González Soto, tamén sería cura entre os anos 20-30 da parroquia de Santa Mariña de Lañas). Polo ano 1895 xa figuraba como residente no noso concello, e o 13 de xuño de 1899 contrae matrimonio con María Mosquera Rapela, filla de José Mosquera Díaz, alcalde de Arteixo en dúas ocasións (1885-1890 e 1901-1902). Nos padróns municipais figura coa profesión de perito agrícola e tamén como industrial, isto último debido a que establecera na Baiuca un bar coñecido como o Café Berán, nome da súa parroquia natal.
Lugar onde estaba o Café Berán
   Ao pouco de que Maximino González abrira o seu establecemento, na Baiuca tamén se constituía a Sociedade de Recreo y Expansión "El Alba", unha entidade que no primeiro punto dos seus estatutos apuntaba que nacía para "el posible mejoramiento de costumbres y desarrollo físico de los socios, que podrán expresarse indistintamente en castellano o gallego, siempre en frases correctas y sin emplear interjecciones indecentes o indecorosas y menos sacrílegas".

     A Sociedade El Alba convertiríase, durante os anos vinte e trinta do século pasado, no motor cultural de Arteixo, organizando numerosos eventos deportivo-culturais como algún dos primeiros partidos de fútbol xogados na vila, desputados nun campo que había no Monte da Penouqueira, bailes e representacións teatrais que se desenvolvían no Café Berán, a sede social da entidade, e que eran acompañados musicalmente polo piano que con gran pericia musical tocaba Manuel Fernández Llamazares, o farmacéutico da localidade por aqueles anos. Un exemplo desta actividade da Sociedade El Alba aparece nas páxinas de La Voz de Galicia en abril de 1934:

     "Con un atrayente programa, integrado por los regocijantes diálogos gallegos Mal de moitos y Trato a cegas, y el pasillo cómico, en un acto, Vaites...vaites...! tendrá lugar el sábado, 28 del corriente, a las nueve y media de la noche, una velada teatral, a cargo de los distinguidos aficionados que componen el cuadro de declamación de la Sociedad El Alba, de este pueblo. Les auguramos un éxito, y es indudable que el local social será reducido para tanto público como acudirá a presenciar la actuación de tan aplaudido grupo artístico. (...) El Domingo, día 29, se celebrará en esta villa un interesante partido de fútbol entre los equipos reservas de Meicende F.C. y del titular de esta localidad. Acompañando al equipo de Meicende vendrán numerosos aficionados. El partido será amenizado por una afinada charanga de esa capital, celebrándose al final un animado baile en el elegante salón del café Berán, hasta las doce de la noche, contando los forasteros con servicio extraordinario de coches entre este pueblo y esa localidad".

     Ao remate da Guerra Civil, El Alba desaparecía como tal, mais, algúns anos máis tarde, moitos dos seus integrantes crearían unha nova sociedade na Baiuca: a S.R.D. Penouqueira. O café Berán continuaría coas portas abertas, aínda que en 1939 habería cambios: Maximino Moreiras González, fillo de Jesús Moreiras e de Josefa González Més, e a súa muller Manuela Vázquez convertiríanse nos novos responsables do negocio, abrindo ao lado do bar unha panadería. A partir de aí a actividade do Berán iría decaendo pouco a pouco ata cederlle definitivamente o testemuño aos salóns de baile, que irían xurdindo por todo o concello.

                                                    
FONTES:
- Reglamento de la Sociedad titulada El Alba, 11 de setembro de 1924
-BLANCO REY, MANUEL. Arteixo durante la II República y la Guerra Civil. Arteixo, 2008
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER. De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam. Edicións Embora. Ferrol, 2014



4 comentarios:

  1. Nas actuacions de teatro participaba a miña nai Josefa Iglesias Rey e as fillas de D. Manuel, Josefina e Conchita Fernandez-LLamazares Saralagui. NUnha das actuacions un dos actores tiña que estar comendo chocolate con churros, he con noa habia churros mollaba o dedo indice he facia o gesto de que estaba muy rico. Xa en aqueles tempos as participantes do coro enseñaballes solfeo, miña nai chapurreaba alguhas notas cando tiña ocasion de ter un piano a man. de D. Manuel decia miña nai, que sabia de todo, compoñia as cancions para o coro, para o teatro. facia versos e enseñaballes como facer un verso que rimara ben. Bueno contos de antes. Bicos Maribel

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas por compartir as túas lembranzas neste espazo Maribel!!!
      Bicos!!!

      Eliminar
  2. A miña bisaboa Josefa Iglesias Rey nai de Maribel Otero foi muy amiga de Maximino Moreiras e Manuela Vazquez.pais de Baldomero e Avelino que trabajaron no Axuntamento de Arteixo.Contabame moitas anecdotas e pillerías

    ResponderEliminar