xoves, 2 de novembro de 2023

ANSELMO PARDO E A BALEA VARADA EN BARRAÑÁN EN 1957

  Hoxe queremos homenaxear a unha das fontes orais deste espazo, a Anselmo Pardo, gran tecedor de relatos que nos deixou recentemente. 

   No seu domicilio de Sorrizo, Anselmo e a súa dona Luisa Fuentes recibiron, en non poucas ocasións, a quen escribe sempre coa maior das amabilidades ao tempo que abrían a cancela da súa memoria. Fantásticos paseos, abofé! Alí souben do 'Arctic', o barco belga naufragado no areal do Reiro en 1938; da historia de Sofia Baridó Schneider, avoa de Luisa; do cemiterio protestante de Arteixo e doutro feixe de contos, entre eles o da balea que varou en Barrañán en 1957, da que o Anselmo gardou na súa casa ata o último dos seus días un óso de máis de dous metros. Co humor e a retranca que o caracterizaban, en abril do 2012, cando estabamos preparando o libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios, recordaba:

  "A balea penso que debía ter máis de vinte metros de lonxitude e varara xa medio apodrecida, nas Pedras do Esteiro. Eu daquela vivía en Chamín coa miña nai e meus irmáns, aínda era solteiro e xa estaba libre de quintas. Lembro que durante dous días uns operarios despezaron a carne, e que despois a transportaron en camións ata un curtidoiro, que seica había en Sofán. Durante eses días, por Barrañán, Chamín e Santaia ninguén paraba co cheirume. Era unha cousa nauseabunda. Mais aínda así, achegárase moita xente ata o areal para ver a balea. Algúns veciños, ao irse desfacendo pola parte da cauda, apañaron ósos das vértebras, para utilizalos como asentos. Eu apañei un, da parte dianteira, duns tres metros que aínda tiña algunha carne. Cando cheguei con el á casa, miña nai case me bota dela por causa do cheiro".                                      

  No sábado 16 de novembro de 1957, cando todo o mundo falaba da morte da cadela "Laika", pola falta de osíxeno na súa viaxe espacial a bordo do "Sputnik", El Ideal Gallego recollía nas sús páxinas, a información da balea varada en Barrañán e advertía que tiña espetados dous arpóns, que foran lanzados por un barco estranxeiro. Mesmo na semana antes, no domingo 10, o xornal coruñés daba conta da mesma balea, publicando na súa páxina dedicada ao porto, a seguinte información: 

AVISO A NAVEGANTES 

A 250 grados del Cabo Prior y a seis millas, se encuentran restos de ballena. Se comunica por si algún pesquero los quiere recoger. 

El Ideal Gallego tamén informaba no sábado 16 que " para evitar su total descomposición, será quemada con gasolina", mais o persoal da Comandancia e algúns veciños, que axudaron levando leña ata a praia, non foron quen de queimala. Segundo nos contara no seu momento Anselmo Pardo, "houbo persoas que pagaron por enterrala, pois o cheiro seguía sendo insoportable". Pardo, coa súa habitual retranca, falounos da utilidade que lle dera ao óso que extraera da balea:  

"Cando cheguei con el a casa e despois de que miña nai me quixese botar dela polo cheiro, eu díxenlle que o óso había de ser a miña herdanza, e que para onde eu fose, había de ir comigo. Cando me fun da casa, ao casar en Sorrizo, díxome que non me esquecese de levar a miña herdanza. Mais antes disto, diante da casa da miña nai fixéramos un alpendre, e utilizáramos este óso como pilar para termar dunha viga. Ao meu irmán e a min, non me digas o por qué, ocorreusenos plantar unha verza dentro del...e Meu Deus!, como medraba!. Anos máis tarde, co alargamento da estrada de Caión, tivemos que retirar o alpendre e xa foi cando trouxen o óso para Sorrizo, cando casei, polo que hai máis de cincuenta anos que o teño".

Anselmo Pardo no 2012, amosando un óso dabalea varada en Barrañán en 1957
                                      
     O feito de que esta balea varase neste lugar, tan perto das vilas de Caión e Malpica, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de cetáceos durante séculos, semellaba unha cousa simbólica, como se se quixesen rememorar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en Europa.

D.E.P., Anselmo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario