O
galego
Luís Suárez Miramontes,
lenda do fútbol mundial e único
español
en facerse co Balón de Ouro,
faleceu este domingo aos 88 anos de idade en Milán (Italia), segundo
anunciou o que fora o seu equipo durante nove campañas, na década
de 1960, o Inter.
Neste
día tan
triste para o mundo do fútbol queremos
recordar, como pequena homenaxe a Suárez, un
partido que quedou gardado na memoria colectiva de moitos
afeccionados
ao fútbol da bisbarra. Falamos
do
Penouqueira-Fabril
disputado
no
campo do Balneario de Arteixo
polas
festas do Santiago Apóstolo
de 1958, un
encontro do que aínda se fala de cando en vez na vila do Bolaños.
Os
festexos do 25 de xullo daquel ano principiaran, ás cinco e cuarto
da tarde, cun partido de baloncesto feminino xogado nunha cancha
montada para a ocasión no campo de fútbol. Os contrincantes foran
os equipos “A” e “B” da “Sección
Femenina de la
Falange”, dúas formacións coruñesas que viñan de
disputar o Campionato de España, onde o equipo “A” se proclamara
campión estatal e o “B” conquistara o terceiro posto na súa
categoría. Malia non ter a superficie de herba as mellores
condicións para a práctica do deporte da canastra, os dous equipos
farían pasar un bo anaco á gran cantidade de público que, dende as
parroquias e dende os concellos limítrofes, se desprazara ata a
capital municipal para vivir unha gran xornada deportiva.
Ao
partido de baloncesto, que
foi o primeiro xogado en Arteixo desta modalidade, seguiríalle o
prato forte da tarde, o enfrontamento entre o Penouqueira e o Fabril
que todo o mundo agardaba.
O once
da Baiuca contaba
cos reforzos
de varios dos
futbolistas arteixáns
con pasado fabrilista:
Chacho Rey, José María Mancebo e
Gerardo Roldán. E
tamén con Pitos e con
Arsenio, que
acababa de ser traspasado do Sevilla ao Granada, club no que ía
permanecer ata a tempada 1963/64. O
Fabril,
que aínda contaba con
algún integrante, casos de Porvén, Alvedro e Bouzas, do equipo que
obtivera o Campionato Galego de Afeccionados do ano 1954, tiña nas
súas filas a unha das estrelas do F.C. Barcelona:
Luís
Suárez, que xa había
catro anos que abandonara o R.C. Deportivo da Coruña para fichar no
cadro catalán. Luisito,
que se desprazara ata
Arteixo pola súa amizade
con Arsenio e con
Pitos,
tamén reforzara uns
días antes ao
Deportivo nun partido amigable disputado en Riazor entre o cadro
herculino e o Nacional
de Montevideo que presidía o larachés José Añón.
Pepe
Guillín, por aqueles días delegado
do Español S.D. e co tempo
directivo do R.C. Deportivo
da Coruña durante
trece
anos, ía ser o encargado de arbitrar aquel histórico
encontro xogado a carón do Bolaños, un Guillín ao que era habitual
ver nos partidos que se celebraban no campo do recinto termal
arteixán. Como non podía ser doutro xeito, Luís Suárez fora o
futbolista sobre o cal se centraran as miradas dos centos de
espectadores que rodeaban o terreo de xogo, xentío ao que Luisito,
malia non empregarse a fondo, como era lóxico, non
defraudou
en ningún momento.
Chégase
ao descanso cunha vitoria por 1-2 favorable ao cadro herculino, que
amosaría a súa superioridade técnica durante o tempo
regulamentario. Na continuación, o espectáculo non decae e o
público ten a oportunidade de ver anotar ata catro goles máis, que
conduciron a un resultado final de 2-5. Luís Suárez con dous
tantos, un deles de penalti, Nenito, Manolé e Bouzas foron os
autores dos goles do Fabril e, por parte do equipo da Baiuca anotaron
Pitos e Gerardo, este de penalti. As aliñacións foran as seguintes:
PENOUQUEIRA:
Chacho; Totos, Miaxo, Pardo; José María, Gerardo; David, Pitos,
Teté, Arsenio e Narciso.
FABRIL:
Mangana; Porvén, Franco, Firi (Pintos); Alvedro, Pepete (Firi);
Gisbert (Nenito), Miguel, Manolé (Chas), Luís Suárez e Bouzas.
|
Futbolistas do Fabril e do Penouqueira no campo do Balneario. Abaixo, no centro, Arsenio Iglesias e Luís Suárez
|
Ao
día seguinte, sábado 26 de xullo de 1958, os medios herculinos
facíanse eco do acontecido horas antes en Arteixo e informaban que
”La gran masa de aficionados salió complacidísima de ambas
manifestaciones deportivas, en tanto las dos embajadas coruñesas
eran muy aplaudidas, siendo al final delicadamente obsequiadas con un
espléndido lunch por el presidente del Penouqueira, que hizo los
honores en unión de Arsenio, regresando los componentes de aquellas
muy satisfechos. Es justo consignar, finalmente, una pública
felicitación a los organizadores de esta gran jornada deportiva que
ayer vivió Arteijo”.
Julio
Mancebo, un neno do Arteixo daqueles días e irmán de José María,
un dos futbolistas que integrara o once da Baiuca no choque contra o
Fabril, agasallounos con algunhas pinceladas do devandito
acontecemento deportivo que aínda se manteñen vivas na súa
memoria: “Recordo que,
polas festas, o Penouqueira xogou durante varios anos contra un
equipo importante da Coruña reforzado
con Arsenio
e outros futbolistas.
Un
ano viñera
Osvaldo, un arxentino que xogou varios anos no Deportivo. No 58
veu o Fabril de Porvén,
Bouzas e compañía e xogou
reforzado con Luís
Suárez, daquela xogador do Barcelona. Xuntárase
moita xente, tanta que non quedaba un sitio arredor do campo.
Naqueles partidos o árbitro
era case sempre Darío do Ferrador. Rematado
o partido, a xente pasaba á pista do Balneario, onde bailaban ao
ritmo da orquestra mentres que os rapaces faciamos algunha que outra
trasnada”.
Dous
anos máis tarde de disputarse aquel lendario partido
Penouqueira-Fabril,
Luís Suárez íase converter
no primeiro, e ata o de agora no
único, español en gañar o
Balón de Ouro, trofeo que lle sería entregado o 8 de marzo de 1961
no Nou Camp de Barcelona polo subdirector da revista France
Football,
M. Skavensky, nos
prolegómenos do partido dos
cuartos de final da Copa de Europa que enfrontaba ao Barça co
Spartak de Kralove. Cóntase que, ao vir pasar uns días de vacacións
á súa Coruña natal, Luís seica se achegara co devandito trofeo
ata o Bar Borrazás, un dos locais frecuentados pola bohemia coruñesa
daquel tempo,
onde, ao parecer, se celebrou
por todo o alto a obtención do prestixioso trofeo.
En
maio dese ano 1961, Luisito, despois de cruzar os Pirineos e os Alpes
coma un Aníbal do balón, ficha no Inter de Milán por 25 millóns
de pesetas, unha cifra extraordinaria para a época, que se viu
rapidamente compensada cos títulos que o futbolista galego lle
proporcionou ao club italiano, onde se ía converter, naquela década
dos sesenta, nun dos mellores xogadores de todos os tempos ao
conseguir os seus maiores logros a nivel internacional: as Copas de
Europa de 1964 e 1965 co Inter de Milán, as Copas Intercontinentais
dos mesmos anos e, a Eurocopa de 1964 coa selección española…
Éxitos que en Arteixo se puideron ver nas primeiras televisións que
houbo no
municipio.
Grazas ao novo aparato electrodoméstico, que era prohibitivo na
inmensa maioría dos fogares, os adultos e os cativos acudían en
masa a ver as emisións de Televisión Española
aos bares e ás casas onde tiñan a fortuna de teren algunha daquelas
primeiras teles.
Segundo
o testemuño dalgúns
arteixáns que estiveran presentes o 25 de xullo de 1958 naquel
Penouqueira-Fabril, a
primeira casa de Arteixo
que tivo
este novo invento foi a da señora
Julia e os seus fillos Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e
Pitos, é dicir, a familia
Mosquera Calvete, a mesma
casa na
que
Julita, Pablo
e Pitos
lles ensinaron
a ler e a escribir a ducias de nenas
e nenos arteixáns,
cativos que
tiveron a
oportunidade de veren,
por vez primeira,
as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles
como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou aquel
rapaz que viran
xogar non había moito no campo do Balneario: Luís
Suárez.
D.E.P.
____________