Hoxe,
2 de febreiro, é o Día das Candeas ou da Candeloria, día agardado
no que o refraneiro popular indica que é cando casan os paxariños.
Un servidor pode dar fe do amor eterno que se prometeron, no xardín
da casa, varias parellas de pequenas aves cos seus encantadores píos.
“Pola
Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”
“Pola
Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola”
O
Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos
ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o
Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso
tratábase do ritual do lume, coas súas virtudes apotropaicas (de
afastamento de desgrazas, protectoras).
Na
antiga Roma
celebrábase as Lupercais,
a
festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase
unha procesión con candeas acendidas de noite.
No
ano 492, o Papa
Xelasio I
crea a festa da Purificación da Virxe
que
é conmemorada o 2 de febreiro. O nome da Candeloria está orixinado
pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas,
festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que
posiblemente
sexa orixe do actual Día da Candeloria. Este
día a relixión
católica celebra a Presentación de Xesús no Templo, a Purificación
da Virxe despois do parto (de aí que hoxe sexa a onomástica das
Puras e Purificacións) e a Virxe da Candelaria, advocación mariana
aparecida en Tenerife (Illas Canarias) no século XV. Día das Puras
e das Purificacións. E mañán, 3
de febreiro,
do San Brais...
“Polo
San Brais, hora e media máis”
Estamos
nunha época na que a luz empeza a vencer ao tenebroso inverno, unha
época na que xa se percibe a proximidade dos brotes das plantas que
non tardarán en xerminar dando paso a un novo ciclo da nai natureza.
É a festa da luz, que é como lle din en Oseiro ao que en Barrañán
nomean as Candeas ou a Candelaria.
Daniel
Martínez Suárez, presidente da Comunidade de Veciños de San Xiao,
e Manuel Rey Vázquez 'Bareta', os dous xubilados e veciños de
Barrañán, recordan con nostalxia os tempos nos que a veciñanza
ateigaba a igrexa parroquial polas Candeas. “Antigamente cando nós
eramos mozos, tal día como hoxe sacábase en procesión o San José
e a Virxe da Candeloria. Hoxe só sacamos a Candeloria porque non vén
xente dabondo á igrexa. O San José sacámolo coa Virxe do Carme no
verán, polo Sacramento. Antes, polas Candeas, viña moita xente de
toda a parroquia de Barrañán, de Arméntón, de Monteagudo, de
Chamín… e mesmo se facía unha poxa de carne para as ánimas. A
xente traía á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última
matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa
derretida”.
Seica
a poxa propiamente dita principiaba
no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a
carne ás e os parroquianos para que poxaran por ela. O
encargado da poxa era Jesús
do Quixeiro. Subíase
ao valado e dende alí facía as oportunas operacións. Logo,
a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a
súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio.
Daniel
e 'Bareta' pensan que en
Arteixo “a Candeloria
soamente
se celebra en Barrañán e en Oseiro, alí
chámanlle a Virxe da Luz”. Tamén
nos contaron que na súa
parroquia “pola Candeloria
algún ano ata houbo funcionista que organizou bailes no Salón do
Xastre”. Os dous veciños lamentan que se perdan as tradicións
mais, con todo, a veciñanza
fai o posible por mantelas
vivas. “Na nosa casa -afirma Daniel- seguímolo celebrando cada ano
e sempre temos festixeiros. Ademais, na parroquia xa levamos varios
anos organizando a Festa do Cocido das Candeas.”
Quen
escribe estivo hoxe na igrexa de Barrañán, onde
o crego don Juan Ramón
bendiciu
as candeas que a xente mantivo
acesas mentres durou
a misa na que se sacou en
procesión á
Virxe da Candeloria, unha pequena talla de madeira de mérito
polo seu estilo e a súa antigüidade. Posteriormente, como di a tradición, a xente levou as
candeas para os domicilios pois atribúenselles poderes como calmar as
treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
|
Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023)
|
|
Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023)
|
Rematamos
polos distintos refraneiros populares galegos que recollen refráns
sobre a Candeloria e o seu día:
-
Cando
a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de
chorar, mitá do inverno está por pasar.
-
Cando
a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o
inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está
dentro.
-
O
día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta
nin chora, inverno fóra.
-
Pola
Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
-
Pola
Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade
fóra e metade dentro.
-
Pola
Candeloria, mitá do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda
entra.
-
Pola
Candeloria pon a pita vella e a nova.
-
Polo
santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
-
Que
a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está
pasado e a metade está por pasar.
-
Se
a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por
vir.
-
Se
a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir;
mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.
-
Se
a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
-
Se
a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria rí, o
inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para
tras e para diante.
-
Se
a Candeloria vén mal o inverno está caroal.
|
Virxe da Candeloria de Barrañán
|
FONTES:
VIDAL,
FRANCISCO A. (2014): A Candeloria, o Imbaloc e Proserpina.https://oschanzos.blogspot.com/search?q=a+candeloria
WIKIPEDIA: https://gl.wikipedia.org/wiki/D%C3%ADa_da_Candeloria