martes, 29 de outubro de 2024

O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN "TRIER" EN SUEVOS EN 1902 (2ª parte)

    O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento encontrábase en Xibraltar. 

O vapor alemán "Trier" embarrancado en Suevos (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32)

   Continuaban chegando infinidade de persoas ata o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e nas de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrentar aos raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba!

   Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións ateigadas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto puidesen. Este feito ía provocar que o día 11 de xullo foran detidas dúas embarcacións cargadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz.

   Outra das embarcacións que rondaba preto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado.

-"Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros.

   Un deles, José Noya, que estaba moi preto da "San Francisco", dispara un tiro por enriba da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vázquez e o rapaz Basilio Freire1. Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron e posteriormente varios homes do barco deixaron a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas. 

Panorámica da praia de Bens a principios da década dos 60, antes da construción da refinerería (Ángel Blanco)

    O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notable. Visto isto, era comprensible que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.

    O domingo, 13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa"2. O seu capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban ata os almacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.

    O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", volta a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".

   Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).

   O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.

    O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nin un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.

Panorámica actual do illote da Gaianda

    En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galicia e Alemaña.

   Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había.

   Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, ata que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos.

   As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tal destrozo no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.

   O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), parten para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".

   Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciábase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbao, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.

(...CONTINUARÁ)

 

 ___________________

1 Unha bala atravesou a perna dereita sobre o xeonllo de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio.

2 Hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival fora o Football Club Coruña.

martes, 22 de outubro de 2024

O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN “TRIER” EN SUEVOS EN 1902 (1ª parte)

  Nas primeiras horas da tarde do 6 de xullo de 1902, nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumoreábase que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara preto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", noticias que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser domingo.

Debuxo do "Trier" embarrancado en Suevos (El Noroeste, 8 de xullo de 1902)

    Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen, cidade na que estaba matriculado, para facer singradura cara á Habana e Veracruz con cincuenta e catro tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba); e Óscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana; e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana.

    Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo, e no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cemento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para envurullar, mais tamén levaba vaixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura, queixos, cervexas e un longo etcétera.

El norte de Galicia, 7 de xuño de 1902

    O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen. Tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu cargamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. As súas dimensións eran de 308 pés de popa a proa, 42 de manga, 50 de puntal e tiña un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo. Fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.

    O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumores que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se espallou a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretar o punto exacto do sinistro…“detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda1, naquela hora tamén coñecido como Pena dos Corvos, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián.

Illote da Gaianda. Ao fondo, Lagosteira

   O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa néboa existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con brétema é doado confundilos. Foi así como o "Trier" embarrancou nas rochas da Gaianda provocando un gran estoupido. 

Imaxe tomada no litoral de Suevos na que vemos o Monte de San Pedro e, ao fondo, o Cabo Prior

   Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, xente que se ía achegando ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas2. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose:

    -"Eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Ghallandra. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo! Pero veñen tolos ou borrachos! Porque só así se explica! A néboa era pechada, pechada de veras, pero ben se vían as penas, e ademais este nen é rumbo nen é nada! Sentín un tumbo moi grande. ¡Madre de Dios! No vapor deron en berrar, en tocar os chiflos... Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como bruaba o barco. De noite, cando alá na miña casiña apenas podía pechar ollo, sentía como o demo este bruaba, bruaba...3"

    Enrique Bello, outra das testemuñas e veciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver de fronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico. Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda. 

Mapa da localización do embarrancamento do "Trier" (El Noroeste, 8 de xullo de 1902)

   As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegaron máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, deseguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Está abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu esa posibilidade, agardando que o "Trier" puidera continuar viaxe.

    Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.

Fábrica de mistos Zaragüeta na Coruña (https://www.facebook.com/FotosAntiguasDeCoruna)

   No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas ata que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido, apreciándose a sacudida que imprime.

   Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. 

Panorámica dos Picos de Nostián dende o litoral de Suevos

  Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposible continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis preto.

   Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chégase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá manda arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posible facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.

    O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetería, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posible por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. 

Panorámica do illote da Gaianda, lugar onde embarrancou o vapor alemán "Trier" en xullo de 1902

   Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inútil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico (México), e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega ata A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.

(...CONTINUARÁ)

_________________

1 Tamén hai quen lle chama A Ghallanda, A Ghaianda, A Ghallandra ou A Gallanda.

2 Arma antiga semellante a unha escopeta co canón moi longo e a culata decorada.

3 Vid. La Voz de Galicia, 8 de xullo de 1902.

martes, 15 de outubro de 2024

XXIII FEIRA HISTÓRICA ARTEIXO 1900. "A VIDA NOS PAZOS" ( A VIDA NO PAZO DE FIGUEIROA)

  Os días 18, 19 e 20 de outubro, celébrase a popular Feira Histórica Arteixo 1900, un evento que xa vai pola vixésimo terceira edición e que neste 2024 está dedicada á vida nos pazos. Velaí tedes a programación para toda a fin de semana:




A VIDA NOS PAZOS

   Misteriosos, románticos, evocadores… os pazos representan un dos nosos sinais de identidade e foron, durante séculos, residencia dnobree fidalgos de gran poder económico.

   Estes edificios eran o principal foco de riqueza constituían unha especie de unidades de xestión local, arredor dos cales transcorría a vida das xentes como punto neurálxico dunha organización feudal da economía.

   Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros (cesión das terras aos campesiños a cambio de recibir rendas), que en moitos casos chegaban a vivir no mesmo recinto.

  A preeminencia destas casas señoriais sobre a sociedade rural galega descansaba non só na propia edificación senlleira, senón nun considerable conxunto de terras de labranza nos seus arredoresA situación escollíase estratexicamente, erguéndose sempre en zonas de microclima benigno e de solos fértiles, onde o señor puidese ollar as súas posesións. Habitualmente eran construcións de planta rectangular ou cadrada levantadas sobre grandes perpiaños de pedra que os protexían da constante humidade galega. Segundo o refraneiro popular, este espazo singular tiña, ademais, varios elementos característicos: a capela, onde se reunían para o culto relixioso tanto os señores como o servizo doméstico e os xornaleiros da propiedade; o pombal e o ciprés, árbore asimilada á hospitalidade. “Capela, pombal e ciprés, pazo é”, sinala o dito popular. Pero era moi común que as casas señoriais galegas tamén tivesen hórreo, cruceiro e, por suposto, un bo predio con xardín fontes, e mesmo  animais si eran de carácter agrícola e gandeiro.

   Co tempo, estes edificios foron converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, decadencia motivada en gran parte pola suspensión dos foros e dos seus privilexios e xurdida, tamén, a raíz do éxodo dos campesiños ás cidades.

   Grandes autores da nosa literatura inspiráronse nos pazos galegos para ambientar as súas obras. Ese foi o caso de Emilia Pardo Bazán, propietaria inicial dPazo de Meirás, lugar onde escribiu Los Pazos de Ulloa en 1886; de Valle-Inclán, que tamén retratou a vida dos pazos na súa triloxía das guerras carlistas Comedias Bárbaras, encabezada por Los Cruzados de la Causa; ou, entre outros, de Otero Pedrayo, autor de Os camiños da vida (1928), a gran novela galega dos pazos.


OS PAZOS DE ARTEIXO

   Nas informacións sobre Arteixo que aparecen no tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia publicada en 1928, Carré Aldao dinos que  “(…) Respecto a los abolidos señoríos tan sólo se conservan algunos restos de la fortaleza de Suevos y los pazos de Anzobre (Armentón), Oseiro, Figueiroa (Arteixo) y Atín (Loureda)”.

   Con relación ao de Suevos, só unha rúa, a do Pazo, deixa intuír que antano residía neste núcleo unha familia, os del Río, con capacidade para ter un casarío engaiolante, do que hoxe non queda practicamente nada. O de Anzobre, en Armentón, se cadra é o pazo máis coñecido deste municipioHerdárao Manuel María Puga Parga 'Picadillo' logo do falecemento en 1899 de seu pai Luciano, o xurista de Curros Enríquez. Durante a súa curta vida, 'Picadillo' ía converter este pazo nun dos centros neurálxicos da cultura galega da época grazas ás frecuentes visitas de figuras da talla dos escritores Wenceslao Fernández Flórez e Emilia Parda Bazán ou dos pintores Germán Taibo e Manuel Abelenda. O de Oseiro, situado ao carón da igrexa parroquial, mandárao construír Constanza das Mariñas e, co transcorrer dos anos, ía pertencer aos Láncara. O de Figueiroa, mesmo foi Casa do Concello a mediados do século XIX. E o de Atínen Loureda, nobre fermosa construción d XVII, ofrece unha inequívoca imaxe do pazo galego por antonomasia e actualmente utilízase para celebrar eventos.

   Mais á parte dos citados por Carré Aldao, en Arteixo tamén existían outros pazos como o de Mosende, en Lañas, que aínda conserva un balcón de pedra e un patín que rememoran os tempos de esplendor do edificio; o de Villariza, en Pastoriza, lugar onde o mariscal Porlier argallou o Pronunciamento de 1815 na Coruña a favor da Constitucióno de Galán, en Oseiro, onde a día de hoxe continuamos admirando o seu gran pombal; o de Arixón, de situación incerta hai quen o sitúa no lugar de Corteo, en Monteagudo; o das Covadasen Sorrizo, antiga posesión dos Riobóo, Villardefrancos, Castro ou, entre outras estirpes, dos Figueroa; o do Fidalgo, no Igrexario de Sorrizo, onde destaca o pombal situado no muro de peche do recinto semellando unha torre; o de Cortiñas, na Lagoa; o de Gondreotamén en Sorrizo, propiedade da familia Pombo que tivo longa descendencia en Colombiacaso do poeta Rafael Pombo, máximo representante do romanticismo no país cafeteiro; ou o de Laxobre, fundado en 1646 polos cregos Fernando e Pedro Romay y Junqueras. Este pazo tiña unha capela dedicada a Santa Lucía, de aí a orixe da devoción a esta santa en Arteixo… concello no que, como acabades de comprobarabofé que houbo moita vida nos pazos!

 

AS TORRES DE FIGUEIROA

   E precisamente, falando de como era a vida nos pazos de Arteixo, hai unhas semanas, nos habituais mergulleos que un servidor realiza pola hemeroteca, na prensa da emigración galega en Cuba localizamos un artigo do ano 1894 que describe algúns aspectos das Torres de Figueiroa, edificio que mesmo fora a Casa do Concello en 1840, durante o mandato do alcalde Ramón Bermúdez de Castro, que era natural da vila de Regla (Cuba) e tiña domicilio en Sorrizo.

Panorámica actual das Torres de Figueiroa (Cortesía de Emilio Maceiras)

   O artigo en cuestión, da autoría do intelectual e artista galego Rafael Balsa de la Vega (Padrón, 1859-Madrid, 1913) é un verdadeiro tesouro etnográfico no que se fala, entre outras cousas, do oratorio que había no lugar con devoción a san Roque, da festa que se celebraba en Figueiroa polo san Roque, do ramo feito cunha enorme rosca de pan de trigo amasada con ovo, dun globo de papel lanzado do mesmo xeito que se fai cada ano en Betanzos na honra de san Roque, dun certame de regueifa... e dun longo etcétera que compartimos deseguido:

 

DESDE GALICIA
   Desde este rincón de Galicia, ignorado de los mismos gallegos, para que no lo sea de cuantos buscando alivio a sus dolencias, expansión al espíritu conturbado por la batalla ruda y diaria en las grandes capitales sostenida por la existencia, buscan lugares, descanso, quietud y sosiego para la mente, aires oxigenados y repletos de efluvios vitales, escribo, con varios días de retraso, esta crónica, dedicada exclusivamente, a dar cuenta de las fiestas que en una aldeílla se han verificado, junto al bravo océano emplazada, en medio de montañas abruptas, coronadas de pinares y tojales, a cuyos piés verdean plácidas y solitarias praderas, cerca del temible cabo de Finisterre, frente por frente a las Islas Sisargas, que a modo de gigantes marinos, asoman las peladas cabezas por entre las brumas oceánicas, bien para registrar la procelosa extensión de la gran masa salobre, bien para escuchar, entre el rumor de las ondas, los cánticos que a estas costas, altas por excelencia, traen en sus olas los vientos que de las escandinavas hasta ellos llegan.
   Os diré como se llama esta aldeíta, aun cuando, de cuantos estas líneas leais, probablemente la mayor parte seguireis ignorando donde se halla, se llama Figueiroa, pertenece a la parroquia de Santiago de Arteijo y dista de la Coruña unos 14 kilómetros. Es estación termal; pues en el fondo de uno de esos valles de los cuales os hablo más arriba, existen unas termas calientes, que afanos utilizan doscientos o trescientos bañistas, entre pobres y ricos, al cabo de la temporada. Pues bien, en esta aldea de Figueiroa, también ha habido fiestas, típicas, dignas de ser descriptas por quien manejase la pluma obedeciendo a la cuerda bucólica de la lira poética, tan a maravilla manejada como por el autor de Unha festa en Einibó o del de Soaces d´un vello.
   Las fiestas fueron en honor a San Roque. La víspera, uno de los caseros del señor d´a Torre, señor que a pesar de sus ideas democráticas, representa algo así como el señor feudal, subió a la citada casa d´a Torre, casa cuya construcción data del siglo XVI, y alrededor de la cual se vén agrupadas con sus respectivas huertas eiras e hórreos la vivienda de los colonos o caseros. Y subió el señor Borrasás que así es el apellido d´o tío Bernaldo, con su ramo de mayordomo de la función, para que lo viésemos cuantos en la señorial casa vivimos, y pudiésemos apreciar por el lujo y tamaño del ramo el gasto que se proponía hacer en honor del celestial abogado contra la peste.
   ¡Qué ramo! Yo os suplico que no os riais. Lo componía una enorme rosca de pan de trigo amasada con huevo; atravesando la rosca dos palos formando cruz cubiertos con papeles dorados; despues, otros mimbres describiendo una nueva circunferencia, llevaban colgadas roscas más pequeñas de huevo también, atadas con cintas de colores y por último en los extremos de las aspas de la cruz unas flores de papel picado, de colores chillones; en el medio de la gran rosca, una efigie de San Roque, pintada por mi, y copia exacta del San Roque de talla, que señalando con el índice de su mano derecha de madera, la pierna desnuda y llagada, hace un siglo se venera en el oratorio d´a casa d´a Torre.
   Y despues de celebrada la obra de arte del Sr. Bernaldo, y de apurados unos cuantos vasos de vino de la tierra, desde lo alto de la espaciosa solana se echaron hasta tres decenas de cohetes de tres tronidos y luces y media docena de bombas, un globo de cinco pesetas comprado en la Coruña; y las mozas y los mozos de la aldea, y de la Pedreira y de otros lugarcillos cercanos, bailaron al son de las panderetas y entonaron sus triados y pareados y lanzaron al aire sus aturuxos.
   Clareó el día de la fiesta. Las brumas del mar fueron retirándose a esconderse entre los acantilados de la costa: el cendal de finísima niebla que del río Brozo que fertiliza el valle, fué perdiéndose y desfumándose en el azul de turquesa de la atmósfera; los árboles y las praderas, y las zarzamoras, y las madreselvas brillaban cubiertas de titilantes gotas de orballo, cual si fueran sus hojas de rica pedrería; el mar, vestido de entensísimo azul semejaba un zafiro; allá en lo alto del vecino monte, sonaba el alegre tañido de la esquila de la parroquia, con el golpeteo del tamboril de la gaita, cuyos sonidos, a través de la distoncia, llegaban hasta la Torre salvando el valle; veíanse desde la solana, como hormigueaba la gente, las mujeres con sus pañuelos de colores brillantes, los hombres con sus paraguas rojos y azules, y mezclados algunos quitasoles y sombrillas de los bañistas que iban a las fiestas.
    Y a las doce o doce y media de la tarde, cuando el sol derramaba con fuerza sus rayos sobre aquel panorama de encantados tonos, de varia forma, de olorosas plantas, arrancando chispas diamantinas a la corriente del manso río Brozo, y aroma a los resinosos pinos y al tojo y a las plantas todas, las dos campanitas de la parroquial de Arteijo comenzaron a repicar locamente, con alegría de niños que en días análogos se visten sus cirolas mejores, sus zapatos nuevos, su chaleco de paño azul y su montera con madroños para ir a la romería, desde el balcón de nuestra casa, armados con gemelos y anteojos, mirábamos hacia allá. De pronto vimos formarse en el aire varias pequeñas nubecillas blancas que se disipaban, merced a la brisa de la costa, y a aquellas nubecillas suceder otras y otras. Al poco tiempo, llegaban a nuestros oidos los lejanos estampidos de las bombas, y con este sonido, la visión de un conjunto procesional. Relucía a las veces la cruz de metal de un estandarte blanco, y la capa roja de San Roque que flotaba a merced del viento; quedaba un trecho únicamente ocupado por apiñada multitud, cuyo rumor distinguíamos a las veces, cuando las ondas sonoras impulsadas por la brisa, venían en dirección de nuestra casa.
Panorámica actual das Torres de Figueiroa (Cortesía de Emilio Maceiras)
  Un cubo de cohetes se elevó en raudo vuelo a la altura de los montes vecinos a la iglesia: vimos marchar con pausa una mancha blanca, que a la distancia en que nos encontrábamos no pudimos apreciar al pronto pero que nos hizo comprender que sería la quietud repentina en que quedó la gente. Ya no había paraguas ni quitasoles que nos estorbaran la vista de aquel objeto, y pudimos ver que era el pálio1. Las señoritas de la casa d´a Torre, dirigiéronse al piano y a cuatro manos tocaron la marcha real haciendo duo a la que la gaita entonaba en el atrio de la iglesia de Arteijo; mientras tanto otra, con las criadas cubrían de rosas arrancadas unos momentos antes en el jardín, la efigie de talla de San Roque del oratorio; y el hidalgo-demócrata, señor d´a Torre, contestaban con los cohetes de allá, con cohetes.
  Terminó la procesión. Llegó la tarde. Abriéronse de par en par las puertas de la vieja señorial casa, y en aquel recinto amurallado, bajo la parra, al lado de la monumental fuente, con mascarones de musgosa piedra decorada, en la lira, enlosada, se establecieron en ringla las mesas de las vendedoras de rosolí, de caña, de anís, de siseñores, de roscas, de fruta; en mitad de la amplia era se colocó el salón de baile, sobre un carro el gaitero con un tamboril; en la extensa solana se pusieron bancos y sillas, y allí juntamente con los dueños de casa, estaban los bañistas distinguidos de los baños termales.
Fonte das Torres de Figueiroa (Cortesía de Emilio Maceiras)
    Despues del baile, a la caída de la tarde, comenzó el certamen poético, aquí con el nombre d´a regueifa. Luchaban para obtener el premio, consistente en una gran empanada de jamón y una mediana bota de vino, varios mozos y mozas. Entraron en lid, saludándonos con varios pareados, en los cuales se hacía elogios encomiásticos; después el motivo de los versos fué el de celebrar las bellezas de la fiesta, por último, celebrar las dotes poéticas de cada uno de los contendientes. El certamen duró hasta bien entrada la noche. Vencieron dos mozas, y galantes como lo son las mujeres gallegas, subieron a ofrecernos participación en el premio. Brindamos a su salud y a su hermosura; contestaron ellas en delicadas triadas. El señor d´a Torre entre aturuxos y vivas , y acompañado de su hijo, bailó con las vencedoras en las lides de Rosaura, la muiñeira, clasicamente tocada por el gaitero; la escena la iluminaban farolillos y fachucos. Terminada la muiñeira, se infló un gran globo; la operación fué llevada a cabo en medio de cánticos, aturuxos, cohetes y risas. Se cortó la cuerda, subió aquella máquina de papel y acompañáronle en la ascensión estalos de luces, pero a la mitad de la ascensión un estalo lo rasga y ¡cataplum! a todo correr cayó sobre el hórreo del mayordomo de la fiesta, señor Bernaldo de Borrasás.
   Quedara desierto el murado recinto de la casa, cuando nos trasladamos a la del citado mayordomo, para hacer los honores al banquete que tenía dispuesto. En el sobrado sobre aras de granos y tallos y mesas hechas con tablones arrebatados al mar, restos de embarcaciones en aquellas costas perdidas, veíamos fuentes enormes de jamón, de carne de vaca, de cerdo, de papas, de arroz con leite, de papas de millo con leite tambien. Bajo una de las mesas tres o cuatro cántaros de vino.
   Se bebió, se cantó, se comió.
   ¿Ustedes gustan? ¡A la salud de San Roque! Como acaba de decir el Sr. Bernaldo de Borrasás.
R. BALSA DE LA VEGA.
Figuero-Avila, Agosto 21, 1894.2

_________

1 Dosel portátil sostido por catro ou máis varas longas, baixo o cal vai o sacerdote coa custodia, unha imaxe relixiosa ou certas autoridades nas procesións ou cortexos.

2 Vid. La tierra gallega : periódico bisemanal de intereses regionales: Ano I Número 38 -, A Habana, Cuba, 7 de outubro de 1894, páx. 3.