CONTOS MARIÑOS DE ARTEIXO

A AVENTURA DA FRAGATA “FLORENCE” EN SORRIZO EN 1850

    O domingo 5 de xaneiro de 1851, o xornal El Heraldo de Madrid publicaba nas súas páxinas a curiosa e insólita aventura que protagonizara, uns días antes, a fragata inglesa Florence, unha aventura coa cal se inicia esta viaxe de máis de século e medio polo mar de Arteixo. Suban a bordo!

   A Florence era unha fragata de 800 toneladas que saíra, pouco antes do Nadal de 1850, de Liverpool cara a Africa con cargamento de ron e xenebra. Uns días despois de iniciar a singradura cara o continente africano, cando xa navegaba por augas galegas, veríase inmersa nunha borrasca espantosa, o mesmo temporal terrible que provocaría o naufraxio do Adelaide en Laxe, no que faleceran trece persoas, e o que levou ao buque francés Ville de Amiens a arribar no Parrote medio esnaquizado. Tras unhas horas infernais de loita co oleaxe, na que sufriría a perda do temón, a fragata inglesa quedaba sen mando e sen rumbo, moi perto da costa da costa de Arteixo, deixando o seu destino nas mans do mar enfurecido deses instantes. A tripulación, con pouca fe na salvación, agardaba irremediablemente o desenlace final, xa que vían como os fortes ventos reinantes do nordés empurraban cada vez máis á súa fragata cara as rochas dos alcantís próximos (probablemente entre Bens e Suevos).

Fragata inglesa de mediados do século XIX

    Mais por sorte, a dotación do vapor Montrosse, que facía a ruta de Londres a Vigo e que nese momento navegaba a súa altura, viu o que estaba acontecendo e, con toda urxencia, acudiu no seu auxilio. No rescate, onde non houbo que lamentar ningunha perda nin tampouco houbo feridos, todos os tripulantes saltaron a bordo do Montrosse, que os achegaría sans e salvos ata a A Coruña, dando naturalmente por perdida a súa fragata Florence.

    Despois duns días de estadía na cidade herculina, os náufragos embárcanse na goleta a vapor Villa de Madrid para regresar a Inglaterra. A bordo desta goleta e ao pouco de saír do peirao coruñés, os tripulantes albiscan a silueta dun veleiro no horizonte. A medida que se achegan, observan que cabecea coas velas totalmente esnaquizadas e sen rumbo. Móvese timidamente a impulsos do vento e do mar e aparentemente está baleiro, pois nada se move nin se escoita sobre a cuberta. Era un buque fantasma. O vapor, xa moi perto da posición do veleiro, aminora a marcha. Escoitase o renxer dos mastros dun xeito aterrador. A visión era arrepiante: un veleiro abandonado en alta mar. De súpeto, Guillermo Veale, o segundo piloto da Florence, recoñece a fragata e da unha voz tremenda: "á Florence, á Florence", dixo. "Quen quixera que me siga, que Deus a salvou e eu recólloa". Arriáronse con celeridade as chalupas do Villa de Madrid, despois de que a maioría da tripulación respondese á exhortación de Veale (a maioría, porque houbo mariñeiros, que ben por superstición ou ben pola pouca confianza que tiñan naquel buque fantasma, que fora capaz de capear o temporal durante varios días sen ningún home a bordo, decidiron seguir rumbo ás illas británicas na goleta a vapor) e unha vez a bordo da súa Florence, principiaron os arranxos para poder continuar a singradura cara a Africa.

    Mais infelizmente, ao pouco de reiniciaren a viaxe cara ao continente africano, experimentarían unha vez máis a situación angustiosa que viviran uns días antes, xa que novamente as adversas climáticas, voltaban a colocar a fragata en perigo, converténdoa nun xoguete do mar. A marexada empurrábaa cara ao oeste, cara a costa de Arteixo. Na procura desesperada dun lugar de abrigo, onde poder fondear e pórense a salvo, atopan por fin a enseada do Lourido, en Sorrizo, onde ante o perigo de embarrancar, largan as catro áncoras e agardan auxilio. Ao seu socorro non tardaría moito en acudir o vapor Península, mais non tería éxito no intento de remolque.

    As novas da situación da fragata chegarían de seguida á Coruña, onde a preocupación pola perigosidade do fondeadoiro no que se vía forzosamente retida, moi aberto ao Atlántico, era enorme, polo que o cónsul británico, Eduardo Santos, tentaba conseguir coa máxima urxencia unha balandra para unha nova tentativa de remolcamento.

Enseada de Lourido

    En Arteixo, a tripulación da Florence soportaría dous días aquela angustiosa situación, aínda que a preocupación e incerteza que estaban a vivir, de certo que non foi tanta despois de dar conta dalgún pipote de ron e xenebra que transportaban, e que probablemente compartiron con algún veciño de Chamín e Sorrizo. A balandra que xestionara o cónsul Santos aparece para dar remolque, mais terían que agardar dous días máis por mor do mal tempo.

    E cando por fin amainou o temporal, as dúas embarcacións levantaron áncoras para se faceren ao mar, poñendo rumbo ao porto da cidade herculina. Era o 31 de decembro de 1850 e ao Heraldo escribían o seguinte dende A Coruña:

     "A las cuatro de la tarde del día de hoy se hallaba la mar en completa calma; solo una lijera brisa de S.E. quebraba el terso cristal de las ondas que reflejaban en variados cambiantes el hermoso azul del cielo. La población, que dejaba sus hogares para disfrutar de tan apacible tarde, seguía como impulsada uniformemente de un deseo, no el trillado camino del cantón ni la alameda, sino las orillas del mar en toda la estensión desde los muelles hasta los pelamios. Qué fenómeno ocurría, que novedad se esperaba que así movía las masas en una misma línea, esto es lo que se ignoraba hasta que se fijaba la vista en el horizonte. Dos puntos se destacaban entónces, uno grande, negro como un cuervo marino, y otro blanco y alado como una gaviota; aquel pesado, perezoso, casi inerte; este ligero, voltegeador y lleno de vida. ¡La Florence, la Florence! gritaba todo el mundo, y así era. El navío entraba en el puerto, empavesado con mil banderolas, sin velas ni timón, flotando en su popa la bandera inglesa y a su costado la balandra protectora, que como su égida la amparó en los mares y la escoltó en el puerto. Al frente de la hermosa Florence iban seis lanchas de Mugardos y el vapor Vencedor de Ferrol, haciendo vigorosas fuerzas para arrastrar tan inerte masa, contrastando su pequeñez con la grandiosidad del buque. Parecían escarabajos arrastrando el nido de un águila, y la fragata era mirada por los numerosos espectadores como pudiera serlo una virgen que con el circo romano hubiese triunfado de la fiereza de los leones haciéndoles lamer su planta. Cuando lanzaron al mar las anclas de salvación, un grito universal se levantó de las cubiertas de todos los buques de la bahía, pobladas de gente de mar y tierra que agitaban al viento sus gorras de mil colores. ¡Dios había salvado a la Florence!

Enseada de Lourido
    O peirao estaba ateigado por coruñeses que querían ver de perto a chegada do buque fantasma, entre eles, probablemente, os recén casados José Pardo e Amalia Rúa que, uns meses máis tarde (16 de setembro de 1851), serían pais da súa única filla, a nosa xenial escritora Emilia Pardo Bazán.

   A fragata inglesa despois de dúas semanas infernais, descansaba por fin ao amparo da baía herculina. A balandra que conseguira o cónsul Eduardo Santos, desde que prestara os primeiros auxilios nas augas de Arteixo, ata que ancoraron no porto coruñés, non a abandonaría en nengún momento, co obxecto de gañar o premio que, polas disposicións vixentes na materia na Gran Bretaña, se concedía aos salvadores dun barco.

    Após uns días de estadía na Coruña, deixaba a cidade e poñía rumbo cara a Inglaterra, nación que nesa altura estaba inmersa na organización da primeira exposición universal da historia, que fora concebida para mostrar o progreso e as marabillas de todo o mundo. O príncipe Alberto, home da raíña Victoria, fora o principal promotor desta exposición que decorrería en Londres, no Crystal Palace, inaugurándose no día 1 de maio de 1851.

    Os arranxos dos danos da Florence demoraríanse máis do previsto polo que permanecerían na cidade tres meses máis. A tripulación, desesperada e farta de tanta espera, provocaría unha rebelión a bordo, situación que recollería o xornal La Época nas súas páxinas, no día 21 de marzo de 1851, ..."fueron conducidos a prisión cuatro marineros de la fragata inglesa Florence por sublevarse a la salida del puerto, negándose a continuar viaje a Africa".

  

OS TESOUROS DO VAPOR INGLÉS 'PRIAM'

 Se imos pasear polo areal de Sabón e botamos unha ollada cara a zona de Caión e de Malpica tamén podemos observar as Sisargas, unhas illas que, nos días soleados e de moita claridade, dá a impresión que mesmo as podemos tocar coa punta dos dedos ao tempo que respiramos a salitre oceánica. Pois ben, se trazamos unha liña recta imaxinaria, é doado comprender como os ventos e as correntes de mar trouxeron ata este punto do litoral de Arteixo boa parte do cargamento do Priam, un barco británico do que falamos deseguido que naufragou precisamente nas illas Sisargas nos primeiros días de 1889, hai agora exactamente 136 anos! 

Foto tomada no areal de Sabón en xaneiro de 2025. Ao fondo vemos algúns edificios de Caión e distínguese Malpica. Á dereita, as illas Sisargas, lugar onde naufragou o vapor Priam en xaneiro de 1889

    As persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle dediquei á investigación do naufraxio deste vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 que se fora a pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de 1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia. 

  Souben daquel barco por primeira vez grazas a Francisco Sanjurjo, Quico de Pichel, e a Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous veciños da miña aldea do Rañal que me contaron varias historias que nun principio, a dicir verdade, parecíanme inverosímiles. Quico e Adolfo falaban de moitas riquezas espalladas por toda a costa de Arteixo, dende reloxos de ouro e prata ata un baúl cheo de “estampas bonitas” de papel, como seica lles chamaba José Naya, o veciño de Sabón que atopara ese cofre no areal de Alba.

   Parece ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas, onde Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para prenderlle lume ao pote na lareira. Este home ía descubrir o valor real do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun coñecido. Puxéronse a falar das súas cousas e sacou unha desas “estampas bonitas” que tiña no peto para facer un pitillo.

   -Con esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van devolver cartos, díxolle este amigo.

   A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber que aquelas “estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos e queimaba para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras esterlinas!

   Quico e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiramente no Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo.

   Os dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século pasado, que todas estas riquezas eran dun buque inglés que naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.

Óleo do S.S. Priam subastado pola Caelt Gallery de Londres no 2013 (www.liveauctionneers.com)

   Todos estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome de inmediato cara a súa investigación e, na procura de máis informacións, empecei a consultar compulsivamente nos arquivos e nas hemerotecas, onde aparecerían novos datos.

   Ao mesmo tempo que escribía as primeiras páxinas dun libro no que pretendía recompilar todos estos contos, fun descubrindo a nube de misterio que había en torno a este naufraxio e o máis sorprendente: en Malpica, malia a ser un dos sinistros máis importantes acontecidos na vila ao longo da súa historia, a pouca xente lle soaba o nome do Priam. Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana, e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron quen de aportar datos de gran interese, dous homes que coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a transmisión oral mantivera vivos moitos dos feitos relacionados co naufraxio, grazas a que persoas como Adolfo Vázquez e Francisco Sanjurjo gardaban nun recuncho da súa memoria os contos que lles escoitaran, cando eran nenos aos seus devanceiros.

   Mentres seguía na procura de novas informacións do acontecido neste sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia da costa galega e os seus naufraxios. Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación conxuntamente, publicando con Edicións Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, libro no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de saber onde estaba a campá do vapor inglés.

   Uns meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto amaba lle segara a vida!

Acto de inauguración da placa en recordo de todos os protagonistas do Priam celebrado no paseo marítimo de Malpica o 11 de xaneiro de 2014. De esquerda a dereita, Fernando Patricio Cortizo, Xabier Maceiras e Paco Souto (La Voz de Galicia)
Placa situada no paseo marítimo de Malpica que honra a todos os protagonistas do naufraxio do Priam

  Cinco anos despois daquela presentación, o que escribe recibía a chamada do amigo Xosé Troiano, historiador e erudito do mundo das campás grazas a quen, ao fin, se completaba o crebacabezas do Priam!

-Xabier, vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!

-Sorpréndeme, Xosé!

-Sei onde está a campá do Priam!

-Non o podo crer!

-Está na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo! 

Campá do Priam na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, Vimianzo (Cortesía de Xosé Troiano)

   O lugar de Santa Cristiña é un interesante conxunto etnográfico no que, ademais de diferentes construcións como un antigo curro, hórreos ou a fonte milagreira, pódese ver a capela da que nos falou o amigo Xosé Troiano, capela na que se mantén vivo o culto á tradición agraria da zona. Agora só nos falta saber como chegou ata alí a devandita campá!

Ermida de Santa Cristiña situada na parroquia de Berdoias, en Vimianzo

   Grazas á coraxe e á valentía dos mariñeiros de Malpica, que puxeran en risco a súas propias vidas para salvar aos náufragos do vapor inglés, só houbera que lamentar a morte de nove das corenta e sete persoas que viaxaban no Priam, cinco pasaxeiros e corenta e dous tripulantes.

   Dos cinco pasaxeiros perderan a vida catro: o señor e a señora Derbyshire maila súa criada, Elizabeth Smith, os tres de Wigan, e a señorita Helen Clarck, que era de Liverpool. Os cinco tripulantes que morreron na traxedia das Sisargas foron a camareira e única muller da dotación do vapor inglés, Catherine O´Rourke; o tamén camareiro Arthur T. Bishop, con residencia en Londres; o cociñeiro G. Ledburn, de Liverpool, o 2º maquinista David Graham, de Manchester, e o médico australiano Sydney Ernest Holder.

  A prensa de Australia faríase eco de contado da morte do seu compatriota aínda que nun principio, tanto o Adelaide Observer coma o Melbourne Daily Telegraph apuntaban que o vapor sinistrado fora o Ehriam. Parecíalles pouco probable que fora o Priam dado que ese vapor, na súa última viaxe a Asia, voltando cara a Inglaterra, chegara o día 5 de decembro a Xibraltar con serios problemas nas máquinas. Mais os dous xornais, no que si facían fincapé, era de como tristemente se lle cortara a vida no litoral galego, con tan só 26 anos, a Sydney Ernest Holder, o fillo máis novo de James e Marta Holder.

  Sydney nacera en Adelaida o 22 de decembro de 1862, e era o irmán menor de F.W., naquela hora editor e propietario do Burra Record e que andando no tempo acabaría sendo primeiro ministro de Australia do Sur (https://en.wikipedia.org/wiki/Frederick_Holder); C.J., empregado no ferrocarril de Adelaida; e H.R., operador no Departamento de Telégrafos e un famoso cantante afeccionado. Curiosamente, en xaneiro de 2021, recibimos un correo electrónico dende Adelaida, Australia, de Phil Williamson no que entre outras cousas nos contaba que o médico do barco, Sydney Ernest Holder, era familiar seu! Gran sorpresa aquel mail que moito nos emocionou, abofé!

   Por se é do voso interese, as historias do naufraxio do Priam e as repercusións que tivo a carga do buque en Arteixo e noutras zonas da bisbarra, carga que o mar non paraba de vomitar durante as primeiras semanas de 1889, tédelas ao voso dispor no libro De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, traballo que Fernando Patricio Cortizo e un servidor publicamos con Edicións Embora no 2014, xusto no 125 cabodano do naufraxio.


 

O NAUFRAXIO EN SORRIZO DA LANCHA VICTORIA EN 1897

     Á unha da tarde do luns, 12 de abril de 1897, a lancha Victoria zarpaba do porto de Malpica cun cargamento de táboas de pino destinadas á fábrica de tabacos da Coruña, industria manufactureira que se puxera en marcha en 1808 e que naqueles últimos anos do século XIX acadaría 4.000 operarias nos diferentes traballos de elaboración e funcionamento da tabacaleira, a cifra máis elevada da súa historia.

Trincado Villa de Cedeira construído en 1898, unha embarcación de carga de características semellantes ás que tiña a lancha Victoria (Bernardo Máiz & Enrique Freire (2009): As embarcacións tradicionais. Do arco ártabro a Ribadeo, Edicións Embora, Ferrol, páx. 103).


    Tripulaban a embarcación o seu patrón e propietario, José Martínez, e os mariñeiros José Torrente, veciño de Pontedeume; Miguel Leira e Manuel Leira, de San Salvador de Maniños (Concello de Fene); Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón Vila, Evaristo Vila e José Fernández, estes dous últimos con domicilio na parroquia de San Martiño do Porto (Concello de Cabanas). Agás Miguel Leira, que contaba 52 anos, todos os demais eran mozos de 24 a 25 anos. Embarcaran tamén en Malpica con varios paxes de peixe, Dolores Garrido, Ramona Varela, Dolores Varela, Manuela Castiñeiras e Dolores Blanco, cinco mulleres que ían á cidade herculina a vender os seus produtos. Ramona e Dolores Varela eran irmás dun personaxe con sona na Malpica da época, o ilustre Ignacio Varela, tenor galego nado nesta vila mariñeira no ano 1864. (1)

Imaxe do tenor malpicán Ignacio Varela (Joaquín Martín de Sagarmínaga (2010): Mitos y Susurros. 50 años de lírica en España, Editorial Zumaque, Alcalá la Real, Jaén, páx. 135)


    Cando a Victoria zarpou do porto bergantiñán o tempo non era malo, mais ao pouco empezouse a notar un vento do nordés que non tardou en converterse en furacanado. Naqueles intres, cando navegaban por diante do litoral de Arteixo, caería ademais unha boa treboada que cubriría o horizonte cunha densa cerrazón. A viaxe principiaba a ofrecer gran risco, polo que o patrón decide poñer rumbo a Caión para refuxiarse neste porto.

   De minuto en minuto o vento era máis ameazador e o mar ía enfurecendo de xeito extraordinario, embarcando a Victoria gran cantidade de salseiros a bordo con perigo inminente de afundirse. Tanto José Martínez como o resto dos tripulantes facían esforzos inauditos para arriar as escotas, mais o vento derrubaba sobre cuberta os mariñeiros. A confusión a bordo era inmensa, tan grande como os esforzos en van dos seus ocupantes para gobernar a embarcación á que, nun dos seus acentuados abaneos, acabaríaselle correndo a carga sobre o costado de estribor facéndoa afundir nas proximidades da enseada de Lourido.

   
    Imposible describir o acontecido naqueles intres. Os nove mariñeiros e as cinco peixeiras de Malpica, que non tiveran tempo a darse de conta do naufraxio xa que viaxaban no camarote do patrón, irían nun abrir e pechar de ollos ao fondo do mar. Medios de salvamento a bordo non había, só unha pequena chalana de cabida para tres persoas que remolcaba a lancha de José Martínez. Deuse o caso de que nun dos primeiros golpes de mar a embarcación auxiliar ceibouse da principal e, tralo naufraxio desta última, quedou flotando ao garete a unhas trinta ou corenta brazas de distancia da Victoria. Os mariñeiros que foran quen de saír á superficie empezarían a nadar cara o casco da lancha naufragada que, ao envorcar, quedara coa quilla ollando o ceo. Todos menos dous chegarían a termarse dela mentres se mantivo a flote. 

   Tamén aparecerían dúas das mulleres. Unha delas logrou asirse a unha táboa e un dos mariñeiros, procurando salvala, apresurouse a xuntar varios taboleiros para formar, como malamente puido, unha especie de balsa que amarrou cunha corda. A esta mesma balsa, pequena e insignificante, subiríase tamén José Fernández, outro dos tripulantes que non fora quen de poñerse a salvo na quilla da Victoria, mais a ondada iríaa separando e xa non se volvería saber máis daqueles infelices, o mesmo que da maioría dos mariñeiros que permanecían asidos na quilla da lancha, que cando afundiu definitivamente desaparecerían con ela. Só se salvarían dous: o patrón José Martínez e o tripulante de Pontedeume, José Torrente. 

Enseada de Lourido

    O patrón, que aínda divisaba a chalana, naqueles momentos de angustia nadaría vigorosamente ata alcanzala. Estaba sen remos e sen toletes. Meteuse dentro e pouco despois escoitou, moi próximos, berros desesperados. Afundíndose ás veces e saíndo outras á superficie, viu, non moi lonxe, unha das peixeiras de Malpica. Tratábase da rapaza de 18 anos Manuela Castiñeiras, que estaba apoiada nunha táboa. Subiu a moza a bordo axudado polo mariñeiro Torrente, que nadara ata aquel punto, e a continuación os tres náufragos deixáronse ir impulsados polo vento e as ondas. Pola dirección que levaban déronse de conta de que non tardarían en esnafrarse contra As Corredosas, Valos Vellos, O Porto do Seixelo, O Rego do Xunco… é dicir contra as rochas do litoral de Sorrizo. En vista disto tentaron dirixirse cara Caión mais, cando querían poñer esa dirección na pequena chalana, era imposible xa que o mar rompía alí dun xeito impoñente. Terían que virar a sotavento e encamiñarse cara a enseada de Lourido, onde ao estar próximos a terra, como o arribo non era doado, Martínez lanzaríase unha vez máis á auga, para suxeitar a chalana e, entre el e o seu compañeiro Torrente, desembarcarían a Manuela Castiñeiras.

    Os tres náufragos superviventes chegan a pé a Caión, onde son auxiliados polas forzas de carabineiros e pola veciñanza, que os recollería nas súas casas. Pouco despois, coas primeiras luces do día, saen do porto caionés varias embarcacións comandadas polo patrón Martínez cara a costa de Arteixo, co obxecto de buscar máis superviventes. Á altura do Lourido fan todo tipo de operacións para atopar a Victoria e os corpos dos náufragos mais, despois de inspeccionar durante todo o día cada punto e cada palmo do litoral arteixán, os esforzos resultarían infructuosos.

    O que si atoparon foi unha gran cantidade de madeira que a lancha transportaba para a fábrica de tabacos. José Martínez, cando andaba á procura da súa embarcación, chegaría ata o areal de Sabón, onde xa había dous carabineiros que foran a pé dende Caión. Segundo as crónicas da época, na praia había infinidade de persoas “(…) que se dedicaban, burlándose de los carabineros, imponiéndoseles por la superioridad numérica, a recoger la madera e irla apilando o cargando en carros” (2).

    Aquilo resultaba verdadeiramente escandaloso. Cando viron o patrón, ou mellor dito, cando se enteraron que era un dos náufragos, asediárono a preguntas. Acerca do seu estado? Respecto ao número de víctimas? Nada diso. Preguntaban polos cartos que a lancha levaba; se estaban colocados nalgunha caixa; cal era o cargamento da embarcación; etc, etc. Martínez, "que es un mozo fornido y valiente" (3), de seguro que de non estar tan rendido faría pagar cara alí, a algúns dos presentes, a súa falta de humanidade e cobiza.

    Mais nada puidera facer. Uns minutos despois daqueles lamentables feitos presentábanse en Sabón dous carabineiros máis, os do posto de Pastoriza, a quen o patrón informou do que estaba pasando no areal. Unha vez souberon o que alí acontecía, os dous carabineiros de Pastoriza xunto aos outros dous de Caión empezaron a arremeter contra os crebeiros arteixáns, feito que lles darían a estos máis ánimos para tratar de acometer a acción das escasas forzas da orde. Os carabineiros, véndose en apuros, dispararon varios tiros ao ar e, a continuación, detiveron os propietarios dos dous carros que estaban ateigados dos taboleiros que pretendían roubar. 

Litoral de Sorrizo

    Tras este lamentable incidente, o patrón e o mariñeiro dirixíronse á Coruña e a moza Manuela Castiñeiras regresaría dende Caión a Malpica. José Torrente era a cuarta vez que naufragaba e que, por sorte para el, lograba salvarse. Martínez sería atendido na cidade herculina na casa do seu parente Ramón Casal, onde estaría durante varios días recuperándose do abatemento da traxedia na que faleceran sete mariñeiros e catro pasaxeiras; un patrón que tiña na lancha, gardados nun saquiño, 288 pesos que se cadra aínda permanecen nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico. Martínez tamén levaba un xiro dunhas mil pesetas endosado por D. Santiago Cachón á orde de D. Santiago Cabanillas, da Coruña.

   Unhas semanas despois do naufraxio a prensa galega da emigración informaba que “ (…) por ahora no se tiene noticia alguna acerca de los náufragos de la lancha Victoria, de Malpica, ni aparecieron los cadávares de las víctimas. Las pasajeras Dolores y Ramona Varela, que han perecido, eran hermanas del aplaudido tenor de ópera Ignacio Varela” (4).

(1)Ignacio Varela chegara a actuar en 1894 nas celebracións pola coroación do último dos zares, Nicolás II de Rusia. Coa súa muller, a tamén cantante Bibiana Pérez, viaxou ata San Petesburgo para interpretar Os pescadores de perlas, a ópera de Georges Bizet, no Teatro Imperial. Ao ano seguinte, “o noso Plácido domingo”, volvería facer historia para o canto galego ao estrear en La Scala de Milán a ópera de Enrique VIII e con posterioridade, nos mellores anos da súa carreira artística, tamén actuaría en Roma con La Traviata, ao lado dunha das figuras da época, a soprano Gemma Bellincioni. Nado en Malpica no ano 1864 e fillo dunha humilde familia de mariñeiros, tras emigrar a Cuba, Ignacio Varela voltaría a Galiza, onde casa coa soprano Bibiana Pérez e, ao deixar a súa carreira musical no ano 1901, o matrimonio funda na Coruña unha escola de canto pola que pasarían algunhas intérpretes ilustres como a soprano coruñesa María Luísa Nache, que chegaría a interpretar Medea de Cherubini en La Scala de Milán xunto á célebre María Callas. Ignacio Varela, que falecería en 1923, investira gran parte das ganancias como tenor na súa vila natal, ao montar unha fábrica de salgadura de peixe. Ademais, tamén tiña en propiedade dous pesqueiros, La Conchita e Arturo.

(2) Vid. La Opinión : diario de Pontevedra, 18 de abril de 1897, páx. 3.

(3) Cfr. Ibidem.

(4) Vid. El Eco de Galicia, Buenos Aires, 20 de maio de 1897, páx. 6.


O NAUFRAXIO DUNHA PEQUENA EMBARCACIÓN PESQUEIRA EN SUEVOS EN 1898

   
En novembro de 1898, moitas familias galegas agardaban con incerteza a chegada dos repatriados do Caribe. España perdera a Guerra de Cuba cos Estados Unidos e o Tratado de París, apenas pendente de sinatura (realizaríase o 10 de decembro), obrigaba a renunciar aos seus dereitos en Cuba, Porto Rico e nas Filipinas. Terratenentes, administrativos, exército e clero deixaban as últimas colonias do Estado español en ultramar e embarcábanse cara a Península. Durante as viaxes de retorno, as travesías polo Atlántico nos vapores "Alicante", "Conde Wifredo", "Covadonga", "Isla de Luzón", "Isla de Penay", "Montserrat", etc., foron aterradoras, xa que houbo numerosas defuncións a bordo, e os que chegaban, facíano nun estado de saúde lamentable, envellecidos polas doenzas, a fatiga e a fame ou, mutilados pola metralla. Antes e durante a guerra, estes navíos que chegaban de Cuba e de Porto Rico, coa finalidade de evitar a propagación do vómito negro e da febre amarela, tiñan que someterse ao rexime de cuarentena que, na Coruña, se cumpría no lazareto de Oza.

Lazareto de Oza

    Os lazaretos eran hospitais ou instalacións similares, máis ou menos isoladas, que estaban situados a carón dos portos das cidades costeiras, onde se trataban doenzas infecciosas e se tiña en observación ás embarcacións, mercadorías e pasaxeiros procedentes doutros países contaminados ou sospeitosos de contaxio. O de Pedrosa en Santander, o de San Simón en Vigo e o de Oza, foron os de maior importancia na Península durante esta época, mais pouco despois de finalizar a guerra e coa perda das colonias, desaparece o rexime de cuarentena e en consecuencia, cesarían de funcións estes hospitais.

   O "Conde Wifredo", un dos vapores que chegou á Península ateigado de repatriados, pasaba á altura da Punta Lagosteira pouco antes das seis da mañá do día 12 de novembro de 1898. Viña de facer singradura por Nova Orleans, A Habana e o Porto Rico e, comandado polo capitán Adraca, dirixíase cara a Coruña despois de catorce días de navegación. Levaba a bordo 282 pasaxeiros, moitos deles militares de alta graduación que chegaban acompañados das súas familias, e 120 viñan destinados ao porto herculino. Na patente da Habana, expedida o 25 de outubro, maniféstase que o estado de saúde pública do porto é satisfactorio mais que acontecen, porén, casos de febre amarela, polo que o barco, ao chegar á Coruña,non é admitido a libre prática, tendo que ficar dez días en cuarentena no Lazareto de Oza.

   Pouco despois de que o "Conde Wifredo" pasase á altura de Punta Lagosteira, as inclemencias metereolóxicas ("...continúa desapacible y desigual, lo mismo que los aspirantes á regenerar el país en medio del caos político en que nos hallamos", informaba ese día sobre o tempo un xornal coruñés) e o mal estado do mar, dificultaban o traballo aos mariñeiros das pequenas embarcacións pesqueiras que faenaban nese punto. Unha delas convertiríase na triste protagonista, nas edicións do domingo 13 de novembro, dos principais xornais da época, despois de que estes se fixesen eco do infortunio que sufriran os seus tripulantes:

Pequena embarcación pesqueira a finais do s. XIX

"Ayer a las ocho de la mañana se hallaban pescando percebes cinco hombres tripulando una pequeña embarcación en el punto denominado Cabo Langosteira, situado a cinco millas al O. (legua y media) de la torre de Hércules). Un golpe de mar hizo zozobrar la embarcación y todos los tripulantes cayeron al mar. El patrón fue quien consiguió ganar a nado la orilla, y medio desnudo subió a un monte próximo y comenzó a demandar auxilio. Se lo prestó una embarcación que se hallaba algo distante tripulada por cuatro hombres, acudiendo al lugar del suceso. Allí pudieron salvar a dos de los tripulantes del bote náufrago que se mantenían asidos a la quilla del mismo. Manifestaron los dos infelices que los otros dos compañeros habían ya desaparecido entre las olas. Los tripulantes de la embarcación naufragada son del lugar de Suevos, inmediato a Arteixo. Los salvados se restituyeron inmediatamente a sus casas en el mismo bote que los recogió. Se llama este el "San José", lo patroneaba José Sánchez Sánchez, y es de Riazor. Por la Comandancia de Marina se pidieron detalles del naufragio y nombres de los perecidos y salvados".

  O martes 15, os xornais daban máis información do sinistro de Punta Lagosteira e informaban tamén, da morte dunha pasaxeira do "Conde Wifredo":

"Los dos infelices marineros naturales de Suevos que perecieron ahogados uno de estos últimos días en las inmediaciones de la Torre de Hércules, llamábanse Benito Patiño Vázquez y Matías Lorenzo Martínez. Eran casados, y tenían 40 y 37 años, respectivamente. Deja cada uno de ellos cinco hijos de corta edad. Los marineros que lograron salvarse llámanse Antonio Villaverde, Domingo Villaverde y Rosendo Martínez Vázquez".

"En el lazareto de Oza falleció uno de los pasajeros que allí desembarcaron del vapor "Conde Wifredo". Fué una mujer la fallecida; llamábase María Cuberto y Casanova. Estaba casada, pero no se conoce el nombre de su esposo ni el de sus padres. Tenía la finada 28 años. Falleció de hepatitis. Recibió sepultura en el cementerio del lazareto".


O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN “TRIER” EN SUEVOS EN 1902 (1ª parte)

   Nas primeiras horas da tarde do 6 de xullo de 1902, nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumoreábase que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara preto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", noticias que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser domingo.

 

Debuxo do "Trier" embarrancado en Suevos (El Noroeste, 8 de xullo de 1902)

    Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen, cidade na que estaba matriculado, para facer singradura cara á Habana e Veracruz con cincuenta e catro tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba); e Óscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana; e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana.

    Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo, e no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cemento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para envurullar, mais tamén levaba vaixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura, queixos, cervexas e un longo etcétera.

 

El norte de Galicia, 7 de xuño de 1902

    O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen. Tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu cargamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. As súas dimensións eran de 308 pés de popa a proa, 42 de manga, 50 de puntal e tiña un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo. Fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.

    O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumores que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se espallou a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretar o punto exacto do sinistro…“detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda1, naquela hora tamén coñecido como Pena dos Corvos, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián.

 

Illote da Gaianda. Ao fondo, Lagosteira

   O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa néboa existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con brétema é doado confundilos. Foi así como o "Trier" embarrancou nas rochas da Gaianda provocando un gran estoupido. 

 

Imaxe tomada no litoral de Suevos na que vemos o Monte de San Pedro e, ao fondo, o Cabo Prior

   Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, xente que se ía achegando ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas2. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose:

    -"Eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Ghallandra. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo! Pero veñen tolos ou borrachos! Porque só así se explica! A néboa era pechada, pechada de veras, pero ben se vían as penas, e ademais este nen é rumbo nen é nada! Sentín un tumbo moi grande. ¡Madre de Dios! No vapor deron en berrar, en tocar os chiflos... Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como bruaba o barco. De noite, cando alá na miña casiña apenas podía pechar ollo, sentía como o demo este bruaba, bruaba...3"

    Enrique Bello, outra das testemuñas e veciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver de fronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico. Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda. 

 

Mapa da localización do embarrancamento do "Trier" (El Noroeste, 8 de xullo de 1902)

   As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegaron máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, deseguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Está abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu esa posibilidade, agardando que o "Trier" puidera continuar viaxe.

    Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.

 

Fábrica de mistos Zaragüeta na Coruña (https://www.facebook.com/FotosAntiguasDeCoruna)

   No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas ata que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido, apreciándose a sacudida que imprime.

   Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. 

 

Panorámica dos Picos de Nostián dende o litoral de Suevos

  Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposible continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis preto.

   Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chégase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá manda arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posible facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.

    O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetería, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posible por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. 

 

Panorámica do illote da Gaianda, lugar onde embarrancou o vapor alemán "Trier" en xullo de 1902

   Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inútil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico (México), e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega ata A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.

(...CONTINUARÁ)

_________________

1 Tamén hai quen lle chama A Ghallanda, A Ghaianda, A Ghallandra ou A Gallanda.

2 Arma antiga semellante a unha escopeta co canón moi longo e a culata decorada.

3 Vid. La Voz de Galicia, 8 de xullo de 1902.

 

 O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN “TRIER” EN SUEVOS EN 1902 (2ª parte)

 O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento encontrábase en Xibraltar. 

 

O vapor alemán "Trier" embarrancado en Suevos (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32)

   Continuaban chegando infinidade de persoas ata o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e nas de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrentar aos raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba!

   Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións ateigadas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto puidesen. Este feito ía provocar que o día 11 de xullo foran detidas dúas embarcacións cargadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz.

   Outra das embarcacións que rondaba preto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado.

-"Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros.

   Un deles, José Noya, que estaba moi preto da "San Francisco", dispara un tiro por enriba da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vázquez e o rapaz Basilio Freire1. Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron e posteriormente varios homes do barco deixaron a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas. 

 

Panorámica da praia de Bens a principios da década dos 60, antes da construción da refinerería (Ángel Blanco)

    O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notable. Visto isto, era comprensible que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.

    O domingo, 13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa"2. O seu capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban ata os almacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.

    O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", volta a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".

   Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).

   O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.

    O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nin un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.

 

Panorámica actual do illote da Gaianda

    En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galicia e Alemaña.

   Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había.

   Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, ata que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos.

   As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tal destrozo no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.

   O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), parten para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".

   Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciábase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbao, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.

(...CONTINUARÁ)

 

 ___________________

1 Unha bala atravesou a perna dereita sobre o xeonllo de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio.

2 Hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival fora o Football Club Coruña.

 

 

 O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN “TRIER” EN SUEVOS EN 1902 

(3ª parte e fin)

As doce da mañá do martes, 9 de setembro de 1902, comezaba no consulado de Alemaña na Coruña a poxa polo vapor alemán “Trier”, embarrancado en Suevos a principios de xullo. O prezo de saída de 25.000 pesetas, considerado baixo polos comisionistas, axentes de negocios e representantes de casas de Bilbao, Cádiz e Vigo, ía provocar unha gran expectación no consulado, edificio no que se deron cita ata un total de 49 persoas. Durante máis de unha hora, foron moitas as cantidades en pugna, mais finalmente adxudicábase o navío como mellor ofertante a José Teijeiro por 110.500 pesetas. 

   Nese mesmo día, Teijeiro organiza os preparativos para o desmantelamento do “Trier”, un vapor que naquel intre xa estaba en moi malas condicións. Teijeiro contrata cuadrillas de obreiros (principalmente carpinteiros), a lancha de vapor “María Pita”, que xa participara nas tarefas de transbordo da carga do buque alemán, e dúas gabarras para o traslado dende A Gaianda ata a baía coruñesa das máquinas, ferros e outros materiais do despezamento.

 

Panorámica actual do illote da Gaianda

   O barco mostraba un aspecto desolador. No seu interior non quedaba nada, nin unha peza de roupa, nin sabas, nin manteis, nin panos de mesa. Da vaixela de primeira clase non quedara nin un prato, nin unha copa, nin unha culler, nin un coitelo...e a da segunda e terceira clase, o mesmo.

    Os mobles tamén voaran. Tan só quedaran os que non se podían transportar facilmente. Polos corredores adiante podíanse ver algúns lavabos deitados no chan, embrullados en colchonetas e amarrados con cordas, evidentemente preparados para “a fuga”, mais certamente faltou tempo para levalos.

    Na máquina do vapor tamén se advertían en todos os aparellos as pegadas dos ladróns, que ademais arrancaran grandes anacos de canalizacións de cobre. E polo demais, non deixaran nin cabos, nin motores… nada de nada. É de supoñer que, cando se enteraron de que o “Trier” ía ser vendido, houbo como unha febre masiva por apoderarse dos últimos obxectos de valor do barco embarrancado na Gaianda.

 

O vapor "Trier" embarrancado na Gaianda (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32)

   A urxencia do desmantelamento era grande por causa do inverno, polo que as cuadrillas contratadas por José Teijeiro comezan a traballar decontado, concretamente o xoves 11 de setembro. Neses días o mar non tiña acougo e rompía con forza contra o casco do “Trier” e as acometidas oceánicas contribuían a facer máis rápido o seu desmantelamento. Os carpinteiros, a golpe de machada e de escoupro foron retirando a tolda do navío, a obra morta1, a cuberta, os camarotes, sollados, etc. Cando finalizaron, outra cuadrilla de obreiros comezou a retirar a máquina, os paus, a cheminea… O desmantelamento do navío continuaría durante todo o mes de outubro.

    Ao longo dese mes de outubro tamén se foi vendendo en poxa parte da carga que o “Trier” levaba nas adegas con destino ao continente americano. Sirvan de exemplo estos dous anuncios publicados na prensa da época:

 

El Noroeste, 4 de outubro de 1902

El Noroeste, 22 de outubro de 1902

    Nos primeiros días de novembro, as inclemencias metereolóxicas complicaban notablemente os traballos de despezamento que se estaban a facer no vapor alemán, chegándose a vivir situacións de moito risco e moi angustiosas nas dúas gabarras e na lancha “María Pita”. Deste xeito, na mañá do día 7, o forte mar de fondo estivo a piques de provocar unha terrible desgraza en Suevos, xa que esnaquizou por completo contra as rochas do que hoxe é a “Cheirona” unha das gabarras que contratara José Teijeiro. Infelizmente, poucas horas despois, a outra gabarra, que estaba ateigada de obxectos, ía tamén a pique tan só uns minutos máis tarde de bater bruscamente co casco do “Trier”. No momento do suceso, nesta gabarra traballaban varios obreiros, salvándose milagrosamente todos eles ao agarrarse á escada do barco alemán que estaban desmantelando. Un deles, José Babío, non foi esmagado por un tris, pois o seu corpo quedara posicionando xustamente entre a devandita gabarra e o casco do “Trier”.

 

Obsérvese á esquerda da imaxe o illote da Gaianda e, á dereita, as instalacións da chamada "Cheirona" de Suevos

     O desmantelamento ía continuar ata que o armazón do vapor quedou ao ar, sen unha prancha e sen un parafuso. E xa nos primeiros meses de 1903 podíase ver a Gaianda como se pode ver na actualidade, como se non tivese acontecido nada alí, como se todo fose un soño…

    Curiosamente, o nome do vapor alemán ía ficar na toponimia do litoral de Suevos ata os nosos días xa que a furna existente xusto en fronte da Gaianda, a mesma na que a ondada acumulaba moitas das cousas que a tripulación do buque tiraba ao mar, aínda aparece nos mapas como “Triel”. A longa transmisión oral ocupouse de deturpar o orixinal “Trier”.

 

No mapa podemos ver sinalados o illote da Gaianda e O Triel e na foto, cunha frecha, a zona da Furna do Triel

Panorámica da Furna do Triel, que debe o seu nome ao embarrancamento na zona en 1902 do vapor alemán "Trier"

FIN

___________

1 Parte do casco dun barco que está encima da liña de flutuación.

 

O MANCO DE SADA E O NAUFRAXIO NO RAÑAL DA RAPETA “SAN JOSÉ” EN 1912

    Dúas das webs que visitamos con bastante asiduidade na rede son www.patexeiros.org e memoriadesada.com, que levan tempo traballando dun xeito admirable no arquivo fotográfico da vila de Sada e na recuperación da historia do municipio. Neses espazos virtuais, podemos ver fermosas imaxes antigas que nos conducen ao noso pasado máis recente, imaxes como a de Xosé María Pena Rey, un vello mariñeiro da localidade que era coñecido polo alcume de Xorxe o Manco. A pé de foto desa instantánea, que foi tomada no porto de Sada en 1946, aparece unha pequena homenaxe de Lina, unha das netas de Xorxe, que recorda ao seu avó do seguinte xeito:

    “El era o meu avó, viudo con 39 anos (a muller morrera na epidemia da gripe) e con seis fillos. Unha boa persoa. Perdera o seu brazo no mar, o que non lle impediu seguir traballando de mariñeiro, non quedaba outra. Todo o seu capital era o seu corpo e o mar. Coa axuda dos seus sogros quitou os fillos adiante. A pesar de todo era alegre e divertido. Como bo mariñeiro tamén lle gustaba unha copa de caña ¡ou duas! Historias coma a del houbo moitas naquel tempo pero case sempre lle tocaba vivilas ás mulleres. A miña homenaxe e cariño a meu avó e a todos os que coma el loitaron para que nos o tiveramos máis fácil. Un día viña de traballar do mar e atopouse con un rapaz de 18 anos, preguntoulle se podía quitarlle unha foto e díxolle que si, e aquí está, esta preciosa instatánea. Isto contoumo o fotógrafo que lla fixo, sesenta anos despois. Este era Miguel Noya Moneró, profesional en Madrid e de xente de Sada. A súa casa é a antiga tintorería da Tenencia. Síntome moi orgullosa de meu avó, sin capital ningún pero sempre con unha sonrisa, o pitillo de picadura colgado da boca e cantarexando”.

Xosé Mª Pena, o manco de Sada (memoriadesada.com)

    Pois ben, o curioso do conto é que a día de hoxe, moitos anos despois de ser tomada a instantánea da que nos fala Lina, en Arteixo aínda hai xente que se lembra de seu avó Xorxe, que era coñecido por estas latitudes polo alcume do Manco de Sada, xente coma Carmen Nión, nena do lugar de Sabón de finais da década dos cincuenta que hoxe desfruta da súa merecida xubilación e que garda na súa memoria algún conto que escoitaba na súa casa… “meus pais dicían que lle faltaba un brazo e que viña por Sabón a buscar xente para axudar a tirar das redes; despois dáballe peixe aos veciños da aldea”.

    Carmen Nión referíase ás redes da rapeta, unha arte de pesca semellante ao boliche e á xávega, que mestura o cerco e o arrastre e que se facía dende as praias. O mariñeiro e poeta Xosé Iglesias comentounos que a rapeta era… un aparello que agora non se utiliza porque está prohibido. Arriaban a rede dende terra, dende as praias, e cunha chalana extendíana. Logo, no outro extremo, tiraban do aparello para cercar o peixe dende os areais. É dicir, o aparello estaba en terra, un extremo collíao unha embarcación que ía vogando e cercando o peixe facendo coma un semicírculo e, despois, chegaba con ese extremo á outra parte do areal, onde agardaba moita xente, incluso con animais, para tirar do aparello ateigado de peixe cara a terra. Noutros puntos do litoral galego, coma en Fisterra chamábanlle a “arte”.

Istos aparellos eran, segundo o sadense Emilio Santos, os que enchían con fartura os píos das fábricas de conservas e salgadura. O mesmo cercaban sardiña, parrocha, bocarte, xurelo, xarda, robaliza, calamar... todo o que entraba no saco. Largaban os aparellos mesmo de noite que tamén polo día. De noite, ao arder as aguas, os mariñeiros coñecían a crase e cantidade de peixe que había en cada punto do litoral polo que pasaban. Cunha choupada que se dese, se había peixe, acendíase as aguas do mar, intre que se aproveitaba para facer o lance. De día, o cerco facíase cando o mascato, o aro ou a gaivota ceibábanse dende o alto do ceo ao mar. Así, grazas aos paxaros que voaban sobre a zona, era como os mariñeiros situaban o arreallo ou mansío.

Andando á rapeta (patexeiros.org)

    A relación do Manco de Sada co litoral de Arteixo xa viña de moitos anos atrás. Viaxando na máquina do tempo chegamos ata a madrugada do 28 de maio de 1912, día no que unha nova traxedia mariña tinguía de loito esta parte do Atlántico. Falamos do sinistro da súa pequena embarcación “San José”, naufraxio do que daba cumprida conta dous días máis tarde o xornal La Voz de Galicia co seguinte artigo: 

ACCIDENTE EXTRAÑO. UN HOMBRE MUERTO Y OTRO HERIDO
A las cinco y media de la mañana de ayer encontrábanse pescando en el punto denominado Sabón, cerca de Caión, Manuel Taracido Orco, Juan López, Nicolás Gómez y José Manuel Pena Rey, tripulando un bote que este último patroneaba. Un fuerte golpe de mar cogió atravesada la embarcación, haciéndola zozobrar, y quedando con la quilla al sol. Tres de los náufragos fueron recogidos por otra embarcación que próxima al lugar del suceso pasó a los pocos momentos del accidente. Otro de los tripulantes, el joven Nicolás Gómez, desapareció de la superficie, sin que se le hubiera podido prestar auxilio. El infeliz, que apenas sabía nadar, pereció ahogado. Tenia diez y seis años y habitaba en la villa de Sada con su familia. El patrón del bote también resultó herido gravemente.
Acerca de este suceso hay otra versión que reviste gravedad. Se dice que hallándose los cuatro hombres pescando con dinamita, uno de los cartuchos hizo explosión á bordo, matando al Nicolás Gómez, e hiriendo gravemente al patrón. La cosa no debe ir fuera de camino, cuando el patrón según dice un oficio de la Ayudantía de Marina de Sada recibido ayer en la Comandancia del puerto se encuentra en esta capital, sin duda curándose aquí para eludir la acción de la justicia. Al patrón le falta una mano que ya perdió en otra ocasión, cuando se encontraba pescando en la misma forma.

  Outro dos xornais da época, La Correspondencia Gallega, na súa edición do 31 de maio de 1912 informaba o seguinte:

EXPLOSIÓN EN UNA LANCHA.
Dicen de la Coruña que una lancha pescadora del puerto de Sada, a poco de salir para las faenas pesqueras, sufrió un accidente debido al uso de la dinamita. Cuando uno de los tripulantes, un muchacho de 16 años, llamado Nicolás Rodríguez, se disponía a echar un cartucho al agua, estalló este en sus manos dejándolo muerto en el acto y horriblemente destrozado. La explosión irió de gravedad al patrón de la embarcación, un tal José Pena, que hace ya tiempo había perdido una mano al pescar con dinamita. La lancha quedó destrozada y el resto de la tripulación pudo salvarse. Al propio tiempo que se lamenta la desgracia ocurrida, se censura vivamente la escasa vigilancia que se ejerce por las autoridades sobre este sistema de pesca que tanto daño causa en todos los órdenes.

     O 7 de xuño, unha semana despois do sinistro acontecido á altura dos areais de Alba e Sabón, aparecía na Furna das Corveiras, hoxe sepultada polo cemento do Porto de Punta Langosteira, o cadáver do mariñeiro Nicolás Gómez (…) cuantas personas, que no fueron pocas, desfilaron por ante el cuerpo, no han podido identificarlo. Hay que advertir que el cadáver está muy desfigurado. Se ordenó, en vista de todo esto, al juez de Arteijo que practique activamente cuantas diligencias de averiguación estime convenientes. Parece que se trata del joven Nicolás Gómez que pereció ahogado días pasados, en el naufragio de la lancha San José. El activo juez de causas de la Comandancia de Marina, Sr. Lacaci, se trasladó ayer mismo al indicado punto, con el fin de proceder al levantamiento del cadáver, y practicar las demás diligencias”.

   Tras aquel sinistro a vida de Xorxe, o Manco de Sada, non sería doada. A gripe de 1918 segaríalle a vida a súa muller deixándoo viúvo e con seis criaturas que sacaría adiante co seu duro traballo no mar e coa axuda de sus sogros. Como di a súa neta… “perdera o seu brazo no mar, o que non lle impediu seguir traballando de mariñeiro, non quedaba outra. Todo o seu capital era o seu corpo e o mar”.

   Rematamos con outra homenaxe, a escrita polo seu neto uruguaio José Javier García Pena:

El Remiendo
A José María Pena Rey, “Xorxe o manco”, mariñeiro
Ahí estás. Para siempre. Desafiando a la mar, tu salobre despensa.
Joaquín Sorolla veraneaba, rescatando luces, en Valencia, lejos de las rías.
Hemingway, en Madrid, Pamplona y Cuba, se emborrachaba de toros, mujeres, redacciones y ron caribeño.
¡Galicia le quedaba tan trasmano…!
Patxi Andión, por no apurarse a nacer, se perdió el mejor poema de mar.
Los tres retratistas te disputarán para modelo de sus artes.
Te inmortaliza la inteligente mirada de Noya Moneró.
Pero, ¿quién, quién, cantará la ausencia de tu mano, la gravedad de tu enronquecida voz?
Soy nadie, pero gallego. Y yo lo haré; préstame tu acento.
Y cantaré a tu única mano y a tu muñón temido.
Yo canto a esa mano, perdida, mar adentro, el mismísimo día en que ganabas, en la ribera, tu segunda hija.
Canto a tu gastada camisa azul de faena, con sus bolsillos olorosos a tabaco y pedernal.
Canto a aquel eterno pitillo colgando de tus labios. A tu pelo cano. A tu cara, ríspida de barba.
Canto a las honradas manchas de tu ropa de fajina, impregnada de olor a linaza y brea.
Pero, sobre todo, canto a tu pantalón, nuevo antes de la guerra, luciendo, ahora, la condecoración al trabajo, que tiene forma de remiendo en tu pierna derecha.
Canto a las manos que inventaron ese retazo de amor en tu rodilla, las mismas que zurzieron fondillos infantiles; las manos de tu hija mayor.
Canto a la madre que me diste… abuelo.

 

 

15 de Agosto de 2013
José Javier García Pena de Sada- Uruguay


O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO “ANTOÑITA” ACONTECIDO NO LITORAL DO RAÑAL EN 1921

    Patroneada polo seu propietario Felipe Prado e cunha dotación de vinte mariñeiros, a tarrafa de vapor “Antoñita” saía da enseada do Parrote cara o Cabo Prior ás cinco da madrugada do 29 de abril de 1921 á pesca da sardiña. Despois de navegar durante boa parte da mañá pola zona de Ferrol e sen fortuna na pesca, optan por dirixirse cara as Illas Sisargas mais, naquelas inmediacións, a sorte tamén lles é adversa. Pasado o mediodía, cando xa determinaran retornar ao porto herculino, albiscan un banco de sardiña ao que seguirían con rumbo a Punta Langosteira.

Pesqueiros no Parrote (Arquivo do Reino)

    A “Antoñita” navegaba a pouca marcha. Felipe Prado decidira minorar a velocidade para non malgastar o vapor; sabía que despois de traballar a un ritmo alto durante case oito horas a caldeira non podía estar nas condicións máis óptimas. As súas sospeitas confirmáronse cando viu na cuberta ao maquinista Antonio García Pan. Eran as 12:40 horas e navegaban á altura do Rañal, a unhas tres millas da costa. Naquel preciso momento no que García lle advertía ao patrón do mal estado no que se encontraba a caldeira, unha subida repentina da presión desta provoca a súa explosión e manda os vinte mariñeiros para o aire!

    O enorme estoupido escoitaríase en varios lugares de Arteixo, e tamén o oíron os sete tripulantes da pequena lancha pesqueira “Antonia”, con matrícula de Caión, que se encontraba a unhas dúas millas da “Antoñita” pescando abadexo. Francisco Morgade, o seu patrón, logo de sentir a explosión ordenou recoller as redes para ir, xa a seguir, en auxilio dos náufragos, saíndo cara o lugar do sinistro a forza de remos e a vela.

    Manuel Morlán, Ricardo Solla, José Vilariño, Manuel Meilán, José Sánchez, Enrique Flores, Francisco Díaz, Ángel Suárez, Antonio García Pan, José Núñez e José Vázquez, foron os once náufragos sobreviventes, quenes agardaron auxilio nadando e suxeitos a pranchas de madeira dos restos da “Antoñita” ata aproximadamente as 14:00 da tarde, hora na que chegou a pequena embarcación de Caión para socorrelos.

   A bordo do “Antonia”, os náufragos, aterecidos polo frío e coas roupas enchoupadas, pedíronlle a Francisco Morgade que os achegara ao Portiño, en San Pedro de Visma, onde desembarcaron pouco antes das 16:00 horas. Ao chegar, a veciñanza deste lugar, cun comportamento exemplar, rivalizaban nas axudas aos once sobreviventes da traxedia e tamén aos sete tripulantes do pesqueiro caionés, facilitándolles roupas e todos os obxectos que precisaron, así como bebidas alcólicas e quentes. O maquinista Antonio García Pan e o fogoneiro José Vázquez Núñez, por causa da gravidade das queimaduras, serían conducidos de inmediato nun coche de punto, acompañados por algúns veciños do Portiño, ata o Hospital da Caridade, onde o médico de garda, doutor Rodríguez, despois das primeiras curas, daría un prognóstico alentador das feridas dos dous homes.

   Os outros nove sobreviventes da “Antoñita”, tras agradecer as atencións humanitarias á veciñanza de San Pedro de Visma, encamiñábanse cara a Santa Lucía e Perillo, lugares onde tiñan os seus domicilios.

   A maioría dos mariñeiros falecidos deixaban muller e fillos de curta idade. Felipe Prado, o patrón e propietario da tarrafa, tiña 52 anos e vivía no Derribo coa súa muller e tres fillos. Había pouco máis de un mes que tivera unha oferta pola embarcación, chegando a ofrecerlle 23.000 pesetas mais negárase a vendela por tela en grande estima, xa que pudera chegar a ela despois de facer mil sacrificios. A parte do patrón, pereceran no sinistro acontecido no litoral arteixán Manuel Ramos, de 22 anos, solteiro e veciño da rúa dos Hortos, xunto ao Hospitalillo, onde vivía coa súa nai e dous irmáns; Antonio Jaspe, coñecido por “Pelouros”, de 32 anos, casado, veciño de Campo Volante e que deixaba muller e catro fillos moi pequenos; Manuel Fernández, de 34 anos, veciño da rúa da Torre e con cinco fillos; Manuel Caramés Piñeiro; Pedro Vázquez e un tal Juan “do Castaño”, casados ambos, tiñan varios fillos e vivían en Perillo, como os outros dous mariñeiros desaparecidos, de quen non se lembraban dos nomes os compañeiros sobreviventes, uns mariñeiros que o domingo 1 de maio, dous días despois do accidente, facían unha colecta pública na Coruña co obxecto de axudar ás mulleres e fillos que, coa tráxica morte dos nove falecidos, quedaban no máis absoluto e total desamparo.

   A postulación, que estivo a cargo exclusivamente dos once caritativos mariñeiros, principiaba ás nove da mañá na Praza de María Pita percorrendo, acompañados da banda de música do Hospicio Provincial, as principais rúas da cidade no landó municipal que o alcalde, Antonio Lens Viera, puxera a disposición dos organizadores e no cal ían algúns dos numerosos orfos das vítimas. Tamén postularían na Praza de touros, onde os ferroviarios realizaron unha becerrada. Nese día, o recadado nas rúas e durante a festa taurina para socorrer ás familias das vítimas ascendería a cantidade de 4.377 pesetas, diñeiro que nos días seguintes estaría disposto no Banco de España para que o gobernador civil fixera o correspondente reparto.

   As axudas non deixaban de se producir, e foron moitos os que organizaron subcricións para contribuír a remediar a angustiosa situación en que quedaban orfos e viúvas dos nove mariñeiros falecidos no litoral de Arteixo. De tal xeito, o gremio de exportadores de peixe, inicia unha entre os seus socios con 250 pesetas e tamén se dirixe aos comerciantes de obxectos navais da cidade, “Ferrer e Compañía”, “Martínez e Antolí”, Eduardo Dana e Paulino Freire, para que os seus comercios fosen centros de recadación de donativos, dirixíndose igualmente aos negocios similares de San Sebastián, Bilbao, Santander, Xixón, Ferrol e Vigo para que contribuísen con algunha cantidade. A “Reunións de Artesáns” da Silva tamén abriría listas de subcricións, tal como a Asociación de Patróns de Cabotaxe, liderada polo seu presidente con cinco pesetas. Todo o mundo colaboraba. O cinema “Salón Doré” organizara funcións extraordinarias para axudar as vítimas e recadaría unha cifra de 206,30 pesetas. Os bombeiros deste cinema tamén contribuen cos seus salarios do día. Outro exemplo solidario foi o que protagonizou Ramón Lamora, sereno particular do barrio de Santa Lucía, que tivo a xenerosidade de entregar a Paulino Freire, membro da comisión recadadora, 8,50 pesetas que lle correspondían como premio pola aprehensión dunha cantidade de peixe que fora roubado no peirao da Palloza e que despois se subastara, obtendo unha cantidade de 17 pesetas.

    Durante varias semanas máis as subscricións non deixarían de medrar, e con esta xenerosidade e solidaridade da veciñanza herculina, a triste situación dos familiares de cantos morreron ao estoupar a caldeira da “Antoñita” en augas de Arteixo quedaba un pouco máis aliviada.

 

SUEVOS, UN DOS PROXECTORES QUE ALUMEABAN O GOLFO ÁRTABRO

   Lagosteira, é un dos puntos do litoral de Arteixo dende o cal a mirada atravesa a inmensidade oceánica cunha maxia especial. Se cadra ten algo que ver nisto o recendo dos tempos de antano que aínda se respira alí, dos tempos do castro de Punta de Muros, que era unha factoría fortificada dedicada á metalurxia do bronce beireando o século IX-VII antes de Cristo; dos tempos de cando fora porto baleeiro durante o século XVII; da torre vixía, da que prometo falarvos polo miúdo noutra ocasión; ou de cando había abundancia na zona de lagostas, de aí o nome desta península situada na parroquia de Suevos na que, o 2 de abril de 2005, se colocaba a primeira pedra do Porto de Punta Langosteira.

   Gosto moito de ir pasear por alí, especialmente pola pista de terra que circunda boa parte da península, paseos que inicio nas enigmáticas instalacións militares que hai despois das últimas casas do Portiño. 

Imaxe actual das instalacións militares de Suevos

  Sempre me chamou poderosamente a atención este edificio que xa leva bastante tempo abandonado. Nunca tiven moi claro cal fora a súa utilidade militar no pasado mais, grazas ao libro Guía de baterías de costa. Provincia de A Coruña [Norte], da autoría do comandante artilleiro José Manuel López Hermida e do xefe de servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña, José Manuel Yáñez Rodríguez, souben da historia e do porqué destas instalacións en Lagosteira.

  López e Yáñez arrancan a súa obra no século XIII, cando o litoral galego sufría frecuentes ataques de corsarios que asaltaban por sorpresa portos e buques, e chegan ata finais do século pasado, cando en Estaca de Bares había unha base norteamericana.

   Neste percorrido histórico os autores rescatan o plano da iluminación do golfo Ártabro, no que se utilizaran proxectores de ata dous metros de diámetro situados nunhas instalacións que contaban cun posto de mando e outro de combate, ademais de sala de máquinas e, nalgúns casos, accesos a través de túneis.

   Segundo José Manuel López, con quen tiven a oportunidade de conversar recentemente, este proxecto de iluminación do golfo Ártabro, denominado “Plan de artillado del frente marítimo de la Base Naval Ferrol-Coruña”, nace en 1926 en plena ditadura de Primo de Rivera. A idea non era outra que poder localizar polas noites os posibles obxectivos inimigos (barcos), e apuntar os cañóns de defensa, polo que se facía necesario contar con algún tipo de iluminación do espazo a defender. 

Mapa que aparece no libro Guía de Baterías de Costa. Provincia de A Coruña (Norte)

   Realizar o devandito plan ía levar varios anos xa que as obras de execución vénse interrompidas en 1936 coa Guerra Civil mais, unha vez rematada a contenda, retómanse os traballos, que os militares franquistas dividen en dúas fases: primeiro os que estaban na parte de Ferrol ou flanco dereito (Frouxeira, Prior Norte ou Santa Comba, Prior Sur, San Xurxo e Prioriño) e a continuación os da parte de Coruña ou flanco esquerdo (Seixo Branco, Torre de Hércules e Suevos).

   A xuntanza mantida o 23 de outubro de 1940 en Hendaia entre Franco e Hitler foi con certeza o detonante que levou ao alto mando da época a dar, en agosto de 1941, a primeira orde referente ao novo servizo de iluminación con proxectores. Ante o temor dun ataque aliado, a defensa do litoral español pasou a ser de vital importancia para os nazis, motivo polo cal logo se iniciaron as obras de acceso por estrada e a construcción dos cinco asentamentos do flanco dereito da zona de Ferrol, así como o posto de mando de iluminación para todo o fronte en Monte Ventoso.

  Meses máis tarde, o 2 de febreiro de 1942, fixábanse os asentamentos do flanco esquerdo que incluía Suevos, a Torre de Hércules e Seixo Branco.

   Suevos era a instalación máis ao sur dentro do fronte marítimo de iluminación da Base Naval de Ferrol-Coruña encargada de dar servizo ao flanco esquerdo desta e das baterías B-9 Monticaño e B-8 Monte de San Pedro. Contaba cun proxector de 90 centímetros de diámetro e cun túnel que se aprecia claramente nas fotos do voo americano de 1956. Eran unhas instalacións con tres postos de combate, o do sector dereito como misión principal e os outros dous como secundarias.

Imaxe do voo americano na que se observan as instalacións de Suevos (http://mapas.xunta.gal)

  No proxecto inicial, para a contorna da Torre «se diseña un proyector de 120 centímetros, con tres puestos de combate (...). Por su situación inmediata al faro podría ser localizado y puesto fuera de combate por el enemigo rápidamente, por no tener sus instalaciones de pista de combate protegidas contra el fuego de la artillería y la aviación». Por tal motivo cámbiase o proxecto, e as pistas de comunicación «se trazan rodeando las vaguadas para evitar túneles», relata o comandante López Hermida, que aporta á publicación numerosas fotografías do seu arquivo privado das instalacións de todo o golfo Ártabro, pois prestou servizos en moitas delas.

  O proxector do Seixo Branco, situado na punta do mesmo nome, municipio de Oleiros, era de metro e medio de diámetro e tiña unha dotación similar ao de Suevos. 

Posto de combate do proxector de Suevos

   Rematada a Segunda Guerra Mundial, o novo escenerario estratéxico do planeta e a aparición de novas tecnoloxías capaces de facer un control exhaustivo do territorio, conducirían ao abandono paulatino das instalacións que se construíran anos antes dentro do chamado “Plan de artillado del frente marítimo de la Base Naval Ferrol-Coruña”. Deste xeito, en maio do ano 1955, asínase un proxecto de tapiado de portas e ventás das instalacións de proxectores de O Seixo Branco, Torre de Hércules e de Suevos, instalacións que no caso de Suevos serían “conquistadas” andando no tempo polos grafiteiros.

 

FONTES:

García, Rodri (2019): Focos que alumbraban el golfo Ártabro. La Voz de Galicia, 24 de novembro

López Hermida, José Manuel & Yáñez Rodríguez, José Manuel (2019): Guía de baterías de costa. Provincia de A Coruña [Norte]. Deputación da Coruña

 

AS TORRES VIXÍA DE SORRIZO E SUEVOS

   Desde tempos inmemoriais fronte ao litoral galego, un dos máis transitados do planeta, navegaron o comercio marítimo romano e as súas guarnicións invasoras; os saqueadores normandos e viquingos; piratas turcos e berberiscos; corsarios ingleses; os baleeiros franceses e vascos cando abundaban nas nosas augas os grandes mamíferos oceánicos; os navíos que se dirixían cara o novo mundo; os primeiros vapores de ferro…

  Dada a intensidade deste tráfico mariño que navegaba (e navega) pola costa galega, o control e a defensa do litoral foi unha constante ao longo da historia. Por iso, para paliar as catastróficas consecuencias dos sucesivos ataques dos saqueadores nas nosas vilas, os gobernos da coroa puxeron en marcha un sistema de alerta ás poboacións mediante a construción de fachos, atalaias, vixías ou torres en lugares elevados situados en puntos estratéxicos ao longo do litoral para vixiar a costa.

  O obxectivo destas construcións edificadas sobre un punto eminente non era outro que o de estar en comunicación coas outras vixías para, deste xeito, poder transmitir coa máxima rapidez, de día por medio de fume queimando toxo e de noite facendo cacharelas, a nova do avistamento de calquera embarcación sospeitosa á Coruña, sede do Gobernador e do Capitán Xeral.

  Para servir nestas torres de vixianza organizábanse quendas de vintecatro horas, concentrándose rápidamente en momentos de alarma. Naquela altura tamén se realizaba a vela, que era o servizo de vixianza nocturna que na época señorial prestaban algúns vasalos, de condición inferior, nos castelos, campamentos e mesnadas.

  Curiosamente, algúns dos ataques sufridos na nosa contorna aparecen conmemorados en varios exvotos, lenzos pintados en gratitude á axuda divina da Virxe de Pastoriza que aínda se poden ver no Santuario desta parroquia. Un destos exvotos (hoxe desaparecido) é o que mencionaba o ataque do corsario inglés Sir Francis Drake o 4 de maio de 1589, ataque do que se dera aviso dende a vixía de Cabo Prior, en Cobas.

   Case un século despois, en 1670, o peregrino borgoñés Domenico Laffi describía polo miúdo o facho de Fisterra no seu “Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia e Finisterre”:

No Monte Facho de Fisterra hai unha torre e está feita para prender lume na súa parte alta. Está aquí porque, de todas as nacións que navegan polo Océano, todos pasan a coñecer este Cabo e moitas veces desembarcan na Vila provocando moitos danos. Co lume da devandita torre fánse sinais ás vilas veciñas, as cales se pasan sucesivamente dunhas a outras o aviso de perigo polo que nunha hora todo o Reino de Galicia está sobre aviso e acuden armados cara aquel cabo para defendelo”.

   Xa no ano 1726, o Goberno nomea a Ferrol capital dun dos tres Departamentos Marítimos nos que se dividira o litoral peninsular e anos máis tarde, a comezos do século XIX, segundo o comandante artilleiro José López Hermida, as vixías pasan a depender da Mariña, que destina pilotos a estas edificacións.

  A primeira vixía da que temos constancia no municipio de Arteixo é o punto de observación que había en Sorrizo e que menciona José Cornide en 1764 no capítulo Partido de La Coruña. Desde la ría de Sada hasta la de Corme. Sus Costas, Ríos, puertos y defensa, capítulo que forma parte da súa obra manuscrita Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal:

Los fachos o atalayas -no está la Atalaya de señales en la Torre de Hércules y si en una altura próxima junto a un almacén de pólvora- de este partido empiezan en la torre de Hércules de La Coruña que descubre desde el cabo de Prioiro, toda la costa del Ferrol y las rías que siguen y mucha mar. El segundo está en el monte de San Pedro distante de este tres cuartos de legua. El tercero se comunica con este y se llama Sorrizo. El cuarto es el de Cayón distante del antecedente más de media legua. El quinto está cinco cuartos de legua de este, y está situado en el puerto de Razo. El sexto está en el puerto de Malpica. El séptimo es el de Nariga. Estos fachos se comunican mútuamente sus ahumadas desde La Coruña al puerto de Corme. Cada uno tiene su hachero perpetuo, y para hacer la centinela contribuyen los lugares comarcanos con gente que turna. Las garitas de esta costa están en mediano estado. Las ahumadas las hacen con tojo que enciende, y este lo contribuyen los lugares inmediatos”.

   Non podemos afirmar con rotundidade cal era o lugar do litoral de Sorrizo no que se construíra a vixía que nomea Cornide na súa obra manuscrita, mais todo parece indicar que estaba situada nas proximidades da Enseada de Lourido xa que alí hai un par de topónimos que parecen confirmar as nosas sospeitas: o Monte da Torre e a Punta da Torre, lugares estratéxicos dende os que podemos contemplar a inmensidade oceánica do Golfo Ártabro.

Panorámica dende a Punta da Torre (Fran Naveira)

    Consultadas outras fontes escritas con datas de publicación posteriores á descripción de Cornide, non hai información algunha da vixía de Sorrizo. É probable que dentro dos diferentes postos de vixianza houbera varias categorías por importancia estratéxica ou que, incluso, o posto de vixianza de Sorrizo desaparecera por mor da súa situación xeográfica, aberta ao mar pero situada nunha zona que non lle permitía ter conexión visual coa vixía de Caión. Mais isto son simples conxecturas de quen escribe.

  O que si é certo é que no Estado general de la Armada do ano 1803, ano no que se crean as Comandancias de Marina da que pasan a depender estos postos de vixianza, no cadro de vixías existentes naqueles días na nosa bisbarra aparecen o Monte de San Pedro, Suevos, Caión, Razo e Monte de Beo, en Malpica, o que nos leva a pensar que a raíz da construción da vixía de Suevos, que estaba situada en Langosteira, a de Sorrizo puido ser abandonada.

  A partir de mediados do século XIX, os adiantos tecnolóxicos ían relevar este sistema de vixías establecidos séculos antes, abandonándose as estruturas arquitectónicas de épocas anteriores, uns edificios que en moitos casos acabaron desaparecendo. Da relación de fachos e vixías que publicara en 1764 o ilustrado coruñés José Cornide, que chegara a enumerar máis de 40 torres e garitas de vixilancia entre Ribadeo e A Guarda, na actualidade só hai catro perfectamente conservados e restaurados: a Garita do Monte do Facho, en Donón, Cangas; a Garita de Herbeira, en Cedeira; a Garita da Vela de Espasante; e a do Facho de Maeda, en Estaca de Bares.

  Polo que nos contou o comandante José López Hermida, co nacemento do telégrafo en 1855 íase revolucionar o concepto de observación e, a partir desa altura, moitas das torres vixías da costa galega desaparecerían paulatinamente, caso da de Suevos que, a dicir verdade, xa había certo tempo que non se utilizaba, como así o indicaba, varias décadas antes de que se inventara o telégrafo -o Internet da época victoriana-, Sebastián de Miñano y Bedolla no seu Diccionario geográfico estadístico de España y Portugal escrito entre 1826 e 1828:

En el punto denominado de la Insua, y en su altura a la orilla del mar, y a la parte del O., está situada la Vigia, aunque en la actualidad sin servicio; no tiene mas caminos que los del servicio de la parroquia. 

  Pascual Madoz cóntanos o mesmo no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar, editado entre 1845 e 1850:

Suebos (San Martín de): felig. en la prov. y part. jud. de la Coruña (4 ¼ leg.), dióc. de Santiago (9) y ayunt. de arteijo ( 4 ½). SIT. sobre la costa del Océano, sobresaliendo al N. la punta en que se encuentra una vigía, aunque sin uso. 
Mapa de Domingo Fontán do ano 1845 no que aparece a vixía de Suevos

  Tres décadas máis tarde, o capitán de navío Pedro Riudavets y Tudury realiza a seguinte descrición sobre Suevos na súa obra Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña:

Todo su contorno es escarpado, y por su parte del O. tiene la playa de Langosteira. Otra pequeña playa llamada de Suevos, está por el lado del E. Sobre la parte más avanzada y alta del promontorio, existen las ruinas de la vigía de Suevos.

  Máis recentemente, na Descripción histórico-geográfica de sus feligresías realizada polo Arzobispado de Santiago, na referente á parroquia de Suevos, publicada en El Ideal Gallego en marzo de 1930, aparece o seguinte:

Al E. hállase la playa de Suevos y al O. la de Langosteira. Los restos de la casa del vigía están en la altura. El puertecito de Suevos tan solo sirve de refugio a embarcaciones menores y da nombre a la playa, al promontorio, a una restinga y a una punta.

   Por último, nunha reportaxe sobre o municipio de Arteixo da autoría de Heliodoro Gallego Armesto publicada o 31 de xaneiro de 1930 no número 438 da revista Vida Gallega, e que parece contradicir a información anterior, Gallego escribe:

(…) al NE. el macizo peñascoso del Monte Suevos, que avanza con una serie de cumbres, sobre la última de las cuales asienta un semáforo y la torre del vigía, para terminar en la Punta Langosteira, que se interna en el Océano Atlántico; y su cumbre más alta, Monticaños, alcanza 236 metros sobre el inmediato mar. 

  A misión dos semáforos eran, segundo nos contou o comandante López Hermida, o atalaiamento do mar e a costa; o servizo de comunicación entre buques e terra; o servizo metereolóxico; a cooperación no salvamento de náufragos; e a cooperación na represión do contrabando mediante os avisos oportunos, un tema do que prometo falar máis polo miúdo noutra ocasión.


FONTES:

CORNIDE SAAVEDRA, JOSÉ (1764): Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal, edición i estudio por X. L. Axeitos; Edicións do Castro, Sada, A Coruña, 1991.

DE MIÑANO Y BEDOLLA, SEBASTIÁN (1826-1828): Diccionario geográfico estadístico de España y Portugal. Tomo VIII (páx. 356). Imprenta de Pierart Peralta, Madrid.

GALLEGO ARMESTO, HELIODORO (1930): Los Municipios de Galicia I. Arteijo. Revista Vida Gallega nº 438, 31 de xaneiro de 1930:

LAFFI BOLOGNESE, DOMENICO (1681): Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia e Finisterre; pp.214-215

LÓPEZ HERMIDA, JOSÉ MANUEL (2017): Fachos, vigías, velas y atalayas desde el Cabo Ortegal a la Ría de Corme (revista Columba n.º 17, 2017)

LÓPEZ HERMIDA, JOSÉ MANUEL & YÁÑEZ RODRÍGUEZ, JOSÉ MANUEL (2019): Guía de baterías de costa. Provincia de A Coruña [Norte]. Deputación da Coruña

MADOZ, PASCUAL (1849): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar. Tomo XIV (páx. 530-531), Madrid.

RIUDAVETS Y TUDURY (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña. Dirección de Hidrografía, Madrid. (páx. 588)

Ningún comentario:

Publicar un comentario