As
doce da mañá do martes, 9 de setembro de 1902, comezaba no
consulado de Alemaña na Coruña a poxa polo vapor alemán “Trier”,
embarrancado en Suevos a principios de xullo. O prezo de saída de
25.000 pesetas, considerado baixo polos comisionistas, axentes de
negocios e representantes de casas de Bilbao, Cádiz e Vigo, ía
provocar unha gran expectación no consulado, edificio no que se
deron cita ata un total de 49 persoas. Durante máis de unha hora,
foron moitas as cantidades en pugna, mais finalmente adxudicábase o
navío como mellor ofertante a José Teijeiro por 110.500 pesetas.
Nese
mesmo día, Teijeiro organiza os preparativos para o desmantelamento
do “Trier”, un vapor que naquel intre xa estaba en moi malas
condicións. Teijeiro contrata cuadrillas de obreiros (principalmente
carpinteiros), a lancha de vapor “María Pita”, que xa
participara nas tarefas de transbordo da carga do buque alemán, e
dúas gabarras para o traslado dende A Gaianda ata a baía coruñesa das máquinas,
ferros e outros materiais do despezamento.
|
Panorámica actual do illote da Gaianda
|
O
barco mostraba un aspecto desolador. No seu interior non quedaba
nada, nin unha peza de roupa, nin sabas, nin manteis, nin panos de
mesa. Da vaixela de primeira clase non quedara nin un prato, nin
unha copa, nin unha culler, nin un coitelo...e a da segunda e
terceira clase, o mesmo.
Os
mobles tamén voaran. Tan só quedaran os que non se podían
transportar facilmente. Polos corredores adiante podíanse ver algúns
lavabos deitados no chan, embrullados en colchonetas e amarrados con
cordas, evidentemente preparados para “a fuga”, mais certamente
faltou tempo para levalos.
Na
máquina do vapor tamén se advertían en todos os aparellos as
pegadas dos ladróns, que ademais arrancaran grandes anacos de
canalizacións de cobre. E polo demais, non deixaran nin cabos, nin
motores… nada de nada. É de supoñer que, cando se enteraron de
que o “Trier” ía ser vendido, houbo como unha febre masiva por
apoderarse dos últimos obxectos de valor do barco embarrancado na
Gaianda.
|
O vapor "Trier" embarrancado na Gaianda (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32)
|
A
urxencia do desmantelamento era grande por causa do inverno, polo que
as cuadrillas contratadas por José Teijeiro comezan a traballar
decontado, concretamente o xoves 11 de setembro. Neses días o mar non tiña acougo
e rompía con forza contra o casco do “Trier” e as acometidas
oceánicas contribuían a facer máis rápido o seu desmantelamento.
Os carpinteiros, a golpe de machada e de escoupro foron retirando a
tolda do navío, a obra morta,
a cuberta, os camarotes, sollados, etc. Cando finalizaron, outra
cuadrilla de obreiros comezou a retirar a máquina, os paus, a
cheminea… O desmantelamento do navío continuaría durante todo o
mes de outubro.
Ao
longo dese mes de outubro tamén se foi vendendo en poxa parte da
carga que o “Trier” levaba nas adegas con destino ao continente
americano. Sirvan de exemplo estos dous anuncios publicados na prensa
da época:
|
El Noroeste, 4 de outubro de 1902
|
|
El Noroeste, 22 de outubro de 1902
|
Nos
primeiros días de novembro, as inclemencias metereolóxicas
complicaban notablemente os traballos de despezamento que se estaban
a facer no vapor alemán, chegándose a vivir situacións de moito
risco e moi angustiosas nas dúas gabarras e na lancha “María
Pita”. Deste xeito, na mañá do día 7, o forte mar de fondo
estivo a piques de provocar unha terrible desgraza en Suevos, xa que
esnaquizou por completo contra as rochas do que hoxe é a “Cheirona”
unha das gabarras que contratara José Teijeiro. Infelizmente, poucas
horas despois, a outra gabarra, que estaba ateigada de obxectos, ía
tamén a pique tan só uns minutos máis tarde de bater bruscamente
co casco do “Trier”. No momento do suceso, nesta gabarra
traballaban varios obreiros, salvándose milagrosamente todos eles ao
agarrarse á escada do barco alemán que estaban desmantelando. Un
deles, José Babío, non foi esmagado por un tris, pois o seu corpo
quedara posicionando xustamente entre a devandita gabarra e o casco
do “Trier”.
|
Obsérvese á esquerda da imaxe o illote da Gaianda e, á dereita, as instalacións da chamada "Cheirona" de Suevos
|
O
desmantelamento ía continuar ata que o armazón do vapor quedou ao
ar, sen unha prancha e sen un parafuso. E xa nos primeiros meses de
1903 podíase ver a Gaianda como se pode ver na actualidade, como se
non tivese acontecido nada alí, como se todo fose un soño…
Curiosamente,
o nome do vapor alemán ía ficar na toponimia do litoral de Suevos
ata os nosos días xa que a furna existente xusto en fronte da
Gaianda, a mesma na que a ondada acumulaba moitas das cousas que a tripulación do buque tiraba ao mar, aínda aparece nos mapas como “Triel”. A longa
transmisión oral ocupouse de deturpar o orixinal “Trier”.
|
No mapa podemos ver sinalados o illote da Gaianda e O Triel e na foto, cunha frecha, a zona da Furna do Triel
|
|
Panorámica da Furna do Triel, que debe o seu nome ao embarrancamento na zona en 1902 do vapor alemán "Trier"
|
FIN
___________