É
evidente que o Arteixo de hoxe pouco ou nada ten que ver co Arteixo
de antano, cando o noso municipio era unha contorna absolutamente
rural, no que o agro estaba na base dunha economía de subsistencia e
os nosos avós e avoas enchían, cos produtos das súas colleitas, as
despensas da cidade da Coruña.
Mais
aquela contorna, da
que só se lembraban algunhas
persoas doutros
puntos de Galicia
cando querían aliviar as dores de reuma coas augas medicinais do
Balneario, ía
sufrir
unha metamorfose total a partir dos anos sesenta do século pasado,
unha transformación motivada
en gran medida pola creación da refinería de Meicende e do Polígono
Industrial de Sabón, asentamentos industriais que contribuirían a
que paulatinamente fora desaparecendo aquel xeito de vida familiar
que xiraba arredor da lareira e no que os oficios tradicionais
(muiñeiros, ferreiros, zoqueiros…) gardaban relación directa coas
necesidades da vida no agro daqueles tempos.
A
construción da
refinería e do
Polígono Industrial ía significar un gran desenvolvemento económico
para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos
empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais.
Coa
chegada da industria, o
municipio foi
modificando a súa fisionomía e,
obviamente,
a
súa poboación, que
medrou
considerablemente
en
pouco tempo,
pasando
dos 10.887 habitantes
censados en 1960 aos 16.678 de 1986.
|
Panorámica dos anos 80 da vila de Arteixo
|
Ante
aquel gran
crecemento
demográfico a partir
da década dos setenta a
administración foi,
moi devagar, dotando
de servizos ao municipio e
construiuse unha
nova Casa do Concello (inaugurada en 1974), o colexio Carrero Blanco
(1974), o
colexio de Galán (1981), o
Instituto de Educación Secundaria (1983), o Centro de Formación
Profesional (1983), o Pavillón Polideportivo Municipal (1990) ou,
entre
outras obras,
o Centro de Saúde (1992).
A
nivel
cultural, que é o tema que nos ocupa hoxe, o
Concello careceu de infraestructuras e locais para os quefaceres
culturais ata
1989.
En
febreiro dese ano foi cando abriu as súas portas a Biblioteca
Municipal no primeiro andar do Edificio de Servizos Múltiples. Dous
anos máis tarde íase dotar unha
superficie útil de 100 m²
a unha recén creada Concellería de
Cultura
no terceiro andar do devandito Edificio de Servizos Múltiples,
espazo compartido
cos
departamentos
de Deportes e Educación. Nesa
época,
na que
unha persoa con contrato de seis meses realizaba os
traballos
de animación, no
resto das parroquias non existía instalación algunha,
polo que os actos culturais
realizábanse nas escolas unitarias ou nos escasos locais das
asociacións. Aqueles
eran
tempos nos que todo estaba por facer e aínda quedaba moita pedra que
picar!
|
Imaxe actual do Edificio de Servizos Múltiples
|
En
1992, ano da creación do Certame de Narracións Breves Manuel
Murguía, contratouse un equipo de tres persoas de xeito temporal
que, ademais de organizar o arquivo das dependencias de cultura,
desenvolveron un amplo programa de actividades.
Ao
ano seguinte
procedeuse por convocatoria pública á contratación da animadora
sociocultural,
Sonia Iglesias Recarey, e do responsable
da Radio Municipal, Franki Lafuente Lafuente,
proporcionándolle
así certa estabilidade ao traballo de dúas dependencias importantes
da Concellería de Cultura, e que viña a completar o realizado dende
a Biblioteca Municipal. Deste
ano hai que saliantar tamén
a ampliación das actividades desenvolvidas, a instauración dunha
convocatoria pública de subvencións destinadas ao fomento da
cultura, a ampliación do número de locais dispoñibles coa
posibilidade de utilización dos preescolares da Baiuca e de Candame
e a coordinación e apoio prestado as actividades polas asociacións
locais: Enterro do Entroido en Souto (Comisión do Entroido), o Día
da Muiñeira (Xiradela), Encontro Folclórico en Uxes (Queiroa), etc.
|
Edificio onde estaban os preescolares da Baiuca
|
O
27 de abril de 1994, con motivo da inauguración da Axencia de
Lectura de Meicende
nun local do colexio San
Xosé Obreiro, nunha conversa na que participaron o alcalde, Frutos
Martínez Saavedra; o concelleiro de Cultura, José Manuel Piñeiro
Balay, a animadora sociocultural, Sonia Iglesias Recarey; e o
escritor e mestre de Filoloxía Galega arteixán Henrique Rabuñal
Corgo, plantexouselle ao Director Xeral de Cultura, Antón Pulido
Novoa, a necesidade de creación dunha Casa da Cultura no noso
municipio. Pódese dicir que nesta xuntanza naceu o xerme do que
andando no tempo sería o Centro Cívico Cultural.
Mais
sigamos repasando esta pequena historia da Concellería de Cultura,
un departamento que en 1994 empezou a publicar o “Boletín
Informativo Municipal”, que viña a servir de canle de comunicación
entre o Concello e a cidadanía. O B.I.M. foi unha importante
iniciativa que se mantivo durante varios anos cunha tirada mensual de
800 números. Sería innumerable citar a todas as persoas que
colaboraron coas súas aportacións (contos, lendas, tradición oral,
etc.) tanto no Boletín como na Radio Municipal. Aproveitamos esta
ocasión para expresar a nosa enorme gratitude a toda esta xente que
traballou nestes dous medios polo ben da cultura do municipio. Un
anaquiño destas Crónicas de Arteixo é voso!
Arteixo
seguía medrando (18.688
habitantes en 1994 e 20.074
habitantes
en 1995)
e tamén crecían o número de asociacións que se constituían e que
poñían de manifesto a continua vertebración do tecido social do
municipio.
O
15 de febreiro de 1995 o alcalde
Frutos
Martínez e
Henrique Rabuñal mantiveron unha entrevista co Conselleiro de
Cultura da Xunta de Galicia na que se lle fixo entrega dunha carta
onde se demandaba apoio para a construción da Casa
da
Cultura
de Arteixo, e se comprometían a remitir sinaturas da poboación con
esta demanda. Tres meses despois, o 13 de maio de 1995, con motivo da
entrega do premio do Certame Manuel Murguía, expúxoselle
á Delegada Provincial de Cultura esta necesidade e obtívose un
compromiso verbal de apoiar esta iniciativa.
O
17 de outubro de 1995 remitíronse máis de 1.000 sinaturas ao
Conselleiro de Cultura xunto cunha carta de Henrique Rabuñal Corgo,
en
representación de todas as persoas e colectivos que asinaron
e que se
adhiron
a este escrito,
na que se poñía de manifesto as demandas para a construción da
desexada Casa da Cultura... “que veña no seu caso substituir ou
acompañar o vetusto e inadecuado Edificio de Servicios Múltiples
que xa acolle no seu seo a diversas seccións do concello (Servicios
Sociais, Animación Sociocultural) ademais da Radio Municipal, un
Salón de Exposicións, unha aula para adultos e a Biblioteca Central
do Concello. Non é só que ese edificio está saturado senón que as
crecentes e complexas necesidades do concello están pedindo aos
gritos un novo edificio, moderno e polivalente, pensando xa máis no
século XXI, o do ocio e a cultura, e que debera ser ideado
xenerosamente, equipado con salas multiusos onde o teatro, a música,
as conferencias e os actos solemnes puidesen ter digna cabida como
acontece noutros concellos menos poboados e con menos acción popular
pero con maiores dotacións”.
O
proxecto lévase
á
Comisión Informativa de Xuventude, Deportes, Educación e Cultura
celebrada no Salón de Sesións
da casa
consistorial
o 22 de novembro de 1995. Na
devandita Comisión
os alí presentes aproban
por unanimidade
dar, a medio plazo e dentro desa lexislatura, os pasos necesarios
para o comezo do proceso administrativo que levara
a bo termo a construción da
tan demandada
Casa
da Cultura
en Arteixo.
Oito
días máis
tarde, o 30 de novembro de 1995, dase
conta do ditame da Comisión no Pleno Ordinario, onde o concelleiro
José
Luis
Vázquez Martínez xa
sinala como posible localización
da
futura Casa da Cultura o sitio nomeado “Fonte ferruxinosa da zona
do Balneario”, moi preto
do antigo cuartel da garda civil, xa que este lugar figuraba como de
dotacións na nova
normativa
urbanística. Logo das oportunas intervencións dos voceiros dos
grupos, a Presidencia somete a votación o ditame da Comisión
Informativa, que resultada aprobado por unanimidade
facultando á alcaldía ao obxecto de que realice as xestións
necesarias para levar a cabo a Casa da Cultura. E en vista do
resultado da votación, a Presidencia proclama
aprobado o acordo.
Ao
tempo que se daban os oportunos pasos para a construción do edificio
do que estamos a falar,
no
ano 1995,
na
progresiva mellora dos servizos da Concellería de Cultura,
acondicionouse un espazo do 3º andar do Edificio de Servicios
Múltiples para instalar a oficina de cultura, dotándoa de
mobiliario e equipo informático. Isto
ía supoñer unha importante mellora na calidade do traballo
desenvolvido a nivel administrativo así como na atención ao
público. Dende aquel entón ían traballar nestas dependencias a
animadora
sociocultural
permanentemente e, ocasionalmente, algún auxiliar facendo labores de
apoio. Neste 1995 tamén se crea o Conservatorio de Música, que
comezou a impartir o primeiro curso de estudos musicais nas
instalacións do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.
En
todos estos anos a Concellería de Cultura foise facendo cunha mínima
infraestructura para o desenvolvemento dos actos: traxes e carrozas
para Reis e materiais para o acondicionamento de distintos locais
para ser utilizados como salas de exposicións nos
baixos
do Edificio de Servicios Múltiples, en
Preescolar
da Baiuca e de
Candame
ou
no terceiro andar
do Edificio de Servicios Múltiples.
Así
mesmo a programación cultural vaise instaurando e afianzando cun
calendario estable de actividades cíclicas coa súa propia
denominación, que naquela
altura servía
de referencia para toda a poboación (Mes do Libro, Maio Cultural, O
Nadal Contigo…) sen esquecer nunca a programación realizada ao
abeiro de celebracións, necesidades ou demandas máis
imprevisibles ou axeitadas. Tampouco
nos esquecemos do Certame
de Narracións Breves Manuel Murguía, que
hoxe é un verdadeiro referente dos concursos literarios que se
celebran en Galicia. Rememorando
aqueles primeiros tempos da Concellería de Cultura, Sonia Iglesias,
a técnica deste departamento, contounos
algunha anécdota daquela época.
“Tíñame
que levantar da única mesa de traballo cando aparecía o responsable
de Deportes e compartir con él a máquina de escribir e as poucas
estanterías das que dispoñiamos para realizar o traballo
administrativo, que cada vez ía burocratizándose máis. Case
todos os anos había que pintar e acondicionar a entrada do Edificio
de Servizos Múltiples e remover as instalacións da biblioteca, para
de este modo realizar unha entrega do Premio Murguía honrosa e á
altura que se merecía un Concello como o de Arteixo. Tamén, para a
primeira exposición de certo nivel que nos concedía a Deputación
da Coruña, tivemos que instalar ás presas un mínimo sistema para
colgar os cadros nas paredes do Salón de Plenos da Casa do Concello.
Calquera actividade precisaba dun triple esforzo para executala, ao
adoecer das dotacións técnicas e os espazos axeitados. Neste
sentido nunca esquecerei cando saltou o cadro eléctrico do ximnasio
do CEIP Ponte dos Brozos cos decibelios da obra rock de Manquiña;
ese sí foi un auténtico horror show !”.
Era
evidente que Arteixo necesitaba coa máxima urxencia a demandada Casa
da Cultura para o desenvolvemento cultural do municipio. Tras varias
xuntanzas entre representantes da administración local e da
autonómica, o 2 de xullo de 1997 os Conselleiros de Sanidade e
Servizos Sociais, José María Hernández Cochón, e de Cultura e
Comunicación Social, Jesús Pérez Varela, e o alcalde de Arteixo,
Manuel Pose Miñones, asinaban en Santiago de Compostela un convenio
de cooperación entre o Concello de Arteixo e as nomeadas
Consellerías da Xunta de Galicia, e tamén a Consellería de
Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Coa sinatura
deste convenio dábase, ao fin, luz verde á construción da obra
nomeada “Centro Multiusos nas marxes do río” suscrita polo
director da mesma, o arquitecto José Antonio Franco Taboada, en
favor do contratista adxudicatario, a empresa Ferrovial. O custe das
obras de realización deste edificio foi de 164 millóns de pesetas e
sería financiado na súa totalidade polas tres consellerías da
Xunta de Galicia nomeadas anteriormente.
|
Imaxe do ano 1998 das obras de edificación do Centro Cívico Social de Arteixo
|
Tras
case dous anos de execución da obra e ante a inminente inauguración
da popularmente coñecida naquel momento “Casa da Cultura”,
construída administrativamente baixo a denominación de “Centro
Multiusos” por estar implicadas no seu financiamento tres
consellerías diferentes, a Concellería de Cultura do Concello de
Arteixo propón adxudicarlle unha nova denominación con
personalidade propia: Centro Cívico Cultural 'Manuel Murguía'. A
proposta, que se ía levar a Comisión Informativa para o seu
ditame, non frutificaría e, finalmente, optouse pola denominación
máis simple de Centro Cívico Cultural de Arteixo.
Tal
día coma hoxe, o 8 de maio de 1999, hai exactamente 25 anos, o pobo
de Arteixo vía cumprida unha das súas máis grandes aspiracións ao
inaugurarse o edificio no que ao fin podían desenvolverse todas
aquelas actividades que ata aquel momento non tiñan un espazo propio
ou para as que se adoecía das condicións técnicas necesarias. O
acto contou, entre outras autoridades, coa presenza do ministro de
Sanidade e Consumo, José Manuel Romay Beccaría; o conselleiro de
Sanidade, José María Hernández Cochón, e do alcalde Manuel Pose
Miñones.
No
novo Centro Cívico Cultural, de máis de 2.000 metros cadrados
útiles, os veciños e as veciñas de Arteixo dispoñen dende aquel
día da Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal', da Escola Municipal
de Música de Arteixo (EMMA) con varias salas insonorizadas para
música, dunha sala de ensaios para danza, dunha sala de exposicións
e unha sala de usos múltiples. Unha sala de xuntas, as oficinas
administrativas do Departamento de Cultura e unha cafetería
completan os servizos ofrecidos polo centro, sen esquecer, por
suposto, o auditorio dotado con 300 butacas, un amplo escenario, e
todos os medios técnicos necesarios para o teatro, o cine, os
concertos, certames ou calquera outra actividade de amplo alcance que
sexa organizada tanto polo Concello coma polos colectivos do noso
tecido social.
|
Imaxe
do ano 2003 na que podemos observar o Centro Cívico Cultural e, á
esquerda, a esplanada na que se ía construír a igrexa nova
|
Dende
aquel 8 de maio de 1999 a Concellería de Cultura ten a súa sede no
Centro Cívico Cultural de Arteixo. Este servizo, capitaneado pola
técnica Sonia Iglesias e integrado tamén pola animadora cultural Lita Bello, e por Eva Sande e David Vizoso como
persoal administrativo, encárgase da programación cultural
municipal para procurar o enriquecemento cultural da cidadanía e
para preservar os festexos tradicionais do pobo. Recordar tamén a
todas as persoas que traballaron de xeito eventual neste departamento
ao longo de todos estos anos e, por suposto, a Xosé
Francisco Lafuente Sande, 'Pacucho'; Moisés Rey Martínez; José Manuel Piñeiro Balay; José Luis Vázquez Martínez;
Isabel Vila Vilas; Juan Antonio Mouzo Grille; José Andrés Gayoso
Naya; Celina Varela Suárez; e a Ana María Bello Vázquez, que foron
os/as concelleiros/as que estiveron á fronte desta concellería dende a
súa creación nos anos noventa. A concelleira de Cultura actual é
María Dolores Dubra López.
|
Panorámica actual do Centro Cívico Cultural de Arteixo
|
Hai
uns meses, o día 30 de novembro de 2023, o Pleno da corporación
aprobou, por unanimidade, nomear ao Centro Cívico Cultural de
Arteixo como Centro Cívico Cultural de Arteixo 'Manuel Murguía', o
lugar de referencia e o máis identificado co movemento cultural e co
eido literario galego do municipio. Co gallo dos 25 anos dende a súa
inauguración o 8 de maio de 1999, a fachada do edificio será rotulada co nome do Patriarca das Letras
que se descubrirá con motivo da Gala de Entrega de Premios do
Certame Manuel Murguía.
Moitos
parabéns por estos 25 anos de vida!
______________