martes, 9 de xuño de 2026

CLAUDIO WILLIMAN, O BERGANTIÑÁN QUE FOI PRESIDENTE DE URUGUAI ENTRE 1907 E 1911

   Nesta bitácora falamos en varias ocasións da gran relación que Arteixo e A Laracha teñen co Uruguai, nomeando a varios fillos da emigración destes dous municipios que tiveron certa relevancia no mundo da industria, da política ou do deporte. Pois ben, hoxe ampliamos esta listaxe lembrando a figura de Claudio Williman, un dos personaxes da historia uruguaia máis sobresaíntes que chegaría a ser presidente da República entre 1907 e 1911.

Claudio Williman (bibliotecadigital.bibna.gub.uy)

  Fillo de emigrantes de Caión e de Arteixo (seu pai era natural de San Cosme de Maianca, Oleiros, aínda que tiña domicilio en Arteixo cando casou), varias novas publicadas na prensa de Montevideo nos primeiros anos do pasado século XX en torno á nacionalidade dos proxenitores do presidente da República, doutor Claudio Williman, suscitaran no seu momento algunha que outra discusión entre os xornalistas charrúas. Uns dicían que eran de orixe alemá, outros inglesa e os menos galega. Por riba, ningún dos contendentes aportaba probas satisfactorias aos seus contrincantes da pluma. Mais aquela incógnita quedaría resolta coa información que publicaba, baixo a sinatura de Pedro Dubra Brandón, o xornal coruñés El Noroeste o día 20 de xuño de 1910:

 

"(…) publicamos a continuación la partida de matrimonio que los autores de la existencia de aquel, aunque joven, esclarecido gobernante. Los padres del presidente Williman, como los del presidente Gabriel Antonio Pereira y los del presidente Lorenzo Latorre, que también gobernaron aquel país en épocas no muy lejanas, nacieron en esta provincia de la Coruña, y en ella nació también el primer europeo que cruzó la América de oriente a occidente, Núñez de Balboa, para ofrecerle al mundo civilizado, con un nombre simpático (símbolo de la paz) el océano más extenso entre los que cubren la superficie de nuestro globo. La partida a que nos referimos dice así:

Don Domingo Carballo Antelo, cura párroco de Santa María del Socorro de la Villa y puerto de Cayón, distrito municipal de Laracha, provincia de la Coruña.

Certifico: que en el folio sesenta y nueve vuelto, del libro tercero de casamientos de esta de mi cargo se halla la partida siguiente:

En la capilla de San Roque que hace de parroquial de Santa María del Socorro de la villa y puerto de Cayón, a veintidos días del mes de Febrero, año de mil ochocientos cuarenta: Yo D. José Cambón, presbítero, teniente cura de la misma, con licencia expresa del P. P. Fr. Domingo Eujo, vicario cura de ella en propiedad, precedidas las tres canónicas moniciones en tres días festivos tanto en esta, como en la de Santiago de Arteijo, y no haber resultado impedimento alguno, según más bien consta de la certificación dada por D. Manuel Rodríguez Cambón, cura rector propio de la de Arteijo; asistí al matrimonio que por palabras de presente y mutuos consentimientos exteriormente sensibilizados contrajo José Williman, soltero natural de San Cosme de Mayanca y vecino de la referida de Arteijo, hijo legítimo de Claudio Williman, natural de la Saboya de Francia y de su mujer Caetana Lugrís, natural y vecinos que viviendo fueron de la de Moyanca; con Antonia González, también soltera, hija legítima de de Manuel González, ahora difunto, natural de Santa Justa de Moraña, y de su mujer Josefa de Otoño, natural y vecinos de este puerto; se observó lo prevenido en las Sinodales de este arzobispado y reales pragmáticas de S.M., en el mismo recibieron las bendiciones de la iglesia y se hallaron presentes Antonio Paz, Pedro de Otoño y D. Mariano García, todos vecinos de esta villa y puerto; y para que conste lo firmo al día, mes y año ut supra. José Cambón.”

  Así pois, grazas a esta partida de matrimonio publicada en El Noroeste en 1910, ían quedar esclarecidas as orixes dos pais do noso homenaxeado: ata o momento de darse o “si quero”, José Williman Lugrís residía en Arteixo e Antonia González de Otoño en Caión. A parella non ía tardar en facer a maleta da emigración para empezar unha nova vida en Montevideo, onde montan un establecemento de ultramarinos na rúa de Andes, esquina coa rúa Mercedes. Segundo un xornal da época, na trastenda deste negocio, Claudio, que nacera na capital charrúa o 10 de outubro de 1861… “estudiaba sus lecciones y algunas veces cosquilleaba en el humor de su buenísima madre, que le reprendía en gallego, dando lugar sus travesuras a que el severo D. José le advirtiese que era hora ya de que se fuese a clase, obedeciendo Claudio, no sin dejar de vocear y de dar saltos porque era un diablejo rubio y de ojos azules, tan travieso como avispado e inteligente”. 

   Claudio, que era sobriño de Mariano G. Williman, coñecido republicano federal da capital uruguaia, comeza a súa carreira universitaria aos 19 anos. Os seus méritos académicos ían ser extraordinarios, gañando a cátedra de Física da Universidade da República en 1885. Dende moi novo tivo claro que quería estudar enxeñería, un soño difícil de cumprir xa que por aqueles días non había ningún centro de estudo especializado no Uruguai. O noso protagonista comeza, entón, a carreira de Dereito que compaxina coa política, actividade que xa levaba certo tempo chamando á súa porta. 

  Militante do Partido Colorado, no ano 1886 participa no departamento de Paysandú na rebelión do legalismo contra o militarismo, na coñecida como a Revolución do Quebracho. Nese mesmo ano, nesa época de radical oposición entre os “blancos” e os “colorados”, Claudio, a quen os amigos e compañeiros coñecían polo alcume do Inglés, obtén a Licenciatura en Dereito.

  Nos anos inmediatos alterna a labor docente coa súa actividade política e impulsa a fundación da Facultade de Matemáticas (1887), da que foi catedrático honorario, exercendo ademais de profesor na “Academia General Militar”. Moi popular na capital charrúa pola súa bonhomía e a súa singular intelixencia, en 1889 sería elexido edil por Montevideo. Maiztegui, historiador, profesor e xornalista falecido en 2015, definía a Williman como merecedor de grandes virtudes, pola súa “espléndida actividad docente, su cultura amplísima, su recia personalidad de revolucionario del Quebracho y hasta su carácter de eximio componedor, de nexo de entendimiento entre los hombres, tarea de la que hizo un arte basado en la serenidad de temperamento y el sentido del humor”.

  En 1895, catro anos despois de converterse no Decano da Facultade de “Enseñanza Secundaria y Preparatoria”, casa con Carmen Pastora Martínez Santos, sendo froito do matrimonio José Claudio, Horacio Alberto, Osvaldo Alfredo e Enrique Guillermo.

  Tres anos máis tarde do casamento, ao producirse o golpe de estado de Juan Lindolfo Cuestas, Williman ía ser nomeado membro do Consello de Estado. Malia ao seu notorio rexeitamento do formalismo militar, en 1904 combate na Guerra Civil o levantamento “blanco” para defender a constitucionalidade ameazada polo alzamento encabezado por Aparicio Saravia, sendo xefe do 4º Batallón de Infantería.

  Rematada a Guerra Civil, José Batlle y Ordóñez desígnao ministro de Goberno nun tempo no que xa era unha das figuras máis populares do coloradismo, prestixio que conduciría a Batlle a decantarse polo persoeiro de orixe arteixá e caionesa como o seu candidato para sucedelo na presidencia da República. E así, o día 1 de marzo de 1907 o Dr. Claudio Williman era elexido polo Parlamento presidente do Uruguai (70 votos de 79).

Claudio Williman (https://es.wikipedia.org)

  O seu goberno íase caracterizar polo grande interese en reforzar o sistema xudicial e a promoción dun estado constitucional sólido. Entre as accións máis destacadas da súa xestión, hai que resaltar a abolición da pena de morte, a creación do Ministerio de Industria e o Ministerio de Obras Públicas, ademais da aprobación da Lei do Divorcio e a creación da Corte Suprema. Outro dos aspectos que melloraron considerablemente durante o goberno de Williman, foi o desenvolvemento económico do país fundamentado na gandería, na agricultura e no comercio, sector no que nacionalizou o porto de Montevideo e a rede telegráfica, instalando tamén a rede telefónica estatal que ía competir coas dúas privadas preexistentes.

  Por outra banda, durante o seu goberno tamén se ían dar cambios importantes na educación, como a eliminación do ensino relixioso dos colexios públicos e a creación de centos de escolas distribuidas en toda a xeografía uruguaia, especialmente nas áreas rurais. En canto ao sector político, a convivencia entre os dous partidos maioritarios como o Partido Nacional e o Colorado, foi totalmente positiva e armónica, uns partidos que durante ese periodo 1907-1911 mantiveron unha disposición ao diálogo con tendencia moderada. En canto á xestión internacional, o goberno do noso homenaxeado tivo unha acertada visión negociadora que alcanzou a realización de acordos en termos fronteirizos cos gobernos arxentino e brasileño.

Fotografía tomada sobre o ano 1911 na que vemos sentados, de esquerda a dereita, a Claudio Williman, Diego Pons e José Batlle y Ordóñez (Escaneada do libro  Mi Tierra Uruguay. El Observador, Montevideo, 1997)

  Finalizada a súa presidencia, Williman viaxou a Europa e a volta, en 1912, ocupou por segunda vez o reitorado da Universidade. Posteriormente, entre 1916 e 1924, apartado xa das loitas políticas, foi presidente do Banco de la República. O seu neto e biógrafo describíao así: “de aspecto sajón, delgado y erguido, pareciendo por ello de más altura que la real, de cabellos lacios, finos y rubios, ojos azules claros, con un gesto de seriedad que disimulaba de manera desconcertante su temperamento afectivo, afectuoso y a veces bromista”.  

  Claudio Williman falecería en Montevideo o 9 de febreiro de 1934. Camiño do centenario do seu pasamento, no Uruguai aínda hai quen pensa que ten pendente un máis que merecido recoñecemento polos constantes esforzos realizados pola paz e pola súa importante obra reformista. Como esas brisas que de cando en vez atravesan as mañás soleadas, aquel fillo do arteixán José Williman e da caionesa Antonia González, pasou pola historia da súa patria de forma case desapercibida, mais iso si, regando a terra de fecundas sementes que floreceron anos despois nunha realidade superior.


FONTES:

-GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2020): Claudio Williman: abogado y físico, presidente de Uruguay en 1907 y natural de Caión, La Voz de Galicia, 10 de outubro.

-MAIZTEGUI CASAS, LINCOLN RAÚL. Uruguay-Recortes de Historia. El hombre que fue paréntesis. Blogdiario.com


martes, 2 de xuño de 2026

O APARCADOIRO DA PRAIA DE ALBA DO RAÑAL NO PASADO E NO PRESENTE

   A piques de chegar o verán, nas Crónicas de Arteixo desta semana imos falar dun dos aparcadoiros públicos cos que conta o noso municipio: o aparcadoiro da praia de Alba, no Rañal.

  O espazo que hoxe ocupa este estacionamento fíxose sobre o ano 2005 ou 2006, que foi cando se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán e, tamén, cando se derrubou a fábrica de conservas A. & J. Salgueiro, que deixou de funcionar a finais dos anos 80.

  A industria dos irmáns Andrés e José Salgueiro foi unhas das primeiras fábricas que se instalaron en Arteixo. Estamos a falar da segunda metade da década de 1960, nunha época na que o Polígono Industrial de Sabón comezaba a dar os seus primeiros pasos.

  Durante varios anos, a conserveira foi unha das principais fontes de emprego para as mulleres de Arteixo e da bisbarra. Un servidor lembra que había traballadoras de Loureda, Oseiro, Rañobre, Figueiroa, Chamín, Baldaio, Laracha… e ata había un matrimonio da Agualada de Coristanco que vivían de aluguer nunha casa do Rañal, cerca do Bar Chucho.

  Algunhas destas empregadas acabarían casando con veciños do Rañal que, naquela hora, a gran maioría deles traballaban na fábrica das tónicas… si, si, nesa que ninguén sabía escribir o seu nome pero que todo o mundo pronunciaba "Sueps". Moitos destos homes eran albaneis que atoparan traballo na edificación na nave da Schweppes e, unha vez rematada a obra, quedaron a traballar alí como empregados da empresa ata o seu peche, no 2009.

  Á unha en punto soaba todos os días a sirena da conserveira. Era a hora do descanso para xantar. As empregadas do Rañal ían comer ás súas casas e as que non residían na aldea, nos días de bo tempo, xantaban á sombra dos piñeiros do Monte de San Tirso (tamén coñecido como o monte de Manolito), ou ao carón do río Arteixo, o río que desemboca na praia de Alba, areal que por certo aparecía nas latas de conservas da A. & J. Salgueiro S.L.

  A conserveira do Rañal tamén era coñecida polo cheiro que desprendía e os seus verquidos ao mar, verquidos dos que se fixera eco un medio de prensa estatal. O xornal ABC, na súa edición do 9 de agosto de 1973, en alusión ao aumento da contaminación na costa española, relataba o seguinte

"Quien esto escribe fue testigo de lo que se ha hecho con una playa de Sabón, en  Arteijo, de arena finísima y aguas transparentes. Una fábrica de pescados ha llevado sus vertederos hasta el mismo borde del arenal y el olor es tan nauseabundo que incluso un pinar sito a centenares de metros ha quedado visto para sentencia". 

  Así pois, a fábrica de Salgueiro era unha mostra do estado do medio ambiente naqueles anos, nos que a norma xeral era que algunhas fábricas usaran a costa de Arteixo como vertedoiro mentres a administración miraba para outro lado. A conserveira do Rañal foi un exemplo disto e, aínda hoxe, cando os temporais do inverno arrastran metros e máis metros de area das dunas da praia de Alba, quedan ao descuberto as tuberías que levaban os restos do peixe das conservas directamente ao mar.

  Como xa dixemos, a fábrica de conservas dos irmáns Andrés e José Salgueiro pecharía a finais dos anos 80, e, logo de botar bastante tempo abandonada, sería derrubada cando se iniciou a construción do paseo marítimo. Deseguido, aí van seis imaxes desta antiga industria e outras seis do actual aparcadoiro da praia de Alba, unhas e outras tomadas aproximadamente dende o mesmo punto.

A fábrica dos irmáns Salgueiro a principios dos 70 (Arquivo do Reino de Galicia)

______________________


Ao fondo, a fábrica (Foto de Xosé Castro publicada no Facebook "Ollar Galicia. Fotografía Antiga". Polo que conta Xosé, a foto é do ano 1970

___________________


Amelia Naya cos seus netos Patricia e Luís diante do seu Bar Chucho. Ao fondo, á esquerda, a fábrica (Cortesía da familia Souto Figueroa)

_________________


Ao fondo, á dereita, a fábrica de Salgueiro (Arquivo do Reino de Galicia)

_______________________


Partido de fútbol no campo do Rañal a mediados dos 90. Ao fondo á fábrica, que xa levaba algún tempo abandonada

______________________


Panorámica dos anos 90 da fábrica (Manel Felípez)