martes, 27 de xaneiro de 2026

OS LAVADOIROS DO PASADO

  Na actualidade, unha casa moderna está equipada cunha lavadora e unha secadora automáticas e, nalgúns casos, cun pequeno lavadoiro para lavar a man as prendas máis delicadas, así como unha táboa de pasar o ferro. Mais houbo un tempo no que, nos fogares dos nosos devanceiros, non había ningunha destas comodidades e modernías. Se botamos a vista atrás, e pensamos durante uns segundos no enorme traballo que pasaban as mulleres para lavar a roupa, é doado entender ás nosas avoas que, con razón, din que a lavadora é o mellor invento da historia. 

Mulleres de Figueiroa lavando na Ponte dos Brozos

  Antigamente, cando non existían electrodomésticos, o lavadoiro era o lugar, dentro ou fóra do fogar, no que se lavaba a roupa a man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro. Cos anos, e especialmente na xeografía galega, estos lugares que adoitaban ser de uso colectivo convertiríanse nunha construción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acodían a lavar a roupa nun acto social e colectivo.

  Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traían a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Aos lados destes depósitos había unhas pedras lisas o lousas chamadas “lavadoiras”, que estaban colocadas cunha inclinación máis ou menos de 40 graos. As mulleres tiñan unha "banca" de madeira de forma angular sobre o que se axeonllaban e, medio agachadas, fregaban e enxaboaban as roupas inclinadas para permitir o lavado á man.

Imaxe de principios do século pasado dun lavadoiro (Arquivo do Reino de Galicia)

  Había lavadoiros que contaban cunha cuberta, que adoitaba ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira, sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre. Mais tamén había lavadoiros abertos, que durante moitos anos foron os máis comúns.

  Alí xuntábanse as mulleres coas sabas, pantalóns e saias para fregar e refregar contra a pedra, dándolle duro ao cepillo e ao xabón que se fabricaba na casa con graxas e sosa. Mais un momentiño: no lavadoiro tamén había unhas normas… e pobre de quen non as cumprira! Cando eran mantas, la dos colchóns ou verlos de la das ovellas, había que ir aos regatos, moitas veces en burro ou cabalo e levando a comida.

Panorámica actual do antigo lavadoiro do Rañal

  Nalgúns lavadoiros, as mulleres lavaban a roupa unhas fronte a outras. Noutros, facíano de lado, caso no que había que botar a auga sobre a roupa coa man dereita  para, así, evitar botarse unhas a outras xabón e auga.

  Para sacarlle a carroña á roupa a lavandeira tíñase que situar na parte baixa por donde corría a auga. Despóis extendía as prendas a clarexar nos arredores. Posta a roupa ao sol, botábaselle auga para que fora amolecendo a suciedade. Logo dábaselle outro fregado, esta vez no centro do lavadoiro donde a auga estaba limpa, dándolle o toque final escorrindo e torcendo. Así quedaba preparada para secala, pendurada dun arame xa na casa ou dunhas ramallas na horta. Unha vez seca tiña lugar o planchado da roupa, tarefa reservada para a tarde dos sábados, cunha prancha de ferro macizo (de aí a expresión galega actual “pasar o ferro”). Máis tarde aparecerían ferros máis modernos, semellantes á caldeira dunha máquina do tren: facíase un braseiro metendo a borralla no interior do ferro, soplando por un furadiño para avivar o borrallo que o quentaba. Nas casas que non tiñan ferro botábase man de “pedir prestado”.

Mulleres camiño do lavadoiro

  Aínda que algunhas casas,  polas que transcorría próximo un río, podían contar cun propio, os lavadoiros de roupa  adoitaban ser lugares públicos e abofé que ben necesarios. Xunto coas fontes e os muíños, os lavadoiros eran os grandes lugares de convivencia e contacto social para as mulleres da época. O lavado da roupa foi unha tarefa dura que, frecuentemente, realizaban as mulleres máis novas da casa.

  Aos lavadoiros íase lavar a roupa, sí, e aínda que era un traballo duro facíaselle fronte con certa ledicia pois, durante séculos, foron sitios de tertulia nos que se falaba do divino e do humano. Unha especie de redes sociais do momento, ou pequenas axencias de noticias, onde os cotilleos nacían, reproducíanse e morrían. Se alguén quería enterarse e saber con detalle se o neto da tía Mercedes andaba a facerlle as beiras a Piluca do Touciñeiro, o lavadeiro era o lugar no que tiña que había que estar si ou si. Agora todo é máis doado. Botamos unha ollada ao Facebook do veciño ou da veciña para saber da súa vida. Ou os amigos do solteiro de turno colocan un cartaz na Avenida de Fisterra: "Pepiño e María cásanse", mais non é o mesmo: antes íase aos lavadoiros a lavar a roupa e tamén a FALAR… e hoxe ata parece que nos custa dar os bos días!

  Actualmente aínda hai xente que utiliza os lavadoiros para lavar alí as alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos mais, a maior parte desos lugares emblemáticos e cheos de encanto, están abandonados ou medio esquecidos e só se conservan vivos na memoria das nosas avoas. Rematamos co testemuño dunha delas, o da veciña do Rañal Carme do Bichelo, que durante toda a súa vida foi usuaria dun destes lavadoiros tradicionais que forman parte do noso patrimonio:

  "Lavar ben a roupa non che era moco de pavo. Ademais dun traballo duro e delicado era unha auténtica arte xa que había que seguir un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada. Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Aclarada e relucente, quedaba a tender nos toxos dos arredores."

Lavadoiro novo do Rañal, anos 90. De esquerda a dereita: Dorinda do Bichelo, Blandina do Coireiro, Lola de Abeleira e Carme do Bichelo.

martes, 20 de xaneiro de 2026

O NAUFRAXIO DO MERCANTE NEERLANDÉS 'ANNA' EN SUEVOS EN 1969 E O LIBRO DE XURXO SOUTO "O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS"

  O 19 de setembro de 1969, tan só tres meses despois de que o lagosteiro francés “Genevieve de Galard” naufragase no Rañal con sete mariñeiros bretóns (e un can) a bordo, ocorría un novo sinistro marítimo nas augas de Arteixo. O pequeno mercante de nacionalidade neerlandesa “Anna”, de 499 toneladas de desprazamento e matrícula de Zaandam (Paises Baixos), que transportaba 900 tm. de porcelana chinesa en po, dende Teignmoenth (Gran Bretaña) ata o porto italiano de Xénova, íase a pique a unhas seis millas do litoral de Suevos.

El Ideal Gallego, 20 de setembro de 1969

  Foi polas catro da madrugada dese día cando o primeiro oficial do buque, R. Hogkamer, que naquel momento estaba de garda, entrou alterado no camarote do capitán Gerhard Block, para espertalo e comunicarlle que o “Anna” tiña unha alarmante escora. O máximo responsable sobe correndo á cuberta e, logo de avaliar a magnitude do problema, dase conta da existencia dun perigo real de afundimento. Instanstes despois ordena emitir unha mensaxe de socorro solicitando asistencia urxente. Nesa altura, a escora do mercante era de 25º, encontrándose a unhas 12 millas ao oeste das Illas Sisargas.

  A mensaxe de auxilio sería captada polas estacións costeiras de Labañou e Eirís, polo remolcador alemán “Oceanic”, que estaba estacionado no porto da Coruña, polo barco “Pando Cape”, así como tamén a recibirían os pesqueiros “Costa del Mar” e “Pilar Iglesias”, que navegaban pola zona.

  Ás oito da mañá, o “Oceanic” estaba a carón do “Anna”, que despois de emitir o SOS puxera rumbo cara o porto herculino, pensando aínda que podían chegar polos seus medios. Pouco despois comezaban as operacións de remolque e a evacuación da tripulación, unha dotación composta por sete neerlandeses, entre os que figuraba a muller do primeiro oficial R. Hogkamer, un portugués de Cabo Verde e un galego de Noia, que era o cociñeiro. Só quedarían a bordo o capitán Gerhard Block, o primeiro oficial, o maquinista e un mariñeiro, estes tres na proa para facer o amarre do remolque, e o capitán na ponte dirixindo as manobras.

La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969

  Unha hora e media máis tarde, cando navegaban fronte ao litoral de Arteixo, a escora chegaba xa aos 50º, polo que as posibilidades de salvación do mercante eran practicamente nulas. O “Anna” estaba tan escorado e as ondas azoutábano tanto que, arredor das 09:30 h., quedou coa quilla ao aire. Os tres tripulantes que estaban na proa tiveran que tirarse ao mar e serían recollidos deseguida polo remolcador “Oceanic”. Como bo mariño, o capitán Block fora o último en abandonar o buque, saltando á auga dende unha xanela da ponte. Sobre as 09:50, despois de nadar durante aproximadamente dez minutos, sería rescatado polo pesqueiro de Malpica “Costa del Mar” que, ao mando do seu patrón Modesto Varela Verdes, realizara unha ousada manobra ao introducir o seu barco entre o aínda flotante mercante neerlandés e o remolcador alemán para poñer a salvo ao capitán. Ás 10:05 o “Anna” remataba a súa reviravolta xirando sobre si, quedando coa quilla ao sol a poucas millas da Punta Lagosteira.

Os náufragos do "Anna", excepto o capitán, na cuberta do remolcador "Oceanic" (La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969)

  Pasado o susto, e unha vez en terra, o cónsul de Holanda na Coruña, Ángel Rego González, faríase cargo dos náufragos, aloxándoos nunha pensión da Praza de Lugo. O capitán Gerhard Block sería internado no Sanatorio do Socorro e sometido a observación por mor da gran cantidade de auga que tragara. Block, de 40 anos, natural de Ijmuiden e casado cunha toledana (coa que tiña dous fillos), levaba catorce anos ao servizo da compañía propietaria do mercante afundido e substituía ao capitán habitual, que comezara as vacacións. Block, que soamente facía unha semana que se reincorporara ao traballo despois de disfrutar de un mes de descanso, mandaba outro navío, pero a compañía dispuxera que saíse cara a Teignmoenth (Inglaterra) para facerse cargo do “Anna”, que, como xa dixemos, tiña que transportar dende aquel porto 900 toneladas de porcelana chinesa en po ata Italia.

La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969

  Nas primeiras horas do sábado, 20 de setembro de 1969, o mercante neerlandés aínda aboiaba no noso litoral, o que representaba un perigo para a navegación nunha das vías marítimas máis transitadas. Por tal motivo, a Comandancia de Mariña da Coruña avisaba a todos os navegantes para que tomasen as debidas precaucións na navegación pola zona, facendo as oportunas xestións para afundilo a cañonazos e resolver así o problema. Pouco despois do mediodía, a fragata “Vicente Yáñez Pinzón” saía da súa base de Ferrol cara as augas de Arteixo coa idea de afundir o barco, pero non sería quen de localizalo xa que o “Anna” fórase, por fin, a pique.

  Ás sete da tarde dese mesmo día, a tripulación completa do buque, co seu restablecido capitán, saía en tren para Madrid, de onde partirían máis tarde en avión cara a Amsterdam.

  A historia do “Anna” é unha das que contamos habitualmente nos roteiros literarios que realizamos cada verán coa Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo polo litoral do municipio. Se aínda non participaches connosco, animámoste a que nos acompañes este verán, no que faremos as rutas Suevos-O Rañal e O Rañal-Barrañán.

  O “Anna” tamén ten o seu protagonismo na obra do prezado e admirado Xurxo Souto. Despedímonos con el, transcribindo o que nos conta no seu fantástico libro O retorno dos homes mariños (Edicións Xerais, 1999):

Mercedes enche o ollo co paxaro azul dourado da súa cunquiña de té.

-Oíu? Laura, e a vostede quen lle deu esta vaixela tan bonita?

A sabia do mar sorrí e ponse colorada, como se revelase unha gran confidencia. Foi un regalo que me fixeron do Anne.

Mercedes leva a vida toda parando nesta casa. A súa nai traíalle a Laura moletes de encarga de pan de Carballo (nunca se explicou como aquela muller soa podía comer tanto). Aínda hoxe queda abraiada con tanta riqueza da enciclopedia submarina.

-Que era, un barco chinés?

-Non, da parte de Roterdán. Pasou por diante da Coruña. Debeu de ser aló polo ano 69. Viña de Inglaterra cara a Xénova cargado de porcelana en po. Era un mercante pequeno. Pola parte de Bens escorou, había moito mar. Pediu axuda. Achegouse un remolcador alemán. Tentou tirar del pero non foi nada. O remolcador recolleu a tripulación, fóra o capitán e o maquinista, que aínda quedaron teimudos dentro. Déronme o aviso e cheguei ás nove a Suevos, a ver se había que axudar en algo. E ás nove e media, lémbrome ben, o Anne volveu escorar máis e quedou coa quilla ao aire. O barco íase perder, o capitán o maquinista e un mariñeiro, que non me acordou dicirche, dentro.

O mar estaba negro como este café. Ninguén sabía que había de ser deles. E daquela, ras!, con tanto temporal meteuse polo medio o Costa do Mar, un pesqueiro de Malpica, don Modesto era moito patrón, e recolleron o capitán e os outros dous da auga. Tiráronse da ponte abaixo no último momento, houberon afogar. Leváronos ás présas ao hospital, tiñan os pulmóns como esponxas da auga que tragaran.

Laura moito se emociona ao falar, non dá bebido e no café negro da cunca arma a tormenta toda.

-Estaba en Suevos co escafandro, ben cho vin. De aí a un pouco o casco do Anne deu a volta toda. Daquela parou de chover un chisquiño. Baixou unha raiola entre as nubes e vimos o Anne virado do revés, marchando á deriva, no medio do temporal.1

________________________________________

1 Xurxo Souto (2021): O retorno dos homes mariños (2ª edición), Edicións Xerais, Vigo, pp. 87-88.

martes, 13 de xaneiro de 2026

A PARROQUIA DE BARRAÑÁN NO DICIONARIO DE PASCUAL MADOZ (1845-1850)

  Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar é unha magna obra publicada por Pascual Madoz entre 1845 e 1850. Composta por dezaseis volumes, describe todas as poboacións de España, así como termos da historia española. Supuxo na época unha mellora importante respecto ao Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, que Sebastián Miñano acabara de publicar en 1829.

   As cifras de poboación ofrecidas por este dicionario están baseadas no censo da matrícula catastral de 1842, moi criticado por inexacto e tender á baixa xa que, ao parecer, os concellos ocultaban riqueza e poboación para esquivar impostos e diminuír o recrutamento militar obrigatorio.

 O Diccionario de Madoz é unha moi importante referencia para as consultas de investigadores e historiadores xa que, entre outros datos, contén interesante información sobre ruínas, industria e un longo etcétera.

  Estas son as referencias á parroquia de Barrañán (ollo: cando Madoz menciona o número de “vecinos” refírese a familias e, cando fala de “almas”, refírese aos habitantes):

BARRAÑÁN (SAN JULIÁN DE)

  Feligresía en la provincia  y partido  judicial de la Coruña (2 leguas), diócesis de Santiago (8), y ayuntamiento de Arteijo (½); SITUADA  á la falda del monte Agra. CLIMA húmedo, pero templado y sano; comprende los lugares y aldeas de Branquenza, Esfarrapa, Iglesario, Menlle, Monte del Gallo, Outeiro, Sande, Sar y Sisalde, que reúnen 50 CASAS con una iglesia  parroquial (San Julián), cuyo dominio directo corresponde al priorato de Sta. María de Cambre; su TÉRMINO confina con el Océano y feligresía de Santa Eulalia de Chamín; el TERRENO es de mediana calidad y le baña un riachuelo denominado Castro, que baja de San Esteban de Larín y desemboca en el mar por el arenal de Barrañán que se encuentra al O.; por este arenal cruza el CAMINO de Cayon á la Coruña, y de esta ciudad se recibe el CORREO; PRODUCE trigo, centeno, maíz, algún vino, legumbres, patatas, lino y hortaliza; cría ganado vacuno y de cerda, hay caza, pesca y varios molinos harineros; POBLACIÓN: 49 vecinos, 256 almas: CONTRIBUYE  con su ayuntamiento.

Panorámica de Barrañán dende o lugar de Sar

martes, 6 de xaneiro de 2026

EMILIO SOUTO MORALES E A SÚA PANADERÍA DE LOUREDA

 Nestas primeiras Crónicas de Arteixo do 2026 viaxamos ata Loureda para homenaxear a un emblemático negocio familiar da parroquia, a Panadería Morales, que cerrou as súas portas hai uns días tras máis de sesenta anos elaborando pan de xeito artesanal.

Emilio Souto Morales, fundador da Panadería Morales (Cortesía da familia Souto Rega)

  Hai que remontarse ata os duros anos da posguerra para falar das orixes desta panadería, época na que o seu fundador, Emilio Souto Morales, chega a Arteixo dun xeito un tanto cinematográfico.

  Fillo de Consuelo, unha moza solteira de familia acomodada, o noso protagonista nacera no número 5 da herculina rúa da Estrella en 1934. Naqueles tempos nos que as mentalidades aínda eran máis ruíns que as propias leis, parece ser que os pais desta rapaza dixéronlle a súa filla que o meniño nacera morto. O certo é que, ao pouco de nacer, o avó da criatura inscribe no Rexistro Civil ao futuro panadeiro co seu mesmo nome e a continuación, para “salvar a honra” da súa filla, deixa o bebé diante da porta do hospicio da Coruña.

  Emilio pasaría alí os primeiros anos da súa vida, ata que argallou un plan para fuxir de aquel inferno xunto a outros compañeiros do orfanato. Na fuga o que fixeron foi subirse ao remolque dun camión que facía a ruta A Coruña-Carballo e durante o traxecto, cada vez que o vehículo paraba, un dos nenos saltaba da caixa. Emilio saltou en Lañas, nacendo así a súa relación persoal con Arteixo, que mantería ata o último dos seus días.

  -Moitos anos despois meu pai localizou a algún de aqueles rapaces que participaran con el na fuga. Eu cheguei a falar con esa persoa- díxonos o seu fillo Emilio Souto Rega, que foi quen nos contou boa parte das pinceladas que publicamos nesta crónica.

  Tras saltar do camión había que buscar un lugar seguro e algo que levar á boca. Naquel momento corría a segunda metade dos anos corenta, época dura, de miseria e de moita fame na que o rapaz fugado do orfanato tivo a sorte de dar con Carme do Zapateiro.

  Carme casara en 1943 co panadeiro carballés (da Brea) José Fernández e tiñan forno alí. Empezaran a cocer nunha casa da parroquia de Armentón que estaba situada a uns metros de onde posteriormente montarían, no lugar da Ermida de Lañas, o negocio que todas e todos recordamos, curiosamente tamén cerrado hai pouco tempo. A panadería era coñecida como a “do Zapateiro”, o alcume do avó de Carme, muller que naqueles tempos aprendía o oficio co seu home ao tempo que nacían os tres fillos do matrimonio: en 1944 viñera ao mundo José Antonio, no 46 Manuel e no 48 Agustín.

  Ese mesmo día Carme levou a Emilio para a súa casa. No xantar díxolle ao resto da familia que se ía sentar unha persoa máis na mesa e, acto seguido, presentoulles ao rapaz que acaba de fuxir do orfanato.

  -Seica lles facía moita gracia porque meu pai falaba castelán, naquel tempo pouco común por estos lares. Facíalles gracia porque papá tiña un falar moi rimbombante e con moita educación. Co tempo abandonou o castelán e, pouco a pouco, converteuse en galegofalante- contounos o seu fillo Emilio.

  Como di o outro, non foi “chegar e encher”. Ao principio da súa estadía alí o rapaz traballou para os do Zapateiro nas tarefas da labranza, coidando as vacas ou carretando herba para os animais. E si, logo dun tempo, ensináronlle o oficio de panadeiro.

  Emilio Souto Morales botou en Lañas ata aproximadamente os 18 anos. Foi aí cando empezou a traballar na panadería que Maximino Moreiras González e a súa muller Manuela Vázquez Díaz rexentaban na Baiuca, un forno que este matrimonio montara na casa de Dolores e Encarnación González Mes, tías de Maximino. O prezado e admirado Julio Mancebo Moreiras recordaba que “no ano 50 foi vivir con elas o meu tío Maximino, a súa muller Manola e os seus fillos Manolito, Baldomero, Maximino e Avelino. Como meu tío era panadeiro montou o forno na dependencia que nós chamabamos O Conventillo. Ademais da panadería seguiu coa tenda e o estanco1”.

  Despois de botar certo tempo cos Moreiras, o noso homenaxeado foi traballar posteriormente ao forno dos do Veigheiro, que vén sendo a actual Panadería Gestal de Arteixo. Nesa época, por medio dun curmán que era conductor de autobús, consegue localizar a súa nai. Reúnese con ela na Coruña un par de veces, nuns encontros que non resultaran moi positivos. Na segunda ocasión, logo de quedarlle claro que súa nai renegaba del, regresa a Arteixo abatido pola tristura.

Emilio Souto Morales nos anos 50, probablemente na panadería dos Moreiras (Cortesía da familia Souto Rega)

  Segue choiando na do Veigheiro ata a segunda metade da década dos 50, época na que comeza nun forno que había no Foxo de Louredalugar con tradición panadeira onde décadas atrás se elaboraban as populares arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921.

  O Foxo ía marcar un antes e un despois no devir de Emilio, xa que é alí onde coñece a súa futura muller, Carmen Rega Piña, e onde tamén decide establecerse pola súa conta por primeira vez na súa vida, logo de que o propietario do forno, Daniel do Habanero, fixera a maleta da emigración e lle cedera o local sen ningunha contraprestación.

  -Ti es moi bo panadeiro, Emilio! Segue facendo pan aquí, home! Eu non che vou cobrar ningunha renda!

  Din que o barato sae caro e, efectivamente, ás veces é así. Daniel do Habanero deixoulle a panadería gratis, si, pero a fariña desaparecía misteriosamente día si e día tamén. Visto que no Foxo non era viable traballar, busca outro lugar onde enfornar, nunha altura na que xa estaba casado con Carmen. Vai ao “Valle” a falar co ‘Castellano’, un home que tiña carpintería no mesmo lugar onde tempo atrás montara un salón de baile. Á parte da carpintería, tamén tiña taberna na casa, ademais dun pequeno local que foi o que lle alugou a Emilio Souto Morales sobre o ano 1960. Por aqueles días a maioría da xente xa coñecía ao noso protagonista por Morales, seguramente porque o seu primeiro apelido era moi común e o segundo, máis sonoro, non o era tanto.

  En xullo de 2025 estivemos de ruta por Loureda con Paco García ‘O Cubano’ na procura de informantes sobre os antigos salóns de baile da parroquia. Unha das persoas que entrevistamos foi Adelina Naya Arcas, filla precisamente do ‘Castellano’ que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio do “Valle” para falarnos do antigo salón de seu pai, negocio sobre o cal prometemos escribir crónica neste 2026. E tamén nos falou de outros negocios que houbo na súa vivenda, entre eles a taberna que tiñan na propia casa e a panadería de Emilio. Na eira do seu domicilio, Adelina recordaba que “o salón noso estaba aí abaixo, aquí ao lado estaba a panadería de Morales e aí tiña o cabalo co que facía o reparto. Hoxe está todo renovado porque quitei o forno. Milio estaba aquí de alquiler. Eran tempos moi pobres nos que amasaba, enfornaba e despois facía o reparto por Bregua e por aí adiante. Recordo que mentres a masa levedaba ía xogar a partida co Manco, que tiña unha taberna aí en frente”.

Emilio Souto Morales facendo o reparto (Cortesía da familia Souto Rega)

  Emilio e Carmen foron pais de catro fillos, prole que en maior ou menor medida tamén traballaron con eles na panadería. A maior, Carmiña, mesmo lle tocou vivir os tempos do forno na do ‘Castellano’. Os mais novos, Rosa, Emilio e Néstor xa enfornaron no novo, que os proxenitores construiron na primeira metade dos anos 70, como así o recordaba o maior dos fillos varóns: “a casa e o local no que estivemos ata agora empezouse a construír en 1970. No 72, cando eu tiña dous anos, viñemos a vivir para aquí e no 75 papá deixou o forno do ‘Castellano’ e empezou a cocer no novo. Iso si, antes de cocer por primeira vez, estivera varias semanas co lume quecendo pouco a pouco para que o forno se fora adaptando e ser apto para a panificación”.

Panorámica actual da Panadería Morales

  No novo domicilio da familia Souto Rega, situado nos lindes do Val de Loureda e Atín, a Panadería Morales ía adquirir sona rapidamente en toda a comarca. O motivo non era outro que o sabor ao pan de sempre, ese sabor de apego á terra, elaborado coa mesma receita que o fundador viña utilizando dende que aprendera o oficio.

Emilio Souto Morales co seu fillo Emilio diante da panadería en 2006 (Blog "Gastronomía en verso", de Juan Carlos Alonso)

Emilio na súa panadería (Cortesía da familia Souto Rega)

  E así, con ese xeito de traballar tan especial, de mimo polo seu producto, foron transcorrendo os anos ata o adeus de Emilio, falecido en marzo de 2008 aos 74 anos de idade. Tralo seu pasamento, a súa víuva, Carmen Rega, e os seus catro fillos, Carmen, Rosa Emilio e Néstor, seguirían ao pé do canón sen faltar a traballar nin un só día do ano.

  Aínda que actualmente moitos despachos de pan colocan a etiqueta “de leña” no seu produto, cando un probaba o pan de Morales comprendía que o auténtico pan tradicional galego saía de fornos coma o seu. Outro dos secretos do seu éxito era a madeira que utilizaban de combustible, “madeiras nobres como carballo, ameneiro e acacia; nunca pino, que ten moita resina, nin por suposto eucalipto, xa que daquela o pan tería sabor a eucalipto”, argumentaba Emilio.

  Durante a súa longa traxectoria, o respecto á tradición foi sempre unha regla de ouro que levou á familia a vender durante moitos anos só moletes e bolas, aínda que posteriormente tamén farían durante algún tempo empanadas e doces. Lograr a temperatura exacta nun forno alimentado por leña para que o pan saia no seu punto é unha das dificultades diarias deste tipo de establecementos. Na Panadería Morales “as bolas necesitaban máis temperatura e menos tempo. Metíanse no forno a 230 grados e acababan facéndose a uns 200. Despois ían os moletes, que necesitaban sobre 180 grados”, recordaba Emilio. Calcular a demanda que terían cada día era un dos enigmas deste negocio familiar. Rosa era a encargada de que non sobrara nin faltara. A súa experiencia permitíalle saber que o fallo soamente sería por “dous moletes arriba ou abaixo”.

Rosa Souto Rega no forno da panadería familiar (Concello de Arteixo)

  Emilio Souto Rega, tamén recorda con especial cariño o apoio recibido durante todos estos anos por expertos e críticos gastronómicos como Jorge Guitián, Edu Lavandeira, ou o fundador e presidente de Madrid Fusión, José Antonio Capel. “As súas reseñas e recoñecemento axudáronnos moito”, sostén o panadeiro de Loureda, que di que mesmo recibiron unhchamada da BBC para facer unha reportaxsobre o negocio familiar. “Ao final non puideron vir, pero contactaran con nós”, asegura Emilio.

  E así chegamos a decembro de 2025, que foi cando Loureda se despedía do pan de sempre, logo de que Rosa e Emilio, os últimos á fronte do forno puxeran fin a toda unha vida de servizo aos demais. “Somos dos poucos da provincia, senón os únicos, que facíamos o pan de forma completamente tradicional, sen máquinas, máis alá do noso forno e as nosas mans”, aseguraba Emilio, que tamén nos dixo que vive a despedida con moita tristeza e vertixe, pero tamén con “ganas de descansar despois de todos estos anos”.

  Ultimamente, ademais de repartir as barras, moletes, bolas e bases de pizza por toda a comarca, a Panadería Morales tamén ampliara a súa rede distribuindo, dende aproximadamente o 2015, os seus produtos en distintos supermercados da provincia. “Moitos veciños mostráronnos a súa pena polo peche, pero é o momento de cerrar as nosas portas”, di Emilio, que recorda agora refrán que lle repetía sempre seu pai: “Non pode ser o corvo máis negro que as ás”, en referencia a que todo sempre é máisoportable do que un se imaxina. “Agardemos que así sexa», conclúe.

Rosa, Emilio e o fillo de este, Simón, na Panadería Morales (Carlos Pardellas/La Opinión  Coruña)

  A calidade e esmero do seu produto sobrepasaron unhas fronteiras que a familia Souto Rega nunca imaxinara. “Pero o máis importante de todo é o cariño da xente de aquí, dos nosos clientes fieis que non deixaron de confiar en nós nin un só día desde hai moitos anos”, afirma Souto, que di que sempre gardará mellor dos recordos dos seus veciñosE nós de vós, famillia!


FONTES:

ALONSO, JUAN CARLOS (2006): “Panadería Morales”, publicado no blog Gastronomía en verso (https://gastronomiaenverso.es/panaderia-morales/) o 11 de outubro de 2006.

F. ROLDÁN, CANDELA (2025): Loureda dice adiós al «pan de siempre»: «Tuvimos mucho apoyo de grandes expertos y hasta recibimos una llamada de la BBC», La Opinión Coruña, 30 de decembro de 2025.

VARELA, ÁNGEL (2010): “Cuando el pan sabe a antiguo”, La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2010.

_____________________________

1 Julio Mancebo Moreiras (2007): “A casa das tías”, texto escrito no blog A miña Baiuca o 11 de marzo de 2007.