martes, 12 de novembro de 2024

OS TEMPOS DA RECOLLIDA DO GOLFE, O ESTERCO MARIÑO

   A maioría das nenas e dos nenos galegos que nos criamos na aldea antes dos anos 80 medramos escoitando centos de contos que os maiores contaban a carón do lume da lareira nas longas tardes invernais, contos que na casa dun servidor era ben raro que os avós e os tíos non lle deran protagonismo ao mar cando había xuntanza familiar pola festa do Santiago ou da Santa Eufemia.

   Falar do mar na nosa casa, era falar de moito sacrificio e de traballo moi duro, e a recollida do golfe, que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas e os areais, era un deses traballos escravos dos tempos de antano.

Golfe na praia Area Grande de Suevos

   Esta actividade, moi enraizada nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito gratuíto con notable dose de iodo!

Carrexando golfe

   A recollida deste esterco do mar era unha tarefa traballosa e moitas veces, cando se apañaba nas rochas, abofé que ben perigosa. Emilia Pichel, nai do veciño do Rañal Francisco Sanjurjo, máis coñecido como Kiko de Pichel (un pai para quen escribe), perdera a vida nun día de novembro de 1929 cando estaba collendo no golfe nas rochas da Ermida do Rañal, a carón donde hoxe está o monumento ao Voyeur, o que coloquialmente todas e todos coñecemos como 'Mirón' ou 'Vixiador.' Emilia recollía o esterco mariño para abonar as terras nas que quería plantar, no mes de Nadal, as patacas de cedo. Tiña 30 anos e deixaba orfos a dous fillos de curta idade: Ramón e Kiko. 

El Heraldo de Madrid, 21 de novembro de 1929

   Meus avós dicían que tras dos temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira das vilas. Falaban de bardas de golfe e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.

Recollendo golfe no mar

    Meus tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, que cando eran mozos teñen ido a paxear no golfe ao dereito de vir de troula..."eran outros tempos que oxalá non volten", din. Cando falo con eles desta tarefa moito lles brillan os ollos, non sei se polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos. En calquera caso, o certo é que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que vivían a carón do litoral.

   O Padre Sarmiento, no seu Coloquio en milduascentas coplas galegas, escrito en 1745, faille referencia nunha copla ao devandito esterco mariño:

 

Vai coller o gasto

cun sacho e cun cesto,

o gasto das bestas,

dos homes e cerdos,

e mais para estrume

o golfe mareiro,

a xeba e argazo

o bocho e verdello.

   

   Nos anos 50 tamén había xente que facía unhas pesetas coa venda do chamado “gholfe bo” que segundo nos contaron ía destinado, principalmente, ao mundo da farmacia e da cosmética.

   Coa creación do Polígono de Sabón nos anos sesenta, unha das primeiras empresas que levantaron alí as súas instalacións foi Gomas Marinas S.A., unha factoría dedicada ao aproveitamento industrial das algas sobre a que prometemos falar no futuro nestas Crónicas de Arteixo xa que aínda vive algún dos antigos empregados desta empresa coñecida como a “fábrica de algas”.

Imaxe das instalacións de Gomasa (Gomas Marinas S.A.), máis coñecida como a "fábrica de algas"

Ata a semana que vén!

Ningún comentario:

Publicar un comentario