sábado, 18 de febreiro de 2017

NA PROCURA DO ENTROIDO DE UXES

     Os primeiros recordos son dos anos 30 con imaxes de choqueiros, imaxes que a xente lembra confusamente, verbas que saen dos seus beizos, da súa nenez: Un home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa esfarrapada, montado nun burro con un colar de frores e cascabeis no pescozo...
     
     Na época da postguerra os textos das coplas eran controlados e censurados, a xente podía disfrazarse pero sempre coa cara descuberta. En Uxes vivíase tamén esta situación. O Entroido comezaba en Candeas e remataba coa queima do entroido en Mércores de Ceniza, trala Coaresma xa non se podía. O día grande soía ser o "Domingo de Carnaval": as visitas familiares, a xuntanza ao redor da cacheira pregando por ser comida...O día anterior preparábanse as filloas, e tamén se preparaban os choqueiros que as pedían de porta en porta. Pero, o domingo, despois da comida, quen máis quen menos, disfrazado ou non, saían das casas e formaban festa: Cándido de Morás -alcumado O Gaiteiro- poñíase a cantar e a recitar coplas enriba dun tablado; o Cacheiro chegaba de cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; ou o Peisaqueiro, vestido de vella e facendo filloas enriba dun carro. A isto uníanse as comparsas chegadas de sitios coma Elviña ou Feáns.

     Os "chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para soltalas a algún veciño..."botarche o entroido": facer un entroido ben equipado (espiga de millo e dous nabos) para gastarlle unha broma a alguén que era levado á casa con algún engano, amosándolle o entroido e convidándoo despois a comer e beber...Novos ataques coas coplas o Mércores de Ceniza subido ao garda-agullas da estación do tren...Escenificación de laconada en Souto con ingredientes tan ricos coma un rato morto...

Grupo de choqueiros nos anos 90
      Finais dos 60: Coplas e Testamento decaen. O "Gaiteiro" enfermou e non segue coa súa laboura; mantéñense os "chascos" e o de "botar o entroido", chegándose aos 70. Seguen chegando comparsas de fóra e, xa nos 80, aparecen "Os carnavalescos de Souto" e os famosos enterros e testamentos do lugar. Primeiros 90: Todo o que me contaron diversas persoas de Uxes, Morás...Foise.

     Un pequeno xesto, unha viaxe no tempo para non esquecer o que cada vez máis se esquece coas prisas destes tempos.


(Texto de Santiago Sande Mañana publicado no B.I.M. nº 48) 

martes, 14 de febreiro de 2017

O ENTROIDO EN LOUREDA


-Ou tío Farruco...e logo, ¿vostede non se disfraza?

-¡Ca!...con 92 anos, dime meu neto, ¿que careta hei poñer?

-E logo, ¿nunca se disfrazou polo Entroido?

-Home, si, pero cando tiña os teus anos. Aqueles si que eran Entroidos, e non os de hoxe.

-¿E que facían daquela?

-Pois mira: íamos por toda a parroquia repartindo o meco, a base de coplas nas que non se salvaba nin o mellor veciño. Un que facía de cura ía responsando e tocando o corno (un corno de boi). Tiña que ser un home de pouca escola e moita intelixencia.

-¿E quen estaba con vostede no grupo?

-No grupo estaban os choqueiros borralleiros, que lles tiraban borralla aos que se rían deles. Pero choqueiro era calquera. O mérito era facer de mascarilla. Os escollidos tiñan que ser os máis altos e garridos, e por suposto, os que mellor bailasen o suelto. Lembro que con 18 anos a min tocoume de parexa dunha rapaciña de Balai, alta, morena, moi chalupeira ela.

-Entón, ¿foi daquela que puxo o disfraz?

-Si...bueno, non. As mascarillas íamos a cara descuberta, e co traxe de festa; un pouco máis adornado do normal. Eu na monteira levaba un arado e unha grade.

-¿Bordados con fío?

-Non, non. De madeira, así pequeniños. O resto do traxe era o típico do país, feito de estopa, co seu chalequiño branco e ca chambra de liño. Tamén levábamos unha banda vermella que nos cruzaba o peito. As mozas vestían un refaixo de baieta colorada, con moito vuelo, e de cintura para arriba ían moi apretadiñas. Daba gusto mirar para elas. Na cabeza levaban un sombreiro adornado cas flores de papel e cintas de colores.

-Parece ser que era moi bonito.

-¿Bonito dis? Era "precioso" ver aos cans e aos carneiros cun xugo arando polas leiras dos veciños, sen permiso. Ou os burros con pantalóns, facendo as súas necesidades!



(Todos estos datos foron recollidos nos anos 90 por Víctor Iglesias García na parroquia de Loureda. Moitas grazas ás xentes de Ervedíns e Allán pola súa colaboración)      

xoves, 9 de febreiro de 2017

DANIEL "O DO MONTE PEQUENO" E A SÚA MULLER CARMEN, OS PIONEIROS DAS VIAXES A PORTUGAL

     O seu nome é Daniel Loureiro Barbeito, mais en Arteixo todo o mundo o coñece por Daniel "o do Monte Pequeno", un home nado en Armentón antes da Guerra Civil que, ao longo da súa vida sería operario da PEBSA, a fábrica de bacallao que había na Coruña; cobrador da liña de autobuses propiedade do seu veciño de Armentón Pepe Ferrín; axudante de Don José, cura da parroquia de Santiago de Arteixo durante máis de catro décadas; empregado de EMESA...mais, se hai unha actividade pola que é coñecido na bisbarra, é polas ducias de viaxes que xunto á súa muller Carmen Cedeira organizou a Portugal, viaxes das que me falaron hai uns días no seu domicilio na compaña dos seus fillos José María e María Luisa.

Imaxe dunha das primeiras excursións a Viana do Castelo
  Daniel iniciaba a conversa lembrando que..."antes de facer os viaxes a Portugal, aló polos anos 60 xa facíamos excursións á Pobra do Caramiñal, a Muxía, a San Andrés de Teixido, ao San Froilán, ao Carballiño, á romaría da Virxe dos Milagres de Amil, en Moraña e moitos sitios máis", un Daniel que cando fala de Portugal os ollos bríllanlle dun xeito especial, non sei se pola nostalxia dos tempos mozos ou polas experiencias vividas no país veciño ao cal organizou, xunto a súa muller Carmen, a primeira viaxe a finais da década dos setenta. Aquela era unha época na que España e Portugal tiñan a súa democracia en cueiros. Os lusos recuperárana na chamada Revolución dos Caraveis (Revoluçao dos Cravos) do 25 de abril de 1974, que provocara a caída da dictadura salazarista que dominaba Portugal dende 1926, e o Estado español a partir da morte de Franco, acontecida o 20 de novembro de 1975. 

     Para levar a cabo as excursións, Daniel e Carmen alugaban habitualmente un autocar de Ferrín que case sempre conducían Manolo, o propio Ferrín ou ben Francisco, que foi o chófer que máis veces cruzou a raia co matrimonio do Monte Pequeno, matrimonio que tamén, de cando en vez, contrataban os autocares de Abelenda da Agualada ou da empresa Martínez de Caión

     Coa data da viaxe confirmada, unhas semanas antes Daniel encargábase de ir por todas as parroquias de Arteixo buscando xente para encher todas as prazas do autobús xente que, naquelas primeiras excursións ao país veciño, pagaba unhas 800 pesetas (uns 5 euros de hoxe en día) por unha viaxe na que voltaban o mesmo día que, ou ben eran os sábados ou ben os días festivos. 

     Naqueles anos 70 as estradas, ao igual que a democracia de ambos Estados, estaban por facerse polo que, para chegar á fronteira, había que realizar un percorrido dunhas 3 horas por eses camiños de Deus, ao que lle había que sumar outro considerable tempo de espera en Tui por mor da acumulación de tráfico que sempre había alí e, por tal motivo, a hora de saída de Arteixo sempre era entre as 6 e as 7 da mañá. A Feira dos Santos de Cerdal, que se celebra en Valença do Minho o 1 de novembro, era un dos destinos habituais das excursións que organizaban Daniel e Carmen, unha feira na que, ante a numerosa demanda de veciñanza do noso municipio que quería visitala, teñen contratado dous autocares. Outros lugares que visitaban con frecuencia eran Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Barcelos...

     Moitos daqueles veciños de Arteixo que nunca antes saíran de Galiza aínda tiñan moi presentes os tempos do estraperlo, os tempos do comercio ilegal de productos sometidos a algún tipo de imposto ou taxa, actividade irregular que era sinónimo de mercado negro e, nas primeiras viaxes, aínda había quen mercaba productos de todo tipo en Portugal e logo os vendía aquí. Mais, con todo, a maioría da xente o que traía das feiras portuguesas eran productos para os seus fogares... xabón, aceite, café, azucre, aparatos de radio, potas e toallas, moitas toallas do Noso Señor! 

Excursión de arteixáns a Portugal nos anos 90

    Foron pasando os anos e, ao mesmo tempo que os nosos protagonistas seguían organizando excursións ao país veciño, España e Portugal entraban na Comunidade Económica Europea trala sinatura do Tratado de Adhesión realizada cun dobre acto en Lisboa e Madrid o 12 de xuño de 1985, incorporación que daría pé ao desmantelamento das aduanas e posteriormente, en 1992, ao libre tránsito dun ps a outro deixando atrás os tempos de longa espera en Tui por mor do denso tráfico que sempre había na vila fronteiriza e, tamén, os enfados cos carabineiros por non querer facer a vista gorda con algún que outro  producto que se mercaba nas feiras. Tamén, as novas infraestructuras irían reducindo o tempo das viaxes mais, segundo o matrimonio do Monte Pequeno..."á xente pouco lle gustaba ir pola autopista porque non se vía nada. Antes a paisaxe era moito máis bonita".

Imaxe actual de Daniel e Carmen
   Na actualidade, e despois de tantos anos facéndoo, Daniel Loureiro e Carmen Cedeira aínda organizan de cando en vez algunha excursión a Portugal mais iso si, están moi contentos de que Tamara, a filla da súa sobriña Ana (a concelleira do PSOE) abrira unha axencia de viaxes na Avenida do Balneario...se cadra a xenética tivo algo que ver no asunto!




 




venres, 3 de febreiro de 2017

SUSO GARCÍA, O PANADEIRO FUTBOLISTA

 
Local da "Panadería Suso" na Av. de Fisterra de Arteixo
      Sabido é que dende hai varias décadas a “Panadería Suso” ofrece aos seus clientes unha ampla variedade de sabores e placeres ao paladar, unhas exquisiteces gastronómicas que abofé son sinónimo de tradición e calidade e que, cada día, podemos mercar en calquera dos oito despachos de pan que a firma ten pola nosa bisbarra: catro na Coruña, dous en Arteixo, un Vilarrodis e o orixinal de Paiosaco, que foi o lugar onde o seu propietario Jesús García Varela, mais coñecido polo apelativo de Suso, iría medrando ao mesmo tempo que aprendía o oficio de panadeiro. Mais, a parte da súa actividade empresarial, Suso García tamén tivo unha brillante traxectoria no mundo do balón, unha carreira deportiva que deixaría unha enorme pegada entre os aficionados ao fútbol da contorna. 


Despacho da "Panadería Suso" en Vilarrodís
      Nado en Paiosaco o 22 de xaneiro de 1960, o noso protagonista debutaría con 15 anos nos xuvenís do conxunto de A Porta Santa e, nesa mesma tempada 1975/76, tamén viste por primeira vez a camiseta do primeiro equipo, naquela hora adestrado por Ramón García Rubal e capitaneado por Otero, un futbolista que xa vivira as vicisitudes do fútbol no Fabril e no Hércules de Alicante. Os da feira serían campións do torneo ligueiro do grupo II da 2ª Rexional “A” nesa campaña 75/76 e repetirían título na seguinte cun notable protagonismo na dianteira verde e branca de Suso, un xuvenil que naqueles mediados dos setenta empezaba a convertirse nunha codiciada periña en doce para varias entidades de categoría superior.

      Un destes equipos interesados en facerse cos servicios do rapaz de Paiosaco fora o R.C. Deportivo da Coruña, que tiña como adestrador do seu equipo xuvenil a Manuel Ríos Quintanilla, o lendario Manolete. Pouco lle faltou a Suso para asinar co clube herculino mais, finalmente, acabaríase truncando a operación por mor do repentino interés do Real Madrid, feito que daría pé a que o Deportivo fichara no seu lugar ao arteixán Juan Manuel Mañana Martínez “Fabeiro”. 

     O Real Madrid era o Real Madrid e unha oportunidade así non se podía deixar escapar polo que, no verán de 1977, Suso prantábase na capital do Estado co desexo de comer o mundo e de facerse un oco nas categorías inferiores do clube branco. Alí faría amistade co porteiro vasco José Manuel Ochotorena, un dos compañeiros da pensión na que vivía con outros rapaces da canteira que procedían de fora de Madrid e que, posteriormente, coincidiría en pleno coa xeración dos Míchel, Butragueño, Sanchís, Pardeza e Martín Vázquez, grupo de xuvenís que non tardaría moito en ser coñecido como La Quinta del Buitre”. Mais a experiencia de Suso na entidade madridista non acabaría resultando todo o positiva que él agardaba e, ao cabo de tres meses, volta a súa terra para enrolarse no cadro xuvenil do Racing de Ferrol que participaba na Liga estatal. Alí o paisaqués deixaría o seu selo persoal anotando un total de 22 goles, bo facer que lle daría o premio de adestrar habitualmente co primeiro equipo onde, baixo as ordes de Rodriguez Vaz, coincide nas sesións preparatorias cos seus veciños de Caión, os irmáns Collazo, e con futbolistas da talla dos Corral, co tempo adestrador do R.C. Deportivo; o arxentino Juan Carlos, que un día lle comentara que...”en Argentina tenemos un pibe que dará que hablar” referíndose ao que para moitos é o mellor xogador de todos os tempos: Diego Armando Maradona; Richard, pai do ex futbolista do Glasgow Rangers Nacho Novo; e tamén co masaxista Antonio “O Xitano”, plantel que ao final daquela tempada 77/78 acadaría o ascenso á Segunda División. 

Suso no Racing de Ferrol
    Na campaña seguinte, xa coa maioría de idade cumprida, Suso García faría a pretempada co Racing de Ferrol, pasando despois ao equipo filial, o desaparecido Arsenal, cadro co que xogaría a Rexional Preferente ata o mes de decembro. Foi nesa altura cando á perla de Paiosaco xurdiríalle a posibilidade de irse cedido ao Hellín, un equipo de Albacete no que Suso deixaría pegada dentro e fora do terreo de xogo, xa que sería alí onde coñecería a Charo, a súa futura muller. 

     Rematada a cesión, o rapaz de Paiosaco voltaría á disciplina do Racing de Ferrol onde, ao longo da campaña 79/80, alternaría as súas actuacións co Arsenal e co primeiro equipo racinguista en 2ª B, división na que o once departamental loitaría ata a última xornada por non descender á 3ª. Os verdes principiaran a tempada baixo a dirección técnica de Gustavo Biosca e remataríana con Gerardo Molina, adestrador que o 6 de abril de 1980 facía debutar na categoría a Suso contra o Sestao, nun partido correspondente á xornada 30ª que remataría 0-0 e no que o Racing formara con tres laracheses de inicio: Jolo; Miguelín, Vidal, Silvano, M. Collazo, Otero, Segundo, J. Collazo, Suso (Carballo), Roberto e Miguel. La Hoja del Lunes publicaba ao día seguinte que...”Molina, que en esta ocasión, por imperativos legales, no pudo dirigir el encuentro desde el banquillo, introdujo esta tarde a los jugadores Suso y Carballo, procedentes del Arsenal; tal vez como último recurso. Pero tampoco dichos jóvenes lograron romper la atonía de un partido que más parecía de patio de colegio que propio de Segunda División “B” . O futuro panadeiro repitiría titularidade na xornada seguinte, na derrota no campo de Las Gaunas por 3-0 contra o Logroñés onde, segundo as informacións dos medios da época, Suso fora dos futbolistas máis destacados do Racing: ”Destacaron por el Logroñés sobre todo Lotina, junto a Tasio y Torres, y por el Ferrol, el portero Jolo, con Otero, Merino y Suso”. Sete días máis tarde, no partido que enfrontaba no desaparecido estadio “Manuel Rivera” ao Racing co Huesca, o noso protagonista voltaba a saír de inicio por terceira semana consecutiva, un partido que o once departamental acabaría gañando por 1-0 e que sería o último que Suso García xogaría en 2ª B, pois non tardaría en viaxar a Cataluña para facer o campamento do servicio militar en Girona e o resto da mili en Seu d´Urgell, na provincia de Lleida.
   
La Voz de Galicia, 23.3.1992

  Finalizado o servicio militar, o xogador de Paiosaco volta ao Hellín para xogar a tempada 1981/82 no equipo da localidade da súa moza Charo, con quen non tardaría en casar. Naquel intre, a pesar de recibir ofertas tentadoras coma a do Ibiza, Suso xa tiña claro que o seu futuro estaba no mundo do pan e non no do balón, polo que a parella estableceríase definitivamente en Paiosaco onde, pouco a pouco, irían collendo as rendas da panadería familiar, a panadería de seu pai Maximino.
  
     Despois dunha paréntese de cinco anos cheos de experiencias inesquecibles como a proba co Real Madrid, a aventura en Hellín ou o debut en 2ª B co Racing de Ferrol, Suso voltaría a vestir a camiseta da Unión Deportiva Paiosaco na tempada 1982/83, camiseta que defendería ata a 1988/89 que, facendo de xogador-adestrador, sería a campaña na que colgou as botas como futbolista para dar paso a súa faceta como técnico da entidade paisaquesa durante varias tempadas da década dos noventa, que foi cando se retirou definitivamente do mundo do fútbol para adicarse única e exclusivamente á súa familia e á súa empresa familiar: “Panaderías Suso”.