venres, 10 de agosto de 2018

O RESTAURANTE CASA LOLA

   Como ben sabedes, a aldea de Froxel é coñecida por ser o lugar de nacemento do insigne Manuel Murguía, o Patriarca das Letras Galegas, que veu ao mundo nese punto da parroquia arteixá de Oseiro o 17 de maio de 1833 na casa de quen sería seu padriño, Antón Pan.

  Froxel tamén foi o berce de Manuel Rey Suárez, persoeiro sobre o que xa temos falado neste espazo e de quen sabemos con certeza que coñeceu e tratou ao propio Manuel Murguía, a Castelao, a Basilio Álvarez, a Casares Quiroga ou, entre outros, ao autor da novela O bosque animado, Wenceslao Fernández Flórez.

   Mais un momentiño, Froxel tamén é a patria pequena de Dolores Naya Pan, unha muller loitadora e arroutada que marcaría un antes e un despois na gastronomía da bisbarra.

  Dolores, que era bisneta de Antón Pan, o padriño de Murguía e que, cousas do destino, acabaría sendo nora do antedito Manuel Rey Suárez, nace no ano 1896 na mesma casa que o Patriarca das nosas Letras e, dende a infancia, sería coñecida polo apelativo de Lola.

  A nosa protagonista non tardaría en mocear co seu veciño José, un dos tres fillos de Manuel Rey e Genoveva Riveiro, con quen casaría a finais da década dos anos dez do século pasado. Despois de darse o “si quero” Lola e José estabelecerían o seu domicilio en Pastoriza, ao carón do popular Salón da Roxa e do ferrador do lugar, nunha casa alugada na que se irían criando os seus seis fillos, Manuel, Amelia, Enrique, Juan, Carmen e Josefa. 

Lola, no medio, cociñando nunha casa de Suevos
  Alí, en Pastoriza, o matrimonio sacaría adiante a súa numerosa prole traballando na taberna-fonda que decidiran abrir no baixo do edificio no que residían, negocio no que non faltaría clientela para facer uns pesiños... moita dela, clientela que tamén acudía ao ferrador de Pastoriza. Mais, cunha familia tan numerosa, os cartos sempre escaseaban e por iso Lola, que guisaba como ninguén, tamén axudaba na economía doméstica traballando como cociñeira nas casas dos veciños da contorna que a contrataban polas festas parroquiais.

   Naquela altura, a finais de decembro de 1927, o Ministerio de Defensa aprobaba o proxecto de instalación dunha Batería de Costa en Monticaño, Batería que entraría en funcionamento en 1930, pouco antes da morte de José, que falecería de peritonitis deixando viúva e seis fillos orfos. Lola, que por aqueles días xa gozaba de moita sona en toda a bisbarra polo seu bo facer nos fogóns, volvería a ser nai en xullo de 1932, que foi cando naceu a súa filla Angélica, cativa que bautizaría cos seus propios apelidos, Naya Pan.

    Viúva e con sete fillos, sacrificio e traballo duro, convertiríanse na sinal de identidade de Lola, Lola de Areosa, alcume herdado do seu difunto marido. A súa taberna, e sobre todo os seus guisos, eran xa un verdadeiro referente alén do Santuario e, por suposto, na propia Pastoriza onde a chegada dos militares a Monticaño supuxo unha importante mellora na caixa do seu negocio pois, tanto os oficiais como a tropa, paraban de xeito habitual no seu estabelecemento. 

Lola nun banquete
   Durante os anos da II República, da Guerra Civil e da dura posguerra, a relación cos oficiais da Batería sería sempre excepcional, de xeito moi especial co capitán Juan A. Quiroga de Abarca. Esa amizade e bo trato cos mandos levaría a Lola a conseguir que moitos rapaces da zona de Montemaior, Soandres, Larín, Loureda, Arteixo, Pastoriza, etc., que ao cumpriren a idade regulamentaria tiñan que entrar no exército, fixeran en Monticaño, moi perto dos seus domicilios, o extinguido servizo militar, soldados que nalgúns casos, os que tiñan o “pase pernocta”, é dicir, os que durmían fora da Batería, mudaban as roupas militares polas de civil nun reservado que había no estabelecemento da señora Lola, ao carón do ferrador.

  Os mandos da Batería de Costa tiñan sempre en consideración as propostas da cociñeira, entre elas o xeito de argallar a festa da Santa Bárbara o 4 de decembro, día que o corpo de artillaría festexa a súa patroa e da que Lola se ocupaba todos os anos. Outra das propostas feitas por Dolores Naya, fora a de traballar os terreos de Monticaño para colleitar patacas e outros produtos. A idea, que efectivamente se levaría a cabo, non era outra que a de abaratar o custo da compra que a diario había que facer para elaborar o rancho da tropa, rancho do que se ocupaba Lola, quen acabaría tendo en Monticaño tanto ou máis mando que algún sarxento da Batería.

   Ese feito sabíano ben o conxunto de soldados destinados alí, quintas para quen Dolores se convertía, ano tras ano, no máis parecido a unha nai durante o tempo que os mozos facían a “mili” na Batería:

-Señora Lola, é a festa na miña aldea. ¿Pode falar co capitán a ver se me da uns días de permiso?
-A ver como te portas esta semana e xa veremos!
-Señora Lola, necesitaba uns días para axudar na casa a plantar o millo. ¿Pode falar co capitán?
-A ver logo que se pode facer!

  Se os guisos de Lola eran motivo de conversa diaria entre os militares de Monticaño, tamén o eran entre as ducias e ducias de persoas que peregrinaban ao Santuario de Pastoriza polo San Miguel quenes, despois de cumprir coa devoción á Virxe, acudían ao seu estabelecemento a degustar os callos e o estufado que preparaba a popular cociñeira e que tanta sona tiñan porque disque sabían a gloria divina. Naquelas romarías do San Miguel, nas que as orquestras contratadas para a festa hospedábanse no seu humilde negocio, e nas que cada ano mataban unha tenreira, Lola empezaría a contar coa axuda da súa filla Angélica na segunda metade da década dos corenta, cando a rapaza contaba aproximadamente con 14 anos.

Plácido e Geluca cos seus seus dous fillos
  O bo facer nos fogóns de Lola seguiríase espallando por toda a provincia grazas ao boca a boca da fiel clientela que cada ano acudía ao San Miguel, aos militares da Batería de Monticaño e, tamén, grazas á xente que a seguía contratando para cociñar nas súas casas polas festas, casamentos e outras celebracións.

  Angélica, máis coñecida polo apelativo de Geluca, sabía xa moitos dos segredos da cociña de súa nai cando empezou a mocear con Plácido Suárez, un dos fillos “dos do Ruán de Meicende”, co que casaría a principios de 1952. O matrimonio, que celebraría a súa voda no vello edificio no que Lola continuaba de aluguer, serían pais de contado dos seus únicos fillos: María Isabel, que viría ao mundo en setembro do 52, e José Manuel, nado en agosto de 1957, pouco despois de que os integrantes de unha das orquestras contratadas para as festas de Pastoriza abandonara o estabelecemento familiar no que fixeran fonda berrando:

-Adeus Geluca, que teñas bo parto!

Geluca era consciente, naquela altura, das grandes posibilidades de negocio que ofrecían as exquisiteces gastronómicas que aprendera a cociñar con súa nai. O tempo daríalle a razón, mais antes disto, antes de que o seu restaurante fora un dos máis populares de toda a provincia da Coruña, aínda acontecerían algúns feitos relevantes que marcarían para sempre a súa vida.

   Ao pouco de nacer José Manuel, o fillo máis novo do matrimonio, Plácido emigrou a Francia, onde botaría dous anos, tempo dabondo para que Geluca e Lola, obrigadas a abandonar o edificio no que tantos anos levaban de aluguer, construiran un novo estabelecemento hostaleiro a poucos metros do anterior, un negocio hoxe coñecido como Casa Xuntanza, e durante moito tempo como O Parador. 

De esquerda a dereita, Mari, Lola, Plácido e Geluca
  Nese novo local a popularidade das artes culinarias de nai e filla seguiría aumentando de xeito considerable grazas as xentes que cada ano acudía á romaría do San Miguel, na que había moitos peregrinos da zona de Ferrol e de Pontedeume, e, por suposto, tamén aos mandos da Batería e aos mozos que facían o servizo militar en Monticaño, para quen a señora Lola era, ano tras ano, quinta tras quinta, coma unha nai para eles. 
 
   Tras dous anos na emigración, Plácido volta a Pastoriza e atópase coa sorpresa da posta en funcionamento do novo local, nova que a súa muller Geluca decidira ocultarlle durante todo o tempo que botara en Francia para darlle unha boa sorpresa ao seu home. E abofé que lla daría! Mais no novo negocio pouco tempo estarían, xa que dous ou tres anos despois da súa inauguración decidirían vendelo, que foi cando este local hostaleiro pasou a denominarse O Parador, para empezar unha nova andaina a poucos metros, no que co tempo se había de converter na primeira Adega Galiza.

   Neste novo local os mandos e soldados da Batería de Monticaño seguirían sendo fieis clientes da señora Lola e da súa filla Geluca, o mesmo que moitas e moitos dos peregrinos que cada ano visitaban o Santuario de Pastoriza polo San Miguel, gañando, ademais, bastante clientela a raíz da inauguración en 1964 da Refinería de Meicende, xa que moitos dos operarios do complexo petroleiro comían alí pola semana. No novo estabelecemento tamén se repetiría a historia familiar. Se Geluca aprendera a cociñar con súa nai Lola, María Isabel, Mari para os seus coñecidos, faría o propio coa súa nai e coa súa avoa materna.

   Naqueles anos 60, un día chega a este negocio unha muller, Mercedes Corgo, coa idea de celebrar alí o seu casamento. Lola levaba moitos, moitos anos do Noso Señor traballando de aquí para alá entre os seus fogóns e os das casas particulares, e Geluca tamén xa contaba cunha importante experiencia, mais nunca antes tiveran tal encargo. Sí, a señora Lola elaborara ducias e ducias de menús nos domicilios que a contrataban polas festas, casamentos e demais celebracións. Mais aquela petición non era o mesmo. Aquela petición eran palabras maiores!

Unha das últimas imaxes de Lola
  Geluca e Lola aceptarían o reto e… mi madriña, a partir de aquel día empezarían a recibir solicitudes de celebracións de vodas no seu local dun xeito apoteótico.

  Van pasando os anos e a finais dos setenta, ante tal volume de traballo, deciden construír no Seixedo, nuns terreos propiedade da familia, un gran restaurante que poidera dar cabida a tanta demanda, restaurante que Geluca, para honrar a tantos anos de traballo de súa nai, decide chamar Casa Lola e que sería inaugurado o día 23 de xullo de 1980, tres anos anos antes do falecemento de Lola, que morrería o día 15 de maio de 1983, aos 86 anos, traballando ata o último momento.

   Naqueles primeiros anos oitenta, Geluca sería testemuña directa de como principiaban a asentarse en Arteixo novos residentes atraídos polas ofertas de traballo que había no Polígono Industrial de Sabón, residentes que nalgúns casos celebrarían no restaurante Casa Lola o seu casamento.

  Arteixo medraba e medraba, mais ninguén podía imaxinar o imperio que chegaría a albergar Sabón grazas, en boa medida, a un tal Amancio Ortega, empresario ao que Geluca coñecería ao pouco de inaugurar o seu novo local. Nunha conversa mantida con ela e coa súa filla Mari recentemente no seu domicilio, lembrounos que..."Ortega va todos os domingos. Era moi bo cliente, moi discreto e deume moi bos consellos".

  Geluca Naya, que quedaría viúva en xuño de 1992, levaría as rendas da Casa Lola durante dúas décadas, ata o 2000, que foi o ano no que decidiu xubilarse e alugarlle o restaurante a Antonio Calvete, quen seguiría mantendo o nome orixinal do negocio. Posteriorme, o Casa Lola pasaría a denominarse Restaurante Mela e, na actualidade, é coñecido como Bar & Grill 1906.

Imaxe dos catro negocios que tiveron Lola e Geluca ao longo das súas vidas
  Mari, a filla de Geluca, seguiría coa tradición culinaria familiar, aínda que abandonaría o camiño que abriran súa nai e súa avoa materna para especializarse no mundo da pastelería. Hoxe o seu negocio, Confitería Mari, negocio no que traballa coas súas fillas Lucía e Lola, é un dos máis apreciados do sector polo xeito tan minucioso que teñen na elaboración dos seus produtos, moi especialmente as larpeiras, sen dúbida algunha, das mellores da zona, por non falar das milfollas ou das tartas Selva Negra ou a de San Marcos, delicatessen coas que podedes tocar o ceo, ese ceo dende o que de seguro observa Lola, Dolores Naya Pan, a bisneta do padriño de Murguía, a nora de Manuel Rey Súarez, esa muller que foi quen de marcar un antes e un despois na gastronomía da zona!
 

venres, 3 de agosto de 2018

O CASTRO DAS CROAS DE ARMENTÓN

 
Fabulación das Croas, obra do pintor Roberto Castro
Situado nas inmediacións dos pequenos núcleos pobocionais do Castro e da Xesteira e rodeado polo Río Sisalde e o Rego de Beixouxe, que xunto co Rego das Varcias percorren as abondosas terras da Agra de Rorís, o castro das Croas ocupa a parte máis alta dun montículo dende o cal podemos divisar, se miramos cara o norte, o val de Barrañán e a inmensidade oceánica desta parte do Atlántico, os castros do Castelo de Lañas e o do Castelo de Sorrizo, ao leste e ao oeste respectivamente, e cara o sur, o Pazo de Anzobre, que durante moitos anos foi propiedade da familia Puga.

   Este asentamento, tamén coñecido como castro de Armentón e como castro de Anzobre, ofrece grandes dificultades para o seu estudio por mor das modificacións sufridas a partir dos anos corenta do século pasado, que foi cando empezou a ser utilizado como terras de cultivo. Mais, con todo, aínda se aprecia a parte do recinto superior, definido por unha muralla de forma circular que conta cun estreito foso que o illa dun terraplén na parte norte.
Vistas cara a zona norte do asentamento
   Sería precisamente nesa época, aproximadamente sobre o ano 1945, cando o arqueólogo Luís Monteagudo rexistra seis machadas das nomeadas de “tope”, descubertas por un labregos do lugar cando empezaran a achanzar, naqueles días, os terreos do castro que serían destinados posteriormente ao uso agrario. 

    O historiador José Ramón Barreiro Fernández apunta no seu libro Historia de la ciudad de La Coruña, que hai bastantes indicios de que as machadas poideron ser fundidas alí mesmo, o que ven a corroborar a teoría do xornalista nado en Pastoriza Guillermo Pardo que, na reportaxe Arteixo: La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos, publicada en La Voz de Galicia o 4 de decembro de 1981, cóntanos que o de Armentón probablemente se trate dun asentamento mineiro: 

  Su característica más relevante es su ubicación, no en el monte, sino en el medio del fértil valle de Barrañán; la existencia de residuos de escorias de hierro nos hace pensar, forzosamente, en un asentamiento más bien minero que defensivo, aunque este último aspecto se constata también inmediatamente”.

Debuxo das machadas realizado por Monteagudo
   A arqueóloga arteixá Ana Corredoira comentounos recentemente que, a extensión temporal das machadas rexistradas por Enrique Monteagudo, sitúase habitualmente no bronce final, perdurando se cadra ata o ferro inicial. Segundo Corredoira, hai quen sostén que as machadas son votivas, é dicir, que foron depositadas a modo de ofrendas, e que as aleacións probablemente foran ternarias (Sn + Cu + Pb), cunha cantidade moi alta de chumbo (plomo), o que as faría pesadas, desequilibradas e fráxiles. A nosa veciña arqueóloga tamén nos apuntou que outros especialistas afirman que as pezas son funcionais como machadas o que, coñecendo as limitacións das mesmas, probablemente foran utilizadas para cortar madeira viva.

    Dun xeito ou doutro, o único que sabemos con certeza é que Luís Monteagudo (1919-2018), que fora no seu momento director do Museo Arqueóloxico da Coruña e membro do Deutsches Archäologisches Institut de Berlín, escribiría na Prähistorische Bronzefunde alemá, da cal era habitual colaborador, o libro Die Beile auf der Iberischen Halbinsel, unha publicación na que o popular arqueólogo coruñés fala das machadas descubertas ao longo da historia en toda a Península Ibérica, entre elas as seis de Armentón, das que nos comenta que apareceran no castro das Croas ao pouco de empezar a ser traballada a superficie para cultivo. 

Cultivo no interior do castro
   Neste libro alemán, publicado a finais dos anos setenta, Monteagudo dinos que xa da por perdidas as seis machadas, un tesouro arqueolóxico que tería a oportunidade de ver tres décadas antes formando parte dunha colección privada. Afortunadamente o prestixioso arqueólogo, falecido en febreiro deste ano 2018 pouco antes de cumprir o seu cen aniversario, aproveitaría o momento da visita á devandita colección para facer o debuxo das seis pezas, debuxo que aparecería editado orixinalmente nunha publicación realizada polo Museo de Pontevedra do ano 1958 e que, ata o día de hoxe, é a única imaxe que temos delas xa que se descoñece a localización actual das seis machadas.  

Proximidades da leira de Fabalvedre. Ao fondo, o Pazo de Anzobre
   Outro dos puntos de interés do castro das Croas de Armentón son os espectaculares afloramentos rochosos que hai no xacemento, o que nos fai pensar na posibilidade da orixe do topónimo O Roque, unha das aldeas próximas ao xacemento. Segundo as teorías de diversos historiadores sobre as orixes exactas respecto á etimoloxía do nome Roque, hai quen insinúa que se deriva da voz xermánica “hruk”, que significa “corvo”, mais tamén hai quen afirma que pode proceder do escandinavo “hrokr”, “home alto” en galego. A pesar disto, a teoría máis relevante en torno a este topónimo, é a que sitúa a etimoloxía do nome no latín vulgar tardío “rocca”, que significa “pedra ou rocha”, o que nos leva a reflexionar sobre o nome desta aldea próxima ao castro do que estamos a falar. 

Tella e cerámica atopadas na leira de Fabalvedre
  Tampouco podemos pasar por alto outro dos lugares que se atopa nas proximidades do recinto, o núcleo de A Grela, onde se atopou, na leira de Fabalvedre, unha extensión de terreo cunha densa dispersión cerámica, sobre todo tella e algún fragmento de vasilla que os expertos e as expertas cualifican de posible adscrición romana.

 FONTES:

-Barreiro Fernández, José Ramón. Historia de la ciudad de La Coruña. La Voz de Galicia, 1986. 
-Monteagudo, Luís. Die Beile auf der Iberischen Halbinsel. Prähistorische Bronzefunde. Munich, 1977.
-Pardo, Guillermo. Arteixo: La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-Rozamontes, María. Arteixo de onte a hoxe (Volume III). Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, 2007.


venres, 27 de xullo de 2018

RODRÍGUEZ E RAVACHOL, OS LOROS DE PICADILLO E DE PERFECTO FEIJÓO

   Houbo un tempo, a principios do século pasado, que a cidade de Pontevedra e a parroquia arteixá de Armentón estiveron irmandadas polas desventuras de dous loros que, coas súas linguas irreverentes, poñían a caldo a todo aquel que se cruzara no seu camiño disparando, pola súa pequena boca, frases que facían sacar as cores e que non deixaban indiferente a ninguén dos dous lugares. Falamos de Ravachol e de Rodríguez, os loros de Perfecto Feijóo, farmacéutico pontevedrés e gran impulsor da revalorización da cultura tradicional galega, e de Manuel M.ª Puga, o popular Picadillo.

Imaxe do loro Ravachol
   Dada a gran lonxevidade que ten os loros xa que se calcula que poden chegar aos 75 anos, é difícil coñecer a ciencia certa o nacemento  exacto  de  Ravachol  que, segundo algunhas fontes, cabe a posibilidade que fora descendente dalgunha das aves exóticas que trouxeran de América en 1702 os buques españoles que foran atacados na Ría de Vigo pola flota anglo-holandesa na famosa Batalla de Rande. O caso é que, tras o afundimento dos barcos, unha boa parte dos loros lograría sobrevivir expandíndose polas cercanías na cidade olívica, sendo recollidos moitos deles pola veciñanza.

  Case dous séculos despois, en 1891, o profesor de música e director da banda musical do rexemento de infantería de Guillarei (Tui), Martín Fayes, regaloulle un loro que pululaba ao seu antollo polo cuartel, e que de seguro era descendente daquelas aves sobrevivintes de Rande, ao seu amigo e alumno o boticario Perfecto Feijóo.

   Licenciado na Universidade de Santiago e fundador de “Aires da Terra”, o primeiro coro galego, Feijóo, que rexentaba a súa botica na Praza da Peregrina desde 1880, era unha eminente personalidade, das máis carismáticas da época, naquela tranquila Pontevedra de finais do século XIX. De carácter ameno e cercano e de ideais republicanos, o boticario reunía na súa farmacia á flor e nata da sociedade pontevedresa, acudindo ao seu estabelecemento persoeiros da política, as artes e as ciencias para participar nas máis animadas tertulias que alí se celebraban baixo a atenta mirada do loro que lle regalara o seu amigo Martín Fayes, un loro que tardaría unha tempada en adaptarse ao seu novo emprazamento, permanecendo case mudo sen facer alerde da súa facilidade para a conversa que si mantivera no cuartel.

Botica de Perfecto Feijóo
   Mais, pasado o período de adaptación, o paxaro exótico empezaría a exteriorizar o seu carácter de alborotador e descarado que levaba dentro, de aí que Feijóo o bautizase co nome de Ravachol, identificándoo así co anarquista e revolucionario francés François Ravachol, detido a finais de marzo de 1892 e executado na guillotina o 11 de xullo do mesmo ano.

  A habilidade do loro para a palabra fundíase cun vocabulario vulgar e cuarteleiro que deixaba sorprendidos a veciños e visitantes. Segundo a época do ano e a hora do día, Feijóo poñíao na súa gaiola na botica, na rebotica ou ben no exterior da farmacia, ao carón dun banco de pedra, que era o lugar donde Ravachol se encontraba máis a gusto disfrutando do bulicio dos transeúntes.

   O temperamento do animal, a súa verborrea e a facilidade de palabra non tardarían en convertelo nun singular atractivo da cidade do Lérez, gañando de contado o cariño popular. Ata a farmacia achegábanse xentes de todos os lugares para observar con asombro as súas habilidades e ata había clientes que o obsequiaban con algún caramelo, iso sí, os que non lle daban a larpeirada recibían un boa rifa!

  A vida do simpático animal estaría marcada por un gran número de anécdotas relacionadas coa súa enorme desenvoltura para o sarcasmo. Unha das cousas máis sorprendentes é que, a parte da súa gran fluidez na linguaxe, tamén contaba cunha enorme capacidade de intelixencia que lle permitía manter pequenas conversas. Ademais, era quen de identificar algunhas situacións para aplicar as súas frases, que case sempre dicía en galego e que pronto se farían populares ao ser utilizadas no linguaxe cotidiá da veciñanza pontevedresa

Perfecto Feijóo
   Perfecto Feijóo faría todo o posible por correxir o seu mal comportamento verbal e, por iso, a frase ameazante “se collo a vara” soaba cada dous por tres na botica. Mais o loro faría propia a devandita frase para dirixirse aos que se metían con el. Tamén, cando algún paisano se achegaba e facía que lle daba un caramelo, Ravachol dicialle: “Vaite de aí lambón”. Se non había ninguén atendendo a botica e entraba algún cliente berraba: “Don Perfeuto parroquia” ou tamén “Xente na tenda”. Se o cliente ta mal aspecto gritaba “aquí non se fía”. E se o que entraba na farmacia era un crego, pois entón imitaba a un corvo. Outra mostra máis da súa sorprendente capacidade é que en ocasións gritáballe a Feijóo: “Don Perfeuto a despachar” e cando se acercaba o farmacéutico dicíalle: “engañeiche, engañeiche. Tamén ta fama a súa forma de facer plegarias e cantos durante a misa no cercano Santuario da Peregrina, o que provocaría o malestar nos relixiosos aos que chamaba “bárbaros”.

  Ravachol despacharíase ben a gusto con varios persoeiros da época, recibindo os seus insultos intelectuais e poderosos políticos, entre eles o propio presidente do goberno Eugenio Montero Ríos ou a insigne Emilia Pardo Bazán, unha escritora que probablemente estaba afeita a recibir os improperios de Rodríguez, o loro do seu amigo Manuel María Puga, Picadillo, un animal que por aqueles días tamén facía das súas na parroquia arteixá de Armentón.

   A primeira nova que temos de Rodríguez corresponde ao 21 de setembro de 1904, día no que Picadillo publica no xornal El Noroeste o artigo “Mi loro. Confesiones íntimas”, no que o autor describe como chegou o animal ao seu pazo de Anzobre, comentando que fora un agasallo de unha das súas afilladas que tiña emigradas no Uruguai:

María Manuela Peregrina, que así se llama según todas las de la ley, se marchó a Montevideo hace unos cuatro años, y á los pocos meses de estar allá recibieron sus padres una carta en la que se les anunciaba que en breve sería remitido un regalo para el señor padrino. Me olió a loro; pero guardé el secreto.

No se engañaron, no, mis presentimientos. A las doce de una noche de esas crueles del mes de Diciembre, en que el agua se hace sentir pegando contra los cristales, fuertes aldabonazos en la puerta de la casa anunciaban que alguien quería entrar a toda prisa.

Desperté sobresaltado, hice abrir, y un criado volvió a los pocos momentos anunciándome que un “amaricano” deseaba verme con urgencia, pues traía un encargo de cuidado que “me entregar”. No llegó mi fuerza de voluntad hasta el extremo de abandonar el lecho, pero tuve la resignación necesaria para dar orden de que pasase a mi habitación el emisario.

-A la buena noche.
-Ola, amigo, adelante.
-Aquí le traigo esto que me ha dado el encargho para usted su ahigada la Peregrina.
-¡Hombre, un loro!¿Y cómo está la muchacha?
-Queda bien de salud y ghanando bastante plata. Está de criada de manos con una intaliana.
-Vaya, vaya. ¿Y el bicho éste, habla?
-Desprencipia.
-¿Y que come?
-El probito no come más que máiz cocido.
-Bueno, pues déjelo por ahí y que le den de cenar ¿eh?
-No, mil gracias; no apetezco de nada.

Pazo de Anzobre (El Noroeste, 13 de xullo de 1902)
  Mais, ao parecer, aos dezaseis días desta escena, o loro falecía por defecto de aclimatación sen romper o solemne mutismo no que tivera a ben permanecer desde que entrara no pazo de Anzobre, o domicilio arteixá de Picadillo. A familia de Peregrina comunicaríalle a esta por carta a triste nova, e ao ano seguinte, no mesmo día e á mesma hora, outro “amaricano” traíalle a Rodríguez, a segunda edición do animaliño:

El destino se había empeñado en que yo tuviese un loro y ¿qué va uno a hacer? ¡Ah! Pero este es otra cosa; este habla y chilla y da mordiscos. Goza de una libertad que envidiarían muchos mortales, come cuando quiere y duerme donde le parece. Pronuncia difilmente, y lo que más claro dice es:
-¿Cómo te va?
-Corre que corre, chancho!
-¡ay que te corto!

Y canta una cosa de esas de dormir a los niños. Estos días le da por hacerme compañía y la otra tarde se entretenía en comer una cuartilla de mi libro de cocina en la barandilla del balcón de mi despacho, cuando entró un paisano. -¿Cómo te va?, gritó el loro.

El paisano, entre risueño y desconfiado, lo contempló despacio y, volviéndose de repente a mi, me dice:
-Señor amo. ¿e que crase de besta é esta?
-É un animal da Patagonia.
-¡Vaya carafio!

A los dos días mi casero comentaba el suceso con un amigo, en el atrio de la iglesia parroquial, momentos antes de empezar la misa.
-Eche un paxaro grande con moitas prumas. Parce cousa do demo. A min díxome como me iba. Fálache coma os nenos. E chámanlle Rodrighes como se fora un cristiano, fora a alma.
-¡Arrenegado! Ireino ver, oh.


   A partir dese diálogo o loro de Picadillo adquiría en toda a parroquia de Armentón e boa parte da bisbarra unha popularidade que nunca outro animal tivera por estos lares. 

Manuel Mª Puga, Picadillo
   Noutra ocasión, cando Manolo Puga trataba de conseguir suscriptores na parroquia de Armentón para o xornal El Noroeste, o loro facía das súas insultando a un dos veciños de Anzobre, feito que nos conta Picadillo no artigo “Confidencias. La instrucción en la aldea”, publicado en El Noroeste o 5 de abril de 1905:

El entusiasmo se apoderó de todos nosotros y el que más y el que menos se echó por las calles y por las aldeas a la caza de nuevos lectores. A mi también me tocó mi parte y aprovechando la primera ocasión en que fuí al campo, reuní en conclave a los caseros más acomodados y les hablé en la siguiente forma:

Caballeros, agora hai na Cruña un papel periódico que da moito gusto de lelo. Non costa máis que unha peseta cada mes, e vós ben podedes suscribirvos que con eso saberedes todas as novedades que pasan polo mundo.
-Bien está, si señor.
-A ver, lista: Manuel Loureiro, Bernabé Gómez, Juan Grela Grela, Domingo Abeleira, etc.

Doce ó catorce nuevas suscripciones, con las cuales vine muy ufano, haciéndolas inscribir acto continuo en las listas de la administración.

Transcurrió el tiempo, yo estuve por estos barrios dos o tres meses y mi gente pagaba su periódico a toca teja y hasta había suscriptor que hacía sus reclamaciones cuando algún día por casualidad dejaba de servírsele el número.

Volví al campo y a los pocos días de estar allí vino a visitarme uno de mis enlistados.
-¿E cómo lle vai?
-Bien, y tú.
-Ben, para servir a Dios e a usted.
-¿Qué traes de novo?
-E pois señor eu víñalle dicir a ver cuando degamos de paghar el preódico.
-¿Entonces, no te gusta? ¿no está de acuerdo con tus ideas?
-Non, non señor, non é eso.
-¿Pues que pasa, hombre?
-Pois é que na casa ningún de nós sabe ler.

Ante tan rotunda declaración ordené que se le diese de baja sin nuevas explicaciones. A la semana siguiente de los catorce sólo quedaban cuatro; los diez restantes no sabían leer. Cuando uno de los sujetos me explicaba que aquel papel no les servía para nada porque según él “na casa lles estorbaba o negro”, Rodríguez, el loro a quien nunca le falta una palabrita en estas ocasiones, exclamó desde el balcón:
-¡Burro!, ¡Burro!
Y el paisano, medio risueño, medio azorado se vuelve a él y le contesta:
-Tes razón, ho. Ai que raio de paxaro!

   Rodríguez seguiría armando as de San Quintín en toda a parroquia de Armentón ata os últimos días da súa existencia, perda celebrada por uns, principalmente as víctimas do se seu impertinente vocabulario, e chorada por outros, entre eles, obviamente, o seu dono Manolo Puga. A revista Coruña Moderna, na que habitualmente colaboraba Picadillo naquela hora, escribiría o seguinte artigo necrolóxico o 14 de outubro de 1906, artigo que posiblemente sexa o primeiro destas características dedicado a un loro:


CRÓNICA DE SOCIEDAD. UNA PÉRDIDA SENSIBLE.

Nuestro querido colaborador Manolo Puga (Picadillo) pasa en estos momentos por un trance amarguísimo. Al autor de la “Cocina Práctica” le ha desaparecido, súbitamente, de su pazo de Anzobre, un hermoso loro en el que tenía puesto el más sólido y firme de sus amores. El ilustre Picadillo sospecha, con gravísimos fundamentos, que, á estas horas, el loro habrá sido víctima de la ferocidad de algún buitre o de las asechanzas de algún zorro.

Nosotros, que sabemos por experiencia lo angustioso de una pérdida semejante, pues ha poco hemos tenido el dolor de ver exhalar su último aliento a un papagayo al que queríamos entrañablemente, no encontramos palabras que sean capaces de mitigar la pena hondísima que ahora conturba el ánimo de nuestro amigo.

Y así, nos limitamos a aconsejarle que reciba con resignación este golpe que el Destino le ha deparado y que busque en la Religión un bálsamo que cicatrice la herida abierta en su pecho por el fin prematuro y trágico del leal compañero que hacía gratas y amables sus horas campesinas.

¡¡Descanse en paz el desventurado loro!!

Borrador da obra "Rodríguez, o loro de Picadillo"
   Algunhas das andanzas deste paxaro trataremos de revivilas nunha pequena obra teatral na que estamos a traballar con Melandrainas, o grupo de teatro de Arteixo, obra que titulamos “Rodríguez, o loro de Picadillo” e que agardamos poder representar nos últimos meses deste 2018 ou, se se tercia... aí deixamos a idea... facerlle unha homenaxe no entroido, semellante á que se lle realiza en Pontevedra a Ravachol, o loro de Perfecto Feijóo que, ao parecer, falecería na cidade do Lérez o 26 de xaneiro de 1913 a causa dun empacho de biscoitos mollados en viño.

   A prensa da época recollía a noticia da morte do popular loro con gran estupor, deixando á sociedade pontevedresa sumida nois profundo desconsolo, envolta nunha triste sensación de dor polo cariño que lle tiñan ao animal. Perfecto Feijóo, recibiría telegramas de pésame procedentes de toda a xeografía española, e ata incluso o seu grupo de amigos decidiría ofrecerlle a Ravachol unhas honras fúnebres como se merecía, sendo embalsamado o seu cadáver e expuesto na farmacia, unha botica que se abarrotaría de contado para recibir o pésame dos veciños e das veciñas, que facían longas ringleiras na rúa para darlle o último adeus.

   O enterro do paxaro realizaríase o día 5 de febreiro, mércores de cinza e sería a sociedade de artesáns de Pontevedra a encargada de organizalo. Antes dos actos fúnebres publicárase un bando no que solicitaban a asistencia ao enterro "disfrazado cada uno a su manera y portando un farol fúnebre". A comitiva, encabezada por unha docena de xinetes, estaba composta de bandas de música, comparsas, carrozas e miles de paisanos que nun lutuoso desfile dirixíronse ao Circo-Teatro da Alameda da cidade pontevedresa. 

   Ante unha bancada abarrotada, celébrase unha fúnebre despedida denominada "Velada Infausta" na que participan Ilustres pontevedreses antes de que os restos mortais de Ravachol foran enterrados nun terreo que Perfecto Feijóo tiña na parroquia de Mourente, lugar no que os íntimos tertulianos da botica son os que lle dan o último adeus ao loro que durante máis de vinte anos mantivera á sociedade pontevedresa pendente das súas extravagancias.

  Tras a súa morte, a lembranza de Ravachol persistiría no tempo e, co fin do franquismo e a recuperación das tradicións máis laicas e festivas, renacería con gran forza o mito do loro anticlerical, procaz e republicano. Mais, con todo, non sería ata 1985 cando un grupo de pontevedreses decidirían recrear, xunto á comisión municipal de festas, o velorio e enterro do loro Ravachol no entroido da cidade. O éxito desa primeira recreación sería de tal dimensión que en poucos anos o enterro do famoso paxaro exótico convertiríase nun dos actos máis populares dos carnavales que se celebran en Europa. Amigos e amigas de Armentón: ¿para cando o enterro do loro Rodríguez?