venres, 23 de novembro de 2018

AS CAMPÁS DO SANTUARIO DE PASTORIZA

Nun dos numerosos ensaios da obra teatral Porlier en Pastoriza aos que asistimos ao longo do verán de 2018, casualmente observamos que nunha das catro campás coas que conta o Santuario, a do campanil da sancristía, podíase ler perfectamente a inscrición “Kurfürst-Hamburg”. Nun primeiro momento pensamos que podía tratarse da campá dun navío alemán afundido no noso litoral e, por iso, non tardamos en contactar con Fernando Patricio Cortizo, bo amigo e auténtico erudito do mundo dos naufraxios que acudiu ao lugar o 29 de setembro, o día que representamos a obra de Porlier no adro do Santuario de Pastoriza.

Campá de coa inscrición "Kurfüst-Hamburg" (Xosé Troiano)
Impresionado polas grandes dimensións da peza de bronce, de case medio metro de circunferencia na súa base, Fernando afirmounos que en moi contadas ocasións os barcos de antano levaban campás tan grandes e, posteriormente, tamén nos admitiu que nos seus arquivos non tiña ningunha información sobre ningún navío nomeado “Kurfüst” que fora construído en Hamburgo. Mais con todo, o historiador apuntounos que a campá de Pastoriza era moi semellante ás utilizadas hai un século nos acorazados da Mariña Imperial alemá e que, ademais, tiñamos que ter en conta que había moitos barcos que cambiaban de donos (navieira) varias veces ao longo da súa “vida” polo que… “puideron irse a pique coa campá orixinal do día da botadura; é dicir, o nome do navío trocaba rebautizado pola nova navieira que o acababa de adquirir, pero a campá non, seguía sendo a orixinal, a do primeiro barco”.

Coas premisas de Fernando Patricio, poucos días despois puxémonos en contacto con Xosé Troiano, grande defensor do noso patrimonio e especialista precisamente do mundo dos sinos de barco que hai nos campanarios das igrexas galegas, un Troiano que recoñecía que era un caso cheo de misterio e que tamén empezaría a indagar de contado sobre a orixe da campá de Pastoriza.

Vapor Kurfüst (Diario de Bergantiños)
Un dos primeiros pasos da investigación de Troiano foi contactar co historiador Rafael Lema, quen publicaría varios artigos na súa páxina web (cronicamaritima.es) e no xornal Diario de Bergantiños para que, nunca mellor dito, “soara a campá” e que algunha persoa aportara novos datos ata o de agora descoñecidos. Na procura de máis informacións, Xosé Troiano tamén contactaría coa Real Liga Naval Española para resolver o misterio da procedencia do sino do campanil da sancristía do Santuario. E sí, a campá empezou a soar pois, a raíz dos artigos de Lema, o historiador coruñés e arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, xunto co grupo de investigación portugués “Um mergulho na historia”, aportaron datos e fotos do Kurfüst, o barco do que procede, posiblemente, a campá da que estamos a falar.

O noso protagonista era un moderno navío alemán de 5.645 Tn. de tipo mixto, de carga e pasaxe, que fora construído no ano 1901 en Reiherstiegwerft, Hamburgo. Tiña unhas medidas de 125,2 x 14,7 metros e a súa propulsión, vapor de dobre expansión, facíao acadar os 13,5 nós. O Kurfüst, que navegaba con frecuencia polo noso litoral e que de seguro atracou algunha vez nos principais portos galegos, naufragaría o 5 de maio de 1904 en Sagres, no sur de Portugal, cando facía travesía con carga xeral dende Delagoa Bay (Maputo, Mozambique) a Hamburgo, a cidade alemá na que fora construído facía tan só tres anos.

Clarexada a incógnita da procedencia da campá do campanil da sancristía, agora só nos falta saber como chegou a Pastoriza. Sabemos que moitos campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as campás de Camelle, Arou, Cee… 

Santuario de Pastoriza
Segundo Rafael Lema, todo parece indicar a que, na primeira década do século pasado, unha empresa de desmantelamento coruñesa que participara no rescate dos restos do Kurfüst en Portugal doouna ao Santuario de Pastoriza, unha información que agardamos contrastar próximamente.

Deixamos o campanil da sancristía e situámonos agora diante da fachada do Santuario, unha fachada que está ornamentada con motivos clásicos e que se estrutura en tres corpos independentes que rematan nunha espadana. Esta espadana consta de tres corpos, o primeiro formado por dous grandes arcos de medio punto que descansan sobre piares e onde van dúas campás. No segundo corpo, un arco de medio punto onde se sitúa unha terceira campá. No derradeiro corpo, un pequeno frontón triangular curvo cun oco circular rematado por un pináculo con bóla. 

Pois ben, as tres campás da fachada da igrexa de Pastoriza foron estudiadas exhaustivamente polo amigo Xosé Troiano, quen nos cedeu amablemente o seu traballo inédito para estas Crónicas de Arteixo.

Para describilas, Troiano comeza de arriba abaixo denominando as seguintes partes: a parte superior onde vai situada a coroa «ombreiro» (O); uns centímetros máis abaixo, «terzo» (T), onde se sitúan as inscricións de advocación da campá e o ano da súa fundición; o «medio» (M), normalmente onde se sitúa a cruz e nalgunhas veces a marca do fundidor ou unha gran cita; o «medio pé» (MP), onde tamén vai unha cita ou inscrición na que nos di quen a mandou facer, quen a fixo e onde a fixo. Por último, o «pé» (P), que viría sendo o «voo» da campá e que normalmente vai decorado por un ou varios cordóns e tamén onde se pode colocar a marca de fábrica dalgúns campaneiros.


Campá grande do lado dereito da espadana (Xosé Troiano)
a) Campá grande, lado dereito da espadana.
 
Na dereita sitúase a campá grande cunhas medidas de 94 cm de diámetro e 75 cm de alto interior cun peso de 481 Kg. No “Terzo” (T), ten unha greca e dous cordóns continuando coa inscrición: “JHS MARIA Y JOSE ANO DE 1926”. Pecha esta inscrición con dous cordóns máis. No “Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal de cinco chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e os brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Todo o conxunto, cruz e pedestal vai flanqueado por unha greca igual ca do terzo e a súa vez flanqueado por dous cirios. Un cordón pasa pola parte inferior do pao da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous cordóns continuando coa inscrición: “ESTA SE HIZO SIENDO CURA PARROCO EL LICENCIADO DON CLAUDIO SUAREZ BARROS” e dous cordóns máis. No “Pé (P) sitúase a marca de fábrica coa seguinte lenda: “FABRICADO POR OCAMPO / EN ARCOS DA CONDESA”. 


Campá mediana do lado esquerdo da espadana (Xosé Troiano)
b) Campá mediana, lado esquerdo da espadana.
 
Na esquerda, sitúase a campá mediana cunhas medidas 67 cm de diámetro e 60 cm de alto cun peso de 174 kg de peso. No “Terzo” (T), ten unha greca e dous cordóns continuando coa inscrición: “JHS MARIA DEPASTORIZA (Sic) Y JOSEF”. Pecha esta inscrición con dous cordóns máis. No “Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal de catro chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e os brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Pasan dous cordóns finos pola metade da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous cordóns continuando coa inscrición: “HIZOSE SIENDO RETOR DN MANUEL ROJO DE LOS RIOS ANO DE 1782” e dous cordóns máis. 


Campá pequena da parte superior da espadana (Xosé Troiano)
c) Campá pequena, parte superior da espadana.
 
Na oco superior da espadana sitúase a campá pequena. As súas medidas son un pouco menores ca anterior mais carecemos delas. Esta campá é similar á mediana. No “Terzo” (T), ten unha greca e dous cordóns continuando coa inscrición: “JHS MARIA DE PASTORIZA Y JOSEP”. Pecha esta inscrición con dous cordóns máis. No “Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal de catro chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e os brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Pasan dous cordóns finos pola metade da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous cordóns continuando coa inscrición: “HIZOSE SIENDO RETOR DN MANUEL ROJO DE LOS RIOS ANO DE 1782” e dous cordóns máis.

Xosé Troiano tamén nos contou que estas tres campás están elaboradas polos Irmáns Ocampo, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis, Pontevedra)...” Aínda que a campá mediana e a pequena non teñen marca de fábrica, a decoración destas fai que se delaten como deles. Os Ocampo comezaron a porlle a marca de fábrica no primeiro terzo do século XIX, polo tanto, as campás anteriores a estas datas non levan a identificación de fábrica pero a súa feitura é moi recoñecible”.

xoves, 15 de novembro de 2018

O MÚSICO ARTEIXÁN VÍCTOR IGLESIAS

    Víctor Iglesias é desas persoas que necesitamos ter ao noso carón, desas persoas que destacan pola súa capacidade para crear consenso e empatizar con diferentes puntos de vista. Víctor é o fillo que toda nai quere ter, o amigo ideal, sempre disposto a axudar e a colaborar, na medida das súas posibilidades, en todo o que se lle pide. "Conta comigo", "Aquí estamos para o que precises"... son frases habituais deste bo amigo que leva traballado moito, moito, moito pola defensa da cultura do seu Arteixo natal. Agardando que máis pronto que tarde reciba o recoñecemento que merece a súa importante labor, nós, namentres, quitamos o sombreiro e dobramos o xeonllo para agradecer tanto esforzo e tanto tanto traballo, rendéndolle tributo con esta pequena homenaxe.
Víctor Iglesias
   Víctor Iglesias García (Arteixo, 1976) comenza as súas andainas musicais da man de Leonardo Corral, mestre de gaita na Asociación Xuvenil Xiradela, agrupación que lle permitiría ao noso protagonista aprender a bailar, a tocar instrumentos tradicionais e a valorar etnográficamente o entorno. E non só a el. Toda unha xeración de arteixáns formou, ao longo dos anos 80-90, parte activa de Xiradela. 

  Paralelamente, Víctor Iglesias estudia piano no conservatorio da Coruña, e comeza a tocar nalgunha orquesta, como Bolero ou a Finisterre. No ano 98 pon a funcionar a banda de gaitas Artaigo, formada con rapaces das distintas asociacións do Concello. Esta banda sería o embrión da posterior Banda de Música Santiago de Arteixo, da cal foi o seu primeiro director. E tamén dende a banda de gaitas Artaigo sairía á luz o proxecto Camándula, con Nuria Naya ao violín. 

   Entre o ano 1995 e o 2000, o noso homenaxeado colaboraría en Radio Arteixo co programa semanal "Cóntame un conto", no que se achegaba á historia e á etnografía do municipio arteixán dun xeito coloquial e ameno, contos que posteriormente, tras ser emitidos en Radio Arteixo se publicaban no Boletín Informativo Municipal. Dúas de estas historias da autoría de Víctor, "Os salóns de baile"e "A sala de festas Eva", forman parte do libro "Crónicas de Arteixo" (Edicións Embora, 2017).

   Ao longo da súa traxectoria, Víctor tocou en innumerables grupos de moi diferentes estilos de música. Destacan no seu currículo Silvia Penide, Mercedes Peón, Os Revenidos ou Lúar na Lubre, con quen colaborou en setembro de 2016 no concerto da romaría do San Miguel de Pastoriza e, no 2017, tamén participaría co popular grupo folk galego na gravación do disco 30 aniversario da banda.

   Na actualidade, Víctor Iglesias é director da Escola Municipal de Música de Arteixo, clarinetista na Banda de Música Santiago de Arteixo e dirixe a parte musical dos proxectos teatrais "Porlier en Pastoriza" e "Rodríguez, o loro de Picadillo".

sábado, 10 de novembro de 2018

A FONTE SANTA DO FOXO

Sabemos da importancia que na máis remota antigüidade tivo por toda a xeografía galega o culto ás correntes de auga, en especial a predilección polas fontes, unha importancia que perdurou nos tempos da dominación romana e que o cristianismo intentou erradicar, xunto con outras moitas prácticas pagás, sen conseguilo plenamente. Este tipo de cultos, que ían acompañados de actos de adoración, sacrificios e ofrendas, estaban tan arraigados entre os nosos antepasados que a Igrexa lanzaría contra eles sucesivas condenas, principiando polos anatemas de San Martín Dumiense na súa De Correctione Rusticorum, e continuando polos concilios toledanos: “Recordando los preceptos del Señor, no para castigo de los delincuentes, sino para terror, no imponemos por este decreto la pena de muerte, sino que avisamos a los adoradores de los ídolos, a los que veneran las piedras, a los que encienden antorchas y adoran las fuentes y los árboles que reconozcan cómo se condenan espontáneamente a muerte aquellos que hacen sacrificios al diablo”.

Fonte Santa do Foxo
Ante os reiterados fracasos de tan “piadosos” avisos, a Igrexa recurriría ao método, sempre útil e garantizado pola práctica, de sustituir aos deuses ou xenios pagás das augas por algún santo ou santa, e incluso pola propia Virxe María. Os exemplos son numerosos e, a día de hoxe, case todos os santuarios marianos galegos seguen tendo ao seu carón unha “Fonte Santa”, na cal moitos atopan a orixe e culto do que pode ser un recordo do practicado polos antepasados celtas, pois non podemos esquecer que na súa mitoloxía existe un caldeiro que devolve a vida a quenes son somerxidos nel, un recipiente máxico que é nomeado como “Fonte da Saúde”.

A través dos séculos, as crenzas, superticións e o respecto que as augas inspiraban nos nosos devanceiros, de seguro que polos restos do antigo culto que as cría poboadas de xenios protectores, quedarían presentes nas cantigas populares, romances, lendas, tradicións e, tamén, na toponimia das nosas parroquias, como é o caso da Fonte Santa do Foxo, en Loureda, un lugar coñecido dende tempos inmemoriais polas virtudes das súas augas salutíferas e beneficiosas.

Se viaxamos na máquina do tempo e poñemos o contador no día 31 de xaneiro de 1930, podemos ver como o historiador Heliodoro Gallego Armesto publicaba no número 438 da revista Vida Gallega unha reportaxe sobre o municipio de Arteixo na que nos dicía que...en su aldea de Fojo brotan dos manantiales de aguas ferruginosas, que utiliza mucha gente”.

Caseta "dos ricos"
Ao realizar a reportaxe, Armesto probablemente fora testemuña do bulicio que naquela altura había no Foxo, moito maior que o de agora, e de seguro que ata lle mandou un pucheiro de caña na Casa Trigo, estabelecemento do que xa temos falado neste espazo
 
Aqueles eran os tempos nos que pasaba pola aldea o vello camiño polo que circulaban a diario as xentes da comarca de Bergantiños que se dirixían á cidade da Coruña, tempos nos que moita da veciñanza do lugar vivía das populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921 e, dos que xa facía referencia no ano 1829 o “Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal” dicindo que… “los vecinos de las aldeas de Fojo, Cancelo y Rapa se sostienen con el tráfico de la Brona que venden en los mercados de la Coruña, dando con este motivo bastante trabajo a muchos jornaleros”.

Pois ben, naqueles tempos o lugar do Foxo tamén era frecuentado polos residentes do Balneario de Arteixo que, segundo varios testemuños, facían excursións en burro ata Santa Locaia e tamén acudían polas tardes ata a Fonte Santa coas súas merendas e ataviadas, as mulleres, con grandes pamelas.


Caseta "dos pobres"
O Foxo era, naquela altura, unha especie de pequeno recinto termal, un pequeno balneario no que as augas ferruxinosas da devandita fonte eran consumidas principalmente con fins medicinais, unha fonte que tiña dous mananciais e, cada un deles, a súa respectiva caseta.

A caseta da fonte de arriba, na que había a posibilidade de facer fonda, era coñecida como “a dos ricos”. Tiña tres canos e a xente pagaba certa cantidade por vaso de auga, unha auga que segundo nos contou unha veciña do lugar “era boa para o intestino e para o fígado”. A caseta do manancial de abaixo, de tamaño máis reducido que a da fonte de arriba, era coñecida como “a dos pobres” e non había que pagar nada por beber nela.

Na actualidade aíndan quedan os vestixios de aquel pasado. Xusto en fronte a casa “dos do Jefe”, está a caseta onde bebían os pobres e, uns metros máis arriba, “a dos ricos”, na cal, ata hai ben pouco, se cadra ata os anos noventa, aínda había ben xente que acudía a ela. Desgraciadamente, sería a partir de aquela época cando pouco a pouco empezou a quedar agochada no medio da maleza na que hoxe se conserva totalmente abandonada da man de Deus. Aaaaii... se as paredes falaran!



FONTES:
-Alarcón Herrera, Rafael. La huella de los templarios. Ritos y mitos de la Orden del Temple. Ediciones Robinbook. Barcelona, 2004.
-Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.

sábado, 3 de novembro de 2018

O PETRÓGLIFO DE BAER

As persoas que me coñecedes dende hai certo tempo, sabedes da miña paixón pola historia, de xeito moi especial polo mundo da arqueoloxía e sí, seino, se cadra ás veces son pesado demais con quen teño a suficiente confianza para selo!

Esa paixón pola arqueoloxía creo que vén dende a infancia, dende o día en que meu avó materno Milio, Milio do Touciñeiro, me falou do castro de Figueiroa, situado a poucos metros do noso domicilio familiar, e de cando a miña avoa Carme me contaba historias e lendas, entre elas a da galiña dos pitos de ouro que moraba no castro do Castelo de Lañas.

Mais tamén teño que confesar (agardo bromas sobre a confesión) que esa paixón pola arqueoloxía recibiu o empurrón definitivo coa posterior pegada que me deixaron, xa na adolescencia, as longametraxes de Indiana Jones que, como ben sabedes, foron dirixidas por Steven Spielberg e protagonizadas por Harrison Ford, un actor que en cada un dos films da saga interpreta ao arqueólogo e profesor universitario Henry Walton Jones Jr., que emprende viaxes coa finalidade de buscar obxetos de importante valor histórico para a humanidade e de protexelos dos perversos intereses do malvado de turno.

Petróglifo de Baer
De seguro que en algunha das miñas vidas (tal vez xa o fun) hei de ser arqueólogo mais de momento, nesta que me toca vivir, confórmome coa enorme fortuna que teño de verme rodeado de amigos e amigas que me abren as fiestras dos seus coñecementos na materia   que    un servidor non ten, amigos e amigas como o libreiro, pintor e historiador Roberto Castro, esencia de erudición que alumea dende a súa Libraría Sisargas a sabiduría popular e a cultura da cidade de A Coruña; o tamén historiador e concelleiro arteixán Xurxo Couto, que xunto cos seus compañeiros e compañeiras da Asociación Cultural Monte da Estrela realizaron un traballo impagable poñendo en valor o patrimonio de Arteixo durante o tempo que durou a desaparecida asociación; o incansable e admirado Xabier Moure, un dos principais gardiáns dos tesouros históricos que oculta a xeografía galega, moitos deles publicados no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com; o escritor e investigador Francisco Vidal, que ao igual que Xabier Moure conta cun blogue de obrigada visita: oschanzos.blogspot.com; a arqueóloga Patricia Mañana, a quen lle estarei eternamente agradecido polo súa axuda na coordinación do libro Contos mariños de Carballo; a Xosé Manuel Varela, docente de lingua e literatura galega, escritor, músico tradicional, impulsor de innumerables proxectos culturais e defensor, coma poucos, do noso patrimonio; ou as catro arqueólogas arteixás Mónica Montero, Begoña Albertos, Ana Corredoira e Puri Soto, a quen lle quero agradecer públicamente a súa axuda e colaboración en cada un dos proxectos que circulan polo maxín de quen escribe.

Pois ben, con boa parte destas persoas, con boa parte destes amigos e amigas teño pateado moito monte, como diría o prezado Xurxo Souto… “contexto ben propicio para que xermole firme a semente da amizade”, na procura de tesouros arqueolóxicos que sabemos con certeza que aínda están por descubrir, ou por redescubrir, dentro dos lindes do municipio de Arteixo.

Petróglifo de Baer
Moitos destes tesouros foron localizados no seu momento polo popular arqueólogo Luís Monteagudo (1919-2018), grande protagonista nesta bitácora que, en setembro de 1950, publicaba no xornal La Voz de Galicia un artigo titulado Importantes descubrimientos arqueológicos en Arteixo, no cal facía mención dun grupo de petróglifos do denominado Grupo Atlántico xunto coa localización e documentación doutros gravados de orixe histórica no concello arteixán. No devandito artigo dise:

Son importantísimos los petroglifos del monte dos Allos -hoxe Fontes Vellas- por su indudable relación con la explotación del estaño (como los de Pontevedra) y sobre todo por ser los más norteños de los hasta ahora estudiados en Galicia del grupo gallego (combinaciones circulares, principalmente círculos concéntricos), por tanto los más próximos a Irlanda, Inglaterra y Suecia. Hasta ahora los más septentrionales eran los que hemos estudiado con R. Sobrino, en Ames, y los que éste descubrió recientemente en el monte Pedroso, al N de Santiago”.

Como non podía ser doutro xeito, cando vimos por primeira vez na hemeroteca o artigo de Monteagudo, decidimos pór ao voso dispor tal información e, con ese fin, o 24 de agosto de 2017 publicamos neste espazo a crónica “A Cheirona de Suevos, Mafriesa e os tesouros arqueolóxicos da Furna da Agudela e Auga Doce”. Unha semana máis tarde, o 1 de setembro, fixemos o propio co artigoOs restos arqueolóxicos descubertos en Lañas e Barrañán no ano 1950”, crónica que acompañamos cos dous debuxos realizados por Luís Monteagudo dos petróglifos arteixáns.

Obviamente, naquel intre faltaba a guinda: ver in situ os tesouros que permaneceran agochados durante case setenta anos. Sendo conscientes de que despois de tanto tempo os petróglifos podían estar desaparecidos, ben por mor das plantacións de eucaliptos ou ben por mor dos movementos de terras realizados nas últimas décadas para abrir novos camiños forestais, con todo, tratamos de localizalos varias veces. Primeiramente visitamos a zona con Xabier Moure e Francisco Vidal e, meses máis tarde, fixemos o propio con Puri Soto e Ana Corredoira, iso si, en ambos casos con resultados infrutuosos.

Mais afortunadamente, o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos sería quen de dar con eles, un grupo que publicou no Anuario Brigantino 2017, número 40, o resultado das súas investigacións baixo o título Importantes descubrimientos arqueológicos en Arteixo”. In Memoriam: Gravados rupestres no concello de Arteixo (A Coruña), artigo de recomendada lectura que podedes ver na rede e co que o devandito grupo rendeulle un sentido homenaxe ao arqueólogo Luís Monteagudo, recuperando e redescubrindo o grupo de petróglifos prehistóricos e históricos por el publicados en La Voz de Galicia en 1950, ao tempo que presentan outros gravados rupestres dos que Terra de Trasancos tivo coñecemento no concello de Arteixo.

Precisamente, dous membros deste grupo arqueolóxico, Alberto López, que ademais é secretario da Fundación Luís Monteagudo, e o xornalista e fotógrafo José Manuel Salgado, tiveron a ben desprazarse hai unhas semanas ata o noso municipio para dar a coñecer e situar estos importantes achados arqueolóxicos, achados que, despois de ser amablemente convidado polo Departamento de Turismo do Concello de Arteixo, tivemos por fin a fortuna de observar.

Esa viaxe ao pasado a través dos emocionantes gravados rupestres arteixáns feitos en pedra hai miles de anos e que segundo Monteagudo...”son importantísimos por su indudable relación con la explotación del estaño y sobre todo por ser los más norteños de los hasta ahora estudiados en Galicia del grupo gallego, por tanto los más próximos a sus paralelos de Irlanda, Inglaterra y Suecia”, viñan a confirmar que sí, que efectivamente, a paisaxe de Arteixo tamén ten o seu halo de misterio con esa presenza viva e silenciosa que teñen os petróglifos

Petróglifo de Baer
Mais un momentiño. O conto non remata aí. Poucos días despois do “subidón” emocional de poder ver por primeira vez os gravados de círculos concéntricos descubertos en 1950 por Luís Monteagudo, nunha desas mañás de patear moito, moito monte, nunha mañá na que che acaban doendo as caravillas de cada unha das articulacións do corpo, tiven a inmensa fortuna de facer unha nova viaxe emocional e histórica ao localizar, na zona coñecida coma O Pinar Grande, cerca do lugar de Baer, un novo petróglifo de círculos concéntricos!

Trátase dun gravado duns 45 cms de diámetro de seis círculos concéntricos e un sétimo incompleto, con cazoleta central e dous sucos de saída que se atopa nunha superficie rochosa bastante cuarteada. A pesar da erosión e da fragmentación, dá a impresión que na pedra hai un segundo petróglifo mais, ata que se realice unha observación nocturna que de seguro permitirá realizar unha análise do achado con maior profundidade, preferimos non aventurarnos en hipóteses e agardar polas oportunas informacións técnicas.

Mentres tanto, e coa satisfacción persoal de localizar o gravado, seguiremos pateando os montes de Arteixo e, ao pasar por Baer, cantaremos a cantiga popular que recolle María Rozamontes en Arteixo de onte a hoxe:

Eu ben sei onde se dá a rosa
Eu ben sei onde se dá o caravel,
No lughariño de Baer
Na horta de don Manuel