luns, 6 de xullo de 2020

O SAN PAIO DE SANTA ICÍA

     Moitas e moitos de nós utilizamos acotío a estrada CM-0398 para desprazamos a Feáns, ao Polígono de Pocomaco, a A Coruña… e, cando facemos ese percorrido nos nosos coches, atravesamos o lugar de Santa Icía sen pensar o que se agocha no interior desta aldea da parroquia de Morás. De seguro que na retina da maioría dos usuarios desta estrada queda o momento de cando coincide de pasar o tren ao mesmo tempo que conducimos ou, das tres ou catro lombas redutoras de velocidade que tanto lle amolan a máis de un por mor do mundo de presas no que vivimos!

Capela de Santa Icía o 5 de xullo de 2020
     Mirade: cando teñades un oquiño parade alí por favor, porque Santa Icía non son só esas tres ou catros lombas da estrada nin o tren que pasa cada pouco tempo pola zona. Non, Santa Icía é moito máis! Santa Icía é un mundo fecundo de historias... o Couto; a capela; a fonte; a Casa Grande e a cerradura (400 ferrados de terreo); o castro; a leira que lle chaman o Campo Santo; a mámoa; a antiga liña de tren que pasaba por debaixo do pobo; o Marco do Couto e os seus gravados; a antiga cárcere do Couto; o camiño da peregrinaxe ao Santuario de Pastoriza; a lenda das tres fillas do rei; a Santa Icía, patroa dos músicos; as esculturas do artista local Luís Pombo, Kantri; e por suposto o San Paio, romaría que se celebra cada ano e dende tempo difícil de precisar, o primeiro domingo do mes de xullo.

    Seino, haberá a quen lle soe o nome de San Paio pola cadea de cervexarías do mesmo nome que, por certo, si que ten que ver con este lugar porque os seus propietarios son orixinarios de Santa Icía. Mais vaiamos ao conto. Onte, primeiro domingo de xullo, celebrouse outro ano máis o San Paio, cristián galego natural de Tui martirizado durante o emirato de Abderramán III e canonizado pola igrexa católica como exemplo da virtude da castidade xuvenil.

   Segundo conta a lenda, Abderramán III requiriulle contactos sexuais (prometíalle riquezas e honores si renunciaba á fe cristiá e accedía ás proposicións do emir), aos que se negou, o que provocaría a súa tortura e morte. Polas súas reiteradas negativas sufriu martirio, que -descrito lugubremente no santoral- foi por desmembramento mediante tenaces de ferro, sendo despois despedazado e os seus restos botados ao Guadalquivir o 26 de xuño do ano 925. 

   Os restos foron recollidos piadosamente polos cristiáns de Córdoba e enterrados no cemiterio de San Ginés e a súa cabeza no de San Cipriano, sendo considerado mártir pola fe e a pureza. No ano 967, baixo o reinado de Ramiro III, os restos mortais de San Paio foron depositados no mosteiro adicado ao santo en León, fundado polo seu antecesor o rei Sancho. Entre 984 e 999 o seu corpo trasladouse a Oviedo, sendo finalmente depositado no Monasterio de las monjas benedictinas de San Pelayo de aquela cidade. Un óso de un dos seus brazos venérase desde antigo no mosteiro de monxas benedictinas de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela.

   A San Paio se lle invoca contra toda clase de males, desde parálises, traumatismos de diverso xénero, accidentes de todo tipo, reumatismos... ata tumores malignos. O cariño que a bisbarra arteixá profesa a este santo dende tempos inmemoriais pono de manifesto esta canción popular:

San Paio
No palacio do rei mouro
de criado alí servía
e de todos era amigo
polo ben que o facía.

Aínda que en Córdoba finou
este santiño é galego
en el ten a xuventude
un grande e bonito espello.

No lugar de Santa Icía
na parroquia de Morás
tódolos anos miles
visitan este rapás.

Ti tamén a visitalo
ves hoxe a súa capela, 
que el te atenda, meu amigo 
e que te bendiga nela.

Moitos son os que aquí chegan
por esta e por outra cousa
¿Ti porqué ves amigo?
dillo, que el te escoita.

Foi un mártir da pureza,
deso que tanto se olvida
é unha pedra preciosa,
que rarea nesta vida.

No ceo avogados son
este e todos os santiños,
eles nos poden buscar
aquilo que lle pedimos. 

O cristián que non ten fe
é un cristián con morriña,
esquéncenlle os seus defuntos
e non vale unha sardiña.
 
Fillos do pobo galego
que subides a costiña
esta fe que heredáchedes
na perdades tan axiña”

    Non hai datos que indiquen desde cando se celebra a romaxe de San Paio na capela de Santa Icía. Só sabemos que ven de moi antigo e que antano acudía moita xente á romaría andando na véspera do día, saíndo á noite. Polo que nos contou a señora América, veciña de Santa Icía nada no lugar nos anos trinta do século pasado… “moitos tamén viñan en tren ata Uxes e logo facían o camiño a pé. Recordo que a xente pasaba aquí o día e xantaba nos montes da aldea”. Os que vivían máis perto podían quedar na romaría pola tarde e non eran poucos os que levaban pandeiretas e facían festa, ou ben celebraban un baile a cargo dun acordeonista.

    Un pouco máis abaixo da capela de Santa Icía atópase a Fonte de San Paio, lugar no que converxen dúas vetas de auga, á que se lle atribúen propiedades sanadoras. Ao seu carón hai un lavadoiro de construción moderna que nos últimos tempos, dende que a xente deixou de lavar alí a roupa, converteuse nun "santuario" de anfibios. A señora América tamén nos contou algunha lembranza desta fonte: Durante a romaría ou despois da misa e da procesión do santo pola aldea, a xente acudía á fonte de San Paio a beber, a lavar a cara, as pernas ou calquera parte do corpo porque seica curaba todo tipo de doenzas”.

Fonte de San Paio
    Na actualidade o San Paio de Santa Icía xa non é o que era porque os costumes e as crenzas da sociedade mudaron. Agora a xente acude en coche e xa non xanta nos campos e nos montes do lugar mais, con todo, a romaxe continúa celebrándose cada primeiro domingo de xullo… iso si, no San Paio de onte houbo variacións con respecto a outros anos xa que o santo non saiu en procesión pola aldea por mor do Covid-19.



FONTES:

-Blanco Rey, Manuel (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Tomo II. Autoedición, Arteixo.
-Filgueiras Rey, Ana/ Rodríguez Fernández, Tomás (2000): Programa Elviña. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña. Plan Director del Castro de Elviña. Laboratorio de Arqueoloxía e formas Culturais, ITT, Universidade Santiago de Compostela (USC)

sábado, 27 de xuño de 2020

A (SUPOSTA) CAPELA DA CATUXA

Segundo as informacións que nos ofrece o Catastro da Ensenada, no territorio que actualmente conforma o municipio de Arteixo podíanse ver no ano 1752 ata un total de noventa muíños: dez deles na freguesía de Santiago de Arteixo; nove en Armentón; tres en Barrañán; cinco en Chamín; catro en Lañas; dez en Larín; dez en Loureda; catorce en Monteagudo; catorce en Morás; oito en Oseiro; dous en Pastoriza; e un en Sorrizo (en Suevos non había ningún muíño).

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada
unha semaniña enteira,
¡Eso si que é muiñada!
Ai lalelo, ai lalelo.
Ai lalelo, ai lalelo”.

Os muiñeiros tiñan a súa patroa: Santa Catalina, virxe e mártir de Alexandría, decapitada a principios do século IV.

Santa Catalina de Alexandría, obra realizada en 1597 por Caravaggio
Nos primeiros séculos da nosa era, cando Roma xa declinaba en poder e coñecemento, a cidade exipcia de Alexandría ocupou o seu lugar, converténdose en centro de sabiduría e cruce donde se daban a man as culturas de oriente e de occidente. Esa mestura de saberes e tradicións daría lugar, entre outras moitas correntes de pensamento, ao gnosticismo (gnose, en grego, significa coñecemento), doutrina filosófica e relixiosa que profesaban algunhas comunidades dos primeiros séculos do cristianismo, que crían na salvación do home pola vía do coñecemento.

Nesa cidade e nese caldo de cultivo que mesturaba tradicións e crenzas de todos os rincóns do mundo coñecido, xurdiu unha muller, case unha nena, que ascendeu aos altares cristiás como santa Catalina de Alexandría, virxe e mártir.

Segundo a versión máis estendida da súa vida e martirio, Catalina naceu en Alexandría a finais do século III. Seus pais pertencían á realeza e deron á súa filla unha sólida formación nos saberes da época.

Valado dos montes da Catuxa
Cando o emperador romano Marcus Aurelius Valerius Maxentius organizou unhas festas nas que se facían sacrificios no seu nome, Catalina negouse a participar en tan pagás fastos, enfrontándose ao emperador e facendo gala dunha oratoria asombrosa. Para rebatela, o emperador convoca unha disputa pública e a moza enfróntase a cincuenta dos máis sabios doutores de Exipto. Con versos de Homero, con citas de Platón, con textos dos profetas, unidos á súa graza e elocuencia, non só desfai os argumentos dos seus adversarios, se non que os converte a case todos, e selan, como ela, a súa fe cristiá co martirio.

A Catalina aplícanlle a roda con coitelos, mais a roda rompe antes de mancala. Finalmente chégalle a morte por espada. Cando a desposada ía ao ceo a celebrar as vodas co seu celestial Esposo, o martiroloxio romano di que os anxos trasladaron os virxinais restos ao Sinaí.

A imaxe de Santa Catalina de Alexandría é unha das máis difundidas do mundo. Miguel Ángel deixouna plasmada na Capela Sixtina e os pintores máis ilustres da Historia da Arte recreárona cos seus pinceis, de Memling a Caravaggio e de Ribera a Veronese. En todos eles aparece, por suposto, a Roda á que a está tan unida, ese símbolo que representa o eterno retorno, o ciclo repetido do tempo, das estacións, das fases lunares. A Roda de Santa Catalina fíxose tan famosa que deu nome á roda dos muíños de vento, á dos reloxos mecánicos e a unha das pezas das bicicletas, tres exemplos de “rodas catalinas”. 

Camiño dos montes da Catuxa
Tampouco faltan nas súas imaxes outros elementos vinculados á súa vida e ao seu martirio. Entre eles os libros, símbolo da sabiduría da moza Catalina que lle permitiu vencer no seu enfrontamento argumental aos máis grandes sabios de Exipto. Nalgunhas desas representacións a santa parécese sospeitosamente á figura do arcano II do Tarot, A Sacerdotisa, que mantén tamén un libro nas súas mans como símbolo do coñecemento. A gnose.

Maxia e sabeduría acompañan a santa Catalina de Alexandría desde sempre. Unha antiga crenza do sur de Europa pono de manifesto afirmando que todo feiticeiro que nace co don de facer sortilexios e curacións leva, desde o ventre de súa, a silueta dunha roda de santa Catalina marcada no ceo da boca como sinal do seu don.

É probable que santa Catalina de Alexandría nunca existira e que se limite a ser unha representación fabulada da antiga e pagá deusa Hécate. Os datos históricos da santa son máis ben nebulosos e xa no século XVII o escritor relixioso Jean de Launoi, ao non atopar probas sólidas da súa existencia, reemprazaba o seu oficio por unha neutra misa de réquiem. No século XIX Alban Butler, no seu coñecido manual “Vida dos santos”, resolvía a datación da santa Catalina de Alexandría cun ambiguo “supostamente século IV”.

A relación da roda co martirio de santa Catalina fixo que os muiñeiros e, en xeral, todas actividades que tiveran que ver con rodas, como a dos carreteiros, oleiros, afiadores… a invocasen como a súa patroa.

En Galicia hai unha santa,
que Catalina se chama,
morreu atada a unha roda,
de coiteladas amoladas”.

Montes da Catuxa
En toda a xeografía galega, donde houbo grande devoción a esta santa, era moi frecuente empregar o hipocorístico Catuxa para dirixirse a ela. Pois ben, como ben sabedes, no noso municipio hai un lugar que leva o nome de A Catuxa e que pertence á parroquia de Santiago de Arteixo. Neste lugar hai quen afirma que “nos tempos de Matusalén” houbo unha capela adicada a esta santa, mais as persoas coas que falamos din que nada saben sobre a súa localización… “estaría no alto do monte; era o que contaban os vellos”

Ao fío desta información, Manuel Blanco conta no seu libro El período de la Restauración como clave para un mejor entendimiento de la Segunda República en el Ayuntamiento de Arteixo que…

Sospecho yo que, probablemente, hubo allí unha hermita dedicada a su memoria que, como sucede en otros muchos lugares, sería la que dio nombre a dicho lugar. El hecho de que na Catuxa, antes de la desamortización, hubiese tierras iglesarias, e, incluso, casas propiedad de la Iglesia, pueden avalar esta sospecha. Por otra parte el que esta aldea se halle situada en un lugar elevado favorece esta intuición ya que es frecuente cantar:

Gloriosa Santa Catuxa
que estás na alta montaña,
líbrame ao meu queridiño
do aire de certa araña”.

Vista do Atlántico desde o alto dos montes da Catuxa
A festa de Santa Catalina de Alexandría celebrábase, con grande concorrencia de devotos, o 25 de novembro mais, a reforma litúrxica, posterior ao Concilio Vaticano II (1962-1965), eliminouna do calendario litúrxico universal suprimindo o seu culto. A Igrexa católica de Roma non sería quen de borrar a súa presenza nin a fe dos seus fieis.



martes, 23 de xuño de 2020

CACHELIÑA DE SAN XOÁN

Cacheliña de San Xoá
que non me morda
cadela nin can.

     O día vintetrés voume erguer cediño para "ir coller a virtú". De todas as herbas do campo escollerei a espadana, a fieita real, o fiuncho, a herba de Santa María e a fieita de San Xoán. E con todas estas herbas adornarei a casa e en cada buratiño poñerei unha para que esa noite non nos entre ningún meigallo. O resto espallareino por diante da porta e gardarei unhas poucas para a cachela da noite. Esquecíaseme o monllo que teño que facer con todas as herbas para despois pola noite deixar ao resío. Este monllo vaime servir o resto do ano para afumarme con el cando me pique algún bicho.

Noite de maxia
igual que a noite de San Silvestre,
solsticio de inverno.
Noite de bruxas
en que desparramarán á caída da noite
toda a súa fascinación.
Noite de plantas
protectoras e medicinais
para nós.

     E cando chegue a noite farei a cachela con moita leña que bote moito fume para que se vexa ben lonxe. Colocareina nun lugar donde se vexa a casa e as leiras. E cando me queira afumar e saltar a cachela botareille as herbas da virtú. Saltarei a cachela nove veces e unha sen contar mentras vou dicindo:

Cacheliña de San Xoán,
que non me morda
cadela nin can.

     E se podo asarei patacas nas brasas e botarei un anaco  de noite comendo, falando e contando contos.

Noite de lume
disque as chamas purifican todo.
Noite de lume
solsticio de verán.
Noite de lume
que nos protexe contra todo mal.

     Para deixalas ao resío da noite teño que buscar flores: herbas de San Xoán, romeo, bieiteiro, caraveles, trebisco, herba luísa, folla de nogal, ruda, follas de parra... Metereinas nun caldeiro con auga, deixareinas toda a noite ao sereno e pola mañanciña lavarei a cara coa auga de rosas.


Noite de auga
que limpa
que bota as meigas fora.
Noite de lume.
Noite de plantas.
Noite de auga.

¡¡Meigas fora!! 




(Relato de Carme, a de "Cóntame un conto",  publicado no Boletín Informativo Municipal de Arteixo)