La Voz de Galicia, 17 de setembro de 1932:
No ano 1752, San Tomé de Monteagudo era unha parroquia de Señorío da xurisdición de Erboedo que pertencía a D. Diego de Oca y Cadórniga, veciño da cidade de Betanzos.
| Lugar do Igrexario, Monteagudo |
A terra
Segundo o Catastro do Marqués de Ensenada, 24.120 era o número de ferrados que conformaban a parroquia: 22.417 de montes, 1.126 de labradío, 140 de prados de regadío e de secaño, 18 ½ de hortas, 9 de soutos, 7 dunha devesa da Súa Maxestade e os 400 ferrados restantes estaban ocupados por casas coas súas eiras, currais, sendeiros, camiños e silveirais. Había trigo, centeo, millo, liño e castañas, sendo o valor de cada ferrado de trigo a seis reais, o de centeo a tres, o de millo a catro e o das castañas a dous. A medida habitual da terra desta freguesía era de un ferrado de trigo, composto de 30 varas castelás, 120 de circunferencia e 900 de cuadratura. En canto ao gando, había “bueyes, vacas, novillos, novillas, terneros, terneras, yeguas, potras, potros, muletas, muletos, ovejas, carneros, corderos, cabras, castrones, cabritos, cerdos, cerdas grandes y pequeñas; sin que sepan que ningún vecino tenga yeguada o vacada que paste fuera del término”2. Ademais, había 60 colmeas, cuxo produto estaba regulado en 4 reais ao ano, e 14 muíños, todos dunha moa, regulándose o seu produto en 250 reais ao ano.
Impostos.
Dentro dos tributos eclesiásticos, o diezmo pagábase dos froitos que se recollían na parroquia, percibíndoos a Colexiata de Santa María del Campo da Coruña. Contribuía cada veciño da devandita freguesía con medio ferrado de trigo por razón de Oblata. Polo Voto, que correspondía ao arcediago de Nendos, “el vecino de caudal” pagaba medio ferrado de centeo e o de menores posibilidades económicas facíao cun cuarto de ferrado da devandita especie. O importe dos diezmos relativos á Colexiata ascendían, un ano con outro, á cantidade de 4.290 reais, o do Voto a 66 reais e o da Oblata a 234 reais. Os veciños de Monteagudo tamén tiñan que pagarlle anualmente ao Rei por razón de Servicio Ordinario y Extraordinario, 108 reais.
Poboación.
Ademais do cura, “entre casados, viúdos y solteros” había 78 veciños: 11 arrieiros “que todo el año se ejercitan en beneficiar Harina”, que segundo o numero de cabalerías que tivesen para desenvolver o seu traballo, que oscilaba entre 1 e 6, gañaban ao ano 400 ou 1.200 reais; 4 zapateiros, cun xornal diario de 3 reais; 1 xastre, que traballaba por 2 reais ao día; 1 carpinteiro, cun xornal de 3 reais; 1 tecedor, con 2 reais de soldo diario; 1 bataneiro, que gañaba ao ano 20 reais; 2 taberneiros, un deles tamén estanqueiro, cunha utilidade anual de 84 reais divididos entre os dous, aos que lle había que sumar 24 reais máis ao vendedor de tabaco. O resto eran labradores. En Monteagudo había naquel ano de 1752 un total de 71 casas habitables.
A Feira de Monteagudo
No devandito Catastro de Ensenada de 1752 tamén se fai referencia a unha feira que se celebraba na freguesía de Monteagudo naquela época… “que llaman do Rapadoiro; y se celebra el día de la Advocación de San Tomé de cada año, en que se benefician Paños Ordinarios, Cierros, Aparejos de Labranza y otros Géneros de corta estimación. Los derechos de que en ella se adeudan Mixtos con los más Reales Derechos de Alcabala que tiene la Feligresía encabezada3.”
Mais curiosamente no mesmo Catastro fálase da feira que, co mesmo nome, se celebraba na actual parroquia carballesa de Santa María de Noicela, naquela hora freguesía privativa da xurisdición da vila de Caión que “linda por Norte con la Villa de Cayón; Sur con la Feligresía de de San Miguel de Vilela, Levante con la de Santo Thomás de Monteagudo y Poniente con la Mar”.
Naquela altura, os veciños de Noicela entregaban cada ano polo servizo ordinario e extraordinario 130 reais e 2 maravedís á real Facenda, e ao rei 2.298 reales e 9 maravedís. Para a satisfacción desta cantidade contribuían os arrendatarios da feira que se celebraba no Rapadoiro, aportando 1.336 reais e 14 maravedís; o encargado de vender o viño aquartillado entregaba 410 reais e 4 maravedís. Ademais, os lugares de Rebordelos e Lendo contribuían con 153 reais, cuxas partidas rebaixadas do total, quedaban en 808 reais e 29 maravedís, que era a cantidade que compartían os veciños de Noicela. Os arrendatarios da feira do Rapadoiro cobraban un 2% dos dereitos a todos os forasteiros que vendían gando e outros xéneros nela; en tanto que a veciñanza de Noicela tiña dereito a vender libremente na devandita feira e non pagaban nada. Os arrendatarios pagaban na Administración General de Rentas Provinciales de La Coruña 1.336 reais polos dereitos de arrendamento.
| Camiño da feira para vender o gando porcino (Ruth Matilda Anderson) |
E chegados a este punto hai que facerse as seguintes preguntas: a de Monteagudo e a de Noicela eran a mesma feira? Celebraríase nun lugar que abranguía terreos das dúas parroquias? Sendo Monteagudo e Noicela freguesías limítrofes ata a división do territorio provincial e das antigas xurisdicións, todo parece indicar que si, mais é algo que non podemos aseverar. O que si é certo é que as dúas freguesías ían quedar divididas a mediados do século XIX por un camiño de pouco máis de seis metros de ancho que, dende aquel entón, une Lendo con Caión para darlle mar a A Laracha. Seis escasos metros de enlace nos que actualmente, como ben di o xornalista Santiago Garrido (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/a-laracha/2020/11/22/laracha-mar-camino-kilometro-6-metros-ancho/0003_202011C22C6992.htm), cun pequeno salto á esquerda, o camiñante encóntrase en Carballo, nas terras que pertencen a Borrazás, en Noicela, e con outro á dereita, xa se sitúa nos montes de Monteagudo, moi cerca das casas de O Bosque (enlace).
Con relación á feira do Rapadoiro de Noicela, sabemos que naqueles mediados do XIX “(…) a consecuencia del Real decreto de 28 de Setiembre del año anterior, este Ayuntamiento (Carballo) tiene acordado, bajo la aprobación del Señor Gobernador civil de la provincia, la supresión de las ferias de Rus, Cances, Berdillo y Rapadoiro, comprendidas en su distrito municipal y su refundación en tres que habrán de celebrarse en esta villa; la una en el segundo domingo de cada mes, la otra en el tercero, y la última en el cuarto, y un ferión en el mes que tenga cinco domingos, según se celebraba en Berdillo, empezando a regir estas ferias desde Octubre próximo inclusive. Lo cual se anuncia al público para su conocimiento (...)4.”
E medio século despois… “Se acordó crear por el Ayuntamiento de Carballo una feria de géneros, frutos y ganados que habrá de tener lugar en el tercer domingo de cada mes en el Campo denominado de Noicela, que últimamente fue ampliado. La inauguración de dicha feria se efectuará el 22 de próximo Febrero5.”
Posteriormente a devandita feira íase celebrar o primeiro xoves de cada mes e o venres seguinte ao terceiro domingo ata a súa desaparición definitiva, que debeu ser entre a segunda metade dos anos vinte e a primeira dos trinta, como así nolo expresaron varios veciños de Noicela que aínda recordan o que lles contaban seus pais e avós sobre a feira que se facía no chamadado Campo do Rapadoiro.
| Campo do Rapadoiro, Noicela |
Daqueles tempos tamén data a seguinte copla que aparece no Cancioneiro Popular Galego de Ramón Cabanillas:
“¿A que non viche o que eu vin
na feira do Rapadoiro?
Vintecinco xastres xuntos
cosendo nun barredoiro.”
FONTES:
Cabanillas, Ramón (1983): Cancioneiro Popular Galego, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia.
Daviña Sáinz, Santiago (2005): La feria perdida de Noicela, La Voz de Galicia, 13 de abril.
Garrido Rial, Santiago (2020): A Laracha tiene mar por un camino de un kilómetro y 6 metros de ancho, La Voz de Galicia, 22 de novembro.
_________
1 Antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros.
2 Vid. Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición. Concello de Arteixo, 2010, pp. 234-235.
3 Vid. Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición. Concello de Arteixo, 2010, pp. 236-237.
4 Vid. Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, n.º 104, 30 de agosto de 1854, páx 4.
5 Vid. El Lucense, 15 de xaneiro de 1901, páx. 2.
Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.
Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.
E en Arteixo? Neste espazo xa contamos hai certo tempo algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado en Morás, Loureda ou Chamín cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das parroquias arteixás.
| Mozas de Arteixo celebrando o Entroido nos anos 60 |
Hoxe retomamos esta viaxe carnavalesca en Monteagudo, onde nos anos 40 seica xa se celebraba un dos entroidos máis importantes da bisbarra. Dada a súa grandeza e importancia, acudían xentes de Lendo, San Román, Sorrizo, Chamín ou mesmo de Armentón, caso de Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo, veciños do lugar da Perillona que se desprazaban ata Monteagudo nun carro tirado por un cabalo e adornado de mimosas.
A semana anterior aos días de Entroido facíase a matanza e ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para as entroidadas. Naqueles duros anos da posguerra, tempos de verdadeira necesidade, era cando máis e mellor se comía xa que o resto do ano, a meirande parte dos días, o único que había para levar á boca era caldo e broa. Polo que lle ten contado a señora Carmucha á súa neta Ana María Castro “polo Entroido, dabamosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas… Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".
Unha semana antes xa se escoitaban os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal, aínda que na realidade o Entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.
| Imaxe antiga da igrexa de Monteagudo |
O domingo empezaba a diversión. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo da casa. Dábanlle de comer aos animais, ían coller a herba e alí xa falaban do que farían pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo.
O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga, aínda que en ocasións tamén se facía nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigosos. A señora Carmucha recordáballe á súa neta Ana que “eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido cun traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas. O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme… mira que corríamos! Cruzabamos a leira, saltabamos o esqueiro… cando nos pillaba voltabamos para o baile, e así todo o tempo”.
En Monteagudo tamén había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel tiñan o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No Entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encurvado, que remataba a festa derreado dos cadrís. De rabo poñían un pau cebro, con ramas de espiñas na punta cheas de bosta para que ninguén se metese con eles.
Naqueles entroidos dos anos 40, a veciñanza de Monteagudo tamén ironizaba cos traballos que se pasaban nas minas de volframio. Ao parecer, algúns disfrazábanse de mineiros e outros de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral ata que chegaban os gardas para requisarlles o volframio extraído das minas, dando pé ao comezo da persecución!
Naquela hora, se te convidaban a tomar café polo Entroido o máis lóxico era que cho serviran con sal, e se che rogaban con filloas se cadra tiñas a “sorte” de morder a que levaba fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madeixa para as entroidadas. Ao botar o amoado na sartén, ou mesmo na pedra, engadíanse os fíos a estas filloas que se colocaban no prato, no medio das outras, agardando a persoa “afortunada” da entroidada.
| Filloas feitas pola señora Teresa |
Nos 50 e nos 60 o Entroido de Monteagudo ía continuar coa sona de antano. Arturo Varela, veciño de Armentón nado no Igrexario de Monteagudo recorda con especial cariño os traxes das mascaritas. “Eran unha cousa digna de ver. Miña nai, María, era costureira, e facía estes traxes de papel, de papel duro que non sei onde o conseguía pero que termía das costuras. Eran papeis de cores que tamén se utilizaban en tiras longas para adornar os sombreiros dos mascaritos e das mascaritas. As mascaritas ían vestidas de xeito impecable… o que pasa é que moitas veces caían e rompían o vestido.”
Hai quen recorda os traxes dos mascaritos con certo estilo militar e cun sombreiro bicudo con cintas e adornos en contraposición ao das mulleres, que era redondo, aínda que igual de adornado.
Nos Entroidos que se celebraban en Monteagudo nos anos 50 e 60 había tres días de baile nos que tocaban músicos como José Luís, integrante das orquestras Sintonía e Os Satélites; Breixo, que estaba na Banda Municipal da Coruña; Lemos de Oseiro; Daniel Mallo; Castro, que seica tamén era fotógrafo; e mesmo acudían artistas como O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, «contador de contos» moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, onde popularizou temas míticos como Apaga o candil ou a Foliada de Montemaior.
| O Xestal |
Os músicos contratados botaban os tres días en Monteagudo. Durmían e comían na taberna de Socorro e Antonio. Cando viña O Xestal xa vos podedes imaxinar como eran aquelas xornadas entroideiras. “Co Xestal todo o mundo quería estar na taberna porque botaba dende pola mañán ata a noite contando nos contos… era moita comedia do Noso Señor”, recorda Arturo Varela.
Mais as vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e chegou un día no que se deixou de celebrar o Entroido en Monteagudo. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo, para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.
FONTES:
BALADO, FRAN (2014): Guía rápida del entroido en Galicia, La Voz de Galicia, 28 de febreiro.
CASTRO REGUEIRA, ANA MARÍA (1998): O Entroido de Monteagudo, Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49.