domingo, 15 de xaneiro de 2023

O "PINO MACHO" DE VILARRODÍS E OUTROS REMEDIOS PARA A TOSFERINA

  Ata non hai moito, cando o instrumental e os medios non eran os actuais, os nosos devanceiros recorrían aos remedios caseiros e ás crenzas populares para curar enfermidades como a tosferina ou tose ferina, doenza infecciosa e moi contaxiosa producida nas vías respiratorias que causaba terror nas nais de antano.

  Esta doenza combátese dende hai décadas coa chamada vacina da tosferina ou pertusis, que aos bebés se lles aplica dentro da vacina hexavalente, administrada aos 2, 4 e 6 meses para protexelos ante seis enfermidades: o tétano, a difteria, a poliomielite, o Haemophilus influenzae tipo B, a hepatitis B e a devandita tosferina. Aos 18 meses se lles administra dentro da vacina pentavalente, que serve para previr cinco enfermidades, que son as mesmas que a hexavalente mais sen a dose de hepatitis B. E logo, dos 4 a 6 anos, adminístrase dentro da vacina trivalente, xunto ao tétano e a a difteria. Mais un momentiño. Despois de deixar estos datos enriba da mesa, viaxemos do presente ao pasado para saber o que facían as nosas avoas para atallar a tosferina e que remedios utilizaban para combatela.

   Unha das crenzas máis arraigadas naqueles tempos era a que dicía que os enfermos curaban levándoos xunto a un “pino macho” con resina, onde tiñan que dar nove voltas (e unha sen contare) ao seu arredor recitando oracións ou frases como esta:

Tos ferina,

vaite ao piñeiro de resina!

   Seica en cada volta os doentes tiñan que escupir a un punto fixo que tivera resina e, feito o remedio inicial, había quen levaba un anaco da casca do piñeiro macho para os seus respectivos domicilios e continuar alí coa “segunda fase” do proceso. Polo que nos contou a señora Peruca de Orxeira, veciña da Baiuca que residiu boa parte da súa vida no lugar de Laxobre, en Vilarrodís había un “pino macho” ao que acudía cando era nena. 

 

Imaxe dos anos 60-70 da aldea de Vilarrodís (Cortesía de Isabel Martínez)

“Levábanme meus tíos para que me pasara a tosferina. O pino estaba na aldea vella de Vilarrodís nun terreo dos do Americano. Eu era moi nena e recordo que había que dar voltas arredor del mentres unha señora, que creo era dos do Americano, rezaba un Padre Nuestro ou outra oración. Despois de facer o remedio, os tíos collían un cacho de casca do pino e levábano para Laxobre, onde o colgaban na porta do hórreo. Dicían que tiña que estar onde lle dera o aire do mar. Eu, tose que tose, miraba para a casca e respiraba ese aire”.

 

En primeiro plano o hórreo e a casa de Laxobre na que se criu a señora Peruca (Cortesía de Víctor Dopico)

  Marisa Roibal, veciña de Mins, parroquia de Loureda, que casou en Uxes hai máis de sesenta anos, falounos doutro remedio que se facía antigamente para atallar a tosferina. “En Loureda aos nenos mandábannos ao monte a recoller follas dunha planta que lle chamaban codeso. Traiamos unha bolsa delas e despois os maiores machacábanas ben machacadas. Logo espremían nun trapo o líquido que ía soltando as follas. Os cativos tiñamos que beber ese zume, que sabía a pestes, para que nos pasara a tosferina”. 

 

Adenocarpus complicatus, chamada comúnmente codeso (Wikipedia)

   Blandina Naya, díxonos que nos anos 50 ao pouco de casar no Rañal e ser nai de Fina, a súa única filla, foi “nunha ocasión á casa vella de Fontes, no Barral, pola zona do Alto de Arteixo, a buscar follas dunha planta que tiñan alí que lle chamaban a “figueira da tosferina”. Non sei que tipo de planta era. Recordo que era grande, como unha desas plantas de picos que se ven hoxe nos xardíns. Os de Fontes déranme unhas follas ou unha póla que espremín ao chegar á casa, e logo dínlle a Fina ese líquido. A nena tería 3 ou 4 anos; xa non acordo se o remedio fora efectivo ou non… naqueles tempos era o que había”.

    Outro remedio para atallar este mal foi o que nos contou en Santa Icía, na parroquia de Morás, Alejandro Castro Román, que nos dixo que antigamente, segundo lle escoitou aos maiores do lugar, para curar a tosferina seica levaban aos pequenos á ponte por onde pasaba o tren para respirar o fume que botaba a locomotora.

 

Vía ferroviaria de Santa Icía, actualmente anulada (Xabier Maceiras)

    Tamén nos falaron da semente do toxo e da chorima, as flores desta planta que tinguen de amarelo os nosos montes, como remedio para combater a doenza da que estamos a falar. As chorimas secábanse e despois fervíanse para tomar en infusión. As sementes, que seica é onde está a maior concentración de cistina, parece ser que eran aptas para elevar o ton cardíaco para combater a tosferina, a asma e a dor de cabeza.

 

Toxo oceánico (Xabier Maceiras)

    Xabier Monteiro Graña conta na revista cultural Columba que “para curar a tosferina dábase de beber auga de fungo; nun frasco de boca ancha botábase un fungo que, ao cabo dun tempo, ía medrando ata ter a forma dunha medusa. A auga que se formaba dese fungo era a que se bebía1” para sandar a tosferina.

    Na procura de remedios para curar a enfermidade, tamén sabemos que os nosos avós recorrían ás propiedades curativas das augas do mesmo xeito que o facemos hoxe. Eu non sei vós, pero un servidor, cando non ten o ánimo que debe ter, unha ollada dirixida ás augas resulta ser de natureza benfeitora. E neste sentido cómpre sinalar, como así nolo conta Vítor Vaqueiro na súa marabillosa obra Mitoloxía de Galizaque ver a roda dun muíño en canto moe, ou o fluír dun río ou regato, son bos remedios para curar a tose ferina. Igualmente, xa no medievo as augas considerábanse elementos eficaces para sandar a sarna2.

  A medicina popular tradicional está recoñecida pola OMS (Organización Mundial da Saúde), entidade que a ten definida como “a suma total de prácticas, coñecementos e habilidades baseadas nas crenzas, teorías e experiencias indíxenas das diferentes culturas, destinadas ao mantemento da saúde, prevención, diagnóstico, mellora e tratamento das enfermidades físicas e mentais”. Tamén é coñecida por “etnomedicina”, é dicir, a medicina tradicional dos pobos.

   Como traballador da memoria, e como neto de 'Carme do Médico' que é quen escribe, non queda outra que seguir recollendo esta parte do noso pasado do que prometemos seguir publicando no futuro nestas Crónicas de Arteixo.

  Ata a semana que vén!


FONTES:

FILGUEIRAS REY, ANA & RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS (2000): Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Plan Director del Castro de Elviña. LAFC/GIArPa, IIT, USC.

GARCÍA QUINTÁNS, MODESTO (2008): El Ayuntamiento de Dumbría. Historia, tradiciones y costumbres. Deputación da Coruña.

MONTEIRO GRAÑA, XABIER (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, Cobas, Ferrol.

SÁNCHEZ, LUISA (2021): El "toxo" y sus propiedades curativas. La Región, 15 de febreiro.

VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo.


___________________

1 Vid. Xabier Monteiro Graña (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, , Cobas, Ferrol. Páx. 9.

2 Vid. Vítor Vaqueiro (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo. Páx. 64.

domingo, 8 de xaneiro de 2023

A PARROQUIA DE MORÁS NAS "MEMORIAS" DO CARDEAL JERÓNIMO DEL HOYO (1603-1620)

No nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, o Cardeal Jerónimo del Hoyo realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela. Ten esta obra unha importancia extraordinaria xa que nos ofrece unha completa visión de como era o noso país naquela época. Estas son as referencias á parroquia de Morás que aparece no devandito manuscrito:

 

SAN ESTEVAN DE MORAS

Hay en esta feligresía setenta y tres feligreses; los fructos se hacen doce partes: las cinco y un desmero llieva el retor y las siete la colegial de la Coruña. Vale la parte del retor cinquenta cargas de todo pan y una pipa de vino. Presentación del monasterio de San Martin. La fábrica tiene de renta cinco ferrados de centeno y medio real y ciertas vacas. Hay una hermita de San Silvestre.

 

Igrexa de Morás

mércores, 21 de decembro de 2022

domingo, 11 de decembro de 2022

O TÍO CHE MAÑANA E AS ORTIGAS DE SOUTO

  En Souto, lugar que pertence ás parroquias de Morás (Arteixo) e de Orro (Culleredo), pasei momentos moi doces na casa de meus padriños Francisco e Carmen. Cada verán da miña infancia, falo dos últimos anos 70 e primeiros 80, botaba uns días alí con eles. Desa época recordo con ledicia as enchentes de cereixas que me daba nas pólas da cerdeira centenaria, que estaba ao carón do garaxe onde Francisco gardaba o seu Renault 4; a abundancia de troitas que había nos regatos do lugar, os mesmos que verten o seu caudal no río Seixedo; os paseos no remolque do tractor camiño da leira na que se apañaban as patacas; as actuacións enriba dese mesmo remolque que, despois de baleirar as colleitas ou a herba para o gando, convertíase no palco no que xogaba a ser artista coas miñas curmás María e Ana; as viaxes interminables enriba da alfombra voadora que, na realidade, era a grade de madeira, o instrumento con dentes na parte interior co que meus padriños achaiaban a terra e desfacían os terróns despois de labrada; dárlle de comer (e mesmo confesarlle algún secreto) a algunha das catro ou cinco vacas que tiñan na corte; os agochos nas leiras de millo; os xogos no hórreo, lugar máxico de entrada a outra dimensión; e un longo etcétera co que poderiamos botar falando ata mañán.

Panorámica da aldea de Souto. En primeiro plano, a casa nova e o hórreo de meus padriños.

   Meus padriños vivían en Souto coas súas fillas María e Ana (lévanse sete anos unha á outra) e co tío Che e a tía Manuela, os pais de Carmen, que para min eran case case coma meus avós. Manuela, muller de trato doce e agarimoso, non había día que non tivera un detalle comigo. Enloitada, co seu pano na cabeza e as súas lentes de cor indescifrable, recórdoa sacando do peto da súa chaqueta catro ou cinco Sugus, aqueles caramelos mastigables que me sabían a gloria bendita. Ou mesmo algún que outro billete de 100 pesetas, un verdadeiro luxo que “investía” nos paquetes de cromos que compraba na libraría que tiñan en Arteixo Amalucha e Carmen Varela, irmás de miña tía Celia. Un sol de muller a tía Manuela, abofé!

 

Foto tomada en Souto na casa nova de meus padriños na comuñón de miña curmá María. Na imaxe, á dereita María, aparece María, curmá de ambos, e á esquerda o autor desta crónica. Detrás de María seu pai Francisco (con Ana no colo), María, Rosa e súa nai Carmen, miña madriña. Detrás de Carmen aparece seu pai, o tío Che, e a dereita deste meu avó Milio e a continuación a tía Manuela (con gafas), a tía Esther con Pedrito no colo e miña avoa Carme. Ao fondo da imaxe, meus tíos Celia (de gafas) e Chucho, e meu curmán Juan.

  Do tío Che, home de gran sabedoría, recordo especialmente as súas bromas retranqueiras. Nunha ocasión díxonos a María e a un servidor:

  -Vide comigo que imos a unha viaxe!

  A min iso soábame a toda unha aventura. A onde nos levaría o tío Che? Mi madriña, vaia viaxe! Saímos andando de Souto, subimos polas corredoiras do monte da Agra da Vila, que uns anos máis tarde quedaría fendido pola autovía A-6, e aos quince ou vinte minutos xa non podía máis! Estaba totalmente derreado!

   -Señor Che, falta moito?

   -Non, non. Xa estamos chegando!

   Penso que iso foi no 77 ou no 78, polo que María e quen escribe tiñamos 7 ou 8 anos. Continuamos andando por un camiño que se me facía eterno. Atravesamos Barcias e os regos de Silvameán e de Canzobre. Só nos faltaba subir o Everest, pensaba aquel mexericas!

   -Señor Che, falta moito?

   -Non, non. Xa estamos chegando!

    Pasamos polo monte de Marciñade e por fin chegamos a Morás, o destino final da “viaxe”, onde o tío Che negociou durante algúns minutos ao carón do lavadoiro cun paisano pola venda dunha vaca. Despois da transacción gandeira tocaba facer o camiño de volta no que o pai de miña madriña Carmen, con menos presa que no de ida, bromeou con nós canto quixo. Nunca tanto andivera na miña vida! Nos días posteriores o tío Che preguntaba con retranca:

   -E que? Queredes vir comigo a unha viaxe?

   -Non, non, tío Che! Quedamos aquí xogando!

 

Comuñón de miña curmá Ana, que é a nena que aparece xusto no centro da fila inferior. Arriba, de traxe e gravata, o tío Che. Á súa esquerda, meu curmán Juan, Carmen e Francisco (meus padriños) e o tío Pedro (de bigote). Segundo pola esquerda da fila superior, o autor desta crónica. Diante miña, miña curmá María, e a súa dereita Pedrito, curmán de ambos.

   José Mañana Zas, o tío Che, faleceu en decembro de 1988 aos 71 anos de idade. Manuela Mañana Rumbo, a tía Manuela, finou en agosto de 1995, aos 79 anos. Sígoos tendo moi presentes na miña memoria polo afecto e agarimo co que sempre me trataron. A súa filla Carmen, miña madriña, xa hai anos que está xubilada, o mesmo que o seu marido Francisco, meu padriño. Certos problemas de saúde leváranos a abandonar o seu querido Souto, lugar no que vivían dende que casaran en 1969, para establecer o seu novo domicilio nun piso da vila de Arteixo, no cal residen dende hai xa bastante tempo. Visítoos de cando en vez, visitas nas que sempre acabamos falando do divino e do humano e, por suposto, dos tempos de antano. Nunha ocasión, no outuno de 2022, Carmen e Francisco recordaron algúns dos remedios que se facían nas súas respectivas casas para curar certas enfermidades cando eran nenos.

 

Casamento de meus padriños. De esquerda a dereita Teresa e Manolo, meus tíos de Oseiro; o avó Milio; meus padriños Francisco e Carmen; os tíos Pedro e Esther, que non tardarían en emigrar a Inglaterra; e Celia e Chucho, tíos tamén do autor.

   Meu padriño dixo que na súa casa do Rañal, a mesma na que reside actualmente o que escribe coa súa familia, súa nai Carme, Carme do Médico, “poñíanos follas de cecimbre nas feridas e curaban moi ben”.

   Pola súa banda Carmen recordaba que “en Souto, cando había algunha ferida, utilizaban moito a celidonia (tamén coñecida como herba das espullas ou herba leiteira). Esta planta bota un líquido branco coma unha especie de leite, e este leite curaba moi ben as feridas”.

   Miña madriña non se esquece dos remedios que a xente de Souto facía coas ortigas. “Papá, non facía remedios coas follas das ortigas. El utilizaba as raíces destas plantas cando estaba mal ou cando o pillaba o frío ou notaba que lle quería vir unha gripe e tiña algo de febre. Daquela, nalgún destes casos, collía unha aixada e ía a detrás da ventá da casa vella e, ao pouco, viña de volta cun brazado de raíces de ortigas. Sacudíalles ben a terra e despois deixaba as raíces nunha pía de pedra que había ao carón do pozo. Quitaba un balde de auga e botábaa na pía. Logo sacudía unha e outra vez as raíces das ortigas para que non lles quedara ningunha terra. Pasáballes augas e augas, e cando estaban ben limpas, deixábaas escorrendo uns minutos. Despois metíaas nunha pota con auga e poñía as raíces a cocer. E logo bebía a pracer esa auga. Papá dicía que ese líquido chupaba a sangue mala”.

    Da ortiga pódese escribir un libro enteiro. Os romanos seica se fustrigaban con ramos de ortiga antes de ter relacións coas concubinas, e xa se menciona en tratados medievais como remedio para promover a orina. Ademais de ácido fórmico, contén sales minerais (ferro, silíceo, calcio, fósforo e magnesio), contén vitaminas como a Vitamina A, C, e K, abundante clorofila, prótidos ricos en lisina, un aminoácido moi importante que intervén na absorción do calcio, taninos… 

 

Imaxe dunha ortigueira do lugar de Souto

   Na pel, en uso tópico, é unha eficaz planta adstrinxente, hemostática (corta hemorraxias), purificante e polo seu contido en proteínas e aminoácidos é tamén hidratante e suavizante. Emprégase no tratamento de úlceras, feridas superficiais, dermatite seborreica, erupcións, acne, e no cabelo controla a caspa e a graxa. Seguramente vistes xampús feitos con extractos de ortiga. Polo seu contido en clorofila ten efecto desodorante, mais neste caso seica é mellor tomala a nivel interno, en forma de infusións ou como ingrediente dos depurativos batidos verdes.

    Moitos dos nosos devanceiros, entre eles o tío Che Mañana e outros veciños de Souto, eran sabedores destas propiedades medicinais das ortigas. Mais tamén o eran médicos coma D. José Carballo Astray, nado no municipio de Zas en 1887 que foi médico municipal de Arteixo durante 35 anos, entre 1921 e 1956. Sobre este doutor miña madriña Carmen quixo recordar unha simpática anécdota acontecida en Souto.

 

Imaxe do médico D. José Carballo Astray

Mamá dicía que, polo que lle contaba a señora Sinda de Amaro, na eira deles, na eira dos de Amaro, sempre había moitas ortigas e ao parecer cando viña á súa casa Carballo, o médico que había naquela hora en Arteixo, seica lle daba co seu bastón ás ortigas e dicíalle ás plantas:

-Vós, condenadas... vós sodes as que me quitades a metade da miña ganancia."

  Rematamos a crónica con este cantar das ortigas, composto para a ocasión:

 

CANTAR DAS ORTIGAS


Chámanche estrugas

ou herba dos cegos,

Urtica Dioica os íntimos

e os amigos ortigas. 

 

Ilustre planta silvestre das leiras,

boa na agricultura e nos remedios.

Mais... con algúns vellos prexuizos,

sen merecelo, dínche... malas herbas!

(Xabier Maceiras, 2022)


 

FONTES:

-Blanco Rey, Manuel (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Tomo I. Autoedición.

-Sánchez Ávila, Trinidad de los Ángeles (2014): Etnobotánica. La relación del ser humano con las plantas. La ortiga verde, planta que pica y cura http://www.etnobotanica.net/la-ortiga-verde-planta-que-pica-y-cura/