A lo longo do tempo Galicia foi vista a través dos ollos dun feixe de fotógrafos/as, historiadores/as, antropólogos/as, etc. que chegaron desde diferentes puntos do mundo chamados pola riqueza da nosa xeografía e o noso universo identitario e cultural.
Percorrendo as aldeas e vilas dunha punta a outra detendo o tempo en millares de apuntamentos e instantáneas que hoxe explican a historia de todo un pobo, por aquí pasaron entre outros e outras Georges Chevalier, fotógrafo francés que nos visitou para retratar a vida galega de principios do século XX. Precisamente, as primeiras imaxes en cor que se conservan de Galicia son da súa autoría. Datan do ano 1917 e poderían interpretarse como o inicio da modernidade. Outra das ilustres viaxeiras foi Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa norteamericana que chegou a Galicia en 1924, baixo encargo da Hispanic Society of América para documentar as costumes do pobo galego e o seu resultado supera as 5.000 fotos.
Pouco despois, entre os anos 1928 e 1933, o etnógrafo alemán Walter Ebeling, discípulo do eminente etnógrafo Fritz Kruger, chegaba á Fonsagrada para estudar as costumes da montaña lucense. O francés Jean Dieuzaide, que sempre asinaba os seus traballos como Yan, retratou a través da súa Leica a Galicia de finais dos anos 50 e comezos dos 60 por un encargo da editorial Arthaud.
Tamén nesa altura o etnólogo e antropólogo sueco Lars Fredick Staffan Mörling recalou na illa de Ons en 1964 para estudar as dornas para a súa tese de doutoramento (alí coñeceu a Xosefa Otero, a súa dona, que traballou de costureira na illa e coa cal aplicou as teorías danesas da nova etnoloxía) e acabou converténdose nun dos maiores expertos en embarcacións tradicionais galegas.
Na mesma época, en 1965, o fotógrafo danés Gustav Henningsen viaxou a Galicia e íase quedar vivindo dous anos en Ordes. A musicóloga suíza Dorothé Schubarth percorreu a xeografía galega a finais dos 70 e recompilou e transcribiu, xunto ao filólogo Antón Santamarina, 1.800 melodías e textos do repertorio popular galego. Tamén, nos 70 e 80 o fotógrafo nerlandés Ton Van Vliet retratou a vida da Agolada e arredores desa época.
A listaxe de nomes que chegaron a estas terras para retratar ou estudar a idiosincrasia galega non remata aquí, nin moito menos. E tamén poderíamos falar do fotógrafo catalán Ramón Dimas que chegou a Galicia sobre o ano 1956 baixo encargo da editorial Destino; da manchega (de Ciudad Real) Cristina García Rodero, primeira fotógrafa española que formou parte da prestixiosa Agencia Magnum, e que percorreu desde o ano 1974 a xeografía galega para retratar o sentir das súas xentes; ou da catalana Anna Turbau, unha reporteira gráfica moi comprometida coas causas sociais, que capturou imaxes que son auténticas iconas das orixes do fotoxornalismo en Galicia na segunda metade dos 70.
Tamén sabemos que a principios dos 70 o matrimonio formado polos estadounidenses Hans C. Buechler, profesor asociado de antropoloxía da Universidade de Siracusa (Nova York) e a súa muller Judith-María Buechler. profesora adxunta de antropoloxía do Hobart and William Smith College, chegaban a Galicia para realizar o oportuno traballo de campo para un estudo sobre a emigración galega a outros países europeos ao longo dos anos. Con anterioridade xa fixeran, tanto individualmente como en equipo, moitas e variadas contribucións ao campo da antropoloxía en forma de libros, artigos e traballos académicos.
As voltas que da a vida (aquí, amigos e amigas, tamén poderíamos dicir… que pequeno é o mundo), recentemente recibimos un correo eléctrónico de Gabriel Álvarez Silvar, profesor de secundaria de Xeografía e Historia que hai anos impartiu a súa docencia no IES Manuel Murguía de Arteixo. Pois ben, grazas a Gabriel, soubemos que os Buechler estiveron en Arteixo nos anos 70.
No email Gabriel comentaba que se especializara “no estudo das migracións e por esta razón atopei hai uns anos o libro de Hans C. Buechler e Judith Buechler Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman publicado en Estados Unidos en 1981, a partires dunha investigación realizada nos anos 1972 e 1973 tomando como informante a unha veciña de Arteixo. O caso é que o libro paga a pena para coñecer os cambios na sociedade galega dende o punto de vista dunha labrega a partires da Guerra Civil, razón pola que o traducín ao galego”.
Gabriel tamén nos dixo que se puxera en contacto co autor para comprobar a existencia da informante, así como para pedirlle autorización para a posible publicación do libro en galego. E en efecto, Hans Buechler díxolle que a muller que lle da nome a Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman é Carmen López López. “Hans -contaba Gabriel no correo electrónico- deume o enderezo dela e envieille unha carta falando da tradución e a súa posible publicación. A carta veume de volta por ter o enderezo incorrecto. Non sei se ti, Xabier, coñeces a Carmen. Sei polo libro que vive en Chamín e que ten unha filla chamada Mari Luz e un fillo chamado Javier. Gustaríame poñerme en contacto con eles pois, de ter a súa autorización, intentaría publicar o libro o máis próximo á versión inglesa”.
Nada máis recibir o correo de Gabriel, contactamos coas nosas amistades de Chamín e non tardamos en recibir vía Whats´App a dirección e o teléfono de Carmen López López, a protagonista de Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman.
Mais antes de poñernos en contacto con ela, decidimos ler as traducións que nos enviou Gabriel, coas que descubrimos que o libro é un verdadeiro tesouro etnográfico e que, ademais, ten todos os elementos dun gran drama: paixón e dor, cambio social, conflito e loita. A trama desenvólvese en contornas tan diversas como Chamín, Caión, Paiosaco, A Coruña, Montevideo e un barco fluvial polo Rin, en Alemaña. Pero ademais de ter todas as virtudes da ficción, Carmen tamén é enormemente instrutiva como a historia real dunha muller labrega tradicional envolta pola marea da modernización. Carmen permite ao lector ver o proceso de cambio social a medida que afecta ao individuo. Como historia de vida, a veciña de Chamín proporciona perspectivas fascinantes sobre a sociedade labrega que lle tocou vivir na súa infancia e xuventude, o cambio cultural, a cultura e a personalidade, a estratificación social, a industrialización e os efectos da emigración internacional e do campo á cidade.
Despois de ler unha boa parte do libro, chamamos a Carmen, que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio de Chamín de Abaixo o día 2 deste mes de maio. No seu domicilio, a protagonista de Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman, díxonos que Hans e Judith-María Buechler viaxaran coas súas fillas, que eran xemelgas, e coa nai dela, unha señora que era alemá. “Viñeran desde Suíza nun coche familiar e alquilaron un apartamento na de Germán. Viñan aquí a facer un estudo sobre a emigración galega en Suíza, que de feito pasaron moitas horas pola zona de Rus, en Carballo, e de Cabana falando con emigrantes. De alí era o cura que había en Chamín, don José Baneira. De feito o irmán do cura, que non recordo o seu nome, ía moito con eles por aí, por esa parte”.
![]() |
Carmen López López no seu domicilio de Chamín de Abaixo posando co libro que protagoniza (Xabier Maceiras) |
Segundo don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres, don José Baneira Nieto, cura de Chamín e Sorrizo cando os antropólogos norteamericanos tiñan o seu “campamento base” nun dos apartamentos de Germán, era natural da parroquia de Corcoesto, municipio de Cabana de Bergantiños.
Carmen tamén nos contou que “eu a eles coñecinos por Germán e íalles facer a limpeza ao apartamento, lavarlles a roupa no pilón, que naquel tempo non había lavadora, plancharlles a roupa, e tamén lles coidaba un pouco as nenas cando tiñan moito traballo coas entrevistas. Eu tiña unha nena, Mari Luz, que era algo máis maior que as cativas dos americanos. As nenas pasaban tempo na nosa casa de Chamín de Abaixo e tamén na leira que tiñamos aló, cerca da de Germán. Daquela había dúas vacas na casa e a miña filla Mari Luz dicíalles:
-Pasa Morena, pasa Parula!
E as nenas dicían despois:
-Pasa Morrena, Pasa Parrula!
E á miña filla chamábanlle Marri Luz. As nenas ao final xa se defendían bastante ben co idioma.
![]() |
Imaxe do edificio de apartamentos de Germán. O primeiro andar, que mira ao Atlántico, é onde residiron os antropólogos norteamericanos e a súa familia na súa estadía arteixá (Xabier Maceiras) |
Carmen López quixo deixar claro que “eu ía para o apartamento deles a traballar, non para facer o libro. Eles viñeran aquí e andaban buscando na xente. Viñan contratados por unha editorial de Suíza e daquela a min empezáronme a preguntar un día e tal e tumba e dixéranme que me ían pagar polas entrevistas e polos dereitos de autora. E así foi, que daquela xa me pagaran 50.000 pesetas. Eu conteilles a miña vida toda, a de meus irmáns, a de meus pais... E na nosa casa sempre foron ben recibidos, ata viñeron á festa, que a Judith aínda me acordo que lle sentaran mal os callos”.
Carmen tamén recorda que “eles cando viñeron por primeira vez aquí sería por 1972 ou 1973, e anos despois viñeran dúas irmás de Hans que tamén escribían dos mesmos temas que o irmán. Sacárannos unhas fotos para o libro que estaban facendo sobre a miña vida. Eles tamén sacaran fotos estando aquí. Hans e a muller viñeran anos despois, sobre o ano 1980 ou por aí, e estiveran na miña casa, que foi cando me trouxeron o libro, que para min é un recordo que está aí para os fillos e os netos. Foi unha honra poder contar como era a Galicia que me tocou vivir naqueles tempos, que eu aos 9 anos xa andaba servindo e de aí para adiante sempre traballando, e iso si, nunca tuven que emigrar. O malo do libro é que está en inglés”.
![]() |
Carmen López nunha das imaxes que aparecen no libro Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman |
A veciña de Chamín sabía que, efectivamente, era protagonista dun libro no que ata o seu nome figura na portada pero nunca soubo o que contaban dela os antropólogos norteamericanos Hans C. Buechler e a súa muller Judith-María Buechler. “Botei corenta anos sen saber o que dicían de min… e aínda a día de hoxe aínda non o lin todo. Ata a pandemia non souben o que poñía o libro. Tíveno aí todo este tempo ata que mo empezou a ler unha rapaza que estivo vivindo aí diante da nosa casa que sabía inglés. Cando podía, viña traducirme un pouco cada día. A rapaza veu vivir a Chamín pola pandemia pero despois marchou e, claro, xa non me puido acabar de traducir o libro. Aínda me falta por ler a metade. A ver daquela se ese amigo teu o traduce ao galego”.
Así pois, agardamos impacientes pola tradución ao galego de Gabriel Álvarez Silvar e que unha editorial aposte por este tesouriño etnográfico que é Carmen: The Autobiography of a Spanish Galician Woman.