MANUEL REY SUÁREZ
Nado en San Tirso de Oseiro o 1 de xaneiro de 1869, dende moi novo tiña moi claro que quería estudiar dereito, decisión que o pai non aceptaba xa que desexaba que o seu fillo fora cura. O rexeitamento da idea paterna levaría a Manuel Rey a quedarse sen carreira ..."serei abogado ou nada", dixéralle a seu pai, mais as súas inquedanzas intelectuais acompañaríano toda a vida, unhas inquedanzas que o levarían a relacionarse cos persoeiros máis célebres da época, pois sábese con certeza que coñeceu e tratou a Manuel Murguía, Castelao, Basilio Álvarez ou, entre outros, a Wenceslao Fernández Flórez. Tamén fora moi amigo de Casares Quiroga. A súa amistade con él nacera na etapa en que éste se convertera en organizador das sociedades labregas, onde ambos coincidirían en numerosas asambleas agrarias nas que participarían activamente.
Rey, que casara aos vinte e catro anos en Pastoriza con Genoveva Riveiro Castro (matrimonio do que nacerían tres fillos: Jesús, Clotilde e José), sería quen de integrar, na popular Unión Campesina, ás diversas asociacións agrarias do concello arteixán: Arteixo, Lañas, Meicende, Oseiro, Pastoriza e Suevos, a quenes representaría en varios Congresos Rexionais, como na I Asamblea Agraria de Monforte de Lemos, celebrada en 1908. Igualmente participaría noutras Asambleas Agrarias tanto a nivel nacional coma provincial ou local. Precisamente, nunha destas asambleas celebrada no verán de 1908, dera un mitin contra "las instituciones e integridad de la Patria" que estivera a piques de causarlle pena de prisión ou desterro.
Nas Actas Municipais do Concello de 17 de maio de 1911, Manuel Rey aparece como Procurador Síndico, e en 1913, é concelleiro co alcalde do Partido Liberal, Toribio Salvadores Puente; en 1916 forma parte da comisión de Obras Públicas, e en 1918, é nomeado membro da Junta Local de Primera Enseñanza.
Manuel Rey Suárez
Comprometido parte do seu patrimonio familiar, en pro da Unión Campesina, vese na obriga, para tentar aliviar a súa maltreita economía, a emigrar a Cuba en 1918-1919 e, na illa caribeña, coñecería a un mozo que se convertiría amigo seu e admirador do seu talento o resto da súa vida. Estamos a falar de D. Manuel Iglesias Corral, co tempo prestixioso abogado que sería alcalde da Coruña en 1932; diputado en 1933; fiscal xeral da República no 36 e, despois da dictadura, senador pola C.D.G. en 1977; senador e diputado por U.C.D. e, finalmente, senador por A.P.
En 1933, ao cumprirse o primeiro centenario do nacemento de Murguía en Froxel e con ocasión da inauguración dun monumento na súa memoria organizado pola Academia Galega, unha representación dos veciños da parroquia de Oseiro formada por José Naya Pan (bisneto de Antón Pan, padriño este de Murguía), Manuel Varela Rumbo, Pascual Prego Mosquera, Pedro Castiñeiras Lago e presidida por Manuel Rey Suárez, participa en dito acto, depositando unha coroa de flores coa seguinte dedicatoria: "La parroquia de Oseiro a su ilustre hijo Manuel Murguía". No nome dos comisionados, Manuel Rey Suárez pronuncia o seguinte discurso que figura no Boletín da Academia Galega, nº 249 de 1.6.1933, páxina 196-197:
"Representando en estos momentos una Comisión de entusiastas vecinos de la parroquia de Oseiro, en una de cuyas aldeas modestas -la de Froxel- nació el genio de las letras gallegas don Manuel Murguía, tengo el honor de saludar en nombre de la misma a las respetadas autoridades, a las apreciables damas y al pueblo en general.
Después de tan humilde saludo, solamente vengo a decir que la parroquia de Oseiro, como cuna nativa del ilustre historiador y velando por sus tradiciones históricas, no podría sustraerse de concurrir con su sencilla ofrenda que, como un cariñoso beso de amor, venimos a tributarle en esta culta ciudad, depositando al pié de este hermoso y significativo monumento. Pues si un día manos piadosas de los vecinos de dicha parroquia prodigaron con celo cristiano a una afligida madre, cariñosos cuidados en difíciles momentos de ansiedad y aflicción, colmando de besos al nuevo infante que había dado a luz, muy justo es que prosiguiendo nuestra proverbial hidalguía, vengamos, cien años después, a contemplar el busto de aquel que fue hermano nuestro y coronarle flores.
Solamente ahora suplicamos al pueblo de La Coruña que toda vez que estas flores tienen una doble misión que cumplir, que las recojais y amorosamente las depositéis, antes de que se pongan mustias, sobre la tumba que entre árboles y más perfumadas flores duerme el sueño eterno el historiador de Galicia y hermano nuestro Manuel Murguía".
Manuel Rey, primeiro pola esquerda, en Froxel
Rey, probablemente o inspirador do Partido Galeguista de Arteixo (constituído no noso concello en abril de 1936), con motivo da aprobación do Estatuto de 1936 e tamén das eleccións, da e participa en diversos mítins e conferencias en varias localidades xunto a membros destacados do Partido Galeguista como Luís Seoane, Plácido Castro del Río, Vilar Ponte ou Suárez Picallo. En Arteixo, os mítins que se deran por mor do Estatuto do 36 e nos cales estivera Rey presente, celebráranse en Borroa, A Baiuca e Suevos, actos que organizaran o mestre de Loureda, Bartolomé Calderón, e o de Lañas, Antonio Platas Reinoso, ambos do Partido Galeguista. Tamén, con motivo das eleccións, houbera un mitín en Loureda no que falou Platas, o mestre de Lañas, e o secretario xeral das mocidades galeguistas, Pedro Galán Calvete, que naquela hora tiña 18 ou 19 anos e uns meses despois, co golpe de estado, sería asasinado dun tiro na Corveira.
Manuel Rey salvaríase das atrocidades fascistas grazas a amistade que tanto él, coma o seu fillo Jesús, tiñan co médico municipal José Amenedo Casabella, con gran influencia na política local, e cos curas de Arteixo e Pastoriza. Os últimos anos da súa vida dedicaríaos a facer particións de herdanzas, como perito práctico, e a dar clases particulares diurnas e nocturnas (estas a adultos), clases que serían un gran éxito pola cantidade de alumnos coa que contaba. Morrería de asistolia no seu domicilio de Oseiro o 3 de xullo de 1940. Contaba 71 anos e deixaba dous fillos: Jesús e Clotilde e descendencia doutro, José, que morrera antes que seu pai.
Antes de rematar, quero expresar o meu agradecemento a Josefa Rey Naya, veciña de Oseiro e filla de José Rey, por contarme algunhas das historias que acabades de ler sobre o seu avó, Manuel Rey Suárez.
FONTES:
Josefa Rey Naya
Arteixo durante la II República y la Guerra Civil. Manuel Blanco Rey
MANUEL GONZÁLEZ BERAO
A semana pasada tiven a honra de coñecer persoalmente a Manuela González Cadórniga (Manolita para os seus amigos), nai da miña amiga Ana Cillero e filla de Manuel González Berao, un home que se a súa vida cae nas mans dun dos grandes guionistas de Hollywood abofé que optaría a algún Oscar con total seguridade.
Moitos dos veciños e veciñas de Arteixo que hoxe teñen máis de sesenta primaveras hanse de acordar del por ser chofer dos trolebuses Coruña-Carballo, mais eso sí, hai que falar de "Gonzalo" ou "Zalo", pois ese era o nome con que todo o mundo coñecía a Manuel.
Mais antes de ser conductor dos trolebuses, o noso protagonista vivira unha vida intensa, chea de grandes aventuras e digna, como dicíamos anteriormente, do mellor dos guións cinematográficos.
Manuel González viñera ao mundo no ano 1917 en Santa María de Ferreira de Pantón, parroquia do concello lucense de Pantón, lugar no que pasaría a súa infancia. Con trece ou catorce anos, coincidindo coa proclamación da II República, sería un dos moitos nenos españois que completarían a súa formación na Unión Soviética, onde se faría piloto de aviación.
O comandante González na U.R.S.S.
En 1936, aos poucos meses do estoupido da Guerra Civil, o goberno da República atoparíase coa urxente necesidade de aviadores que sustituíran tanto aos militares profesionais da preguerra como aos voluntarios internacionais. Para tal fin, os republicanos crearían un complexo de escolas en Murcia e farían públicas varias convocatorias para que españois de tódalas clases poideran cumprir o soño de voar. A maior parte daqueles concursos serviría para a formación de expedicións de pilotos que viaxarían a Francia e, sobre todo, á U.R.S.S., nun periplo que para moitos dos alumnos-pilotos supuxo a viaxe máis longa que fixeran na súa vida e que os levaría a un país completamente diferente ao seu. Alí, naquelas xornadas de formación aeronáutica na prestixiosa escola de Kirovabad (na actual Azerbayán), estaba o comandante González, o noso protagonista, que non tardaría en partir cara a península para combatir desde o aire na defensa da República.
Os avións que pilotaban eran coñecidos en España como "moscas" e "chatos". Os primeiros eran os míticos cazas Polikárpov I-16; a maioría deles chegaran desmontados e no exterior das caixas que os contiñan líase Moskva (Moscú), de aí que na península os rebautizaran como "moscas". Os segundos, biplanos, tomaron o seu nome polo seu morro, achatado.
Aos mandos dun destos avións, sería derrubado Manuel González Berao, que salvaría a súa vida saltando no paracaídas durante a batalla de Guadarrama e feito prisioneiro despois.
Rematada a Guerra Civil e despois de pasar algún tempo de cárcere en cárcere e, de varios consellos de guerra na que o noso protagonista salvaría a súa vida "polos pelos" (se cadra pola influencia de seu tío, que era comandante da Garda Civil de Carballo), empezaría a gañarse o pan no mundo do cine en Madrid donde, grazas a súa boa percha, traballaría en películas como "Los majos de Cádiz", "Luis Candelas", "Charlot" ou "La casa de la Troya" ao lado de figuras míticas da época como Mary Delgado, Alfredo Mayo ou Imperio Argentina.
Mais o cine non era suficiente para sacar adiante á súa familia (Manuel casara con María Cadórniga Alvarez, que era descendente do Conde de Lemos) e así, cando corrían os primeiros anos cincuenta, o matrimonio e a súa pequena filla Manolita chegan a Carballo, donde o parente que tiñan na vila, o comandante da garda civil lle buscara traballo a "Gonzalo" como conductor dos Trolebuses Coruña-Carballo, liña que fora inaugurada en febreiro de 1950.
Germán (cobrador), "Gonzalo"(chofer) e Mareque (chofer)
"Gonzalo" en Arteixo
Logo dun tempo vivindo na capital de Bergantiños, a familia González Cadórniga trasladaríase a vivir a Arteixo, concretamente ás casas que a empresa na que traballaba tiña para os seus empregados na marxe esquerda da actual Avenida de Caión, xusto ao pasar o colexio Ponte dos Brozos, moi cerca donde posteriormente construirían unha casa nova, unha edificación que fora unha reproducción exacta da casa que un amigo de "Gonzalo" tiña en Venezuela. Esa casa, que estaba donde hoxe está o café Melandrainas, forma parte da memoria colectiva de Arteixo e foi o lugar donde pasarían gran parte da súa vida Manolita e Ana (filla e neta de "Gonzalo") escoitando as historias daquel rapaz que se fixera piloto de aviación na desaparecida Unión Soviética, daquel comandante republicano, daquel actor que traballara con Mary Delgado e Imperio Argentina, daquel chofer dos Coruña-Carballo, daquel aventureiro chamado Manuel González Berao, "Gonzalo" ou "Zalo" para os seus amigos.
O meu agradecemento a Manuela González Cadórniga e a Ana Cillero González pola marabillosa mañán do pasado 11 de xuño que me fixeron pasar escoitando as historias do seu pai e avó!
A casa da familia González Cadórniga en Arteixo, lugar que hoxe ocupa a cafetería Melandrainas
EMILIA VIÑÁN MATOS
Nun tempo no que ser muller non era doado, nun tempo no que as leis aínda eran máis ruíns que as mentalidades, unha muller emprendedora, arroutada, de carácter, chea de enerxía, de forza e de vitalidade, unha muller que non quería ser un cero á esquerda naquel mundo de homes, convertíase nunha das primeiras taxistas de Galiza. Si, estamos a falar de Emilia Viñán Matos, a popular Viñana.
Oficialmente, o privilexio de ser a primeira taxista galega tivérao a lucense Dolores Trabado, a quen nun principio tamén sinalaron como a primeira taxista de España, cando en realidade parece ser que fora a leonesa Piedad Álvarez, que empezara na profesión nos anos trinta.
Hai cousas que herdamos dos nosos pais e no caso de Emilia Viñán, nada en Loureda no ano 1932, herdaría a súa paixón polo volante de su pai Ramón, o fundador da empresa "Transportes Viñán", que aínda hoxe é lembrada grazas á "Superiora", o popular coche de liña que a diario utilizaban as leiteiras arteixás e que tiña garaxe na Praza de Pontevedra, esquina coa rúa Juan Flórez. A "Superiora", trala morte de Ramón Viñán (falecería nun accidente en Oseiro cando conducía o seu bús) pasaría ás mans de "Transportes Benito".
Familiarizada co mundo do motor dende que era unha nena, e afeita a manexar o volante no coche de seu pai dende os primeiros anos da súa xuventude, a finais dos cincuenta a nosa protagonista decide apuntarse na autoescola Fernando Rey para sacar o permiso de conducir e, nada máis obtelo compraría unha furgoneta Alfa Romeo, coa que se dedicaría durante un tempo á venda de legumes e patacas.
Nos primeiros anos sesenta, no 60 ou 61, faríase coa licencia de servicio público, licencia que según Pepe do Muiñeiro, un dos primeiros taxistas arteixáns, ninguén quería porque era a número 13! Pouco lle importou a Emilia ter ese número...o que a ela lle importaba era que as cousas lle foran ben na aventura que acababa de iniciar naquel mundo de homes cunha furgoneta DKV, o seu primeiro taxi.
Como muller da época, casada e con dous fillos, ademais de taxista, tivo que exercer de ama de casa...non quedaba outra, entre viaxe e viaxe coa súa DKV, había que buscar tempo onde non o había!
Estamos xa nos 70, anos nos que Emilia cambiaría a DKV por un flamante Dodge Dar de cor negra, aquel maxestuoso C-70526 co que en 1973 viaxaría ata Alemaña para ver a súa recén nacida neta Soraya, a filla de Ángel, que acababa de nacer en Sttutgart.
Son anos nos que había traballo grazas á moita xente que viña ao Balneario e tamén, á xuventude que cada domingo paraba na sala de festas Eva. Nesta época, uns maleantes déranlle o pao a un taxista de Arteixo, ao que acabarían atando a un pino. Os delincuentes non tardarían en repetir a faena, mais desta volta sairíalles o tiro pola culata. Colleran o taxi equivocado, colleran o taxi da Viñana..."ídesme roubar a min polo carallo 29", dixo ela. Con medo ou sen el, e de seguro que con algunhas labazadas polo camiño, Emilia sería quen de "dominar ás feras" e de chegar ata o cuartel da Garda Civil de Carballo, onde os botaría a patadas..."aí vos quedan", dixéralle aos gardas.
O Dodge Dar daríalle paso a un Chrysler 180, taxi que posteriormente cambiaría, cando os taxistas xa tiñan a parada na Avenida do Balneario, por outro do mesmo modelo. Finalmente, un Talbot Horizon, matrícula C-Y, sería o coche co que nos anos noventa a nosa protagonista realizaría o seu derradeiro viaxe dentro do gremio.
Pouco queda para o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, e que mellor día para que as autoridades locais lle fagan unha máis que merecida homenaxe a esas mulleres que en moitos casos exerceron traballos exclusivos de homes, como Emilia Viñán, unha das primeiras taxistas galegas.
Imaxe de 1975 de Emilia Viñán no seu Dodge Dar (El Ideal Gallego) |
OTILIA JOSEFINA LÓPEZ NAYA
"...Onde van os nenos do Castro? Levounos o vento! Aquela curva era o mellor miradoiro para o camiño fondo da Cavaxe. E algo de vento ía, porque abaneaba a maleza cando se abriu pra o Inesquecíbel. Do túnel vexetal saía a Loura de Vilarrodís, co seu uniforme de capitá.
Viramos xa algún dos partidos dos martes de Entroido, entre solteiras e casadas, mais todas do lugar. Xogábanse nun campo a carón da Avenida, o do bar Parada, que era onde facía o alto a "Cucaracha" e outros coches de liña. Era un campo tan modesto, tan pedregoso, que todos os equipos xogaban a gañar. O club Relámpago decidiu facer un novo campo, con vestiarios e todo, e cando chegou o Entroido celebrouse cun encontro "internacional". E aí vén a Loura co seu equipo da outra bisbarra, de Arteixo.
A valmontes, quilómetros correndo, con camiseta e pantalón curto. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". E á fronte, como unha modelo do calendario Pirelli, como unha revolución óptica naquela época de loito téxtil, alí estaba a Loura de Vilarrodís. Estivera na emigración e, de volta, abriu un bar chamado Odette. Levaba o pelo ao estilo "garçonne", e no ar lembraba á actriz Brigitte Bardot. Mais non era unha cuestión de comparar. A Loura de Vilarrodís estaba alí. Era verosímil. Tanto que viñera brincando entre os fentos, para pasar do invisíbel ao visíbel no camiño da Cavaxe. Agora, no campo de xogo, sabía darlle ao balón con lume de biqueira. E o que era aínda máis difícil, facerlle fronte con garbo a aquela multitude afervoada, chegada de toda a comarca, e que emitía arias "di bravura" cada vez que as mozas de Elviña, Castro e Vilarrodís tocaban a esfera do mundo".
Fina López, nos anos 60 |
Así nos describe o escritor Manuel Rivas, daquela un rapaciño de doce anos, no capítulo XI titulado "O peso do mundo na cabeza" do seu exitoso libro autobiográfico "As voces baixas", aquel episodio da súa infancia no que quedara prendido da beleza de Otilia Josefina López Naya, máis coñecida por "Finita, a rubia de Vilarrodís", unha Finita que naquel partido xogado en Elviña, co que se pretendía reivindicar o Martes de Antroido como día festivo (entón non o era), erguería paixóns polo campo adiante coas súas guedellas loiras ao vento.
Sen pretendelo, Finita converteuse nun icono feminino dos anos sesenta. Foi a Sofía Loren de Arteixo ou como ben di Rivas na súa novela, a Brigitte Bardot da comarca, toda unha modelo do calendario Pirelli que, non hai moito, bromeaba co seu fillo Alex, co que tiven a sorte de xogar ao fútbol, e comigo mentres tomábamos un café decíndonos que..."caín en graza no país dos cegos, o torto é o rei".
Criárase na Coruña, na rúa Federico Tapia, e con 21 anos chega a Vilarrodís, lugar no que abre un local ao que chama Café Bar Odet, mais ninguén o coñecía polo seu nome...para todo o mundo era o bar da rubia..."antes montabas un bar e chamábante de todo menos bonita".
Caixa de mistos do Café Bar Odet |
O Vilarrodís feminino |
Cuarenta e cinco anos despois daquel partido xogado en Elviña que conmocionara á Coruña toda (recadáranse 41.000 pesetas das da época), aquel cativo de doce anos que quedara prendido da beleza de Finita, entraba na libraría de Arteixo "A lus do candil" para presentar o seu libro "As voces baixas". Si, falamos de Manolo Rivas que, ao fin, coñecía persoalmente á Loura de Vilarrodís, reencontro emotivo e espectacular argallado por libreiros, fillos de Finita e o que escribe.
Na libraría "A lus do candil", en decembro de 2013, na presentación da novela de Manolo Rivas "As voces baixas". No centro da imaxe, Fina López acompañada dos seus fillos. |
Lito no casamento do seu sobriño Luís |
Lito coa súa gaita |
A gaita de Lito |
MARIBEL OTERO, A ARTEIXÁ CAMPIONA DE ESPAÑA DE HÓCKEY SALA
Imaxe de Maribel Otero nos anos 50 |
No primeiro plano desa foto aparece unha moza da Baiuca de trece anos. Trátase de María Isabel Otero Iglesias, máis coñecida polo apelativo de Maribel, unha muller que, andando no tempo, convertiríase na primeira arteixá que conseguiu, formando parte do Santa Lucía da Coruña, un título estatal nun deses deportes minoritarios que pouco ou nada saen nos medios de comunicación e que berran ben alto que hai vida máis aló do fútbol!
Todo empezara oito anos despois de tomar aquela foto no monte da Penouqueira. Maribel era, por aquel entón, unha linda señorita de 21 primaveras que empezara a traballar en Isolux, a empresa na que permanecería ata a súa xubilación. A nosa protagonista tiña alí unha compañeira que xogaba ao hóckey, deporte que esta abandonaría por motivos familiares e, ao facelo, propúxolle a Maribel que ocupara o seu lugar no equipo..."na miña vida oira falar de tal deporte; e cantos momentos bos pasei grazas a él".
O hóckey herba tivera os seus inicios na Coruña nos anos 30 grazas a un grupo de mozas da burguesía herculina, capitaneado por Maruca Allones, que tiveran o empuxe e o apoio suficientes para formar en 1933 o primeiro equipo feminino da cidade coruñesa: o Ártabro Hóckey Club. A Guerra Civil acabaría coa aquela efervescencia do deporte do stick e non sería ata os anos 50 cando voltaría a rexurdir con forza grazas ao Saeta, un cadro herculino que tamén conseguiría títulos a nivel estatal en herba e sala, as dúas modalidades do hóckey. E xa nos 60 sería o Centro Cultural Deportivo Santa Lucía a entidade que mantivo en auxe esta disciplina, que precisamente sería o equipo ao que chegaría Maribel trala proposta da súa compañeira de traballo.
As casualidades da vida farían que alí, no Santa Lucía, se encontrase con Ana, unha amiga da infancia que era filla de Carlos del Río Troche e Laura Doldán Rivas, matrimonio que levara a administracción do Balneario de Arteixo desde finais da década dos corenta ata 1962, e tamén con Ana Pardo, unha rapaza de orixe arteixá xa que a súa avoa paterna e seu pai, que era curmán da nai de Maribel, vivían na capital do noso municipio. A parte de Ana del Río e Ana Pardo, outras xogadoras do Santa Lucía foron Elena, Marita Rey, Nela Souto (estas tres chegarían a ser internacionais), Mari Paca, Rosa Mari, Tita, Charo, Moncha Tilucha, Mucha, Daris, Fely, Fina, Lidia, Maru...unhas rapazas que naquela altura estiveron dirixidas por adestradores como Daniel Iglesias, Carlos Morán, José Luis Lago ou Chicho Faraldo, e que xogaban ao hóckey herba e ao hóckey sala..."con dous equipos de sala facíamos un de herba, pero iso sí, tiñamos que estar federadas nas dúas modalidades", lembrábame recentemente Maribel no café Barr de Arteixo, lugar onde por certo podedes ver esa foto de cando tiña 13 anos e tamén un cadro da súa autoría da Baiuca dos 50.
Maribel Otero, primeira pola dereita da fila inferior, e Ana del Río, segunda pola esquerda da superior, formando parte do Sta. Lucía de hóckey herba |
O Santa Lucía convertiríase, ata a irrupción nos anos 80 do Liceo, na primeira entidade deportiva da cidade da Coruña ao proclamarse campión de España de hóckey sala ata en cinco ocasións, éxitos acadados nas tempadas 1966/67; 67/68; 68/69; 70/71 e 71/72, ademais de ser subcampión na campaña 1969/70...un palmarés impresionante que, ao resto de equipos, lles resultaba incomprensible como o podían conseguir xa que só lle adicaban unhas horas de adestramento á semana e, por riba, nunhas instalacións pouco propicias como eran as dos colexios Eusebio da Guarda e Santa María del Mar.
les bonitos anos da súa xuventude nos que o equipo do que formaba parte xogaba... "con alegría e deportividade, e ademais pasámolo moi ben nas viaxes que realizamos por boa parte de España". Mais, a pesar de que sempre que falo con ela intenta restarlle trascendencia ao seu exitoso pasado co stick, o certo é que foi a primeira muller de Arteixo que conseguiu, formando parte daquel Centro Cultural Deportivo Santa Lucía hoxe desaparecido, un título estatal no mundo do deporte...foi a nosa primeira campiona!
FAUSTINO PAZOS, ALCALDE DE ARTEIXO ENTRE 1903 E 1910
ANTONIO SANJURJO, O ALEMÁN DO RAÑAL
Din que o medo nunca se esquece. No meu caso podo afirmalo con rotundidade porque aínda lembro, como se fora onte, a sensación que me producían os cangrexos, eses seres ermitáns de estraños ollos cos que tiña grandes pesadelos. Mais o medo que me causaba Antonio, Antonio o alemán, pouco ou nada tiña que ver co dos cangrexos. Non, él provocaba en min unha sensación de terror, de pánico… si, todo hai que dicilo, era un medo de cagarse polos pantalóns!
Antonio, coa División Azul ("El franquismo en Galicia") |
Antonio con algunhas veciñas do Rañal nos anos 70 |
Antonio na leira da súa casa nos anos 70 |
Imaxe dos anos 70 de Antonio Sanjurjo |
Imaxe recente de Antonio |
MANUEL LAGO PAZOS, "O TÍO LAGO DE CHAMÍN"
O "Arctic", barco embarrancado no Reiro en 1938 do que fala o Tío Lago de Chamín (O mar da Arteixo e os seus naufraxios) |
ENCARNACIÓN GONZÁLEZ MES
Alguén dixo que o facerse vellos é tan doloroso como irremediable. Que a xerontoloxía, a mellora alimentaria e o novo nivel de vida axuda a que vivamos máis anos e a que haxa en cada censo unha cifra maior de anciáns. En España hai xa máis de dous millóns e medio de persoas maiores de 65 anos e dise que imos camiño de pasar do tipo de "pobo mozo" ao de "pobo vello", equiparándonos con Francia ou Inglaterra. Isto carrexa problemas, mais non é este o lugar para consideralos.
Hoxe permitímonos tales disquisicións en función de unha noticia: Na comarca de Bergantiños -posiblemente a máis ampla e, sen dúbida, unha das máis fértiles da provincia da Coruña- viven os avós da devandita provincia. Concretamente na localidade de Arteixo ven discorrer os seus días -moitos días xa- dona Encarnación González Mes, máis que centenaria, e don Vicente Castro González, a punto de selo. Ambos merecen -a verdade, meréceno todo- unha entrevista. Fala primeiro a dama.
Encarnación González (El Ideal Gallego, 21.11.1973) |
"Os meus cen anos cumpridos"
-"O pasado 26 de setembro cumprín cen anos. Nacín aquí, en Arteixo. Son presidenta das Fillas de María desta localidade. Antes foino miña irmá- ¿Sabe?, meu irmán -Baldomero González Mes- foi alcalde de Arteixo e fixo moito polo pobo. ¿Ve vostede esta fotografía?, esta é a miña sobriña bisneta: ¡que guapiña!"
Si, lectores, dona Encarnación lévantase todos os días ás nove e media da mañá. Ten unha memoria prodixiosa. E...
- "Almorzo café con leite. Como normalmente, pero acompañando o xantar con gaseosa. Home, se procede un bo lacón con grelos... Vexo, vexo, pero moléstame a luz solar directa. Sempre que podo vou á misa e percorro o camiño ata a igrexa a pé: Algo máis de un quilómetro. ¿Viaxar? Só fun á Coruña, Ferrol e Guitiriz. Pódese viaxar coa imaxinación..."
Libros e cantos
-¿Qué le vostede, dona Encarnación?
-Libros relixiosos. O día da festa das Fillas de María non fallo. Elas veñen a miña casa e aquí, no comedor, ensaian os seus cantos, as súas obras de teatro... Eu acudo e observoas ¿Sabe?, da "tele" gústanme moito as cousas que din do Papa. Tamén me gusta cantar. e as muiñeiras. Eu bailei moi ben a xota nos meus tempos.
-¿Recorda a Guerra Civil de España?
-Ai, si. Tiñamos que ir a misa a Loureda, porque nos perseguían. ¿Sabe vostedes que nós iamos á Coruña en burra? E a Paiosaco, á feira. Eu recordo que aquí, en Arteixo, o compositor don Constantino arranxou cantos musicais para nós, as Fillas de María. Cantos relixiosos que entoamos na honra da Virxe. Ai, don Constantino compoñía cousas preciosas.
A Santa Compaña
Dona Encarnación é cariñosísima. Con todos. E moi cáustica:
-Non señor, nunca "lle" creín na Santa Compaña. Mire, os meus irmáns foron a América e a un deles collérono os indión patagóns, na Arxentina, e queimáronlle os pés. Fumos doce irmáns e un chegou a médico. ¿Enferma eu?, nunca. Bueno, recordo que unha vez de mociña tiven unha molestia de ril. E fun a tomar as augas a Guitiriz. E un médico amigo díxome: "Pero, muller, tes aquí en Arteixo, as mellores augas de Galicia e vaste a Guitiriz. Volve, muller, volve e toma estas". Así o fixen...e man de santo... ¿Sabe?, neste Nadal quero tomar compota, coma sempre. E turrón e coliflor. Din que o turrón está caro... Eu estou moi contenta con este párroco mozo. Oiu, sáqueme ben nos papeis, fillo...
-Adeus, dona Encarnación.
Avoa marabillosa...
EZEQUIEL PEREZ MONTES (El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973)
Foto de Martínez Sevilla
VICENTE CASTRO GONZÁLEZ
Alguén dixo que o facerse vellos é tan doloroso como irremediable. Que a xerontoloxía, a mellora alimentaria e o novo nivel de vida axuda a que vivamos máis anos e a que haxa en cada censo unha cifra maior de anciáns. En España hai xa máis de dous millóns e medio de persoas maiores de 65 anos e dise que imos camiño de pasar do tipo de "pobo mozo" ao de "pobo vello", equiparándonos con Francia ou Inglaterra. Isto carrexa problemas, mais non é este o lugar para consideralos.
Hoxe permitímonos tales disquisicións en función de unha noticia: Na comarca de Bergantiños -posiblemente a máis ampla e, sen dúbida, unha das máis fértiles da provincia da Coruña- viven os avós da devandita provincia. Concretamente na localidade de Arteixo ven discorrer os seus días -moitos días xa- dona Encarnación González Mes, máis que centenaria, e don Vicente Castro González, a punto de selo. Ambos merecen -a verdade, meréceno todo- unha entrevista.
EZEQUIEL PEREZ MONTES (El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973)
Foto de Martínez Sevilla
Quen non se lembra de 'Chanquete'? Refírome, como podedes imaxinar, ao vello mariñeiro da popular serie dos 80 Verano Azul que, xa xubilado, toca o acordeón no seu barco La Dorada, un escanastrado pesqueiro varado no alto dunha cima do pobo mediterráneo de Nerja. Pois ben, aínda que non o creades, no lugar da Esquipa, na parroquia de Monteagudo, tivemos o noso propio 'Chanquete'. Iso si, hai que aclarar que non vivía nun barco nin tocaba o acordeón. Non, non. O noso viviu durante un tempo nun autobús que tiña “varado” na Leira da Costa, próxima á canteira de Arias en Trambasaguas, e tocaba a gaita. Fálovos de Jesús Mañana Doldán, máis coñecido polo alcume de 'Chucho de Lantes'.
'Chucho de Lantes' coa súa gaita (Cortesía de Estrella Mañana) |
Nado en 1931 na Esquipa, o noso protagonista era o máis novo dos tres fillos de Jesús Mañana e Estrella Doldán e, ao igual que os seus irmáns Manuela e Eliseo, tivo que traballar dende moi cativo nas terras da casa botándolle unha man a seus pais, que eran dos grandes labradores da zona. De feito o señor Mañana foi, segundo nos contou a súa neta Estrella Mañana Moreno, o benfeitor que doou os bancos da igrexa de Monteagudo.
De moi noviño, 'Chuchiño de Lantes' escoitaba música tradicional con certa frecuencia, especialmente en Caión, na casa dun tío gaiteiro. Coa gaita sentiu de neno un amor a primeira vista e tirouse de cabeza. Mais a música non daba de comer e, á parte do duro traballo nas terras, tamén faría unhas pesetas coma barbeiro cortándolle o pelo, xa de mozo, aos veciños da contorna na casa de seus pais.
A súa filla Estrella recorda que... “meu pai tamén tocou nos 'Matines'. Disque os músicos desta formación eran de Carballo, da Laracha e de Arteixo. Daquela xa sabes, para facer baile nas aldeas desta zona e nos salóns da época, un tocaba a pandeireta, outro a gaita... Tamén, polo que teñen contado na casa, pola Noiteboa ou polo Nadal, papá tocaba a gaita na Esquipa e a xente ía detrás del. Era moi festixeiro de Nuestro Señor. Bueno, festixeiro e “chupinero”, que dicía que non se podía andar a pau seco”.
- Maruja, a ver muller, trae un chupito de algo que hai que mollar a palleta!
Chucho casa en Freón aos 24 anos e, ao pouco, abandona o fogar para embarcarse a Montevideo no “Monte Udala”, un buque que transportaba madeira e no que viaxaban ducias de galegos e galegas que fixeran a maleta da emigración na procura dunha mellor vida. Corría o ano 1955 e, despois de 33 días de navegación, chega á capital de Uruguai, onde o arteixán empeza a desenvolverse grazas a un matrimonio galego que xa coñecía de antes.
Chucho na época na que emigrou ao Uruguai (Cortesía de Estrella Mañan |
Ao pouco de establecerse en Montevideo monta unha barbería na calle Juan Paullier, un negocio que bautiza co seu concello de nacemento: 'Peluquería Arteixo'. Non tarda en facer clientela, moitos deles socios da Casa de Galicia, o lugar onde coñeceu a Alba Luz Moreno Santana, unha moza uruguaia de orixe vasca.
Imaxe da 'Peluquería Arteixo' que Chucho tivo en Montevideo (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto) |
En 1966, cando xa levaba máis dunha década no Uruguai gañando a vida na súa barbería, Chucho e Alba son pais dunha nena á que deciden poñerlle o nome da avoa paterna e da nai: Estrella Alba. Catro anos máis tarde, sobre o 70 ou 71, o emigrante da Esquipa cambia de actividade profesional. Deixa a tesoira e a navalla e monta un bar na rúa Ricardo Palma ao que lle chama “Bar Cielito”. Non foron poucas as bromas da clientela co nome do novo negocio:
-El dueño Jesús, la mujer Alba Luz, la hija Estrella y el bar Cielito… sólo falta la luna!
Traballar de taberneiro non é moco de pavo. É un oficio duro e hai que estar moitas horas agarrado á barra para rendabilizar o negocio, á parte de entender de sicoloxía e dárlle a cada cliente o trato e atención que merece. Segundo a súa filla Estrella, Chucho abofé que o conseguiu (falo do trato e de exercer de sicólogo) e dentro dese estado de suxestión, tamén ía conseguir que a súa modesta taberna fora, naquela altura, un dos lugares que cumpría perfectamente a súa labor de oficiosa embaixadora de galeguidade en Montevideo, tocando a gaita para a súa clientela case que todas as noites.
Imaxe do 'Bar Cielito' (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto |
Despois de 25 anos sen pisar a terriña, 'Chucho de Lantes' volta ao seu lugar de nacemento en 1979, cando morreu súa nai Estrella e a familia fixo a partilla dos bens. Naquela hora xa vendera o “Cielito”. A súa filla contounos que ao regresar a Montevideo… “o valor das pesetas ao cambio da moeda era unha barbaridade. Ti ías con algo de aquí e aló case eras millonario. Cando chegou de Galicia, dixo:
-Vou comprar o mesmo coche que ten o presidente!
E comprou un Chevrolet, da mesma cor que o que tiña Aparacio Méndez, o presidente de facto da República de Uruguai. Chucho era así! Un da Esquipa á altura do poder!
Outro dos caprichos que se permitiu cos cartos da herdanza foi un agasallo para a súa filla Estrella quen, remomerando aqueles tempos da súa adolescencia, recordaba que "o 79 foi o último ano meu de escola e papá dixérame que, se aprobaba todo no colexio, me levaba a coñecer todo o Uruguai… e levoume! Igual que aquí hai provincias, aló chámanlle departamentos. Hai 19 e anduvémolos todos, no Chevrolet “do presidente”. Naquela viaxe, na que tamén me levou a Punta del Este e a outras praias na que paraban os ricos, eu fun a súa princesiña.”
Estrella co Chevrolet de seu pai (Cortesía de Estrella Mañana) |
Chucho regresa definitivamente da emigración en 1985 acompañado da súa filla Estrella e, durante uns seis ou sete meses, viven na Esquipa, na casa onde el nacera, con Manuela, a súa irmá maior, e con Francisco e Mari Carmen, cuñado e sobriña do gaiteiro (Mari Carmen casaría ao pouco con Baldomero, o das Covadas de Sorrizo). Posteriormente, Chucho e Estrella establecerían o seu domicilio nun piso da Laracha antes de facer o propio nunha casa de Vilasuso, na parroquia de Torás, lugar no que viviron de aluguer durante catro anos. No medio desta vórtice de acontecementos, Estrella casara en 1986 con Eladio Varela, un mozo do Escurido (parroquia de Lendo), e súa nai Alba Luz abandonara Uruguai en 1988.
Uns meses despois da chegada a Galicia da nai dela, Eladio e Estrella deciden comprar unha casa no Escurido, lugar no que criarían a súa filla Susana e no que tamén residen Chucho e Alba Luz. Mais, o gaiteiro necesitaba o seu espazo para poder voar libremente, e foi aí cando decidiu levar un autobús para unha leira que tiña na Esquipa, a chamada “Leira da Costa”.
O AUTOBÚS
'Chucho de Lantes' era bo amigo, xa dende os tempos mozos, de Jesús, o empresario de Carballo propietario da empresa Autocares Rey Varela, con quen falara previamente da posibilidade de comprarlle un dos seus autobuses.
-O do bús foi unha tolemia de meu pai -comentounos Estrella. Trouxoo para a leira sobre o ano 1990. Fixo como Chanquete. A min maldita gracia me facía, pero en fin, el era como era. Ata meus cuñados se ofreceran a facerlle un fin de semana na leira como Dios manda pero nada, non houbo maneira. Recordo que o autobús xa o tiñan que dar de baixa e veu para aquí polo seu propio pé, circulando ata a leira. Despois sacáronlle as rodas e puxérono enriba duns tacos de madeira. Dentro, fixera unha división con cortinas. Nun lado era onde durmía e no outro montara unha peluquería. Íanlle os clientes de Monteagudo, os que xa tiña antes de emigrar ao Uruguai. Algunhas noites encendíao para poñerlle a calefacción. El alí era feliz. Ao Escurido viña igual, eh. Á nosa casa viña a comer e a lavar a roupa, pero no bus tiña a liberdade que precisaba. Dicía que alí podía tocar a gaita á hora que lle petaba sen molestar a ninguén e bromeaba con miña nai decíndolle que tamén podía levar as mozas que quixera! Na leira tamén tiña dúas bestas e unha máquina de mallar desas antigas que a saber de onde a trouxera!
Vista aérea da Leira da Costa, no lugar da Esquipa, e do autobús de Chucho (http://mapas.xunta.gal) |
Para afondar sobre a historia daquel autobús puxémonos en contacto co empresario Jesús Rey Varela, que nos atendeu amablemente rememorando os primeiros tempos da súa actividade profesional:
“Nos anos 70 eu levaba emigrantes a Suíza e á volta dunha viaxe parei en San Sebastián porque escoitara na radio que a Real Sociedad estaba adestrando no campo de Atocha. Cando cheguei ao estadio, senteime nas bancadas e empecei a falar cun fulano que estaba ao meu carón, e resulta que era Manolo Ramos, o chofer do autobús que levaba á Real Sociedad aos adestramentos, aquela Real Sociedad dos Arconada, Zamora, Satrústegui, López Ufarte… que non tardou en gañar as ligas 80/81 e 81/82. A empresa era Autocares Ramos. Seguín falando con Manolo, e mira ti por donde que lle acabei comprando o bús. Trouxéramo el ata aquí, ata A Laracha. Era un Avia con matrícula de San Sebastián con motor Perkins… Por aquí fixen servicio con el por Cerceda, A Silva, A Laracha… ata que o dín de baixa o día que foi para A Esquipa, para a leira do meu amigo Chucho”.
'Chucho de Lantes' faría vida naquel autobús durante case dous anos, ata que Manuel Vilanova, un curmán que residía na Coruña, o convenceu para que cuidara da casa e da granxa de porcos que tiña en Gomesende. O gaiteiro aceptou a proposta e botou uns 5 anos coidando dos animais. Alí tocaba a gaita a diario. Curiosamente, no Igrexario, aínda hai quen recorda de escoitar a súa música.
Na parte superior da imaxe vemos a Alba Luz e a Chucho. Na inferior, á súa neta Susana e a Oliva e Agosto, veciños de Vilasuso |
Con certa apariencia dos gauchos da Pampa, bigote “tipo Arrocet” e peiteado Anasagasti, Chucho non se perdía ningunha festa e romaría da bisbarra:
“Meu pai era moi divertido. Encántaballe botar bombas polas festas. Cada ano celebraba o día que marchara para Montevideo botando foguetes. Na realidade botaba bombas por calquera motivo. Era moi fogueteiro, abofé! Festas, bombas e gaita… iso era o seu!
Ás verbenas máis próximas desprazábase na súa Vespa, como aquel día que entrou na Cachada no campo da festa coa gaita ao ombro. Cun traxe castaño, garabata a xogo e un feixe de chapas nas lapelas, meteu a moto no 'bochinche' e díxolle a un dos rapaces da comisión:
- A ver ho, pónme unha cervexa que hai que mollar a palleta!
A súa besta particular, refírome a moto Vespa, tivo que deixala no cortello cando empezou a ter problemas de próstata porque xa non era quen de termar dela. Aquel home tan alegre foise rechumindo pouco a pouco, ata o punto de andar paseniño agarrado a unha bicicleta por mor da súa doenza. Preocupadas pola súa saúde, Estrella e Alba Luz convencérono para que residira con elas en Escurido, onde o noso protagonista faleceu en decembro de 2009.
Se vas pola Esquipa, ou incluso por Gomesende, e pechas os ollos durante uns segundos, é probable que aínda escoites o son da súa gaita dende o alén. E ollo! Se buscas o autobús, xerme daquela Real Sociedad imbatible, no que 'Chucho de Lantes' viviu durante un tempo e exerceu a nobre arte das tesoiras e da navalla ao vir de Montevideo, xa che advirto que pasou a mellor vida trala morte do gaiteiro. Aquel autobús de tanta historia acabouse convertendo en chatarra nas instalacións que a empresa 'Hierros Varela Urbieta' posúe no Polígono Industrial de Bértoa, en Carballo.
BALDOMERO
MOREIRAS, UN DOS BOS E XENEROSOS
Hoxe faleceu un dos bos e xenerosos. Foise o gran Baldomero Moreiras Vázquez. Dende este humilde espazo queremos transmitir as condolencias e amosar o noso máis sentido e sincero pésame á súa familia con esta humilde homenaxe.
De seguro que moitas e moitos de vós o recordades porque vos atendeu, coa súa habitual amabilidade e característica voz, nalgún momento no rexistro do Concello de Arteixo. Mais Baldomero, arteixán de boa cepa, tamén deixou unha gran pegada no mundo do fútbol, chegando a debutar no equipo filial do Deportivo.
Baldomero co Penouqueira nos anos 60 no Campo de Fornos, terreos que hoxe ocupa Inditex
Nado na Baiuca o 17 de novembro de 1942, Baldomero era fillo de Maximino Moreiras González, natural de Lestón-A Laracha, e de Manuela Vázquez Díaz, natural de Xuvia-Narón. Xunto a seus irmáns Manuel, Maximino e Avelino, pasou a súa infancia entre o recendo da panadería de seu pai e da tenda-estanco que a familia rexentaba na Baiuca; entre os recordos do Arteixo de antano de súas tías Encarnación e Dolores González Mes, irmás de súa avoa paterna Josefa que residían no mesmo domicilio no que se criaron os Moreiras Vázquez; e entre a alegría dos días de estío nos que pasaban horas e horas cos seus curmáns Julio e José María Mancebo e cos seus amigos do Arteixo daquel tempo.
Os meses do verán eran, para a rapazada arteixá daquela hora, o mellor do ano. Non había escola e gozaban de máis tempo para xogar. Os que tiñan leiras e vaca botaban unha man na casa mais, á caída da tarde, xuntábanse co resto de mozos no Balneario ou no campo do fútbol. Alí pasaban horas e horas falando das súas cousas e dándolle ao balón. O balón nunca faltaba porque estaban os veraneantes do recinto termal. Baldomero empezaría a demostrar as súas innatas condicións para a práctica do fútbol naqueles enfrontamentos no campo do Balneario, algún deles vestindo a camiseta do Penouqueira, o club da Baiuca que se constituíra de xeito oficial en 1954 e que xa viña xogando ocasionalmente como tal dende os anos trinta, despois de facelo anteriormente baixo a denominación de Club Alba.
Amosada a súa enorme valía, a finais da década dos cincuenta Baldomero Moreiras entra a formar parte das categorías inferiores do Deportivo da Coruña, permanecendo no equipo xuvenil ata a tempada 1959/60, que foi cando se produciu o seu debut na Serie A Rexional co plantel do Deportivo B, que tamén integraba o seu amigo da infancia Juan Antonio Salvadores ou, entre outros, Lariño, xogador que faríacarreira no Deportivo da Coruña, Sporting de Xixón, Valladolid e Ourense.
Futbolista de grande envergadura e dotado dunhas condicións físicas extraordinarias, naqueles días nos que o sistema habitual empregado pola maioría dos equipos era o 3-2-5, cando empezou a foguearse no filial deportivista Baldomero xogaba de xeito habitual na liña de tres defensiva, mais, andando no tempo, reconverteríase nun cotizado centrocampista.
Todo parecía indicar que o mozo da Baiuca ía camiño de converterse en xogador de categoría superior cando, unha inoportuna fractura, truncou de raíz a súa prometedora carreira deportiva, nunha altura na que, ademais, ía perder a seu pai, falecido o 30 de setembro de 1961, e a seu irmán Maximino, morto de accidente tan só 45 días despois da perda do seu proxenitor.
Desvinculado do Deportivo da Coruña, o arteixán ficha no Penouqueira, club co que gaña o campionato de Arteixo da tempada 1965/66. Ía ser precisamente nesta altura, en 1966, cando casa con Rosa María Mosquera, sobriña de Pitos, o popular futbolista e banqueiro, coa que tería catro fillas: Manuela, Rosa, Pilu e Marién.
Baldomero retiraríase do mundo do fútbol a principios dos anos setenta, cando xa un dos seus xeonllos lle impedía xogar, para dedicarse única e exclusivamente á súa familia e ao seu traballo no rexistro xeral e no negociado de estatística do Concello de Arteixo, onde xestionou o censo e o padrón ata que se xubilou no ano 2009.
Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran veciño que foi Baldomero Moreiras Vázquez.
D.E.P.
Unha gran deportista pioneira dunha modalidade deportiva descoñecida por moita xente. A súa historia debería figurar na sección de deportes xunto cos grandes deportistas deste Concello. A curiosidade é que ademáis dos éxitos alcanzados non creo que en Arteixo haxa outra rapaza que se dedique á práctica desde deporte. Unha aperta Maribel!!
ResponderEliminarGrazas.
ResponderEliminarEsto foi grazas a ti, empezaches compoñendo que o cantabamos na taberna A Baiuca "Subindo pra A Baiuca, no camiño da Serreira, atopei unha rapaza, que xogaba o hockey herba"-. Nadie sabia de quen se trataba jajaja
E mira ti en que terminou todo esto. Bueno quedou simpatico o
tema.Bicos Maribel O.
Grazas Nando, polos bos momentos que nos fixeches pasar na Baiuca (e por esa composición) e grazas, moitas grazas Maribel, por compartir con nós as lembranzas da túa xuventude e os éxitos acadados no mundo do deporte. Agardo que algún día o Concello de Arteixo teña a ben facerche a homenaxe que mereces por ser a primeirá arteixá que foi, formando parte daquel equipo do Santa Lucía, campiona estatal. Bicos!
ResponderEliminarUFF nos vos pasedes.
ResponderEliminarAs miñas compañeiras de equipo enteradas, estan contentisimas por ver que en Arteixo hay xente que sabe o que he o exforzo personal e mais naqueles tempos que para nos era diversion pero a hora da verdade habia que dar o "callo" mellor dito o lombo mais as internacionales que heran as mellores xogadoras eran as que recibian os paos no lombo porque non podian chegarlle o estik. Bicos
Hola, soy Daniel Ignacio Vàzquez Pando, vivo en la Argentina y desearìa saber sì alguien conoce familiares de mi abuelo paterno. Manuel Vàzquez, oriundo de Arteijo hoy Arteixo.hijo de Josè Vàzquez y Francisca Castiñeiras, su primo Vàzquez Castiñeìras fuè Embajador y Vice Canciller. Mucho agradecerè las informaciones que puedan aportarme. Correo electrònico: chacraelretorno@gmail.com o wa / celular 1133162179
ResponderEliminar