Con este percurso, que iniciamos dos lindes co Concello da Laracha até os lindes do da Coruña, prténdese dignificar os principais topónimos do litoral de Arteixo, reflectíndoos neste blogue para tentar, con este pequeno gran de area, contribuir a que nomes como Alba, Areal Pequeno, Area da Salsa ou Reiro, topónimos utilizados polas persoas de idade durante toda a súa vida, non desaparezan.
Principiamos esta viaxe pola parroquia de San Pedro de Sorrizo, na Enseada de Lourido, que se estende entre a Ponta da Atalaia (lugar onde os mariñeiros de Caión controlaban a pasaxe das baleas) e a Ponta da Torre. Esta enseada abranxe o regato de Augacai (que é o lugar que deslinda o Concello da Laracha co de Arteixo), Folgueiro, O Rego do Xunco, O Porto do Seixelo, As Carredosas e Valos Vellos. Continuamos por esta parroquia facendo o traxecto que vai da Ponta da Torre ao Porto de Sorrizo, onde encontramos os seguintes lugares: O Teirón, Regoxido, A Ponta da Fontenla, A Ponta das Mariñas, A Pedra da Muller, A Galleta, A Pedra do Corvo, Os Campelos (de dentro e de fora) e O Porto. Entre o Porto de Sorrizo e A Ponta (ou Pedra) Alta, lugar que divide as parroquias de Sorrizo e Chamín temos: O Porto dos cabalos, A Ouriceira, O Porto da Bendición, tamén chamado Salseadoiro das Bestas, A Vixiadoira; A Pedra Redonda e a citada Ponta Alta, que é onde finaliza o trozo de costa de Sorrizo. A pequena enseada que vai dos Campelos até A Pedra Redonda, chámase As Lobas.
Continuamos o percurso por Chamín, na Praia do Reiro (onde de vez en cando o mar pon ao descuberto os restos do bou belga "Artic", embarrancado neste areal en 1938) tamén chamada Santa Irene.
Frente a desembocadura do Río Boedo, que separa as parroquias de Chamín e Barrañán, están situadas as Pedras do Esteiro ou Pedras do Río e xa a seguir, estamos no Areal de Barrañán, enfrente do cal encontramos A Pedra da Salsa, A Pedra de Guimarán e case no final da praia e mar adentro, está a Pedra Chan de Barrañán. O litoral desta parroquia acaba na praia nudista de Combouzas.
Deixamos Barrañán e entramos na parroquia de Arteixo, onde temos pola zona de Valcovo: A Ponta do Compás, A Furna do Galo (a lenda conta que nesta furna se botou un galo e que saiu no lugar do Galo, na parroquia de Barrañán), A Area Grande (onde está o parque de campismo), O Petón de Martís, a caliña da Area Pequena, O Trebón, A Pedra Negra, O Seixo, A Furna dos Corvos, A Escada, A Furna do Canteiro e O Petón, que é o monte que fica a carón dos illotes da Corveira, A Galdrana e A Pedra da Herba. No lugar de Figueiroa están O areal da Arbosa, O Petón de Bernardo, O Areal de Repibelo e A Santa Baia, que é a caliña que hai entre Repibelo e a Area da Salsa, praia que xa está no Rañal (Bernardo era un señor de Figueiroa que casara na Laracha, na parroquia de Soandres, no lugar de Santa Baia. No verán acompañaba a súa dona a darse baños nas pozas do lugar que, dende fai máis dun século, leva o nome de Santa Baia). Continuando por este lugar, polo Rañal, temos As Baleas, A Furna das Pombas (onde recolle a auga do mar o viveiro do Rañal), o illote da Travesa (frente á Furna das Pombas), O Carreiro, O Pocete, A Meda, A Conchuda, A Bogueira (onde embarrancou en 1984 o dique "Príncipe Bernardo"), o illote do Castelo (frente A Bogueira), O Pichón da Bogueira (sobre o que está o enorme telescopio), as Aguieiras, a Ermida, A Ponta do Paiolo, as Pedras do Aguillón (na desembocadura do Río Bolaños), o Areal Pequeno, o Areal de Alba e A Pedra do Xiro, que é a que divide os areais de Alba e Sabón e tamén, as parroquias de Arteixo e Oseiro.
Na parroquia de Oseiro, despois da Praia de Sabón, atravesamos pola ponte de madeira que hai na desembocadura das augas do encoro do Roxedoiro (antes da construcción do Polígono aquí morrían as augas do Río Seixedo), e temos o a Constanza, unha zona na cal se formou un areal en consecuencia das mudanzas das correntes que houbo, por causa das obras en Ponta Langosteira. Euxenio Carré recolle en "Geografía del Reino de Galicia" a orixe deste topónimo e dí: "en las playas inmediatas se dice hay la llamada Pena da Constanza, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas". Estamos xa no lugar de Rañobre e a partir de aquí, os topónimos que se enumeran a continuación forman, infelizmente, parte do pasado xa que coas obras do Porto Exterior desapareceron: O Pozo dos Cans (estaba na entrada da Bocatoma), Os Pelouros, As Galiñas, O Cabalo, O Pozote (formaba unha enseada cativa onde abundaban as nécoras e os camaróns), O Pontal da Ribeira, O Plato, A Madoira, A Ponta da Sartaña, Os Pasos de diante da Sartaña, A Sartaña, Os Ceixos, O Cu Cagado (hai fontes que indican que era O Cun), A Ponta da Trabe, O Vapor, As Eixadas, O Ollol (algunhas persoas chamábanlle O Llol), O pé do Muiño e A Besta, que era a zona aproximada por onde se dividían as parroquias de Oseiro e Suevos.
A seguir estaban: O Xancán, os illotes da Travesa e A Percebeira, O Canal do Lobo, Os Cambóns, As Negras, As Lobas, A Furna das Corveiras, A Furna do Ruibo, o Cabo Cociñadoiro (do Cociñadoiro ao Canal do Lobo, o litoral facía unha enseada, que se chamaba A Becha), A Ponta de Muros, A Poza, A Altiña, A Ponta dos Corvos, A Ponta do Asno e por último A Furna do Asno, lugares todos eles que xa son historia, como resultado da construcción do novo porto. Continuando o percurso polo litoral da parroquia de Suevos e mesmo atrás do dique de abrigo do Porto Exterior de Ponta Langosteira, está A Vixiadoira, O Gato Fero (que fai unha pequena enseada), A Redonda da Pariñeira, A Pariñeira, a furna da Fonte de Campos, O Armón, Os Curros, As Atalaias, A Ponta do Salto, A Malveira, A Ponta Langosteira, O Areal Do Cerro, A Ponta do Cerro, A Furna das Antas, A Pedra da Posta, A Faxarda, A Boleira das Antas, O Boi, O Porto de Suevos, a praia da Area do Porto, O Puntido (onde hai un castro), A Furna da Artesa, a praia da Area Grande, Os Coíños, a furna dos Goíños, As Gralleiras (onde está a "Cheirona"), O areal de Auga Doce, A Furna da Gudela, A Ponta da Rabina, os illotes da Gaianda (onde embarrancou o vapor alemán Trier en 1902) e a Furna do Triel, que é onde finaliza a parroquia de Suevos.
Este percurso polo litoral de Arteixo acaba na parroquia de Pastoriza, onde temos O Regueiro e a Ponta da Moa, que é o lugar que deslinda o concello arteixán do da Coruña.
Toponimia marítima de Arteixo
IMAXES E HISTORIAS DOS DIFERENTES TOPÓNIMOS DO LITORAL DE ARTEIXO:
AREA DA SALSA (RAÑAL)
Principio este percorrido pola toponimia do litoral de Arteixo na praia da Area da Salsa, un dos areais máis fermosos do noso concello e no que habitualmente ondea a bandeira azul. Dende hai uns anos, pouco ou nada se respeta a súa denominación orixinal pois nomes como Repibelo (que en realidade é a seguinte praia dirección a Valcovo), Repi (deminutivo do anterior) ou La Cueva, que é como lle chaman algúns surfistas, están usurpando este topónimo.
O escritor arteixán Antón Castro (Lañas, 1959) menciona a Area da Salsa en varios dos seus traballos, mais quero compartir con vós a lenda que escribe no seu libro "Vida e morte das baleas":
"Rocha dos amantes da praia da Area da Salsa onde antano as parellas casadas e sen fillos, con arelas de telos, ían amarse á noitiña, mentres o aire se acendía de salaios e marmurios. Consumado o acto amoroso, de seguida acudían a bañarse. Dalí a pouco obraba o feitizo mariño e a muller quedaba preñada"
A FURNA DO TRIEL (SUEVOS)
Capital da antiga rexión do Paletinado, na actualidade Renania-Paletinado (Rheinland-Pfalz en alemán), e do viño de Mosela, a cidade de Tréveris (Trier no idioma teutón) conserva, do seu pasado esplendor en épocas do imperio romano fundamentalmente tres monumentos: a Porta Negra, as Termas e o Anfiteatro.
A partir de 1818 hai que engadirlle un cuarto "monumento" a Tréveris: o nacemento na cidade de Karl Marx, profeta do materialismo, que tamén cursaría, na urbe da que estamos a falar, os estudios propios dun cativo da alta clase media.
É en Tréveris onde, por mor dun longo encadeamento de fatalidades, catorce séculos antes de que nacera Marx, foi morrer un extraordinario mozo galego chamado Prisciliano, ao que acusaran falsamente de herexía e de crimes sexuais.
Chegados a este punto, seguro que vos preguntaredes que ten que ver Tréveris (insisto, Trier en alemán) coa toponimia de Arteixo. Pois ben, en xullo de 1902 o vapor alemán Trier, que zarpara de Bremen para facer singradura cara á Habana e Veracruz, embarrancaba nos illotes da Gaianda de Suevos, lugar ao que acudirían varios remolcadores para tratar de sacar ao navío das rochas nas que quedara encaixado. Mais non houbera maneira. Fixérase de todo para retiralo do seu "niño" (tedes toda a información no libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios): descargar parte das mercadorías en gabarras para alixeirar o peso do buque; outros xéneros, coas presas, eran tirados ao mar que, logo, as correntes deixaban nunha furna próxima, que viña sendo a furna da que estamos a falar e que hoxe é coñecida con nome do Triel (co lóxico variante, por mor do paso dos anos, do "r" polo "l"); dinamitar as rochas...mais nada axudaría e o Trier, finalmente, sairía da Gaianda en anacos.
Ás 12 da mañá do 12 de setembro de 1902, o Trier poñíase en leilán polo consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbao, Cádiz e Vigo, mais o vapor adxudicaríase, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas, un Teijeiro que poucos días despois principiaba o desmantelamento do Trier.
A ERMIDA (RAÑAL)
Até hai ben pouco tempo, o golfe (as algas que o mar deixa nas beiras dos areais) era utilizado polos veciños da contorna para abonar as leiras. Era como un agasallo caído do ceo. Mais a recollida era unha tarefa dura e, de cando en vez, perigosa. Dependendo das mareas, ás veces había que madrugar moito para acadar os mellores lugares de carga, polo que había que amañar ás presas o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Cando o carro estaba cheo, levábase ás leiras e, unha vez alí, aquel ouro verde e amarelo había que esparexelo ben na terra.
A Ermida
Nun caixón do moble aparador que Kiko de Pichel e Maruja de Bastón (o matrimonio, xa falecidos, que vivía a carón da miña casa) tiñan no comedor do seu domicilio, Kiko gardaba coma un tesouro unha folla dun antigo xornal herculino con data de 22 de novembro de 1929 onde saía a morte da súa nai. O contido daquel tesouro era o seguinte:
...Emilia, naquel novembro do ano 29, recollía no golfe na Ermida para abonar as terras onde, no mes de nadal, había que prantar as patacas de cedo.
A Ermida e A Aguieira
AUGACAI (SORRIZO)
O rego de Augacai divide Sorrizo de Xermaña (Caión), é dicir, o concello de Arteixo do da Laracha. Tamén se lle chama Rego de Alvite. Desemboca na enseada do Lourido, tramo donde hai os restos dun muiño e no que o rego forma unha pequena fervenza.
O PAIOLO (RAÑAL)
Fernando Cabeza Quiles, auténtico erudito sobre a toponimia galega di, nun dos seus traballos, o seguinte sobre o que pode ser a orixe do nomo Paiolo:
"...Paio ou Pei, foi nun principio Pelagio, nome persoal derivado da voz grega pélagos, "mar", polo que o antropónimo Pelagio tería nun principio o significado de "mariñeiro, mariño, home de mar". Este oficio tería sido exercido polos primeiros individuos chamados Pelagio, nome de persoa abundantísimo na época medieval, que se espallou a partir do martirio do neno tudense Pelagio, ocorrido a comezos do século X, cando o tal Pelagio, logo de sufrir suplicio, converteuse en San Paio (en castelán San Pelayo) e o seu nome, poloa difusión do seu culto, fíxose moi común na onomástica
A Punta do Paiolo |
Así pois, Cabeza Quiles di que o que agora é Paiolo antes era "Pelagio", que supostamente tería nun principio o significado de "mariñeiro, mariño ou home de mar"...e un home de mar, Xosé Iglesias, deleitounos no Paiolo coa súa poesía chea de salitre durante o transcurso do roteiro poético-literario polo litoral de Arteixo, celebrado o pasado 9 de agosto e que organizaron conxuntamente a Asociación Cultural Monte da Estrela e o Colectivo Literario In Nave Civitas.
O poeta do mar, Xosé Iglesias, recitando un dos seus poemas no Paiolo no roteiro poético literario pola costa de Arteixo, celebrado o pasado 9 de agosto |
FONTES:
-Fernando Cabeza Quiles
SANTA BAIA (RAÑAL)
A Santa Baia é unha caliña que hai entre a Area da Salsa e Repibelo, na parroquia de Santiago de Arteixo, na que tamen podemos ver unha furna que, ao longo dos anos, os elementos mariños se encargaron de ir esburacando.
Este pequeno areal debe o seu nome a que un señor de Figueiroa -un tal Bernardo- que casara no lugar de Santa Baia, parroquia de Soandres, A Laracha, acompañaba á súa dona no verán a darse os baños nesta caliña que, dende hai máis dun século, é coñecida como a Santa Baia.
Conto oceánico ben fermoso, abofé!
Areal de Santa Baia |
Areal de Santa Baia |
Furna de Santa Baia |
Furna de Santa Baia |
Unha praia moi fermosa e abrigada pra ir cando fai moito vento
ResponderEliminarFantástica información de los lugares,que hoy en día se va deformando por algunos.
ResponderEliminar